Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Cris Moss. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cris Moss. Amosar todas as publicacións

sábado, 9 de xullo de 2011

Cultura galega en castelán

por Cris Moss, no Xornal:
A promoción da cultura non sempre é fundamental para os políticos, pero nestes tempos tras as eleccións os novos concelleiros intentan dar pulo aos artistas galegos para ocuparse de temas felices antes de comezar cos recortes. É o caso do edil de Cultura en Santiago, Ángel Currás, que hai uns días inaugurou unha exposición.
O popular achegouse á sala de exposicións Zona C, anexa ao convento de San Domingos de Bonaval e creada polo anterior goberno local de Compostela como espazo para amosar o traballo dos creadores novos e modernos da comunidade, para inaugurar unha mostra do artista galego Iván Prieto.
En contra da lóxica que imporía o galego como lingua oficial nun acto cultural en Santiago para dar a coñecer a un creador da terra, Currás presentou a exposición en castelán, o que molestou a algúns representantes da oposición. Será que o PP de Gerardo Conde Roa non está convencido do potencial da cultura en galego?

mércores, 29 de xuño de 2011

O galego, ao mesmo nivel que o checo

por Cris Moss, no Xornal:

Non, desta volta a Xunta non atacou abertamente a lingua galega, como fai noutras ocasións. O que lles contamos hoxe parece, ten toda a pinta, un simple erro material rapidamente corrixido, aínda que pode que esa corrección supoña un novo erro. Desde logo non parece que haxa mala fe.
Resulta que o pasado xoves a Consellería de Traballo publicou no Diario Oficial da Unión Europea unha licitación dun novo sistema informático para xestionar as súas políticas activas de emprego. E nese anuncio oficial alguén se trabucou á hora de consignar os idiomas a empregar.
No apartado que contempla o diario oficial para indicar as “lingua(s) nas que pode redactarse a oferta” aquel anuncio indicaba o “checo” e engadía o “galego” no apartado de “outras”. Pero non, as ofertas non se poderán presentar ante a Xunta de Galicia na lingua oficial da República Checa.
A Consellería de Traballo deuse conta do erro e onte, no mesmo Diario Oficial da UE, publicou unha corrección substituíndo o “checo” polo “español”. O que xa non aparece nesta corrección é o “galego” no apartado de “outras” a continuación dese “español”. Daráse por suposto.

mércores, 22 de xuño de 2011

A Xunta camiña ao inglés en castelán

por Cris Moss, no Xornal:

É coñecido que un dos principais argumentos empregados pola Xunta para defender as súas reformas en materia lingüística é o “plurilingüismo”. Ademais da formación ordinaria, Educación organiza campamentos e cursos de inglés intensivos para o alumnado a través dunha empresa con sede en Madrid.
Algúns dos pais e nais solicitantes destes campamentos atopáronse cunha sorpresa. A documentación ofrecida pola empresa que contratara a Xunta, así como a súa páxina web, está unicamente redactada en castelán. Non hai, polo tanto, posibilidade de obter datos en galego dunha actividade da Consellería.
Ao solicitaren a información en galego, as familias foron informadas de que se trataba dun “erro”, e recibiron un duplicado do documento, pasado ás claras por un tradutor automático, e a confusión foi aínda maior. O BNG xa rexistrou unha iniciativa no Parlamento pedíndolle explicacións a Educación.
Os problemas non quedan só nas familias dos estudantes. O profesores encargados de atender o programa estiveron durante semanas tentando obter información sobre o curso, o seu funcionamento e as súas datas. Por parte do departamento que dirixe Jesús Vázquez non tiveron resposta ningunha.

martes, 21 de xuño de 2011

O 'alumno' de Feijóo supera o mestre

por Cris Moss, no Xornal:


En outubro de 2010, Alberto Núñez Feijóo recibía en Santiago ao balear José Ramón Bauzá, daquela acabado de elixir como líder do PP das illas. Nunha afable xuntanza, Bauzá situaba o modelo político que Feijóo comezaba a implantar en Galicia como guía para o seu propio proxecto.
Poucas datas despois, Xornal de Galicia relataba que Bauzá xa puña en práctica esas receitas políticas no ámbito lingüístico. En diversos foros, prometía abrir unha nova etapa de “liberdade lingüística” nas aulas, baseada no “trilingüismo”, ademais de derrogar un decreto que, curiosamente, aprobara o PP.
Como consecuencia do resultado das eleccións do 22-M, Bauzá é o novo presidentes das Illas Baleares. No seu discurso de investidura, a pasada semana, o popular anunciaba que permitirá a “libre elección da lingua vehicular no ensino” e que implantará un modelo baseado na introdución do inglés.
Onte Bauzá anunciaba a estrutura do seu Goberno, que é tamén unha declaración de intencións. No Executivo balear deixa de existir a Dirección Xeral de Política Lingüística e tamén a Consellería de Cultura. Ambas quedan amalgamadas nunha mera Dirección Xeral de Cultura e Mocidade.

mércores, 11 de maio de 2011

A Xunta homenaxea a 'Lois Pereira'

por Cris Moss, no Xornal:


O Día das Letras Galegas está cada vez máis preto e todas as organizacións ou administracións afánanse en pechar as súas axendas de actos para homenaxear ao poeta Lois Pereiro, ao que este ano se adica a data. A Escola Galega de Administración Pública, dependente da Consellería de Presidencia, tamén anda neses mesteres.
No entanto, no seu plano de actividades –nas que se inclúe un recital de poemas, unha mostra colectiva de artes e letras e, xa o día 17, unha ruta cultural– a administración autonómica decidiu cambiar sobre a marcha ao homenaxeado. Por iso, os actos dos días 12 e 17 estarán adicados ao “galego insigne” Lois Pereira.
Este erro no apelido do escritor foi criticado onte durante unha comisión parlamentaria onde se trataron asuntos lingüísticos. Segundo o deputado nacionalista Bieito Lobeira o cambio de protagonista por parte da Escola de Administración Pública amosa “o escaso interese” da Xunta polos temas relacionados co galego.

sábado, 2 de abril de 2011

A falsa dimisión de Anxo Lorenzo

por Cris Moss, no Xornal:


“O 1 de abril van os burros onde non deben ir”. Con este refrán alúdese en Galicia á celebración do Día dos Enganos, unha festa que agora se recupera no país e que leva anos asentada noutras zonas de Europa como, por exemplo Portugal. A idea non é outra que unha especie de Día dos Santos Inocentes.
Non foron poucos os blogs e páxinas webs galegas que, coa intención de bromear, lanzaron algunha noticia inventada en Internet. Mínimos foron as que picaron, aínda que a habilidade mentireira dalgúns dese máis que un susto nalgúns ámbitos. Para exemplo, a bitácora echeoquehai.tumblr.com, coñecida xa na blogosfera galega.
A devandita web colgou unha suposta carta de dimisión do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Tan ben feita estaba esta carta, que foron moitos os que creron a información. Tantos que disque ata no Consello da Cultura pensaron nun principio que Lorenzo deixaba o cargo. Non era así.

domingo, 13 de marzo de 2011

O candidato di 'Riveira'

por Cris Moss, no Xornal:


Sen ánimo de polemizar cun asunto que nesa vila esperta rapidamente as suspicacias, parece ser que se o PP revalida a alcaldía manterá o costume de que o Concello siga a empregar o nome de Riveira para referirse á principal poboación do Barbanza.
O novo candidato popular, o de momento aínda voceiro parlamentario da formación Manuel Ruiz Rivas, xa está empregando pancartas nas rúas con esa grafía unida á súa imaxe.
O certo é que o nome oficial, o que rexistra a toponimia legal da Xunta de Galicia, di que a vila do Barbanza é Ribeira e non Riveira. Pero Ruiz Rivas debeu de pensar que resulta máis fácil chegar aos seus concidadáns empregando a grafía máis local, aínda que sexa incorrecta.

mércores, 2 de marzo de 2011

Feijóo e a volta do “bilingüismo cordial”

por Cris Moss, no Xornal:


O de onte foi un día de celebración para o PP e en especial para o presidente da XuntaAlberto Núñez Feijóo, por ser a data na que se cumpría o segundo aniversario da súa vitoria electoral, se ben non protagonizou ningún acto especificamente convocado para conmemorar este cambio político.
O presidente dedicou o día de onte a facer balance non do seu mandato, senón do Xacobeo 2010, cun acto na Cidade da Cultura no que, non obstante, non evitou as referencias á súa vitoria nas urnas. Previamente, e si co gallo da conmemoración, o xefe do Executivo protagonizou ata tres entrevistas radiofónicas.
Nunha delas, na Cadena Cope, Feijóo recuperou a que fora unha constante dos seus discursos como candidato, isto é, a cuestión lingüística. Segundo explicou, unha vez chegados ao ecuador da lexislatura, “o bilingüismo cordial volveu ás aulas” e a “proporción” de idiomas aos libros de texto, di.
Dentro da súa visión das reformas lingüísticas, Feijóo gabouse non só das medidas adoptadas, senón tamén da súa acollida. Obviando as múltiples protestas contra a súa política lingüística, o presidente aseverou que en Galicia “xa non se fala do tema” porque o “bilingüismo cordial” foi “asumido”.

luns, 14 de febreiro de 2011

Galegofobia en Gran Hermano

Cris Moss, no Xornal,

Ter unha canle de Gran Hermano 24 horas en lugar de CNN+ conleva o risco de poder atoparse na televisión con algún dos sesudos debates que os seus concursantes levan a cabo. O último polémico, máis que un debate, foi un resumo á perfección de todos os tópicos e falsidades que arrodean a lingua galega.
O caso é que foi unha concursante de Galicia a que aseguraba a outra que “lo primero que te produce oír una persona joven hablar gallego es negativo”. “No es muy habitual que la gente joven hable gallego, bueno, en Lugo sí, pero es un gallego bruto y feo (...), el gallego que está todavía más metido en gente ignorante”.
Esta rapaza, chamada Marta, chegou a asegurar que todos os seus libros de texto na escola “eran en gallego” (sic) pero que ela facía “trampa” e comprábaos en castelán. Ademais, asegurou que “muy poquita gente habla gallego; lo hablan los nacionalistas, más los exaltados, los que lo hablan por cojones”.
A moza, que chegou a dicir que deixou de ligar cun rapaz porque falaba galego (“¡Qué bajón!”, relataba), recoñeceu que era “una pena” que os propios galegos renegasen do seu idioma. “Nosotros nos avergonzamos”, asegurou, ante a sorpresa dunha compañeira que si aprezaba a lingua galega.

martes, 8 de febreiro de 2011

Blanca e... en cartón?

No artigo faise de Cris Moss para o Xornal faise referencia a críticas dos internautas da última campaña anormalizadora da Xunta. Eu recomendo algunhas que con moito sentidiño lle fan desde As miñas historias ([1] e [2])

Os internautas volveron onte a tirarlle das orellas á Xunta polos erros lingüísticos cometidos respecto á campaña para promocionar o leite de Galicia. “Blanca e... en cartón? Só pode ser 100% GALEGA”, escribiu o Executivo galego no seu perfil na rede social Facebook para anunciar a campaña que comeza hoxe.
“Primeiro, é branco, posto que o leite en galego é masculino. Segundo, que o logo di Gallega 100%. Así que menos mentir e máis traballar polo país”, sinalouse nun comentario. “O que tedes jalleja cien por cien é a cara de cemento armado. Avergoñarse da propia lingua, dades pena”, apuntou outro.
Ante as críticas publicadas, a Xunta aclarou no seu muro: “En relación aos vosos comentarios, decirvos que ‘Galega’, feminino, se refire á marca, non ao leite. É unha marca que engloba todos os produtos lácteos que se fabrican en Galicia. E unha marca é feminino (...) Grazas polos vosos comentarios”.
“Entón, que é iso de ‘blanca e en cartón’, a marca ou o leite? En fin... ‘Branco e en cartón, só pode ser leite galego 100%’. E, por certo, ese é só un dos múltiples erros lingüísticos da campaña publicitaria do leite galego, ao lado de ‘diferencia, producto, disfruta, ademais, etc.”, engadiu outro inernauta. Queda dito.

venres, 4 de febreiro de 2011

Hernández corrixirá topónimos

por Cris Moss, no Xornal:


Que ao conselleiro Agustín Hernández se lle poden criticar moitas cousas menos o seu esforzo por falar e promocionar o galego é algo que hai tempo quedou fóra de dúbida. Agora volvemos atoparnos con outra proba de que este madrileño fai máis pola lingua que compañeiros seus de Vigo ou A Coruña.
BNG advertíralle á Consellería de Infraestruturas hai un tempo a través de varias preguntas noParlamento de Galicia sobre a presenza de toponimia deturpada na sinalización de varias estradas de titularidade autonómica. Agora chega a resposta correspondente do departamento que dirixe Hernández.
Recollendo a petición do BNG, e tras recoñecer que a toponimia efectivamente aparecía mal recollida, Hernández indica que xa deu orde de realizar as oportunas correccións. Correccións que fará o seu departamento sobre erros cometidos hai tempo por gobernos anteriores.
Así, Hernández asegura na súa resposta ao Parlamento que Puebla volverá ser A Pobra do Caramiñal, a poboación arousá denominada Las Sinas retomará o seu nome de As Sinas e o núcleo lucense chamado Barjamayor recuperará á súa denominación oficial de Barxamaior.

martes, 1 de febreiro de 2011

Feijóo múdalle a fonética a Saramago

por Cris Moss, no Xornal:

O titular da Xunta substituíu onte ao portugués Carlos Lage na presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e marcouse retos. No acto, celebrado no Porto, Alberto Núñez Feijóo apelou, por exemplo, á necesidade de que os cidadáns sintan “orgullo de pertenza” á Eurorrexión.
Se cadra con ese obxectivo, o titular da Xunta botou man en dous treitos do seu discurso das frases nas que o Nobel portugués José Saramago falaba da Península Ibérica coma dunha “balsa de pedra”. Malia a atoparse ante un auditorio lusófono, Feijóo pronunciou o nome “José” con fonética castelá.
Se ben só un dos oradores do acto –representante empresarial e non político– decidiu falar unicamente castelán ante os representantes galegos e portugueses, algunhas das intervencións, a comezar pola do propio Feijóo, si contrastaron coas chamadas á unidade das dúas beiras do Miño do propio acto .
Así, por exemplo, o titular da Xunta gabou a capacidade da Eurorrexión por dar “un grande exemplo” de cooperación, se ben pasou por riba das ligazóns culturais e lingüísticas de Galicia e Portugal para sinalar que, para se coordinar, non foi preciso que ambos territorios “falen, pensen e sintan o mesmo”.

luns, 31 de xaneiro de 2011

Un erro na marca galega do leite

por Cris Moss, no Xornal:

Dende o vindeiro 7 de febreiro, os produtos lácteos galegos de calidade superior estarán marcados cun selo, Galega 100%, que servirá para recoñecer nos supermercados e tendas da comunidade a súa excelencia e asegurar así que están elaborados con materias primas do país. Unha boa medida.
Xunta de Galicia promociona esta nova marca cun lema, Galega 100%. Marca a diferencia, que contén un erro ortográfico que está enchendo varios xornais onde se incorpora o anuncio que aposta por un leite galego. Diferencia é en realidade diferenza, ao igual que pertenza ou querenza.
Este erro engádese á polémica dun lema, Galega 100%, que levantou dúbidas, xa que se galega se refire ao leite, debería ser en masculino, a non ser que o trazo do líquido que acompaña o anuncio constrúa un ele dobre (gallega) ou que o de galega se refira en realidade á marca e non ao leite.
Por outra banda, Anxo Lorenzo criticou onte nunha entrevista no ABC “o momento” para a introdución das linguas cooficias no Senado e debido ao gasto en tempos de crise. Fíxoo a mesma semana na que Núñez Feijóo empregou a posibilidade de tradución para falar en galego no Comité das Rexións.

venres, 28 de xaneiro de 2011

“Hablen español, already”

por Cris Moss, que alude este artigo do diario The Economist,  no Xornal:


Un dos argumentos máis recorrentes dos partidos e grupos contrarios ás medidas de normalización das linguas cooficiais coma o galego, o éuscaro e o catalán pasa por aludir á situación doutros países con varias linguas ou á imaxe que España proxecta no mundo a causa do “gasto” en varios idiomas.
Este foi, precisamente, o argumento empregado dende o PP, nomeadamente polo seu líder,Mariano Rajoy, para rexeitar a xeralización das linguas propias de Galicia, Euskadi e Cataluña no Senado. A xuízo do presidente dos conservadores, o plurilingüismo da Cámara alta non é propio “dun país normal”.
A afirmación de Rajoy deulle pé ao prestixioso diario británico The Economist para reflexionar sobre a introdución das linguas cooficiais no Senado, nomeadamente, a través dun blog no que os seus correspondentes no mundo escriben sobre “o uso da linguaxe na política, a sociedade e a cultura” no mundo.
Nun artigo datado en Nova York baixo o título “hablen español, already”, un xornalista do rotativo censura que se vexa “como apestados” a galegos, vascos e cataláns “por falar o seu idioma no seu país” e lembra que o plurilingüismo é propio de países tan “normais” como Canadá ou Nova Celandia

xoves, 27 de xaneiro de 2011

Negreira e ‘La Coruña verdadera’

Cris Moss sigue repasando as actitudes dos políticos negacionistas, hoxe co caso clínico de Carlos Negreira, no Xornal:

A medida que se achegan as eleccións municipais, son moitos os políticos que lle quitan a ferruxe ás súas habilidades en internet e que, desta volta, se esforzan por seren visibles nas principais redes sociais, como Facebook e Twitter, co obxectivo de non quedaren descolgados da campaña que haxa na Rede.
Un dos alcaldables que nos últimos meses se incorporaron a estas redes, nomeadamente aTwitter, é o aspirante do PP ao bastón de mando na Coruña, Carlos Negreira, que no seu perfil convida os cidadáns a “hablar de cambio” e especifica que o perfil está “gestionado por Carlos y sus asesores”, asegura.
Entre as mensaxes que Negreira compartiu cos seus seguidores en Twitter ao longo do día de onte foi a frase “indignación en la Universidad de Coruña por el uso político del Paraninfo”, seguida dunha ligazón a un blog titulado La Coruña verdadera que, segundo afirma, conta “la realidad de nuestra ciudad”.
Os que onte seguisen a ligazón proposta por Negreira comprobarían que, ademais dun texto que censura que a presentación do “ultranacionalista” Xosé Manuel Carril se celebrase na Universidade, a páxina inclúe contidos bastante alonxados da cortesía política, como falar de “parejitas” no seo do PSdeG.

mércores, 26 de xaneiro de 2011

Hernández fai obras en ‘La Guardia’

Cris Moss está pegándolle un repaso ás reprobables actitudes lingüísticas dos conselleiros, onte trataba o caso de Javier Guerra, o Conselleiro de Industria, hoxe tócalle a Agustín Hernández, o titular da Consellería de Medio ambiente (e Infraestruturas) de  no Xornal:


Por moito que se prometeran, hai compromisos que a Xunta está a demostrar, día tras día, que non é quen de cumprir. Un deles é a promesa que fixo o Goberno galego de ter máis coidado cos tradutores automáticos do galego ao castelán para que non se escapasen polo medio topónimos deturpados.
A polémica naceu coa famosa referencia do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, a Desván de los Monjes en lugar de Sobrado dos Monxes. Varela atribuíu o erro a que o texto orixinal en galego pasou por un tradutor informático e ninguén o revisou despois. A Xunta prometeu que tería máis coidado no futuro.
Porén, onte o Boletín Oficial del Estado publicaba en castelán un anuncio traducido do galego sobre unha obra da Consellería de Infraestruturas que dirixe Agustín Hernández indicando en tres ocasións que parte dos traballos se realizarán en La Guardia, errando así novamente no topónimo oficial de A Guarda.
En todo caso, o erro puntual do departamento de Hernández non debe facer esquecer que, pese a non nacer en Galicia, é un dos conselleiros que máis respecta o galego. Fronte a el, a consellería que máis erros de toponimia está a cometer nas traducións destinadas ao BOE é a de Economía de Javier Guerra.

martes, 25 de xaneiro de 2011

Guerra ‘esquece’ o acordo pola lingua

por Cris Moss, no Xornal:


En febreiro do pasado 2010, o PPdeG tentaba, dende o Goberno e dende o Parlamento, comezar a rebaixar a tensión en torno á súa política lingüística e, en xeral, á súa posición sobre o idioma. Así, accedía a pactar con PSdeG e BNG unha proposta para instar os cargos públicos a empregar o galego.
En virtude daquel acordo tripartito, todos os representantes deberían, na liña do fixado na Lei de Normalización Lingüística, usar o idioma propio de Galicia nas intervencións que realizasen con motivo do seu cargo. Días despois, o popular Ignacio López-Chaves volvía empregar o castelán no Parlamento.
No Goberno galego, un dos conselleiros que ten pasado por riba do acordo en máis ocasións é o titular de Economía e Industria, Javier Guerra, que, por exemplo, a finais de 2010 presentaba un plan do seu departamento con Alberto Núñez Feijóo tras o Consello da Xunta falando unicamente en castelán.
Onte, Javier Guerra compartía acto público con representantes do mundo económico para presentar un estudo sobre as empresas galegas auspiciado por Novacaixagalicia. Tanto na súa intervención como nas preguntas dos xornalistas, todos representantes de medios galegos, evitou a lingua propia de Galicia.

martes, 4 de xaneiro de 2011

Por fin, o galego estará presente no Senado

Despois de moitas voltas e continuas polémicas, o galego vai deixar de estar prohibido no Senado. A historia levou o seu tempo. No mes de abril Feijóo manifestárase en contra de que se permitira o uso da nosa lingua na cámara de representación territorial, e houbo unha chea de outras intervencións, como a de Rafael Cuíña amosando as súas contradiccións, a de Monxardín elaborando unha estraña teoría para xustificar que o galego debía ficar para usos residuais, do senador Van-Halen, calificando o uso do galego como unha ridiculez, ou do ex-presidente da Xunta, Manuel Fraga, nunha penosa intervención no Senado comentada no seu día nun artigo de Cris Moss. Pola conta Iria Taibo facía unha defensa directa da lingua galega.
Todos os avances na normalización custan un mundo, e este caso non é unha excepción. A pesar de que se recoñece un dereito que indica moi claramente cal é o estado de desprezo das linguas periféricas do estado, o permiso chega cheo de oposción tal e como se comenta no artigo do Galicia Hoxe do que deixo este extracto:
"O uso dos idiomas cooficiais custará 11.950 euros por sesión, cifra moi criticada, precisamente, polo nacionalismo español, que o considera un gasto superfluo. Mentres que as axencias españolas informaron onte polo miúdo do gasto que supón o novo servizo, non informaron pola contra dos postos de traballo que se crearán."

domingo, 26 de decembro de 2010

Blanco cumpre con Callón (e co galego)

por Cris Moss, no Xornal:


A comezos do presente ano, A Mesa pola Normalización Lingüística dirixíase ao Ministerio de Fomento para expresar o seu malestar pola existencia de rótulos na autoestrada AP-9 con topónimos castelanizados e, ao tempo, para reclamar que a lingua galega estivese presente no sinais desta vía nos que só se emprega o castelán.
O pasado abril, o titular de Fomento, José Blanco, dirixíase por carta ao presidente d'A Mesa, Carlos Callón, para informalo de que viña de "dar instrucións" á concesionaria da AP-9, Audasa, para realizar "as correcións" nos topónimos, así como, atendendo "á dispoñibilidade orzamentaria", incluír o galego nos rótulos.
Sen que existisen anuncios oficiais, un percorrido pola autoestrada permite observar que, cando menos, parte das promesas de José Blanco xa están a ser cumpridas. Así, os condutores que antes só podían atender aos sinais que indican a proximidade do “peaje”, agora xa o poden facer sendo informados de que se achegan á “peaxe”.

sábado, 18 de decembro de 2010

A TVG e os erros ortográficos

por Cris Moss, no Xornal:


A páxina web da CRTVG publicou estes días os resultados dunhas probas da compañía para prazas de operador-montador de vídeo. Máis aló da maior ou menor dificultade do exame, se algo destaca ao ver o texto é a enorme cantidade de erros ortográficos ou gramaticais que se acumulan entre preguntas e solucións.
En 33 preguntas con catro opcións de resposta para cada unha hai, nada máis e nada menos, que preto de 100 erros. Uns 96 para ser exactos. Por présas ou descoñecemento, o caso é que no texto referido pódense ler cousas como “no” en lugar de “non”, “rodillas” en vez de “xeonllos” ou “análisis” por “análise”.
Son moitos os erros. Se nos fixamos, atopamos tamén “primer” por “primeiro”, “grabación” por “gravación”, “qué” en lugar de “que”, “compuesto” en vez de “composto”, “sonido” por “son”, “relleno” por “recheo”, “solo” por “só”, “lonxitudinales” por “lonxitudinais”... Un documento feito sen ganas ou sen saber.