Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xurxo Borrazás. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xurxo Borrazás. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de xuño de 2021

Linguas boas e linguas malas


 por Xurxo Borrazás en Nós Diario:

Cando o Partido Popular (PP) impulsor do decreto lingüístico que na escola impide dar aulas de matemáticas en galego ou nas oposicións elimina o requisito do seu coñecemento celebra “a lingua que nos une” e promete medidas de fomento do seu uso, lembro unha entrevista na radio a un veterano humorista e debuxante de cómic andaluz, o grande Andrés Vázquez de Sola, na que lle escoitei a xenialidade de que “os curas malos había que aforcalos coas tripas dos curas bos”.

domingo, 3 de marzo de 2013

Ferrín morreu, viva Ferrín

por Xurxo Borrazás, na Praza Pública:

Son escritor galego e desde esa condición digo que a miña relación coa Real Academia Galega en máis de dúas décadas foi a mesma que co club de hípica da Coruña, que nin sequera sei se existe. Tampouco sei, pero sospeito, que non son o único autor ou autora que milagrosamente conseguiu sobrevivir á marxe da academia. Quero dicir que as declaracións, comentarios e réplicas con pompa e drama que estes días se están a verter en medios e foros son na súa literalidade unha comedia irrelevante. Se me paro a observalos é porque dentro do ir-relevante viaxa sempre de polisón o relevante. Desa observación son froito as seguintes consideracións soltas:

sábado, 14 de maio de 2011

A lingua preferida

Aínda que é o manifesto da IV Festa da Lingua (Carballo, 7 de maio), é moito máis, porque estas liñas din unha chea de cousas que non están explícitas pero que si están aí, ben palpapbles;  por Xurxo Borrazás, vía CNTL:

Non queremos unha lingua excelsa, preferímola vulgar. Tampouco a queremos celebrada, preferímola falada. Non a queremos amábel, preferímola impertinente. Non queremos unha lingua fermosa, preferímola útil...

...Non queremos unha lingua de escritores, preferímola de mecánicos, de taberneiros, tendeiros, médicos, xuíces e mariscadoras, de xornalistas, de músicos, de albaneis, de travestís, de futbolistas, taxistas e labradores. Non queremos unha lingua de mestres, querémola de estudantes. Non queremos unha lingua baixo os focos, preferímola transparente. Non queremos unha lingua con historia, preferímola con futuro. Non queremos unha lingua ritual, nin virtual nin ideal, preferímola real. Non queremos unha lingua doce, azucrada, na que todo soe ben, preferímola salgada. Non queremos unha lingua de letras, preferímola de ciencias. Non queremos unha lingua de espíritos, preferímola de corpos. Non queremos unha lingua de erotismo, preferímola de sexo. Non queremos unha lingua de xardín francés, preferímola de bosque. Non queremos unha lingua folk, preferímola punk. Non queremos unha lingua limpa, preferímola sucia, chapuzando en todas as pozas. Non queremos unha lingua doméstica, preferímola fóra. A ver esa lingua! Non queremos unha lingua sentada, preferímola a bailar. Non queremos unha lingua de pau, preferímola eléctrica. Non queremos media lingua, preferímola enteira. Non queremos unha lingua nosa, querémola de todos. Non a queremos de confidencias, preferímola de aturuxos. Non a queremos de domingo, preferímola de diario. Non a queremos recibir, querémola dar. Non a queremos discreta e virtuosa, querémola de troula. Non a queremos nos libros, querémola nos contratos. Non queremos lingua de natureza, querémola de fábrica. Non queremos diplomas, aspiramos ao podio. Non queremos cans, queremos vacas. Queremos unha lingua escaladora, ciclista, surfista, fogueteira, moinante, zulú. Non a queremos santa, querémola voraz. Non a queremos excepción, querémola norma. E tampouco a queremos norma, mellor infracción. Querémola feiranta. Non a queremos conmemoración, querémola festa. Ou rutina. Non a queremos grande, querémola nosa. Non a queremos nai, querémola amiga. E senón inimiga, pero sempre enfronte, a escape libre. Querémola en inglés e querémola en verde. Querémola na boca dos nosos adversarios. Querémola deslinguada, montaña rusa. Querémola en google e en yahoo. Queremos lingua Messi, lingua Pelé. Non queremos unha lingua quieta, querémola en marcha e de man en man, coma se nada. Queremos unha lingua a almorzar de hotel, buffet libre, relax total. Queremos mil primaveras máis, mil vendimas logradas, mil nevaradas brancas e mil veráns na area ao sol. Querémola en marcha e non a queremos nada. Preferímola toda.

venres, 18 de marzo de 2011

O 'caso Pillado'

Unha vergonza. Só a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asoaciación de Escritores en Lingua Galega (AELG) se pronunciaron en apoio de Francisco Pillado cando Anxo Lorenzo o botou do premio Repsol, un premio do que  Pillado foi o principal impulsor. E iso que Anxo Lorenzo, segundo el mesmiño declara,  só é un sociolingüista, non un político. Neste arito de Xurxo Borrazás, no xornal El País, conta o que hai:


O valor da arte e dos produtos artísticos é dobre. En primeiro lugar existe un valor absoluto, non suxeito a comparación: a arte galega, por exemplo, é importante para nós porque é a que elaboran os nosos artistas. Que noutros ámbitos, ou rankings, non sexa aprezada na medida en que nós xulgamos que debe selo, non a convirte para nós en inútil ou menos valiosa, igual que un fillo que non destaque ten o mesmo valor para o seu pai e súa nai que outro que si o fai.
En segundo lugar, a arte ten máis ou menos mérito en función da súa orixinalidade. Este valor é, agora si, susceptíbel de ser exposto a comparación. Así, calquera que defenda a narrativa de Otero Pedrayo, como debemos facelo tanto polo seu valor intrínseco como polo arriba exposto, sabe que o de Trasalba non era Kafka. A relación entre os dous aspectos valorativos é conflitiva e hai quen pensa que o primeiro é político e o segundo obxectivo. Porén, a posición contraria tampouco sería indefendíbel. Por que senón as literaturas non occidentais ou das linguas minoritarias teñen vedado o recoñecemento obxectivo?
A defensa da cultura galega debe pivotar sobre estes dous eixes: o orgullo do noso e o orgullo da excelencia. Do mesmo xeito, a ansia por destruír a nosa cultura debe atacala neses mesmos flancos, o que a asocia á identidade do pobo que a crea e o que a asocia á orixinalidade obxectiva. A actual Xunta faino coma ninguén.
Un dos flancos da política cultural do PP dedícase a disociar a produción artística galega da Tradición que aseguran defender. No canto de "galegos" agora resulta que somos "de Galicia", prímase a difusión das artes desligadas da nosa creación cultural maior, a lingua, ou vólvese poñer en marcha o ventilador de que tan literatura galega foi a de Cela como a de Manuel Antonio. As obras do Gaiás, sen agardar á pola de loureiro, inaugúranse cunha afirmación deste discurso disolutorio.
A arma para desactivar a orixinalidade ten forma de premios e subvencións, de confusión do terreo dos creadores co terreo da oficialidade, dunha funcionarización do labor dos artistas acadada por medio da dependencia económica ou, moito máis, polo silenciamento das voces díscolas e fóra de ton. Así se entende a destitución de Francisco Pillado como coordenador do premio de narrativa Repsol, e sobre todo as reaccións que provocou nas nosas institucións culturais: ou sexa, a case absoluta ausencia de reaccións a un ataque que busca eliminar resistencias á nosa funcionarización. A melodía que entre esas institucións arrasa é a de poñerse de perfil e asubiar mentres se olla para os biosbardos.