Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta gráfico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta gráfico. Amosar todas as publicacións

martes, 4 de febreiro de 2025

Dous gráficos no plenario de Queremos Galego!

O pasado 31/01/2025 celebrouse no MOME da Estrada o plenario de Queremos Galego! no que se abordou a organización da manifestación do vindeiro 23 de febreiro en Santiago ante a actual situación de emerxencia lingüística. 

No encontro, entre varias reflexións e testemuños, cabe destacar un par de gráficas que se proxectaron e que se explican sen máis comentarios. Velaquí as deixo. A primeira consiste nunha foto fixa, a da lingua habitual no ano 2023. Os datos son do IGE. Cómpre fixarse en que na horizontal distribúense as idades en orde inversa, de máis vellos (á esquerda) a máis novos (á dereita), o que nos dá idea da involución do uso do galego


A segunda gráfica, tamén con datos do IGE, mostra datos do descoñecemento do galego entre os máis novos no transcurso dos últimos 20 anos. Obsérvase como neste período o descoñecemento duplicouse. O factor principal é o decreto de prohibición de uso do galego no ensino. Só un radical pode poñelo en dúbida.



domingo, 22 de decembro de 2024

Informe da RAG sobre os datos do IGE ou os asasinos da aprendizaxe do galego

 Hai un documento da RAG, elaborado polo Seminario de Sociolingüística, que tivo pouca difusión pero que habería que ter moi presente. Trátase do "Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023" que analiza a vitalidade do idioma galego a partir dos datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística en 2023. Achéganse aquí as cifras máis relevantes e discútense os aspectos máis salientables. Ofrécese como un instrumento necesario para o diagnóstico da situación social do galego e a avaliación das políticas lingüísticas das últimas décadas

A panorámica presentada apunta á necesidade de poñer en marcha, de forma urxente, políticas eficaces que revertan a situación de devalo do idioma de noso.

Este documento considérase esencial na análise da situación de emerxencia e está dirixido á socieda de galega e dun xeito particular ás institucións con maior responsabilidade sobre o idioma, comezando polo Goberno galego.

O Informe é moi fácil de ler. Contén moitos gráficos, elaborados a partir dos datos ofrecidos polo IGE. Veñen con breves explicacións sobre o seu contido. Recollo tres deles, todos referidos á situación da lingua entre os máis novos. O primeiro recolle a capacidade para falar galego da poboación de 5 a 14 anos. 2003-2023 


O segundo gráfico trata sobre a capacidade para escribir en galego da poboación de 5 a 14 anos. 2003-2023 (%)


O último é consecuencia case directa dos anteriores, e todos son un corolario da implantación do decreto 79/2020, de prohibición do uso do galego no ensino non universitario. Nel reflíctese a evolución entre o 2003 e o 2023 da lingua habitual da poboación de 5 a 14 anos. 


Comprobamos no gráfico como o galego fica esmagado polo castelán. Non se trata dunha evolución natural, senón da implicación lóxica da exclusión dos máis novos dun ambiente galegófono. A prohibición de ensino esencialmente en galego é o culpable deste desastre. 
E os culpables teñen nome e apelidos: Alberto Núñez Feijóo, Jesús Vázquez, Anxo Lorenzo, Valentín García, Román Rodríguez, Alfonso Rueda, José López,...
A súa estratexia actual xira arredor dun pretendido "Pacto pola lingua". Polo enxergado ata o día de hoxe debería chamarse "Pacto polo asesinato da lingua". Os responsables da mala situación sociolingüística do galego non están dispostos a cambiar de política porque non están dispostos a cambiar de obxectivo. José López xa declarou que van seguir mantendo o decreto, en todo caso só está disposto a facer cambios cosméticos. Que importa que fagamos un cambio de cromos entre as materias expulsadas do ensino en galego? Que importa que agora sexan as Matemáticas e a Tecnoloxía e mañá a as Ciencias do Medio? Mentres non se aborde un cambio substancial no ensino, establecendo obxectivos claros, co galego como lingua de aprendizaxe en todas as materias, estaremos avanzando cara o precicipicio.

venres, 8 de outubro de 2021

Un extracto do mapa da lingua escolar en Ames

A Academia Galega e o Concello de Ames veñen de publicar un estudo sobre o estado da lingua no ámbito escolar nese concello. A principal conclusión é que o acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia. 
Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolinguística da RAG afirma que

[a escola] É hostil, non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”  
Non é por sinalar, pero é imposible non ver aquí os efectos do funesto decreto 79/2010 de exclusión do galego no ensino non universitario, difundido goebbelainamente como "de plurilingüismo".
Vou recoller unicamente un extracto do Mapa escolar de Ames, e como a min me gustan as gráficas, vouno ilustrar/traducir cunha gráfica que mostra como o sistema escolar vai reducindo o uso do galego ata practicamente a irrelevancia. 

Velaquí o extracto da páxina 295 que explica o gráfico anterior:
O indicador de uso do galego nos escolares amesáns no primeiro ciclo de Infantil é dun 32,4%; coa entrada no segundo ciclo de Infantil a presenza do gale-go redúcese a un 21,1%; a dinámica continúa na mesma dirección coa entrada en Primaria (15,6%); esta tendencia estabilízase no segundo e terceiro ciclo de Primaria (13,6% e 14,6% respectivamente), e volve a poñerse en funcionamento coa entrada na Secundaria (11,4%). De aí a transcendencia para o comportamento lingüístico destes momentos e o tipo de adaptación á situación que se faga neles.
O resultado destas tendencias é que os e as galegofalantes acaban adoptando maioritariamente o castelán para relacionarse cos seus pares, mesmo no caso de que manteñan o galego coa familia. Emporiso, estas condutas, prolongadas no tempo, poden rematar por provocar un abandono xeral das prácticas en galego mesmo no interior do núcleo familiar. Así e todo, esas prácticas lingüísticas non son irreversibles, pola contra, son susceptibles de ser revertidas noutro momento biográfico. A maiores, comprobouse a existencia de factores protectores relacionados coa xestión lingüística familiar, coas características cognitivas, emocionais, cognitivas e lingüísticas do alumnado, coa política lingüística do centro educativo ou co contexto sociolingüístico próximo. 

luns, 28 de outubro de 2019

Exemplo práctico de como funciona a pax lingüística



Este, xunto con este outro divulgando as mentiras habituais do conselleiro do ramo, foron os únicos momentos nos que a TVG tratou a enquisa do IGE sobre coñecemento e uso do galego. Nun principio poderiamos pensar ben do vídeo pois traslada fielmente algúns dos datos da enquisa. Pero por outra banda hai cousas que renxen, sobre todo, tendo en conta que é a única xanela que a TVG abriu á reflexión sobre o tema do estado actual da lingua galega.

Eu son de Ribeira. Cando estaba no insituto a profesora de galego preguntáranos cantos falabamos en galego. Eramos 4 (de 40). Felicitáranos polo resultado porque era mellor que o doutras clases.
Ademais, o que me di a miña orella sobre o uso do galego no Barbanza non concorda nada cos datos que parecen desprenderse do IGE (un aumento dun 10,4% ou un uso preferente do galego de case un 90%)
Non entendo esta discrepancia entre o que percibo e os datos do IGE. Quizais a explicación estea en que o ítem que se mide "persoas que falan en galego/máis en galego" é demasiado basto e demasiado vasto. De ser isto certo, ese incremento do que trata o vídeo nin é relevante nin reflicte ningún aspecto da realidade sociolingüística da comarca de Barbanza-Noia. En todo caso, se miramos os datos do IGE sobre a evolución da porcentaxe de persoas que falan habitualmente en galego/máis galego nas diversas áreas xeográficas no período do que fala o vídeo,2008-2018, vemos o seguinte:





Isto é, que o audiovisual está construído sobre "o caso raro", e aínda que se avisa dalgún xeito que isto é así, a impresión xeral é que o galego goza de boa saúde e que, polo tanto a política lingüística que se está a desenvolver é a correcta. O que non me gusta é que se oculte a tendencia xeral dos datos, ou que non se divulguen nin se fagan vídeos tratando outros aspectos como o uso do galego segundo a idade que demostran que é precisamente o goberno galego quen anda poñendo paus nas rodas da bicicleta da normalización. En conclusión, o que non me gusta do vídeo son os vídeos que non se fixeron.
Só unha nota final. Non quixera que dese a impresión que me "gustan" os datos negativos sobre a lingua. Na anterior enquisa do IGE (2013) os datos eran, en certo sentido, moito peores, tanto que podían levar ao desánimo. No IGE 2018 vemos un freo do descenso do galego, isto é, que hai resistencia, e que hai que saber potenciala e aproveitala. Desafortunadamente o que nos indican as mensaxes emitidas desde a Xunta e amplificadas pola TVG, vai en sentido contrario. Concretamente, non se lle vai prestar atención ao 25% da infancia que non saben falar en galego e manteranse as prohibicións para o uso do galego nas primeiras etapas educativas; non se tomará ningunha medida efectiva para desbloquear a tendencia uniformizadora das cidades, pola contra, ben vimos que o presunto Plan de dinamización do galego no tecido económico, por poñer un exemplo, foi só papel mollado, e o que é peor, non se espera ningunha outra medida que non sexa o mantemento do español como lingua do mundo empresarial, medida mil veces exemplificada pola traizón, mil veces repetida, por conselleiros e presidente da Xunta no actos públicos con empresarios. Con estes exemplos, didácticamente repetidos na TVG nos telexornais, como cabe esperar outra cousa que a quebra na transmisión interxeneracional? Aínda máis, a Xunta non pon medios para paliar esta quebra, sendo o garante da castelanización do ensino, cando calquera que saiba as catro primeiras leccións da normalización sabe que cómpre unha medida profunda e mantida no tempo, de inmersión lingüística a través da escola como punto de amarre necesario, aínda que non suficiente, para comenzar unha reversión do declive do galego.
Desafortunadamente a Xunta blinda a prensa en español con xenerosas subvencións, mentras que os medios que apostan pola nosa lingua teñen que facer fronte a esta desventaxa competitiva. A Xunta actúa contra unha maioría da poboación que clama por unha maior cantidade de contidos en galego.
Ata tal punto chega a reacción da Xunta en política lingüística, que antes de afrontar a realidade con propostas e medidas normalizadoras, prefire poñer vendas no ollos e mentir descaradamente. Tal é o caso da penosa situación do galego na internet.  Como a situación é tan mala, inventan datos positivos para xustificar que non teñen previsto facer nada, nin este ámbito, nin noutros, que supoñan favorecer o uso do galego.
A conclusión é que a política lingüística que estamos a sufrir está orientada cara a redución, e non cara a normalización da lingua galega. Para que toda esta desfeita poida levarse a cabo, cómpre manter un relato que oculte e susbtitúa a realidade. Ese é o relato da pax lingüística, un relato burdo e mentireiro. "Aquí non pasa nada", "non hai conflito lingüístico", aínda máis, "o galego é a lingua da ciencia".
Tanto o vídeo que presento nesta entrada, como en xeral, a información que nos ofrecen os medios (normalmente en español) sobre a situación actual da lingua galega, forman parte desa gran farsa, a pax lingüística.

luns, 7 de outubro de 2019

Como mentir coas estatísticas do galego.2

Seguimos co estudo da manipulación que fai a Xunta dos datos obtidos polo Institituto Galego de Estatística (IGE) sobre o estado da lingua galega e seguimos tamén co mesmo cartel.

Ámbito laboral
Nesta ocasión botarémoslle un ollo aos datos marcados e que fan referencia a dúas grandes áreas do estudo do IGE, as correspondentes ao ámbito social e laboral. Con respecto ao segundo grupo recóllense dous datos neste cartel, un incremento de +3,11% na lingua empregada cos superiores e outro +2,29% na utilizada cos clientes. O que non se di é que estas cifras obtivéronse de sumar os ítems "en galego sempre" con "máis en galego ca castelán" polo que no anunciado incremento de uso do galego, vai incluída unha parte que podemos atribuir á outra lingua. En todo caso, para obter estes resultados houbo que facer sumas de porcentaxes moi pequenas. Sacar conclusións triunfalistas disto é polo menos aventurado. Veremos a razón.
Para facer unha enquisa cómpre escoller unha mostra. Os datos obtidos son os resultados da mostra, non os da poboación. Así e todo, se somos prudentes, podemos tirar determinadas conclusións sobre esta última. Esa prudencia consiste en ter sempre presente que os valores que ofrecemos non son exactos; poden estar sometidos determinados erros. A ventaxa, neste caso, é que o estudo do IGE pode abarcar unha mostra enorme, duns 23.000 individuos, polo que o erro para datos de toda a poboación galega nunca debería superar, con bastante seguridade, 土 0,65%. Velaí que o máis prudente sería consignar que nos últimos cinco anos houbo un estancamento na situación, sobre todo se acompañamos dunha visión máis ampla.
No ámbito laboral o IGE ofrece tamén resultados sobre a lingua usada cos compañeiros e cos empregados. En todos os casos vemos un panorama con porcentaxes moi semellantes para 2013 e 2018. Que sentido ten buscar cifras irreais e descontextualizadas?

Ámbito social
Quédanos aínda un valor por comentar, ese +2,71% na epígrafe "con comerciantes". Aquí si, a cifra é correcta e fai referencia á evolución do ítem"en galego sempre". Nesta ocasión non se lle sumou a correspondente diferenza ao ítem "máis en galego ca castelán", posiblemente porque aquí houbo unha pequena redución de -0,38%. Polo tanto, se tivesen a honestidade de colocar sempre a mesma cifra, no canto dun +2,71 deberían ter posto +2,33. Unha forma ben miserable de manchar as mans. Total, por unhas décimas. A prepotencia é o que ten.
Outra vez non se dan as outras cifras do ámbito social: na relación cos amigos, o médico, a banca ou a Administración os resultados do 2018 prácticamente repiten os do 2013. Tamén se oculta a variación máis grande de todo o ámbito social e que se dá na lingua con que se fala cos profesores dos fillos. Neste caso os que só usan o castelán aumentan nun +4,02%. Ben curioso a Xunta oculte  o maior de todos os incrementos.
Ficou claro. A Xunta mente. Ademais no tema da lingua faino decote. Ten que ofrecer unha visión triunfalista e deturpada da situación da lingua para xustificar unha atroz política lingüística.
Se somos serios e honrados non creo que de todos estes datos se poida extraer outra conclusión de que o declive do galego freouse nestes dous ámbitos durante estes últimos cinco anos. Isto lévanos a enxergar que hai unha masa social resistente que está disposta a apostas pola nosa lingua. Xa que logo, debemos aproveitala. Outra lección que sacamos destes datos é o fracaso de todos eses agoreiros da morte inmediata do galego.
Agora ben, o retrato xeral non é bo. Nos ámbitos social e laboral houbo dun decrecemento de uso do galego de entre un 11% e un 13% no transcurso dos últimos 15 anos. Se abrimos o foco, o panorama neste intervalo é como o do seguinte gráfico, co galego (liñas azuis) en descenso e o castelán (liñas vermellas) superando ás azuis.




Continuará.

venres, 4 de outubro de 2019

Como mentir coas estatísticas do galego. 1

O escritor norteamericano Darrel Huff publicou no ano 1954 un libro de éxito, How to Lie with Statistics (Como mentir con estatíticas) no que debullaba como manipular as estatísticas para "causar sensación, deformar, confundir e simplificar inxustificadamente". Así Huff daba exemplos de distintos casos nos que se usaban diversos tipos de engano. Dificilmente podería imaxinar este escritor que o seu tratado podía adicarse en exclusiva a un único acontecemento, sustentado por un único actor. En efecto, o nivel de desvergonza da Xunta en relación aos datos sobre o estado da lingua galega é insuperable. Nunha serie de entradas vou mostrar a adulteración que, desde o goberno galego, se fai dos datos obtidos polo IGE na enquisa quinquenal de coñecemento e uso do galego

Nesta ocasión comenzaremos coa última cifra deste cartel, divulgado desde as altas instancias da Secretaría Xeral de Política Lingüística. aos poucos días de publicarse os datos do IGE. Parece que se fai referencia a que houbo un aumento, +3,95%, da lectura en galego. Polo contexto enténdese que as cifras indican incrementos dos resultados da enquisa do IGE do 2018 respecto da anterior, do 2013. Se facemos a comparativa entre os datos destas dúas enquisas sobre a lingua dos libros que lemos os galegos, vemos que non houbo cambios. O máis prudente sería afirmar que neste aspecto a situación segue igual. Entón, de onde sae esa cifra de +3,95%? Non se trata de ningún incremento, fai referencia á porcentaxe de persoas que len máis en galego que en castelán (datos 2018). A gráfica explica moi ben tanto a mentira do cartel como a febleza do mundo editorial en galego, moi condicionado por unha lei zombie, que frustra o seu potencial.


En todo caso o mellor é ir á fonte limpa e consultar os datos da porcentaxe de persoas segundo a lingua que usan para ler libros:

Se alguén ve o aumento que eu non vexo, prégolle que mo explique.
Continuará.

venres, 12 de abril de 2019

Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña


A principios de mes Martín Vázquez e Rubén Moralejo, da Universidade de Vigo, presentaron 
"Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña"  no que contaron co apoio da Universidade e a Deputación. Os resultados do traballo poden consultarse no portal Lingua e sociedade que permite unha navegación por múltiples camiños.
Remexendo no portal atoparemos referencias sobre a alternancia de códigos, a desgaleguización, a lingua na educación, a normativización da lingua, a minorización, a política lingüística, a normalizacióntransmisión interxeracional, as ideoloxías lingüísticas ou a variación lingüística. 
En cada un destes apartados temos textos explicativos, así como vídeos nos que algún veciño relata algunha opinión ou historia que ilustra o tema. Tamén hai varios mapas e gráficos que explican as características da poboación, ben galega, ben moañesa, arredor dalgún tópico sociolingüístico. Por exemplo, o seguinte gráfico revela moi claramente cal é o estarrecedor panorama da lingua nas escolas de Infantil de Primaria no concello de Moaña. Pode alguén, que non sexa un radical inimigo da lingua galega, defender o funesto decreto 79/2010, de exclusión do galego na escola?


Lingua habitual do alumnado de Infantil e Primaria de Moaña
Este outro gráfico recórdanos o do que explica a política lingüística da Xunta, pois é prácticamente igual a este que aparecía no informe Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016 (RAG, 2016)

Uso das linguas en Galicia segundo idade


En conclusión, abriuse un novo recurso educativo/informativo/divulgativo no que podemos botar un ollo para enxergar cales son os principais conceptos que se empregan na sociolingüística, así como unha boa serie de datos e recursos para entender mellor o panorama galego en relación coa normalización, comenzando polo feito de que a palabra está prohibida nos cenáculos do poder.

xoves, 8 de novembro de 2018

3 veces menos lingua galega


Se debullásemos a serie histórica dos orzamentos da SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) en comparación cos totais da Xunta veríamos que en certo momento a SXPL gastaba un de cada 500 euros. Polo tanto se collésemos da carteira da Xunta unha parte de cada 500, poderíamos comparala coa da política lingüística. Este cotexo é o que podemos ver na seguinte gráfica correspondente aos anos 2002-2019: en azul o orzamento da SXPL, en vermello a 500-ava parte do total da Xunta.
Coa presidencia de Alberto Núñez Feijóo, ademais dunha baixada de categoría dentro do organigrama xeral da Xunta, pasando de Direccción Xeral, a Secretaría Xeral,  comenza un proceso de drástica redución do orzamento adicado á política lingüística. No período 2010-2014 o capítulo da lingua sofre unha diminución dun 70%. A partir deste momento discorre paralelo ao presuposto xeral. O recorte está consumado e consolidado.
Hai unha forma moi clara de presentar este desprezo dos actuais gobernantes pola situación cada vez máis discriminada da lingua galega.O orzamento da Xunta para o ano 2019 (11.291.175.295 €), é prácticamente idéntico ao do 2008 (11.224.465.979 €), porén o da política lingüística é hoxe 3 veces menor. No 2008, de cada 500 € da carteira da Xunta, algo máis de 1 € correspondíalle á  Dirección Xeral de Política Lingüística, para o vindeiro ano ficarán con 34 céntimos. Hoxe a Xunta adica 3 veces menos á lingua galega do que lle asignaba hai 10 anos.


luns, 26 de febreiro de 2018

A gráfica que explica a política lingüística en Galicia

Uso do galego por idades
O conto é que o pasado 21/02/18 soltei no Twitter un chío con esta imaxe e o seguinte texto:
Uso do galego por idades ... ou
a política lingüística explicada nunha gráfica
No momento de escribir esta entrada o chío andaba próximo aos 1000 recouchíos, moitos deles procedentes de Cataluña, o cal pon en evidencia a preocupación pola cuestión da lingua que teñen por aquelas lonxitudes. De termos nós un nivel de concienciación semellante, as gráficas que nos describisen terían outras formas.
A gráfica en cuestión está sacada do informe Lingua e sociedade en Galicia. Resumo dos resultados 1992-2016 editado pola RAG ese mesmo día, o 21, co gallo da celebración do Día da Lingua Materna. A Academia denunciaba "un proceso acelerado de monolingüización en castelán, a un ritmo que non prevían os resultados de estudos demolingüísticos previos" e a gráfica da páxina 23 do informe sobre o uso do galego por idades era a que mellor explicaba as consecuencias dunha política lingüística lingüicida.
Alá polo ano 2001 asistira a uns cursos para membros de Equipos de Normalización Lingüística que houbera na Estrada. Estaban organizados pola Dirección Xeral de Política Lingüística e contaban coa colaboración do SNL do concello que daquela tiña como técino a Valentín García, o actual secretario xeral da cousa da lingua. O discurso que se nos presentara era de conformidade e rendición. "As cousas son como son e non poden ser doutra maneira". Lembro, coma se fose hoxe que Anxo Lorenzo, un dos participantes como confenciante, afirmara que "o uso da lingua galega irá descendendo ata o ano 2020" independentemente da política lingüística que se aplicara. A recuperación da vitalidade lingüística nos países cataláns e en Euskadi demostraron xustamente que é precisamente a política lingüística que se aplica o que nos leva por un camiño ou outro. Nós, baixo o sodomizador discurso do bilingüismo harmónico, levamos despois dos 40 ano de dictadura, sofrindo case outros 40 anos de supremacismo coas súas infaustas consecuencias.
A resposta da Xunta a este terrible panorama está ao nivel da que podería dar Groucho Marx nunha das súas películas. A realidade non podería ser máis triste. Agora, o conselleiro de educación anuncia que van elaborar un plan para potenciar o uso do galego entre a mocidade. Agora, despois de levar oito anos excluíndo acotío a lingua galega na escola mediante o funesto decreto de plurilingüismo que desartellou o comenzo dunha viraxe en positivo da política lingüística en Galicia. Vexamos como funciona, xa hoxe, xa desde hai 8 anos, a promoción do uso do galego nas idades máis temperás.

No segundo número de Cumieira, unha publicación da Universidade de Vigo na que se recollen traballos de investigación sobre a lingua galega hai un artigo ben interesante asinado por Nuria Díaz Guedella, titulado A influencia do ensino no proceso de adquisición lingüística no que se trata de profundizar na cuestión de se chega con que o galego sexa a lingua da escola para que o alumnado infantil a asimile como lingua propia. A conclusión do estudo demostra que o uso do galego na aula non é suficiente para que os rapaces o usen cotidianamente. Pola contra o emprego do castelán na escola implica que os galegofalantes abandonen a súa lingua. É imposible non ver aquí os nefastos efectos decreto 70/2010. En primeiro lugar, Nuria destaca un importante factor en contra: a falta de material didáctico en galego, e continúa:

Ademais, cabe destacar que o feito de que o Decreto 79/2010 de plurilingüismo afirme que «na etapa de educación infantil o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado (...)», causará efectos negativos que influirán posteriormente no escaso desenvolvemento da lingua galega entre o alumnado galegofalante, pois, nas aulas en que predomina o castelán como lingua materna, o cumprimento da lei dá lugar a unha perda completa do idioma galego.Quizais o ámbito escolar non sexa suficiente para manter o uso do galego como lingua materna nun contexto tan castelanizado como o estudado por nós (hábitat urbano), pero si o é para educar a nenos e nenas que sexan capaces de familiarizarse co idioma sen desenvolver actitudes negativas cara a el. En cambio, o caso contrario si se dá: o uso do castelán na escola provoca a perda total da súa lingua materna no escaso alumnado galegofalante que hai neste contexto. Xa que logo, consideramos fundamental revisar a distribución das linguas que se está levando a cabo actualmente no ensino.

Está moi claro que os responsables de expulsar á mocidade  do uso do galego son os mesmos que agora anuncian medidas homeopáticas para o impulso.
E así todo.

xoves, 19 de xaneiro de 2017

Como vai ser a política lingüística do 2017?

O pasado 30 de decembro publicábase a resolución de concesión de axudas aos Clubs de Lectura dos centros escolares. Ningún Club vai recibir menos de 550 €. Prácticamente todos os Equipos de Normalización dos centros escolares (un 96,25%) recibirá cantidades menores.  A cantidade presupostada para todos os ENDL para o ano 2017 é de 300.000 €, a mesma que a do 2016, 2015, 2014, 2013, e un 70% menos que o que percibían no 2009.
Para agravar máis o estado da cuestión, no DOG de onte (18/01/17) apareceu publicada a orde de convocatoria de axudas para os ENDL dos centros de ensino. Isto significa que os ENDL non coñecerán a súa dotación orzamentaria ata finais de maio, cando xa non poidan programar ningún tipo de actividades. Non terán á súa disposición os cartos da subvención da SXPL ata que o curso estea rematado. Non estamos ante un erro ou unha novidade. Este mesmo panorama vén desenvolvéndose exactamente igual ano tras ano. Certamente, pola cuantía e pola forma de convocatoria, este tipo de axudas aos ENDL ben poderían chamarse axudas de aniquilación dos ENDL. Con todo, isto non é nin o peor, nin o máis triste da política lingüística que vai desenvolver o goberno da Xunta durante este ano 2017.

Os orzamentos para normalización alcanzan o punto máis baixo
Se a principios de século a Xunta de Galicia destinaba 1 de cada 407 € á política lingüística, os orzamentos para o 2017 ofrecen a proporción máis baixa de toda a serie histórica. Só un de cada 1547 € cae baixo a epígrafe da lingua galega o vindeiro ano. Isto significa que ás iniciativas de promoción do galego lle foron retiradas as tres cuartas partes do seu presuposto coa agravante de que se vén mantendo nestes niveis de inanición durante os últimos 5 exercicios. (ver gráfico)


As previsións son esmagadoramente continuístas. Se debullamos os orzamentos previstos para o 2017 observaremos unicamente cambios no 0,006% do montante das súas reducidas arcas. En concreto:
- Houbo un aumento de 4.030 € en subministros. Esta partida detraerase de bolsas de investigación e lectorados. Isto é, un incremento dos gastos de funcionamento implicou unha redución en partidas de promoción do galego.
- Houbo un aumento de 32.859 € en campañas de normalización e outro de 5.496 € que se destinarán a universidades do resto de España. Estes cartos detraéronse do orzamento de lectorados e centros de estudo galegos. Neste caso hai un trasvase entre partidas favorecedoras da normalización. Polo tanto, ningún aumento final.
Estes son os orzamentos que defenestraron os SNL dos concellos, os Celga ou os cursos de lingua e cultura en Madrid. Son os orzamentos que afogan aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e que manteñen na exclusión aos medios e industrias culturais que apostan polo galego. Son orzamentos que teñen un único obxectivo, o de xustificar unha política propia dun taxidermista: ofrecer a cara máis amable dun corpo morto e enterrado, o corpo dunha normalización lingüística que debería sustentar toda a acción de goberno da Xunta.

mércores, 16 de decembro de 2015

A política lingüística baixo a luz dos orzamentos

Cando se fala de política lingüistica son moi habituais os recursos demagóxicos. Para evitarmos caer neste tipo de erros non hai mellor medicina que a de aportar datos.
A política lingüística en Galicia está inane.  Isto é mostra do desprezo á lingua galega que está caracterizando aos gobernos de Feijóo. Podémolo demostrar mediante a serie histórica dos orzamentos da da lingua dos últimos anos. Se a principios de século as cantidades asignadas á normalización lingüística representaban algo máis do 0,20% do orzamento total da Xunta, agora non chegan ao 0,07%. Se comparamos o peso do orzamento previsto para o 2016 co do 2012 vemos que houbo unha redución de máis dun70%.
No seguinte gráfico aparece a taxa do orzamento para políticas lingüísticas respecto do total da Xunta para cada ano. Marcáronse en cor azul os anos de goberno do PP e en vermello os do bipartito. Hai un par de columnas coa cor esvaída (2005 e 2009), representándose así anos nos que un goberno tivo que executar un presuposto elaborado por outro de distinto signo político.




Antes de ver o gráfico un pensaría que durante o gobeno bipartito a normalización lingüística vería incrementado o seu peso orzamentario. Pola contra o que se observa é que os níveis orzamentarios continuaron no mesmo rango, incluso cunha tendencia á diminución. Porén non hai punto de comparación entre as políticas de normalización levadas a cabo no período do goberno de Touriño e as de secundarización do período anterior ou as de ataque e exclusión do galego do período posterior.
As maiores reducións relativas vense nos anos 2010-2014. Ao falarmos de redución relativa xa se enxerga que houbo unha decisión consciente e planificada de agravios ao galego. A demostración obsérvase moi claramente no segundo gráfico que pasamos a presentar. Nel, representados en barras aparecen os orzamentos do organismo encargado da política lingüística período 2002-2016. Como estes valores están no mesmo rango que a cincocentasava parte dos orzamentos totais da Xunta, para poder apreciar tamén a súa evolución, represéntanse mediante un polígono de frecuencias.



Os cartos dos que dipuxo a Xunta ata o ano 2010 sempre se foron incrementando pero a SXPL xa sufriu decrecementos importantes nos anos 2009 e especialmente no 2010. Ao ano seguinte, coincidindo coa maior baixada dos orzamentos da Xunta tamén temos a da SXPL, pero coa gran diferenza de que a redución deste segundo organismo é realmente brutal e co agravante engadido de continuarse a redución nos seguintes anos nos que os presupostos comenzan a ter unha leve recuperación. Conclusión clara: a enorme redución de cartos para a normalización non se pode atribuir aos efectos da crise.
Se ata o ano 2008 as liñas do polígono de frecuencias(orzamentos da Xunta dividos por 500) ficaba por debaixo dos valores das barras (orzamentos da SXPL), a partir deste momento as barras caen ata reprentaren só un terzo das alturas acadadas polo polígono de frecuencias. Velaquí, na diferenza entre as alturas de barras e segmentos do período 2010-2016, aparece representado o plan de exterminio de toda política de fomento do uso da lingua galega. Isto explica como é que se eliminaron os SNL dos concellos, ou a redución dun 70% nos orzamentos dos ENDL dos centros escolares, ou a eutanasia que se está a practicar cos cursos Celga.
Mentras se fai isto, mantense un funesto decreto no ensino que prohibe o uso do galego nas materias científicas, establece trabas para o uso do galego, retira e elimina materiais didácticos por estaren redactados en galego, ou desincentiva o emprego do galego nas primeiras etapas. Suprimíronse as liñas de galego. Exterminouse o galego das escolas infantís dos espazos nos que máis compría, nas grandes cidades. Eliminouse a esixencia do coñecemento da lingua galega nas probas de acceso á función pública. Os altos cargos da  Xunta ofrecen continuas mostras de desleixo ao non empregaren en actos oficiais a lingua galega. Tanto desde a Xunta como desde o goberno central fanse toda clase de intentos de substituir un cada vez máis acurralado galego, por un cada vez máis favorecido castelán.
Con este panorama, para que seguir mantendo unha anémica Secretaría Xeral de Política Lingüística? Só hai unha resposta posible. Para pasear aos Bolechas por algunhas das nosas vilas pois a isto, e só a isto ficou reducida a política lingüística positiva nos últimos sete anos.

venres, 28 de agosto de 2015

Os incrementos da SXPL

Isto é o que di un anuncio recente da SXPL: "A Consellería de Cultura e Educación incrementa a oferta de 30 cursos de lingua preparatorios do CELGA". Se o incremento foi de 30 cursos, a canto ascenderá a cantidade total de cursos ofertados? Pódese seguir a ligazón pero non cómpre facelo, xa o contesto eu. O total ascende a 30.
Estamos diante do que é normal na SXPL, a desinformación e a mentira. Como a política lingüistica que se está aplicando é realmente unha agresión continua contra o galego, non teñen outra saída que a creación e a difusión dun mundo irreal para poder continuar tirando para adiante para non alporizar á cidadanía. O perigo de instalarse no embuste é que se acaban comentendo excesos coma este. Só é posible manterse nesta liña coa axuda dunha tupida rede de medios servís que desprezan o galego e que nin o usan nin tampouco o respectan.

Para aclarar realmente en que consistiu o incremento na oferta de cursos Celga anunciada pola SXPL, basta recuperar os datos dos anos anteriores. Recollendo as cifras ofrecidas pola propia SXPL para os anos 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, e a referida deste mesmo ano, obtemos un gráfico que fala sen ter que engadir máis comentarios:
Gráfico elaborado cos datos obtidos da SXPL
Porén, aínda que desde a SXPL queiran centrar (e perder) o debate arredor da cantidade de cursos preparatorios impartidos, o fundamental non é iso. A historia dos Celga dos últimos anos demostrou que non se podía facer peor. Non houbo diálogo cos traballadores que se encargaban dos cursos, creándose un duro conflito laboral que acabou xudicializándose. O desprezo mostrado pola SXPL pechou todas as portas a futuras negociacións. En ningún momento houbo mesas de análise sobre os defectos que tiña o funcionamento do sistema de cursos. A CTNL ofreceu hai tres anos, antes de que estoupara o conflito laboral, unha proposta de mellora de xestión e planificación que podía evitar o que despois sucedeu. Polo momento, o resultado final é o dunha nova xeira de cursos Celga que comenzan cando xa tiña que estar todo o proceso rematado.
Durante toda esta desfeita non se falou en ningún momento de normalización lingüística, xa nunca se abreu esa oportunidade. Por exemplo, nunca se falou de establecer os níveis Celga para poder acceder aos distintos postos da administración. Como había de ser isto posible se a primeira medida tomada por Feijóo no seu primeiro mandato foi eliminar a esixencia do coñecemento do galego nas oposicións?

xoves, 29 de xaneiro de 2015

Axudas? aos medios en galego

Un gráfico vale máis que mil palabras. As publicacións en galego, tan hipersubvencionadas, poden chegar a recibir entre todas, 41.341 €. O grandes medios residentes en Galicia, ningún dos cales publica en galego, recibiron o ano pasado 40 veces esa cantidade.
Por poñer só un exemplo. Un dos convenios (houbo máis) que La Voz de Galicia asinou o ano pasado ascendía a 149.000 €. O colmo é que o concepto polo que llo deron foi o de "conseguir que cada vez sexa maior a implantación do galego nos medios de difusión en todos os ámbitos sociais, normalizando o seu uso a través da prensa escrita e das web dos xornais na súa liña informativa en calquera tipo de noticias, temas de actualidade, crónicas e igualmente nos artigos de opinión.". Idem con outras empresas periodísticas que todos temos na cabeza.
En vermello aparecen as barras dos orzamentos do goberno bipartito; en azul a dos gobernos posteriores presididos por Feijóo.


mércores, 23 de outubro de 2013

Orzamentos contra a lingua 2014

A partida presupostaria para a lingua galega prevista para o ano 2014 é, en cifras xerais, a terceira parte das que se manexaban na época do goberno bipartito. A desmontaxe económica do fomento do galego foi continuada e brutal durante toda a era Feijóo. E isto é certo, non xa en termos absolutos, senón que o peso relativo dos presupostos da SXPL respecto dos manexados pola Xunta na súa totalidade non deixa de diminuir ano a ano.

Se debullamos os diversos capítulos dos orzamentos que aínda mantén a SXPL atopámonos cunha baixada xeneralizada. Basta con consultar a seguinte táboa que fixen a partir desta outra do xornal Praza Pública á que se lle engadiu a columna co orzamento do 2014 e a última fila na que consta un apartado consignado no 2014 e que era inexistente o ano pasado: "programas de promoción ao galego", dotado cunha cantidade de 700.000 €. Aínda habería outra cantidade que non aparece na táboa, unha transferencia para a RAG atendento ao concepto de cultura que seguramente no exercicio anterior estaría asignada a outro departamento da Consellería de Cultura e que se desvía agora para a SXPL, non sei baixo que criterios.
Atendendo ás asignacións recollidas aquí, vemos como só aumentan a partida que este ano é novidade ("Programas de promoción do galego") e a adicada a bolsas de lectorado, cun incremento de 246 €. Todo o demais ou ben son partidas  que sofren reducións ou repiten o mesmo presuposto do ano pasado, o cal para calquera que coñeza o concepto de IPC, sabe que na práctica significa tamén redución. Un destes epígrafes que repite orzamento é o destinado aos ENDL dos centros de ensino non universitario.
O balance final desta táboa é dunha redución de 828.121 €

P. S.: Artigos relacionados:
O desmantelamento do galego por parte da Xunta non cesa nos orzamentos,  (23/10/2013) na CTNL
As cifras da desmontaxe económica do fomento do galego, (23/10/2013) Praza Pública
O galego recibe menos dun terzo das axudas que tiña hai 20 anos, (24/10/2013) Galicia Confidencial

mércores, 26 de xuño de 2013

Orzamento contra a normalización

Hai moito que isto deixou de ser noticia para pasar a ser como o raiolar diario. A Secretaría Xeral de Política Lingüística oculta e retorce a realidade outra vez.
Nun comunicado emitido o 17/06/2013 afirmase textualmente: "Este ano a Consellería dirixida por Xesús Vázquez incrementou nun 20% a dotación para os equipos dos centros públicos". É certo? Pois si, tan certo como que o ano anterior se reducira o orzamento nun 70%, e que o anterior a redución foi doutro 20%. Polo tanto se despois deste anunciado incremento deste curso,  o vindeiro ano se triplicara esta partida, aínda estariamos por debaixo do presupostado no 2009.
No seguinte gráfico podemos consultar cal foi a evolución real dos presupostos do capítulo destinado aos proxectos de fomento dos centros educativos. A cor azul correspóndese a gobernos do PP e o vermello ao do PSOE-BNG.


Outro dos anuncios que se fai na mesma nota de prensa é o de que 826 centros serán os beneficiarios da medida orzamentaria. Unha simple división indícanos que cada centro recibirá unha media de 363 € para o desenvolvemento do seu proxecto de normalización... e que, polo tanto, deixa de percibir outros1211 € ao comparalo co que se lle asignaba hai catro anos. E iso que non podemos dicir que neste tempo as cousas melloraran fóra da escola como para xustificar unha redución tan enorme da acción normalizadora. Pola contra, non temos ningunha noticia de que houbera nin tan siquera unha medida de impulso ou mellora por parte da Xunta.

Claro que sobre o complexo e inoperativo procedemento para recoller estas migallas aínda temos que ler o seguinte:
 "para facilitar o seu traballo, a convocatoria que agora se resolve introduciu novidades que simplifican a xestión e aceleran os pagamentos. Por iso se fará o ingreso [sic] das cantidades que cada centro debe percibir sen agardar á xustificación do gasto. [...] Con estas medidas a Secretaría Xeral de Política Lingüística atende vellas demandas dos equipos de dinamización da lingua galega."
Desta forma xustifícase que a resolución do gasto anual se anuncie no DOG do 17 de xuño, cinco días antes do remate da actividade escolar. É de supoñer que os ENDL brincarán de alegría por dispoñeren de tanto tempo de seguridade orzamentaria! O que se lle ten reclamado unha e outra vez é que se faga unha convocatoria que asegure un orzamento plurianual que garanta que o traballo que se realiza acotío nos ENDL non se vexa coutado sistemáticamente pola falta de dilixencia da Consellería de Educación.

A medida do desprezo da Xunta pola normalización.
A aposta da  Consellería de Cultura e Educación polos equipos de normalización tradúcese nun abandono e unha redución que evidencian a iniquidade no trato á lingua galega. Os Equipos de Normalización dos centros de ensino son, xunto cos SNL dos concellos, a única forma de contención da avalancha ultraprotexida do castelán na nosa sociedade. O trato que o goberno lles está a dar a estes servizos dimensiona claramente cal é o lugar e o proxecto que teñen para a lingua galega. Podemos medir o desprezo cun exemplo. No último Consello da Xunta destinábanse case 20 millóns de euros a Unión Fenosa e outras empresas eléctricas, máis do dobre dos presupostos que se destinan para toda a SXPL, suposto organismo que garante e defende o uso normalizado do galego. Esta inversión facíase sen que se desde a Xunta se lle esixira á compañía eléctrica a garantía do mantemento da atención ao cliente en galego. Nunha única decisión dun Consello da Xunta, ponse a disposición dunha empresa que vén de demostrar o seu desprezo pola lingua, e mesmo pola lexislación que minimamente aconsella protexela, unha manchea de cartos procedentes dos petos dos galegos para impoñer o monopolio da imposición do español. Velaquí a política lingüística da Xunta.

martes, 2 de abril de 2013

Linguas na arañeira de internet

A arañeira web é un enleado mundo que nos ofrece retratos de como tecemos tamén as nosas redes lingüísticas. Segundo o estudo presentado no Research Blog a maior parte das páxinas ligan con outras do mesmo web. En todo caso, o resto das ligazóns van a outros webs da mesma lingua. No entanto hai un pequeno pero significativo número de ligazóns que van a webs doutras linguas. Este último tipo de vectores son os estudados e representados nestes gráficos construídos a modo de grafos orientados.
Os grafos non son outra cousa que unha colección de puntos (chamados vértices), conectados ou non, mediante liñas (os matemáticos chámanlle arestas). Chámanselle grafos orientados ou dirixidos a aqueles nos que as arestas teñen unha dirección que vai dun nodo de saída a outro de chegada. No que temos aquí arriba  aparecen representadas todas as linguas que teñen polo menos 100.000 webs , entre elas, a galega que pode apreciarse máis claramente nesta ampliación. O ano estudado é o 2008 e neste gráfico non aparece a lingua hexemónica na rede, o inglés. Nese momento vemos como o 3% das páxinas galegas que ofrecen direccións cara portais noutras linguas conectan con webs en portugués mentres que un 27% se dirixen cara outros en español. Os portais vascos ou cataláns amosan porcentaxes similares pero algo inferiores.
Con respecto ás ligazóns cara ao inglés, o galego cun 17% sitúase no entorno dos valores medios

Vía cousas d' o paco

xoves, 7 de marzo de 2013

A lingua de preferencia da Consellería de Educación

A CIG-ensino denunciaba estes días que o servizo de correo electrónico da Consellería de Educación modificárase de tal xeito que agora o idioma de acceso por defecto era o español.
A Consellería podería argumentar técnicamente que isto non é así, e tería razón. Houbo unha modificación no servizo @edu.xunta.es usado polo persoal de educación e así o anunciou a Consellería nunha nota informativa na que explica que a partir de agora será posible visualizar as contas de correo, adermais de en galego, en castelán e en inglés (americano). Eu non teño coñecemento de que ningún sindicato lle pedira á Consellería esta innovación, e resulta algo estraño que en tempos de profunda crise económica adique os seus fondos a multiplicar as linguas de acceso dunha conta de correo para un profesorado que non debería ter problema ningún para seguilo usando en galego. Pola contra, ese mesmo profesorado ten que acudir ao seu posto de traballo enfermo e co obvio perigo de espallar infeccións nas escolas, impartindo clase en aulas cada vez máis diversas e ateigadas de alumnos, cos recursos reducidos...

A lingua de preferencia
A confusión que tivo a CIG-ensino é ben comprensible pois a práctica totalidade dos usuarios non saben, nin teñen por qué, en que consiste a lingua de preferencia e que nos explicaría o modo en que accedemos ao servizo de correo @edu.xunta.es. Este servizo sería un exemplo dos webs que discriminan segundo estea configurada a lingua de preferencia do noso navegador. Se ésta é o castelán, e vén así por defecto en todos os ordenadores que mercamos, veremos agora que o noso acceso ao correo da Xunta aparece tamén en castelán.
A lingua de preferencia é a lingua preferida polo usuario para acceder aos contidos e aplicacións. Parece ser que nos ordenadores con sistema operativo Linux ou Mac pódese fixar unha lingua de preferencia. Nos que usan Windows cada navegador pode ter unha lingua de preferencia. Para establecer como lingua de preferencia dos nosos navegadores o mellor é ir a esta dirección: Navega en galego que che indica cal é a lingua de preferencia do navegador e explica como facer para cambialo ao galego.
O autor dese blogue, Navega en galego, é Xosé Manuel Sardiña, quen vén de participar nas V Xeiras dos Comités de Vigo cunha conferencia  cargada de información sobre o uso do galego nas TIC. Segundo os datos do seu propio blogue a lingua de preferencia dos que acceden a el distribúese entre un 25% para o galego e un 65% para o español. Non teremos que convencer a ninguén que esta escolla de datos está nesgada e que estas porcentaxes indican unha realidade na que a navegación pola arañeira en galego é prácticamente residual.

A Consellería de Educación non pode ser allea a todo isto polo que é dobremente sospeitoso o esforzo e o gasto que realiza decote para españolizar todos os seus portais e servizos. Outro exemplo témolo co Xade, o programa de xestión dos centros de ensino que ten a súa interface en galego. A Consellería gastou e gasta os seus fondos un programa paralelo dentro do proxecto Abalar co mesmos fins. Todos os días os datos dos Xade vérquense a ese programa paralelo, que ten como única innovación poder dispoñer del en español.
Expostos os datos vemos que co seu erro a CIG-ensino acerta máis que a Consellería co seu nefasto proceder. E por se alguén aínda o dubidaba, agora confirmamos que o idioma de preferencia da Consellería de Educación non é o galego.

P.S.: A CGENDL transmitiulle unha queixa á SXPL sobre esta cuestión.

xoves, 17 de xaneiro de 2013

Anxo Lorenzo: primeiro contra o galego, agora contra o teatro

A historia do teatro galego está íntimamente relacionada coa da normalización da lingua. Así, nun programa de man da VIII Mostra de Teatro Galego de Ribadavia podíase ler:
Xa que Galicia é unha comunidade diferenciada, con unha lingua e cultura propia que ainda está sin normalizar PROCLAMAMOS; Que o Teatro Galego sexa unha arma para conquerir a normalización da língoa, cultura e a liberación nacional.
Nese traballo normalizador estivo profundamente implicado Roberto Vidal Bolaño, a figura á que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Desafortunadamente éste non vai ser un bo ano para o teatro galego. Basta con botarlle un ollo ao informe realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG): curtopracismo, fraxilidade empresarial, precariedade laboral, inexistencia de planificación, mimetismo,...  e sobre todo unha política nefasta, a levada a cabo por Anxo Lorenzo, que non contento con subministrar as directrices do ataque institucional ao galego, agora como responsable da AGADIC desde o cese de Fasero, continúa coa súa práctica da destrución de Galcia. Agora o ataque é contra o teatro. Escena Galega denunciou o pasado mes a paralización da Rede Galega de Teatros que no primeiro semestre debía garantir a representación de 425 obras. Trátase dun claro caso de "omisión e abandono das funcións da Secretaría Xeral de Cultura". Exactamente o mesmo que o sucedido hai dous anos na Secretaría Xeral de Política Lingüística co mesmo protagonista: Anxo Lorenzo.
No referido informe do CCG podemos observar un dato incontestable e tremendo para continuidade do noso teatro: no período 2009-2011 houbo unha baixada de 1100 representacións e cunha perspectiva de datos desalentadores no bieno no que estamos.
Cultura diranos que non ten cartos para isto. Será porque o seu interese se centra promocionar corridas de touros e misas a escritores en español . Mentres, nos dous últimos anos a edición privada en galego reduciu o número de títulos  nun 40%. Entre o decreto contra o galego e a nefasta política cultural estase a matar a cultura galega. 
Alguén é quen de apuntar algún culpable?

xoves, 29 de novembro de 2012

Lingua habitual segundo a idade.

No ano 2005 o Consello da Cultura Galega (CCG) publica un traballo dirixido por Anxo Lorenzo e Henrique Monteagudo no que se facía un estudo sobre a evolución da sociedade galega nos aspectos sociolingüísticos. Estamos a falar do documento "A sociedade galega e o idioma.  A evolución sociolingüística de Galicia 1992-2003" onde se nos ofrece un retrato deste intervalo temporal en fundamentándose esencialmente dúas fontes. Unha delas vén dos datos do Mapa Sociolingüístico Galego do 1992 (MSG-92) e, a outra é a  da Enquisa das Condicións de Vida das Familias do 2003 (ECVF-03) realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Encol da lingua habitual, neste estudo presentaban a seguinte gráfica na que na vertical se gradúan as porcentaxes e na horizontal aparecen as idades de menor a maior.
Para interpretar correctamente esta gráfica é un bo exercicio probar a mirala de dereita a esquerda, pois isto vai darnos unha lectura da dirección que toma o uso da lingua no transcurso do tempo. Pasemos a vista, por exemplo, pola liña azul, que comenza á dereita cun 65,7% de monolingües en galego para os maiores de 65 anos e vai baixando continuamente, agás un pequeno repunte final, ata marcar un 28% nos menores de 16. Pola contra o monolingüismo en castelán ascende continuamente: é maior canto menor é a idade dos falantes.
No ano 2010, outra vez o CCG, volveu a ofrecer unha revisión destes datos baixo a luz da  Enquisa das Condicións de Vida das Familias do 2008 (ECVF-08). Preséntasenos un gráfico semellante ao anterior pero que desta volta ten na horizontal as idades 'ao revés' polo que nos convén ler as liñas poligonais de esquerda a dereita.
O que se engade a respecto da primera gráfica é o último tramo de cada unha das poligonais que nos ofrece un panorama moi semellante ao primeiro. A liñas amarela e azul (máis castelán e só castelán) sofren un lixeiro aumento, e as outras dúas (máis galego e só galego) descenden un pouco. Isto é, mantéñense as tendencias, só que con máis suavidade.
Dentro desta liña, unha outra achega para acabar de completar este cadro podémola atopar no artigo O idioma galego, alarmas e esperanzas,  de Xaime Subiela no Informe Galicia 2010. Tempos Novos. Unha excelente aproximación á situación xeral da lingua galega que parte das enquisas realizadas polo IGE, o CIS,  o Observatorio da Lingua Galega, e os Mapas Sociolingüísticos da RAG. Como notas destacadas da súa análise temos que, segundo datos do ECFV-08, a porcentaxe de galegofalantes situaríase no 57%, cunha forte baixada, de 12 puntos porcentuais, entre o 1992 e o 2008.
Subiela aporta novos gráficos, ou se se quer, unha nova versión do inmediatamente anterior, no que analizar a evolución do uso do galego e o castelán segundo as idades. Podemos volver a comprobar que a parte coloreada en azuis, correspondente a galego/máis galego, vai baixando cando imos diminuíndo as idades.


Xaime Subiela constata unha caída masiva da utilización do galego nos últimos 50 anos que foi paralela ao abandono do rural. Destaca neste proceso o corte da transmisión interxeneracional. Pola contra aventura a existencia dun solo de reprodución da lingua asentado no afianzamento dun grupo galegófono. Actualmente o galego sería áinda a lingua maioritaria da sociedade galega
Outros aspectos que toca Subiela na súa análise en relación ao uso do galego son a distribución demográfica, a competencia lingüística, o ensino, os medios de comunicación ou as administracións públicas. Van algunhas das súas aportacións:
A escola non debe reflectir simplemente o que a sociedade é, senón ser un axente de cambio que contribúa ao que anhela: uns cidadáns plurilingües nunha sociedade multilingüe, que salvagarde e promova a lingua propia.
Os medios de comunicación funcionan en castelán de forma moi maioritaria. A práctica totalidade teñen reducido o galego a porcentaxes non superiores ao 5% da súa programación/información
Falando en termos xerais, os estudos anteriores indícan que houbo unha perda porcentual en número de galegofalantes cunha taxa dun 0,65% anual. A pesar de que nos últimos 30 anos a gráfica ten unha pendente máis suave, en termos porcentuais a velocidade non diminuiu nese mesmo intervalo. Seguramente as razóns deste aparente paradoxo teremos que buscalas tanto en factores  demográficos (diminución do saldo vexetativo) como en cuestións sociolingüísticas (dificilmente a porcentaxe de galegofalantes nacidos antes do ano 1930 podería incrementarse máis tirando cara atrás no tempo).  Podemos comprobar no gráfico seguinte, tamén de Xaime Subiela, unha comparación da lingua habitual entre o 1992 e o 2008, correspondente a unha velocidade media de perda de galegofalantes neste período é incluso superior: un 0,69% anual.

Botándolle un ollo ás pirámides de poboación, e tendo en conta a distribución da demografía lingüística, seguramente estamos a atravesar unha fase de aceleración de perda de galegofalantes.
Á vista desta situación cómpre preguntarse sobre cal é a xustificación da política lingüística que se está a levar a cabo.  Para moitos nenos a única oportunidade e contacto co galego é a escola, pola contra a Xunta parapétase nun escenario de españolización brutal do ensino (cun 3% de uso en infantil nas cidades, redución no resto dos niveis, prohibición das aulas científicas en galego, atrancos aos ENDL,...). Os traballosos procesos de normalización das administracións freáronse en seco e agora estanse a dar pasos marcha atrás. O maltrato aos que contribuíron durante os últimos anos a ampliar os reducidos espazos de uso do galego é continuo. As razóns destas formas de actuación non temos que buscalas nas aportacións que a sociolingüística poida facer á política lingüística senón mais ben nunha ideoloxía de odio a todo o que arrecenda a galego, unha ideoloxía que bebe nas fontes da máis resesa tradición imperialista.


venres, 12 de outubro de 2012

Aplastados polo castelán

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un estudo sobre o uso das linguas no ensino infantil logo de consultar a 282 centros educativos das cidades galegas. O resultado é estarrecedor: a suma daqueles que empregan total ou parcialmente o galego no ensino de nenos e nenas de 3 a 6 anos non supón máis que un 4,96% do total.
A exclusión do galego vai en aumento. Se na época do bipartito, a pesar de que o decreto 124/2007 establecía un mínimo dun 50%  de ensino en galego, únicamente o 35% dos centros das cidades o cumprían, despois do funesto decreto do plurilingüismo, as cifras indican que se está a promover desde a Xunta  unha fractura social da man do conflito lingüístico. As zonas urbanas, as máis necesitadas dun ensino en galego, levan o camiño de conformarse en espazos de exclusión para a lingua galega.
Como os gráficos resumen moito mellor as ideas, velaquí o panorama lingüístico do ensino infantil nas cidades