Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Miguel Pardo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Miguel Pardo. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de maio de 2014

Benito Montero: ' Xunta non ten ilusión por normalizar o galego, senón todo o contrario'

Miguel Pardo entrevista a Benito Montero, fiscal da Audiencia de Pontevedra, para o Praza Pública:


A Irmandade Xurídica Galega celebra o vindeiro 24 de maio en Ourense a súa sétima asemblea. Constituída o 21 de xuño 2008 logo dun acto en Celanova, aglutina xuristas (entre maxistrados, xuíces, fiscais e avogados) e funcionarios xudiciais. Unhas 150 persoas na actualidade, todas elas partidarios e defensores do uso da lingua galega na súa actividade profesional e continuadores dunha tradición que comezaran Sebastián Martínez Risco, Roberto González Pastoriza, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo ou Arturo Noguerol. Un dos seus socios fundadores, o fiscal da Audiencia de Pontevedra Benito Montero, fai agora balance e analiza tamén a situación do galego, tanto na Xustiza como a nivel global.
Como se creou e que balance fai do traballo da Irmandade Xurídica Galega?
A Irmandade Xurídica Galega (IXG) naceu hai seis anos co impulso de catro ou cinco fundadores. Algúns que levabamos tempo facendo o noso traballo na administración de Xustiza en galego decidimos que sería bo facer algo para apoiar outros compañeiros que quixeran seguir o mesmo camiño. Fomos incrementando ano a ano a xente que se sumou e que prometeu levar a cabo o seu labor profesional en galego e uníronse xuíces, fiscais, notarios, procuradores, rexistradores... O crecemento foi exponencial e xa somos sobre 150 tendo en conta as últimas incorporacións que se confirmarán nos vindeiros días.

sábado, 9 de febreiro de 2013

Itziar Idiazabal: 'Concordo con que a Lei Wert serve para "financiar a ignorancia"'

Miguel Pardo entrevista a Itziar Idiazabal para Praza:

Itziar Idiazabal é a coordinadora da Cátedra Unesco de Patrimonio Lingüístico Mundial da Universidade do País Vasco (UPV). Catedrática do Departamento de Lingüística e Estudos Vascos e experta en adquisición da linguaxe de nenos bilingües e en ensino bilingüe, fala con Praza a poucos días da celebración do Día Internacional da Lingua Materna, o vindeiro 21 de febreiro. Desde a cátedra, traballa para "difundir a idea de que é importante manter, fortalecer e preservar todas as linguas, que son fonte da diversidade" e para loitar tamén "contra os prexuízos" que hai arredor da diversidade idiomática.
Como ve a visión que no Estado español hai da diversidade lingüística?
No Estado español, ao igual que en moitas partes de Occidente, aínda prevalece a idea de que o monolingüismo é a opción ideal, tanto desde o punto de vista individual como social. Do Ebro para abaixo, no caso de Euskadi, aínda se segue a falar do “problema” do bilingüismo cando o verdadeiro problema é o monolingüismo. Queda moito por facer, tanto nas comunidades bilingües como, sobre todo, nos territorios monolingües.

xoves, 29 de novembro de 2012

Valentina Formoso: "Nas aulas hai conflito lingüístico e co decreto aínda houbo máis"

Miguel Pardo entrevista a Valentina Formoso para Praza Pública:

Valentina Formoso é coordinadora xeral da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgednl). O seu colectivo coñece como poucos a realidade lingüística nas aulas onde, asegura, "claro que hai conflito". Considera "positiva" a sentenza do TSXG que anula o cerne do decreto do plurlingüismo, pero lamenta as consecuencias "negativas" que a aplicación desta norma tivo no proceso normalizador da lingua, tanto na escola, como á hora de trasladar "actitudes negativas" sobre idioma á sociedade.
Que opinión lle merece á Cgendl a sentenza do TSXG sobre o decreto?
É positiva. Agora haberá que ver que pode supoñer e como se concreta. Non sabemos como van resolver os gobernantes a anulación deses dous artigos. Consideramos a sentenza positiva, pero agora dependerá de como se aplique. Cremos que é un avance, polo menos para deter o retroceso tan grande que estabamos sufrindo arredor do proceso normalizador e dinamizador da lingua.

domingo, 14 de agosto de 2011

A concelleira “demasiado gallega”

por Miguel Pardo, dándolle outra volta ao tremendo caso da concelleira coruñesa,  no Xornal:


Seguro que a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, nunca pensou ocupar tanto espazo nos medios de comunicación. E iso que ben o avisou na mesma entrevista que a lanzou ao estrellato. “Lo que peor llevo de mi nuevo cargo son los titulares de los periódicos”. Dito e feito. Abondoulle cunha ampla conversa para aparecer neses sitios que tanto detesta. E iso que as súas mellores frases houbo que rebuscalas entre as letras.
Por desgraza, a xa famosa cita non tiña a intención de ocupar titulares, chamar a atención ou acadar a popularidade que non tiña. É o que pensa. “Hasta ahora se estuvieron programando cosas demasiado gallegas”, dixo Ana Fernández para referirse aos actos culturais e festeiros do anterior goberno local. A continuación, converteuse en trending topic (tema del momento, para seguir a recomendación da concelleira e escribilo nun idioma “que entiendas”) e en foco de polémicas nas que incluso a xornalista Julia Otero lle tirou das orellas.
Pero seica se entendeu mal o sentido de tal afirmación. Galicia Bilingüe, ese colectivo que foi recibido no Concello só un día antes que os peregrinos católicos, descubriunos o significado real. “Se refería a demasiados contenidos nacionalistas”, aclararon. E aí vimos a luz.
Porque supoñemos que Ana Fernández non considera “demasiado gallegos” a Isabel Pantoja, Sergio Dalma, Maldita Nerea, Pitingo, Raphael... Só por citar algúns dos últimos concertos estrela da súa cidade. Hai que ter de todo e ela deixouno ben claro na mesma entrevista: “Hay mucha gente a la que le gusta la Feria Taurina, que la sigue y que tiene derecho a verla”. E incluso avanzou a súa aposta para o futuro cultural da Coruña, que non son outros que “los espectáculos de danza contemporánea, de un flamenco fussion muy original”.
“Fusión y mestizaje” son os seus obxectivos nunha Coruña farta de tantas gallegadas. Farta de tantos alcaldes namorados da súa lingua, de tantos topónimos e rúas honrando a esencia galeguista da urbe, de tantos carteis en galego nos abondosos centros comerciais ou de tantos coñecidos empresarios enchendo dese idioma minoritario as súas campañas publicitarias. Xa está ben.
Ana Fernández xa advertiu que na súa casa “se habló gallego siempre”, aínda que ela non o fale nunca, e que pensa en “contar con Galicia”, malia que non o pareza. Porque o galego está ben para a intimidade, como Aznar, pero sen pasarse. Está ben cantar a Rianxeira de vez en cando, comer unha boa mariscada, beber licor café, bailar unha muiñeira ou incluso dicir algunha “gallegada desas” para sorprender os teus amigos foráneos. Pero sen abusar.
E é que o autoodio si que é unha cousa “demasiado gallega”. Igual que esa permanente tradición enxebre de aproveitar a desgraza do veciño para cebarse con el e presumir dos teus ferrados. Como os que meten no saco de todos os coruñeses as palabras insultantes dunha concelleira. Os mesmos que intentan ver nun único lugar unha eiva global de Galicia. País!

luns, 28 de febreiro de 2011

O decreto do galego que non se cumpre

Artigo elaborado por Miguel Pardo para o Xornal de Galicia sobre a situación do ensino en galego:

“Ningunha incidencia”, di a Xunta cando se lle pregunta pola aplicación do polémico decreto do plurilingüismo. Logo de meses de enfrontamento político, de varias –e masivas– manifestacións en contra e entre os discursos gobernamentais louvando “a recuperación da liberdade e a fin da imposición” nas escolas galegas, pouco ou nada cambiou nos colexios galegos.
Transcorridos seis meses de curso, nin Goberno nin oposición levantan a voz sobre a situación lingüística do sistema educativo. A ameaza de rebelión de numerosos profesores ante a imposibilidade legal de dar certas materias en galego en Primaria e Secundaria levou a Xunta a rebaixar as súas ameazas. Nin inspeccións nin sancións. Conseguiu o Executivo de Feijóo minguar o galego, pero máis grazas ao sempiterno discurso da “liberdade” e cheo de prexuízos contra o idioma que coa obrigatoriedade legal. “Ti vai facendo”, que diría o outro.
Anulada a posibilidade de que o galego ocupase máis do 50% do currículo escolar dos rapaces, a distribución lingüística por materias apenas se cumpre no sistema educativo de Galicia. Así se tira, polo menos, dos numerosos testemuños de profesores aos que Xornal tivo acceso nos últimos meses. Iso si, todos prefiren manter o anonimato ante o temor de que o que agora é inacción se converta en presión no futuro. “A realidade é que cada profesor ou profesora dá as clases na lingua que quere, tanto os que teñen a obriga por lei de impartilas en castelán como en galego. Non hai ningún control da inspección”, aclara unha profesora dun instituto do sur de Galicia. Ela mesma, obrigada polo decreto a impartir a clase en castelán, faino en galego.

“PASAN DE TODO”
“Pasan de todo e non velan polo cumprimento porque saben que en moitos casos é o mellor para manter a tranquilidade e o bo ambiente”, di outro mestre da comarca de Santiago. “No meu instituto non se fai nada, todo segue igual que antes, non vexo inspección por ningures. Os que tiñan antes que impartir en galego as súas materias e o facían en castelán, seguen igual, e outros seguen a impartir as súas en galego, aínda que agora o decreto non llo permita”, engade un mestre máis, este dun colexio da cidade da Coruña.
Os testemuños abondan pero os datos non. Comprobar o funcionamento en materia lingüística de todos os centros de Galicia só estaría ao alcance da Xunta, que non facilita esas estatísticas. Os sindicatos do ensino fan as súas propias enquisas e constatan a impresión xeral. “O Goberno fai un desleixo absoluto; a intención real do decreto era a desgaleguización do ensino porque este Executivo non ten interese ningún en que o idioma propio sexa vehicular na escola”, di Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, que recoñece que o control da Consellería de Educación sobre o cumprimento da norma é case nulo. “Saben que se non se fai nada e se deixa vía libre, gaña o castelán”, insiste outra docente que corrobora a versión que dá a central sindical.
“Eu seguirei dando as clases en galego, iso que o teñan claro”, dicía ao principio de curso unha profesora de Matemáticas dun centro urbano galego. Levaba anos usando a lingua propia. E así segue, malia que o decreto deixa ben claro que esa materia científica está destinada ao castelán. Xa antes do curso, máis de 4.500 docentes asinaran un manifesto comprometéndose a continuar dando as clases en galego. Só con que se cumprisen esas cifras, o incumprimento legal sería flagrante.
“O inspector non se ocupa de nada relacionado con iso. Seguen como decote, preocupados por horarios, porque todo se desenvolva con ‘total normalidade’ e todo iso. Do demais, canto menos preocupacións teñan, mellor”, recorda o mestre da Coruña. Outra profesora, desta vez pola zona da Barbanza, insiste no mesmo.
Carlos Callón, presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, certifica tamén que o control sobre a política lingüística que se segue nos centros é “nula”. “Non se vixía nada e a presenza do galego segue minguándose”, di.
Porque igual que moitos mestres manteñen o seu compromiso de impartir as aulas en galego, son moitos tamén os que incumpren a norma ao contrario e dan en castelán materias que, como Coñecemento do Medio ou Historia, deberan ser en galego. Esta situación, segundo moitos dos mestres consultados, é máis habitual en colexios privados. Pero non só neles.
“Non só se obvia o galego nos centros privados; en moitos colexios e institutos públicos tamén se obvia, e non é raro atopar en bacharelato grupos con menos de 30% das materias en galego, tanto antes como despois do decreto. Neste tipo de centros, o complicado e conflitivo é chegar a un 50% das materias en galego”, di
A reflexión final é, en moitos casos, a mesma: “Estamos como na época de Manuel Fraga; non se controla nada e o galego segue perdendo”. Daquela, a presenza da lingua propia era escasa. Agora, con Feijóo, a promesa de que ambas as dúas linguas estarían en igual condicións tampouco é tal. Discriminar positivamente o galego é 
unha quimera.
Mentres, a polémica lingüística –a real e non a utilizada electoralmente– perde folgos. BNG ePSdeG saben que recuperar a belixerancia arredor do idioma sería entrar de novo nun xogo co que o PP podería volver enlamar a campaña e que acabaría prexudicando o idioma. Carlos Negreira ou Corina Porro xa ameazaron empregando a recorrida “imposición lingüística” nalgún mitin.
O pacto de silencio parece a solución menos mala para evitar outro dano irreparable á lingua. O remedio pode ser peor que a enfermidade. No entanto, sindicatos do ensino, A Mesa ou plataformas como Queremos Galego lembran que os datos que saíron á luz sobre a Educación Infantil nas cidades indican que case o 90% das aulas son en castelán malia que o 40% dos pais elixiron o galego. E así segue.

xoves, 18 de novembro de 2010

A Xunta esquece o galego na UE

A principios de mes oía na Radio Galega como un reporteiro que estaba na Praza do Obradoiro, pasaba a falar en castelán ao decatarse de que os peregrinos aos que estaba entrevistando eran italianos. Os seus prexuízos levávano a considerar o castelán máis internacional que o galego. Na mesma liña actuou Feijóo os pasados días na súa viaxe a Bruxelas. Mellor ca min cóntao neste artigo de Miguel Pardo, no Xornal:


“A presenza das linguas cooficiais supón unha mellor identificación das persoas co proxecto político que representa a UE”. Con esta frase, o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou a relevancia do feito de que o galego se estrease nas institucións europeas. Foi un 16 de novembro de 2005 no plenario do Comité das Rexións da UE e logo do acordo entre o Estado e este organismo para permitir o uso oficial de “linguas distintas” ao castelán nel.
Xusto cinco anos despois, o pasado martes, o agora xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, empregou o castelán na súa intevención no Comité das Rexións para presentar o ditame co que abordou a posibilidade de abrir novas vías de financiamento para Galicia ante a caída dos fondos estruturais a partir de 2013.
Optou polo castelán Feijóo malia que hai un ano elixira a lingua propia na súa primeira intervención no Comité das Rexións e a pesar de que a normativa europea permitiríalle empregar o galego. Para facelo, bastaría con pedir que a representación permanente de España ante a UE “solicite esa posibilidade ante os órganos correspondentes con sete semanas de antelación”, dando tempo así a que a administración comunitaria facilite os mecanismos necesarios para a tradución. Así o aclara a lexislación e fontes comunitarias consultadas por Xornal.
Esta posibilidade é posible logo de que o presidente do Comité das Rexións, Peter Straub, asinase o acordo co Goberno español aquel 16 de novembro de 2005 no que Touriño interviu en galego. Ao mesmo tempo, o daquela presidente da Generalitat catalá, Pasqual Maragall; o presidente valenciano, Francisco Camps; e o comisionado do lehendakari, José María Muñoa, empregaban o catalán e o vasco para celebrar o acordo.
Á marxe disto, o emprego das linguas cooficiais do Estado na Unión Europea non ten moito máis percorrido. A súa oficialidade é parcial na maioría do resto de institucións comunitarias, xa que o uso do galego queda limitado a traducións oficiais dos actos do Parlamento Europeo e do Consello, traducións dos parlamentarios a todas as linguas da Unión e comunicacións escritas a administracións e a súa correspondente resposta.
A lingua, no entanto, ten outra posibilidade, como cando o ex eurodeputado nacionalista Camilo Nogueira interviu en Bruxelas en galego, engadíndolle un chisco de acento portugués, e aproveitando a oficialidade da lingua do país veciño.

venres, 29 de outubro de 2010

Rectificar é de sabios, pero tanto?

por Miguel Pardo, xornalista, no Xonal:

Disque rectificar é de sabios. Volverse atrás nunha decisión é unha práctica moi pouco habitual na política. Ou érao ata que o PP galego decidiu empregar o idioma nas súas batallas electorais. Desde que decidiu que intentar volver ao poder ben valía xogar co intocable. Foi daquela cando Feijóo e o seu partido comezaron a facerlle as beiras a colectivos como Galicia Bilingüe, buscando abranguer nos seus brazos toda a dereita do país, incluída a máis extrema. A vítima, a lingua galega, pouco importaba con tal de apañar uns votos.
Prometéronlles de todo, reivindicando a sacrosanta liberdade que agocha o neoliberalismo. Xa na campaña das eleccións, Feijóo prometeu unha e outra vez “liberdade de elección” para que os pais elixisen o idioma de escolarización dos seus nenos. Tivo que rectificar ao decatarse de que non todo era tan doado. De prometer elección total, a conformarse coas materias troncais, para logo determinar desde a Xunta o idioma de cada libro e prohibir que as ensinanzas científicas se puidesen impartir na lingua propia. Rectificou unha e outra vez.
Pero antes, nunha das súas entrevistas en Madrid, comprometérase a incluír no sobre de matrícula unha casilla para que os proxenitores optasen –“en liberdade”, por suposto– pola súa lingua favorita. Errou tamén e tivo que volver rectificar. Non houbo recadro ningún e a súa aposta limitouse a unha pseudo-enquisa para a Educación Infantil na que nin tan sequera se preguntaba polo idioma preferido, senón pola lingua materna dos cativos.
Pero lembren que antes, bastante antes tamén, a Consellería de Educación prometera un decreto que asegurase unha ensinanza repartida ao 33% entre galego, inglés e castelán. Volveron rectificar porque o ensino acabou, con sorte, nun 50-50, cando non nunha clara redución da presenza do idioma desta autonomía que gobernan.
Houbo tamén cambio de opinión, non se esquezan, cando a Xunta chegou a insinuar a segregación de alumnos por linguas. Debeulles soar tan esaxerado, que desta vez rectificaron rápido. Igual que rectificaron a súa relación con Galicia Bilingüe, que pasou de ser un colectivo de referencia para acabar sendo rexeitado como quen escapa do lobo. A súa estratexia, tan ben preparada desde Madrid, xa conseguira o seu obxectivo. Unha rectificación máis non importaba.
No entanto, tan pouco convencido debía estar o Goberno dun decreto tantas veces modificado, que argallou unha polémica e cara campaña de publicidade. No prego de condicións para adxudicar o contrato, a Xunta incluíu, en contra do que di o Estatuto, que o castelán era “lingua propia de Galicia”. E rectificaron unha vez máis, noutro cambio previo ao de onte mesmo. Agora, nin campaña, nin gaitas. O decreto foi “ben acollido” e a “alarma social” xa non existe.
Porque si, rectificar é de sabios, pero din tamén que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra. Carlos Negreira, candidato do PP á alcaldía coruñesa, acaba de resucitar un L que o seu partido rexeitou durante anos. Corina Porro, alternativa en Vigo, debutou na precampaña criticando a “imposición do galego”. Saben que teñen apoios, e moitos. Repetimos?

sábado, 18 de setembro de 2010

Equilibrio desequilibrado

por Miguel Pardo, xornalista, no Xornal:

Velaí o equilibrio lingüístico. O 40% dos pais das cidades galegas elixiron educar os seus fillos en galego. Malia iso, a meirande parte deles non terá opción: os pequenos aprenderán a ler e a escribir en castelán, xa que o 90% das aulas serán impartidas maioritariamente nese idioma. O resultado dunha polémica pregunta ás familias acaba por desprotexer o idioma propio e por deixar sen acceso a esta lingua a milleiros de nenos que teñen cada vez máis complicado escoitar algunha palabra en galego nas urbes.
Imaxinen un titular coma este en calquera xornal europeo. Os pais de X non poden educar os seus fillos en Y. Cambien X por Francia, Alemaña, Inglaterra ou Italia e Y por francés, alemán, inglés ou italiano. Aí teñen o escándalo. Agora troquen X por Galicia e Y por galego e pasarán do inimaxinable a un suceso real e incluso normal neste país.
Non é nin máis nin menos que o que lle ocorre á inmensa maioría das familias da Coruña, Vigo, Pontevedra ou Ferrol. Non poderán escolarizar os seus pícaros no idioma da súa terra na súa propia terra. E non poderán facelo precisamente nesa franxa de idade (de 3 a 6 anos) onde ter ou non contacto acotío cun idioma determina a súa aprendizaxe posterior. Os rapaces que agora quedan sen galego, especialmente os de familias castelanfalantes, chegarán á Educación Primaria en clara desvantaxe con moitos dos seus compañeiros e co risco de dificultades no ensino posterior.
E chegarán en clara desvantaxe porque o castelán si será aprendido, pase o que pase, naqueles minoritarios colexios de Infantil onde o galego sexa a lingua de referencia. E aprenderano porque será o que escoiten día tras día maioritariamente, ben sexa na rúa, na radio ou na televisión, lugares onde o galego é cada vez menos visible. Velaí a consecuencia de intentar manter en equilibrio o que está claramente desequilibrado.
A defensa e a promoción do galego é unha obriga institucional que a Xunta esqueceu hai tempo, mentres presume dunha liberdade que non é máis que un liberalismo levado ao peor dos extremos e apoiado polos máis extremistas.
Agora que se confirma a discriminación da lingua galega e a de varios centos de familias obrigadas a unha escolla que non é a súa, só cabe esperar unha cousa: que aquelas asociacións que tanto enchen a boca coa liberdade e o bilingüismo saian á rúa a pedirlle á Xunta que pare esta política de exclusión e marxinación tan evidente. Poden esperar sentados.

venres, 30 de xullo de 2010

O galego non é obvio

É a primeira vez que temos noticia da campaña do millón de euros para difundir o nefasto decreto chamado de plurilingüismo.
por Miguel Pardo, xornalista, no Xornal de Galicia
Que a lingua propia de Galicia é o galego é obvio. Tan obvio como que o castelán é, xunto a esta, a outra lingua con carácter oficial no país. Dio o Estatuto con claridade. Pero a Xunta obviou a obviedade para elevar o castelán ao mesmo nivel que o galego e variar un dos principios da norma básica da autonomía. Fíxoo, ademais, na primeira frase do prego de condicións para contratar unha campaña que difundirá “os novos valores” do polémico decreto do plurilingüismo no ensino.
Foi un erro, ben seguro, pero é curioso que este cambio no status idiomático se dea precisamente neste relatorio, nun texto que pretende defender unha norma fortemente contestada na rúa por entender que discrimina o galego en favor do español. O Executivo busca que a ninguén lle dea por pensar tal cousa. Para iso, gastará 1,2 millóns nunha campaña de dous meses que inclúe publicidade en webs e xornais, anuncios en radio e prensa ou carteis en valados e buses urbanos xusto no comezo do curso. Para que quede claro.

venres, 21 de maio de 2010

Liberados

Cunha recomendación especial para que o leades, de Miguel Pardo, xornalista, no Xornal de Galicia
Síntome liberado, relaxado e cómodo por fin. O presidente da Xunta de Galicia e o seu Goberno acabaron coa imposición, con esta “ditadura lingüística” que nos oprimía a tantos neste país. Non o senten? Non notan xa ese aire novo desta nova democracia idomática? De verdade que non respiran mellor?
Fíxense ben. Xa non hai quen cambie de idioma cando entra nunha entidade bancaria, non hai funcionario que insista en non contestarme na miña lingua, nin profesor que non cumpra coa súa obriga. Tampouco hai problemas no médico. A miña avoa xa non sente prexuízo ningún e explica con naturalidade todo canto lle acontece nos últimos días. Está maliña pero o doutor e as enfermeiras respectan como nunca os seus dereitos lingüísticos. Para iso pasaron unha oposición na que demostraron que saben falar dúas linguas. Bilingüismo cordial e sen imposicións, como debe ser.
Non foi sen hora que este Goberno nos liberara por fin dunha opresión que non mereciamos. Empeza nos colexios pero xa se nota no ambiente. Lonxe están aqueles tempos nos que algún incauto profesor prohibía falar algún idioma na clase. Agora non hai problema. Cada un fala o que lle peta e responde o que lle dá a gana. Son libres por fin. Non o senten vostedes?
E aquelas garderías nas que meu curmán sufría aquela terrible inmersión. Todo acabou de vez. Antes cambiaba de idioma segundo o que lle falasen, pero agora xa non. El tamén é libre, ben libre. Como nunca o foi. Tanto que agora que botou esa presión de riba non fai máis que repetir que usa un só idioma porque está no colexio. Xa é un neno grande. Sabe moi ben o que fai. E non me contestes. É a súa elección.
E non o notan pola noite? Toda esa rapazada que comeza a ligar e a saír de copas. Son libres por fin. Falan sen imposicións. No que queren e como queren. Todos o mesmo, si, pero xa non hai quen chame paletos aos que non comparten lingua con eles... E entendan ben o da lingua.
Creo que xa me pareceu ver no quiosco unha chea de xornais naquel idioma oprimido. E temos filmes dabondo tamén. E onte contestáronme sen imposicións en Facenda. A liberdade éche o que ten. E así de doado. Se era tan fácil, non sei por que tardaron tanto. Estamos salvados. Grazas, moitas grazas