Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Economía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Economía. Amosar todas as publicacións

domingo, 1 de decembro de 2024

Galicia non é Galicia sen o galego

 


por Xosé Antón Rodríguez, en Galicia Confidencial:

Os idiomas dun pobo son instrumentos culturais fundamentais para definir a súa identidade. Os cidadáns que viven nese pobo teñen o dereito de coñecer os idiomas que se falan nese territorio; o mesmo que teñen o dereito a coñecer a súa cultura, historia ou xeografía.

 

domingo, 30 de xaneiro de 2022

O galego como elemento diferenciador. LGx15

 

Na edición LGx15 da CTNL participou Xosé Luis Reza, socio consultor de iuni consulting e Presidente de Markea, Asociación Galega de Marketing e do Clúster da Comunicación de Galicia. 
Galicia ten elementos de sobra para competir no mundo que nos fan diferentes, únicos e, polo tanto, máis competitivos. E o noso idioma é un deles. Aproveitémonos desta herdanza.

venres, 16 de outubro de 2020

Empresarios da Terra de Melide


ASETEM é a Asociación de Empresarios Terra de Melide. No 2018 este vídeo servíalles para divulgar a súa actividade. Hoxe contamos cunha páxina web desde a que acceder aos comercios que forman parte da asociación ou un perfil de facebook e outro de twitter desde o que espallan novas e campañas. Tiveron o acerto de facer todo en galego, nun ámbito, o empresarial no que é moi habitual virarlle as costas á nosa lingua. 

Portal de ASETEM

 Tamén publican un boletín de periodicidade mensual, Cerne, con noticias da comarca. Parabéns a todos os que manteñen esta asociación que é unha mostra de orgullo para o país e tamén son un exemplo para moitos outros.

sábado, 16 de novembro de 2019

O galego na xornada de reflexión

por Marcos Maceira, no Sermos Galiza:

Unitono, empresa de teleatención que empresta servizos para Naturgy, vén de anunciar o despedimento de arredor de 400 persoas entre A Coruña e Ourense. Esta acción implica que Naturgy deixará de atender en galego. O desprezo pola lingua do país do que obtén importantes lucros a través da explotación dos seus recursos enerxéticos ten evidentes consecuencias económicas e laborais. O que acontece con Naturgy xa aconteceu antes noutras empresas do sector. Miles de empregos destruídos.

xoves, 16 de maio de 2019

Pagar en galego

por Xosé González Martínez, no Faro de Vigo:

Desde hai un mes circula profusamente polas redes sociais unha campaña da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística instando á cidadanía a facer a declaración da renda en galego. Participan nela moitas persoas e coñecidos personaxes públicos.

luns, 5 de novembro de 2018

A aridez do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico

O Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico foi/está sendo, unha chafallada. Entre outras cousas, hai meses que non se oe falar del. Concretamente, desde que se presentou no ano 2016, non se volveu falar dese presunto plan.
Que eu saiba a Xunta só puxo en marcha tres medias medidas das 81 previstas nese anunciado plan. Unha delas (medida PU.2) é a participación da SXPL nos Premios de publicidade en galego. Estes premios van pola edición XXV, polo que non supoñen un cambio xenerado a partir do Plan. A única novidade é a participación directa da SXPL nuns premios que xa antes contaban coa participación da Xunta a través da CRTVG. Trátase únicamente dunha derivación das entidades organizadoras dos premios a outro organismo polo que a medida non é innovadora, de aí que a consideremos como só media medida.
A outra media medida (medida CO.2) ten que ver coa subvención a entidades locais para a promoción do uso do galego. A puntuación para a asignación da cantidade a recibir polo concello increméntase en ata un 20% segundo a aportación a plans para o entramado económico. Porén a cantidade asignada aos concellos segue a ser a mesma que a dos anos anteriores, que por certo, é a menor de toda a historia.
A única media medida realmente orixinal foi o da participación da SXPL no lanzamento de do portal do sector dos áridos de Galicia. Neste caso cualificámola como "media medida" porque non se corresponde con ningunha das 81 medidas do Plan. Con todo, foi a única innovadora de todo ese anunciado Plan... ou así o era ata que Alberto Núñez Feijóo acudiu a inaugurar un congreso de áridos celebrado en Santiago o pasado 25/09/18. Fíxoo en castelán. Deste xeito explicitou o que a Xunta entende por Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico.



mércores, 17 de xaneiro de 2018

"De rebajas" pola Estrada



Tardei menos de dous minutos en tomar todas estas fotografías. Había máis, pero farteime. Como mostra de que o comercio na Estrada lle virou, en moi boa medida, as costas ao galego serve esta escolma. Supoño ademais que o caso da Estrada pode trasladarse a prácticamente todo o país.
Deberían saber os comerciantes locais, que para iso que están a facer, para ver como desprezan o galego, case prefiro ir ao Corte Inglés, que teñen máis experiencia no asunto.
Lembro, hai moitos anos (no século pasado), ter colaborado nas campañas da Mesa repartindo carteis de para as Rebaixas. A primeira vez fóra acompañando a alguén -non recordo a quen- que estaba máis metido no allo. Ao acabar o reparto dos carteis comentáralle con bastante pesimismo:
- Os carteis están repartidos, o malo é que seguramente non os poñan.
- Pois aí estás esquivocado. Xa verás como os colocan case todos. A resposta dos comercios é normalmente moi boa. É unha mágoa que a Xunta ou os concellos non tomen a iniciativa
Puiden comprobar que tiña razón. Incluso había comercios que gardaban os carteis dun ano para outro, para que A Mesa puidera divulgar as Rebaixas por outros locais.
Esta paisaxe que lle vira as costas ao galego non era habitual hai uns anos. Está claro que houbo unha regresión. O principal culpable desta volta atrás está nas políticas antigalegas do PP. É imposible non poñer en relación este panorama o recente bloqueo do PP á ILP que buscaba impulsar a lingua galega no ámbito económico.
Non quixera rematar esta entrada sen recoñecer que segue habendo comercios que non expulsaron o galego da súa cartelería, aínda que sexan cada vez menos. Na Estrada podemos ver como algúns imprimiron a súa propia campaña de rebaixas e moitos outros anúnciana cun póster da asociación local de comerciantes, ACOE. Beizóns a éstes últimos, aínda que hoxe non lles gardei a eles espazo neste andel virtual.













































luns, 25 de decembro de 2017

Ikea, galego e sentido común

por Marcos Maceira no Sermos Galiza:

A opción de consulta na páxina web de Ikea en todas as linguas cooficiais do Estado agás o galego na información xeral da web, atención á clientela online ou telefónica, provocou, máis unha vez, un grande movemento a través da redes sociais, reclamándolle á compañía sueca que poña a nosa lingua ao mesmo nível que calquera outra, e en consecuencia que dea a posibilidade de escolla de galego como opción.

venres, 15 de decembro de 2017

Eu coa miña clientela tamén falo galego



Vídeo institucional dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa, convocado polo Concello de Santiago
Bótase moi en falta que a Xunta nunca realizara unha campaña con este aire. Ata este punto chega a exclusión do galego e xa estamos ás portas de que se cumpran os 40 anos desta institución. Son 40 anos virándolle as costas á normalización (agás algunhas honrosas luces do goberno bipartito).

martes, 12 de decembro de 2017

A voltas co galego


Se hai uns días podiamos ler un excelente artigo que, coa desculpa da proximidade da data límite de recepción de candidaturas, se facía un repaso polos premiados co Manuel Beiras, nesta ocasión chéganos unha campaña da SXPL en colaboración co Foro Enrique Peinador, impulsan o consumo de produtos etiquetados en galego nas vindeiras datas festivas. 
Mágoa que os responsables da campaña non fixeran unha divulgación que faga da campaña un éxito. O Foro Enrique Peinador colgaba no seu muro de facebook o vídeo co lema En galego, sen voltas!, porén os que non anden polo monopolio virtual de Mark Zuckerberg non se enterarán dainiciativa. O caso da SXPL é unha nova mostra do desleixo da Administración xa que se limitaron a soltar unha nota de prensa na que nin se amosa o vídeo nin nada, e aí acabouse o conto.  Non merecía este proxecto un espazo continuado na publicidade da TVG?
De que serve, entón, unha campaña oculta coma esta? O seu único obxectivo é o de intentar tapar que a política lingüística de promoción do galego é completamente nula. A SXPL xa ten a desculpa perfecta para xustificar o seu apoio á galeguización no sector empresarial, velaquí como colabora nunha campaña invisible. A quen vai concienciar, se ninguén ve a campaña? No colmo do cinismo, a SXPL reivindícase neste xogo do escondite como valedora dun Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no parlamento no ano 2004, do que é o seu máximo enimigo. Tanto é así que nin tan siquera pode ocultalo na nota de prensa de autobombo:
Os obxectivos desta iniciativa, emanado [sic] do Plan xeral de dinamización [sic!] da lingua galega [non existe tal Plan, si que hai un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por todo o parlamento no 2004 e desbotado polos gobernos de Feijóo] son [1] crear consciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; [2] estender o uso da lingua galega no ámbito económico, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos, e mais [e 3]utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.
Pode que resulte algo repetitivo, pero tamén será aleccionador recordar os tres obxectivos específicos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega:
[1] Crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias.
[2] Estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais.
[e 3!!!] Fomentar nas persoas consumidoras o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.
Parece ser que desde a Administración, despois de renegaren na práctica dos dous primeiros, abxuran tan radicalmente do terceiro que ata o substitúen por outro que non aparece por ningures no verdadeiro Plan Xeral de Normalización.

Velaquí que comprobamos, unha vez máis, como a plantilla da Xunta só traballa co único obxectivo de perpetuarse no poder. Pouco, máis ben nada lle importa que o uso do galego sofrise un retroceso descomunal no último decenio, retroceso que foi propiciado por unha política lingüística radical contra todas e cada unha das posibilidades que poidera haber de abrirlle camiño ao galego en cada un dos ámbitos do arco social. 

martes, 21 de febreiro de 2017

O uso do galego na cooperativa "Hoxe"

por Lito Andión, nas Voces de Prolingua:

http://www.hoxe.es/
Cooperativa HOXE é unha sociedade creada alá polos anos 70 por un grupo de gandeiros e labregos que tiñan como fin común facer rendibles as súas explotacións gandeiras familiares.

martes, 10 de maio de 2016

Busco banco rendíbel: que atenda en galego

por Xaquín Campo Freire, no Sermos Galiza:


“Eu son”… un outro Balbino. Fun un rapaz da aldea. Coma quen dis un ninguén. E ademais son pensionista. Non teño aforros importantes nin se me perde ren en Panamá. Porén, teño unha moi rica herdanza. Un patrimonio considerábel pero moi vulnerábel: A lingua e cultura galegas. Con elas abrinme ao mundo, a todas as persoas e ás súas linguas e formas de expresión. E son dun pobo e teño un NÓS.

xoves, 24 de decembro de 2015

Nadal vs. nada

Web da CGENDL adicada ao nadal
Cando se achegan as datas do nadal póñense en movemento unha serie de iniciativas normalizadoras que teñen por obxectivo galeguizar todo o que se move arredor destas festas. A cousa non é fácil xa que o nivel de afastamento da lingua, especialmente no mundo comercial, é cada vez maior. Con todo, nin a CGENDL, nin A Mesa, nin a CTNL deixan de achegarnos novas propostas todos os anos.
A Coordinadora Galega de ENDL volveu a traernos a súa recompilación de recursos para celebrarmos o nadal en galego: cancións, contos, refrán, concursos,.... unha chea de materiais para usar e divulgar desde as aulas.
A iniciativa Abertos ao galego, promovida pola Mesa, achéganos un ano tras outro unha boa monlla de oportunidades para margullarse nun consumo responsable coa nosa lingua:



Pola súa parte a CTNL ten en funcionamento unha proposta ben intersante, unha plataforma virtual chea de posibilidades de compra en galego. Trátase de Agasallo.eu, que este ano mesmo ofrece a posibilidade de crearmos un catálogo personalizado como este que fixen eu collendo algúns produtos ao chou.



De todo este panorama o máis rechamante é a enorme ausencia da Xunta. A Dirección Xeral de Comercio está muda fronte a todas estas iniciativas. Pola súa banda non existe ningunha campaña, ningún tipo de acción que intente tinxir de galego un sector, o comercial,  que se desenvolve fóra dos prarámetros normalizadores (nota aparte: significativamente a Xunta eliminou toda referencia á normalización de toda a súa política).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)  anunciou no primeiro trimestre deste ano que se estaba a desenvolver un presunto Plan de dinamización (non de normalización) da lingua galega no tecido económico. Polo que podemos comprobar, a cousa quedouse en presunto. De consultarmos as novas dos dous últimos meses do propio portal da SXPL, non veremos nin unha soa referencia a este (insisto) presunto Plan. Se o contas por aí fóra non cho cren. O certo é que a Xunta non fixo nada para impulsar  este nadal o comercio en galego. Pero é que tampouco o fixo o nadal anterior, nin o outro, ... e así durante todos os anos de goberno de Feijóo.

mércores, 16 de decembro de 2015

A política lingüística baixo a luz dos orzamentos

Cando se fala de política lingüistica son moi habituais os recursos demagóxicos. Para evitarmos caer neste tipo de erros non hai mellor medicina que a de aportar datos.
A política lingüística en Galicia está inane.  Isto é mostra do desprezo á lingua galega que está caracterizando aos gobernos de Feijóo. Podémolo demostrar mediante a serie histórica dos orzamentos da da lingua dos últimos anos. Se a principios de século as cantidades asignadas á normalización lingüística representaban algo máis do 0,20% do orzamento total da Xunta, agora non chegan ao 0,07%. Se comparamos o peso do orzamento previsto para o 2016 co do 2012 vemos que houbo unha redución de máis dun70%.
No seguinte gráfico aparece a taxa do orzamento para políticas lingüísticas respecto do total da Xunta para cada ano. Marcáronse en cor azul os anos de goberno do PP e en vermello os do bipartito. Hai un par de columnas coa cor esvaída (2005 e 2009), representándose así anos nos que un goberno tivo que executar un presuposto elaborado por outro de distinto signo político.




Antes de ver o gráfico un pensaría que durante o gobeno bipartito a normalización lingüística vería incrementado o seu peso orzamentario. Pola contra o que se observa é que os níveis orzamentarios continuaron no mesmo rango, incluso cunha tendencia á diminución. Porén non hai punto de comparación entre as políticas de normalización levadas a cabo no período do goberno de Touriño e as de secundarización do período anterior ou as de ataque e exclusión do galego do período posterior.
As maiores reducións relativas vense nos anos 2010-2014. Ao falarmos de redución relativa xa se enxerga que houbo unha decisión consciente e planificada de agravios ao galego. A demostración obsérvase moi claramente no segundo gráfico que pasamos a presentar. Nel, representados en barras aparecen os orzamentos do organismo encargado da política lingüística período 2002-2016. Como estes valores están no mesmo rango que a cincocentasava parte dos orzamentos totais da Xunta, para poder apreciar tamén a súa evolución, represéntanse mediante un polígono de frecuencias.



Os cartos dos que dipuxo a Xunta ata o ano 2010 sempre se foron incrementando pero a SXPL xa sufriu decrecementos importantes nos anos 2009 e especialmente no 2010. Ao ano seguinte, coincidindo coa maior baixada dos orzamentos da Xunta tamén temos a da SXPL, pero coa gran diferenza de que a redución deste segundo organismo é realmente brutal e co agravante engadido de continuarse a redución nos seguintes anos nos que os presupostos comenzan a ter unha leve recuperación. Conclusión clara: a enorme redución de cartos para a normalización non se pode atribuir aos efectos da crise.
Se ata o ano 2008 as liñas do polígono de frecuencias(orzamentos da Xunta dividos por 500) ficaba por debaixo dos valores das barras (orzamentos da SXPL), a partir deste momento as barras caen ata reprentaren só un terzo das alturas acadadas polo polígono de frecuencias. Velaquí, na diferenza entre as alturas de barras e segmentos do período 2010-2016, aparece representado o plan de exterminio de toda política de fomento do uso da lingua galega. Isto explica como é que se eliminaron os SNL dos concellos, ou a redución dun 70% nos orzamentos dos ENDL dos centros escolares, ou a eutanasia que se está a practicar cos cursos Celga.
Mentras se fai isto, mantense un funesto decreto no ensino que prohibe o uso do galego nas materias científicas, establece trabas para o uso do galego, retira e elimina materiais didácticos por estaren redactados en galego, ou desincentiva o emprego do galego nas primeiras etapas. Suprimíronse as liñas de galego. Exterminouse o galego das escolas infantís dos espazos nos que máis compría, nas grandes cidades. Eliminouse a esixencia do coñecemento da lingua galega nas probas de acceso á función pública. Os altos cargos da  Xunta ofrecen continuas mostras de desleixo ao non empregaren en actos oficiais a lingua galega. Tanto desde a Xunta como desde o goberno central fanse toda clase de intentos de substituir un cada vez máis acurralado galego, por un cada vez máis favorecido castelán.
Con este panorama, para que seguir mantendo unha anémica Secretaría Xeral de Política Lingüística? Só hai unha resposta posible. Para pasear aos Bolechas por algunhas das nosas vilas pois a isto, e só a isto ficou reducida a política lingüística positiva nos últimos sete anos.

xoves, 5 de novembro de 2015

O efecto Gadis

por Marcelino Fernández Mallo, no Galicia Confidencial:

Gadis presenta novo anuncio, unha sorte de acontecemento no país. Coincide a súa emisión co peche das negociacións fallidas para unha candidatura unitaria galega ao Congreso. Algo terá que ver.

martes, 3 de novembro de 2015

Orzamentos da SXPL para o 2016

Se queremos ter un bo panorama dos orzamentos argallados pola Xunta para o 2016 faremos moi ben en consultar o excelente especial do dixital Praza Pública
Entre outros datos ofrece a evolución dos orzamentos da SXPL no período 2004-2016, o gráfico vén sendo este mesmo que aparece aquí:
Se queremos saber cales son as diferenzas do orzamento deste departemento a respecto do ano anterior, podemos resumir os resultados cunha palabra: ningunha.
Ao consultarmos os distintos capítulos veremos que se reproducen as mesmas cantidades ata o céntimo:


No seguinte capítulo vemos unha epígrafe dos orzamentos adicados ás entidades locais con 0€ tanto para o vindeiro ano como para este. Se puxen este apartado a pesar de non ter ningún orzamento previsto é precisamente por iso, porque non ten ningún orzamento previsto, o cal pon en evidencia que estamos ante uns presupostos que van en contra da normalización e que non teñen en conta para nada aos concellos nin as políticas normalizadoras que se poden desenvolver desde eles.
Tamén aparece no capítulo 7 a cantidade asignada aos ENDL dos centros educativos: a mesma que a do ano anterior, e o anterior a éste..., 300.000 €. Se miramos a primeira gráfica desta entrada recoñeceremos que os ENDL continúan no punto máis baixo de toda a súa serie histórica.


As únicas novidades atoparémola no capítulo adicado ao persoal, que aumentará un 1% tal e como se mostra no seguinte gráfico, e tal como poderá ver todo aquel que non padeza de presbicia.


A verdade era que chegaba con representar as barras dunha única cor, a cor que nos fala dunha Secretaría Xeral de Política Lingüística prescindible, sen peso nin influencia na política xeral, que é o peor que lle pode pasar a unha política lingüística.



xoves, 21 de maio de 2015

Na rúa e na escola o galego mola



Impresionante, alegre e agarimoso vídeo realizado polo Equipo de Normalización do CEIP da Ramallosa, un traballo co que pretenden concienciar a toda a contorna da importancia de conservar e potenciar a nosa lingua como un dos máis grandes patrimonios dos que dispoñemos. Na súa realización colaborou toda a comunidade educativa, especialmente a ANPA Río Tella e unha chea de comercios da zona. Os rapaces elaboraron pareados que reivindican o uso da lingua nos máis variados ámbitos sociais. Podémolos oir no transcurso de toda unha curta chea de ilusión e mensaxes positivas.
Deste vídeo terían moito que aprender os responsables da política lingüística do noso país. Cando se lle reclama á Xunta que deixe de excluir a lingua na escola, a resposta máis habitual é que é un erro centrarse en exclusiva na escola, que onde hai que activar as políticas de promoción do uso da lingua é na rúa. Mais cando se lle reclama á Xunta que responda destas políticas a resposta vén sendo que a xente é libre de usar a lingua que queira. En conclusión, como na escola non aprenderon a desfacerse dos prexuízos, non se pode facer unha política lingüística para os ámbitos de fóra da escola, pero tampouco pode facerse dentro da escola porque o importante é que se realice fóra. E así estamos. No CEIP da Ramallosa romperon este aparente nó gordiano explicándonos neste documento audiovisual cal é co camiño: unha política normalizadora transversal.
Vía Xosé Eixo

xoves, 29 de xaneiro de 2015

Axudas? aos medios en galego

Un gráfico vale máis que mil palabras. As publicacións en galego, tan hipersubvencionadas, poden chegar a recibir entre todas, 41.341 €. O grandes medios residentes en Galicia, ningún dos cales publica en galego, recibiron o ano pasado 40 veces esa cantidade.
Por poñer só un exemplo. Un dos convenios (houbo máis) que La Voz de Galicia asinou o ano pasado ascendía a 149.000 €. O colmo é que o concepto polo que llo deron foi o de "conseguir que cada vez sexa maior a implantación do galego nos medios de difusión en todos os ámbitos sociais, normalizando o seu uso a través da prensa escrita e das web dos xornais na súa liña informativa en calquera tipo de noticias, temas de actualidade, crónicas e igualmente nos artigos de opinión.". Idem con outras empresas periodísticas que todos temos na cabeza.
En vermello aparecen as barras dos orzamentos do goberno bipartito; en azul a dos gobernos posteriores presididos por Feijóo.


luns, 14 de xullo de 2014

O galego e a economía

por Francisco Castro no Sermos Galiza:

Botei un día enteiro participando nunhas xornadas profesionais centradas nos novos entornos de traballo nestes tempos complicados que estamos a vivir. Foi todo moi interesante e, coma sempre, aprendín cousas. Porque sempre se aprende escoitando falar a outros e a outras aínda que non sempre se compartan as súas ideas.

sábado, 17 de maio de 2014

Bilingüismo cordial e exterminio

por Ana Pontón no Sermos Galiza:

Confésome entusiasta da palabra de Eduardo Galeano. A súas letras agasállannos textos fermosos e cargados de crítica, reivindicación e sensibilidade social. Gosto especialmente da súa denuncia sobre a perversión da linguaxe, a apropiación e deturpación do poder de conceptos: “O capitalismo loce o nome artístico de economía de mercado, o imperialismo chamase globalización. Chámase Convivir algunha das bandas que asasinan xente en Colombia, á sombra da protección militar. Dignidade era o nome dun dos campos de concentración da ditadura chilena e Liberdade a maior cárcere da ditadura uruguaia.” Na Galiza tamén vivimos a nosa particular manipulación da realidade e a linguaxe: “Chámanlle Bilingüismo Cordial á política de exterminio e asfixia da lingua galega”.