Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta fotos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fotos. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de maio de 2011

17 de maio: acto de Queremos Galego na Estrada

17 de maio na Estrada. Arredor da convocatoria da plataforma local de Queremos Galego, e dirixidos polo escritor David Otero, desenvolveuse o acto de afirmación na defensa da nosa lingua. O momento que se ve na foto é o da lectura do manifesto. Despois viría a actuación de Manoele que nos deixou a todos engaiolados, e a intervención de moitos que durante case unha hora se achegaron para recitar un poema.
A pancarta estivo colgada durante un día na Praza da Farola, no centro da Estrada, mais pola chantaxe da zunia acabou sendo retirada. 


martes, 10 de maio de 2011

A rede social

 

A imaxe da esquerda é a dun póster de divulgación da película nortemericana A rede social (2010), na que se relata a creación do facebook, tirada da Wikipédia
A imaxe da dereita, do sempre incisivo tumblelog As miñas historias.

venres, 8 de abril de 2011

David Copperfield nom tem nada que ver com isto

por Séchu Sende, maxistral, desta vez sobre a onomástica, no Galicia Confidencial. Aproveito para recomendar o blogue de Séchu: Made in Galiza

Olha esta foto. Um sinal borrado. Quem puido fazer desaparecer o topónimo e por que?


Num país como o nosso, onde o sinal dumha estrada poderia ser objecto dumha tese de doutoramento, que pensas tu ao olhar essa fotografia? Qual será a sua história? 

O caminho que leva á praia sempre foi para caminhar, areoso, arisco. Mas aquel dia aquela mulher tivera que colher o tráctor três vezes para librar da areia um picasso, um ibiza e mais um audi. Turistas.

Aínda que bem se via que a estrada se fazia pista e a pista, caminho e o caminho, corredoira de areia, os turistas, no canto de arrumar os veículos onde acabava o asfalto e seguir a pé, avançavam com os turismos para a praia, mesmo até a praia.

E os carros ficavam varados na areia. Inúteis. Na tranquilidade dos dias, as aceleraçons eram cantos de impoténcia...
A mulher nom entendia como era possível aquela falta de senso comum. Tanta… Venhem das cidades e… Nom sabem mais. E cada verao vai a pior. E claro,  temos que ir rescata-los. Pobres. Explicou-mo mais ou menos com essas palavras.

Assi que despois de que aquel turista madrilenho lhe dixera, logo de lhe remolcar o volvo com o tractor: Lo que hace falta es asfaltar, que esto es un atraso, a mulher colheu umha lata de pintura do garagem e foi onde o sinal, na beira de estrada, e fixo desaparecer com pintura branca o nome da praia, esse nome ao que algumha guia lhe asignava cinco estrelas e um adjectivo mágico: virgen, playa virgen.

E o sinal ficou branco, vazio, sem palavras. E assi foi como aquela mulher fixo desaparecer umha praia.

Pouco a pouco deixarom de aparecer papeis, latas e plásticos nas dunas, entre as papoulas de praia e as ervas de namorar, entre os ninhos dos maçaricos e os das pílharas papudas.

O desvio na estrada deixou de indicar um caminho para Algures e os turistas nom adoitam abandonar um caminho sem sinalizar. Pouca gente se aventura a entrar num caminho que abre um misterioso indicador em branco, branquejado. Esse vazio… um sinal assi só pode conducir a Ningures. Ninguém quer ir a Ningures porque nom é possível ir a Ningures.

Umha mulher fixo desaparecer umha praia e fixo-o por umha questiom de supervivéncia. Escondeu-na para que nom sofresse.

E esta é umha história real.

Agora quem tem a sorte de conhecer a praia protege-a ocultando o seu nome.

Contam que o mágico David Copperfield fixo desaparecer um jumbo num aeroporto dos Estados Unidos mas na Galiza umha mulher fixo desaparecer umha praia de vários quilómetros.

Os sinais das estradas visibilizarom durante anos e visibilizam hoje os conflitos lingüísticos, políticos, sociais e culturais com os que convivemos. E aínda hoje seguem a ser espelhos dos nossos conflitos, símbolos de destruçom e criatividade, de agresiom e resisténcia.

A psicologia ambiental estuda as relaçons entre o comportamento do ser humano e o meio ambiente. Poderiamos dizer que todo cámbio no comportamento das persoas provoca cámbios no ambiente e que, viceversa, as mudanzas no meio ambiente criam transformaçons no comportamento humano. Este texto foi escrito especialmente para aquelas persoas que nom crem, -ou que nom podem imaginar sequera-, que umha palabra pode cambiar o mundo.

Se quando umha palabra desaparece pode chegar a desaparecer umha praia, devemos saber que qualquer palabra que pronunciamos pode cambiar o mundo. É inevitável: as nossas palabras mudam o mundo!

Som poderosas. Som muito mais poderosas do que muita gente pensa.

xoves, 27 de xaneiro de 2011

125 anos de Castelao

A Federación Galiza Cultura que reúne varias asociacións culturais celebrará o vindeiro domingo 30 un acto ás 17:00 consistente na realización de homenaxes simultáneas polo 125 aniversario do nacemento de Castelao. Ese mesmo día, en Bonaval celebrarase unha homenaxe semellante.
Na Estrada será na praza do Concello, onde se colocará unha faixa conmemorativa. Os organizadores neste caso, a Asociación Cultural Vagalumes e o Concello da Estrada, solicitan aos asisten que participen na lectura dun texto de Castelao en defensa da lingua.

domingo, 9 de xaneiro de 2011

As 3 de Ardebullo

Que é o que fai Feijóo nesta foto?
O venres pasado vin un anaco do Luar. Como sempre, estaban Mucha e Nucha, as pandereteiras de Ardebullo.  Todo o mundo sabe que, a pesar de apareceren só dúas nas festas e nos programas de televisión, teñen outra irmán da que falan de cote. Contra o final do programa contaron un chiste no que falaban de como á irmá ausente se lle dera por recoller retallos de roupa para facer colchas; fixera tantas que ata as usaba para tapar con elas as vacas... mais isto derivaba nun problema. As vacas abrigadas coas colchas daban leite callado. E éste era o chiste.
O problema é que as de Ardebullo víronse na necesidade de explicar o chiste, había quen non llo entendera:
- ... o leite callado é a leite cuajada, la cuajada,...
Agora, xa sabedes o papel de Feijóo na foto.

Imaxe vía Arde Galiza, mas nom queima!

martes, 28 de decembro de 2010

Ano do libro e da lectura

Polo visto a Xunta declarara no seu día este ano que se acaba, ano do libro e da lectura.
Xa hai quen, hai un ano, explicaba os defectos desta celebración. Pasou o tempo e puidemos disfrutar de actos como o do Día do Libro, un día de moita chuvia. Na  Consellería de Educación tiveron a luminosa idea de arraiar 20.000 libros polas prazas das cidades de Galicia. Coa borrasca eses libros acabaron completamente enchoupados.
Visto todo coa perspectiva que nos dá o tempo, non é difícil concluir que foi unha pena que non tiveran ocorrencias moito máis produtivas... como a que deixo por aquí e que atopei no blogue Lux.

mércores, 20 de outubro de 2010

Camiñando pola lingua

A principios de mes a plataforma Queremos Galego invitábanos a todos a facer un camiño pola lingua en catro etapas nos domingos de outubro. Nesta fin de semana tócalle o turno á etapa correspondente ás terras nas que vivo e traballo, así que non podía deixar de poñer por aquí o anuncio desta xornada. Grazas ao Concello da Estrada e á coordinadora local de Queremos Galego, termos autobús gratuito. A animarse, que 25 quilómetros non son nada.

















Para anotarse: 986 570030 ou na dirección de correo: aestrada@queremosgalego.org

mércores, 6 de outubro de 2010

Radicalismo

A min non me gusta falar da zunia neste blogue, pero xa vai sendo hora de denunciar os burdos ataques que algúns lle fan á nosa lingua, que non son outra cousa que insultos á cidadanía galega.
O radicalismo é a palabra que mellor define a actitude de Carlos Negreira. Proclama sen vergoña ningunha que vai espallar o uso da forma ilegal *La Coruña para referirse á cidade pola que é candidado á alcaldía. Deste xeito atenta contra o consenso social que se acadara no seu día coa promulgación da Lei de Normalización Lingüística, a cal proclama que a única forma válida da toponimia de Galicia é a galega.
Velaí o que é un que se reivindica defensor do  bilingüismo: un radical que atenta contra as bases da convivencia pacífica establecida nas leis fundamentais con que nos dotamos os galegos.

martes, 28 de setembro de 2010

Foto sociolingüística

Atopei esta foto remexendo no Google earth.  Cando a vin pareceume un retrato da situación social do galego. A nosa língua que, como as vacas, vai a modiño pola pista. Aínda así, as autoridades  póñenlle un sinal de prohibición de circulación.
No entanto o castelán, con paso preferente, corre pola autoestrada.
Cal é o obxectivo final desta política lingüística? A foto tamén nos da a resposta: queren pechar a nosa lingua nunha reserva, o mesmiño que as vacas na herbeira. Para iso levan o pastor eléctrico.

domingo, 5 de setembro de 2010

Dinamización lingüística

No canto de normalización os ventos xélidos do funesto decreto 79/2010 sopran pola dinamización. Debe ser certo, non hai mais que ver a foto que me acaba de chegar. Asegúranme que é o taboleiro do equipo de normalización dun instituto da Coruña.

mércores, 11 de agosto de 2010

Vostede se atopa aquí

Hai algunhas semanas tiven unha avería no ordenador, o asunto é que non tivo posibilidades de reparación e houbo sobre todo moitas fotos que acabaron quedando no limbo. Din recuperado algunhas como esta, que non é que a poña aquí polo fea que é, case só se lle ve o flash. Está aquí pegada porque é un exemplo máis de como anda a nosa lingua. Trátana a paus.
A foto foi sacada na Catedral de Santiago, antes da semana santa. Trátase dun rótulo informativo trilingüe.
En inglés: "You are here"
En español: "Usted se encuentra aquí"
En... galego?: "Vostede se atopa aquí"

sábado, 24 de xullo de 2010

Gloria en inglés

O post anterior fíxome lembrar unha foto que teño da sinalización que había na estada  do Pórtico da Gloria que acaban de ser retirados hai uns días.
A foto saqueina eu, polo tanto é moi mala, no entanto non está aquí pola súa calidade, senón pola curiosa tradución presente neste cartel.
En castellano, non vos hai problema, está claro que estamos no Pórtico de la Gloria.
En galego, neste caso, menos mal, a cousa vai tirando, trátase do Pórtico da Gloria.
E en inglés? pois curiosamente, en inglés, o Pórtico noméase en castelán, Pórtico de la Gloria. A mensaxe está clara, o galego non é un idioma que serva para o importante, pode estar ben para uso doméstico nalgunha reserva,  pero para dar a coñecer un dos nosos maiores ben culturais como é o Pórtico da Gloria, podemos darlle unha patada ao noso maior tesouro colectivo, o galego. Desta vez da man da Fundación Pedro Barrié de la Maza.

sábado, 29 de maio de 2010

Síntete como na túa casa: fala sempre en galego

Que fan aquí todas estas zapatillas?, ou como dirían en Aguiño, que fan aquí todas estas rusas?











Excelente campaña do CEIP de Aguiño:
Trátase de sentírmonos como na nosa casa, falando sempre en galego.



mércores, 19 de maio de 2010

Quedou só

Xa non é a primeira vez que o comentamos, Galicia Hoxe está destacando polos seus artigos orixinais, lonxe do copiar-pegar noticias cociñadas nas axencias. Tiveron desta vez a boa ocurrencia de acompañar esta foto dun artigo valorativo sobre o día seguinte ao 17 de maio.

Que máis precisa Feijóo?

Portada do Xornal de Galicia o 18/5/2010

martes, 18 de maio de 2010

A pancarta máis orixinal



Esta foi a pancarta máis orixinal da manifestación convocada por Queremos Galego o día de onte, 17 de maio.
A foto foi sacada na Praza do Obradoiro!
 O lema:

O meu pai foi un toxo eu son un toxo, o meu fillo será... ¡¿unha "aliaga"?!