Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Vidal Villaverde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Vidal Villaverde. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de xuño de 2011

María Reimóndez: 'A nosa lingua é o único que fai de nós algo máis que escravas do poder económico'

Manuel Vidal Villaverde faille unha longa entrevista a María Reimondez para o Galicia Hoxe, da que escollín o que fai referencia á cuestión lingüística.

María Reimóndez, escritora, colabora en diversos xornais,  é fundadora da Organización Non Gubernamental de Cooperación ao Desenvolvemento Implicadas e da Asociación Galega de Tradución e Interpretación,

O noso idioma, ai. O goberno actual do PP e galegos próximos a el néganno con maior ou menor sutileza, canto non ignorancia. Este mesmo goberno derrogou coa aquiescencia de asociados ou independentes como o secretario Xeral de Política Lingüística, o ben escaso decreto de Normalización. Os resultados saltan á vista: bilingüismo harmónico, cordial; trilingüismo, e a última, que eu respetuosamente cualifico de vergoñenta e pouco menos que ignorante: bilingüismo restitutivo, ou natural, tristemente avaliada e exposta polo amigo Henrique Monteagudo. Aseguro que só a inmersión lingüística que xa defendeu para o catalá o propio presidente da RAE é o que nos pode salvar desa deleiba mortal e infame. Non meu vou alongar máis nesta exposición, e deixo para ti a reflexión que sen dúbida nos ha iluminar a todos/as, non si, María?Eu teño toda a fe do mundo na inmersión lingüística e no amor polas linguas pero iso só é posible cando comezas pola propia. Querer falar unha lingua de poder é moi diferente a ser políglota e ademais un absurdo só coherente nun mundo dominado por certos idiomas. As linguas só “valen” nos seus contextos e, para falar coa xente que temos preto e que nos importa, a lingua máis importante é o galego.
O problema é que estamos en tempos de pensamento único e monolingüe, un ideal de calquera sistema de dominación porque cando lle quitas a lingua ás persoas, pouco queda delas (pensemos en como ás escravas lles cortaban literalmente a lingua para que non puidesen organizarse e loitar nas plantacións americanas).
O discurso de que “o galego non vale para nada” encaixa con esta mentalidade e vén reafirmar prexuízos antigos aprendidos coa vara do mestre na escola ou a ridiculización pública. O debate, pois, é previo mesmo aos conceptos que mencionas e ten que ver cun traballo por unha banda interno e pola outra externo. A nivel interno falta diálogo coa cidadanía non a través de campañas e pósters senón a través de axentes activos (que hai moitos! As escritoras e escritores somos parte deles, tamén o profesorado) e coordinados. Aquí faltou a normalización lingüística como proceso de diálogo e agora estamos colleitando as consecuencias.
Poderiamos aprender moito dos países do Sur neste tipo de traballo, pero adoitamos mirar cara a outro lado. A nivel externo cómpre fomentar as alianzas entre pobos que non falamos linguas hexemónicas porque somos a maioría da poboación mundial. Aí a tradución é fundamental, sen dúbida e tamén ser conscientes da relevancia de todos os idiomas.
Pensando no meu traballo, na Unión Europea hai moita máis demanda de intérpretes de grego-finés que de inglés-castelán. En calquera caso, a situación actual en Galicia roza o delito e eu non saio do meu asombro ante tanto ornear o valor do pensamento único. A nosa lingua é o único que fai de nós algo máis que escravas do poder económico.

luns, 30 de maio de 2011

Emma Pedreira: "Non ten nada que ver co natural ese desequilibrio ao que se nos está levando"

Vai un anaco da entrevista que Manuel Vidal Villaverde  lle fai á poeta Emma Pedreira para o Galicia Hoxe. Para a entrevista completa premer na ligazón.



Semellemos unha viraxe, cecais aparente, de máis de 90º a babor, ou se queres a estribor; o barco navega por ese mar onde os fíos dos soños se enguedellan coas palabras. Falemos entón do noso idioma, da súa situación actual, do momento que vive mesmo acosado polos que ignorantemente mamaron do seu leite nutricio (non pode haber palabras, sintagmas prohibidos polo status mental da mediocridade). O Decreto de Normalización Lingüística, que foi derogado por este goberno do PP, coa aquiescencia mesmo "colonizados" e mesmo dos que se reclaman defensores da nosa lingua, "independentes asociados", e outros/as, etc., in nomine, polo menos para min, dunha falacia, dende logo non inocente, pero si ignorante e disparatada, dun bilingüismo adxectivado con edulcorantes tan perversos como desnortados, velos aí, máis ou menos en fileira de "a conga aí vén/a conga aí vai", harmónico, cordial, restitutivo ou natural (síntoo polo profesor e amigo Henrique Monteagudo), mentor das últimas adxectivacións aquí citadas. Así, a equiparación do trilingüismo xa transcende ao dislate, disparate. 
Unha sinxelísima ollada ao estado histórico da cuestión, ao meu ver, só admite estas dúas propostas para sancionar unha morte anunciada: Inmersión lingüística e polo tanto discriminación positiva a favor do galego que é o idioma hoxe ferido e en retroceso. Advirto que nun gusto da palabra e o feito discriminatorio, pero non deben de esquecer elas/eles, que aquí en Galicia ou Galiza, a discriminación, digo, xa se está a padecer hai moitos anos, e nunha soa direción que favorece ao castelán ou español, que ningún de nós-outros desprezamos, e moito menos desecamos exterminar, non ho! Perdón polo "discurso", Emma, quecín un chisquiño, e non nego a femencia, pero si a belixerancia, a violencia… Túa é , a palabra, a opinión, a resposta?
Aborrezo termos como o de restitutivo –empregado para calquera caso– e que semella o bico hipócrita e falsario que che dan despois dun dano feito á matenta. Harmónico, cordial, e demais adxectivos parécenme colocados para eliminar ou maquillar esa sensación de descompensación que se foi retorcendo sobre a situación da lingua até relegala ao punto da resistencia e a supervivencia. Non ten nada que ver co natural ese desequilibrio ao que se nos está levando, e cualificar como harmónica unha situación de opresión e de desprezo –de autodesprezo en grande parte– deixa entrever unha actitude tan humillante como a de pegar sorrindo. Penso que en cada unha das compensacións que se tratan de facer vai implícito un dano irreparable e previo. Esta adxectivación é puramente retórica e empapa cada termo dunha algo de burla sobre a situación; a situación lingüística, espida desa tal harmonía, cordialidade e restitución publicitarias, fica nun bilingüismo que non é tal, senón unha loita pola liquidación do máis feble, que ademais é avalada politicamente.

luns, 11 de abril de 2011

`Unha lingua non se falará se non se coñece e non se ensina a amala como algo natural'

Manuel Vidal Villaverde entrevista á estradense Antía Otero, escritora e actriz; a entrevista completa, aquí.

Idioma, cuestións lingüísticas. O noso idioma, Antia, para non botar a perdelo, entre políticos profisionais e lingüistas “acelerados”, alcumaron pseudoadxectivos que van dende o harmónico, natural, restitutivo, e outros que agora non me veñen á cabeza. O trilingüismo proposto polo goberno do PP, téñoo por un aténtico disparate, un despropósito, sempre “dentro do contexto” que se propón. O bilingüismo galego-español; español-galego, dadas as circunstancias históricas que deberían de saber ben os diletantes ou aprendices de sociolingüistica é hoxe en día imposíbel. Só a inmersión lingüística e a discriminación positiva a favor do galego ata acadar unha máis que hipotética correlación de forzas ou equilibrio, sería –polo menos para min, o normal-. Ollo que non falo de opcións persoais! O que ti e máis eu falemos outros idiomas ademais do galego, portugués e castelán, non significa absolutamente nada verbo desta miña exposición. O sorprente “bilingüismo restitutivo” que propón o compañeiro Henrique  Monteagudo, é algo que eu respectosamente non acredito, en cuxo texto atopo graves contradicións nos termos que un dende logo non asume, e por suposto non acepta. Cal é, xa que logo, Antía, a túa reflexión a propósito desta miña non curta introdución?
Para comezar, colocar os adxetivos: harmónico, restitutivo ou (o que é resulta aínda máis insultante ) natural...a un feito que realmente está creado, milimetrado e consensuado para relegar o galego baixo o termo bilingüismo ao terreo etnolóxico, é querer facernos pasar por parvos. É obvio que unha lingua non se falará se non se coñece e se non se ensina a amala como algo natural (e agora eu si emprego o de natural ) e iso dada a situación, non é posible sen ter en conta unha discriminación positiva a favor do galego. Eu nacín no 82 e sei que a miña xeración puido desenvolverse con máis (ou menos!) naturalidade en galego, pois foi no 83 cando se acordou a Lei de normalización que se actualizou e aprobou por unanimidade no 2004 co Plan xeral de normalización...  Pero igual que vivín esa realidade tamén coñezo que no 83, antes de se acordar dita lei, na Estrada (a vila onde medrei) houbo mobilizacións en apoio a un mestre e unha mestra aos que querían sancionar por impartir as aulas en galego. E pregunto: Estamos lonxe de que iso volva ocorrer?... Ás veces penso que se os que nos gobernan (azuzados polos que os gobernan a eles), seguen a pensar que, polo simple feito de ocupar un cargo, poden esnaquizar o camiño que con esforzo e compromiso outros e outras foron abrindo, o dano será.... (tan grande que me custa pensalo)

luns, 4 de abril de 2011

Tucho Calvo: “A discriminación positiva para o idioma galego é imprescindible”

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Tucho Calvo para o Galicia Hoxe; a entrevista completa na ligazón.


Unha ollada xénerica á situación da lingua que sen dúbida lle é propia a Galicia (ou Galiza), o galego, sen adxectivación nin condicionamentos verbais que van da ambigüidade á patética ignorancia, que reflexión che obrigaría a facer, inevitablemente, para expormos aquí?
Con etapas mellores e peores, o galego acadou un status académico e cultural que era impensable, pero tamén se sumou ás linguas ameazadas por mor dunha sociedade que persegue espellismos que a fan renegar da súa esencia, do seu ser. O perigo está en que non ser ninguén supón non ter nada para defendérmonos nun mundo global. ¿Se só falamos o castelán e/ou o inglés, abonda para sermos alguén con personalidade propia na inmensidade dos pobos do mundo?


Entendes a Galicia como unha nación negada polo totalitarismo do Estado español?

Historicamente non hai dúbida de que é así. Pero o presente e o futuro son de integración, de poñer en valor o propio en termos de igualdade dentro de comunidades de cooperación cada vez máis amplas e sólidas.

Volvendo ao idioma: cres que Galicia é de seu unha nación bilingüe?
O nivel cultural de Galicia medrou de xeito que non só é maioritariamente bilingüe, con coñecementos profundos do galego e o castelán, senón que hai moita xente que se expresa con absoluta normalidade noutros idiomas (e non falo só do inglés). Só os ignorantes poden desherdar os fillos da riqueza do idioma propio que lles é tan doado atesourar. A cultura é o único capital que non nos poden quitar, e os idiomas son a base: as linguas, o idioma das matemáticas, o da música…


Entendes xusta e necesaria 

unha discriminación positiva a favor da lingua galega dende o actual e dramático estado da cuestión?

O máis dramático é non saber transmitirlle á xente a información que faga de todos os galegos uns convencidos defensores do seu idioma. A discriminación positiva a prol do galego é imprescindible porque a presión social fai innecesario convencer a ninguén da importancia de falar castelán.


A literatura galega acadou un grao de universalidade que antes non tiña?

Os tempos mudan e a sociedade impón cifras e metas inalcanzables noutros momentos. Pero é certo que podemos sentir fachenda de acadarmos unha cota de participación no pastel que soborda o que lle correspondería a unha sociedade minoritaria como a nosa.

Como se pode explicar que por unha banda se publique máis, e pola outra se venda, e mesmo se fale menos en galego?

O máis importante é que temos unha cultura normalizada na que calquera pode atopar en galego o libro que precisa, de calquera xénero que sexa. O sobranceiro é que creadores e investigadores dos máis diversos eidos transmiten os seus coñecentos na nosa lingua e que temos un tecido editorial que o fai posible. Logo está o mercado, no que as cousas evolúen cada vez máis de presa obrigándonos a todos a adaptacións non sempre doadas. Hai que loitar por unha clientela numericamente pequena como o é o universo da nosa poboación, e por forza iso require campañas que capten a súa atención, poñer de moda os nosos contidos e ofrecelos en todos os formatos que poida desexar.

luns, 28 de marzo de 2011

Xabier Quiroga: 'De seguir así chegará o momento da historia no que o galego nos doia'

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Xabier Quiroga, escritor, para Galicia Hoxe. Desta volta o entrevistador bateu con alguén que está á súa altura e a lonxitude das respostas non desmerece nada a respecto das preguntas. Na ligazón está a entrevista completa, aquí deixo a cuestión obrigada sobre a lingua.

problema do noso idioma, aínda que a cada pouco, máis persoas se integren como autores ou autoras á nosa literatura, non deixa de ser, curioso –por non dicir contraditorio–, as estatísticas que por aí se manexan, tanto no ámbito estritamente universitario ILG; IGEA (Instituto  Galego de Estudos Europeos Autonómicos), un ente que eu confeso non acreditar, na medida na que si parece recoñecelo o compañeiro Henrique Monteagudo, o problema digo, é que o idioma que lle é propio á nación galega, e polo tanto único e natural, aínda que se fale –por certo daquela maneira– o castelán (español) cal produto ou proxección dun bilingüísmo que un, posto a adxectivar, cualificaría de diglósico, cuxas orixes proveñen dunha “mala colonización lingüística”, na cal subxacía ou mesmo subxace o intento de aniquilación/substitución dun idioma polo outro. Nos séculos máis escuros, que van para alá do que comunmente se indica e divulga, non foi posíbel, porque os recursos eran ( e aínda son na lingua do imperio) indixentes e patéticos. Que se falen dúas linguas aquí e no alén máis íntimo e próximo do nós, ao meu ver, non indica que sexamos naturais bilingües, non ho!  No ano 1983, e xa choveu, fora aprobada cun amplo consenso a defunta Lei de Normalización Lingüística, en cuxo desenvolvemento o consenso foise destruíndo, e a vontade minguando ata desaparecer. Debemos de advertir de que aquela Lei era ben de mínimos, e foi dinamitada no seo das propias institucións galegas, mesmo co inaudito descaro da “galería”. A belixerante organización Galicia Bilingüe xa estaba, tristeira e ignorantemente activa, dende antes do seu nacemento “oficial”, e os disfrazados aínda seguen por aí.  Xabier, esta miña introdución á procura da túa reflexión, daría para un longo ensaio, que non é agora o caso, senón recadar, como digo a túa opinión a respecto do exposto. Os/as falantes descen; aumentan os trans-misores/as e receptoras/es. Grave contraditio in termines. Como é  posíbel saír deste sinistro labirinto?
Antes de nada dicir que se trata dun labirinto condicionado pola esencia de pobo submiso que levamos dentro. Por iso nin lle podemos botar a culpa a xente allea, nin, por suposto, a unha colonización lingüística que, desde hai ben séculos, non ten volta atrás. Como dis, o galego esmorece, pois o número de falantes cae drasticamente e, o que é peor, a lingua inicial ou a que os pais lles falan aos nenos e que condicionará a súa escolla na idade adulta é, preferente e maioritariamente, o castelán. Ata aí son datos numéricos e obxectivos ante os que non convén pechar os ollos. Temos, pois, un futuro asegurado tan negro como unha noite de inverno sen luar. E refírome non só á lingua, refírome tamén a nós mesmos como pobo. Por iso hai que dicir que a partir de xa debemos poñernos en serio e asumir a responsabilidade de perder ou non o único sinal de identidade que nos queda neste mundo globalizado. Poderiamos falar de sometemento ao foráneo, de pensar que o noso non serve e que todo o alleo é mellor, de idiosincrasia débil que ten como base unha asimilación que non nos desagrada pero que nos degrada e mais unha chea de prexuízos máis propios de pailáns que refugan o enxebre para escoller no baile á moza que non é de aquí. Pero unha vez anotado isto, botarnos as culpas tampouco axuda nin pon remedio. Preguntarnos que podemos facer se a nosa mentalidade colectiva vai por outro lado esixe unha resposta clara e contundente por parte da elite intelectual e política deste cornecho da península. Se o castelán se impón apoiado pola marea urbanita, onde cada día se fai máis forte, se o minguado exército galeguizante, desarmado e indefenso, está a piques de render as armas e converterse nunha lingua morta, debe por forza xurdir quen impoña novos criterios proteccionistas, tal e como fan as sociedades máis avanzadas cando algo lles doe ou se ven apurados. Sen dúbida cumpría unha reacción dos que teñen a responsabilidade de gobernar, pois non queda outra que lexislar a prol da lingua desfavorecida tal e como se fai para protexer especies animais en perigo de extinción.Porque de seguir así chegará o  momento da historia no que o galego nos doia. Pero xa será tarde. Seremos outras catro provincias do estado español. Agora ben, e remato, será o actual goberno o paladín que se poña á fronte desta reconquista do noso? Sabemos que non. Constatamos, penosamente, que lexisla á contra e nin sequera as numerosas manifestacións populares ante as medidas contrarias ao galego propostas o fan recuar. O nosos representantes políticos terán a súa responsabilidade cando, no futuro, se revisen os feitos pretéritos, pero cando isto aconteza quizais xa esteamos sumidos na noite e no esquecemento como pobo.

luns, 14 de marzo de 2011

“Falar de bilingüismo ‘restitutivo’ é unha aberración”

vai un anaco da entrevista de Manuel Vidal Villaverde a Pilar Pallarés, no Galicia Hoxe:

Imos iniciar estas conversas, como case sempre, e de maneira ininterrompida, pola lingua: estado da cuestión. A lingua,  o idioma, como ti ben sabes, é para moitas e moitos de nós o principal sinal identitario que temos. Segue vixente, vivo, aí, aquí, malia os “depredadores”  estranxeiros, colonizadores e indiferentes cuxa actitude cara ó idioma galego é desprezo, entre outras cousas, porque dende a súa patética ignorancia e alienación propia dos colonizados, consideran que é unha lingua dun status inferior a calquera outra que non sexa –por esta orde– castelán-español, inglés, francés, etc. É, sobre todo, unha pseudo-argumentatio propia da ignorancia en particular activa. O chamado modelo consensuado da xa antiga e estreita Lei de normalización lingüística, tal incumprida como  violentada, foi substituída polo inconcibíbel decretazo, unha andrómena aínda vixente que quixo ser cínica e estultamente adxectivada con distintos e fracasados binomios: bilingüismo harmónico, cordial, etc., que non supón outra cousa que unha actitude idiota e polo tanto debemos de considerar inconsciente, e menosprezo ao galego. Unha “xenérica” ollada ao panorama, lonxe da estatísticas da badoca da impostura –se non de todos, si dalgún– ha sociolingüista á mantenta, o camiño está a se emporcar, e estigmatizar e enigmatizar. Da organización Galicia Bilingüe é mellor obviala, tanto polas súas histéricas mensaxes públicas como pola súa irredutíbel estulticia, cunha
visión apocalíptica invertida e impresentábel. En fin,  Pilar, vou parando nesta introdución, para que ti, verbo dela, fagas a túa concordando ou en desacordo con esta miña proposta, non é?

O idioma é desde logo  un dos principais sinais de  identidade,mais non sei se o principal,porque exemplos como Irlanda esixen matizar esa afirmación Na Galiza ese sinal de identidade nacional é tamén marca de clase. Esa foi a vía (a conciencia de clase,a labrega dos avós e a obreira dos pais pola que eu cheguei a perciber a opresión lingüística e a necesidade de loitar en contra. Sen divagacións: o idioma propio deste país é o galego. Como consecuencia do proceso de construción dun Estado centralizado e das medidas legais, coercitivas e punitivas tomadas  para o facer efectivo, estivo e está a ser substituído polo español, primeiro horizontal e logo verticalmente, isto é , afectando a todas as clases sociais. Moitos, desde o Rexurdimento, cremos que ese proceso de substitución é reversíbel, que a historia pode ser rectificada, como tan ben dixo Carvalho Calero. Mais para iso é preciso non só un labor de resistencia, senón mudar a situación desde o poder. Non se fai. Coido que mal andamos mentres   o uso da lingua dependa do voluntarismo, de efusións sentimentais ou de conversións ideolóxicas. Non se fala un idioma porque sexa máis fermoso ou máis entrañábel que outro, senón porque é útil socialmente. Para iso é preciso ir substituíndo o español polo galego. Ningunha comunidade necesita dúas linguas para a comunicación interna. O bilingüismo social non existe. Falar agora, desde posicións supostamente defensoras do galego, de “bilingüismo restitutivo” é unha aberración (ou unha maneira de se agarrar ao postiño en tempos politicamente adversos). E deixar que o español continúe a ser o idioma dominante e o galego un ornamento, unha criatura curiosa que se garda nunha reserva ou se saca só para usos rituais e liturxias ocas que en nada modifican a realidade. Poderiámonos consolar coa boa saúde que a nosa lingua desfruta nun país tan novo e dinámico como Brasil, mais queremos que tamén teña futuro aquí, no territorio no que naceu.

xoves, 24 de febreiro de 2011

Bilingüismo...

por Manuel Vidal Villaverde, no Galicia Hoxe:

Pois si señor, miñas donas e meus cabaleiros, isto non é un simulacro de pública conferencia, pois estou falando-escribindo para un espectador que non existe, ergo, para un ente metafísico, desculpen pois, os lectores e as lectoras hipotéticas deste tempo lizgairo, pero iso si, sempre insubmiso. Xoán Paulo Rodríguez Yáñez, sociolingüista, fálame con amabilidade e firmeza verbo da "recuperación do noso bilingüismo", palabra-chave-clave, pensamento deste profesor admirábel na Universidade de Vigo, como outrora -hoxe en excedencia política- Anxo Lorenzo. E no enunciado desta crónica, digo si señor, porque parviño de min, con eles e co amigo Henrique Monteagudo, descubro que o que el chama e quer bilingüismo restitutivo é máis ou menos, dispensando, o que Xoán Paulo entende como recuperación, que avaliaba o ex portavoceiro do BNG Anxo Quintana nunha publicación diaria ao 50% (+ -;- +). Ora pro nobis.
Claro que existe o auto-odio, entendo, malia todo, e o seu alicerce ou causa reside na avilantez da ignorancia patética, como o da moza coruñesa que dixo o que dixo nun programa da televisión española que intitúlase Gran hermano (eu apenas vexo a TV, chégame coa radio e coa imprensa de aquí e de afora, nacional española e estranxeira, que coño, como se dicía antes da UE, sobre todo francesa e portuguesa. Lástima que non saiba alemán e inglés, porque sería xa o colmo, e que aínda por riba tivese cartos para semellantes dispendios. Arredada por non sei que interese, a atrocidade diglósica, aceptamos como realidade recuperada dun exilio mimético, o bilingüismo, de maneira que cedendo terreo ao castelán, gañamos na expasión e divulgación do galego. Facendo memoria non sei que hostias foi do defunto Decreto de Normalización Lingüistica e a súa substitución polo trilingüismo fantástico; bilingüismo harmónico ou cordial. Todo cando non é quimera resulta quincalla ou refugallo, cambiar algo para que coa aquiescencia do enfermo -dende logo- non terminal, os expertos ad hoc, fagan realidade macabra unha eutanasia lingüística, vítimas eles/elas da súa propia elementalidade. Ouh mundo túzaro e cané! -exclamaría o meu bo amigo Xosé Manuel Beiras-, e o mesmo podería dicir desoutras miñas entrañábeis Pilar García Negro, Marica Campo e outras e outros que non cito aquí pero que saben ben o que penso, escribo, e digo. Non acabo de chegar a esta miserábel e apócrifa guerra, que veño xa doutros campos de batalla, non falsos, si apodícticos, certos. Se se impón o superficial desa realidade, eu estimo que a agonía do idioma galego será longa, pero irremediábel. As estampas que nos amosan non son galantes nin de arroubamento cinexético. A mentira tamén é un xeito de crueldade, banal e mediocre, estulta avilantez ensoberbecida.
Post scriptum: A xente máis moza debe estar atenta e ben informada da alienación e mais da colonización lingüística á que fomos sometidos e seguimos, e mesmo co bilingüismo, nestas condicións, calquera que sexa a proposta, é unha trapela cínica e mortal.

luns, 21 de febreiro de 2011

"Nos EEUU, bilingüismo é sinónimo de oposición á lingua maioritaria e asoballante "

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Gabriel Rei Doval no Galicia Hoxe.

Gabriel Rei-Doval (O Baño-Mugardos, 1967), doutor en Filoloxía Galega, é profesor de sociolingüística no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Wisconsin-Milwaukee (EEUU).



Boa tarde, Gabriel, permíteme que de entrada faga unha introdución-pregunta ‘in extensum’, se cadra, para que ti reflexiones sobre a miña reflexión, naturalmente a propósito da nosa lingua. Fannos vivir, este novo goberno da Xunta, non nun bilingüismo patético e ao meu ver sempre imposíbel,por varias e distintas razóns que, dadas as circunstancias non inventadas, por suposto, é de natural imposíbel. O natural é político, como certeiramente enfía a miña amiga a profesora Teresa Moure, a quen ti supoño que coñecerás; entón, Gabriel, en ningún caso transmite unha realidade equilibrada dese bilingüismo proposto, pois entre outras razóns, tal equilibrio poderíase dar en igualdade de competencias de ambas as dúas linguas pola sociedade galega, e ese, en ningún nivel é o noso caso, nin sequera nos círculos academizados, pois os dous idiomas transmítense con abundante penuria, o que dá lugar, en primeiro termo, a unha diglosia estarrecedora, en ambas as dúas direccións: galego>castelán (non me esquezo do dirsurso da nova académica da español) e castelán>galego. Do intento frustrado do Decreto de Normalización Lingüística, cinicamente combatido e incumprido, pasamos ao "decretazo" mal cociñado polo PP español e os seus asociados independentes. Bautizouse ao "napelo" con dous adxectivos inapelábeis: "harmónico" e "cordial", dúas andrómenas que non hai por onde collelas", que digan o que digan incorren un delito de lesa lingua galega… Recente o profesor e tamén amigo, "descobre" un "bilingüismo restitutivo", que eu entendo como máis do mesmo. Só a inmersión total e sen compoñendas, é a salvación do noso idioma. Ah, a elección dos pais na lingua na que se ha educar os seus fillos, é máis que discutible aquí e en Londres. No canto do trilingüismo, escollendo como terceira lingua o inglés paréceme "moi interesante" pero non menos ‘cursi’ e disparatado, poñendo como exemplo, e con todo, meu, os meniños de Sarria, Piornedo, Campa da Braña, Celanova, ou outras moitas vilas e cidades da nosa nación. Agradézoche, pois, a túa reflexión despois desta introdución advertida, non é?
A túa introdución sen dúbida dá para moitas reflexións. En realidade case pide un tratado, mais só me referirei a algúns aspectos. A verdade, o actual goberno galego non vai pasar á historia precisamente como o que máis e mellor promocionou a lingua propia… aínda que quizais si por todo o contrario. En todo caso, o bilingüismo, como comportamento individual e social, en absoluto é imposible. En realidade é a pauta habitual en moitos individuos e sociedades. Outra cousa son os discursos creados ó redor del e a súa utilización na dinámica social. Os termos bilingüismo harmónico, cordial ou equilibrado ("made in feito na casa") son profundamente desafortunados e favorecen a preservación dunha inxustiza historicamente imposta en Galicia como comportamento social, coa cínica escusa de buscaren un ben e un achegamento positivos que só oculta a ausencia de compromiso para muda-las cousas. Eses discursos suxiren a harmonía como escusa para seguir ocultando o desequilibrio, a cordialidade como cortina de fume da submisión ós parámetros sociais historicamente impostos e o equilibrio para apartar dos ollos o profundo desequilibrio e falta de igualdade de oportunidades que tiveron –e en boa medida aínda teñen– os galegofalantes respecto a aqueles que teñen como idioma o castelán.
Porén, paréceme que esa "bilingüifobia" que caracteriza unha parte dos activistas a prol do galego é un erro estratéxico impresionante. Ó rexeitaren todo aquilo que teña algún cheiro distinto do monolingüismo consciente e militante, os implicados co galego estamos deixando a aqueles que queren loitar contra o noso idioma un terreo que lexitimamente non lles corresponde. Paréceme unha ironía tremenda que no noso país exista unha asociación chamada "Galicia bilingüe" que en realidade está a apostar por unha acérrima procura do monolingüismo en castelán. Como explicaba eu hai pouco en EEUU, "Galicia bilingüe" debería ser rebautizada como "Spanish-only Galicia" (alí hai un grupo anti-minorías que non ten vergoña en chamarse "English only"). É evidente que tan exiguo e insignificante grupo social só puido acadar a notoriedade actual grazas ó apoio mediático e político da "dereita españolista" máis rancia e resesa, pero non é menos certo que a(s) estratexia(s) utilizadas por parte do nacionalismo galego non foron eficaces.
Por explicalo en termos futbolísticos, o nacionalismo galego púxose a xogar con sete defensas e sen dianteiros, deixando que o contrario despregase toda a súa artillería de ataque e pechase o galeguismo no seu campo arredor da área pequena do monolingüismo, na que apenas fai outra cousa que botar balóns fóra. Aqueles contrarios ó galego, sen xogaren con once, gozan da maior parte do campo, pero o partido aínda está no primeiro tempo (porque non dura noventa minutos, senón mil primaveras).
Nos EEUU, bilingüismo é sinónimo de oposición á lingua maioritaria e asoballante –o inglés– e en todo o mundo existen movementos, estratexias e investigacións que procuran como (re)introducir linguas minorizadas aló onde as maioritarias as teñen esganadas poñendo énfase nas posibilidades que presentan os falantes bilingües. Mesmo se teñen cuñado termos como "bilingüismo cíclico" para falar de como individuos que nun momento abandonan a lingua minorizada poden recuperala se as condicións lles son máis adiante favorables. Non todo tipo de bilingüismo pode ser considerado pecado carnal.
"Bilingüismo restitutivo", termo proposto por Henrique Monteagudo, é unha aposta sen dúbida discutible, coma calquera outra. Pero non se pode nega-la súa audacia. Necesitamos renova-lo espírito crítico do nacionalismo e o galeguismo. E para iso cómpren novas ferramentas analíticas que nos permitan renova-lo discurso e mellora-la posición e a presenza no escenario social. E para facelo debemos multiplica-la nosa audacia e non ficar paralizados polo medo ó incerto. Só retando os nosos límites seremos quen de renovarnos. As ideoloxías invariables son como a auga estancada que acaba enxendrando réptiles no seu interior.
En canto á inmersión lingüística, nada rexeitable hai nela: máis ben todo o contrario. É unha estratexia probada e confrontada con grande éxito en todo o mundo para promove-la aprendizaxe lingüística, tanto de linguas minorizadas como maioritarias. Sen dúbida, resulta paradoxal rexeitar tal estratexia para aprende-lo galego en Galicia mentres se ve con bos ollos para adquiri-lo inglés en Madrid. Tal contradición si que é ideoloxía pura (no mal sentido da expresión) e carente de calquera base real ou sustento empírico.
Como se sente un galego explicando o que ti explicas na Universidade de Wisconsin-Milwaukee… Cal foi e é a acollida?
A acollida en Milwaukee foi moi boa, e sen dúbida a experiencia de vivir e entende-lo contexto bilingüe no noso país foi moi útil para entende-lo bilingüismo inglés-español nos EEUU, que porén tampouco é homoxéneo. Un decátase do importante que é a autoestima e o amor (non só querencia folclórica) polas raíces para preserva-la lingua propia. Por outra banda, nos EEUU hai unha gran valoración do que sabes e queres facer, antes que de quen vés sendo. Eu cando cheguei alí non coñecía ninguén no meu traballo nin me preguntaron con que partido, tendencia ou parroquia ideolóxica simpatizaba antes de contratarme. Esas cousas axudan a un a sentirse acollido.
Percibes ou percibiches conciencia clara da cultura galega por parte da sociedade británica ou americana?
Nos EEUU, nin da galega nin da española. Aínda que o país é moi grande e diverso. En xeral, a conciencia sobre Galicia adoita vir da existencia de galegos nesa zona, algo que en Wisconsin non acontece. A emigración (diáspora, galeguidade ou como lle chamemos) ten unha transcendencia infinitamente maior do que algúns pensan: sen ela Galicia probablemente non sería coñecida fóra da Península. Aínda que o Camiño de Santiago tivo tamén unha función importantísima en Europa e en certos grupos (sobre todo xente nova e clases medias) dos países desenvolvidos. A verdade, vivir durante unha década lonxe da Terra (no meu caso entre o Reino Unido e os Estados Unidos) é todo un exame á querencia por Galicia e a nosa lingua. Para min, simplemente non ten sentido, non é concibible estar no mundo, emocionalmente falando, se non é desde unha perspectiva galega.

Na actualdade, cal é a diagnose e "farmacoloxía" lingüística que ti aplicarías para saír desta patoloxía, que insisto, para min non ten outra cura que a inmersión sen máis?
Eu máis que de farmacoloxía falaría de terapia (psico)sociolingüística. Os individuos son moito máis que química. E se tivese que acudir ós fármacos utilizaría máis a homeopatía que a medicina convencional, á que só recorrería en caso de necesidade extrema. Ademais, debemos ter coidado ó falar de patoloxías, porque á xente non lle gusta ser tomada por enferma, sobre todo en cuestións sociolingüísticas.
O que me parece importante é facer patentes as condicións que producen ou favorecen eses comportamentos "patolóxicos". E tamén reforza-las defensas do noso organismo –social e individual– galego, así como a súa capacidade de recuperación. Sería fantástico se soubésemos (re)utiliza-las condicións actuais en termos homeopáticos. A beladona –como o bilingüismo harmónico e equilibrado– é unha planta que en doses extremas mata, pero que en doses reducidas pode facer reacciona-lo corpo fronte á enfermidade e axudar a que este se inmunice.

martes, 15 de febreiro de 2011

"O bilingüismo é unha disculpa ridícula"

Da entrevista de Manuel Vidal Villaverde a Diana Varela Puñal, no Galicia Hoxe de onte. Como sempre, con preguntas curtas.

Supoño que estarás ao tanto do que Henrique Monteagudo, chama bilingüísmo restitutivo, que a priori non debería entenderse –percibo-,  como propón o profesor Monteagudo, para non extrarmos nunha ampla contradición nos termos, malia o consenso social que el argúe e  outros/outras non compartimos… Cando alguén fala do galego standard non sei ao que se refere, e moito “sospeito” que o emisor ou a emisora tampouco. Por outra banda, non se pode falar de restitución dese escenario lingüístico, que xamais constituíu máis nada  que unha hipertrofia da realidade dramática e imposta, pero nunca asumida polo pobo en xeral, de maneira que, falar competencia ou equilibrio a restituír, a min, con todos os respectos posíbesis, paréceme unha banalidade. A posibilidade hoxe en día e nos que aínda han vir, de establecer unha sociedade competentemente bilingüe, non é máis que, para sermos suaves, unha quimera… Podería estenderme moito máis, pero xa esta miña introdución considéroa un chisco longa, e por outra parte, coido que non hai necesidade, se non é procurar a túa reflexión verbo do exposto, paréceche, Diana?
Agocharse detrás dun pretendido bilingüismo para obstaculizar a plena integración do galego é unha disculpa ridícula. A  actuación da Xunta de Galicia imposibilítao de raíz. Sen dominar a escrita e a fala da lingua galega en idéntica medida có español, non se pode falar de bilingüismo. O argumento da estandarización ou das modificacións sofridas polo idioma son outra disculpa absurda. Todas as linguas mudan, o español, o inglés…, e nada perxudica a súa aprendizaxe ou uso.

luns, 24 de xaneiro de 2011

"Non hai vontade de restitución dos dereitos usurpados á lingua"

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Mariña Pérez Rei, escritora que 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Faneróga; no 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula; no 2009 publica o libro de poesía artesanal en edición limitada: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel... e tamén excelente compañeira, xa hai ben de anos, no IES de Ribeira.
Para a entrevista completa, premer na ligazón.

Problemas da lingua, do noso principal sinal identitario que o nacionalismo español de cheirume e arrecendo fascista quere arrebatarmos, ferir de morte… Cal o teu punto de vista, o teu posicionamento de militante galega?
Vou procurar ser o menos catastrofista posible e cinguirme aos feitos: se ben é certo que unha política lingüística agresiva e retrógrada contra o galego fai moito dano e hai que denuncialo ben alto, tamén o é que nunca se acadaron cotas de coñecemento e formación na nosa lingua tan plurais coma as que agora temos. E iso é imparable porque se suma a un mundo de comunicacións bastante máis emancipadas dos poderes tradicionais. A nosa cultura ten proxecto de futuro a pesar de non ser apoiada publicamente por certos grupos sociais que, e isto hai que recoñecerllo, teñen moito poder político e mediático. Por dicilo dalgunha maneira máis práctica e contundente: non creo que os Reis Católicos e Frei Jerónimo Zurita ("doma y castración de Galicia") desen creto a que no século XXI esteamos na Feira do Libro de Frankfurt, que sexamos lingua de uso no Senado e poidamos permitirnos (porque si, porque queremos, porque nos peta e nos dá a gaña) presentar candidatura na nosa lingua ao Nobel. Xa llelo dicía Ramón Piñeiro aos poetas amigos naqueles tempos aos que ti aludes, ben peores que os que hoxe corren, por certo: " Publica outro libro en galego, que iso aínda é o que máis lles doe". Non queda outra máis que arrimar o ombro e traballar arreo polo que nos transmitiron.
 Non cres ti tamén, Mariña, que o bilingüismo é un auténtico disparate que dada a situación sociolingüística actual fornecería xa de por si a estarrecedora diglosia, e aínda ampliándoa en dúas opostas direccións galego-castelán e castelán-galego, o que evidentemente provocaría, despois do enfrontamento, probablemente a desaparición do galego?
A estas alturas da película teño claro que non hai vontade de restitución dos dereitos usurpados á lingua. Persoalmente o que máis me doe é a manipulación da linguaxe que se está a dar nos medios e as estratexias partidistas con respecto a este tema. Se houbese verdadeiro interese sociolingüístico en investigar o bilingüismo e as inmersións na lingua dun territorio, analizando as súas repercusións a medio e longo prazo, creo que hai suficientes exemplos prácticos noutros lugares do mundo que amosan os beneficios a escala social. Se houbese ese interese real na nosa política lingüística actual, que está claro que non, tamén teriamos xente ben preparada e formada neste país que podería asesorar tecnicamente nese senso. O director da Real Academia Española, Blecua, é un filólogo español que defende a inmersión en catalán, galego ou éuscaro con profesionalidade e sen necesidade de manipular a linguaxe dicindo que o castelán corre perigo. El di que o castelán é unha lingua fortísima, que quen precisa apoios agora son as linguas periféricas da península. Pero aquí non estamos traballando nesa dirección, uns colleron atallos raros e outros andan enredando polos camiños prendidos en non se sabe que silveiras. Aí non vexo un proxecto de futuro sólido porque era preciso que os partidos tivesen un acordo nese eido e non se ve por ningures.

Unha enquisa verbo do idioma en que os pais decidan o idioma no que deben ser educados os seus fillos, non é unha babecada propia dos desnortados, e máis tendo en conta que estamos nun país que conta cun idioma propio e natural de si, que non é outro que o galego… Que pasaría en París ou en Madrid, por exemplo, se os galegos da diáspora nas dúas capitais europeas esixisen algo semellante?
Volvemos ao mesmo: o disfrace. Só me parece outra medida de pseudodemocracia rancia que oculta o desleixo de funcións e a implicación real no tema. O problema é que calle socialmente a mensaxe de que moitos nos opoñemos a esa falacia da consulta que quere pasar por ser a da verdadeira liberdade, porque non somos o suficientemente tolerantes e demócratas. O que hai que facer é dar a coñecer máis o Estatuto de Galicia e exixir dos gobernantes que gobernen e se deixen de tanta pregunta. Abren caixas de Pandora que non saben pechar e xa lles están a estoupar na cara antes de dar réditos políticos. Creo que é moi mala estratexia política e educativa, e que por suposto fai dano e crea tensións inútiles en torno á lingua. O único bo de todo isto é que a algunha xente lle caeu a careta definitivamente.
 Mariña, aquela "España es una unidad de destino en lo universal", do falanxista José Antonio Primo de Rivera, ideoloxía de todo o franquismo aínda vixente en moitos miolos infames e cavernarios, afoutece esta "monarquía" que sostén unha democracia burguesa imposíbel?
A esa cita opóñolle outra cita, a do Grupo Nós: "Galicia, célula de universalidade". Faremos de nós o que desexemos, podemos ser galegos universais. Castelao ten máis vixencia ca nunca.
 A literatura galega, está a vivir –cecais- unha das etapas máis brillantes da súa longa historia…?
A verdade é que a min faime moita graza esta teima por etiquetar o momento actual da literatura galega e valorala sobre todo con criterios cuánticos : número de publicacións, número de autores e autoras, número de vendas, premios, best sellers, traducións que se fan, Feiras ás que se acode, etc. Eu valoro moito máis que un escritor arrisque na súa escrita, aínda que se engane ou venda pouco. É posible que estea abrindo camiños. Poucas veces o éxito vai emparellado cun anovado literario, que eu saiba. A min paréceme que é de moi difícil interpretación a situación actual, simplemente porque non hai a suficiente perspectiva temporal, hai que agardar un tempo prudente para analizala dentro dun panorama máis amplo ou para poñela en relación con outras literaturas periféricas. Ás veces o que máis se ve ou destaca na actualidade non ten vixencia nin repercusión ningunha no futuro e a crítica debería sabelo e proceder con máis experiencia e prudencia. Esta euforia mesmo parece unha estratexia ditada por intereses de mercado, que non digo eu que non teña que existir, é só que da crítica profesional agardo outro discurso que se centre na análise literaria e fuxa de modas e de linguaxes persuasivas ou divulgativas. Iso xa o fan as editoriais. Despois tamén me preocupa que algunha xente perda de vista que somos unha literatura que ten os seus límites marcados tanto na xeografía como no seu número de falantes, así como nas súas posibilidades de repercusión no eido da literatura mundial. Somos un cirruncho marabilloso cunha cultura literaria moi rica, pero coidado con aparvar ollando o noso embigo!

luns, 10 de xaneiro de 2011

“O pobo galego decidiu suicidarse e empezou por prescindir da lingua”

Vai un anaco da entrevista a Xurxo Sierra Veloso, por Manuel Vidal Villaverde, no Galicia Hoxe; premer na ligazón para a entrevista completa.

De 1989 a 1993, foi codirector e copresentador do programaOs mundos de Horacio Oliveira, en Radio Ecca, un espazo de contidos literarios e musicais que lle permitiu entrar en contacto co sempre esvaradío terreo da crítica. En 1994 publica a súa primeira novela, Os ollos do rei de copas, en Ediciós do Cumio. Nos anos posteriores, publica novas novelas: Licor de abelá con xeo (2006, finalista do Premio Lueiro Rey),Os mércores de Fra (2006, Premio Risco) e Os nomes do traidor (2008). Ata o momento, a súa última entrega narrativa é Os fíos (2010, Premio Repsol).


Amigo Xurxo, senón toda, unha parte de Zamora, onde ti moras, está fondamente enraizada con Galicia (ou Galiza), supoño que diso es consciente ti e moitos zamoranos por obriga que non por devota cultura. Tanto é así que, en boa parte da actual provincia nome e división "administrativa" da que non gusto especialmente, a fala e a antropoloxía cultural son nitidamente galegas, formas dialectais do galego, étimos "locais", como calquera outra variante do noso idioma, tanto fonética/fonolóxica mesmo dentro dos actuais lindeiros da Galicia "oficial" hoxe. Claro que para min defunta escola filolóxica española, xamais foi proclive –por factores extralingüísticos-, de aceptar as diferentes morfoloxías ou grafías, así como outras formulacións fonéticas propias da cultura galega, e en función disto defenderon primeiro, "disparates dialectais do castelán (español) imposíbeis de soster filoloxicamente falando. Recoñécese un perdido leonés, así como a lingua das Terras de Sayago actuais, lingua que se dá por desaparecida. Un entende o saiaghes ou saiagués, como galego-portugués da rexión do río Douro, en Portugal o idioma actual e en Zamora o castelán ou español imposto tamén durante séculos. As consecuencias inmediatas, foron e son:A) Chamarlle dialecto español a todo que non fose de orixe; observése o flagrante caso do bable, dentro da galegofonía, instrumentalizado por Castela, ergo España; B) de aí e para contribuír á morte do galego xa non dentro das súas propias fronteiras actuais, senón no alén antigo de si: Bierzo ( nalgúns documentos Berzo) con máis éxito do primeiro nome. Mudados os tempos, despois do "café para todos" chegou o que só os "rudos e ignorantes" negan; estólidos ou estultos de todo tipo, con ou sen titulación académica, pero isto xa é fariña doutro muíño. Desculpa a miña introdución á conversa, de maneira que solicito agora a túa reflexión a este propósito, serve, Xurxo?
Máis alá da conversa filolóxica, que pode axudar a pasar estas frías tardes de inverno, hai outra realidade, que se cadra non nos gusta tanto, pero que é innegable. O galego, nas súas variantes leonesas e zamoranas, tamén está a desaparecer. Nestes once anos e pico que levo vivindo á beira do Douro, coñecín xente nova, algúns de terras bercianas, outros de localidades tan fermosas como Lubián ou Chanos, moi pretiño do Padornelo, que escoitaron falar en galego a seus avós ou mesmo a seus pais. Pero eles, os da seguinte xeración, esa que agora sae da universidade e ingresa na vida laboral, xa non teñen nin dominio nin interese ningún pola lingua herdada. Algúns, nos momentos de certo acougo sentimental, atrévense cunha cántiga aprendida nas xuntanzas familiares. E máis nada. Non nos debe sorprender: é o mesmo proceso ao que asistimos en Galicia dende hai décadas.
Unha pregunta máis breve; para salvar o catalán, éuscaro e galego é necesaria unha inmersión lingüística ad hoc, como propón o nada sospeitoso profesor Blecua, hoxe presidente da RAE?
Voume limitar ao galego, porque creo que as semellanzas cos casos éuscaro e catalán son ben poucas. Para salvar o idioma galego debería haber un pobo galego que quixese sobrevivir. Desafortunadamente, creo que non se dá esta premisa imprescindible. O pobo galego, se é que existiu algún día, decidiu suicidarse como tal, e para iso empezou por prescindir do seu maior sinal de identidade, a lingua. Nestas condicións, calquera política sociolingüística está condenada ao fracaso, veña de quen veña.
 Dicir que detrás da proposta inmersión lingüística existen "escuros intereses económicos" é un disparate antolóxico, pero asegurar "que o galego está monopolizado por grandes intereses económicos", transcende a capacidade imaxinativa de calquera clase de delirio; non é?
Se existen eses intereses económicos, que alguén me dea contas do diñeiro que deixei de ingresar nos últimos vinte anos. As persoas que falan así non só amosan unha evidente mala fe, senón que poñen de manifesto unha profunda ignorancia. O galego, por moitos anos de autonomía e outras lerias que levemos, segue a ser, cada vez máis, un territorio tristemente reservado á militancia, ao compromiso lingüístico, sempre desinteresado e ruinoso. Quen o queira mesturar con liortas ideolóxicas vai moi enganado. E quen pense que se lle pode tirar beneficio á cuestión sociolingüística está moi preto de ser un parvo, por moito que queira adornar os seus argumentos con citas de John Stuart Mill.

luns, 13 de decembro de 2010

“Tirar ao lixo seis millóns de euros en libros de texto é unha inmoralidade"

Nova entrevista de Manuel Vidal Villaverde, desta vez a Carme Adán, que foi presidenta da Aula Castelao de Filosofía e actualmente é deputada do BNG, no Galicia Hoxe. Premer na ligazón para ver a entrevista completa.


Bos días, Carme. Falar de bilingüismo e adxectivalo de harmónico, non é precisamente un acto que poidamos encadrar, xa non someter, a ningunha das coñecidas propostas epistemolóxicas susceptíbeis de se aplicar á lingüística comparada, cun mínimo de rigor científico, e aplicar aquí un subteorema, por así dicilo, dun empirismo descualificado e chocalleiro, como se unha cousa puidese ser e non ser ao mesmo tempo. Unha opinión tan disparatada e fóra de lugar é a que dunha banda á outra, sosteñen con non incerta incoherencia persoas mesmo próximas á túa militancia nacionalista, difíciles de compartillar xa co mínimo rigor da filoloxía, a lingüística, e mesmo a semiótica ou semioloxía aplicada, como calquera outra teoría física. Así unha boa parte do BNG, e por voz do ex voceiro Anxo Quintana, nunha desafortunada conduta propia dos falabarato, colonizados e embrutecidos, sostiña –sospeito que máis por boca doutros- máis que de motu propio, un solemne disparate a propósito dun suposto e mal entendido bilingüismo natural (ou algo así), hipótese que nunca se deu nin se dará na nación galega, nin por se camiño, nin pola escolla perversa e patética do PP e os seus asesores en materia lingüística. Prima e priva, ao meu meu ver, Carme, a diglosia, nas dúas e opostas direccións, unha diglosia estarrecedora, cóllamola por onde a collamos. O drama da imposición lingüística a favor do castelán, cómpre dicilo así, ten aí os resultados: nin castelán, nin galego, incluso entre individuos de niveis universitarios. En fin Carme, desculpa esta longa reflexión que fago, pero considéroa necesaria… Agradézoche que ti tamén reflexións cal consideres oportuno mesmo argüíndo –por que non?-, discrepando ou non, das miñas propostas… Serve?
Primeiro, as persoas comprometidas coa defensa da lingua e os intereses de Galiza como son os compañeiros e compañeiras do BNG non penso que poidan ser considerados uns falabaratos. Talvez sería mellor falar noutros termos máis respectuosos e buscando o consenso, xa que a situación pola que pasa a lingua galega hoxe é moi complexa e adversa. Cando o bipartito deu uns pequenos pasos para garantir que os nenos e nenas tiveran competencia plena en galego, tanto a través do decreto 124/2007 como creando as galescolas, o PP reaccionou cunha virulencia tremenda. Creou todo un discurso da imposición lingüística do galego nun país onde é practicamente imposíbel ler prensa, escoitar radio ou ver cinema en galego por poñer algún dos moitos exemplos máis chamativos. Este novo marco conceptual vendeuse moi ben na prensa e na campaña electoral . Agora o PP no goberno quere que todos xoguemos nese campo cheo de minas. Pretende que confundamos a aprendizaxe dunha lingua estranxeira, como o inglés, coa adquisición da compentencia lingüística en galego. Un absoluto disparate! Renega do propio termo de normalización e fala unicamente de dinamización, como se se tivera acadado xa un nivel normal nos usos da lingua. Por iso, o debate en termos de 50-50, como se a competencia plena nunha lingua, que xa non é a lingua inicial para unha boa parte das crianzas, que dependa só dun repartimento horario está trucado. O PP conseguiu que moitos tópicos e prexuízos volveran ao dominio público, tales como a inutilidade do galego para as ciencias ou outras lindezas dese tipo.
Incluso no Parlamento galego podemos ver como hai cargos electos democraticamente que non asumen o mandato estatutario de promocionar a lingua propia de Galiza e se expresan en castelán no ritual parlamentario a modo de provocación.
O máis triste desta situación é que a propia administración galega, que debería ser a vangarda para reverter eses estereotipos e contribuír a ampliar os usos do galego, dedique unha boa parte de esforzos e recursos públicos a todo o contrario. Lembremos un exemplo moi ilustrativo, máis de seis millóns de euros este ano e outros tantos no vindeiro tirados ao lixo en forma de libros de texto de ciencias en galego. Isto a maiores nun momento de crise económica onde tanta xente o pasa mal é unha inmoralidade.

martes, 7 de decembro de 2010

“Se non defendemos o galego só nos queda ser unha colonia embrutecida”

por Manuel Vidal Villaverde entrevista a Cipriano Jiménez, no Galicia Hoxe. Para acceder á entrevista completa preme na ligazón.

Médico, psiquiatra, psicanalista e escritor, Cipriano Jiménez é director xeral da Fundación Menela e membro fundador do Instituto Galego de Estudios Freudianos. Ocupa a vicepresidencia de Autismo Galicia. Director da revista Maremagnum e fundador de NóS, Produtora  Cinematográfica Galega S. L. , publicou máis de quince libros,
Bos días Cipriano, en primeiro termo, imos falar un pouco do estado do idioma galego, do noso principal sinal identitario, que ao meu ver, sofre un desequilibrio magoante con respecto ó castelán imposto, digan o que digan algúns historiadores e non poucos sociolingüistas. Hai moitas maneiras de impoñer, e dende logo a da imposición do castelán, ata hai ben pouco, non é dende logo paradigma de sutilidade, abofé que non. Podes reflexionar a propósito disto que expoño?
O galego esta “baixo mínimos”. Si as cousas seguen así, poderíanos levar a un “camiño sen retorno”. Entidades como a RAG, o Consello da Cultura Galega, A Mesa, etc., xa se teñen pronunciado ao longo deste ano, da situación de indefensión para o noso idioma. O Goberno Galego, non pode nin debe ir en contra da súa propia lingua. A lingua, como diría Manuel María hai que defendela a “metrallazos”. É o galego, o que está en evidente inferioridade de condicións. Non me cabe na cabeza, que sexan precisamente os galegos os que non axuden ao mais prezado que temos: “Unha lingua marabillosa”. Sen lingua, non hai Nación. A outra alternativa é ser unha colonia, embrutecida e contra cultural.           

A independencia galega forma parte da túa persoal utopía ?

Conformaríame cun Estado Federal ou Confederal, onde realmente estiveran representadas as Nacións que configuran o Estado Español. Galicia, xa fora declarada Nación en Xenebra pola antiga: “Sociedade de Nacións”. Este é outro dos temas tabús, que impide, dunha vez por todas, resolver o problema do que debe ser o Estado Español.