Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Pedro Rielo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pedro Rielo. Amosar todas as publicacións

venres, 10 de xuño de 2011

Co "Galicia" de Paz Andrade

por Pedro Rielo, no Galicia Hoxe:

Nun dos primeiros números do xornal Galicia, dirixido por Paz Andrade, atópase, entre a novela de Rosalía de Castro, El caballero de las botas azules, o anuncio dunha confitería na que se pode tomar un bocadillo de xamón e unha copa de Rioja por 75 céntimos. Non é algo casual a relevancia da publicidade e na que se fai uso de simpáticos pareados: "Se queres beber bon viño, pide sempre Río Miño". Anúnciase tamén a chegada de varias motos Harley-Davidson ou dos ómnibus Dogde Brothers con capacidade para 13 persoas e con arranque electrónico.Xunto a eses anuncios moi visuais e directos, aspectos moi prácticos; así, por exemplo nos catro anos de andaina do xornal, aparecen os horarios dos autobuses, dos vapores Vigo-Cangas, as horas de misa...
Hai seccións que abranguen a situación internacional recollida en Avances Telegráficos, tamén a Crónica Municipal onde se trata a necesidade de contar cun parque en Castrelos, a falla de auga, os problemas dos pescadores e o, xa daquela, atraso histórico das comunicacións.
Ese compromiso, a defensa dos trens de ferro, custoulle ao polígrafo de Lérez a cadea en Vigo que deu pé a un amplo movemento de solidariedade no que, entre outros, os traballadores dos tranvías abriron unha subscrición de 10 céntimos por doador para liberalo. A cabeceira continuou ofrecendo información pero tamén opinión con autoridade como a de Vilar Ponte que escribe sobre a situación da muller ou a dun novísimo Filgueira Valverde, un dos candidatos a ser homenaxeado co Día das Letras, que saúda a importancia dunha universidade galega cun sonoro: "¡Ave alma mater!".
Remexo con curiosidade os exemplares deste xornal moderno e comprometido que saíu á rúa un 25 de xullo de 1922 para definirse como "liberal, independente e galeguista" e nótase que segue a dobre pegada de El Sol no eido literario e no aspecto máis combativo sitúase como herdeiro deLa Zarpa, dun Basilio Álvarez entusiasmado por este proxecto de curta vida.
A nómina de colaboradores inclúe a Otero Pedrayo, Cuevillas e no apartado gráfico a Cebreiro, Maside e, por enriba de todos, a Castelao que fai unha radiografía da actualidade con esa fonda capacidade para abrir os ollos sen deixar á beira a retranca cun punto de idealismo. Nunha caricatura aparecen varios raparigos xogando ao fútbol e baixo o debuxo, a explicación: "Así chegaremos a ter máis futbolistas... e máis zapateiros". O autor das Letras 2012 atravesou moitas dificultades, pero tamén de azos como os que representou Galicia, un xornal na marxe de localismos bocamangas.
Eran os anos nos que se vestía con sombreiro, nos que en Caldas vendían máquinas de escribir que eran campioas do mundo de resistencia e onde as pingas de tinta dunha Remington eran o mellor bautismo literario..

venres, 19 de marzo de 2010

A lingua: unha cuestión de números e gramática

por Pedro Rielo, en Galicia Hoxe

A onde se quere levar o galego? É unha pregunta nada retórica que se tivesemos unha leve idea de onde se sitúa o comprimo para con ela a súa consideración aforraría moitas horas en balde. Pouco axuda guindar balóns fóra como ten feito o conselleiro de Educación mirando os socialistas: é o que vostedes fan en Madrid. Ben, vale, pode ser, esas son as cartas, o reproche co dedo acusador para xustificarse. O que acontece é que isto, refírome a Galicia, non debería ser sucursal de nada ou colonia na nomenclatura marxista. ¿Queren unha lingua residual, relacionada con certos saberes clásicos? Unha lingua morta para que tome o aire nos días de alborada e que acompañe a un potente aturuxo. Porque se non non se entende cales son os criterios pedagóxicos que impiden explicar as ecuacións, as fórmulas químicas, os compoñentes do nitróxeno en galego e, en troques, si o hábitat das salamántigas, dos paspallás, das carqueixas ou dos caramuxos. Cuestión de números, de contas que parten dunha visión parcial.
Algo clarexa este decreto se vai convencendo a Galicia Monolingüe (o de bilingüe é un apelativo que se contradí coas súas intencións) e se pasa a ser o manual de estilo do goberno. O debate sobre o estado da Autonomía deu conta do caos lingüístico e da pobreza de expresión nun totum revolutum. O portavoz do PPdeG proclamou que "nunca tanto galego se falou na rúa" co que estaba reclamando unha recua de sonotones no seu partido. O líder dos socialistas acusaba a "cordialidade lingüística" de Feijóo situándoo na pole position dos presidentes que pasarán á historia por "haberlle feito máis dano á lingua en toda a democracia". Non está mal como exemplo dun galego contaminado, proba suficiente de que fai falla moita ensinanza. Son moitos anos de desigualdade, de falar ou tentar facelo en público, pero preferindo que non entre na casa, non vaia ser que se perda certa compostura. Para corrixir erros, máis dun debería ser castigado a escribir no encerado en plan Bart Simpson unhas cantas veces: en galego non existen os tempos compostos, non se deben empregar castelanismos, cómpre ter coidado cos pronomes, coas terminacións que sempre están amolando? Está claro que os nenos precisan, non máis galego, senón galego para evitar esnaquizar a nosa alfaia verbal. Deberíanse repartir gramáticas, mesmo compartilas cos conselleiros que teñen o costume de expresarse publicamente e de xeito reiterado en castelán, en contra do que reclama o Estatuto de Autonomía, aínda que para algúns debe ser un texto menor.