Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Rodri Suárez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rodri Suárez. Amosar todas as publicacións

mércores, 26 de novembro de 2014

Bícame, son galego

por Rodri Suárez no Sermos Galiza:


Foi despois dun concerto en Andalucía de Transportes Hernández & Sanjurjo, a alianza minimalista entre o cantante de Siniestro e o acordeonista dos Diplomáticos. Unha das persoas presentes estabeleceu contacto cos artistas -“asíname isto e o outro” e todas esas cousas- e durante a pequena conversa dixo: “Siniestro Total son moi grandes, é unha mágoa que canten en galego”. Mimá. No entanto, a frase contén gran información. Por exemplo sobre a capacidade do grupo vigués para crear un universo propio que pode provocar que un sevillano pense que cantan en galego cando a súa obra é moi maioritariamente en castelán. Ou sobre a constatación de que existe unha sensibilidade -por desgraza ben estendida polo Estado- segundo a cal todo idioma que non sexa o español convértese nunha eiva. En todo caso, Siniestro si ten cancións na lingua propia de Galiza. Unha delas, malia o título en castelán, chámase Bésame, soy gallego.

domingo, 19 de setembro de 2010

O pacto polo galego, un brinde ao sol

por Rodri Suárez, xornalista, no Xornal:

Nunha desas artimañas que con tanta facilidade se filtran polas simplezas da política actual, ao PP bastoulle con enviar catro mensaxes aos lugares axeitados para que se expandira a sensación de que os populares decidiran cambiar a súa actitude lingüística, marcada por certa hostilidade cara á normalización da lingua galega. Ao parecer, a idea de Feijóo e os seus era a de baixar o ton e teimar na oferta dun pacto arredor do galego no que puidesen sentirse cómodos socialistas e nacionalistas. Pero, como adoita pasar coa maioría das iniciativas da actual Xunta, a cuestión quedou nun par de titulares na prensa e pouco máis. O comezo do curso escolar e os primeiros datos sobre a aplicación do novo decreto foron suficiente para quitar o disfraz. O PP segue como antes, ou sexa, lonxe do galeguismo.
Incluso vai máis alá. Na súa cruzada contra determinados e tímidos avances para o galego, os populares non deixan de innovar. Tampouco rexeitan pequenos xogos manipuladores. Por exemplo, o pasado mércores, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, subía á súa conta en Facebook esta anotación: “O Tribunal Superior de Galicia non atopa indicios de ilegalidade no decreto do plurilingüismo e polo tanto denega a súa suspensión cautelar”. Así foi. O TSXG non atendeu á petición d’A Mesa pola Normalización xa que considera que a aplicación da norma non vai crear danos irreparables. Pero diso a entender que avala o texto da Xunta media un abismo. Porén, o Goberno galego vendeu a súa moto, estendeu a idea que o decreto xa conta co aval duns xuíces que só decidiron sobre a petición de suspensión cautelar, non sobre a súa legalidade. A polémica norma aínda pode ser tombada polo Tribunal, ou cando menos matizada. Sábeo Feijóo, que non obstante tras o consello da Xunta suxeriu o contrario, participou da manipulación.
Seica ese suposto, e semella que irreal, cambio de ton do PP respecto ao galego ía ser encabezado polo presidente da Xunta. Pero nas súas declaracións desta semana, tanto no Pleno do Parlamento como en San Caetano, as variacións foron inexistentes. Volveu acusar a PSOE e BNG de “imposición” e definiu o curso que comeza como “o primeiro do equilibrio lingüístico”. Pero non escolleu bo día para facer esa afirmación. Foi o mesmo no que, segundo os informes do sindicato STEG, se coñeceron os datos da elección dos pais en Infantil, o único tramo do ensino no que o PP puido meter con calzador a votación que lle esixía Galicia Bilingüe. No referente ás cidades, o 40% dos proxenitores escolleu galego, pero só o 12% dos centros impartirán a súas clases na lingua propia do país. Polo tanto, ­nunha achega revolucionaria no estatístico e incluso no conceptual, o PP regala á humanidade un novo concepto de “equilibrio”. Nada de 50-50. A harmonía é 88-12. Glorioso. De feito, os clubes galegos xa deberían pedir a utilización desta fórmula nas súas respectivas ligas, posto que aplicando a vangardista teoría de Feijóo e compañía unha derrota por seis a un pode considerarse un empate.
Case un 30% dos pais que pediron que os seus fillos fosen educados en galego serán sometidos ao castelán que elixiu unha axustada maioría que, dende logo, deixa claro que a política da Xunta está a crear novas capas de poboación dispostas a dar un paso adiante na defensa da lingua propia. Non é a situación ideal, pero que catro de cada dez pais elixa o galego nunha contorna tan complicada para este idioma como é o das urbes de Galicia evidencia a creación de novas conciencias, durmidas ou algo preguiceiras no lingüístico ata a chegada á Xunta deste PP de Feijóo. E poucas aparicións teñen maior capacidade de mobilización galeguista que as de Gloria Lago. Con ese pouso cada vez máis evidente de xoguete roto á desesperada, a presidenta de Galicia Bilingüe obtivo a súa periódica cota de protagonismo denunciando o traballo dos Equipos de Normalización, aportando ademais nomes e apelidos, na máis pura tradición das listas negras. Os responsables da normalización nos centros responderon con coraxe pero tamén con elegancia. Lago, non contenta, volveu retalos. Feijóo tomou distancia dela pero recoñeceu que as súas queixas serán estudadas pola consellería de Educación. Galicia Bilingüe vai facer todo o ruído que poida neste comezo de curso. A Xunta quererá facer como que non vai con eles. Pero o PP alimentou o monstro. E posiblemente, volva tirar del nalgunhas cidades así como vaian achegándose as municipais. Desagradable horizonte.

domingo, 20 de xuño de 2010

A Lei de Normalización do galego, acosada polo PP

por Rodri Suárez, periodista, no Xornal de Galicia:

A decisión está tomada por moito que razóns tácticas recomenden agochala. O PP ten previsto atacar a Lei de Normalización do galego que aprobou por unanimidade o Parlamento en 1983. Aquela norma, sempre con timidez, foi a guía da política lingüística das institucións galegas ao longo da presente autonomía. Ata hai quince meses, cando o novo PP de Núñez Feijóo gañou as eleccións e retomou o poder na Xunta de Galicia. Dende entón, aquela Lei recoñecida pola propia dereita converteuse para os gobernantes populares nunha sospeitosa, nunha incomodidade e as máis das veces nun vello ornamento doutros tempos que xa non consideran actuais. Agora, este PP prefire apostar pola “liberdade lingüística”, termo cuxa tradución ben podería ser a de deixar morrer o galego por inanición e que se basea en crenzas manipuladas que equivalerían a defender a “liberdade urbanística” malia que poidera levarse por diante a Catedral de Santiago ou a “liberdade de ser ignorante” pola que calquera tería dereito a que na escola non lle aprenderan a contar máis alá do cinco, que é o número que se necesita para poñer a Belén Esteban na televisión, que iso si que é cool para as novas xeracións e non a choromicas de Rosalía.
Vai contra a Lei de Normalización o novo PP. Non o dixo ata o de agora Feijóo, que incluso sostén que o polémico decreto das linguas no ensino, que aprobou entre protestas da oposición, e da comunidade escolar se axusta a ela. Porén, esa afirmación xa foi posta en dúbida polo propio Consello Consultivo e moitos xuristas. A Lei de 1983 indica que a introdución do galego nas aulas ten que ser sempre progresiva de forma favorable para a lingua propia, algo que non ocorre co actual decreto, que abre a porta a reducila ao 33 por cento dende o mínimo do 50 por cento que dictaba a derrogada norma do bipartito, que tamén permitía superar esa porcentaxe de galego, algo que volverá atrás na actualidade xa que o PP non autoriza superar a metade das materias, algo que en número de horas favorece ao castelán. Polo tanto, non é certo que a actual Xunta respecte a Lei de Normalización por moito que o seu hábil discurso publicitario asegure o contrario. Como non será acorde á regra legal que aprobara o Goberno de Albor esa norma que a Xunta sacará da manga para legalizar a elección de lingua polos pais. Din unha cousa, pero fan outra. Soa a aperitivo. Unha vez que a Lei de Normalización xa non valga na práctica será o momento de fulminala da teoría institucional. Primeiro o acoso, logo o derrube.
Os tempos xa están marcados para boa parte da dirección do PPdeG. En vermello aparece a campaña electoral para as municipais, que será longa. Os eixes da promoción popular fixarán a súa mirada nos supostos “despilfarros dos bigobernos” pero outra, especialmente nas grandes cidades, acometerá contra a lingua galega. Candidatos urbanos como Carlos Negreira ou Corina Porro presumen sen reparo do seu achegamento a organizacións como Galicia Bilingüe, contrarias a todo aquilo que teña que ver cunha Lei de Normalización que, nun dos seus puntos, declara que os topónimos oficiais serán sempre na forma galega, o que fai precisa a súa derrogación para que, por exemplo, A Coruña engada o ‘L’ castelán a súa denominación oficial, asunto que será central na campaña herculina do PP, talvez ante o despiste monumental dos socialistas locais, moi amigos de xogar con esa posibilidade en contra da posición do seu partido a nivel galego.
A sentenza que o PP dictou sobre a Lei de Normalización xa ten tamén o seu reflexo no día a día. O decreto do ensino rebautizou os equipos escolares de normalización como equipos de dinamización. Seica non hai nada que normalizar arredor do galego, que como se sabe é o que usa todo o mundo para pedir traballo no centro comercial, dirixirse ao xuíz, o médico e o policía, ademais de utilizarse amplamente nos medios de comunicación. Ante tamaño panorama, os coordinadores provinciais deses equipos decidiron dimitir. Queda claro que traballar pola lingua con esta Xunta é complicado. Porque semella que máis que unha secretaría xeral de Política Lingüística o que hai é unha secretaría xeral de contención do galego. E o que virá.

domingo, 23 de maio de 2010

Feijóo teima en alimentar o conflito do galego

por Rodri Suárez, xornalista, no Xornal de Galicia
Alberto Núñez Feijóo é un político con grande capacidade estratéxica. O éxito da súa carreira non se pode entender sen recoñecer a súa visión mediática, tanto agora no Goberno como, moi especialmente, no período anterior á campaña das eleccións autonómicas do ano pasado. Ten o presidente da Xunta bo olfacto e certa habilidade no dominio dos tempos políticos. Ese mérito non llo negan nin os seus adversarios políticos, loxicamente en privado. Pero ás veces, esa característica do líder dos populares galegos tamén amosa vías de auga. Ocorreulle en determinadas etapas da fusión das caixas e moi claramente con case todo o que ten que ver co conflito do galego, onde segue sen ser capaz de establecer unha rede de complicidades que relaxen a polémica e avalen a súa aposta, practicamente orfa de apoios fóra do propio PP.
A intelixencia política de Feijóo queda en evidencia arredor da lingua. Púidose comprobar esta mesma semana. O xoves, o Consello da Xunta aprobou o decreto sobre o uso do idioma no ensino. A redacción foi a esperada, co galego reducido á nada na educación infantil das zonas urbanas e o inglés ameazando a medio prazo con encoller a presenza da lingua propia, entre outros puntos polémicos. Quedou fóra a consulta aos pais, onde a Xunta tivo que ceder ante o claro ditame crítico do Consello Consultivo. Porén, nunha manobra sorprendente e un tanto sobrada, Feijóo anunciou que fará unha lei para legalizar esas mesmas enquisas. Polo tanto, a aprobación da norma non pecha a fronte lingüística, que segue a contar con flecos abertos. Unha decisión politicamente moi arriscada. Na vez de intentar que a poderosa defensa do galego vaia perdendo folgos, quizais devorada pola rutina e a crise e quedando nunha crítica moito menos central na axenda do que foi no primeiro ano de lexislatura, o PP opta por avivar a tensión con novas normas e leas nos centros, o que manterá viva e seguramente musculosa a protesta. De feito, tamén se espera que a hostilidade co galego sexa unha das pautas da campaña popular nas municipais na Coruña e Vigo, polo que semella evidente que nun tema tan espiñento como o do idioma o PP pretende saír a peito descuberto, o que resulta arriscado e seguramente, pouco responsable. Pode trabucarse nese apartado Feijóo. Non sería a primeira vez.
Nas entrañas do PP galego tiñan plena confianza en que a súa aposta lingüística acabaría sendo apoiada polo PSOE. Pero o vazquismo actual dos socialistas galegos pouco ten que ver co dos tempos do embaixador do Vaticano. Nunha decisión que o honra, o PSdeG mantén o pulso contra Feijóo no tema do galego. Percibiuse na manifestación do pasado Día das Letras Galegas, onde participaron moitos membros da dirección con perfil e presenza propia, moito máis visibles que en citas anteriores. “Pensaron que a lingua era unha cuña para abrir unha fenda entre socialistas e nacionalistas, pero trabucáronse”, destaca o deputado Xavier Carro. Ten razón. Fracasou o presidente da Xunta nunha das súas tácticas preferidas, a de dividir á oposición. E está a triunfar Pachi Vázquez, capaz de sumar a todo o seu partido nunha postura que non levanta demasiadas simpatías nalgúns sectores urbanos da súa formación. Se o galego é un grave problema para Feijóo é pola pluralidade ao seu favor. Quedou claro este 17 de maio, tanto nas rúas de Compostela, de novo ateigadas de manifestantes, como no Courel, onde a Real Academia Galega plantou elegante cara ás propostas do Goberno autonómico, o que obrigou a Feijóo a propoñer un pacto que rapidamente quedou claro que só contía fume.
E por se todo isto fora pouco, tamén dende a dereita medran as críticas contra o líder dos populares. Galicia Bilingüe xa o acusa de “traidor” e “mentireiro”. O grupo de Gloria Lago, apoiado no seu día por importantes referentes do PPdeG nunha boa xogada no electoral pero terrible no institucional, séntese defraudado e presiona á Xunta sabendo que detrás está a posibilidade dunha pequena pero significativa fuga de votos que deixarían aos populares para irse con UpyD, sempre que sexa capaz de repoñerse dos insultos de Rosa Díez, ou incluso a formacións localistas moi hostís co idioma propio, como pode ser o caso de Unión Coruñesa. A soidade do PP neste campo é absoluta. Só algunha asociación de pais dos centros privados está do seu lado. O resto, en contra. Ese feito nótase na incomodidade que amosan dirixentes como Alfonso Rueda, empeñado en apagar o lume con gasolina con cargas explosivas como a dirixida aos manifestantes do 17-M, acusados de “ditatoriais”. Fea estratexia.