Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta agravio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta agravio. Amosar todas as publicacións

mércores, 30 de xullo de 2025

Vivir en galego


 por Yuri Carrazoni no Nós Diario:

Que tempos vivimos, nos que unha traballadora pode ser increpada por empregar a súa lingua no seu propio país. O caso do dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, é máis unha mostra do longo camiño que aínda nos queda por percorrer para garantirmos uns dereitos lingüísticos básicos que a Xunta da Galiza non parece interesada en nos brindar. Seica aquilo do "bilingüismo harmónico", que noutrora foi a política estrela de Núñez Feixoo e que hoxe o seu sucesor aínda segue a replicar, consiste na práctica en falar en galego "na intimidade" –que diría Aznar–, onde non molestes a ninguén, e cando esteas exposto ao público botes man de "la lengua común", como porfían en nos vender o castelán os españolistas. Aínda que esteas na túa terra e no teu posto de traballo, e aínda que o obxectivo das institucións sexa dar a coñecer o noso patrimonio na nosa lingua propia. 

venres, 6 de setembro de 2024

Unha CRTVG sen lingua (galega)

Actualmente a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia é a lei 9/2011 especifica no seu

Artigo 6. Uso da lingua galega. A lingua da Corporación RTVG é o galego; xa que logo, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega.
Ademaiis, engádese unha referencia á lusofonía no
Artigo 3.4. A Corporación RTVG poderá subscribir convenios de colaboración con entidades prestadoras de servizos audiovisuais para a produción ou difusión de contidos audiovisuais en lingua galega e portuguesa en Galicia e nos países de cultura lusófona.  
O goberno do PP pretende reducir a presenza do galego, tal e como se deduce do Anteproxecto de lei dos servizos públicos de comunicación audiovisual. O primeiro que chama a atención é a propia denominación do artigo no que se elimina o concepto de "lingua galega" que vén ser substituído polo xenérico de "lingua". Fica claro que "lingua" significa "lingua española". O artigo, en cuestión non se usa para garantir o uso da lingua galega. Os seus obxectivos son
  • Eliminar a garantía de que a liingua do audiovisual público sexa o galego
  • Reducir a produción propia (en galego) e blindar a edición e difusión de contidos de produción allea.
  • Xustificar e, en consecuencia, garantir por lei, o uso do castelán nos medios públicos de comunicación. 
  • Borrar toda referencia á lusofonía. Ben se ve que a finalidade é que se camiña para que o marco de referencia da lingua galega sexa o castelán.
Vexamos a redación do 
Artigo 7. Uso da lingua. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, contidos e servizos de produción allea, sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei e, en particular, co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma. 

É de supoñer que este anteproxecto conta co apoio de todo o organigrama da Xunta, en especial da SXPL. Revélase así outra vez máis cal é o sentido da política lingüística do PP, levar á anorexia a lingua galega.

Xa que estas son as directrices, non vou opoñerme, senón que, polo contrario, colaborarei a este novo agravio ao galego. Voulles aforrar o traballo aos responsables desta nova tele galega e aquí lles deixo o seu novo logo 


luns, 3 de xuño de 2024

A Selectividade como arma contra o galego. O caso dos exames de Matemáticas

Hai uns días aparecía  por aquí unha entrevista a Ramón Lorenzo feita por Yolanda Castaño na que relataba como cando foi coordinador de COU (Curso de Orientación Universitaria) durante os cursos 1983-84 e 1984-85 tivo que enfrontarse ao rector e ao profesorado de secundaria que se opoñían á introdución do galego nos exames da selectividade. Por certo, a Consellaría parecía que nesa altura non tiña nada que ver co asunto pois só accedeu a permitir o uso do galego baixo presión. Sabémolo porque o relatou así Ramón Lorenzo. Este capítulo merecía estar incluído no Libro negro da lingua galega, de Carlos Callón

Xa que logo, o proceso de normalización das Probas de Acceso á Universidade estivo cargado de dificultades. Nos últimos tempos, baixo a héxira do decreto de prohibición e exclusión da lingua galega do ensino (decreto 79/2010), as circunstancias son propicias a cometer todo tipo de abusos coa lingua de noso. Chegou o momento de dar pasos cara atrás, a ver se ao ir a recú caemos no abismo da aniquilación da lingua. Tal parece ser o obxectivo.

Os exames da selectividade son obxecto de comentario público, os xornais están cheos de ttitulares comentando os feitos máis destacables. Que eu saiba, ningún dixo nada sobre a restra de barbaridades lingüísticas que aparecen, un ano tras outro, nos exames de Matemáticas. Céntrome nesta materia porque é a que coñezo ben, non revisei os exames doutras materias. Velaquí unha escolma do desleixo e desprezo ao galego cometido desde as Comisións de Matemáticas. Comezamos mesmo polo exame de Matemáticas aplicadas ás CCSS da convocatoria extraordinaria do ano pasado.exame de Matemáticas aplicadas ás CCSS da convocatoria extraordinaria do ano pasado. Xa aviso, custa traballo ler estes enunciados (os asteriscos son meus)

(Extraordinaria 2023) Nunha *furna A hai 8 *bolas verdes e 6 vermellas e noutra *furna B hai 4 verdes e 5 vermellas. Lánzase un dado e se sae un número menor que 3 sácase unha *bola da *furna A e se sae un número maior ou igual a 3 sácase a *bola da *furna B. Extraese unha *bola *o chou,

a) Calcule a probabilidade de que a *bola extraída sexa vermella. b) Sabendo que se extraeu unha *bola verde, cal é a probabilidade de que saíra da *furna A? c) Son independentes os sucesos “extraer *bola vermella” e “a *bola procede da *furna A “?

Poño foto do horror porque é difícil de crer

 Se aínda non che sangran os ollos, non te preocupes, hai máis casos irritantes:  

(Extraordinaria 2021) O 40% das persoas que visitan o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago son españolas. Sábese ademais que 4 de cada 5 españoles están satisfeitos coa visita, mentres que, entre os non españois, non están satisfeitos coa visita o 10%.

a) Calcule a porcentaxe de persoas satisfeitas coa visita.b) Cal é a probabilidade de que unha persoa *este satisfeita coa visita e non sexa española? c) ¿Son independentes os sucesos “non ser español” *y “estar satisfeito *ca visita”? Razoe a resposta.

(Xuño 2019) . Logo de anos de utilizalo sábese que a puntuación dun test de uso habitual en certa rama industrial segue unha distribución normal de media 74 e *desviación típica 16. Nunha empresa decídese realizalo a 100 dos seus empregados. 

a) Cal é a probabilidade de que se obteña unha media *muestral superior a 78 puntos, de seguirse a pauta xeral? b) E a probabilidade de que a media *muestral sexa inferior a 74 puntos?

Podemos continuar coa materia de Matemáticas:

(Extraordinaria 2021) Despois de t horas de funcionamento o rendemento *de unha máquina (*en unha escala de 0 a 100) *ven dado *por a función $r\left ( t \right )=\frac{kt}{t^{2}+4}$
a) Calcule K sabendo que o rendemento *as 4 horas *e de 76.
b) Calcule os intervalos de crecemento e decrecemento do rendemento durante *las 7 primeiras horas de funcionamento.
c) ¿En que momento se *consigue o rendemento máximo?, ¿Cal e o seu valor?

(Extraordinaria 2021)Unha empresa pode vender x unidades ao mes *de un determinado produto ao prezo de $518-x^{2}$ euros por unidade. Por outra parte, o fabricante ten gastos mensuais: *unhos fixos de 225 euros e outros de $275x$ euros que dependen del número x de unidades.
a) Determine as funcións I(x) e B(x) que expresan os ingresos e beneficios obtidos pola produción e venda de x unidades, respectivamente. Que beneficio se obtén se se producen e se venden 10 unidades? 
b) Calcule o número de unidades que hai que producir para obter o máximo beneficio. ¿A canto ascenderían os *ditos beneficios? ¿Cal sería o prezo de venda *de unha unidade nese caso?

Anotación final

Se alguén tivo o valor de ler estes enunciados comprobaría que marquei como erro a expresión "desviación típica". Nalgunha ocasión xa me dixeron que era eu que era o único que usaba a forma recollida pola RAG, a saber, "desvío padrón".  Pois non estaría mal, que como desagravio, as Comisións de Matemáticas fixeran caso e comezasen a estender a expresión "desvío padrón"

mércores, 22 de febreiro de 2023

El Corte Inglés e o galego

 


por Xabier Vila-Coia en La Región:

Quixera relatar aquí unha recente, e malfadada, experiencia que desvela aspectos do noso idiosincrático ethos de sumo interese para recoñecernos como colectividade nas vertientes antropolóxica, social e cultural, coa expectativa de que a alguén lle resulte útil a ensinanza que dela se deriva.

 

mércores, 9 de xaneiro de 2019

A consideración ofcial do galego en Asturias

por Xosé-Henrique Costas, nas Voces de ProLingua:

1.- TIPOLOXÍA LINGÜÍSTICA



Desde sempre, a lingüística e a filoloxía románicas estableceran que as variedades lingüísticas empregadas en Asturias entre os ríos Eo e Navia eran de filiación galega, continuidade natural do galego nororiental de Lugo [véxanse as páxinas 29-40 do Informe lingüístico sobre a nosa Terra Eo-Navia, da Asociación Abertal (2007) https://anl.uvigo.gal/opencms/export/sites/anl/anl_gl/documentos/E_INFORME_EONAVIEGO.pdf]. Isto foi algo que nunca se discutira.


domingo, 6 de maio de 2018

As escollas electivas

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

A finais de abril deste ano a plataforma virtual blogaliza, en vigor dende 2003, pechou as portas. Nela albergábase o blogomillo, ou conxunto de bitácoras existentes en galego.

mércores, 17 de xaneiro de 2018

"De rebajas" pola Estrada



Tardei menos de dous minutos en tomar todas estas fotografías. Había máis, pero farteime. Como mostra de que o comercio na Estrada lle virou, en moi boa medida, as costas ao galego serve esta escolma. Supoño ademais que o caso da Estrada pode trasladarse a prácticamente todo o país.
Deberían saber os comerciantes locais, que para iso que están a facer, para ver como desprezan o galego, case prefiro ir ao Corte Inglés, que teñen máis experiencia no asunto.
Lembro, hai moitos anos (no século pasado), ter colaborado nas campañas da Mesa repartindo carteis de para as Rebaixas. A primeira vez fóra acompañando a alguén -non recordo a quen- que estaba máis metido no allo. Ao acabar o reparto dos carteis comentáralle con bastante pesimismo:
- Os carteis están repartidos, o malo é que seguramente non os poñan.
- Pois aí estás esquivocado. Xa verás como os colocan case todos. A resposta dos comercios é normalmente moi boa. É unha mágoa que a Xunta ou os concellos non tomen a iniciativa
Puiden comprobar que tiña razón. Incluso había comercios que gardaban os carteis dun ano para outro, para que A Mesa puidera divulgar as Rebaixas por outros locais.
Esta paisaxe que lle vira as costas ao galego non era habitual hai uns anos. Está claro que houbo unha regresión. O principal culpable desta volta atrás está nas políticas antigalegas do PP. É imposible non poñer en relación este panorama o recente bloqueo do PP á ILP que buscaba impulsar a lingua galega no ámbito económico.
Non quixera rematar esta entrada sen recoñecer que segue habendo comercios que non expulsaron o galego da súa cartelería, aínda que sexan cada vez menos. Na Estrada podemos ver como algúns imprimiron a súa propia campaña de rebaixas e moitos outros anúnciana cun póster da asociación local de comerciantes, ACOE. Beizóns a éstes últimos, aínda que hoxe non lles gardei a eles espazo neste andel virtual.













































martes, 3 de xaneiro de 2017

SIGUE, o primeiro agravio da Xunta ao galego do 2017


Se estes días un entra no portal do SERGAS poderá ver destacada unha aplicación móbil para a localización de centros de saúde e de consultas. O primeiro que me chamou a atención foi o seu nome, SIGUE, que é a forma do imperativo do verbo seguir, pero que en realidade é o acrónimo de 'Sistema Inteligente de Geolocalización de Usuarios en Edificios'. Un novo agravio á lingua galega que chega desde a administración pública, que nos ofrece unha conexión entre a modernidade (aplicación móbil) e a exclusión do galego.
Se accedemos ao Google Play para descargar a aplicación veremos que toda a información da mesma o galego fica desaparecido. Se imos á guia rápida que nos ofrece o SERGAS, tal e como vemos na imaxe, ofrécesenos únicamente o programa en castelán. Por outra banda, o da guía rápida merece comentario aparte. Consta a guía de media ducia de frases, na súa versión en castelán, sen problema ningún, mais na versión en galego toda clase de barbaridades na escrita.
Sobra dicir que na app o galego non ten ningunha presenza. Cada vez que vexo unha destas cousas, pregúntome que é o que está a facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

P.S.: Despos dun aviso que me fixo a conta de twitter @Xunta teño que rectificar. Nese aviso explicábanme que na aplicación había opción a cambiar de idioma a galego ou inglés. Despois de remexer na configuración da mesma vin que tiñan razón. Velaí que o galego ascendeu á categoría de lingua estranxeira.

xoves, 8 de decembro de 2016

En Movistar non me deixan falar en galego!

por Adela Figueroa, Praza Pública:

Acabo de ter unha conversa com unha señorita da compañia de Movistar. Reclamaban o pagamento dunha factura. Tentei razoar com ela acerca de que eu necesitaba saber os conceptos da mesma. Expliquei que, varias veces, via telefónica eu reclamara e que me prometeran que así sería. Como a señorita falaba e falaba sen me querer escoitar, eu pedín:

venres, 23 de setembro de 2016

A Xunta solicita que se lle envíe documentación en castelán



Ante a presentación por parte de Adega dunha solicitude feita en galego, a  Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa descupa de que un dos organismos implicados, o Ministerio de Facenda
"require a presentación da documentación en lingua castelá, polo que solicitamos nos remitan un exemplar da documentación presentada, en castelán, coa fin de evitar dilacións na tramitación do documento"
En resume, despois de terlle enviado a documentación en galego, a Xunta pide que se lle envíe en castelán. Veremos como ante este novo agravio a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) aínda ofrecerá xustificacións sobre o inxustificable proceder da Consellería da Presidencia pois este organismo (a SXPL) só está para xustificar todos e cada un dos pasos atrás dados tanto na política lingüística como nas accións discriminatorias dos organismos ideolóxicamente afíns ao PP.


Imaxe do documento do web de Adega

xoves, 17 de marzo de 2016

Homenaxe contra Xosé Neira Vilas



El presidente de la Xunta de Galicia
Alberto Núez Feijóo

y en su nombre 

el conselleiro e Cultura, Educación y Ordenación Unversitaria
Román Rodríguez González

se complacen en invitarle al acto

HOMENAJE A XOSÉ NEIRA VILAS

que tendrá lugar el próximo jueves 17 de marzo, a las 19:00 horas,
en el Museo Centro Gaiás de la Ciudad de la Cultura de Galicia (Monte Gaiás s/n) en Santiago de Compostela

Impresindible confirmación en los teléfonos 981 XX XXXX/XXXX
o en el correo electrónico xxoxoxoxo@xunta.es antes del lunes 14 de marzo
Se agradece de antemano la presencia de las personas invitadas en el interior del Mueso antes de las 18:40 horas
Es necesario presentar esta invitación a la entrada

Santiago de Compostela, febrero de 2016


Hoxe vai celebrarse este  acto contra a figura de Neira Vilas. Pouco tardou a Xunta en cometer o agravio. E a Fundación Neira Vilas de compañeira muda.
A foto, vía A Mesa

martes, 8 de marzo de 2016

A desfeita de Flocos.tv

Na madrugada do 28 de febreiro do 2011, sen aviso ningún, pechou o portal do audiovisual galego Flocos.tv. Chegara a ter picos de 10.000 visitas diarias. Estivera aberta durante dous anos e tres meses, pero tanto foi o seu éxito que aínda hoxe, cinco anos despois sentimos o enorme burato que significou o seu peche.
Desde Flocos.tv tivemos acceso a máis de 350 vídeos en streaming, presentación da que era un portal pioneiro.  No momento da súa desaparición había agardando 300 filmes preparados para subir á plataforma, pero estaban parados porque a Xunta deixara de pagar o mantemento desde a toma de posesión de Feijóo como presidente.
Flocos.tv era tamén unha rede social con 1800 membros rexistrados que poñía en contacto ao público cos creadores. Tanto foi o seu éxito que non tardou en ser recoñecida co premio Mestre Mateo á mellor obra interactiva en 2008.
Por se todo isto fose pouco, é moi certo o que a profesora Pilar Ponte destacaba como quizais a máis importante virtude dese portal:
era un impresdindible e insubstituible material pedagóxico e un lugar común onde toda a cidadanía podía gozar do patrimonio filmográfico galego.
Ligazóns da AGADIC
Como exemplo da utilidade daquel portal tiñamos o imprescidible documental Linguas cruzadas, (desaparecido en Canle.tv), que viña acompañado dunha unidade didática (antes tamén accesible no portal da SXPL, agora tamén desaparecida dalí)
Entón, por que se pechou? Xaime Quintanilla, o que daquela era director dun Consorcio Audiovisual Galego que recibía multitude de críticas por levar paralizado desde a entrada de Feijóo no goberno, explicaba nunha entrevista que estaban traballando para que "Flocos.tv tivera continuidade". A entrevista facíase tres semanas antes do peche da plataforma audiovisual. O certo que que Foclos.tv desapareceu e nunca se deron explicacións. Ante as protestas e o escándalo xenerado pola decisión a Xunta decidiu volver a poñer en marcha outro portal, Canle.tv. Fíxoo un ano despois,  Martin Pawley  desde o princiapio poñía en dúbida a funcionalide do proxecto: "nace como un depósito tristeiro do pasado", con escasa información de cada filme, con moitas menos entradas (120 fronte a 350), ademais entradas anticuadas xa desde a súa inauguración e sen a interacción social que permitía Flocos.tv. Pero o peor non é iso.
Para culminar a desfeita, Canle.tv ao cabo duns poucos meses fica abandonado. A última entradas son de finais do ano 2012. Desde aquela, leva máis de tres sen actualización. Tal é a larafuzada que representa Canle.tv que nin a empresa encargada da súa posta en funcionamento, ACV Galaica  fai referencia ao portal que creou para a AGADIC. Supoño que estarán avergoñados.

Cinco anos despois
Pasaron cinco anos. Cal é o panorama agora?
Podemos pechar os ollos e tragar toda a zaragallada que se argalla desde a Xunta. Pero basta dar un paso e ir ao portal da AGADIC para comprobarmos que hai unha serie de iniciativas ás que podemos acceder (as da imaxe da esquerda): galescena.info ,  cinemas de Galicia,  Galicia Escena Pro, ao Centro Dramático Galego, ao Centro Coreográfico Galego, ao CGAI, a galiciantunes, ao European Acoustic Herigage, ao proxecto creativa ou ao portal da Consellería de Cultura, Educación e O.U., pero Canle.tv non aparece por ningunha parte. Ulo?
Como cadáver fedorento podemos acceder a el aquí. Pero é imposible chegar a el desde o portal da AGADIC. Se alguén aínda tiña dúbidas, que as vaia despexando. A única razón da creación da Canle.tv era a de amortecer as críticas polo fulminante e nunca explicado peche de Flocos.tv.
A pregunta fundamental foi sempre, e ségueo sendo agora: por que se pechou Flocos.tv? Eu só acho unha resposta. Fíxose para minorizar a identidade galega, para que os galegos non nos sintamos orgullosos de nada feito por nós e en galego.

luns, 7 de marzo de 2016

Maio longo

por Xosé Rodríguez, no Praza Pública:

"O PP sempre estivo nas convocatorias a favor da lingua galega, e mesmo as promoveu” é o titular da entrevista que lle fixo Xurxo Salgado (@xurxosalgado) a Valentín García, para o Galicia Confidencial, e que, a primeira hora da mañá, me saltou do twitter aos ollos como a navalla de Buñuel.

venres, 4 de marzo de 2016

Lexislación e toponimia


Recupero esta conferencia dun curso de formación en toponimia organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) no 2012 a pesar de que o volume é moi baixo e de que se trata dunha conferencia que dura más dunha hora (o cal case é anatema para os canons dixitais). Fágoo polo enorme interese do que se debulla e pola excelentes maneiras para a transmisión que emprega o relator, Xesús Costas. Resulta unha delicia escoitalo e mesmo ver as expresións corporais e faciais cando comenta algúns dos aspectos máis polémicos da lexislación en materia toponímica. Non sei se algunha vez pensou en adicarse aos monólogos.
Por se alguén pensa que, pasados 4 anos, a conferencia puido perder frescura, comento un detalle. Unha das preguntas trata sobre o procedemento para a denominación dos novos concellos no caso de fusión. Daquela estaba na axenda de actualiade a única fusión que houbo: Oza-Cesuras. Quizais, agora que acaeceu o milagre dunha previsible sengunda, a de Cerdedo-Cotobade.
Chamoume a atención un aspecto que se desvela nesta intervención (min 45) que evidencia a raposería do goberno de Feijóo en canto ao ataque á nosa lingua. Trátase do, aparentemente anódino, decreto 85/2012, que simplemente modifica algúns puntos do decreto 138/2008, polo que se regula a sinalización turística de Galicia. Se lemos o decreto 85/2012 non lle veremos ningunha maldade pois parece facer referencia a aspectos secundarios, puntualizacións. Mais o fundamental está en que publica un novo Manual de sinalización turística no que, baixo unha ideoloxía supremacista, se promove a dobre denominación, ou o que  poderíamos cualificar de bilingüismo de idiotas. No manual establécese que
No sistema de sinalización turística estarán presentes as dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, o galego e o castelán.
Así, mediante un procedemento extralegal,  o substancial do decreto que regula a sinalización turística, non vén no corpo decreto, senón no manual anexo. Pouco espabilado hai que ser para ver que este artificio  legal é unha vía aberta para atentar contra a toponimia galega, que desde a Lei de Normalización Lingüística, é a única legal.
Xesús Costas tamén fixo referencia a outras disposicións como o Real Decreto 334/1982 que impón o uso do castelán na sinalización de estradas, aeroportos, estacións ferroviarias, marítimas, aduanas e servizos públicos de interese xeral no ámbito das Comunidades Autónomas que teñan unha lingua distinta do castelán, coa obriga de que éstas dicten normas confirmando a supremacía do castelán que se establece neste Real Decreto.