Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Héitor Picallo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Héitor Picallo. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de xullo de 2021

Un libro contra os niquiriqueiros: "Pola nosa lingua"


O pasado xoves 15/07/2021 presentouse na Praza da Música o libro de Xosé Mª Lema "Pola nosa lingua". O acto, organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, foi presentado por Marcos Borrageros. Acompañaron ao autor do libro na presentación Maca Arca e Héitor Picallo, a primeira, membro de ProLingua tamén é autora do epílogo e o segundo ademais de ser o autor do prólogo é o ilustrador do texto.
Xa se indica no subtítulo do libro que se trata dunha compilación de trinta e un textos en defensa do galego publicados en diversos medios ao longo de 10 anos. Entre eles figuran os cinco artigos polos que o autor recibiu o Premio Manuel Reimóndez Portela en 2010. A data que dá inicio á compilación, 2009, marca o comezo dunha etapa de agresión á nosa lingua por parte do goberno galego; precisamente moitos dos textos deste libro teñen como tema central a denuncia de tales políticas.
Durante a súa intervención Maca Arca achegounos un termo propio do Val do Fragoso (Vigo), "niquiricas", "niguiriqueiro" e o seu verbo asociado "niquiricar". Refírese a aquel que aparenta con acenos, sons e exhibicionismo que se traballa ou fai algo con dedicación cando na realidade non se fai nada de nada. Velaí o termo máis acaído á política lingüística que practica a Xunta. 

mércores, 16 de xuño de 2021

Pola nosa lingua

"Pola nosa lingua" (2021, autoedición)  podía ser o título dun manifesto ou ben o lema dun escudo que levar sempre con orgullo no peito. Mais neste caso o "Lema" era outro, Xosé María Lema. El é o autor dun libro deste título que se presentou o  pasado venres 11/06/2021 na Biblioteca do Grilo, en Cacheiras (Teo). Alí estivo acompañado de Francisco Fernández Rei e Héitor Picallo.

Trátase dunha recompilación de artigos aparecidos en diferentes medios durante a última década, todos arredor do tema da lingua e a súa relación coa sociedade. Por detrás enxérgase a pantasma do decreto de exclusión do galego, protagonista de moitos deles. Lembro con especial emoción o titulado "Unha gran pira (de libros galegos) no Obradoiro", do que recollo estas palabras que fan referencia á eliminación e posterior prohibición dos libros de texto das materias científicas en galego

Como o “noso” Goberno xa decidiu a extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral compostelá o maior número de libros escolares de materias científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de Rosalía e Castelao

O autor non aforra en calificativos aos supremacistas que nos gobernaron nesta funesta década para a normalización. De Jesús Vazquez Abad, o conselleiro que promulgou o decreto de exclusión, di que é un podador de bonsais. A Santiago Amor, do que fora alcalde de Ames, repróchalle a súa hipocrisía recollendo o premio Lois Peña Novo para aniquilar o SNL catro meses despois. Sobre todos os demais está Feijóo, ao que acusa de practicar coa lingua políticas franquistas, fronte a el o ex-ministro de Franco, Manuel Fraga pode gabarse de ser todo un demócrata.

As teimas de Lema abrollan unha e outra vez en varios dos artigos nos que aparecen a figura do Balbino de "Memorias dun neno labrego" ou a activista Rosa Parks. Tamén destacaría outros aparecidos no portal de ProLingua como os adicados ao cornuallés ou á situación lingüística belga (I e II). En definitiva, estamos diante dun bo fateixo de reflexións sobre a lingua que non pode faltar na biblioteca de calquera cun mínimo de sensibilidade co galego. 

Todo un acerto foi contar coa colaboración de Héitor Picallo para ilustrar a edición, desde a acertadísima portada ás múltiples caricaturas, achéganos unha chuvia de cores e, tal e como comentou o propio ilustrador, achega unha carga de modernidade que o fai máis atractivo para un público ben precisado deste tipo de lecturas, os rapaces novos. 

luns, 7 de marzo de 2016

"Non quero xogar ás agachadas coa lúa"

O vindeiro venres 11/03/16 ás 20:00. na Casa das Letras da Estrada, a escritora Estela Suárez xunto co ilustrador Héitor Picallo, presentarán o libro infantil Non quero xogar ás agachadas coa lúa, da editorial A Fervenza. No acto intervirán a crítica literaria Romina Bal, o escritor David Otero e o profesor Carlos Loureiro. A presentación está organizada pola Asociaciación Cultural Vagalumes.


Aproveito o anuncio desta actividade para dar conta dun novo blogue aberto por Héitor Picallo onde promete ir deixando textos de interese  histórico e cultural. As entradas que inauguran este blogue tratan de dúas figuras que teñen moito que ver coa ciencia galega e que foron presentados no CPI Don Aurelio Marcelino Rei García (Cuntis) no Día da Ciencia en Galego. O primeiro dos personaxes é Manuel Xacobe Fernández Mariño, orixinal de Ribeira estivo relacionado coa balneoterapia, o segundo é Antonio María Valenzuela Ozores, profesor no Instituto de Pontevedra, é o autor de recoñecidos traballos científicos e inventor dun aparello para medir a permeabilidade do terreo.

luns, 7 de decembro de 2015

Voa paxariño




A mesa editou un novo libro dirixido ao público infantil, para potenciar o uso de vocabulario galego, neste caso concreto, o das aves comúns.
As aves, conta con 30 ilustracións de Calros Silvar. O obxectivo é o de aprender, identificar e provocar interese polo mundo das aves nas nenas e nenos. Moi necesitamos estamos deste tipo de publicacións, sabendo que o panorama de exclusión do galego na educación infantil denunciado pola propia Mesa hai ben pouco
A publicación faime recordar un libriño de Héitor Picallo, editado por Edicións Fervenza, Tilirin e os paxaros, que lle gustaba tanto aos meus pequenos que acabou destrozado de tanto repasalo.
Magín Blanco volve a colaborar coa Mesa coa canción Voa paxariño, nesta recreación audiovisual estilo teletubbie.
Velaquí un adianto do que podemos ver neste libriño:

luns, 7 de abril de 2014

Acto de presentación do libro "Coa lingua na terra", de Héitor Picallo

PictureEste pasado venres 04/04/14 estivemos con Héitor Picallo na presentación na Estrada do seu libro "Coa lingua na terra" (Toxosoutos), da man da Asociación Cultural Vagalumes. Velaquí o contido da súa intervención:

Benvidos a todas e todos:
Tería que comezar dando as GraZas, como é costume, por moitos motivos: Primeiramente porque este colectivo, Vagalumes, que adoita recibir ás persoas que participamos ou asistimos aos seus actos coma membros do seu fogar,... Tería que lle agradecer mil cousas a Eva, aos meus país, a Xosé e Andrés (os meus sobriños), aos meus avós, aos meus irmáns e cuñadas, aos meus curmáns, a Maka e Olimpio Arca, Ana Mosquera, Silvia Fernández e Jean Remérand,... a Manuel Núñez, Xosé Luna, Paulo Escariz, Alfredo Barros, Suso Rodríguez e o colexio do Foxo (coas súas mestras e mestres). Tería que comezar dando as grazas ao Fervedoiro por me dar acollida coas miñas lideiras, a todos os amigos e amigas que até aquí vindes hoxe, a todos os que vos desprazades dende outros lugares; a Xoán Carlos Garrido, e a Cibrán Arxibai por recibíresme cos brazos abertos para realizar esta presentación.

domingo, 30 de marzo de 2014

Presentación na Estrada de "Coa lingua na terra"



A Asociación Cultural "Vagalumes" presenta o libro de Heitor Picallo titulado "Coa lingua na Terra" o venres 4 de abril ás 20:30 na sala de Novagalicia Banco da Estrada . O libro Publicado pola Toxos Outos  leva prólogo de Xosé María Lema Suárez e epílogo de David Otero. Nel recóllense, fundamentalmente textos publicados no Diario de Arousa, Diario de Pontevedra e na Plataforma Prolingua, pero tamén hai lugar para textos inéditos e tamén debuxos.

mércores, 3 de abril de 2013

Manifesto na defensa das editoras en galego

Héitor Picallo está pedindo apoios para este manifesto no que denuncia a liquidación do sector editorial galego. Recóllense as adesións ata o xoves ás 24:00. Aquí o reproduzo:

E hoxe –mentres os ladros de ilusións e normalidades reclinades as vosas cabezas nos acolchados diváns, a golpe elástico do tirante de don Celidonio– tócanos pór a man no peito e escoitar o latexo da máquina comunitaria, con sinceridade e dor ao unísono. A nosa vida comeza a fallar, o motor de arranque axustouse ao trebello pero este non carbura: a explosión na buxía cultural apenas sincroniza co avance das mentes políticas, baixa o pistón e a biela non se move.
Prefire don Celidonio –man no bandullo– as empresas de lonxe, e os nosos artesáns da escrita perden medios de difusión,… Pecha o papel de prensa en galego, botan o fecho tamén algunhas editoras (A Nosa Terra liquida as súas existencias, as nosas re-existencias dende a memoria e a certeza), outras mantéñense sobre o arame –temerosas– e debaixo non hai rede para illalas do baleiro. Actrices e actores piden “cidades para a cultura”, músicos e artistas buscan papel e partitura para as súas voces. Non se baixa a claqueta do cinematógrafo nin se ergue o pano, non se respectan as vangardas musicais de noso e tampouco o folclore do país. Unicamente ouvimos riseiras, gargalladas e arroutos dende as gorxas que engolen a nosa voz sen atragoarse.Xa sopra sen buguina o verso desacougante de Espiral Maior. De momento fica en puntos suspensivos a súa existencia. Mais,… quedarán xanelas para a esperanza? Cando deixarán de nos roubar o brillo e a fachenda? Cando? Cando a cor do horizonte será nosa na liña dun verdadeiro “progreso”?
Don Celidonio “ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón”,…
Quen é capaz de comprender a historia da lírica galega dos últimos vinte e cinco anos sen esa espiral maior de autoras e autores? Sen ese labirinto de títulos e ese mosaico de estrofas e versos libres? Libres,… libres sodes para nos exterminar, para nos sacardes o pan da boca e darllo ao que máis devora e infla o bandullo. Libres,… libres sodes para nos introducir nun role-playing game no que non haberá vítimas humanas –iso coidamos– pero do que nacerán cadáveres entre as primaveras de Cunqueiro.
Quen entende o ensaio de ideas sen Laiovento e o ensaio histórico sen Toxosoutos? Quen saborea dozura cando esas e outras enormes “pequenas” editoriais poden –se cadra– fechar mañá as cancelas das súas vidas? Estamos de rebaixas,… ou en LIQUIDACIÓN por peche? Deberase preguntar en “industria”, en “cultura”, en “lingua”, no INEM,… Igual son eles os nosos xefes e nós non nos decatamos,… Igual a patronal ideou a deslocalización da nosa cultura para chantala sen regadío no país de ningures.
Don Celidonio “é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza”.
Espiral Maior continúa co peche do círculo, co peche de ciclo, co cadeado e co grillón que nos resta pés para andar por camiño seguro e vieiros de antano,… polas liñas da certeza e do acerto, polos versos do compromiso e da lealdade a este recuncho do Atlántico, baluarte da nosa historia e da nosa identidade. Perdón, desculpen logo,… sentímolo moito, mais por aquí non rendemos preitesía, nin bicamos mans, nin pousamos o xeonllo en terra para sacarmos o chapeu e saudar ao amo… A reverencia só é para a Palabra, que se verte libre en torrente e manancial de saúde dende o maxín até a tórculo, dende a man que comeza a escrita até a letra impresa. Só guindamos caraveis á lingua de noso, á voz de antano, ao namoro do galego, ao amorodo nos beizos ao saborear os 150 anos dos Cantares de Rosalía.Don Celidonio: “adubo de ourego e pemento”.Queremos medios para sermos nós, e non medos, nin remendos, nin remedios,… Queremos vida onde ten que habela, entre a letra e os seus espazos, entre o son e a escrita, no pano do teatro e na ringleira de carácteres. Queremos ser núcleo e cerna, trabe e alicerces do paraíso, e escorrentar de vez os que non aman esta Terra porque non a senten dende as veas e dende o peito,… Hai pantasmas no castelo e nós non temos medo.Seredes culpábeis dos vosos actos.Seredes responsábeis de abrir a gabia e o nicho.Seredes furtivos da palabra, homicidas da linguaxe e ladróns. Iso, ladros e ladras da alma comunitaria.Seredes o que hoxe sodes e do que mañá quizabes vos arrepentiredes.Seredes,… E por iso para nós non sodes presuntamente inocentes.Seredes,… unicamente fedor, fenda e ferida; loito, pranto e inxustiza.

Marzo de 2013, cumpríndose 90 anos de ser elixido Afonso D. Rodríguez Castelao como Director Artístico da revista Nós e a 80 de se crear –xunto con Vascos e Cataláns– o pacto Galeusca

xoves, 20 de setembro de 2012

O sublime discurso de Héitor Picallo



Claro, directo,elegante.  Así é o discurso de Héitor Picallo ao recibir o premio Reimóndez Portela que se concede por artigos periodísticos en defensa do galego e que paradóxicamente se celebra dentro dos actos da Feira do Moble. Paga a pena gozalo ata o final.

luns, 17 de setembro de 2012

Democracia?, xustiza?, igualdade?, fraternidade?, liberdade?

Héitor Picallo a quen vemos nesta foto da A. C. O Fervedoriro da que un dos seus alicerces, veciño de Cuntis, e destacado membro de ProLingua, recibiu o pasado venres o premio xornalístico Reimóndez Portela.
Como é habitual déronlle o premio no transcurso da Feira do Moble d´A Estrada. Como podedes ver nesta reportaxe de Catrogatos.com estaban presentes entre outros ao alcalde d´A Estrada e membro directivo da Rede de Dinamización Lingüística José López, varios concelleiros, Víctor Freixanes quen actuou como mantedor, Neira Vilas, Valentín García, Xesús Palmou...
O discurso de Héitor Picallo, tirado de Galicia Hoxe,  é excelente, asi que, aínda que é un texto un pouco longo, cómpre lelo enteiriño pois non ten unha coma de desperdicio. Nel recuperan o seu significado palabras como democracia, xustiza, igualdade, fraternidade, liberdade... e normalización.
Para unha reflexión aparte estaría a comparación entre este discurso e o relato da noticia tal e como aparecía no portal da Consellería de Educación onde non aparece ningunha referencia á democracia, nin á xustiza, nin á igualdade, nin á fraternidade, nin á liberdade... nin, por suposto, á normalización.
Parabéns polo premio, ben merecido, e polo discurso, que os asistentes tamén o tiñan merecido.

"Ben,… Primeiramente, efemérides:
Como dirían dende Radio Estrada, hoxe cumpren anos: Carlos Torres (un moi bo amigo) e Luís Picallo Durán (o meu pai, que quedou na casa porque che hai moito que facer, aínda que gustaría de estar aquí). Por certo, saúdos aos autónomos e traballadores das pemes.
Benqueridos amigos e amigas, benqueridos irmáns e familia de Cuntis, da Estrada, e da contorna, benqueridos sexades ao que é un dos momentos máis emocionantes da miña vida e no que voz e pernas treman coma corras. E deixádeme comezar por vós, polos amigos, pola sociedade que te quere e respecta, polos labregos e xornaleiros, madeireiros e serradores, carpinteiros, ebanistas, tallistas e escultores, polos arrieiros, canteiros, costureiras e xastres, polos estudantes, educadores, taberneiros, gandeiros, desempregados e desempregadas,… pola sociedade de todos os días, dignísimos compañeiros –ilustres meus– nesta miña viaxe proletaria ao longo dunha franxa celeste ao pé da Nación Atlántica.