Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta BNG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BNG. Amosar todas as publicacións

domingo, 17 de maio de 2026

Denuncia da prohibición do uso do galego no ensino das matemáticas

Coñecín a Macías López, profesor de matemáticas, a raíz dun boletín que publicara cando estaba impartindo clase no Porto do Son. Tratábase da Revista Lambda, unh publicación onde podemos achar diversos artigos divulgativos sobre esta ciencia adicados a temas tan diversos como o cubo de Rubik, a banda de Möebius ou ao autor da Carta Xeométrica, Domingo Fontán. 

Neste vídeo, a coñecida activista da lingua, Mercedes Queixas, faille unha pequena entrevista a Macías na que se denuncia a prohibición de impartir aulas de matemáticas en galego. Só un escuro radicalismo antigalego pode seguir sustentando a exclusión da nosa lingua nas aulas, pois é practicamente o único reducto normalizador con visos de efectividade que nos queda a man nun momento de grave retroceso no uso do galego.

domingo, 23 de febreiro de 2025

Polo futuro do galego con Suso F. Acevedo


Suso Fernández Acevedo, compañeiro de ProLingua, arremete neste vídeo contra o funesto decreto de prohibición e redución de uso do galego no ensino.

sábado, 22 de febreiro de 2025

Polo futuro do galego con Ana Iglesias

Ana Iglesias, profesora na Universidade de Vigo e especialista en sociolingüística explica que en Galicia houbo dous tipos de política lingüística, unha de baixa intensidade e agora unha regresiva. Con ambas o único que se conseguiu foi perder falantes. No 2004 apróbase por unanimidade o PXNL, quen rompeu o consenso deste plan? O PP.

venres, 21 de febreiro de 2025

Polo futuro do galego: Fernando Ramallo

 Fernando Ramallo, profesor da Universidade de Vigo, explica que o decreto do uso do galego no ensino do 2007, aprobado polo bipartito, recollía o marcado no PXNL do 2004. O decreto do 2010 do PP, en contra do PXNL, estableceu máximos para o emprego do galego

mércores, 19 de febreiro de 2025

Polo futuro do galego, con Carlos Callón


Vídeo no que  Carlos Callón explica a represión lingüística na etapa democrática e como o PP aprobou en solitario un decreto para que o uso do galego, primeiro na escola e despois no conxunto da sociedade fose diminuíndo progresivamente.

 

martes, 18 de febreiro de 2025

Polo futuro do galego, con Valentina Formoso


Vídeo no que Valentina Formoso denuncia o apartheid lingüístico ao que se ven sometidos os galego falantes no sistema de ensino debido ás leis impostas unilateralmente polo PP de Galicia

 

luns, 17 de febreiro de 2025

Alerta! Alguén está intentando acabar co galego...


Vídeo do BNG explicando o substancial da política lingüística do PP durante este cuarto de século. Invitación a asistir á manifestación do vindeiro día 23 de febreiro.

 

sábado, 27 de abril de 2024

Declaración institucional do Concello de Santiago. Letras Galegas 2024

 Mentres o concello de Ferrol, gobernado polo PP, se botaba ao monte en días pasados ao negarse a empregar o galego nos contratos , o de Santiago, dirixido polo BNG, impulsaba a seguinte declaración institucional de compromiso co uso da nosa lingua:

En maio de 1984, varias alcaldías galegas reuníanse en Santiago de Compostela para asinar unha declaración na que se comprometían a impulsar o uso da lingua galega nas súas administracións. Aquel documento, que manifestaba a adhesión aos obxectivos da Lei de normalización lingüística aprobada no Parlamento de Galicia un ano antes, marcaba unha folla de ruta para “unha efectiva normalización en todos os eidos da vida pública, social e cultural”.

 Ese compromiso inicial sinalaba obxectivos para o caudal de documentos dos servizos administrativos, o uso do galego por parte da representación institucional, a formación do persoal, o emprego na publicidade ou a organización de campañas para a normalización, dignificación e promoción do uso público da lingua.

 Consecuentemente co asinado, o Concello de Santiago iniciou un proceso con fitos salientables como a creación dun departamento específico con estes obxectivos xa hai catro décadas, a aprobación coa unanimidade do Pleno do Regulamento de uso da lingua en 1988 e do Plan de normalización en 2002, ou o impulso desenvolvemento de iniciativas colaborativas como o programa Apego ou a creación de Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega).

 Estes corenta anos de política municipal en prol do uso do galego, sobre a base do consenso entre todas as forzas políticas da Corporación, deron como resultado un progresivo, aínda que lento, aumento do noso idioma na comunicación do propio Concello e tamén dos diversos sectores e entidades sociais.

 Nas análises sociolingüísticas que dan conta da vitalidade da lingua, Santiago obtén resultados máis favorables que a media galega e que o conxunto das cidades. Estes datos han ser froito da suma de circunstancias que se dan no noso municipio, pola súa configuración socioeconómica, o peso do sector cultural ou a presenza da Universidade e das institución autonómicas, ás que non pode ser alleo o papel do Concello. Con todo, desta relativa mellor saúde do galego en Compostela non se pode nin se debe inferir que xa se alcanzaron os obxectivos de normalización da lingua, que non goza, nin moito menos, dunha situación de preeminencia na práctica de ningún tramo poboacional e está a sufrir os mesmos procesos de perda de transmisión ás xeracións máis novas que se manifestan no conxunto do territorio. Cómpre, polo tanto, que non decaía o nivel de protección, uso e promoción que se veu mantendo e é preciso, asemade, imprimirlle un novo impulso.

 No panorama actual da comunicación, en que os intercambios entre falantes de linguas diferentes son algo cotián e o desenvolvemento tecnolóxico facilita a intercomprensión, a diversidade lingüística non é unha barreira senón unha riqueza. Ter unha lingua propia, neste novo mundo interconectado, enténdese como un patrimonio de toda a humanidade que debe ser preservado e potenciado pola comunidade da que xorde como elemento identitario dun xeito de relacionarse e de explicar a realidade. Xa que logo, o galego, a nosa lingua propia, é ese elemento diferente que nos sitúa no mundo, que nos conecta con millóns de falantes e á vez nos fai especiais.

 Desde o Concello de Santiago, como capital de Galicia, temos unha responsabilidade excepcional co galego, a nosa lingua propia dentro dese patrimonio mundial da diversidade, a da comunidade que representamos. Coherentemente con ela, debemos manter e anovar os compromisos adquiridos para darlle maior pulo ao proceso da súa normalización social e, por iso, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2024, para alén de divulgar a obra de Luísa Villalta, escritoria homenaxeada este ao: Comprometemonos a continuar ampliando o espazo do galego a través de toda a actividade comunicativa do Concello, con constancia e con calidade.

 Comprometémonos a continuar garantindo os dereitos lingüisticos de todasvas persoas que se relacionen coa Administración municipal e a facilitar os medios para que ninguén sufra discriminación por empregar o galego no acceso a calquera información ou servizo. Comprometémonos a ser exemplo e a trasmitir socialmente que a nosa lingua é a mellor escolla para canalizar e presentar os nosos valores, o noso talento, a nosa cultura ou os nosos produtos ao mundo.

 Comprometémonos a impulsar na veciñanza o respecto pola lingua como sinal de identidade de excepcional valor nun mundo globalizado e a apoiar a súa transmisión ás novas xeracións, a súa aprendizaxe, a súa promoción e, en definitiva, o seu desenvolvemento social pleno.

 Comprometémonos a continuar dedicando recursos e esforzos a iniciativas que sitúen o galego á mesma altura que calquera outra lingua nos ámbitos culturais, sociais, económicos, formativos, tecnolóxicos etc.

 Comprometémonos a colaborar con outras institucións e entidades que compartan estes obxectivos e a traballar xunto con elas en cantas accións sexan posibles para situar a nosa lingua no lugar que lle corresponde.

 E, finalmente, comprometémonos a continuar implicando a sociedade compostelá e as entidades que a articulan nestes fins en favor do noso idioma propio, o galego. Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

venres, 6 de outubro de 2023

Impresentábel

 


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Cen anos despois de que Eduardo Pondal –a requerimento do músico Pascual Veiga– escrebese a letra para un Himno galego (1890), o investigador Manuel Ferreiro estaba en condicións de estabelecer o texto verdadeiro, submetido, a través dos anos, a varias deturpacións. Quen traballamos desde hai décadas coa literatura de Rosalía de Castro e doutros clásicos sabemos ben o labor continuo de corrección que cómpre realizar neles para restaurarmos o sentido orixinal do escrito polos nosos antepasados. “Corrección” non significa refacción, xustamente o contrario: significa devolución ao texto da súa literalidade; recuperación, pois, da vontade autorial e do sentido que ela imprimiu ao seu poema ou á súa prosa. Pondal non escapa a esta necesidade de restauración e, no poema a que nos referimos, ela, a restauración, tórnase máis necesaria aínda por se tratar da letra do Himno nacional galego.

 

mércores, 20 de setembro de 2023

O PP de Galicia a favor da prohibición do uso do galego


No pleno do Parlamento do pasado 12 de setembro, despois dunha lección maxistral da deputada Mercedes Queixas, procedeuse a votar a iniciativa que presentou en nome do BNG co fin de apoiar a eliminación da prohibición do uso do galego no Congreso dos Deputados en Madrid. No vídeo podemos asistir á vergoñenta posición do PP de Galicia, que votou a favor de manter a prohibición. 

 É moi significativo o estrondoso silencio dos populares galegos sobre este tema. 

mércores, 7 de xuño de 2023

O galego non é do BNG

 por María Canosa, en La Voz de Galicia

É habitual acusar ao BNG de apropiarse da lingua galega. Os demais partidos reclaman que tamén é deles, de todos e todas. Na noite electoral, a maioría dos futuros alcaldes das principais cidades de Galicia fixeron as súas declaracións en castelán. Dáse a casualidade de que quen usou o galego de maneira natural (non imposta nin lida) militaba no BNG, salvo algunha excepción.
 

xoves, 22 de setembro de 2022

O galego vai contigo


Campaña de Galiza Nova para que a mocidade tome consciencia da lingua na que se relaciona e que aposte por usar o galego.
Esta iniciativa ben podía estar asinada pola Xunta, pero o goberno galego hai ben de tempo que abandonou toda promoción da lingua, mais ben a súa política lingüística vai na dirección contraria, na de manter as estruturas que levan ao abandono e mesmo ao descoñecemento do galego entre a mocidade.

 

xoves, 13 de maio de 2021

Papá, mamá: vou falar en galego



Este é o vídeo que montou de divulgou o BNG da Coruña e que leva unha chea de visualizacións nas redes sociais. A min recordoume o anuncio da pizza de Casa Tarradellas, a vos non?
O BNG presentouno  coa seguinte mensaxe:
 
Nas vésperas do Día das Letras Galegas 2021, lanzamos un vídeo coa historia dunha rapaza que se decide a falar galego na nosa cidade. Si, é certo q a lingua perde falantes, mais tamén o é que cada día se incorporan ao seu uso moitas persoas, tamén o é que hai futuro e esperanza! Todos os días hai boas noticias para a normalización da nosa lingua, como a de esta rapaza a tomar a decisión de falar galego na nosa cidade. O asunto clave é que estes impulsos desde abaixo se vexan acompañados pola complicidade das institucións públicas. Infelizmente iso non se está a dar no noso país en relación ao goberno galego, en mans dun gabinete, o de Núñez Feixóo, que é o autor da primeira lexislación na historia da comunidade autónoma que reduciu a presenza da nosa lingua nas aulas. Canto á cidade, se ben timidamente, si que se deron algúns pasos adiante, como a recente aprobación da Ordenanza do Galego, impulsada polo BNG da Coruña, un necesario impulso á normalización do noso idioma cuxo cumprimento loxicamente vixiaremos. En todo caso, claro que queremos galego e querémolo como presente e como futuro; querémolo porque nos fai ser o que somos; querémolo, como di a rapaza no vídeo, “porque si, porque me gosta, porque me peta, porque me sae de dentro, de aquí do fondo... porque teño esperanza! Parte dos argumentos que usa a moza para dar o paso de comeza a falar galego están tirados do texto 18 razóns (desesperadas) para falar galego na Coruña que Antonio M. Fraga escribiu para seu blog O Lugar do Sapo. Obrigad@s por nos permitires o seu uso! Aquí o texto completo.

xoves, 19 de novembro de 2020

30 segundos, 5 segundos, 3 segundos e 2 décimas

           

 O 17/11/2020 o deputado nacionalista Néstor Rego intentou, por tres veces facer visible a nosa lingua. Na primeira intervención só puido facelo durante 30 segundos antes de que a presidenta do congreso o cortara. Na segunda só tivo o micrófono aberto durante 5 segundos. O terceiro intento foi cortado aos 3 segundos e dúas décimas, case sen tempo material para que Mertixell Batet enxergara cal estaba a ser nesta ocasión a lingua.

En total, 38 segundos e dúas décimas. Iso foi todo o que se puido escoitar en galego no parlamento español nesta lexislatura, todo o demais foi español, e con actitudes coma esta aseguran que así o seguirá sendo no futuro. O mesmo sucede en moitos outros ámbitos, para manter unha mínima presenza, aínda que só sexa testemuñal , hai que facelo en contra de ordes, leis, decretos, costumes, presións, mandatos ilegais e caras de odio.

martes, 21 de xaneiro de 2020

Semántica galega

por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:


Teño presentes aínda na memoria algúns comentarios da miña nai verbo de determinadas expresións e palabras no uso do galego. Ela recuperou con normalidade o galego da infancia (que lle fora, como a todo o mundo, proscrito e expulso da vida social xeral), cando as súas fillas o practicaron como lingua única. A lingua filial, de que falaba Carvalho Calero. Era moi prudente nas súas observacións, mais para min todas elas moi valiosas. O meu uso de “Obrigada” como fórmula de inicio e de remate de intervencións parlamentares suscitou nalgúns membros da Cámara os correspondentes comentarios irónicos ou burlescos (nada inusual: fillos da ignorancia e do autodesprezo). Lembro que daquela ‑hai xa tantos anos!‑ ela comentara: “Pois non debían rir, pois antes dicíase, por exemplo, “estoulle moi obrigada polo favor que me fixo”. Aquí debo introducir unha precisión importante. Nos primeiros tempos da reincorporación ao galego, miña nai non nomeaba o idioma senón que se refería a el como un locativo (“na aldea”) ou como o pasado (“antes”, “daquela”), isto é, como o proprio dunha época superada pola “normalidade” posterior (o proprio visto como anómalo, e o estranxeiro, como normal, signo da deriva histórica de nós, na lingua e no resto). Cando llo eu advertín, ela mudou decontado, e todas as súas referencias pasaron a ser ao galego e ao que a ela lle parecía correcto ou máis enxebre, repito, con toda a mesura. Noutra ocasión, como quen non quer a cousa, díxome: “Botades todo o día crendo, mais en galego dise “Eu coido...” ou “Eu penso...” (expresión de crenzas / pensamentos ou ideas). Claro, aí lembreime do meu querido e admirado profesor de Filosofía do bacharelato, cando me corrixiu a resposta a unha súa pergunta: “Usted no cree nada; dígame si piensa que este silogismo es verdadero o no”. Outros tempos, outra pedagoxía, outra atención á semántica.

martes, 17 de decembro de 2019

Cando o BNG de Bueu vai crear o SNL?

velaquí unha Voz de José Manuel Dopazo Entenza, membro de ProLingua,

Those are my principles,

and if you don't like them...

well, I have others



Estes son os meus principios e, se non lle gustan, teño outros dixo Groucho Marx, mais ben podían ser palabras de calquera membro do equipo de goberno do concello de Bueu, nomeadamente en materia de normalización lingüística.

martes, 15 de maio de 2018

Nomes e apelidos galegos: Agora é o momento!



Campaña do BNG animando á galeguización dos nomes e restauración dos apelidos. No seu portal ofrecen información de como facelo.
Gustaríame ver esta campaña repetida noutros partidos políticos.

Pódese querer moito a este país, e traballar por el cada día, chamándose José Luís, Alejandro, Ángeles ou Blas. Para mostra Mini, deputado do BNG, que aínda hoxe é José Luís e vai galeguizar neste 17 de maio o seu nome. Do mesmo xeito, practicamente todas e todos levamos en nós a marca da deturpación sistemática dos nosos apelidos: Ameijeiras, Teijeiro, Lage, Naya, Rey... Isto non vai de sentirse máis galego ou galega, a inmensa maioría vivímonos galegas con naturalidade e con afecto ao lugar e á cultura da que facemos parte. Trátase de dar un pasiño -sinxelo e rápido, pero moi importante- para corrixir a historia neste ámbito e facer xustiza. Bonita e necesaria. Restaurar a forma correcta dos nosos apelidos e galeguizar os nosos nomes. Queremos máis Xosé Luís, Alexandre, Anxos, Brais, Ameixeiras, Teixeiro, Laxe, Naia, Rei... Con plena normalidade, con orgullo e cun sorriso na boca. Para o galego nunca é tarde. Este 17 de maio, é o momento. Galeguiza o teu nome ou restaura a forma correcta dos teus apelidos.

mércores, 3 de maio de 2017

Rebélate, fala galego


Este é o vídeo da campaña de Galiza Nova, Rebélate, fala galego, Ante o evidente abandono da lingua galega da maior parte da mocidade, debido a unha nefasta política lingüística dos gobernos do PP, as novas xeneracións do BNG impulsaron esta iniciativa que vén acompañada dun decálogo para dar o paso a falar galego
Non estaría nada mal que outros grupos políticos desenvolveran proxectos semellantes. 


mércores, 5 de abril de 2017

Razón de ser dunha resolución

por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:

No fin de semana pasado e na cidade da Coruña celebrouse a XVI Asemblea Nacional do BNG, que merece todos os parabéns e, aínda máis, os desexos da mellor fortuna no traballo que temos colectivamente por diante, que non é pouco. Mais neste artigo quérome aproximar só a unha das Resolucións aprobadas na súa clausura, cuxo texto literal reza así:

martes, 15 de marzo de 2016

Ordenanza do galego, si

por Antón Bao, no portal do BNG de Lugo:

Lugo, no ano 2012, cando se aprobou a ordenanza de uso do galego, era unha das dúas cidades galegas que non tiña establecido ningún regulamento que especificase os criterios á hora do emprego do idioma. A ordenanza, posta en marcha naquel pleno do 7 de maio do 2012, dá garantías a todos os servizos do Concello para o emprego tanto oral como escrito da lingua galega. Ademais, foi aprobada por unanimidade o que non só avalaba naquel intre a posición do goberno senón de toda a corporación formada por PSOE, BNG e PP (unha aperta a Arcadio Silvosa polo seu interese e traballo a prol desa unanimidade).