Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta transmisión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta transmisión. Amosar todas as publicacións

martes, 22 de febreiro de 2022

Fálalle(s) galego

 Esta é a campaña que lanxodu A Mesa polo Día Internacional da Lingua Propia


Lémbranos a primeira campaña de promoción do galego da Xunta de Galcia, do ano 1984.


Por certo, hai canto tempo a Xunta deixou de facer campañas de transmisión xeneracional? Baixo a ideoloxía actual do goberno do PP a campaña tería que ser: "Fálalle galego, háblale español"

luns, 7 de febreiro de 2022

Crianza en galego... Volver ás orixes. LGx15


Velaquí a intervención da actriz María Vázquez no LGx15 da CTNL. Comeza facendo un repaso dos premios Mestre Mateo ao audiovisual galego. Conclúe que en 19 anos só houbo 6 películas premiadas con versión orixinal en galego. A normalización da lingua galega, u-la?
Despois pasa a relatarnos a súa historia lingüística e lenos unha emotiva carta á súa avoa Plácida, a responsable da transmisión da lingua na súa familia.

 

martes, 13 de outubro de 2020

TVG3, a canle do Xabarín


 por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

No nadal de 1982, Xerais publicaba A chamada da selva, a noveliña de aventuras de Jack London traducida para o galego por un Gonzalo Navaza moi novo. Abríase así a colección «Xabarín», a primeira da edición galega destinada ao público infantil e xuvenil na que o editor Xulián Maure pretendía traducir boa parte dos títulos clásicos para crianzas de autores como Oscar Wilde, Herman Melville, Jules Verne, Lewis Carroll ou E.A. Poe, entre outros. Dende entón os inconfundibles volumes azuis de Xabarín, con cubertas deseñadas e ilustradas por M. Fragoso, comezaron a entrar en moitas casas, sendo para moitos mozos e mozas da década dos oitenta a súa primeira lectura en lingua galega. Títulos identificables, tamén, pola presenza na contra capa da icona da serie, unha cacheira frontal do xabaril cos cadanseus cairos ben afiados, unha imaxe moi divertida que hoxe identificamos cunha emoji que expresa ledicia

sábado, 19 de xaneiro de 2019

Cativos na cociña


Cativos na cociña from SIRADELLA FILMS on Vimeo.

Onte ProLingua compartía este vídeo nas RRSS con este acaído comentario:
"un produto audiovisual de innegable calidade que mostra con orgullo e normalidade a realidade lingüística do Grove, alén de tocaren temas como a transmisión interxeracional do idioma ou a integración natural e sen problemas da poboación migrante na nosa cultura e na nosa sociedade."
 Apúntome aos parabéns aos realizadores, Siradella Films, empresa audiovisual do Grove.

domingo, 7 de outubro de 2018

Necesitamos un horizonte novo

por Víctor Freixanes, en La Voz de Galicia:

O pasado día 26, Día Europeo das Linguas, presentamos no Concello de Ames os resultados dun estudo de campo sobre a situación da lingua galega nas familias e nos primeiros anos do sistema escolar (infantil e primaria), traballo realizado a partir de achegas do profesorado do CEIP Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño, nas terras de Amaía, a poucosquilómetros de Santiago de Compostela.

sábado, 10 de marzo de 2018

A menos

por Ramudo, en El Progreso:

Foi no supermercado. Trataba de explicarlle a miña filla a diferenza entre unha mandarina e unha laranxa. A simple vista, non é moita. Un pouco máis grande unha e un pouco máis pequena a outra. Mentres pesaba unha bolsa de kiwis, díxome a froiteira: "Gústame moito que lle fales en galego". Como. Pensei en voz alta. "Si, que lle fales en galego á nena. Agora moi pouca xente o fai". Colleume co pé cambiado. Por un momento quedei calado. Non sabía moi ben que dicir. "É que eu sempre falo en galego. Con ela tamén, claro", resposteille. Sen máis. Gustaríame ter a posibilidade de sacarlle algo máis de brillo ao meu propio comportamento. Dicir que a miña forma de expresarme e de dirixirme á pequena, e tamén aos demais, responde a unha actitude militante no idioma propio, pero o certo é que, polo menos no meu caso, é moito máis sinxelo que todo iso. Falo no mesmo código no que penso, na miña lingua nai. Cando mudo ao castelán, polo que sexa, teño que traducir o que sae do meu propio maxín. Non me costa traballo, pero é unha fala procesada, menos espontánea. "Xa, pero é que moita xente cambia de lingua para falar cos rapaces", insistiu. Deixoume matinando. Non é que non fose consciente de que iso sucede, pero sorprendeume o feito de que sexa algo tan frecuente como para que eu mesmo chamase a atención por non facelo. E máis nun lugar polo que, ao longo do día, ten que pasar moita xente. Unha morea de pais cos seus fillos. Non me gustou ser unha rareza por isto. Mellor sería ser a excepción polo contrario.

sábado, 18 de marzo de 2017

Carta aberta a un pai galego

unha desas marabillosas cartas abertas de Xabier P. Docampo, en Praza Pública:


Prezado señor Núñez Feijóo: Sei pola prensa que o día 15 do mes pasado naceu o seu fillo e quero dicirlle, con total sinceridade, xaora, que desexo que o neno se críe ben e saniño e que contribúa á felicidade de vostede e mais a da nai da criatura. Así que vaia isto por diante.

xoves, 12 de xaneiro de 2017

A anormal normalización dos nenos de Mazaricos


Isto é o que anceiamos para o futuro da nosa lingua. Velaquí un grupo de rapaces que representan o que é cada vez menos habitual na nosa sociedade. Xente nova falando en galego con toda naturalidade, todo un exemplo.
Aquí funciona a transmisión da lingua, e non ha de ser grazas ao funesto decreto do plurilingüismo, senón a pesar del.
Ah! e todo nun vídeo magníficamente ben editado.

domingo, 8 de xaneiro de 2017

Noticias sobre a normalización nos concellos de Silleda e Lalín e Vila de Cruces

Durante as últimas semanas a canle Nós Televisión fixo varios reportaxes arredor da normalización lingüística en varios concellos.
O primeiro deles vai sobre actividades realizadas en Lalín arredor da escrita creativa, narracións e contos. Recoñécese que hai unha situación problemática xa que é moi raro que a lingua habitural dos nenos sexa o galego. Invito a ver o vídeo xa pois entre outros entrevistan a Celso Fernández Sanmartín, que sempre é un gusto escoitalo.



O segundo vídeo que recollo trata sobre actividades nun concello ao que lle collín moito cariño por ter traballado alí durante 13 anos, Silleda. Neste caso trátase de sesións en familia de contacontos e manualidades e de orientación para os pais de lecturas co fin de manter a tranmisión xeneracional. O concello de Silleda tamén lle regalará unha "caixa finlandesa" aos nacidos no municipio, aínda que neste caso non será como a da Xunta, que cacarexada como un alicerce máis do seu aparente galeguismo, traía un CD de cancións en castelán. Polo menos as de Silleda veñen en galego.



A última das reportaxes está centrada en Vila de Cruces. Neste caso temos unha reportaxe sobre a sinalización da toponimia das parroquias e os lugares. Con esta campaña queren comenzar a corrixir algunhas deturpacións. O maior interese deste vídeo é o de poder ver como o concelleiro de obras e servizos, que non dubida en aceptar a única prescripcións existente no relativo ao emprego do galego tal como é o do relativo aos topónimos, revela os seus prexuízos con frases como "á xente cóstalle adaptarse ao galego normativo que teñen agora os lugares como por exemplo Xordedo, Mosteiro ou Igrexa". Aínda bo é que informa que contan con técnicos no concello que lles indican cal é a forma non escangallada do topónimo.

mércores, 30 de novembro de 2016

Canto te quero, avoíña! Que bo es, avoíño!

por Xabier P. Docampo, no Sermos Galiza;

Benquerida amiga, prezado amigo: Raro é o día que non nos atopamos pola rúa, entre que estamos xubilados e o médico mándanos andar, os nosos camiños entrecrúzanse moitas veces e con frecuencia ti levas contigo ao teu neto, á túa netiña. Eu párome contigo, xaora, somos amigos de vello, e falamos, sempre en galego, ti sabes que eu fágoo sempre e ti, comigo, tamén. E tamén lle falo ao neno ou á nena que acompañas, porque os pais están traballando e ti cóidalo mentres eles non volven do seu labor ou lévalos e tráelos á escola ou a piano ou a natación..., dicía que eu tamén falo co teu neto, coa túa neta. A verdade é que tampouco vou moito máis aló das frases tópicas destes casos, da que a máis socorrida é «como te chamas?», «Como te llamas?», asegundas ti, como se a criatura fose parviña e non me entendese. Desengánate, meu benquerido amigo ou amiga, enténdeme perfectamente, e único que estás a facer e empequenecer o seu mundo interior, restándolle saber.

xoves, 10 de novembro de 2016

O polbo Po apréndenos a atar os cordóns


A mascota do programa Apego é o polbo Po. Acertado nome pois a zunia antigalega vai chamarlle "pulpo Polvo" co cal soará como se estiveran arremedando a Argimiro Marnotes
O caso é que o polbo Po estréase neste vídeo explicándonos como se atan os cordóns. Todo pai saberá que é unha conquista descomunal pasar esta etapa polo que esta axuda será benvida por toda a poboación que viva a crianza.

luns, 7 de novembro de 2016

Arrolos de Rianxo vs. chirimbolos da Xunta



Na parte positiva
Ao ver que o IES Félix Muriel (Rianxo) vai colaborar cun proxecto iniciado polo concello chamado Arrolos de Rianxo, tiven un flash de memoria que me lembrou que lera algo sobre o asunto no Sermos. Trátase de identificar a aqueles veciños que teñan coñecemento destas cancións de berce para gravalos e divulgalos polas redes sociais. Con esta finalidade Arrolos de Rianxo abriu unha conta de facebook e outra de twitter.
O vindeiro ano preténdes publicar un CD co material recollido. Polo momento podemos acceder a un listado de gravacións na plataforma soundcloud.
Arrolos de Rianxo ten un precedente nunha das iniciativas de Apego, un programa colectivo parido pola CTNL, para formentar a transmisión interxeneracional do galego.

Na parte negativa
Sacada de aquí
Este verán os medios afíns ao réxime fixeron noticia dun plan de dinamización da natalidade que comenzaría por unha cesta de benvida para os bebés, que a pesar de ser únicamente un contedor cutre de material de propaganda , acabou divulgándose como se en realidade fose a famosa caixa finlandesa. Xa desde o principio houbo quen avisou de non era outra cousa que un foguete electoral. Pero o peor do seu contido explicóunolo Nel Vidal neste artigo. A caixa inclúe un CD  con cinco cancións de berce en castelán. Isto é o agasallo da Xunta nunha Galicia na que menos do 10% dos rapaciños dan os seus primeiros pasos en galego. Está clara cal é a dirección da política lingüística. Moita gabanza e lavado de cara diante das cámaras e unha toma de decisións dunha xenreira e un radicalismo propios do Ku Kux Klan.

venres, 15 de xaneiro de 2016

Avoas de Muxía

Avoas de Muxía from Proxecto Buserana4 on Vimeo.

O Proxecto Buserana é un proxecto elaborado no 2009 en Muxía que tiña como obxectivo a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial do concello. O sabor deste traballo é semellante ao doutros, como ese magnífico Eu son... elaborado no IES de Curtis do que falamos hai algunhas semanas. Nesta ocasión contamos cun vídeo no que as propias mulleres de Muxía que naceron nas primeiras décadas do século XX relatan as súas experiencias vitais.
A recuperación desta memoria forma parte do coñecemento necesario do estado social actual. Todas estas mulleres falaban galego. Hoxe en día posiblemente algunhas das súas netas reneguen do galego. Esta película pode ser un bo xarope para ese mal.
Mágoa que o son e a imaxe non estean coordinados.

luns, 9 de novembro de 2015

A canción dos dedos das mans



Grazas ao mil veces recomendable blogue de Carlos L. Medrano, Xogos de Lingua, chégame este vídeo que xa vira circulando polo facebook pero que non atopei nun formato inserible neste blogue ata agora.
No audiovisual móstrase un obradoiro do proxecto Apego posto en funcionamento por Luís Prego, do grupo musical Ardentía. Todo un acerto o de incidir e destacar a importancia da transmisión da lingua nas etapas da vida máis temperás.
A Mesa vén denunciando desde hai anos que por culpa do funesto decreto do  plurilingüismo o galego ficou excluído do ensino infantil nas cidades, e mesmo demostraron que as cousas van a peor. Tal é o escándalo que incluso unha Real Academia Galega que normalmente non atende a este tipo de cuestións, se viu na obriga de pedir que se tomen medidas urxentes para reverter a situación.

xoves, 17 de setembro de 2015

A culpa é de Dora la Exploradora

por Carlos García Vieito, no Sermos Galiza:

Estas semanas pasadas publicouse o documental, “A lingua dos nenos” producido por Rinoceronte Editora, dirixido por Uxía Piñeiro con realización de Carla Avión, sobre a perda da lingua materna que sofren os nenos galego falantes, vista dende a óptica dos seus pais. A verdade é que gostei moito del, pois reflexa moi ben a situación desesperante na que se atopan moitas familias galego falantes, que queren pasarlle a lingua aos seus fillos e fillas, mais non poden facelo.

38%

Valentim Fagim, no Praza:

Uma das diferenças, sintomática, entre uma língua com estado e uma língua sem estado é a ligação desta última com as percentagens. Para já, quantas pessoas a falam, a escrevem, a entendem, acham bem ou mal que se promova socialmente e mil e dous itens mais. Para as línguas com estado, no mínimo naqueles territórios onde é hegemónica, o esquema é outro. Nem sequer interessa demasiado quantos emigrantes a assumem porque, tarde ou cedo, vão ter de a assumir ou se tem muito ou pouco peso na produção científica porque os cientistas são quatro gatos pingados.

martes, 4 de agosto de 2015

A lingua dos nenos



Documental producido por Rinoceronte Editora e dirixido por Uxía Piñeiro. Trata do tema da perda da lingua materna que sofren os nenos galegofalantes, vista dende a óptica dos seus pais. Unha nova demostración do desastre educativo que está a supoñer o funesto decreto do plurilingüismo. Nunha sociedade na que todos os estímulos, sen contrapeso ningún, levan impulsan ao uso exclusivo do castelán, que se extenda esta exclusión ao ensino é fatal para a transmisión xeneracional da lingua oprimida.
Henrique Arguindey, Tati Mancebo. Ramiro Torres, Isabel Ferreiro, François Davó, Mónica Pazos son os pais que, en primeira persoa,  falan da situación da lingua dos nenos.
Vía Sermos Galiza

luns, 3 de agosto de 2015

A minha criança fala em galego

por Ramiro Vidal no Sermos Galiza:


A minha criança é umha excelente estudante, obtivo umhas magníficas qualificaçons ao final do periodo acadêmico, e agora toca-lhe disfrutar do verao...quê melhor que premiá-la inscrevendo-a num acampamento desportivo, por exemplo? Pode haver melhor prémio que estimular as suas afeiçons? Claro que, o monitorado vai ter que ter em conta umha circunstáncia especial. E qual é essa circunstáncia?

martes, 12 de maio de 2015

O abecedario



Magín Blanco ponlle voz e música a este proxecto posto en marcha pola Mesa e o Concello de Pontevedra. Fermosa iniciativa que só é a primeira dunha colección de 20 obras que estas dúas entidades poñerán á nosa dispoisción para a transmisión interxeneracional da nosa lingua.
'O tempo', 'As cores', ' O corpo' ou 'A roupa ' serán agunhas das outras obras desta colección que se irá editando coa colaboración de ilustradores galegos como Mariña Seoane, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Jacobo Fernández, Carlos Silvar, David Pintor, Manel Cráneo e Miguel Porto. Polo momento, a gozar con esta iniciativa da que moito ten que aprender a SXPL e que se suma á canción e vídeo para a celebración de aniversarios que A Mesa elaborou en colaboración co Concello de Carballo. Parece que as iniciativas dos concellos que máis e mellor conducen a normalización veñen de fóra do fracasado invento da Rede de Dinamización Lingüística.
Un moi bo exercicio para facer cos cativos é ir pasando as follas deste libro ao tempo que escoitamos a canción do abdecedario:

luns, 20 de abril de 2015

Non dá vido a primavera

Moitas veces escoitamos relatos biográficos realmente absurdos que manipulan a realidade e nos presentan situacións fabulosas como se fosen irreais. Aquí temos un exemplo xusto do contrario. Un relato biográfico ben ancorado nunha explicación apegada á realidade. Por Susana Méndez, no Sermos Galiza:

Vaia mera, qué corisco! Non dá vido a primavera!, dixo esoutro día a miña nai mirando pola fiestra e refregando as mans para aquecelas. Gústame escoitar á miña nai, tirarlle do fío e que me explique cousas de cando era nena, cando vivía na aldea, facía tarefas da labranza ou andaba de costureira; que me describa como era entón a escola á que ela pouco foi, por ter que atender a facenda; que me conte anécdotas que lle pasaron ou cómo eran as súas avoas e avós, qué facían, cómo falaban…