por Suso Baleato na Praza Pública:
Versión curta:
O louzán indíxena galaico decidira resolver así o imperativo de alertar ao seu pobo do perigo inminente. Tan orfo de líderes como pródigo en curias e nunciaturas, o Reino deixara confinar o seu idioma no estéril exilio dos usos litúrxicos, panteón ilustre de linguas mortas pero fonte de privilexios, dádivas e regalías. Con certeza, a inmolación do seu mais afouto guerreiro no ruinoso altar das letras galegas lograría interrogar ao pobo sobre as causas daquela desolación. Cando o sangue quente comezou esvarar cegando as runas esculpidas no templo sacrifical -Colligit, Expurgat, Innovat- linguas marmuradoras comezaron honrar o seu oficio: grandes perigos se cernían sobre o Reino que as sudorosas mans de cátedras e cesantías xa non podían seguir a ocultar.
