Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta A Estrada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Estrada. Amosar todas as publicacións

mércores, 25 de febreiro de 2026

Vamos bebendo


Outra vez o Concello da Estrada presentou un acto polo Día de Rosalía no que participaron diversos centros educativos e no que se presentou un vídeo elaborado para a ocasión.
Desta volta os protagonistas do vídeo son os nenos e nenas das escolas infantís estradenses Escola Infantil Municipal, Escola Galiña Azul, Escola Elfos e Escola Undoustres. Recitan o poema Vamos bebendo.
Un brinde por todos eles e porque esta iniciativa se espalle e siga tendo continuidade!

mércores, 26 de febreiro de 2025

Rosalía; caravel cosido con raio de sol

Un ano máis o Concello da Estrada homenaxea a Rosalía de Castro cun videoclip. Nesta ocasión veremos como Cayetano Lledó vai elaborando o retrato da escritora mentres escoitamos na voz de Sheila carbia unha fermosa elexía de Fedrico García Lorca escrita o 29 de marzo do 1919 e traducida por José Lueiro e Carlos Loureiro. Outra vez o autor do vído foi Lucas Terceiro. Un novo acerto do concello no recoñecemento da nosa lingua por medio da lembranza da matriarca das nosas letras.


xoves, 20 de febreiro de 2025

As viñetas de Castelao segundo o alumnado do IES Avelina Valladares

O ano 2025 foi declarado pola Xunta de Galicia ano Castelao pois conmemórase o 75 aniversario da súa morte en Buenos Aires. No IES Avelina Valladares (A Estrada) elaboraron esta reinterpretación do álbum Nós e de Cousas da vida que tamén se pode consultar nesta publicación virtual.

Vía IES Avelina Valladares

martes, 4 de febreiro de 2025

Dous gráficos no plenario de Queremos Galego!

O pasado 31/01/2025 celebrouse no MOME da Estrada o plenario de Queremos Galego! no que se abordou a organización da manifestación do vindeiro 23 de febreiro en Santiago ante a actual situación de emerxencia lingüística. 

No encontro, entre varias reflexións e testemuños, cabe destacar un par de gráficas que se proxectaron e que se explican sen máis comentarios. Velaquí as deixo. A primeira consiste nunha foto fixa, a da lingua habitual no ano 2023. Os datos son do IGE. Cómpre fixarse en que na horizontal distribúense as idades en orde inversa, de máis vellos (á esquerda) a máis novos (á dereita), o que nos dá idea da involución do uso do galego


A segunda gráfica, tamén con datos do IGE, mostra datos do descoñecemento do galego entre os máis novos no transcurso dos últimos 20 anos. Obsérvase como neste período o descoñecemento duplicouse. O factor principal é o decreto de prohibición de uso do galego no ensino. Só un radical pode poñelo en dúbida.



mércores, 17 de xullo de 2024

Presentación na Estrada do libro "Liberdade para o galego"


 O próximo martes 23 de xullo a AC Vagalumes presenta na Estrada o libro Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, da autoría de Marcos Maceira Eiras e Elsa Quintas Alborés. O acto terá lugar no MOME ás 20:30 h.

Os autores de Liberdade para o galego analizan polo miúdo a situación real do galego nos principais ámbitos da vida social, especialmente naqueles nos que existen compromisos adquiridos polo Estado ou acordos que alcanzaron todas as forzas políticas en Galiza e que son fundamentais en calquera proceso de normalización: ensino, xustiza, administración, medios de comunicación, economía e empresa, lecer… Para isto utilizan os datos recollidos en cada un dos informes periódicos que a Mesa pola Normalización Lingüística foi remitindo a solicitude do Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas ou do Relator especial da ONU para os dereitos da minorías en 2019. Esta análise achéganos datos verdadeiramente estarrecedores, como por exemplo que o 99% da oferta audiovisual, o 99,4% dos xoguetes ou o 99% dos procedementos xudiciais están ocupados polo español.

É indignante escoitar unha e outra vez a palabra “liberdade” na boca de destacados voceiros da política galega cando se refiren á nosa lingua: a conveniencia de promovela respectando a liberdade, de usala con liberdade... Marcos Maceira e Elsa Quintas demostran neste libro que a tan cacarexada liberdade só funciona en relación ao español, que conta con todos os dereitos e ten asegurada a súa posición de poder; mentres que o galego fica nun plano secundario e marxinal, tolerado sempre e cando non cuestione a supremacía do castelán. Con esta intención, os poderes políticos (o Goberno central e a propia Xunta de Galiza) utilizan de xeito perverso a linguaxe e así, calquera intento de restaurar un uso digno e normalizado da nosa propia lingua é denominado “imposición”.

A conclusión que nos ofrece o libro é que existen impedimentos que obstaculizan o uso libre da nosa lingua e que, malia a lexislación que en teoría a protexe, o seu uso non se pode desenvolver plenamente en todos os ámbitos. Os responsables desta situación son precisamente aqueles que teñen a obriga legal de promocionar o noso idioma; nomeadamente a propia Xunta de Galiza que, aínda que case sempre mantivo unha actitude de deixadez e de desinterese polas políticas efectivas de normalización lingüística, desde os últimos quince practica unha belixerancia activa, lexislando en contra da nosa lingua e levando a cabo un plan de exclusión e de difusión de prexuízos sobre o galego.

Dignificar unha lingua é dignificar o pobo que a fala. O dereito dos pobos a empregaren a súa lingua é un dereito humano e é sinónimo de liberdade. Por iso, coincidindo coa celebración do Día da Patria, desde a AC Vagalumes queremos reflexionar sobre a necesidade urxente de verdadeiras políticas de normalización para o galego, a lingua que o noso pobo creou hai máis de 1000 anos como expresión da nosa particular visión do mundo e da realidade. A pesar das discriminacións, marxinacións e prohibicións que padeceu ao longo da súa historia, o galego perviviu até hoxe. Cómpre mudar as políticas para darlle un futuro á nosa lingua e conseguir que, por fin, a sociedade galega poida desenvolver a súa vida plenamente na propia lingua.

mércores, 19 de xuño de 2024

A maior parte da mocidade da Estrada non usa o galego


"Só o 19% dos adolescentes estradenses fala en galego habirtualmente", este é un titular que publicaba o Xornal da Estrada hai poucos días. Ese foi o resultado dun estudo feito en dous dos tres centros de ensino secundario da vila, pois non tiveron en conta o instituto no que eu traballo, o IES Antón Losada. 
Canda esta publicación tamén subiron o vídeo que encabeza a entrada no que, alén de explicar os resultados obtidos, entrevistan a profesorado do IES Manuel García Barros e do IES nº1 así como a Pablo Chichas, de Radio Estrada, e Gabriel García Calvo (@gagiig8) un profesor de infantil, pero sobre todo, un creador de contidos en tik tokinstagram e todo tipo de redes sociais.
Entre outras cousas vemos un declive continuo do uso do galego na mocidade e, en xeral, unha falta de transmisión da lingua. Cabe preguntarse canta responsabilidade ten a política lingüística da Xunta nesta desfeita. Non pode ser cativa.

 

mércores, 22 de maio de 2024

A Coruña de Luísa Villalta


O alumnado de Expresión Artística de 4º da ESO do IES Antón Losada (A Estrada) elaborou un fermoso traballo sobre "A Coruña de Luísa Villalta" que aparece explicado neste vídeo. Non é unicamente un traballo da aula de plástica, é tamén unha denuncia da especulación, unha posta en valor da resistencia democrática fronte ás ditaduras. O mellor é ver o vídeo e ler estas palabras dos paneis de presentación do proxecto:

Retratamos a Luísa Villalta como un faro que nos ilumina coa súa persoal ollada a través dunha verbas que cantan á Coruña, ao que se perdeu co paso do tempo, coa especulación, co egosísmo... e que non soubemos ou non quixemos parar.
Trátase dunha escolma de 9 poemas vencellados a 9 "lugares" emblemáticos da cidade, 9 anacos que a constrúen.
Compartimos con vós a nosa visión particular de todos eles mediante a metáfora bordada e recortada en 9 anacos de velcro.
Analizamos o traballo das chamadas "arpilleristas chilenas", nais, irmás, viúvas... dos desaparecidos durante a ditadura de Pinochet. Mulleres que aparentemente se entretiñan e tentaban sobrelevar a dor bordando inxenuas e inocuas arpilleras con anacos de teas de cores. Mais acabaron converténdose nunha das principais fontes de información sobre o réxime que se tivo no estranxeiro.
Para máis información, consultar o blogue do ENDL do IES Antón Losada que ten moitas máis fotos da exposición.



 

domingo, 19 de maio de 2024

La Estrada

 



O da esquerda é o cartel que anuncia a edición 2024 da Festa do Salmón deste ano na Estrada. Para iso recuperaron o da primeira edición, da época da ditadura franquista. Este último, claro está, tiña que publicarse en castelán; o galego estaba prohibido. Agora a situación é distinta, pero non moito mellor. Nin o autor do cartel, nin os concelleiros responsables, nin o alcalde, ninguén ten a mínima sensibilidade para poñer en evidencia o que é evidente, que no cartel actual seguimos a ler "La Estrada". Non hai desculpa posible, só desprezo pola lingua dos estradenses e unha aposta por querer volver 50 anos atrás, en definitiva, unha homenaxe ao franquismo.

venres, 23 de febreiro de 2024

Un pelouro que roda

 

Unha nova edición do Día de Rosalía e tamén un novo vídeo especialmente realizado para esta xornada polo Concello da Estrada. 

Onte, no Teatro Principal da Estrada celebrouse un encontro con escolares do concello no que houbo un recitado de poesías e no que finalmente se presentou este vídeo na honra de Rosalía, protagonizado polo grupo musical A banda da Loba. Este é dos poucos actos dos que un pode sentirse orgulloso de pertencer a este concello.


xoves, 25 de maio de 2023

A microtoponimia de Sabucedo

A asociación Pau de Moca, da parroquia estradense de Sabucedo, dentro dun proxecto de recuperación da toponimia menor subvencionado polo Departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra, organizou unha charla de difusión e sensibilización da importancia de recuperación e conservación dos topónimos da parroquia. Para iso contaron coa colaboración da Asociación Cultural Vagalumes e no Teleclub de Sabucedo presentaron esta xornada o pasado sábado 20/05/2023. 

O acto foi presentado por Michel Touriño, de Pau de Moca e a charla correu a cargo de Clara Iglesias, de Vagalumes.

domingo, 7 de maio de 2023

O tempo xa vén feito

Do ENDL e a Biblioteca do IES nº1 da Estrada chéganos este traballo realizado por Pedro Souto Riveira, Brais Tato Mejuto e Noemi Darriba Botana (3º ESO). A súa realización fíxose seguindo o modelo do programa #DígochoEu (TVG). Elaborado con imaxes propias e mais dos programas de edición Movavi e Canva.

luns, 3 de abril de 2023

A santa subvención

 
A Cofradía de la Santa Cruz da Estrada recibe anualmente xenerosas subvencións, tanto do Concello como da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Basta un pequeno paseo polo perfil de facebook da organización para comprobar que a pretendida normalización é un completo fracaso. O galego só aparece, e daquela maneira, forzado nos impresos xenerosamente subvencionados. Ano tras ano a SXPL desvía fondos públicos para pagar a extravagancias relixiosas dun grupo de veciños refractarios á lingua galega. O desleixo e desprezo pola lingua pódese ver no recorte do cartel no que anuncian as súas actividades. 

"Misa de COFRADES, acto de incorpoarción de nuevos cofrades y simpatizantes"

Nisto consisten as subvencións da SXPL á normalización. No desvío de cartos públicos a amiguiños que, por outra parte, son inimigos declarados da lingua galega. Velaquí, espida, a política lingüística do PP.

domingo, 26 de febreiro de 2023

Aí vén a tola soñando

  


O pasado Día de Rosalía de Castro o concello da Estrada organzou unha lectura de poesías no Teatro Principal e sumou un novo audiovisual á celebración que vén facendo desde hai xa unha boa restra de anos. Unha moi boa iniciativa que este ano contou coa colaboración dos centros educativos da vila.
O vídeo, Aí vén a tola soñando, foi realizado e filmado por Lucas Terceiro é unha canción composta e interpretada por Gabriel Blanco (Plan Siberia) que pon música a un poema de Rosalía. O traballo conta cunha coreografía creada pola bailarina Jacqueline Reimúndez e bailada por un abano de alumnos/as procedentes de distintos coles estradenses.

xoves, 23 de febreiro de 2023

Contra o Día de Rosalía

Esta era a imaxe que un vería ao pasar onte por diante do concello da Estrada. Unha boa forma de estragar o Día de Rosalía de Castro, co apoio da Xunta e do concello.

 

luns, 3 de outubro de 2022

Presentación do libro "A Estrada encantada"

 


Este pasado venres 30/09/2022 a Asociación Cultural Vagalumes presentou no MOME da Estrada o libro A Estrada encantada. Mitos, lendas e contos, de Clara Iglesias Cortizo, editado pola Deputación de Pontevedra. 
O local encheuse e acabou sendo pequeno para a gran asistencia de público. a autroa estivo acompañada da deputada do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Memoria Histórica e Lingua da Deputación de Pontevedra, Marta Otega. O escritor David Otero foi o presentador e Marcos Borrajeros tivo varias intervencións como contacontos. O acto rematou coa actuación musical a cargo de Anxo Fernández e Gustavo Brea.
Ademais do vídeo, recollo do Xornal Tabeirós Montes o que a Asociación Cultural Vagalumes pretende con esta publicación: 
Para a AC Vagalumes é obxectivo prioritario o coñecemento e valorización do noso patrimonio, tanto material como inmaterial. A mitoloxía popular pertence ao conxunto do riquísimo patrimonio inmaterial do noso país, pero a súa vixencia e transmisión están en retroceso. O mundo labrego tradicional que a sustentaba devece e a última xeración de persoas depositarias e usuarias destes saberes está a desaparecer. Os mitos populares expresan a interpretación que a sociedade labrega tradicional fixo do pasado e da realidade en que vivía e cumpriron unha importante función de cohesión social. Polo tanto, é importante coñecelos, comprendelos e valoralos porque constitúen un elemento significativo da nosa particular concepción do mundo e explican moitas das claves da nosa identidade. Os mouros e as mouras, os tesouros ocultos, os demos, as meigas, as visións, as ánimas en pena... constitúen unha auténtica mitoloxía popular galega, creada e transmitida polo pobo ao longo de moitas xeracións. En A Estrada encantada a autora prentende facer unha compilación, clasificación e interpretación de mitos e lendas recollidos no noso concello.

venres, 10 de xuño de 2022

Informativo do IES Antón Losada Diéguez

 Quedei encantado de ver a moitos alumnos nos fotogramas deste informativo realizado no meu centro, o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada). Neste informativo temos achegas do persoal do centro sobre a pandemia da COVID-19, en entrevistas gravadas durante o entroido, como será evidente cando o visualicedes. Tamén se divulga un estudo sobre o uso da lingua no centro no que se destaca que o alumnado fala máis en galego na casa que no insituto. Algo se está a facer mal.

Tamén hai unha entrevista a Olaia Maneiro, das Tanxugueiras e outra a Tony, o auxiliar de conversa.

martes, 31 de maio de 2022

O noticieiro da Estrada


O Concello da Estrada tivo a iniciativa de propoñer aos centros de ensino da vila a elaboración dun pequeno telexornal desenvolvendo algunha nova de escolla libre. No IES nº 1 decidíronse pola arte. Neste noticieiro dan a coñecer tanto as esculturas da Rúa da Cultura, a rúa na que están os IES da Estrada, así como os traballos que decoran o propio centro de ensino.
Na canle de You Tube do Concello poden verse os distintos telexornais elaborados nos centros.

 

luns, 16 de maio de 2022

Que non apaguen a túa lingua!


 A Asociación Cultural “Vagalumes”, integrante da Plataforma Queremos Galego!, levará a cabo un acto público sobre a situación do galego e a ameaza que supón a nova lei do audiovisual para profundar na súa exclusión deste ámbito. Intervirá o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística Marcos Maceira. O acto terá lugar ás 20:30 h. na sala MOME da Estrada.

mércores, 15 de decembro de 2021

Mapa das cruces de pedra en Tabeirós-Terra de Montes

Velaquí a recollida de cruceiros feita ata o momento pola Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada. A día de hoxe hai uns 80 xeoreferenciados. 

Este mapa forma parte do Proxecto Ouzamerxe, de recollida e posta en valor dos cruceiros da comarca. Dese a A. C. Vagalumes piden colaboración na verificación e ampliación dos datos

sábado, 17 de xullo de 2021

Un libro contra os niquiriqueiros: "Pola nosa lingua"


O pasado xoves 15/07/2021 presentouse na Praza da Música o libro de Xosé Mª Lema "Pola nosa lingua". O acto, organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, foi presentado por Marcos Borrageros. Acompañaron ao autor do libro na presentación Maca Arca e Héitor Picallo, a primeira, membro de ProLingua tamén é autora do epílogo e o segundo ademais de ser o autor do prólogo é o ilustrador do texto.
Xa se indica no subtítulo do libro que se trata dunha compilación de trinta e un textos en defensa do galego publicados en diversos medios ao longo de 10 anos. Entre eles figuran os cinco artigos polos que o autor recibiu o Premio Manuel Reimóndez Portela en 2010. A data que dá inicio á compilación, 2009, marca o comezo dunha etapa de agresión á nosa lingua por parte do goberno galego; precisamente moitos dos textos deste libro teñen como tema central a denuncia de tales políticas.
Durante a súa intervención Maca Arca achegounos un termo propio do Val do Fragoso (Vigo), "niquiricas", "niguiriqueiro" e o seu verbo asociado "niquiricar". Refírese a aquel que aparenta con acenos, sons e exhibicionismo que se traballa ou fai algo con dedicación cando na realidade non se fai nada de nada. Velaí o termo máis acaído á política lingüística que practica a Xunta.