por Pablo Vaamonde na Praza Pública:
Semella que foi onte e xa van aló dez anos. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), no que tiven a honra de participar, foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro de 2004. É, con certeza, un dos feitos máis positivos dos sucesivos mandatos de Manuel Fraga á fronte da Xunta de Galicia. Houbo quen prognosticou, xa na década dos setenta do pasado século, que o galego morrería antes de que pasasen trinta anos. Trabucouse, por fortuna, e o galego, malferido e atacado nos últimos tempos, resiste en moitas capas da sociedade. Segue a ser unha lingua viva e aínda maioritaria, que usamos a diario miles de persoas. Pero hai un serio problema: o seu uso é cada vez menor nas novas xeracións urbanas. Debemos traballar todos para evitar o lingüicidio, e nesa tarefa os sanitarios temos un papel importante para mellorar a saúde do noso idioma.

