Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta manipulación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta manipulación. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de xuño de 2025

Retorcendo o significado das palabras: neutralidade para que?


 por Goretti Sanmartín, en Mundiario:

Son moitas as ocasións en que a dereita e os sectores máis reaccionarios se apropiaron de palabras connotadas positivamente para exercer o control ou para falsear a realidade. Ao famoso caso da proclamación dunha inxusta “liberdade” que pouco ten a ver co verdadeiro significado de “libre”, podiamos acrecentar o do “plurilingüismo” que o PP utilizou para reducir a presenza do galego, especialmente no ensino. Porque a diversidade lingüística só pode ser unha realidade facendo que as linguas minorizadas, as realmente discriminadas, teñan un apoio importante por parte das administracións. Non é que o digamos nós, nin o nacionalismo galego, nin a Sociolingüística xeral, nin a Academia e universidades. É que é unha evidencia constatada por autoridades europeas que denunciaron as restricións do uso do galego na docencia.

martes, 11 de febreiro de 2020

A ocultación do informe do Consello de Europa na TVG sometido a control no parlamento



O colectivo Defende a Galega, que denuncia os recortes na CRTVG así como a manipulación informativa desta entidade, publicou este vídeo no que a deputada do PSdeG Noela Blanco pon en evidencia a ocultación do crítico informe do Consello de Europa sobre a situación do galego. A nova só se emitiu no informativo con menos audiencia e nun corte de só 30 segundos.
A lectura da resposta do director xeral Alfonso Sánchez causa vergoña e remítenos a pensar como é posible que personaxes deste calibre estean ocupando (e cobrando) postos de responsabilidade cun soldo parello pagado por todos nós. Non o merecemos

mércores, 9 de outubro de 2019

Como mentir coas estatísticas do galego.3


Este cartel foi difundido polo secretario xeral de política lingüística nas redes sociais. Nel preséntanse seis cifras, todas elas son enganosas. Nun principio cabería esperar que os valores foron obtidos do estudo sobre o galego do IGE (2018) e que as variacións correspóndese á comparación co anterior enquisa do IGE (2013). Xa explicamos que o que se presenta como incremento na lectura en galego (+3,95%)  non é tal, senón a cifra absoluta da porcentaxe dos que len máis en galego ca en castelán. Os incrementos no trato cos superiores e cos clientes, foron obtidos sumando as pocentaxes de "só en galego" con "máis en galego", porén  o +2,71% é a cifra de incremento de uso exclusivo do galego cos comerciantes. Se neste caso non se lle engadiu a de "máis en galego" foi porque esta porcentaxe era negativa. Velaí, que segundo conveña a Xunta escolle ben uns datos, ben outros, e así manipula todos os valores.
Pasemos a explicar as dúas últimas cifras que aínda non se analizaron.
Lemos no cartel publicitario da Xunta o seguinte anuncio: un 48% emprega o galego nas redes sociais. Consultamos a fonte.



As cifras non coinciden. Que sucede? De onde sae ese 48%? Aquí conviña que o lector investigase nos datos e intentase pescudar como obter esa cifra dun 48% antes de seguir lendo. A resposta é para nota.
      ..................................................................................................................................................
      ..................................................................................................................................................
      .................................................................................................................................................. 

A cifra obterémola cando sumemos as as porcentaxes correspondentes ao ítems "en galego sempre", "máis galego ca castelán" e... "máis castelán ca galego"!: 8,25 +18,03+21,65=47,93, que, redondeando, nos dá ese misterioso 48% . As mesmas razóns servirían para sumar un 92% ("en castelán sempre"+"máis castelán ca galego"+"máis galego ca castelán") de internautas que e empregan o castelán nas redes sociais. Nin este valor, nin o ofrecido pola Xunta son realmente informativos. Se o propósito fose o de facer unha análise seria e rigurosa para adoptar as medidas acaídas ao que reflicten os datos sociolingüísticos non se manipularían os datos.

Consideremos agora a cifra de +4,48%. O cartel foi publicado xusto despois de facérense públicos os datos do IGE sobre o uso do galego no 2018. Todo o mundo entende, polo contexto, que respecto do anterior estudo, do 2013, houbo un aumento dun 4,48% do uso do galego na internet. No seguinte gráfico temos todos os datos desta epígrafe.


Un exercicio moi ilustrativo consistiría en obter, a partir dos datos aquí expostos, o valor destacado pola Xunta: +4,48%. Aposto a que prácticamente ninguén é capaz de obtelo. Con todo, conviña pararse un momento a intentalo antes de continuar lendo. Outra vez a pescuda é para obter unha nota alta, pois a deturpación é ben retorta.
     ......................................................................................................................................................
     ......................................................................................................................................................
     ......................................................................................................................................................

Vou dar a solución: ー4,48= 69,47-73,95. Efectivamente, houbo un decrecemento dun 4,48% na navegación exclusivamente en castelán no período 2013-2018. A manipulación non é pequena, a Xunta toma, sen xustificación algunha, este decrecemento do castelán como un crecemento do uso do galego. Que manda truco! Basta mirar á esquerda do diagrama de barras para ver que a porcentaxe dos que navegan sempre en galego é ridícula e que, neste caso, se houbo aumento, nin sería prudente indicalo pois prácticamente queda subsumido no erro que se lle permite cometer aos datos do IGE.
É imposible que alguén con algo de vergonza se atreva a divulgar que houbo un incremento dun 4,48% no uso do galego en internet, sabendo que a cifra dos que navegan nesta lingua é dun 1,29%. 

Continuará.

luns, 7 de outubro de 2019

Como mentir coas estatísticas do galego.2

Seguimos co estudo da manipulación que fai a Xunta dos datos obtidos polo Institituto Galego de Estatística (IGE) sobre o estado da lingua galega e seguimos tamén co mesmo cartel.

Ámbito laboral
Nesta ocasión botarémoslle un ollo aos datos marcados e que fan referencia a dúas grandes áreas do estudo do IGE, as correspondentes ao ámbito social e laboral. Con respecto ao segundo grupo recóllense dous datos neste cartel, un incremento de +3,11% na lingua empregada cos superiores e outro +2,29% na utilizada cos clientes. O que non se di é que estas cifras obtivéronse de sumar os ítems "en galego sempre" con "máis en galego ca castelán" polo que no anunciado incremento de uso do galego, vai incluída unha parte que podemos atribuir á outra lingua. En todo caso, para obter estes resultados houbo que facer sumas de porcentaxes moi pequenas. Sacar conclusións triunfalistas disto é polo menos aventurado. Veremos a razón.
Para facer unha enquisa cómpre escoller unha mostra. Os datos obtidos son os resultados da mostra, non os da poboación. Así e todo, se somos prudentes, podemos tirar determinadas conclusións sobre esta última. Esa prudencia consiste en ter sempre presente que os valores que ofrecemos non son exactos; poden estar sometidos determinados erros. A ventaxa, neste caso, é que o estudo do IGE pode abarcar unha mostra enorme, duns 23.000 individuos, polo que o erro para datos de toda a poboación galega nunca debería superar, con bastante seguridade, 土 0,65%. Velaí que o máis prudente sería consignar que nos últimos cinco anos houbo un estancamento na situación, sobre todo se acompañamos dunha visión máis ampla.
No ámbito laboral o IGE ofrece tamén resultados sobre a lingua usada cos compañeiros e cos empregados. En todos os casos vemos un panorama con porcentaxes moi semellantes para 2013 e 2018. Que sentido ten buscar cifras irreais e descontextualizadas?

Ámbito social
Quédanos aínda un valor por comentar, ese +2,71% na epígrafe "con comerciantes". Aquí si, a cifra é correcta e fai referencia á evolución do ítem"en galego sempre". Nesta ocasión non se lle sumou a correspondente diferenza ao ítem "máis en galego ca castelán", posiblemente porque aquí houbo unha pequena redución de -0,38%. Polo tanto, se tivesen a honestidade de colocar sempre a mesma cifra, no canto dun +2,71 deberían ter posto +2,33. Unha forma ben miserable de manchar as mans. Total, por unhas décimas. A prepotencia é o que ten.
Outra vez non se dan as outras cifras do ámbito social: na relación cos amigos, o médico, a banca ou a Administración os resultados do 2018 prácticamente repiten os do 2013. Tamén se oculta a variación máis grande de todo o ámbito social e que se dá na lingua con que se fala cos profesores dos fillos. Neste caso os que só usan o castelán aumentan nun +4,02%. Ben curioso a Xunta oculte  o maior de todos os incrementos.
Ficou claro. A Xunta mente. Ademais no tema da lingua faino decote. Ten que ofrecer unha visión triunfalista e deturpada da situación da lingua para xustificar unha atroz política lingüística.
Se somos serios e honrados non creo que de todos estes datos se poida extraer outra conclusión de que o declive do galego freouse nestes dous ámbitos durante estes últimos cinco anos. Isto lévanos a enxergar que hai unha masa social resistente que está disposta a apostas pola nosa lingua. Xa que logo, debemos aproveitala. Outra lección que sacamos destes datos é o fracaso de todos eses agoreiros da morte inmediata do galego.
Agora ben, o retrato xeral non é bo. Nos ámbitos social e laboral houbo dun decrecemento de uso do galego de entre un 11% e un 13% no transcurso dos últimos 15 anos. Se abrimos o foco, o panorama neste intervalo é como o do seguinte gráfico, co galego (liñas azuis) en descenso e o castelán (liñas vermellas) superando ás azuis.




Continuará.

venres, 4 de outubro de 2019

Como mentir coas estatísticas do galego. 1

O escritor norteamericano Darrel Huff publicou no ano 1954 un libro de éxito, How to Lie with Statistics (Como mentir con estatíticas) no que debullaba como manipular as estatísticas para "causar sensación, deformar, confundir e simplificar inxustificadamente". Así Huff daba exemplos de distintos casos nos que se usaban diversos tipos de engano. Dificilmente podería imaxinar este escritor que o seu tratado podía adicarse en exclusiva a un único acontecemento, sustentado por un único actor. En efecto, o nivel de desvergonza da Xunta en relación aos datos sobre o estado da lingua galega é insuperable. Nunha serie de entradas vou mostrar a adulteración que, desde o goberno galego, se fai dos datos obtidos polo IGE na enquisa quinquenal de coñecemento e uso do galego

Nesta ocasión comenzaremos coa última cifra deste cartel, divulgado desde as altas instancias da Secretaría Xeral de Política Lingüística. aos poucos días de publicarse os datos do IGE. Parece que se fai referencia a que houbo un aumento, +3,95%, da lectura en galego. Polo contexto enténdese que as cifras indican incrementos dos resultados da enquisa do IGE do 2018 respecto da anterior, do 2013. Se facemos a comparativa entre os datos destas dúas enquisas sobre a lingua dos libros que lemos os galegos, vemos que non houbo cambios. O máis prudente sería afirmar que neste aspecto a situación segue igual. Entón, de onde sae esa cifra de +3,95%? Non se trata de ningún incremento, fai referencia á porcentaxe de persoas que len máis en galego que en castelán (datos 2018). A gráfica explica moi ben tanto a mentira do cartel como a febleza do mundo editorial en galego, moi condicionado por unha lei zombie, que frustra o seu potencial.


En todo caso o mellor é ir á fonte limpa e consultar os datos da porcentaxe de persoas segundo a lingua que usan para ler libros:

Se alguén ve o aumento que eu non vexo, prégolle que mo explique.
Continuará.

venres, 6 de setembro de 2019

No em canviïs la llengua



Grazas a un chío de Anxos Sobriño tiven coñecemento desta iniciativa de cidadáns que, sendo de orixe estranxeira, piden que non lle cambien a lingua cando falan con eles. A proposta tivo o seu espazo na televisión pública catalana, tal e como podemos comprobar neste vídeo.
No programa fálase de como unha falsa interpretación da "boa educación" levan á cidadanía a invisibilizar a lingua do país. Se o noso interlocutor ten con rasgos foráneos traizoamos a nosa lingua e cambiamos inmediatamente para o castelán. O cambio incluso pode suceder cando falamos con alguén que se expresa nunha variedade dialectal distinta da nosa lingua. Visibilizar estes prexuízos e argallar formas de enfrontalos é o obxectivo final deste programa. Alguén puido oir na TVG algunha reflexión semellante a algunha das que verqueron neste espazo durante os 10 últimos anos? Como a resposta é negativa, debemos preguntarnos ata onde alcanza o nivel de manipulación do imaxinario colectivo galego por parte dos medios de comunicación.
As reflexións debulladas neste espazo son de primeiro curso de sociolingüística. Xa que logo, forman parte dos alicerces para desfacerse dos prexuízos lingüísticos. Se non divulgamos este tipo de saberes estamos abríndolle as cancelas aos comportamentos socialmente tóxicos. Nisto consiste a política lingüística da Xunta, na exclusión dos saberes que nos farían máis libres e que incidirían na diminución das desigualdades.

domingo, 2 de xuño de 2019

Por que o chaman fake news cando queren dicir mentiras (sobre a lingua)?

por Marilar Aleixandre no Sermos Galiza:



Non se escandalicen de que lembre as consignas de Goebbels: "unha mentira repetida mil veces convértese en verdade". Aínda que unicamente chamemos nazis aos nazis, estas estratexias goebbelianas de repetir o que se sabe falso son as empregadas polos Trump, Bolsonaro, ou máis perto Abascal e Casado. Levamos anos escoitando as ladaíñas da dereita sobre galego, catalán ou eúscaro, porén na escalada verbal das últimas semanas destaca a afirmación de Abascal de que en Álava, onde naceu, "non se pode escolarizar os nenos en español".

martes, 12 de decembro de 2017

A voltas co galego


Se hai uns días podiamos ler un excelente artigo que, coa desculpa da proximidade da data límite de recepción de candidaturas, se facía un repaso polos premiados co Manuel Beiras, nesta ocasión chéganos unha campaña da SXPL en colaboración co Foro Enrique Peinador, impulsan o consumo de produtos etiquetados en galego nas vindeiras datas festivas. 
Mágoa que os responsables da campaña non fixeran unha divulgación que faga da campaña un éxito. O Foro Enrique Peinador colgaba no seu muro de facebook o vídeo co lema En galego, sen voltas!, porén os que non anden polo monopolio virtual de Mark Zuckerberg non se enterarán dainiciativa. O caso da SXPL é unha nova mostra do desleixo da Administración xa que se limitaron a soltar unha nota de prensa na que nin se amosa o vídeo nin nada, e aí acabouse o conto.  Non merecía este proxecto un espazo continuado na publicidade da TVG?
De que serve, entón, unha campaña oculta coma esta? O seu único obxectivo é o de intentar tapar que a política lingüística de promoción do galego é completamente nula. A SXPL xa ten a desculpa perfecta para xustificar o seu apoio á galeguización no sector empresarial, velaquí como colabora nunha campaña invisible. A quen vai concienciar, se ninguén ve a campaña? No colmo do cinismo, a SXPL reivindícase neste xogo do escondite como valedora dun Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no parlamento no ano 2004, do que é o seu máximo enimigo. Tanto é así que nin tan siquera pode ocultalo na nota de prensa de autobombo:
Os obxectivos desta iniciativa, emanado [sic] do Plan xeral de dinamización [sic!] da lingua galega [non existe tal Plan, si que hai un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por todo o parlamento no 2004 e desbotado polos gobernos de Feijóo] son [1] crear consciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; [2] estender o uso da lingua galega no ámbito económico, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos, e mais [e 3]utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.
Pode que resulte algo repetitivo, pero tamén será aleccionador recordar os tres obxectivos específicos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega:
[1] Crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias.
[2] Estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais.
[e 3!!!] Fomentar nas persoas consumidoras o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.
Parece ser que desde a Administración, despois de renegaren na práctica dos dous primeiros, abxuran tan radicalmente do terceiro que ata o substitúen por outro que non aparece por ningures no verdadeiro Plan Xeral de Normalización.

Velaquí que comprobamos, unha vez máis, como a plantilla da Xunta só traballa co único obxectivo de perpetuarse no poder. Pouco, máis ben nada lle importa que o uso do galego sofrise un retroceso descomunal no último decenio, retroceso que foi propiciado por unha política lingüística radical contra todas e cada unha das posibilidades que poidera haber de abrirlle camiño ao galego en cada un dos ámbitos do arco social. 

venres, 8 de decembro de 2017

Día da Ciencia en Galego 2017 e as iniciativas intoxicadoras da Xunta

Un ano máis a Xunta volveu a intoxicar a celebración do Día da Ciencia en Galego. Non é certo que esta celebración teña nada que ver coa celebración do día 10 promovida pola UNESCO, isto non é máis que unha mentira que vén reiterando a Secretaría Xeral de Política Lingüística desde o ano 2011. Para intentar aumentar a confusión, desde a Consellería de Cultura, instaurouse outra celebración, a do mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Pregúntome con que libros se pretende levar a cabo esta presunta iniciativa xa que vivimos as horas máis baixas en canto á publicacións científicas en galego. A responsabilidade única de que isto sexa así cae sobre os mesmos que fan estas convocatorias intoxicadoras.
O Día da Ciencia en Galego, o 4 de novembro, instaurouse co obxectivo ben clariño de denunciar as prohibicións para impartir aulas en galego especialmente nas materias científicas (matemáticas, física e química e tecnoloxía) que impón o funesto decreto 79/2010, mal chamado do plurilingüismo.
Ben barata lle sae á SXPL toda esta manipulación xa que o único que programou para o mes da ciencia en galego foi unha charla no CPI Domingo Fontán de Portas.


Xeral



Centros de ensino


Vídeos

mércores, 28 de setembro de 2016

Nanas para adormecer unha lingua

por Nel Vidal no dixital Praza Pública:

Acción propagandística, si. Non foi outra cousa a publicitación da Cesta Benvida que, sen ser máis ca unha caixa de mostras, desde a Xunta se encargaron de que se comparase coa caixa finlandesa. Esa coa que no país nórdico se garanten sustento e abrigo básico para os primeiros meses de vida e que, ademais, vai acompañada de axudas sociais e económicas ata a maioría de idade.

sábado, 12 de setembro de 2015

O novo portal da SXPL non ten memoria

Onte presentouse un novo portal na arañeira que será a imaxe a partir de agora da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O anuncio publicita a novidade como un paso adiante para facelo máis actual e máis transparente. Se o primeiro é certo o segundo é mentira.
Efectivamente, a renovación vai permitir que a SXPL nos ofreza unha imaxe máis actual, e en moitos casos con máis facilidade para acceder á información e aos seus recursos. Por exemplo, se imos ao apartado de lexislación, agora dispoñemos dun filtro que nos permite escoller en función de distintos parámetros (organismo que lexislou, tipo de lei ou tema da mesma).
Outra novidade positiva é a liberación do tradutor Gaio, ferramenta que antes só estaba dispoñible para o uso interno da Administración, pero que a partir de agora está a disposición de calquera na rede.
Pola contra se buscamos as noticias sobre a lingua, do que anteriormente había un arquivo de máis de sete anos, agora atopámonos con que a primeira entrada é de hai tres meses. Aínda máis, fixeron desaparecer todas as ligazóns ás entradas de toda a historia anterior da SXPL. Nada existía antes de onte. Así que agora non ficarán desaparecidas cousas como:


  1. A mentira do incremento dun 45% na dotación orzamentaria da SXPL para a USC
  2. A evidencia de que a Xunta silencia unha proposta de edición multilingüe de obras literarias galegas, catalás e vascas
  3. O maltrato aos ENDL dos centros de ensino que fixo que a CGENDL pedira a dimisión do secretario xeral de política lingüística
  4. Non termos coñecemento da Suspensión dos cursos de lingua galega no Espazo das Linguas Ibéricas en Madrid nin da promesa dunha nova convocatoria antes de finais deste ano.
  5. Non veremos as fotos dos altos cargos homenaxeando aos científicos galego cando a un tempo prohiben o ensino das ciencias en galego. Polo menos tampouco temos á nosa disposición ese insulto que viña sendo o Outono de ciencia, ese hipócrita apoio ao Día da Ciencia en Galego (lembremos que nin tan siquera o nomeaban así senón "Día da ciencia", sen galego)
  6. Tampouco teremos onde comprobar o cinismo no defenestramento dos cursos Celga, nin da atoleirada forma de actuar nas oficinas da SXPL cando se lle presentaban alegacións ao disparatado proxecto dos cursos Celga. Supoño que a pretensión é que esquezamos que sucederon cousas como que desde o profesorado de linguaxes específicas houbo sempre un intento de diálogo que nunca foi escoitado por parte das oficinas da SXPL. Cantas cousas teremos que esqucer? [1], [2], [3], [4], [5], [6], [7]
  7. Política Lingüística apoia un concurso literario en español de dous colexios do Opus, pero nós non o recordaremos.
  8. E que dicir da carta enviada pola CGENDL denunciando a inexistencia de materiais en galego nas ensinanzas da FP. Cambiou algo a cousa desde aquela?
  9. Tampouco teremos constancia do rexeitamento que a SXPL fixo do Plan Xeral de Normalización Lingüística, a pesar das mentiras verquidas nalgún artigo de opinión, que sabiamente foi contestado por ProLingua. +[8]. Por certo, algo deben ter as cadeiras da SXPL que fan que quen senta nelas se lle vire por completo o sentido. Postos a lembrar, que tal aquel artigo de Anxo Lorenzo, Política lingüística e 'consenso' en Galicia, no que gababa o decreto de uso do galego do bipartito.
  10. Non falaremos tampouco da negativa a insituir oficialmete o Día de Rosalía como data relevante para a celebración por parte do tecido cultural e escolar galego.
  11. Con esta xogada desapareceu tamén Nadal na rede, para que non vexamos que ano tras ano, non se ofrecía nada novo para a clebración dunhas festas en galego.
  12. Non volveremos a tratar o tema da redución dos orzamentos da política lingüística porque tampouco teremos a man as notas de prensa na que mentían sobre a cuestión.+[9]
  13. E que temos que dicir sobre o ensino?, cal é a valoración da Xunta? Estes artigos de David Lombao son moi esclarecedores([10][11][12] e [13]). No caso de querermos valorar ata que punto é profundo e transversal o ataque á lingua, teñamos presente que non se salvaron nin as avaliacións de diagnóstico nin as probas de competencias. Un aviso para as futuras reválidas da LOMCE?
  14. Nada teremos que contar sobre a exterminación do galego no Bierzo
  15. Pecharon o anterior portal da SXPL cando despois de anos e anos, aínda tiñan apartados sen estrear, ou [14]
  16. A SXPL vai poder anunciar falsamente, outra vez, que os orzamentos para os ENDL dos centros volveron a incrementarse., mais agora non poderemos comparar esta comunicación con outras semellantes de anos anteriores.
  17. A quen lle acorda aquel anuncio falso da SXPL ofertando material audiovisual inexistente sobre Vidal Bolaño?
  18. E que foi do intento fracasado de crear un competidor do Correlingua
  19. Quen vai poder ponderar o, polo momento inexistente, Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico se non podemos botar man da campaña de exportación en galego... e que fora anunciado en castelán? +[15]
  20. Agora, por fin a Rede de Dinamización Lingüística vai ser un invento que sempre funcionou a toda máquina, ao falar dela non amentaremos a inanición, nin a matanza, nin a redución de técnicos dos SNL, nin o mal funcionamento da actividades da Rede +[16], nin a súa defensa dos que deturpan a toponimia +[17], nin a extensión dos seus servizos a alguna Deputación.
  21. Tampouco traeremos ao primeiro plano a manipulación da celebración do Día da lingua materna nin do Día da Ciencia en Galego, nin do esquecemento do Día Europeo das Linguas
  22. Lembrarase alguén dos intentos da SXPL de monopolizar a posta en marcha do twitter en galego?, supoño que agora xa non.+[8]. Xa sabemos que os gobernos de Feijóo teñen un gran interese pola normalización no ámbito das novas tecnoloxías.
  23. Ao non ter memoria, non teremos en conta que o secretario xeral de política lingüística é da opinión de que só o 4% da poboación que fala galego é pola influencia da escola, argumento que usa para xustificar a redución do uso da lingua no ensino imposta polo funesto decreto do plurilingüismo.
  24. Ao non termos memoria, non invocaremos aquel anuncio cheo de faltas ortográficas emitido pola SXPL, nin lembraremos a avaliación negativa á Xunta ditaminada polo Consello de Europa polo incumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias despois dunha vergoñenta carreira de mentiras e estridencias capitaneada polo xefe da SXPL. 
  25. Se cadra, o peor de todo, é que aínda o que se está ben, tamén se fai mal. Velaí o bUSCatermos, para que o queremos se a un tempo prohibimos o seu uso nas escolas? 
  26. Finalmente, se alguén quer un resumo..., ou dous resumos, tres resumos, catro resumos, para non enterrar toda a política lingüística dos últimos anos no esquecemento.

sábado, 7 de marzo de 2015

Un sospeitoso incremento dun 45% para a normalización na USC

A tramposa redacción das notas de prensa da Xunta pode facernos pensar que a Consellería de Educación vai incrementar este ano o presuposto da USC para a normalización nun 45%. Segundo a miña interpretación, despois de anos de levar lendo este tipo de notificacións, seguramente o incremento será dun 3,7%. Explícome.
En primeiro lugar, non se trata dunha achega á USC senón ao Centro Ramón Piñeiro de Investigación e Humanidades (CRPIH). O orzamento que desde a Xunta se lle asignou o ano pasado a este organismo foi de 185.696 €. Este ano a asignación foi de, tamén, 185.696 €. No anuncio no que se fala dun incremento do 45% tamén se afirma que a cantidade que vai recibir o CRPIH superará os 192.000 € (son exactamente 192.516 €), isto é, un incremento do 3,7%. Entón, mente a Xunta? Pois si e máis non, pero máis ben si.
No Consello da Xunta do 5/03/15 aprobouse unha addenda ao orzamento inicial:
Nesta ocasión a addenda nas actuacións programadas ao abeiro da addenda [sic] afectan o proxecto Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal) e a o proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA)
Polo que con toda seguridade o incremento do 45% ao que se fai referencia será para esta acción en concreto, e non para a totalidade dos proxectos de normalización da USC como se dá a entender desde o propio titular da nota de prensa.
Velaí que cómpre ter moito coidado cando se len as notas de prensa emitidas pola Xunta. O triste é que en moitos medios aínda non aprenderon a lelas. Será que non queren.

Unha nota aparte
Os presupostos adicados ao "fomento da lingua galega" non deixaron de ir cara abaixo. Se xa no ano 2013 Nel Vidal denunciaba o enorme decrecemento sufrido nos anos anteriores, cunha redución do 70% no período 2007-2013. Con todo as cifras non deixan de baixar ano tras ano, coa consecuente redución de servizos normalizadores. Os orzamentos dos últimos tres anos foron de 7.454.355€ (2013), 7.079.868 € (2014) e 6.740.182 € (2015), o que significan reducións interanuais dun 5% e 4,8%.

P.S.: despois de publicada a entrada entereime de que o CRPIH non ten nada que ver coa USC. Polo tanto a nota de prensa da SXPL non é outra cousa que un monumento a Kafka.

domingo, 6 de xullo de 2014

Castelao

por Francisco Rodríguez, no Sermos Galiza:

Un non sabe como comezar para dar conta da magnitude da ocultación, a destrución e a ignorancia desprezativa que soportan a figura, a obra e a traxectoria política de Castelao, no marco da xa de por si marxinal e desprezada cultura e historia da Galiza. Só é comparábel á súa magnitude e importancia obxectivas como manifestación artística, cultural, intelectual, ideolóxica e política, que ten como referencia o pobo galego e expresa unha perspectiva galega do mundo. Manifestación e expresión, en moitos aspectos, antitéticas ás dominantes na cultura española da época, como é lóxico, pois se afirman no que esta trata de negar, combater ou ignorar. De entre todos os membros da Xeración de 1916, Castelao é o seu cumio máis sobresaliente, pola súa ocupación multifacética, a calidade da súa obra e a exemplaridade da súa contribución á causa do nacionalismo, que é como dicir á causa dunha Galiza consciente, digna e liberada. Hai moitas figuras senlleiras e mesmo proteicas nesa Xeración, pero ningunha reúne tantos aspectos diversos compaxinados de forma que o resultado puider acadar un valor simbólico tan claro como o de Castelao. Após Rosalía, é a figura e a obra más emblemáticas da cultura galega e, digámolo xa, a que encarnou mellor o esforzo do que debemos entender como política ao servizo de Galiza. É moito dicir no contexto dun período histórico, o da Primeira Grande Guerra, no que se produce, por fin, unha literatura nacional galega plenamente unilingüe e se asentan as bases para contarmos cunhas artes plásticas propias do país. Son manifestacións de mudanzas cualitativas que van parellas ás grandes mobilizacións agrarias a prol da redención ou abolición dos foros e aos intentos de autoorganización nacional, como As Irmandades da Fala (1916) ou a Asemblea Nacionalista de Lugo (1918).

Colgarse a medalla de Castelao

por Noela Blanco Rodríguez en Praza Pública:

Imaxino a Castelao observando asombrado dende o Panteón a esperpéntica sombra que algúns intentan debuxar da súa figura. Un dos nosos galegos máis ilustres, defensor da República, loitador incansable contra o caciquismo e as vellas concepcións reaccionarias, admirador e potenciador da nosa lingua, convertido en produto comercial por aqueles que só se lembran do galego para facer pomposos e hipócritas discursos. De seguirmos desdebuxando así a súa figura, máis pronto que tarde a “marca Castelao” acabará nos carteis de publicidade dalgún Banco, ou de produtos “made in Taiwan”.

venres, 4 de xullo de 2014

Medallas Castelao?

Así comenzaban os discursos dos galardoados con unha desas medallas que o querido Avelino Pousa Antelo rexeitara dignamente no seu día, como presidente da Fundación Castelao, e como gran difusor da obra e o legado do escritor, artista e político rianxeiro:


  • Juan Carlos Estévez Fernández-Novoa: "Voy a ser un alumno disciplinado y voy a cumplir el escaso tiempo que me ha sido concedido...". En español ao recibir unha medalla que debería honrar o nome de Castelao.
  • Carmen Fraga Estévez: "No existen palabras para agradecer la emoción que me produce esta medalla, probablemente el más gallego de todos los galardones,....". Tamén en español.
  • Francisco Javier Pitillas Torras : "Despues de ver a los galardonados de toda la historia de las medallas Castelao, no me queda más que agradecer..." A demostración final de que estas medallas non fan outra cousa que usurpar o nome do símbolo do galeguismo.


Finalmente Alberto Núñez Feijóo facía un uso partidista do acto de entrega para manipular precisamente a figura de Catelao.
Mentiu Feijóo ao dicir que nos reinados de Juan Carlos I e Felipe VI "Galicia ten a condición de protagonista" cando el é un dos orgullosos verdugos da Galicia orgullosa de si propia, sen dependencias nin subordinacións. En que momento as decisións dos galegos estiveron no primeiro plano do decorrer histórico dos últimso 40 anos? Cando co ingreso na CEE se estableceron as bases de destrución do sector agro-gandeiro galego? Cando se pechou Astano? Cando se nos concedu un estatuto de segunda no canto dun de terceira? Cales foron os deputados que defendon os intereses de Galicia?
Manipula Feijóo cando di que "A Monarquía constitucional permitiunos ser como queremos ser [...]. Nunca foi limitación senón impuso" pois ben sabemos que Monarquía e galeguismo son incompatibles, máis aínda, o fortalecemento da primeira implica un debilitamento da segunda, e viceversa. Nun artigo do ano 1933 Castelao deixábanos a seguinte sentenza: " monarquía quer dicir centralismo e república quer dicir descentralización". Mala parella forman, xa que logo, Castelao e a monarquía.
Xa que Feijóo garda un espíritu tan pequeno, que como diría Castelao, xa ten colmadas as súas ansias de liberdade con esta cativa autonomía, se atreve a lixar o pensamento do galeguista segundo a súa particular interpretación, non estaría de mal aplicarlle outras palabras do propio Castelao que tan cedo como no ano 1923 explicaba que as procamas anticaciquís ficaban baleiras se non tiñan contido galeguista, así concluía que:
" O cacique é un home que manda pol-a forza que lle dan en Madrid. O cacique non-nos representa a nós; representa ó poder central [...] Eu propoño ós irmáns da Causa que non se fale de caciques e que somentes falemos de representantes do poder cental"

luns, 17 de xuño de 2013

Aínda que non saíra na TVG, este ano celebrouse o Correlingua




Xa que non apareceu ningunha noticia sobre o Correlingua na TVG, convén deixar este vídeo por aquí certificando o que é unha das mellores iniciativas normalizadoras no ensino. Neste caso vemos imaxes de como se desenvolveu a xornada en Santiago.

xoves, 21 de febreiro de 2013

A pesar da Xunta, temos Twitter en galego.

Tal e como se pode comprobar nesta imaxe, Twitter anunciaba onte, 20/02/2013, que a comunidade romanesa e a galega dispoñían das súas respectivas versións.
Este novo tanto no haber da normalización debémosllo a @tweet_en_galego e a toda unha comunidade desinteresada de tradutores que, sen outro interese que a de acadar novos espazos para a nosa lingua, realizaron un enorme traballo desde o anonimato.
Para celebralo, a partir de hoxe, dixarei colgado neste blogue os chíos da conta @cartaxeometrica.

A historia do proceso.
A iniciativa Twitter en galego comenza a súa historia 7 de maio do 2011, da man de Carlos García Vieito, un estudante de Ciencias Políticas, cando crea @tweet_en_galego co fin de reivindicar a dispoñibilidade en galego desta ferramenta tecnolóxica. Desde aquela, toda unha comunidade de internautas colaborou para facer posible o que hoxe, por fin, é unha realidade, o poder dispoñermos de Twitter na nosa lingua. No proceso puxéronse en marcha varias iniciativas para facer chamamentos á comunidade internauta galega a incorporarse ao proceso de tradución dos que cómpre destacar a creación dun web e dun blogue.

A polémica do intento de apropiación da Xunta
Pouco antes das pasadas  eleccións autonómicas, unha noxenta nota de prensa da Secetaría Xeral de Política Lingüística que anunciaba: “O Twitter falará galego grazas a unha campaña respaldada pola Xunta”, o organismo autonómico intentaba apropiarse do traballo dunha comunidade anónima e desinteresada para o seu propio beneficio político.
Só houbo un contacto entre os promotores da tradución de Twitter e diferentes representantes culturais e institucionais, na que o único que se fixo foi darlle voltas ao discurso da  importancia do galego na rede, sen indagar nas posibles solucións ou respostas ante este problema. Foi un encontro do que o único que se sacou en limpo foi unha iniciativa en change.org de petición de sinaturas para apoiar a iniciativa do Twitter en galego. A repercusión disto no proceso foi nula, e a Xunta non aportou ningún tipo de axuda, nin técnica nin económica, nin institucional, nin de ningunha outra clase que desembocara no que por fin, o grupo de tradutores voluntarios, acabou conseguindo. Por iso a eles, e só a eles, lle debemos agradecemento.

Como configurar a conta de Twitter en galego
Basta con seguir estes poucos pasos: Ferramentas > Configuración >Conta > Idioma

O proceso non remata aquí. Hai que facer unha revisión de toda a tradución feita, correxir erros, amplicar o proceso para que as apps dos móbilies ou das tabletas tamén poidan dispoñer da súa versión en galego... Aquí a Xunta aínda podería apuntarse a botar unha man, pero despois do visto...

venres, 1 de febreiro de 2013

Manipulación, ortografía e orzamento na política lingüística











O 29/01/2013 a Xunta emite unha nota de prensa co titular: "A Xunta persónase no Supremo para ter opcion a recurrir as sentenzas do TSXG sobre o plurilingüismo" [sic]
Tal e como se pode comprobar na foto de aquí ariba, a nota contiña unha chea de faltas. O caso non é de estrañar, trátase da Xunta e dunha nota de prensa en galego. Non é maís que a evidencia de que o ensino da nosa lingua dista moito do que se declara desde a propia Consellería de Educación. O ensino do e en galego está, sempre estivo, baixo mínimos.
Ninguén pode imaxinar ao goberno do estado ou ao estremeño, por exemplo dando un tan pésimo exemplo de desleixo e descoñecemento.
O caso pronto tivo a súa repercusión mediática. Finalmente a Xunta, sen pedir desculpas pola zocada pega marcha atrás e manipula o seu web e fai desaparecer a nota de prensa que estaba a xenerar polémica na arañeira. Agora ao premer nesa dirección achamos unha anotación sobre Jesús Vázquez celebrando a paz. Mais non a paz lingüística xa que emiten un novo comunicado intentando xustificar a interposición dun recurso ante unha sentenza que o goberno valorou positivamente por, según dicían hai un par de meses, avalar a súa legalidade.
Para os curiosos deixo aquí o retrato da nota orixinal.
A presentación deste recurso contra as sentenzas do TSXG desvélanos o radicalismo instalado nos corredores do noso goberno. Pero tamén nos revela máis cousas.
É moi significativo que a nova do recurso non se poida achar no listado dos comunicados emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Será que este organismo non comparte a decisión do goberno? Será que a Secretaría Xeral de Política Lingüística non conta para nada na toma de decisións sobre a política lingüística?
Un artigo do Praza de hai uns días dábanos unha das claves para entender por onde anda a resposta. Os presupostos da SXPL reducíronse tanto nos anos do goberno de Feijóo que impiden na práctica a posta en marcha de ningunha política de promoción da lingua. Se lle engadimos isto a que todos os outros departamentos e Consellerías do goberno presuntamente galego manteñen unha actitude de desprezo pola normalización, xa temos os dous membros da ecuación preparados para ser resolta.

domingo, 21 de outubro de 2012

O conflito lingüístico como o cerne das eleccións do 21-O


A Mesa pola Normalización Lingüística non se cansa de denunciar a exclusión que sofre por parte da TVG. Ningunha noticia, a falta de asistencia ás roldas de prensa, son o menú diario que a televisión galega ofrece á maior asociación cultural de Galicia e que ademais ten como fin principal a defensa da lingua galega, un obxectivo que debería compartir ao 100% a canle televisiva. Mais agora o presidente d´A Mesa xa non terá motivos para queixarse de non aparecer nas televisións autonómicas pois todos os galego puidemos velo o pasado venres 19/10/2012 no telexornal.... catalán da TV3.[minuto 25:22]
Con todo o máis impresionante deste vídeo [minuto 23:50 a 26:30] é a forma de tratar a noticia das eleccións do 21-O en Galicia. Despois de explicaren algunhas cuestións xerais centran o debate político na cuestión do conflito lingüístico. A reporteira introduce o tema con estas palabras: "un dos temas máis recurrentes e máis poléminos nesta campaña, alén da crise, estivo no tema da lingua e a cultura galegas". De seguido podemos ver unha pequena reportaxe na que uns nenos de 1º da ESO dun instituto d´A Estrada están a recibir unha clase de matemáticas en galego. Mesmo vemos que o material que usan é o do EDAD do Proxecto Descartes, tantas veces gabado pola súa calidade neste mesmo blogue e do que manteño unha ligazón permanente aquí mesmo, á dereita, desde o momento da súa publicación.
Alguén lembra ter visto unha reportaxe semellante a esta na TVG? Incluso máis, foi noticia nalgún momento o conflito lingüístico nos últimos anos ou, pola contra o ocultamento informativo, convertido en sinal de identidade da canle galega, disfraza a realidade devolvéndonos polos raios catódicos un retrato chocalleiro da sociedade? Esta manipulación informativa, estendida á xeneralidade dos medios é a principal causa de que non consideremos importante a situación da lingua galega. Na última enquisa do CIS só era considerada un tema de preocupación para un 0,6% da poboación. Tendo isto en conta conviña que avaliásemos o noso estado social desde certa distancia. Aínda que a información ofrecida nesta reportaxe da TV3 é necesariamente incompleta, acertan en establecer un diagnóstico sobre un futuro que para nós, os galegos, fica oculto. Queirámolo ou non,  no dia de hoxe, 21-O, estamos escollendo tamén entre dúas opcións: unha aplastante imposición do español e unha necesaria restauración da lingua galega.

mércores, 25 de maio de 2011

Carta a Mar Pereira: galego máxico e desesperado

Para entender mellor esta carta aberta a Mar Pereira, Secretaria Xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica cómpre coñecermos os antecedentes. Non hai que buscalos moi lonxe pois podémolos atopar entre a restra de mentiras habituais da política lingüística deste noso país, concretamente as divulgadas por mor dunha xornada de carácter político-propagandista, revestida de normalización das novas tecnoloxías que se celebrou o pasado 19 de maio en Compostela e que debullei un pouco máis abaixo, neste mesmo blogue. Só agradecerlle a Miguel Bouzada as aclaracións que publica en Galicia Confidencial:

Non podemos asumir nin perdoar que se diga que o Plan de Acción de Fomento do Software Libre facilitou desde o 2010 que a Asociación Proxecto Trasno fixese un “importante” traballo ao traducir ao galego “diversos” aplicativos... é indignante a desinformación e imperdoable a ignorancia.
Por se non o sabe, o labor de galeguización de software, tamén o libre, ten décadas de tradición. Linux Torwalds crea Linux en 1991 e durante os anos 90 xa centos de galegos comprendendo a importancia do que significaba ter software en galego e a necesidade dunha Galicia dixitalizada se autoorganizaron para non perder tamén, como coa imprenta, este último tren para a sociedade galega. Quero lembrar cando menos o traballo de tradución durante moitos anos de Proxecto Xis, Galego21, Plataforma polo galego na informática, Ciberlingüa, GPUL, GLUG, Linux en Galego (LeGAL) e ultimamente Trasno (1999) así como de ducias de persoas individuais e con achegas concretas nunha cantidade inimaxinable de ferramentas e proxectos.
O monstro burocrático e as autoridades da Admón. responsables do idioma e da formación dos cidadáns estiveron clamorosamente ausentes. Estiveron dedicadas a asuntos transcendentes que xa ninguén recorda e financiando recursos para gardalos en sotos. O galego está nas TIC pola visión histórica da sociedade civil.
Hai que chegar nada menos que ao 2006 para ver a primeira participación da Xunta de Galicia neste ecosistema ao que entrou aplicando apisoadora, desprazando o traballo dos tradutores, financiando egos persoais de xente allea á comunidade e creando conflitos nun intento fracasado de ocupar de golpe o seu lugar. Outra vez, permítame dicilo humildemente, foi a sociedade arredor do Software Libre a que reconduciu a situación institucional a onde se necesitaba para sumar esforzos, crear vías produtivas, evitar desvaríos e por fin abrir o ámbito da Administración ao software que, por calidade e custo, é compatible co interese público, chegando a instituír e proxectar recursos para a creación das solucións que necesitamos.
No 2009 sofre de novo este ecosistema da galeguización de software unha agresión brutal, antieconómica, inxustificable, sectaria desprezando o que a comunidade: tradutores,  desenvolvedores, divulgadores, formadores, empresas, institucións e usuarios tiña logrado e suprimindo a única canle de cooperación porque na súa ignorancia non soubo ver a diferenza entre xestión política e xestión institucional.
Agora di vostede que Trasno fixo algo importante traducindo varias e inconcretas cousas. Falamos de case 15 anos de desprezo da Administración que xa son abondo como para que agora veña, señora, a insultarnos cunha inconcreción como "diversos" .O grupo Trasno é o primeiro que propón converterse en equipo “oficial” recoñecido internacionalmente por GNU. Esta é unha diferenza específica de Trasno fronte a todos os demais grupos de galeguización. Hoxe en día este colectivo representa dignamente a Galicia no ámbito internacional nos proxectos de software de maior proxección social.
Miles de aplicativos, centos de miles de cadeas, millóns de palabras en galego en proxectos que son sostidos hoxe ou teñen vinculación actualmente co Proxecto Trasno: Mozilla (Firefox, Thunderbird, Fennec,...); Chromiun (1ª tradución mundial do navegador e sistema operativo); Calibre (xestor de libro electrónico); Abiword, Koffice, OpenOffice.org, LibreOffice, Ubuntu (el só máis de 3.000 aplicativos onde o galego ocupa o posto 15 a nivel mundial), Fedora, Debian, GALPon MiniNo, Linux Mint, Mandriva, openSUSE, Gnome (o galego entre os 10 primeiros do mundo), KDE, LXDE, Xfce, CMS (Spip, Drupal, Joomla …); Translation Project; Locamotion (TTK); ROX-Filer; iceWM; Inkscape; FileZilla; Xogos: 0 A.D., 4DTris, Atomic Tanks, A batalla por Wesnoth, DccNiTghtmare, Enigma, FlightGear (e ducias máis)... para que seguir?
O 80% do software en galego que se usa é Software Libre. O software máis usado en galego en calquera ámbito é froito do traballo da Asociación Trasno; é tamén froito de Trasno máis do 95% do software actual libre, aberto, de balde e en galego. E iso é así desde hai anos, sen recibir ata o de agora ningún tipo de recoñecemento substancial nin axuda básica por parte dos responsables das políticas de promoción do noso idioma. Creo que debe ser para non sentir vergoña.
O voluntariado que traduce software en galego desde hai máis de 20 anos é o responsable do 90% do galego nas TI. Se se financiase o SwL como se fai co privativo, todos os cidadáns poderían optar polo galego en calquera situación. Se os proxectos lingüísticos e de software financiados con diñeiro público tivesen asociada unha política de cumprimento dos estándares e de licenzas libres (que protexen a propiedade intelectual) o galego podería gozar dunha situación de vangarda tecnolóxica, un inmenso celeiro de recursos e servizos aos cidadáns que se poderían reutilizar, mellorar ou adaptar a plataformas e tecnoloxías do porvir e constituiría para Galicia un sector económico de innovación a escala mundial.
O proxecto Abalar é un acerto pero estase implantando con miras de curto alcance. As traducións dos programas para que se poidan utilizar en galego fanas os voluntarios sen ningún tipo de compensación. A sostibilidade do galego nun proxecto tan oneroso e importante non está garantida.
Falla estrepitosametne a credibilidade da súa política, moita propaganda e poucos efectos prácticos: Ese Plan non debe ser grande cousa cando a inmensa maioría da poboación non sabe nin o que é o Software Libre aínda que o utilice a diario na Internet. A única voz que se escoita é a da Admón. autonómica, por que? A súa propia Admón. emprega software privado e en castelán nas actuacións públicas. Non se corrixiu a politización da acción da Admón. Neste campo, séguese desmontando o que funcionaba moi ben e cortando a evolución de proxectos galegos claves de innovación e galeguización, protexendo o elitismo ante unha sociedade que xa decidiu non esperar a que os respecte e que os supera, e cada contrato que asina amplía os complexos sobre a capacidade dun desenvolvemento autocentrado.
Galicia estivo sempre chea de persoas emprendedoras, xenerosas e cunha mentalidade permanentemente aberta ao mundo, do que participa sen renunciar á súa galeguidade.
Vostede non está proxectando Galicia internacionalmente, nin conectando a sociedade galega coas demandas do sec XXI, vostede está proxectando en Galicia a empresas foráneas, someténdose a multinacionais diversas que non crean nin un posto de traballo no país e que non supoñen ningunha adquisición de capacidade e coñecemento tecnolóxico con valor creativo, de futuro, alimentando intereses alleos ao desenvolvemento propio dos galegos, que é moi diferente. Chámanlle política bananeira.
Haberá que dicilo claramente. O Software Libre e en galego non é unha opción, é imprescindible. Afortunadamente está a salvo de manipulacións políticas aínda que haxa políticas que o combaten. Está aquí para quedarse máis que os políticos de oportunidade. Vostede quizais crea que está chegando á xente pero non, protagoniza como moitos neste Goberno unha política de bandazos, elitismo, agresións e descoordinación brutal entre departamentos, sumando incompetencias, molicie e desenfoques de todos eles.
Pero sobre oportunismos hai algo máis que dicir. Aproveitarse do traballo da comunidade de Software Libre para os seus proxectos políticos sen asumir a súa cultura participativa á hora da formación da vontade e acción pública, sen garantir aos cidadáns galegos sequera que a súa Admón. se responsabiliza de ofrecer os medios para que se poida usar en galego é unha fraude política, socioeconómica e cultural.
A comunidade non fai maxia e necesita recursos, perspectivas prácticas de emprego, desenvolvemento profesional e empresarial, respectabilidade, como os que a Admón. ofrece ás grandes empresas para beneficio dos seus propietarios. Non nos dedicamos ao negocio económico e cremos que tampouco debería ser obxectivo das políticas públicas axudar a cadrar balances das corporacións privadas estranxeiras que teñen un nulo compromiso coa sociedade galega. Non se engane, non é ese o beneficio que debe procurar e igual que vostede agora pasa por riba dos demais, virán outros que tirarán por terra incluso o bo que vostede poida deixar. Son vostedes así.
O Software Libre non ten propietarios, claro, senón participantes, comunidade de ámbito global, aberta a todos, plural e meritocrática de onde todos e todas tomamos e que se realimenta do mellor de todos, progresando responsablemente. Competindo con igualdade de armas e transparencia. Usar, adaptar, aproveitar é algo pero remata nunha visión pobre e acomplexada sobre o Software Libre. Galicia debe contribuír, crear, compartir como mínimo en dúas facetas para construír a sociedade que queremos, un mundo máis xusto, cálido, libre e sustentable: innovación e  galeguidade.
Así o leva facendo Trasno desde hai máis de 10 anos en “diversos” aspectos.