Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta María Obelleiro Ermida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Obelleiro Ermida. Amosar todas as publicacións

sábado, 15 de febreiro de 2025

"Profe, ¿qué es cadela?"


 por María Obelleiro en Nós Diario:


CEIP dun concello do interior do país, afastado de grandes núcleos de poboación. Un neno de 5º de Educación Primaria, mentres cobre unhas actividades sobre conxuncións e preposicións na materia de Lingua Galega e Literatura, pregúntalle en voz alta á mestra por unha palabra que aparece nun dos enunciados e que descoñece: "Cadela". "Profe, ¿qué es cadela?". Responden dous nenos: "Una perra".

domingo, 1 de outubro de 2023

¿Que te dé qué? ¿Un 'bico'? ¿Qué es un 'bico'?

 


por María Obelleiro en Nós Diario:

Por fin levantaron o veto ao galego, ao catalán e ao euskera no Congreso. Sen tempo non era. Tiveron que pasar 46 anos desde a constitución das Cortes. Anos de anomalía, de desprezos e humillacións a deputados e deputadas nacionalistas ás que expulsaron ou retiraron a palabra na tribuna por falar no seu idioma, proscrito no Congreso.

 

A oficialidade do galego na Cámara Baixa estatal representa un avance significativo para a nosa lingua. Tras máis dunha década de retrocesos, o idioma por fin conquista un novo espazo, o que pode abrir portas para a súa normalización en ámbitos en que, infelizmente, non está presente, nin sequera, en pé de igualdade co español. Porén, como puideches comprobar, Vicent, o PP presidido por aquel que a prensa progresista española cualificaba de "moderado" deu as costas á súa propia lingua e, máis unha vez, en lugar de pórse do lado do pobo, deuse a man con Vox.

 

Estamos ante un PP, o de Feixoo, ultraespañolista, que compite cos de Abascal por ver quen é máis español de todos, aínda que iso supoña aldraxar a pedra angular da identidade galega. Mais non só as deputadas e deputados galegos son uns vendidos, o propio presidente da Xunta da Galiza demostra ser un renegado ao incumprir de maneira manifesta e reiterada o seu deber estatutario de protexer e prestixiar a lingua propia da Galiza. Nas dúas últimas semanas, Vicent, ao contrario do que fixeron os seus homólogos catalán e vasco, Rueda pronunciouse publicamente contra o levantamento do veto ao galego no Congreso.

 

Neste contexto, medio cento de persoas de diferentes ámbitos (da cultura, do sindicalismo, da xudicatura, da academia, do xornalismo, do deporte, da artesanía...) asinamos o manifesto "Queremos galego tamén no Congreso" no que facemos un chamado ás deputadas e deputados para que empreguen o galego nas súas intervencións e no que mostramos a nosa desconformidade coa posición do PP.

 

Preguntarédesvos que ten a ver isto co título que encabeza o artigo. Ten relación. Escribín en varias ocasións nesta mesma sección sobre as cifras que evidencian a situación calamitosa que sofre a nosa lingua, mais nunca o fixen desde o punto de vista cualitativo. Calquera das galegas e galegos que lean isto saberán ben a que me refiro, pois hai nenas e nenos nados na Galiza que non entenden o idioma propio. Nenas e nenos que non saben que é un carballo. Nenas e nenos que non saben que é un bico.

 

Non é esaxeración ningunha. Infelizmente, é a realidade que se vive, sobre todo, nas cidades, e tamén nas vilas. O habitual ao manter unha conversa con crianzas españolfalantes (a inmensa maioría) é que che pregunten "como", para que lles repitas, porque non entenden ou porque lles custa interiorizar unha palabra nunha lingua que para elas é estranxeira. Así de triste. Contábame a miña irmá pequena, mestra de Educación Infantil, que nun dos colexios en que deu aulas un neno chegou á casa dicíndolles aos pais que "la profe Olalla habla extranjero". E como esta anécdota tan representativa do contexto sociolingüístico na Galiza, centos.

 

En Euskal Herria e nos Países Cataláns o debate está na inmersión nos centros de ensino, mais non só nas aulas, senón tamén nos recreos e nas actividades extraescolares. Na Galiza, o que hai é un decreto do "plurilingüismo", aprobado polo primeiro Goberno de Feixoo en 2010, previa campaña furibunda do PP –incluída unha manifestación contraria ao galego, ateigada de bandeiras españolas e convocada por unha asociación ultra, á que acudiu o actual presidente da Xunta–, coa axuda de medios de comunicación que non se cortaron en difundir falsidades. Este decreto reduciu a xa cativa presenza do galego no ensino, prohibíndoo mesmo en materias como Matemáticas, Física ou Química. Hoxe sufrimos as consecuencias.

mércores, 13 de setembro de 2023

Feixoo renega do galego

 


por María Obelleiro en Nós Diario:

De ser presidente do Goberno galego de 2009 a 2022, enarborando o “Galicia, Galicia, Galicia” como slogan para gañar unhas eleccións, e de ser senador por designación autonómica de 2022 a 2023, só para marchar da Galiza e irse para Madrid, Feixoo pasou, directamente, a renegar do galego. Fíxoo de maneira explícita, sen arrubiarse, ao rexeitar o uso do idioma propio do país do que comeu nos debates e nas iniciativas do Congreso.

 

xoves, 6 de xullo de 2023

Existe un problema lingüístico?


 por María Obelleiro no Nós Diario:

Si, na Galiza existe un problema lingüístico. Un problema lingüístico que é de carácter político e que leva a que se nos negue o dereito a vivir en galego, a que se perdan falantes no idioma propio e a que entidades de carácter ultraespañolista teñan vía libre para faceren apoloxía do odio e para apelaren a incumprir a lexislación vixente. Existe un problema lingüístico, gordo, aínda que nos últimos tempos ficara nunha marxe da axenda política. Non hai máis que ser conscientes da imposibilidade práctica de empregar con normalidade o idioma propio na meirande parte dos ámbitos.

 

xoves, 25 de maio de 2023

En galego sempre


por María Obelleiro en Nós Diario:

 

É 18 de maio e grazas a todas e todos vós, que apoiades mediante as subscricións ou a compra Nós Diario, o galego continúa vivo na portada dun diario en papel. Nesta redacción non nos limitamos a escribir reportaxes sobre "verbas riquiñas na lingua galega" con motivo do Día das Letras Galegas. Non só escribimos "morriña", "vagalume" e "orballo" en galego. Escribimos todas as palabras, pois para nós o idioma propio é a razón de ser.

 

domingo, 21 de maio de 2023

As letras galegas


por María Obelleiro no Nós Diario: 

O 17 de maio de 1963, hai case 60 anos, botaba a andar a conmemoración do Día das Letras Galegas. Unha xornada de reivindicación da lingua e das letras galegas no contexto do franquismo, réxime hostil á pluralidade e diversidade lingüística e que afondou no proceso de imposición do español na Galiza, iniciado -como ben estudou Carlos Callón- coa monarquía dos Reis Católicos a comezos do século XV. Esa substitución do español polo galego adoptou novas formas a partir do século XIX, como parte do proxecto de conformación da identidade española.

 

xoves, 24 de febreiro de 2022

Promover o español


por María Obelleiro, no Nós Diario:

 Máis un agravio comparativo para engadir á longa listaxe de desprezos aos que o Goberno de Feixoo somete o idioma propio da Galiza. Nesta ocasión, ten a ver coa liña das axudas á compra de fondos para bibliotecas públicas, pois a Consellaría de Cultura suprimiu a porcentaxe mínima esixida para adquirir obras en galego. Así, en 2021, estabelecíase un mínimo dun 25% para comprar fondos editados en galego, mais en 2022 nada se di desta porcentaxe, mais advírtese de que, como mínimo, 50% do importe da subvención concedida destinarase a obras editadas en castelán. Engade que o 50% restante pode dedicarse a obras editadas tanto en galego como en castelán.

venres, 7 de maio de 2021

Inimigos do galego


por María Obelleiro en Nós Diario:

Martxelo, Vicent, ollade o triste panorama que sufrimos co idioma propio da Galiza. Segundo os datos recollidos nun informe presentado pola Real Academia Galega (RAG) esta semana, o alumnado galegofalante ten un dominio similar do galego e do español. Porén o 35% dos estudantes castelanfalantes presentan unha escasa competencia en galego. O relatorio sinala que case o 44% dos perto de 600 estudantes da ESO participantes na enquisa teñen o galego e o español como lingua inicial; o 36,1% o español e o 18,1% o galego. O 70% responde que fala única ou preferentemente español. Aí quedan uns números que confirman investigacións anteriores, como a do Instituto Galego de Estatística, dependente do Goberno galego, que advirte de que 24% das persoas menores de 15 anos non falan nin escriben na lingua propia da Galiza.

 

mércores, 5 de maio de 2021

Incompetentes


Editorial de Nós Diario a cargo de María Obelleiro:

A Real Academia Galega presentou onte os resultados do proxecto de avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. Un estudo que volve demostrar o obvio: as mozas e mozos galegofalantes son bilingües, ao teren competencia en ambas as linguas, mais as castelanfalantes non o son, pois carecen dunha competencia aceptábel no idioma propio da Galiza. Da análise tamén chama a atención o feito de que o alumnado que estuda en centros de titularidade privada teñan un dominio bastante máis deficiente en galego que en castelán.

sábado, 17 de abril de 2021

Herdeiros de Nebrija


por María Obelleiro en Nós Diario:


Un recente informe do Consello de Europa vén de evidenciar a continua perda de galegofalantes entre as franxas máis novas da sociedade, até o punto de que só 23,9% das e dos menores de 15 anos son capaces de expresarse na lingua propia da Galiza. A situación tórnase máis preocupante nos grandes núcleos urbanos, onde se concentra o groso da poboación de menos idade, con cifras residuais de persoas que falan galego. Eis os efectos do Decreto de Plurilingüismo, aprobado por Feixoo tras chegar á presidencia da Goberno galego. Unha normativa, Martxelo e Vicent, que, ao contrario do que acontece en Euskal Herria e Catalunya, exclúe o galego de determinadas materias escolares como as matemáticas, a física, as ciencias e a tecnoloxía.

 

sábado, 28 de novembro de 2020

Se aínda somos galegas...


por María Obelleiro, en Nós Diario:

 

A discriminación das linguas das nacións sen Estado en relación co español fai parte da mesma natureza do réxime político institucionalizado após a morte de Franco. Os lexisladores de 1978 non dubidaron en estabelecer un status diferente para cada un dos idiomas, fixando na literalidade da norma constitucional un trato asimétrico para eles que o Tribunal Constitucional foi interpretando ao longo do tempo nun sentido favorábel ao español. En 1986 este órgano non dubidou en dar a razón ao delegado do Goberno do PSOE na Galiza e presidente da Real Academia Galega, Domingo García-Sabell, negando a obrigatoriedade do deber de coñecer o galego.

domingo, 20 de febreiro de 2011

Ese mozo fala galego, dame un "subidón"...

por María Obelleiro Ermida, en Terra e Tempo:


gallego?", "Pierdes al abrir la boca", "Trabajas en Normalización?", "Pfff... Eres del Bloque fijo", "Resultarías más interesante si hablases castellano", "A mí háblame castellano que el gallego no lo entiendo"... Estaredes preguntándovos que son esta manchea de estupideces que veño de escribir. Pois trátase dalgúns comentarios que tiven que oír da boca dalgún home. Non é estraño que nos aconteza as mozos e os mozas que falamos galego. Lembro a vez primeira que recibín semellante resposta, foi nun pub de Vigo unha noite. Fiquei tan abraiada como agradecida de non tratar habitualmente con xente tan desprezábel. As demais ocasións ocorreron noutros pubs, nun restaurante e no vagón dun tren camiño de Arcade e todas as veces os meus interlocutores recibiron a mesma explicación, acompañada dun amplo sorriso: "o galego é a miña lingua e por iso a falo. Independentemente de que teña capacidade para responderche noutros idiomas, vou seguir falando galego".

Traio aquí estas anécdotas despois de ver un vídeo que me fixo reflexionar sobre a cuestión lingüística esta semana. Moitos dos lectores e lectoras saberán a que vídeo me estou a referir: a conversa tan espallada pola internet entre dúas concursantes do reality Gran Hermano. Non vexo ese programa, mais grazas ao Facebook decateime do arrepiante, mais desgrazadamente frecuente, diálogo entre dúas mozas, un diálogo ateigado de prexuízos e fobia contra o noso idioma. A rapaza galega explica que sabe a nosa lingua, mais non a fala porque "no sé hablar el gallego de la Real Academia y para hablarlo mal, no lo hablo". Tamén alude ao "gallego bruto", que segundo ela, é o da gheada e o seseo. Ademais de rexeitar o noso acento, di que en Galiza "muy poquita gente habla gallego, y cada vez va a ser menos, aunque cada vez hay más sentimiento nacionalista, yo cada vez veo más jóvenes de ciudades que es la de sabemos hablar el castellano, pero vamos a hablar gallego". Máis prexuízos... "los muy nacionalistas, de por cojones! Por nacionalismo exaltado... si, pero que son muy pocos"... Marta criminaliza con este comentario as persoas que falamos galego coa mesma linguaxe que empregan os medios de comunicación de masas, a linguaxe dos que nos detestan os nacionalistas.

Sei que Gran Hermano fica lonxe do exemplar. Eu mesma negueime a difundir o vídeo na rede nada máis ter coñecemento del, mais cómpre ter en conta que, por desgraza, este programa é unha realidade que está aí e que nos serve para comprobarmos a actuación e vermos nel o reflexo dunha parte da nosa mocidade. E non esquezamos que este realityconta cun predicamento alto entre a xente nova. Quizais posúa máis capacidade de difusión que algúns creadores de opinión que se consideran intelectuais e escriben en xornais ou participan en tertulias nas radios ou nas televisións. A opinión que ten a concursante sobre o galego é tan preocupante como frecuente en parte dos mozos e mozas. É o sentimento do auto-odio, da fobia cara o propio, da negación, do desprezo pola nosa lingua e pola nosa identidade. Tamén é o sentimento da atracción polo madrileño, do emprego dos verbos compostos, do acento disfrazado de cidadán español.... E todo por acadar unha imaxe "máis fina", como eles e elas cren. Onte mesmo, un ex compañeiro de aulas respondeume aos parabéns polo seu aniversario cun agradecemento moi "urbano": "me ha hecho mucha ilusión tu felicitación".
Datos do uso das linguas na docencia na USC no presente curso 2010-2011
A "estrañeza" de falar na lingua de noso

Por desgraza, este sentimento transcende a pantalla da televisión. Calquera de nós pode comprobalo acotío nas rúas do país, nomeadamente nas cidades e nas vilas, aínda que nas poboacións de menor tamaño tamén comeza a agromar esa desnaturalización entre os máis novos e novas. Teño visto rapaces galegofalantes que se achegan a unha moza para facerlle as beiras e cambian ao castelán. E é que parte dos mozos e mozas de Galiza ven atrancada a súa liberdade para se expresaren con dignidade na nosa lingua. Hai a quen lle resulta "estraño" que falemos o idioma de noso. Non é a vez primeira que me recoñecen por ser "la que habla gallego". Aínda hai uns meses, nunha tenda da que era clienta habitual, e ao pedirlle á empregada un vestido que reservara por teléfono, ela contestou, "sí, te lo reservé yo, lo recuerdo porque eres la que hablas gallego". E, unha vez máis, sentinme estranxeira no meu país.

Máis que descualificar actitudes como a de Marta, a concursante de Gran Hermano, esta situación debe facernos reflexionar máis, porque Martas, por desgraza, hai milleiros no noso país e non podemos deixar que o auto-odio das Martas se espalle máis entre a xente nova, porque na xente nova está o futuro da nosa lingua. Cualificaría de "alarmante" o estado que padece o galego entre a mocidade. O pasado ano tiven a sorte de poder asistir de "observadora" a unha enriquecedora viaxe de adolescentes de Galiza ao Val do Ellas, mais sentín certa vergoña cos nosos estudantes, que eran recibidos con certa estupefacción polos seus compañeiros de Valverde, As Ellas e San Martiño de Trebello ao comprobaren que o alumnado galego se comunicaba en español mentres os anfitrións empregaban a "fala" entre eles. Eis a nosa triste realidade, mais non podemos resignarnos.

Remato este artigo, sen dúbida o "máis persoal" dos que levo publicado no Terra e Tempo, explicando a entrada e o titular que elixín. E é que a xa famosa Marta á que me referín tamén aseguraba nesa conversa do concurso que os rapaces e rapazas teñen que falar en castelán se queren ter éxito cando lle fan ás beiras a alguén. "Si un chico me gusta y me habla gallego me da un bajón", admite Marta. Como apuntaba no título, a min non me dá un "baixón" cando un mozo que me fai as beiras me fala galego, todo o contrario, sinalaría que me dá "certo subidón". Dicía que hai moitas Martas en Galiza, mais tamén hai moitos Hadriáns, Xabieres, Henriques, Bieitos, Marcos, Gonzalos, Xoáns... que convidan as mozas a cear en galego. E moitas Irias, Verónicas, Susanas, Pilis, Sandras, Nurias, Beléns... que convidan os mozos a algún chupiño de licor café. A marxe de ceas ou chupiños conclúo advertindo de que temos que seguir loitando para que se cumpra a xa de por si escasa lexislación en materia lingüística. Temos que promover e difundir nós sen complexos a nosa lingua, nomeadamente cando contamos cun (des)goberno da Xunta de Galiza que se afana en atacar os nosos sinais de identidade.