Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Lema. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Lema. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de xullo de 2021

Unha empresa non galega co galego

 


por Xosé María Lema nas Voces de ProLingua:

Ó fío de que hai uns días estivese de triste actualidade unha empresa conserveira galega por excluír a lingua do país dun concurso titulado “Relatos del mar”, anímome a sacar a luz o caso doutra non galega -á que non teño reparo en facerlle propaganda-, que, atendendo á petición dun cliente galego, non só incorporou a nosa lingua á súa páxina web, senón que acometeu unha campaña no noso idioma para a súa clientela de Galicia. 

mércores, 16 de xuño de 2021

Pola nosa lingua

"Pola nosa lingua" (2021, autoedición)  podía ser o título dun manifesto ou ben o lema dun escudo que levar sempre con orgullo no peito. Mais neste caso o "Lema" era outro, Xosé María Lema. El é o autor dun libro deste título que se presentou o  pasado venres 11/06/2021 na Biblioteca do Grilo, en Cacheiras (Teo). Alí estivo acompañado de Francisco Fernández Rei e Héitor Picallo.

Trátase dunha recompilación de artigos aparecidos en diferentes medios durante a última década, todos arredor do tema da lingua e a súa relación coa sociedade. Por detrás enxérgase a pantasma do decreto de exclusión do galego, protagonista de moitos deles. Lembro con especial emoción o titulado "Unha gran pira (de libros galegos) no Obradoiro", do que recollo estas palabras que fan referencia á eliminación e posterior prohibición dos libros de texto das materias científicas en galego

Como o “noso” Goberno xa decidiu a extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral compostelá o maior número de libros escolares de materias científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de Rosalía e Castelao

O autor non aforra en calificativos aos supremacistas que nos gobernaron nesta funesta década para a normalización. De Jesús Vazquez Abad, o conselleiro que promulgou o decreto de exclusión, di que é un podador de bonsais. A Santiago Amor, do que fora alcalde de Ames, repróchalle a súa hipocrisía recollendo o premio Lois Peña Novo para aniquilar o SNL catro meses despois. Sobre todos os demais está Feijóo, ao que acusa de practicar coa lingua políticas franquistas, fronte a el o ex-ministro de Franco, Manuel Fraga pode gabarse de ser todo un demócrata.

As teimas de Lema abrollan unha e outra vez en varios dos artigos nos que aparecen a figura do Balbino de "Memorias dun neno labrego" ou a activista Rosa Parks. Tamén destacaría outros aparecidos no portal de ProLingua como os adicados ao cornuallés ou á situación lingüística belga (I e II). En definitiva, estamos diante dun bo fateixo de reflexións sobre a lingua que non pode faltar na biblioteca de calquera cun mínimo de sensibilidade co galego. 

Todo un acerto foi contar coa colaboración de Héitor Picallo para ilustrar a edición, desde a acertadísima portada ás múltiples caricaturas, achéganos unha chuvia de cores e, tal e como comentou o propio ilustrador, achega unha carga de modernidade que o fai máis atractivo para un público ben precisado deste tipo de lecturas, os rapaces novos. 

venres, 9 de abril de 2021

Xosé Ramón Barreiro (1936-2021). In memoriam


 por Xosé María Lema, nas Voces de ProLingua:


O pasado 17 de marzo de 2021 finaba na súa casa de Coruña o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, que tamén foi Presidente da Real Academia Galega (RAG) de 2001 a 2009. 

luns, 24 de decembro de 2018

O orgullo pola lingua de Perfecto López, empresario do galeguismo na emigración americana

por Xosé Mª Lema, nas Voces de ProLingua:

«Eu son un rapás novo. Para min é unha cousa da máisima importancia o ter que vos falar a vós, esencia do galeguismo e da cultura. ¿Que podo decirvos eu? Son un home que entrei orgulloso no galeguismo guiado pol-a man da miña aboa analfabeta que me insinou a falar en galego. Non fun levado pol-a doutrina nin pol-a cencia de ningún de vós. Cando ando pol-o mundo a espricarlles ós galegos que son fieles á Terra, a verdade esencial que a nosa língoa garda, revivo na miña mente a lembranza de cando era un rapás analfabeto que iba ó monte coa miña aboa analfabeta coma eu e que coas suas palabras iba enseñándome a profunda verdade das cousas. Cando quero percurar que os galegos que a abandonan volvan á lei do amor á Terra, sempre acudo ás verbas que de neno deprendera da miña aboa e sempre atopo a razón atinada que en cada caso fai falta. Eu sigo sendo aquel rapás humilde. Por iso non quero nin busco cargos (...)».

xoves, 4 de xaneiro de 2018

Emotividade na entrega dos premios "Manuel Beiras"

por Xosé María Lema, nas Voces de ProLingua:


O pasado 19 de decembro entregáronse en Santiago os Premios “Manuel Beiras”, que convoca cada ano a Cámara de Comercio compostelá para impulsar o uso do galego no comercio da cidade. Hai un par de anos ProLingua fora convidada a formar parte do xurado; desde entón segue sendo convidada a propoñer candidaturas para premiar.

domingo, 5 de xuño de 2016

O anuncio en córnico



Xosé María Lema escribía na tribuna da RAG un artigo sobre o córnico poñendo o acento no enorme abatemento que produce pertencer a unha cultura que deixou perder a súa lingua. Con todo hai un grupo duns 300 resistentes que pulan pola recuperación da lingua da terra.
No ano 2002 o córnico acadara o status oficial de "lingua minoritaria" baixo o paraugas da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), o que esixe dos estados que garanta a aprendizaxe da lingua de todos aqueles que o desexen e ampare o movementos de normalización lingüística. Ata este ano o goberno inglés destinada unha partida orzamentaria de 150.000 libras para financiar políticas lingüísticas de fomento do córnico pero o pasado mes de abril suprimiu estes fondos. A compañía de xeados Kelly´s of Cornwall aproveitou a circunstancia para crear un anuncio no que se potenciaba a calidade do produto co uso da lingua córnica e a un tempo multiplicaba a visibibilidade da reivindicación da dotación orzamentaria para esta lingua.


Losing the Cornish language would kill off part of British culture

mércores, 19 de novembro de 2014

A placa de Zennor (Cornualles), ou a tristeza pola morte dunha lingua. ¿Levamos en Galicia o mesmo camiño?

por X. M. Lema, nas Voces de Prolingua:


A ‘doma e castración’ do córnico
Segundo Philip Payton, na súa Cornwall’s History (2010), o idioma celta de Cornualles tivera un desenvolvemento normal e puido resistir a presión do inglés ata mediados do séc. XVI. Como consecuencia da ruptura do rei Henrique VIII co papa, que deu lugar ó nacemento da Igrexa Nacional de Inglaterra (o anglicanismo), impúxose pola forza a lectura da Biblia en inglés nas igrexas, substituíndo o latín. En 1549, con Eduardo VI, imponse a Act of Uniformity (‘Acta de Uniformización’), xunto co Book of Common Prayer (‘Libro da Oración Común’), que supoñía o uso obrigatorio do inglés nos rezos e na liturxia da Igrexa Anglicana. Os eclesiásticos córnicos protestaron aducindo que o seu pobo non entendía o inglés, pero o arcebispo de Canterbury retrucoulles dicindo que o latín aínda o entendían menos. Os córnicos chegaron a defender a súa lingua coas armas na man, pero o seu exército sería derrotado en Exeter e os ingleses iniciarían decontado a pacification of Cornwall, que lembra moito a “doma e castración do reino de Galicia” polos Reis Católicos, anterior no tempo. Executáronse prisioneiros en masa e penduráronse da forca cregos e bispos rebeldes de Cornualles.

luns, 13 de outubro de 2014

Discurso do Premio de Creación Literaria, X. M. Lema

por Xosé Mª Lema, nas voces de Prolingua:

En primeiro lugar, o meu agradecemento ó xurado pola súa escolla e a miña solidariedade cos finalistas, pois sei, por experiencia, a decepción que se sofre cando un chega ó remate superando todos os atrancos e despois o trofeo o leva outro. Teño experiencia nisto, e non só por esta novela; mirando esta estatuíña de Martín Codax que teño agora nas mans venme á memoria que no ano 1993 ou 1994 tamén fora último finalista deste mesmo Premio da Crítica, neste caso de Investigación, coa obra A Arte Relixiosa na Terra de Soneira, pero o galardón acabouno levando outra persoa. Tamén agradezo a Edicións Xerais, que se atreveu a publicar unha novela tan longa (máis de 600 pp), sen resultar premiada na edición de 2011 (na que , como se sabe, fora finalista).

domingo, 6 de xullo de 2014

A cuestión lingüística belga II. A famosa fronteira lingüística

por Xosé María Lema, nas Voces de Prolingua:



Contra 1960 os flamengos decatáronse de que a fronteira lingüística fixada nos anos trinta non era tan fixa, e eran os neerlandófonos os que perdían terreo co paso dos anos. Con certa periodicidade facíanse novos censos de poboación, e se a maioría falaba maioritariamente outra lingua nunha localidade concreta, a fronteira movíase. Os feitos demostraban que arredor de Bruxelas o francés era a única lingua que avanzaba: era «a mancha de aceite francófona» que penetraba no territorio flamengo. Como solución, optouse por prohibir os censos para sempre e manter a fronteira fixada nos anos trinta.

martes, 1 de xullo de 2014

A cuestión lingüística belga. As orixes do conflito

por Xosé María Lema, membro da Cerna de Prolingua, nas Voces de Prolingua:

Desde finais do séc. XVI a cuestión diferenciadora entre os Países Baixos do norte (actual Holanda) e os Países Baixos do sur (actual Bélxica) non foi o idioma, senón a relixión, pois mentres o norte holandés se fixo cada vez máis luterano e despois calvinista, o sur flamengo e valón –con dous idiomas distintos- permaneceu católico. Os flamengos falaban o mesmo idioma cós holandeses, o neerlandés, pero non sentiron a necesidade de se uniren a eles, pois eran “herexes” protestantes. A lingua oficial de Valonia é o francés normalizado, pero o seu idioma propio é o valón, que é unha lingua de oïl, coma o actual picardo ou normando francés e coma o antigo francien, base do francés moderno, dialectos todos da lingua latina hoxe considerados patois (‘falas deturpadas’) polos franceses.

mércores, 22 de maio de 2013

Un accidente por culpa do galego (a realidade supera a ficción, e non vos riades)

por Xosé Mª. Lema, no Sermos Galiza:


Hai anos, cando o tan criticado bipartito de Touriño e Quintana gobernaba Galicia e se dera inicio desde medios xornalísticos madrileños á campaña contra “la imposición del gallego” que, logo, dunha maneira tan seguidista fora secundada por certos comentaristas dos nosos xornais, quen subscribe publicara un artigo irónico titulado (en castelán) “Un accidente por culpa del gallego”. Parodiando o castelán de Galicia –o auténtico castrapo- contaba que un meu familiar tivera un accidente por culpa dos sinais inintelixibles que algúns concellos empezaban a poñer en galego, e dicía: “Iba mi hijiño con su bicicleta a todo dar por una carretera secundaria y, al llegar al cruce con la principal, no dio entendido una señal de tráfico que estaba rotulada en gallego ‘Ceda o paso’ –en vez del castellano ‘Ceda el paso’-, el pobriño no se detuvo y se fue esnafrar contra un coche que por allí pasaba. Mi filliño hubo de morir del golpe, pero afortunadamente no pasó nada e se dio recuperado rapidiño, rapidiño, pues solo tenía un croque en la cabeza. Pero bueno, ahí queda la denuncia: por la manía esa del gallego tuvo ese lamentable accidente”.

luns, 21 de novembro de 2011

Señor Alcalde de Ames, devolva o premio

Non hai tanto, cando Xosé M. Lema escribía un artigo tan acertado coma este, podíamolo ler todos no Xornal. Como agora non hai medios que publiquen estas cousas, tiven que andar á rapañota do  artigo ata que o atopei no blogue Recortes en Ames. Na foto o alcalde de Ames, premiado na edición deste ano dos Premios Lois Peña Novo, en recoñecemento ao traballo a prol da normalización dese concello. Ao final do artigo engado o vídeo do que fala Lema nun formato máis accesible.
Segundo o xa sinalado, velaquí o artigo Xosé M. Lema:
Chéganos a mala nova de que alcaldía de Ames (A Coruña), do PP, eliminou oServizo de Normalización Lingüística. Nos tempos que corren, que unha alcaldía deste partido dea un paso máis na destrución do milenario edificio da lingua galega, xa deixou de ser noticia, por desgraza. Pero o que nos molesta é a mentira e a hipocrisía,que leva pronunciar floridos discursos para conseguir aplausos para logo facerxustamente o contrario.

domingo, 11 de xullo de 2010

Pecado lingüístico?

por Xosé María Lema, catedrático de Xeografía e Historia,  no Xornal de Galicia:
Atendendo á invitación asistimos o 30 de xuño no Castelo de Soutomaior á entrega dos premios que anualmente a Fundación Lois Peña Novo concede a persoas e entidades que se distingan polo seu labor a prol da lingua galega. Nesta ocasión os distinguidos foron o notario de Lalín Victorino Gutiérrez Aller, gran impulsor da documentación notarial en galego; o bufete de avogados Lugo, de Lugo, do que é cabeza visible o ex deputado do BNG Alberte X. Rodríguez Feixó; a Corporación Municipal de Burela, pola exemplar integración dos inmigrantes do concello a través do galego, e o catedrático emérito de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC Ramón Lorenzo Vázquez.
Todos con méritos máis que suficientes a prol da normalización da nosa lingua. Fixo unha excelente glosa dos méritos de todos eles Manuel González, membro da RAG. A guinda púxoa Xulio Alberte cando observou que, ben mirado, eles non merecían o premio, pois non facían máis que usar a lingua propia de Galicia; iso nun país normal non sería un acto merecedor dun premio –usar a propia lingua a cotío en calquera situación-, pero en Galicia si, e agora aínda máis.
Chamou a atención o caso do Concello de Burela, onde, mediante as escolas municipais e co acordo unánime de todos os grupos políticos, se está levando a cabo un exemplar labor de integración do inmigrantes a través da aprendizaxe da lingua. Ademais dos xa ben coñecidos inmigrantes caboverdianos, conviven na vila mariñá moitas nacionalidades distintas –máis de trinta-, e ata agora non se deu nin o máis mínimo problema de integración, nin a máis mínimo protesta porque esta fose a través do galego. Resultado: máis do 80 por cento da poboación exprésase normalmente en galego. Tanto é así que se pediu que o modelo burelés se exportase a outros concellos de Galicia. Mentres se relataban estes logros, a min veume á cabeza unha anécdota que o xa falecido polígrafo Xosé Filgueira Valverde contaba de cando se oficiara unha das primeiras misas en galego; ó seu remate unha velliña achegouse ó oficiante e díxolle: “Ai, señor cura, nunca tanto me gustara unha misa! E non será pecado?”
Por iso, en vez de sentir unha sensación enteiramente positiva por esa experiencia exemplar de Burela, o que sentín foi inquedanza, certo medo, pois axiña pensei que, ó funcionar tan ben esa experiencia positiva para a lingua galega, ó goberno de Núñez Feijóo –no acto estaba presente o Secretario Xeral de Política Lingüística– entraríanlle ganas de prohibila, como o acaba de facer coas clases de inmersión lingüística en galego nalgunhas cidades coma A Coruña, que seica tan ben viñan funcionando e sen problemas.
Pode soar a sarcasmo, pero o certo é que non fun o único que pensou así, pois ó final do acto houbo quen lles advertiu a algúns concelleiros bureleses deste perigo. Mentres non se demostre o contrario, temos un Goberno en Galicia que unicamente se preocupa de amputar todo indicio de normalización do galego (eliminándoo das oposicións, prohibindo dar as clases de matemáticas, física e química…). En suma, que o Modelo Burela tan loado por todos, non sei se será “pecado” para Feijóo e o seu equipo de cazafantasmas, pois ademais ten o agravante de que conta co consenso de todos os grupos políticos do concello, incluído o seu (quizais roden cabezas!). Ó contrario do ano pasado, que aínda se parara a falar cos asistentes ó final do acto, o citado Secretario Xeral marchou moi axiña; eu desconfiaría. l

mércores, 23 de xuño de 2010

Unha gran pira (de libros galegos) no Obradoiro

por Xosé María Lema, catedrático de Xeografía e Historia, no Xornal de Galicia:
No goberno de Núñez Feijoo día a día a realidade supera a ficción; no que toca á tarefa da liquidación da lingua galega, claro. Unha brigada de demolición de todo o que cheire a galego. En Xornal de Galicia publicaba eu o 18 de novembro de 2009 un artigo titulado Entre os dous Cirilos, escolleron o malo, que se pode ler no libro de recente publicación Feijóo, o galego e nós (Laiovento). Aínda fresca a estrea do filme Ágora de Amenábar, comparaba a bárbara destrución da famosa Biblioteca de Alexandría por fanáticos cristiáns inducidos polo seu intolerante bispo Cirilo, co labor aniquilador sistemático da lingua e cultura galegas iniciado polo “noso” presidente. Eis algúns parágrafos do artigo: “Cada papiro polo aire eran os folios dos nosos Cancioneiros medievais ciscados por unha ventá á ventoeira. Cada pergamiño rachado eran as páxinas arrincadas das Cantigas de Santa María. Cada cacharela no patio eran as obras de Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Cunqueiro, Ferrín ou Rivas reducidas a borralla. (…) Deste noso goberno só coñecemos amputacións no corpus da nosa lingua. (…) En fin, agora estamos na tensa espera da pira (¿funeraria?) final: o anunciado novo decreto relegador do galego no ensino e a derrogación da Lei de Normalización Lingüística. ¿Atreverase a facer o sumo sacerdote un acto “depurador” solemne na praza do Obradoiro ó estilo dos antigos autos de fe de Filipe II? A Santa Faes reloucaría contemplando as labaradas…”

Pois ben: nin que o “noso” Goberno tomase a deprimente escena do filme como exemplo a seguir, pois todo isto foise cumprindo paso a paso. Ítem máis: el mesmo procurou rapidamente esa materia combustible para esa pira no Obradoiro cos milleiros de libros escolares de matemáticas, física, química e tecnoloxía publicados en galego; un dispendio de 3,8 millóns de euros que o “noso” Goberno vai tirar ó lixo sen o máis mínimo remorso de conciencia (a crise para “joder el gallego” non conta). Como o “noso” Goberno xa decidiu a extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral compostelá o maior número de libros escolares de materias científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de Rosalía e Castelao. Coas cámaras da TVG presentes –of course– convidemos logo ó señor presidente da Xunta a que exerza de sumo sacerdote e teña a honra de prenderlle lume á pira coa solemnidade áulica dos sacrificios da Antigüidade ou dos autos da Inquisición do século XVI. Os fachucos incendiarios xa hai tempo que llos teñen acesos o conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística. Que o noso haraquiri cultural sexa completo, dirixido polo noso máximo mandatario, que xa terá un lugar na Historia deste país por tal acto. A ver se con este acto purificador a insaciable Santa Faes se dá por satisfeita e nos deixa en paz. ¿Ou teremos que inmolarnos tamén na pira os galegofalantes?