Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Uxío Novoneyra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Uxío Novoneyra. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de marzo de 2011

Algunhas reflexións sobre o galego popular a propósito da lingua literaria de Uxío Novoneyra

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

O pasado 2010 foi o ano dedicado a Uxío Novoneyra, mais aínda a comezos deste, os días 17, 18 e 19 de febreiro, se realizou na Coruña un congreso organizado pola RAG, coa colaboración da UDC e do Concello da Coruña, para analizar a súa obra e o seu pensamento, pois a Consellaría de Cultura non tivo a ben facelo no seu momento. Con todo, ben está que a atención ás figuras a que se dedica cada ano o Día das Letras Galegas se prolongue para alén das datas e compromisos rituais. Foi esa unha boa ocasión para pór en relevo a importancia do autor como figura clave da literatura galega contemporánea. Mais tamén para reflexionarmos sobre o significado da súa obra e sobre o seu posicionamento e praxe lingüísticos.

Para Uxío Novoneyra a lingua galega é a memoria e o sangue da nosa nación, asumindo plenamente a identificación persoal entre lingua e patria. Tamén identifica lingua con fala, pois non concibe máis lingua que a fala do pobo -a "Lingua-Fala" popular- e non admite máis autoridade lingüística que o propio pobo. A partir deste posicionamento sobre a lingua, na súa obra poética e nos seus textos en prosa utilizou un galego popular e dialectal caracterizado polo polimorfismo e a heterografía, sen se someter ao ditado de ningunha norma. Non é, por tanto, que o galego popular e dialectal sexa o seu modelo de lingua poética para cantar os "eidos" courelaos. Na realidade, é o único modelo de lingua que el admite e que utiliza tanto nos seus versos como nos textos en prosa que elaboraba para dicir en público en contextos xeralmente de grande formalidade. Nese molde popular proliferan rexionalismos, populismos ou vulgarismos, algúns pseudogaleguismos, uns poucos arcaísmos e numerosos castelanismos de tipo fonético, morfolóxico e, nomeadamente, léxico. A se servir dese material lingüístico, o autor soubo manexar con grande habelencia os recursos expresivos da fala popular e con base neles construír unha obra literaria de grande calidade e estilisticamente rica, poderosa e destinada a perdurar.

Porén, a lingua utilizada polo autor suscita tamén algunhas reflexións de interese sociolingüístico. O autor quere ser fiel á memoria do pobo e á lingua familiar dos seus devanceiros, mais as linguas evolúen a través do tempo e por conseguinte vanse transformando e adaptando ás mudanzas que se producen na sociedade. Non é posíbel, mesmo nas afastadas aldeas do Courel, a permanencia duns costumes e xeitos de vida inmunes ao paso do tempo. Nin tampouco pode permanecer unha lingua familiar inalterada cando as propias familias courelás están espalladas por vilas e cidades da Galiza ou de fóra, e inclusive as poucos persoas que ficaron alí están recibindo diariamente influencias lingüísticas a través dos medios de comunicación audiovisuais, como antes as recibiron na escola ou na igrexa; unha proba delas son os castelanismos presentes na obra do autor. Xa non se trata tanto de que o mundo rural se extingue, o que semella evidente vendo o abandono das aldeas do Courel e o derrubamento material das vivendas e construcións tradicionais que as conformaban, como que as escasas posibilidades de sobrevivencia están asociadas a xente nova criada no medio urbano ou inclusive a populación emigrante non galegofalante. Admitirmos a equiparación entre desaparecemento do mundo rural -tal como o entendemos até agora- e morte do galego é tanto como estendermos xa a súa acta de defunción, pois ese mundo dunha forma ou doutra está en transo de desaparecer. Non é que lle faltase a Novoneyra base para esa dedución e non está claro que ao final non vaia ter razón, mais se quixermos manter a esperanza na conservación da lingua non podemos vincular a súa sorte á dun mundo rural xa en extinción. Por iso necesitamos, alén de procurar salvarmos o galego popular e dialectal, construírmos -mesmo elaborarmos en 'laboratorio' se for preciso- un galego urbano adaptado ás necesidades dunha sociedade diferente daquela que el idealizou e poetizou. Felizmente, con todo, ese galego a grandes trazos xa existe, aínda que se poida mellorar.

A idealización da fala labrega resulta totalmente lóxica nun poeta que escolleu escribir na lingua popular e rexional do seu paraíso da infancia vivido e sempre soñado. Nada que obxectar, pois, a esa encomiábel opción (salvo en todo o caso ese uso reiterado de castelanismos perfectamente evitábeis). Porén, unhas son as necesidades ou prioridades do poeta canto á utilización e aproveitamento dos recursos lingüísticos e outras as necesidades ou prioridades dunha lingua minorizada que necesita con urxencia adaptarse a unhas mudanzas sociais que xogan na súa contra e que, alén diso, precisa combater moitos preconceptos lingüísticos longamente instalados no corpo social. Certamente, Uxío Novoneyra contribuíu para destruír algúns destes e dignificou e engrandeceu coa súa obra a lingua galega, dándolle prestixio a esta e autoestima aos falantes. Mais ese modelo non é apto para estender ao conxunto da sociedade fundamentalmente por dúas razóns: a primeira, porque non é coherente ao utilizar solucións diferentes para os mesmos fenómenos lingüísticos (esta/ista, el/il, para/pra/pre, hastra/hasta/ata/ate,libertá/libertade/liberdade, só/soio/solo, eilí/ailí, inútil/inutle,posible/posibre/posíbel/posíbele etc.), o cal crearía total desorientación aos utentes; a segunda, porque admite practicamente todos os castelanismos que penetraron na fala popular (costumbre, acostumbrar, pasión, solo, pueblo, siglo, duda, decir, decidor, nombrar,sangre, siñal, naturaleza, pasillo, riesgo, persona etc.), o cal supón deixar aberto o camiño para a paulatina disolución do galego no español, acabando por se converter nunha variante dialectal deste.

En moitos casos é pola vía estilístico-expresiva como podemos explicar ese polimorfismo da súa lingua literaria, os dialectalismos e popularismos, e mesmo algúns castelanismos. Por que, se non, o autor utilizará pueblo na súa "Letanía de Galicia" cando coñece perfectamente e usa en moitas ocasións na súa obra a palabra pobo? A resposta non pode ser outra que por razóns de expresividade, por razóns sentidas verdadeiramente como estilísticas, embora poñan en relevo unha "crise" de estilo, como dicía Rafael Dieste, motivada por séculos de opresión da lingua propia. O paradoxo é que na fala popular moitas voces plenamente galegas (escola, moa, pobo, avó etc.) foron desbotadas polos propios labregos galegofalantes porque lles semellaban brutas e pouco elegantes -porque lles fixeron acreditar en que así o eran-, e foron substituídas polas correspondentes castelás (escuela, muela, pueblo, abuelo etc.); unha vez asentadas estas na fala popular, o poeta que quere devolverlle a dignidade ao pobo e á súa fala, converténdoa en vehículo da expresión poética máis pura, vese obrigado a utilizalas por fidelidade a ese mesmo pobo que xa se chamapueblo e a esa mesma fala que xa é denominada popularmente gallego e non galego. Eis a perversión da dominación lingüística secular. Eis tamén a perversión dos discursos actuais contrarios á lingua, base de tantos preconceitos: si se utiliza un galego depurado e culto, cualifícase de falso e inventado; si se acode á fala popular castelanizada, dise que se trata dun castrapo rural inculto e sen futuro. O poeta do Courel non soubo vencer este paradoxo porque tampouco a sociedade galega soubo resolver aínda o dilema entre un galego auténtico depurado e un galego popular castelanizado. Algunhas persoas acreditamos en que só un galego depurado -descastelanizado- e de calidade pode sobrevivir no futuro, mais ese aínda non é o sentir xeral entre os especialistas e menos na sociedade galega no seu conxunto. Con todo, hoxe temos mostras evidentes de que un galego popular e dialectal depurado é posíbel.

Evidentemente, prodúcese unha situación paradoxal con relación á lingua de Novoneyra e á situación sociolingüística actual. É preciso defendermos a fala popular por xustiza e por dignidade dos propios falantes, mais tamén cómpre depurármola de interferencias alleantes para así podermos garantir o seu futuro. Isto non é fácil, mais é posíbel. Non só se defende a fala popular falando como fala o pobo. Tamén se pode defender respectándoa, iso sempre, mais tentando dignificala mediante a preservación do que lle consubstancial e a eliminación do que lle é antinatural e superposto como consecuencia da colonización secular. Ao cabo, trátase de restaurarmos o edificio da nosa lingua deturpado pola agresión e o abandono históricos. Como se restaura unha construción arquitectónica patrimonial? Elimínanse as adherencias espurias e reconstrúense as formas auténticas, coas necesarias intervencións que a convertan en funcional para a sociedade. Pois iso mesmo se debe facer co noso maior ben patrimonial colectivo. Un edificio histórico de alto valor degradado e en descomposición degrada tamén o pobo que tolera tal situación, en canto que ben recuperado e plenamente funcional dota ese pobo de dignidade, orgullo e estima -propia e allea.

Ou é que, polo contrario, debemos deixar que o monumento danado continúe o seu progresivo proceso de deturpación co argumento de que non podemos modificar a historia porque as cousas son como son? Deixamos a uralita como tellado dun hórreo con valor histórico ou procuramos substituíla por un material igual ou similar a aquel que orixinariamente tivera? Hai persoas con responsabilidades públicas moito importantes que se negan a depurar o seu galego e falalo con corrección porque din que eles falan "como fala o pobo". De acordo con este argumento, como o galego popular sufriu ao longo dos últimos séculos interferencias foráneas desnaturalizadoras, non as eliminemos. Máis aínda, imitémolas e magnifiquémolas para así sermos fieis á súa maneira de falar, dirán algunhas persoas. Deste modo podemos caer no paradoxo de que, querendo defender o galego que fala o pobo, acabemos por contribuír para a súa desaparición por paulatina castelanización. Hai a quen isto non lle importaría porque tamén non vería mal unha Galiza a se expresar unicamente en español. Mais este non é o caso de Uxío Novoneyra, que como outros moitos dos nosos devanceiros, defendeu con teimosía e afouteza a extensión do uso social -a normalización- da lingua galega e soñou unha Galiza liberada e dona dos seu propio destino a falar con orgullo no idioma de seu.

Debemos ter, por tanto, certa prevención coa defensa do galego popular se non se estabelecen certos matices, pois tal defensa non pode ser allea ao contexto diglósico dos últimos catro séculos. Non é o mesmo defender a dignidade da fala popular e o respecto que merece, que defender sen máis esa fala como modelo común e válido para todos os ámbitos da vida social. Non é o mesmo propor a fala popular como fonte limpa e transparente da autenticidade lingüística, en que os escritores e escritoras deben beber, nun país con lingua normalizada como facelo noutro coa súa lingua gravemente interferida nas súas estruturas internas. Con certeza que tamén os nosos autores e autoras poden e deben inspirarse na fala popular, mais sabendo distinguir o auténtico do impostado. Como igualmente dixera Rafael Dieste, non hai mellor mestre que o pobo en cousas da fala cando sabemos escoitalo e temos tino dabondo para escolmar o bo e desbotar o refugallo.

mércores, 23 de febreiro de 2011

A humildade de Novoneyra

por Anxo Tarrío Varela, no Galicia Hoxe:


Nada sabía eu da súa doenza cando, alá polo mes de febreiro ou marzo de 1999, chamei a Uxío en demanda dunhas poucas palabras sobre os últimos vinte e cinco anos das letras galegas para un monográfico dedicado a este tema pola revista Ínsula. Na súa voz non había ningún indicio do calvario que (despois souben) estaba a pasar xa o poeta por aquel entón.
Non era a primeira vez que lle pedía eu a Uxío colaboración para traballos que (de)pendían directa ou indirectamente de min e sempre atopei nel unha exquisita atención e unha gran sensibilidade para todo o que estivese relacionado co mundo da edición. Tiña el, a este repecto, un escrúpulo finísimo, ata o punto de non relear esforzo ningún con tal de que o resultado final quedase como el quería. Onde me decatei mellor desa sensibilidade que Novoneyra posuía respecto do proceso de edición foi cando, alá polo ano 1991, tivo a xenerosidade de me entregar para a súa publicación no Boletín Galego de Literatura toda unha primicia naquel momento: os poemas de Viaxe, nove xoias coas que a nosa revista quedou honrada para sempre e das que o poeta fixo un seguimento minucioso ata o final da edición.
Grazas a ese seu gusto e costume, gardo agora como alfaias algúns galanos cos que me agasallou en varias ocasións. Velaquí teño diante de min o exemplar número 14 dunha das tiradas especiais (de só quince exemplares) do 1º dos Cuadernos da Gadaña, onde apareceron os seus magníficos Poemas Caligráficos, debidamente corrixido, páxina a páxina, pola propia man do poeta e ilustrado co seu peculiar grafismo. Está datado para min en Vigo, a 17 de maio, Día das Letras Galegas, de 1980.Teño tamén o exemplar numerado cos díxitos 32 da edición especial (176 unidades) que Edicións Xerais de Galicia fixo da definitiva versión de Os eidos en 1981. Nel, iluminado para min en xuño de 1983, Uxío escribiu de propia man o poema número trinta e dous do libro: "TRONOU ventou e choveo./Bicouse a terra co ceo./A noite que onte caíu/Sólo foi pra quen"a oíu. // Ameteo o río. Ameteron as fontes/i os fontegallos dos montes./ Naz"a auga a golforón./ Regan os prados a cachón."
Aínda teño unhas fotocopias, así mesmo singularizadas polo noso poeta cun rotulador, dos testemuños que sobre a súa obra deixaron escritos Ramón Otero Pedrayo e Luís Seoane. Finalmente, con trazo que quere ser firme pero que, efectivamente (agora véxoo), está crebado como unha premonición no seu final, xustamente na palabra Novoneyra, quedoume del tamén a adicatoria datada en abril de 1999 do libro de entrevistas con Emilio Araúxo, Dos soños teimosos,onde Uxío deixou apousadas moitas ideas. De aí, dese libro, foi de onde, a petición do poeta enfermo, tirei algunhas liñas para o citado número da revista Ínsula.
Moito lle agradecín o xesto de humildade que me amosou proporcionándome o material requirido (el, que fora todo un demiúrgo poderoso do Caurel), en contraste cos inflados de soberbia, figuras grotescas que moldearía moi ben Honoré Daumier e que se negaron a colaborar naquel número extraordinario da revista que tan ben lle parecera a Paco del Riego, colaborador entusiasta no evento e que chegou a dicirme: "Anxo, isto é o que cómpre facer", referíndose á conveniencia de presentar fóra das nosas fronteiras os froitos do país. Hai quen pensa, non obstante, imbéciles e escuros, que a humildade está rifada co seu xenio imprescindíbel..

venres, 21 de xaneiro de 2011

xoves, 30 de decembro de 2010

Ler a Uxío, defender a lingua

Este ano foi o de Uxío Novoneyra. O primeiro acto de recoñecemento do poeta, organizado pola plataforma Queremos Galego,  celebrouse na Estrada. Non podía pasar o ano sen que o lembrase con este vídeo.
Co escritor David Otero como mestre de ceremonias, o acto contara coa presencia de familiares de Novoneyra. Na lectura participaran Xosé Luna, director de Edicións Fervenza, o escritor Carlos Loureiro, o poeta  Fernández Abella, membros da corporación municipal e Avelino Pousa Antelo.

martes, 28 de decembro de 2010

Remata o ano Uxío Novoneyra

por Xosé Lois García, no Galicia Hoxe:


Os que teñan seguido ao completo os minuciosos eventos Do Día das Letras Galegas 2010 dedicadas a Uxío Novoneyra, terán unha nova percepción dun cambio cuantitativo da maneira con que se ten asumido cualificadas homenaxes que nas diversas xeografías galegas deron vida e capacidade de descuberta dunha das nosas mais altas figuras da literatura galega, como foi Uxío Novoneyra.
Durante o ano que agora remata, o calendario e a axenda ao completo, con Uxío Novoneyra como divisa desa presenza viva e vivificante; do poeta conciso da terra que nos fixo entrar noutras dimensións do que se concreta de Galiza. Sen Os Eidos e outras concorrencias engadidas da xeografía courelá, estariamos escasos de frecuentar a ánima máter que nos alimenta desde o común da terra. A terra falou para Novoneyra, que a recolleu enteira e devolvéunola plena e non por entregas superficiais. Así a entenderon os galegos, manifestando durante todo este ano moi diversas opinións sobre as calidades do que se concreta na obra novoneyreana. Unha obra con numerosos arrecendos e significados que nos leva a un sentimento da terra en súa mais elevada plenitude.
Se damos unha ollada ás corenta e sete edicións do Día das Letras Galegas desde 1963, resúltanos de impacto a edición dedicada a Uxío Novoneyra neste 2010, por varias razóns de contido e pola presenza de moi variados encontros co poeta do Courel, desde o lado pedagóxico e estudantil de diversos centros de ensino. Eles foron capaces de pescudar e debater durante varias sesións e descubrirnos sensíbeis matices do perfil creador de Novoneyra. Nesta dirección, foron moi positivas as experiencias de profesores e alumnos que durante todo este ano non deixaron de ler e inventariar certas temáticas para concertar valiosas achegas da inventiva do poeta.
Por outra banda, a obra integral de Novoneyra convocou unha serie de persoas e especialistas que indagaron, dunha maneira pragmática e científica, os diversos e variados banzos da obra de Uxío Novoneyra, nas súas máis diversas vertentes. Unha experiencia inaudita que acrecentou un valor engadido ao que se viña facendo até agora nos certames das letras galegas. O número de investigacións testemuñan o traballo de calidade en que as persoas entraron de cheo na obra poética, ensaística, discursiva, caligráfica, artística, epistolar e na reivindicación do idioma. Todos estes traballos publicados, sosteñen a grandeza dun ano cheo de contidos ao redor do noso poeta, tanto no plano humanista como na distinguida acción que el levou a cabo durante moitos anos de compromiso con esa Galiza da que "sabemos que o home pode ser outra cousa".
Todo un fértil inventario de libros e publicacións de moi diversos tipos e sensibilidades, achegáronnos ao home, á súa obra e ó seu pensamento dunha maneira sincera, sen laudatoria superficial e sen alegatos rudimentarios. Un ano fecundo e prodixioso, no que Novoneyra tivo un protagonismo especial e rigoroso no que tocou ás manifestacións e reivindicacións en favor do idioma galego e súas cohesións co que el tiña escrito e pronosticado en defensa da nosa fala. Un ano de dedicatorias que se fixo imposíbel de manipular ou torcer de vía desde o poder da Xunta PP, que ninguén seguiu en súas pasividades.
O acto popular do 9 de maio pasado, naquela camiñada desde a Ferrería de Seoane até Parada, na que concorreron mais de seiscentas persoas vindas de todo Galiza, mostrou a particularísima cohesión entre pobo e poeta. Toda unha experiencia de manifestacións que ao longo de seis quilómetros -ida e volta-, particulariza un activo único na historia do Día das Letras Galegas. Este ano de graza novoneyreano, tróuxonos a creación da "Fundación Uxío Novoneyra", con sede na casa natal do poeta en Parada..

luns, 24 de maio de 2010

Até onde queren chegar?

por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe
En moi poucos días, talvez hoxe, cando se publique este artigo, promulgarase no Diario Oficial de Galiza a maior navallada contra o galego en toda a historia autonómica: o decretazo contra o noso idioma no ensino, o mal chamado "decreto do plurilingüismo".
Na súa presentación, o presidente da Xunta obviou o rexeitamento tremendo que trae consigo esa norma e pasou tamén por alto os informes xurídicos de altísimo nivel, como o do Consello Consultivo, que a cualifican de ilegal e mesmo inconstitucional.
Para tapar todo o resto do relatorio do Consultivo, só fixo referencia á desautorización das pseudoconsultas ás familias, eses "circunloquios para conculcar a Lei de normalización lingüística". No entanto, o máis curioso é que se retira esa pregunta só en primaria e secundaria, alí onde menos importancia tiña e máis ridículo resultaba o inquérito. Lembremos que na versión que existía até o de agora do decretazo para esas etapas só se poderían intercambiar bloques de materias para impartir nunha lingua ou noutra, cada catro anos e se o solicitaban a metade máis unha das familias matriculadas no ano en que se formulase a cuestión (non valería tampouco a metade máis unha das familias que participasen). A falta de que se publique o decretazo, o que parece é que o que se fai é determinar de forma inamovíbel en que materias estará prohibido o uso do galego. Unha barbaridade.
Ademais, o presidente da Xunta transmite que non se poderá formular tal pregunta porque non o permite a Lei, así que o que vai facer é... mudar o marco normativo. O que nos está a dicir é que pensa derrogar de forma unilateral a Lei de normalización lingüística, que nun dos seus títulos básicos estabelece o fomento e promoción do idioma galego no sistema educativo. Lembremos que esa lei foi aprobada por unanimidade e é de desenvolvemento básico do Estatuto, polo que se trata dun dos piares que sosteñen a Autonomía. Veñen a por todas, coa firme intención de destruír a nosa cultura. Temos tamén nós que manternos firmes na súa defensa. Máis que nunca!

A nosa lingua é a nosa patria
Transcribo a continuación a primeira parte da miña intervención no acto final da manifestación do pasado 17 de maio de 2010. Parabéns a todas as persoas que volveron a ateigar as rúas de Santiago de Compostela exclamando a lexítima e xusta reivindicación de que se garanta o dereito a vivir no noso idioma propio, natural e xenuíno. Temos que continuar por ese vieiro!
Moi bo día, compañeiras e compañeiros. Antes de máis, teño que realizar un saúdo de parte da familia de Uxío Novoneyra, que nos envía desde o Courel a Compostela:

"Prezadas compañeiras, prezados compañeiros:
Saudámosvos desde o Courel, neste acto de defensa da nosa lingua. Meu pai, hoxe, está convosco, connosco, chantado no medio da praza, defendendo a lingua galega, base da nosa identidade e verdade do noso ser. Traémosvos a súa verba en ofrenda para oular desde os tesos cumes: QUEREMOS GALEGO!"
A familia achéganos ademais un fragmento dun pregón lido no ano 1987 polo compañeiro, o gran poeta, Uxío Novoneyra, quen sempre que houbo unha manifestación en defensa do idioma galego estivo aquí connosco, e hoxe continúa a estalo. Dicía isto no ano 1987, mais reparade en que actualidade nas súas palabras:

"A nosa lingua é a nosa patria, aínda máis que o propio territorio. Nela, aínda o descoñecido, nunca é alleo para nós. Retomo o fío de que neste intre estamos todos os galegos, os de todos os credos e de todos os partidos implicados no afianzamento da nosa lingua e a nosa cultura no noso país.
Iste afianzamento faranos ver máis craramente os nosos problemas e os nosos problemas da nosa relación con outros pobos. Se non somos capaces de deslindar e defender a nosa identidade, que problema común poderemos atopar que non seña o de acetar a imposición que nos veña de fóra? A imposición de quen non pensa en nós como pobo, senón como territorio, como simple ouxeto.
Todo político que non vexa isto, todo home galego que non vexa isto, queda fóra, queda deslexitimado para exercer a responsabilidade da representación cidadá na súa terra, no seu pobo, neste pobo en transo de recuperación ou de extinción."

Dicía con claridade Uxío Novoneyra:

"Todos somos galegos e todos temos responsabilidade como tales galegos. E estas responsabilidades, repito outra vez máis, ultrapasan as ideoloxías e as premisas do propio partido. Responden a algo máis profundo e non valen medias tintas. Hai que estar, si ou non, con Galicia".
E isto que di Novoneyra é moi importante, moi actual:

"E non se pode dicir que se está con Galicia cando non se sente a responsabilidade da pervivencia da nosa lingua como meta primordial.Eiquí é onde está o futuro de Galicia. Eiquí está, inclusive, o poder político do futuro, que será moi distinto segundo a nosa lingua se sosteña ou non. Así nos gobernaremos de verdade algún día ou seremos gobernados. Seremos o que fomos e somos gleba, carne da historia, e non homes libres dun pobo libre".
Até aquí as palabras do compañeiro Uxío Novoneyra, nese vínculo de amor que chega desde O Courel, nese acto institucional da Real Academia Galega, tamén en defensa da lingua galega, até Compostela, esta manifestación unitaria polo noso idioma. Unha mobilización unitaria -mirade ao voso redor!- na que está representada toda a sociedade galega; toda a sociedade galega excepto, lamentabelmente, un partido político que se autoexclúe da súa defensa. Aquí estamos organizacións políticas, sindicais, culturais, veciñais, deportivas... do máis diferente tipo. Mirade ao voso redor e veredes o clamor unánime na defensa da nosa lingua. Acaban de indicarme que aínda hai xente na praza de Galiza. Conseguímolo unha vez máis!
Despois dunha das últimas manifestacións en defensa da lingua galega, o Partido Popular debateu en dous comités de dirección un informe interno no que se sorprendían. Dicían: "Pero estes de Queremos Galego, mira que case non teñen recursos humanos e económicos, mais comparamos as súas manifestacións con outras que convocamos nós e aínda teñen máis xente...". Están abraiados porque pensaban que iamos dobrar a cabeza, que iamos permitir que ese proceso de desmantelamento da oficialidade da nosa lingua triunfase. Mais aquí estamos, máis unha vez, demostrando que, na loita polo noso idioma, a forza do noso amor non vai ser inútil.
Dicía esta fin de semana o número dous do Goberno galego e o número dous do Partido Popular en Galiza que os que hoxe aquí estamos reunidos defendemos unha "ditadura lingüística". Máis unha vez terei que preguntarvos que é o que facedes aquí. E máis unha vez teremos que preguntarnos até onde queren chegar con ese tipo de discursos. Que liña vermella están aínda dispostos e dispostas a cruzaren no seu ataque feroz en contra da nosa lingua, en contra da nosa cultura?
Que o diga, ademais, un señor que ficha para a súa Consellaría a cargos procedentes da extrema dereita... Lembremos ese ex candidato da Falange, unha organización que si ten a ver con ditaduras lingüísticas de verdade e que agora se encarga, desde a Xunta, en enviar cartas amoestando aos concellos que queren promover e defender a nosa lingua. Até onde queren chegar con esa política de exclusión, de mentiras, de ataques feroces e impresentábeis contra o noso idioma?.

martes, 18 de maio de 2010

Especial Día das Letras do Xornal


O Xornal de Galicia regalounos no día de onte este especial sobre o Día das Letras e agora permítnos descargalo en pdf.
É de agradecer.
Os títulos dos artigos:

Un poeta de todos, un militante de ninguén
Uxío Novoneyra Rey: “Meu pai é un poeta nacional, non un poeta partidario”
Unha alma libre entre a poesía e o compromiso
Unha cultura dona de si
O abecedario de Uxío
A poética dun mundo labrego en extinción
A pegada ausente, a lectura constante
Librarías ao son de maio
Onde sempre foi bosque
Do ‘si’ de Fraga ao festivo de Don Manuel
Festa, libros ou reivindicación?
A nosa lingua é a nosa patria

Ferrín: "Espero que o Decreto do galego non chegue nunca a promulgarse"

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG) asegurou hoxe nunha entrevista á Televisión de Galicia que espera que "o decreto do galego que se está a propoñer non chegue nunca a promoverse".
O escritor e académico non dubidou en cualificar a norma proposta pola Xunta como "demasiado radical". "É un decreto demasiado radical para un Goberno que ten unha maioría tan exigua", aclara Ferrín, que recomenda ao Executivo do PP "ter prudencia política e atender ás demandas sociais"
O presidente da RAG agarda que Feijóo "tome en conta a unanimidade social" contra este decreto, sobre todo despois dos ditames contrarios da súa institución, o Consello da Cultura e mais o Consello Escolar. "O Consultivo di o mesmo", sentenciou.
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

domingo, 16 de maio de 2010

Especial de Vieiros sobre Novoneyra


Dos centos de achegas que aparecen estes días nos distintos medios sobre Uxío Novoneyra escollemos este pola súa orixinalidade. É un especial de Vieiros con varios vídeos de elaboración propia baixo o título de "voces en movemento". Conta ademais con recomendacións de obras que sobre Novoneyra realizaron autores como Chus Pato, Antón Lopo, Fran Alonso ou María do Cebreiro. Tamén ten unha ligazón a un artigo sobre a vida do autor e outros tres vídeos, un deles un anaco dunha excelente obra realizada por Pixel Films: "Canto de permanencia" e que recomendamos se difunda polos centros escolares e máis alá.
Para ver o especial que comentamos, premer aquí.

venres, 14 de maio de 2010

17 de maio, percorrendo o mar de pedra

por Rafael Cuíña, empresario, en Vieiros
Alí estaremos, percorrendo as rúas dese mar de pedra estremecido polo vento que Celso Emilio cantou a Compostela, como unha masa inxente que dende a diversidade dos seus compoñentes, provén da fariña pura moída nos muíños do orgullo da gran nación galega.
E iremos en positivo, dende os que de sempre utilizan o idioma nai desta terra porque así o mamaron dos tetos existenciais dos seus ancestros, ata os que dende a utilización a cotío da lingua de Cervantes, respectan e teñen en valor a súa lingua irmá, semente da esencia da condición de galego.

Hoxe non quero que a política manche as miñas verbas cargadas de sentimento cara a nosa cultura. Hoxe é un día para convidar a todos aqueles que sintan esta terra, a camiñar xuntos na defensa da tradición herdada dos nosos pais e que queremos que sintan coma nós os nosos fillos. Un día para a exaltación da nosas letras, para a denuncia dos nosos temores polas ameazas latentes cara o noso idioma, para a reivindicación que non tiña que ser necesaria da figura de Novoneyra e o seu compromiso con Galicia, para mostrar ao mundo a sabedoría do poeta do Courel, terras que tanto admiro e nas que un perde no seu percorrido a noción do espacio-tempo, como fuxida perfecta dos problemas de tódolos días. Pero tamén é unha data para mostrar firmeza no compromiso, ante a falla de sensibilidade e as viles intencións dos liberticidas do bilingüismo, que choran polos recunchos escuros da alma negacionista debido aos seus complexos, e braman dende tribunas de intencións ignotas, tentando impor realidades ao chan onde pacen, sen apreciar o alimento vital que proporciona, nin considerar a riqueza cultural que atesoura.

É necesaria a asistencia de familias enteiras, de diferentes xeracións de galegos, e de xentes doutros pobos irmáns, que son conscientes da absoluta certeza de que todo o que suma, nunca resta, e todo o que pretenda restar ten que saber que somos dignos minuendos dispostos a enfrontarnos aos sustraendos do rancor e o acomplexamento culturalmente insustancial, que non os deixa durmir a pesares das súas conciencias valeiras.

Vémonos pois polos labirintos composteláns, que desembocan na arcadia do sentimento de pobo sinxelo, pero rexio e forte, ao que os furacáns negadores non poden bater, porque o enraizamento é tan sólido, que remata destruíndo todo intento contra el dos posuidores das ferramentas que amolan corazóns que latexan na terra de Novoneyra.

Ou non?


SE o pasado é pasado
i o presente é o urgente
por qué inda busca a xente
aquil soño clausurado?
Vido visto ben Santiago
i esa cuestión non resolta
fago camiño de volta
camiño de volta fago.
Camiño de volta fago
volvo do cabo do Mundo.
Terra sólo en ti me fundo:
é a certeza que trago.

UXÍO NOVONEYRA

mércores, 12 de maio de 2010

No Courel con Uxío Novoneyra

O pasado domingo 9 de maio as agrupacións comarcais de Queremos Galego organizaron unha viaxe ás terras do Courel, onde naceu Uxío Novoneyra. Extraemos parte da información que sobre o acto se relataba no Galicia Hoxe:
Diante da casa, entre unha altitude que se estendía polos soutos dos arredores, as rúas da aldea e a horta familiar, tivo lugar un recital a sete voces con algúns dos máis recoñecidos poemas breves do poeta, artífice dunha linguaxe de grande concesión expresivo.
A segunda parte da homenaxe tivo lugar no colexio da Ferrería, que a partir de agora levará o nome do autor. Alí, sucedéronse as intervencións, ...
O que non contaban no periódico é que este colexio é un colexio sen nome, é o CEIP da Ferrería, pero hai 20 anos que quer levar o nome de Uxío Novoneyra, e levan 20 anos solicitándollo á consellería de Educación. Tivo que celebrarse este ano o día das letras na súa honra para que lles fixeran caso.
Para comprender mellor cal foi o ambiente da xornada, deixamos aquí un vídeo: