Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Cultura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cultura. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de abril de 2026

A mala saúde de ferro da edición en lingua galega

 


por Manuel Bragado no Nós Diario:

Non hai análise posible do estado da edición en galego sen reparar na modalidade literaria que funciona como o seu cativo escaparate en medios e redes, inducindo ao erro de identificala co conxunto do sector. A efectos de análise do seu estado, continuando a entrega anterior sobre a literatura infantil e xuvenil, seguiremos a convención dos estudos de Comercio Interior do Libro da Federación de Gremios de Editores, que considera catro modalidades: a primeira, a Literatura, que abrangue as publicacións de narrativa, poesía e teatro, ademais de ensaio e crítica literaria; a segunda, a Literatura Infantil e Xuvenil; a terceira, o Libro de Texto e materiais didácticos; e, por último, a de Non Ficción, un caixón de xastre no que se inclúen os textos de ciencias e tecnoloxía, ciencias sociais (a máis relevante na edición galega), ademais dos libros e divulgativos (gastronomía e guías de viaxe), así como as enciclopedias e dicionarios impresos, que na actualidade sofren unha crise gravísima, mitigada con algunhas reimpresións das súas versións escolares, prescritas en 3º de Educación de Primaria ou 1º de ESO.


xoves, 5 de marzo de 2026

A edición galega á intemperie

 por Manuel Bragado no Nós Diario:



A situación crítica da edición galega, que perdeu nunha década 39,05% da súa facturación, non se explica sen sumar as axudas directas achegadas pola Xunta de Galicia durante ese período, como polo impacto sobre o sector editorial do modelo de (falsa) gratuidade do libro de texto no ensino obrigatorio, mediante préstamo e banco de libros (renovados cada seis anos) e a redución das materias nas que se emprega o galego como lingua vehicular obrigada polo decreto 79/2010 de plurilingüismo. Unha intervención pública que, coma se da aperta do oso se tratase, obrigou a se reconverter a primeira e máis estable das (cativas) industrias culturais galegas.

luns, 15 de decembro de 2025

M8 por ler

 

A Fundación Xistral afirma ser "unha declaración de amor a un xeito de entendermos a vida ... e a todos os que participan na construción da cultura que hoxe nos dota de identidade". Desde os seus comezos xa levan toda unha serie de campañas promovendo a cultura de noso. Hoxe traémola a este portal pola presentación da última das súas iniciativas, unha rede social sobre o libro galego, M8 por ler

A rede contén un catálogo inmenso de publicacións e vén cun buscador de fácil manexo que decontado nos leva a aqueles títulos que estamos buscando. 

Animo a todo o mundo a que se inscriba, a que consulte a información que contén de cada libro e a que valore e escriba unha pequena reseña sobre aquelas publicacións das que teña coñecemento para axudar ao resto da comunidade a guiarnos nas nosas lecturas. Unha magnífica iniciativa.

sábado, 21 de decembro de 2019

Lingua galega e premios da cultura

nova Voz de Francisco Fernández Rei, membro de ProLingua.


Estes días pasados desveláronse os nomes dos galardoados cos Premios da Cultura Galega 2019 da Xunta de Galicia. Vou lembrar o nacemento destes premios para logo centrarme nos de creación literaria e outros do Ministerio de Cultura onde a Real Academia Galega conta cun membro do xurado.

martes, 1 de maio de 2018

Días (e noites) do libro

por Xosé Cermeño, en El Correo Gallego:

TOCARÁ esta semana escoitar palabras incendiadas de boas intencións e sinceras louvanzas sobre os libros. Que bonitos, que necesarios, que indispensables son os libros. Cantas cousas aprendemos neles. Son días tamén nos que mesmo as xentes de letras prestamos tamén moita atención aos números e comprobamos, con tristura, que o panorama en Galicia do libro, da lectura, da edición e das bibliotecas so dá para ser entre pesimista e moi pesimista. E as causas son varias. A primeira -un feito no que estaremos dacordo todos- é que a retirada de políticas públicas, e dos recursos que levaban aparellados, fixo moito dano ao libro galego. E non só ao libro, desde logo.

domingo, 29 de abril de 2018

As cifras do libro galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

O Consello da Cultura Galega acaba de facer públicos unha serie de datos sobre consumos culturais, máis específicamente sobre a produción e consumo do libro galego na última década, en realidade dende o ano 2006, data de aprobación por unanimidade da Lei do Libro e da Lectura no Parlamento de Galicia, ata o ano 2016. Os datos serviron de referencia para os debates que o pasado xoves se celebraron na devandita institución, debates preferentemente de carácter sectorial, nos que participaron editores, libreiros, bibliotecarios, estudosos da edición, distribuidores, creadores, etcétera, mesmo algunhas técnicas da administración. Nada que os que estamos nisto non soubésemos, aínda que cando un observa os gráficos, as cifras, as tendencias da nosa realidade cultural no seu conxunto, imposible virar os ollos para outro lado. O panorama é certamente desalentador. Nos últimos anos, dende o ano 2008 ao 2014, o período mais duro da crise económica, o investimento ou gasto público en cultura diminuíu nun 58,40 por cento. 

domingo, 22 de abril de 2018

Manuel Bragado

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:


Hoxe as velas traen un pouco menos de vento. A retirada, «renuncia voluntaria», cese ou como queiramos dicilo, de Manuel Bragado ata hai dous días director e primeiro responsable de Edicións Xerais de Galicia abre un oco certamente importante na cultura do libro galego e na cultura galega en xeral, tan necesitada de azos, pulos estratéxicos, entusiasmos e firmezas. Durante 28 anos o editor vigués foi construíndo e, ao mesmo tempo, reforzando un proxecto que velaí está: no catalogo de títulos, na nómina variada de autores, nas ofertas de risco, na forza dos lectores e, moi especialmente, na proposta educativa, que foi a orixe do nacemento da editorial con Xulián Maure en 1979 (cun libro para o ensino das matemáticas) e que el continuou durante case tres décadas. De todos os que pasamos pola dirección de Xerais (penso agora tamén en Luis Mariño), Bragado foi o que máis tempo botou na ponte do navío. Ímolo botar de falta.

xoves, 1 de decembro de 2016

Sicixia

por Francisco Rodríguez, en Terra e Tempo:

É grato ter boas novas. Noticias que falen da nosa capacidade como pobo. Dá satisfacción saber de obras e actividades que expresan autoestima, confianza no país, esforzo e vontade de valernos por nós mesmos en todos os ámbitos. Nunha palabra, constatar que existimos como pobo que desexa seguir sendo, acadando un nivel de conciencia e responsabilidade que desenvolva todas as nosas capacidades, en todos os aspectos.

xoves, 7 de xullo de 2016

Rabela: Entrevistas arredor da lingua

Nesta entrada recompilo as entrevistas que Nós TV realizou a persoas de distintos ámbitos no programa Rabela do pasado 28 de xuño











venres, 3 de xuño de 2016

Rabela: artistas e lingua



Continúo coa teima do enorme programa emitido o pasado 28 de xuño por Nós TV. Nesta ocasión a mesa de reflexión, sempre dirixida por Pablo "Chichas", reuniu a varios artistas,  Inacio Vilariño, Fantoches Baj; Paco Nogueiras, músico; Martín Nogueira, músico; e Anxo Garcia, Viravolta Títeres.

mércores, 9 de marzo de 2016

Manuel María non o tivo fácil (I)

por Lois Diéguez, no Terra e Tempo:

Quero tocar hoxe só un aspecto concreto, referido ás dificultades que Manuel María tivo para consolidarse como poeta e escritor galego. Analizarei, nos próximos meses, outros aspectos do poeta.

luns, 5 de outubro de 2015

E Rosalía falou pola boca da Coordinadora Galega de ENDL

Cando lle concederon o Premio da Cultura Galega 2015 á Coordinadora Galega de ENDL (CGNEDL), viñéronme inmediatamente dous recordos á mente. O primeiro foi o da renuncia ao mesmo premio  no ano 2010 que fixera Agustín Fernández Paz. Na carta de renuncia o escritor vilalbés asentaba os seus motivos nun comunicado que fixera público ProLingua uns días antes de título certamente aclaratorio: Rosalía non aceptaría ese "premio" no que desde o convencenmento de que as xentes que levaran consigo o espírito de Rosalía non "aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia"
A segunda das imaxes que me invadiu foi a sentida homenaxe a Agustín Fernández Paz que lle fixera a CGENDL ao cumprírense os 20 anos da existencia dos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino. Aquel sí que fóra un premio da cultura galega, a unha das persoas que máis fixo, e segue a facer, pola normalización da nosa lingua, tanto desde o seu labor literario como pedagóxico ou de activismo social.
Todo aquel que saiba algo de lóxica ligará pronto estas dúas premisas e tirará como conclusión lóxica o que a CGENDL vén de facer, renunciando cinco anos despois ao mesmo premio. Eis un caso claro de que, como bos alumnos aprenderon realmente das ensinanzas do profesor.
Entre as palabras da Coordinadora, que se poden ler máis abaixo, quixera destacar as que facendo referencia a Feijóo e os seus gobernos din que:

foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nasnais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada. Foi, en fin, un goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que convidan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia

Hoxe Agustín sentirase máis acompañado na illa da dignidade e os que queremos unha terra normalizada por fin podemos repetir que somos un pobo grazas a persoas coma eles (levaba cinco anos esperando para poder escribir esta frase; veremos canto tempo máis teremos que agardar para volvela a pousar nesta pantalla)


mércores, 30 de setembro de 2015

O fusilamento de Castelao no parlamento

Queren a Castelao ben oculto. Os membros do PP votaron en contra da Iniciativa Lexistlativa Popular na que se procuraba para o pobo galego o dereito a coñecer a obra do galeguista.
De non ser polo esforzo de Castelao e a súa insistencia en, primeiro tramitar o Estatuto do 36 en plena guerra civil, e despois loitar contra todos os atrancos interpostos para conseguir a súa aprobación no exilio, seguramente non existiría a institución que hoxe votou pola ocultación da súa obra.
Unha das propostas máis destacadas da ILP era a da recuperación do cadro A derradeira lección do mestre, que actualmente está no Centro Galicia de Buenos Aires. Trátase dun retrato das atrocidades do franquismo, unha obra que debería estar presente nos materiais de ensino de todas as escolas xa que mostra sen concesións a crueldade do fanatismo. O mestre, asesinado, xacente no chan, debería quedar como lección para as futuras xeneracións. Onte, no parlamento ben se veu que moitos dos deputados non asistiron a esta clase e queren que a sociedade galega fique orfa do máis grande galeguista de toda a historia. Precisamente por iso, por ser galeguista. Así, non é de estrañar atopármonos no mesmo día con noticias como a da negativa de Portos de Galicia a permitir unha inscrición de homenaxe á vítimas do franquismo en Vilaboa. E despois din que o franquismo está morto.
Despois veremos a eses mesmos parlamentarios inchado o peito na entrega das medallas Castelao. Pero que Castelao é o que vai nese galardón se despois vemos que non se respecta a súa obra. Por que permanece oculta nos arquivos do Museo de Pontevedra ou espallada por múltiples lugares sen que haxa ningunha institución que procure a súa recompilación e catalogación?
Onte, executouse o fusilamento de Castelao no parlamento de Galicia. É o que ten non ter memoria nin amor polo país nin pola lingua.


Na prensa:

  • Intervención de Mª Pilar García Negro en defensa da ILP a prol da difusión da obra de Castelao, 29/09/15 GZ Cultura
  • O Partido Popular impide a toma en consideración a ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego no Parlamento, 29/09/15 GZ Cultura
  • O PP evita saír noutra foto galeguista a dous meses das xerais, 29/09/15, Praza
  • O Partido Popular impede a toma en consideración a ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contempalción da obra de Castelao polo pobo galego no Parlamento., 29/09/15, A Mesa
  • A ILP de Castelao, a debate no Parlamento, 29/11/15,Sermos Galiza
  • O PP fecha a porta a debater no Parlamento sobre o coñecemento da obra de Castelao, 29/11/15, Sermos Galiza

martes, 31 de marzo de 2015

Palabras para o Día do Teatro

por Manuel Lourenzo, no Sermos Galiza:

O teatro é a nosa ventilación, unha constante xanela aberta.

Os pobos dominados, pisados, abafados, carecen de teatro.

Ao pobo galego, dada a súa dramática historia, custoulle arrancar co teatro.

xoves, 12 de febreiro de 2015

Lingua e Cultura

Mercedes Queixas fai a súa aportación á xornada Fagamos contas. 35 anos de autonomía, como nos foi?, organizada pola Fundación Galiza Sempr een ideas.gal:

Facer contas dos círculos concéntricos que, como pobo, fomos quen de nacer e medrar no nobelo destes trinta e cinco anos.

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Carta aberta ao Conselleiro de Cultura

Pouco antes do nadal faciamos referencia ao premio Martín Códax outorgado ao grupo estradense Nao (por certo, este grupo nunca foi reclamado polo Concello para actuar en ningún acto ou festa). Esta carta que recollo aquí tráenos á memoria outra de Agustín Fernández Paz, cando rexeitou recibir os deturpados  Premios da Cultura 
por Pablo Carracedo (Jasper), cantante do grupo Nao, en Atlántico.net:

Hai uns días recibimos no correo da banda unha carta de felicitación asinada por Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) por ter recibido o Premio Martín Códax da Música Galega. Esta é a nosa resposta, a cal queremos facer pública:

venres, 16 de maio de 2014

Xermolos e Díaz Castro

por Raúl Río Díaz en Terra e Tempo:


Maña é un dos días grandes da nosa Patria porque maña reivindicamos a supervivencia do noso idioma, desa fala que herdamos dos nosos devanceiros e que temos a obriga de entregar viva e rexuvenecida aos nosos descendentes para que viva mil primaveras mais. Tamén é un día grande para todos os veciños e veciñas dos Vilares de Parga e para todos os amigos de Xosé María Díaz Castro que apreciamos a súa poesía, pero sobre todo, é un día grande para a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, que foi quen o redescubriu e deu a coñecer ao poeta que homenaxeamos este ano polo Día das nosas Letras.

martes, 13 de maio de 2014

Nimbos e Esmeralda


Nimbos e Esmeralda from Cultura galega - Xunta on Vimeo.


A Consellería de Cultura vén de presentar dúas pezas audiovisuais realizadas a partir dos versos do escritor, ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

As dúas pezas que se emitirán na Televisión de Galicia durante o mes de maio baséanse en versos de dous poemas de Díaz Castro, pertencentes ao seu poemario ‘Nimbos’: o propio poema homónimo, “Nimbos”, e “Esmeralda”, ao que se lle deu un enfoque máis infantil para dirixilo á poboación máis nova



martes, 8 de abril de 2014

Mosteiros virtuais nun país virtual

Mediante unha entrada do blogue A Marela Tarabela, entérome dunha excepcional aplicación do Turgalicia mediante a que podemos facer visitas virtuais aos mosteiros galegos.
A aplicación, ademais de abrir unha xanela ao turismo pode ser unha ferramenta cargada de posibilidades para o ensino da arte e do patrimonio que temos en Galicia.
O que non ten xa tanta explicación é a razón de que as etiquetas das panorámicas veñan en castelán: Claustro Medallones, Palomar, Iglesia, Capilla,..,tan pouco é o respecto que hai desde Turgalicia polo maior de todos os nosos patrimonios? Polo que se pode comprobar a lingua galega non ocupa o lugar que debera nun web no que se pretende mostrar a nosa imaxe ao mundo.
Outro tanto sucede cunha aplicación semellante que percorre as catedrais galegas, ou mesmo cunha terceira chamada enganosamente "O libro de pedra" que nos leva por un percorrido virtual pola Catedral de Santiago e o seu Museo.

mércores, 26 de febreiro de 2014

Fenómeno Rosalía

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo:


A pesar de non ser incluído no "Calendario do Libro e da Lectura 2014" da Consellaría de Cultura e Educación, a celebración do Día de Rosalía foi un éxito cívico. Ademais da tradicional ofrenda floral en Compostela, lembrando o seu nacemento no Camiño Novo o 24 de febreiro de 1837, precedida dunha alborada gaiteira instituída o pasado ano pola Fundación Rosalía de Castro (FRC), numerosos actos de lectura pública de poemas rosalianos, recitais poéticos, conferencias sobre a vida e obra da autora, realización de grafitis en espazos públicos educativos na súa homenaxe, roteiros, concertos ou accións virais en internet, promovidas pola FRC, Asociación de Escritores en Lingua Galega, por outras asociacións e colectivos culturais e feministas de base, por editoriais, librarías e panadarías (en Ourense) e por algúns concellos (como os de Vigo e Pontevedra), ás que habería que engadir as actividades organizadas polos centros educativos no seu horario lectivo, amosaron que a memoria rosaliana e o interese polos seus textos mantéñense moi vivos e presentes na sociedade civil galega. Rosalía de Castro interesa e mobiliza.