Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Pontevedra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pontevedra. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de novembro de 2024

Só falta a lingua galega

 


Hai un ano o Diario Nós estaba entregando os colecionables da serie coordinada por Héitor Picallo, "30 castelos e torres para construír un reino". Alí atoparemos 30 pedras para cimentar a nosa historia. Actuando en sentido completamente contrario, a Deputación de Pontevedra, dirixida por membros do PP, fan a promoción do Castelo de Soutomaior actuando a un tempo contra a lingua de noso. O lema da campaña é moi acaído, "Sólo faltas tú". Efectivamente só falta a lingua galega.

luns, 29 de abril de 2024

O galego e o tempo do inconsciente

NA XL edición das xornadas da Aula Castelao de Filosofía, celebrada en Pontevedra entre o 1/04/24 e o 5/04/24 tivemos a oportunidade de escoitar as reflexións de Carlos Callón nunha conferencia titulada "O galego e o tempo do inconsciente"

mércores, 3 de maio de 2023

O trauma franquista e a memoria da lingua

No vídeo podemos achegarnos a algunhas ás ideas que tranmitiu Carlos Callón na súa participación das IV Xornadas Contra a Impunidade Franquista que se celebraron os días 11 e 12 de novembro do 2022.

sábado, 26 de marzo de 2022

Uns Bocados que abren o apetito

 

Foto da Libraría Paz

O pasado 23 de febreiro presentouse na Libraría Paz de Pontevedra o libro Bocados matemáticos (Xerais 2022), de Paulo González Ogando. Así foi como puiden desvirtualizar ao autor. Achei unha persoa que me dou a impresión de ser moi sistemática e ordenada e á que lle gustan os libros de divulgación das matemáticas. Todas estas cualidades son puntais fundamentais para un autor desa clase de libros.

O primeiro en intervir na presentación foi Fran Alonso, moi preocupado polos resultados dos informes da lectura, especialmente da lectura en galego. Só un 4% da poboación le na nosa lingua, todo un síntoma dun enorme problema que non recibe nin a atención nin as solucións que precisa. Fran Alonso enmarcou os Bocados matemáticos baixo dous parámetros. En primeiro lugar identificouno como pertencente á tradición anglosaxona da divulgación. En segundo lugar, é un volume máis da colección Básicos de ciencia, unha colección que todos aos que nos gusta a divulgación agradecemos infititamente e que certifica que a editorial é fiel á súas orixes. O director de Xerais lembrounos que o primeiro libro da editorial foi un libro de texto de matemáticas de 1º de BUP, o do colectivo Vacaloura. Un libro, que baixo a lexisación actual estaría prohibido publicar por ser un libro de texto de matemáticas en galego. Con esta intervención, Fran Alonso pisou o que tiña preparado eu, con todo, aproveitei para lembrar que o libro do colectivo Vacaloura publicouse a comezos do curso do ano 1979. Uns poucos meses antes publícase o "Decreto do bilingüismo", que segundo a propaganda oficial do momento era o da incorporación da lingua galega ao sistema educativo. Na realidade, se un profesor quería impartir aulas en galego, debía pedir permiso á dirección, ao claustro de profesores, aos pais do alumnado e, de ter o permiso de todos eles, podería elaborar un informe solicitando ao Ministerio de Educación a aprobación do uso da lingua galega na docencia. Para o castelán non había ningún requisito: iso era o bilingüismo. Co soporte dese decreto non se impartiu nin unha hora en galego; pola contra, serviu para fustigar a represión do uso da lingua no ensino. Basta lembrar os casos de Alfonso Castro no colexio do Foxo, na Estrada ou o de Pepa Bahamonde en Rois.

O decreto do bilingüismo do século XXI chámase "decreto de plurilingüismo". Era imprescindible falar del na presentación deste libro, aínda con máis razón se sabemos que nas primeiras páxinas faise referencia ao mesmo:

[este libro] Foi escrito nun tempo en que a materia de Matemáticas na Educación Secundaria Obrigatoria se debe impartir obrigatoriamente en castelán, o cal contribuiu notablemente a ocultarlle ao alumnado o vocabulario específico en galego e a minimizar nesta nosa lingua tanto a expresión oral das matemáticas como a produción escrita de material, tanto didáctico coma tamén divulgtivo. [o subliñado é meu]

Fálase de minimizar. Respecto aos libros de texto foise máis alá: aniquilación completa da lingua galega. Fálase de ocultar. Un verbo terrible cando estamos tratando de educación. A ocultación implica descoñecemento. O descoñecemento leva ao desleixo, ao desprezo e incluso ao dodio á lingua. Todo iso é o decreto 79/2010. 

Tamén se fala de divulgación científica. A este respecto, cal é o panorama? Cantos libros de divulgación das matemáticas en galego se publicaron no século XXI?. Como non son moitos, vou citalos todos:

Podémolo poñer nun gráfico:

Parece un número escrito en binario


Para entender mellor a situación, comparémolo co caso do castelán. Cantos libros divulgativos de matemáticas se publicaron neste século en castelán?. Isto non é fácil de responder. Por sorte hai un portal, Divulgamat,  que fai recensión de moitos deles. Se o consultamos veremos que no mesmo período teñen un rexistro dun 985 (coa data desta entrada). Isto significa que seguro que hai máis de 1000. A poboación española é unhas 17 veces a galega. 1000 dividido entre 17 dá aproximadamente 60. Para falarmos dunha situación parella (de bilingüismo?) terían que terse publicado 60 libros de divulgación das matemáticas durante este século. Publicáronse 6. Xa temos unha cifra redonda que nos aclara que vivimos 10 veces por debaixo das nosas necesidades. Esa é a a medida da exclusión do galego no ámbito da divulgación das matemáticas.

Centrémonos agora algo nos Bocados matemáticos. Non vou facer spoiler, pero si dar trazas dos sabores que nos deixan eses petiscos, pois tal e como explicou Paulo, trátase dunha colección de 36 relatos independentes sobre curiosidades matemáticas que lle interesaron. Ao seren independentes podémolas ler en calquera orde. 
Nun dos capítulos contrapóñense as matemáticas centradas nos algoritmos fronte a outras máis profundas, asentadas nos por que, nas ideas, as razóns. Por exemplo, todos sabemos que non se pode dividir por 0, pero por que? Se facemos memoria da época escolar recordaremos que $a^{0}=1$, pero cal é a razón? Velaquí onde residen as matemáticas fermosas, nesta indagación.
Outro lugar onde esperariamos achar beleza matemática sería na xeometría. No libro hai un capítulo adicado a ela, pero non se falará dunha xeometría con listados de fórmulas de áreas, perímetros ou volumes. Falarase, por exemplo da forma dos folios como os DIN A3 ou A4. Por que esa esa proporción entre os lados e non outra? A seguinte figura suxírenos algunha resposta
Un dos problemas a afrontar para achegar as matemáticas á xente é o da utilidade. Cando se presenta un tema de carácter matemático é habitual escoitar a acusación de que non serve para nada: "cando vou eu usar un espazo vectorial?, se vou á compra non necesito polinomios.... " Fronte a isto, podemos retrucar co xa tratado asunto do tamaño das follas de papel da norma DIN, ou incluso co contido dun capítulo completo dos Bocados adicado ás chamadas matemáticas do reloxo, a aritmética modular que trata os segredos do NIF, o IBAN, o ISBN ou os sistemas de encriptación.
O propio Paulo repasaría os aspectos máis importantes de moitos dos bocados do seu libro. Tamén comentaría que todo comezara da lectura doutros libros divulgativos, dos que foi tomando notas para uso persoal. Só cando tivo unha boa cantidade acumulada decidiu dar o paso de expurgar, organizar e reelaborar o que acabaría sendo o contido dos Bocados matemáticos.

Para finalizar non resisto comentar unha impresión persoal que me asaltou cando lin o libro. Un dos capítulos está adicado aos paradoxos. Alegroume moito esta escolla porque o primeiro libro de divulgación científica que lin foi precisamente ¡Ajá! Paradojas que hacen pensar, de Martin Gardner nesa marabillosa edición de Labor do ano 1983. E por que paradoxos? Unha das características máis ligadas á esencia das matemáticas é o ben construídas que están. Na matemática todo funciona de forma excepcionalmente coherente. É o que en lóxica se chama consistencia. Ata onde Gödel nos permite, as matemáticas conforman unha excepcional maquinaria perfectamente engraxada, sen contradicións. Por iso mostrar un paradoxo dentro do ámbito das matemáticas chama moito máis a atención que en calquera outro campo. Os paradoxos matemáticos enganchan porque sentimos unha necesidade perentoria de desfacernos deles. Aí reside o acerto de Paulo en escoller este tema como o fío condutor dun dos capítulos dos Bocados
Ademais das miñas teimas, comentei catro aspectos dun libro que agardo lle abran o apetito a quen pase os ollos por estas liñas. O bo é que quen lea o libro non vai empachar, quedará con gañas de máis bocados de matemáticas. 

xoves, 29 de novembro de 2018

A lingua galega en viñetas

Estes dous últimos anos tiveron moito éxito os calendarios publicados poloa Área de Normalización da Universiade de Vigo, o de 2017 da autoría de Luís Davila e o do 2018 debuxado por Kiko da Silva. Seguindo esta mesma liña,  o ENDL do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) fixo unha escolma de viñetas que tratan o tema da lingua. Todas estas achegas son fontes inestimables para a reflexión sobre a situación social do galego.




sábado, 20 de outubro de 2018

Una lingua de premio




A Deputación de Pontevedra presenta nesta peza audiovisual os certames literarios que convocan os concellos da provincia. Unha iniciativa para visibilizar tanto premios como os concellos que os convocan.

mércores, 9 de maio de 2018

Mª Victoria Moreno, galega por amor


O concello de Pontevedra regálanos este documental sobre María Victoria Moreno, a profesora e escritora protagonista do Días da Letras deste ano. 
É sabido que todos os anos os actor oficiais celébranse na patria do autor. Aínda que orixinaria dunha pequena vila de Cáceres Mª Victoria Moreno acabou escollendo Pontevedra como a súa patria. Agora o concello págalle este acto de amor á terra con este coidado documental. Trátase dunha peza de alto valor didáctico e que pode significar un reto para os concellos das vindeiras edicións das Letras Galegas. Mil parabéns a un concello que ten na súa carteira unha chea de iniciativas normalizadoras, nada que ver coa triste etapa da alcaldía de Juan Luís Pedrosa, que foi a que me tocou vivir como veciño desa, agora sí, luminosa cidade.
Unha das leccións que nos deben quedar na memoria para sempre é a da represión lingüística nas carnes de Mª Victoria Moreno. Por impartir cursos de galego, non remunerados, foille denegado o pasaporte.
No documental participan unha boa cantidade de coñecedores, amigos e familiares de Mª Victoria Moreno: Xesús Alonso Montero (académico e amigo),  Luís Bará (concelleiro e compañeiro), Manuel Bragado (editor), Fina Casalderrey (académica, escritora e amiga), David Castro (director do IES Torrente Ballester), Francisco Castro (escritor e editor),  Pedro Ferriol (viúvo), Rosa María Gómez Cuerpo, Manuel González Fernández e Manuel Seijas Marinero (amigos), Begoña Llacer Moreno (filla), Eli Ríos (escritora), Francisco Xavier Senín Fernández (escritor, tradutor e amigo),  Magariña Valderrama Curás e Pilar Álvarez (libraría Xuntanza), Mariló Valiño (compañeira no IES Torrente Ballester e amiga), Luz Gallego (librería Seijas).
Pois iso, hai que velo, e usalo.


mércores, 5 de abril de 2017

A educación en galego. Reflexións desde o IES Sánchez Cantón



Alba e Inés son dúas youtubeiras pontevedresas, que desde o ENDL do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) queren compartir reflexións sobre o uso e situación da lingua galega.

luns, 31 de outubro de 2016

Coñécesme?

Orixe da imaxe
Cando visitei Pontevedra este pasado venres comencei a ver uns enormes retratos por todas partes. En total colocaron 104 nunha excelente campaña de promoción do comercio local.
En cada cartel podemos ver a un (ou varios) comerciantes que nos atenden nos locais da cidade. Visibilízase así un comercio próximo e destácase a fiabilidade desa persoa que leva o negocio fronte á frialdade das grandes áreas comerciais e das multinacionais. Éstas non teñen cara.
A campaña dá no albo.
Pero aquí quería destacar outra virtude máis da campaña Coñécesme?: ten a virtude de pasar desapercibida. Si, é unha virtude que ao vela non non decatemos que nos están enviando esta mensaxe de confianza en galego; e isto faise nunha actividade promocional dun sector tan desgaleguizado como é a do comercio das cidades.
Por se isto non fose suficiente, as fotos, de Miguel Vidal, merecerían por sí mesmas unha visita. A exposición permanecerá colgada ata o mes de xaneiro. Non desaprovietedes a oportunidade.

Máis
E ti, coñécesme? Pontevedra Viva
Pontevedra. Capital Shoping [web]


luns, 4 de xullo de 2016

A mocidade fala da lingua: Pontedeume, Neda, Moeche, Muros, Lalín, Fisterra e Pontevedra

Rematabamos o pasado mes cunha referencia ao programa Rabela, de Nós TV, adicado á reflexión sobre a situación actual da lingua galega. Os mantedores da canle de You Tube desta televisión tiveron a boa idea de colgar os vídeos nos que entrevistaran á rapazada de Pontedeume, Neda, Moeche, Muros, Lalín, Fisterra e Pontevedra. Unha alfaia para teren en conta os ENDL.




















martes, 12 de maio de 2015

O abecedario



Magín Blanco ponlle voz e música a este proxecto posto en marcha pola Mesa e o Concello de Pontevedra. Fermosa iniciativa que só é a primeira dunha colección de 20 obras que estas dúas entidades poñerán á nosa dispoisción para a transmisión interxeneracional da nosa lingua.
'O tempo', 'As cores', ' O corpo' ou 'A roupa ' serán agunhas das outras obras desta colección que se irá editando coa colaboración de ilustradores galegos como Mariña Seoane, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Jacobo Fernández, Carlos Silvar, David Pintor, Manel Cráneo e Miguel Porto. Polo momento, a gozar con esta iniciativa da que moito ten que aprender a SXPL e que se suma á canción e vídeo para a celebración de aniversarios que A Mesa elaborou en colaboración co Concello de Carballo. Parece que as iniciativas dos concellos que máis e mellor conducen a normalización veñen de fóra do fracasado invento da Rede de Dinamización Lingüística.
Un moi bo exercicio para facer cos cativos é ir pasando as follas deste libro ao tempo que escoitamos a canción do abdecedario:

venres, 13 de marzo de 2015

Ponte a Europa con Ilari, Scott e Nikesh

Ponte a Europa é un proxecto promovido por un Servizo de Normalización, o do Concello de Pontevedra, ao que lle hai que dar os parabéns por levar a cabo non só ista, senón toda unha serie de iniciativas orixinais e realmente comprometidas coa lingua galega.
Ponte a Europa consiste nun intercambio cultural entre Pontevedra, Sardiñeiro e outros puntos de Europa a través dunha plataforma virtual con formato blog.  En Galicia, os tres colexios participantes de Xeve, Campañó e Lérez. O fío condutor serán videos e recursos relacionados cos lugares e as persoas que colaboran no proxecto: Lucija e Matea dende Zadar, en Croacia, Isaac dende dende Sheffiel, Robert dende Birmingham, Suliman dende Berlín, en Alemania, Kasia dende Varsovia, en Polonia, Scott dende Oxford en Inglaterra, Nikesh dende Cork, en Irlanda, Ilari dende Helsinki, en Finlandia. Precisamente destes tres últimos xa hai aportacións ao proxecto. Velaquí o que nos contan:



Ilari Lahtela é estudante de ciencias da educación e galego. Fala finés, inglés e, tal e como podedes comprobar no víedo tamén un pouco de portugués e galego. Precisamente o seu achegamento ao galego foi da man do portugués.



Scott estuda español, francés e galego na Universidade de Oxford. Tamén fala chinés e búlgaro. Visitou Santiago o ano pasado e gústalle moito andar de tapas cos amigos.



Niki é de ascendencia indo-irlandesa. Vive en Cork e fala inglés, espanol, francés e agora un pouquiño de galego. Quer vir vivir a Santiago cando remate a Universidade.

Todo un exemplo é o que nos transmiten estes mozos europeos que están facendo o esforzo de aprender a nosa lingua. Mágoa que aquí continúe a haber moita xente que renegue dela; xente que ten moito que aprender destes rapaces que para sentírense verdadeiramente europeos quixeron aprender a falar en galego.
Cómpre vixiar de cerca o proxecto porque promete moitas máis alegrías, como as que nos dá Palmira e da que non comento nada, porque calquera fin de semana é boa para achegarse a Sardiñeiro, uns poucos quilómetros máis alá de Corcubión, tirando cara Fisterra.

Nova vía CGENDL

sábado, 7 de febreiro de 2015

En pé



Velaquí os mozos do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) espallando polo aire os versos dun poeta que merecería máis recoñecementos, Ramón Cabanillas.
Nesta ocasión o poema elixido é  En pé, publicado na obra Da terra asoballada

xoves, 30 de outubro de 2014

Filgueira Valverde e as Letras Galegas

por Luís Bará no Sermos Galiza:


A posición do BNG de Pontevedra a respeito da elección de Xosé Filgueira Valverde foi desde o primeiro momento clara. Sen entrar a valorar os seus méritos culturais e intelectuais, que non se poden negar, consideramos que non era unha elección acaída para a celebración das letras galegas pola súa traxectoria política durante o franquismo, período no que asumiu multiples responsabilidades e ao longo dun período de tempo moi longo. A este respecto, non se pode esquecer que a Ditadura franquista foi unha época de persecución feroz do idioma, que ficou prohibido e marxinado en múltiples esferas da vida social, económica e cultural.

luns, 30 de xuño de 2014

Declaración da Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra pola preocupante situación do galego no ensino

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acorda dirixirse á Xunta de Galiza para esixir a volta ao consenso representado polo Plan Xeral de Normalización Lingüística e a adopción das medidas de promoción da Lingua Galega recollidas no devandito Plan Xeral. Vía A Mesa

30 de xuño de 2014.- Tras a reunión mantida a pasada semana entre o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, para abordar o resultado do último estudo presentado pola Mesa no que se concluía que só o 2,42% dos centros de infantil das cidades declaran impartiren marioritariamente aulas en galego e na que se anunciaba que A Mesa e o Concello de Pontevedra colaborarían de cara ao vindeiro curso escolar para tentar reverter a situación do ensino infantil na cidade, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou na mañá de hoxe a seguinte Declaración:

xoves, 5 de xuño de 2014

O cartafol do IES Sánchez Cantón

Peneirando pola arañeira da rede fun bater con esta publicación do ano pasado e que representan 20 anos de continuidade na elaboración dunha revista para a comunidade educativa do IES Sánchez Cantón (Pontevedra)



venres, 21 de marzo de 2014

Javier Gómez Noya. Premio Leixapren 2013



A CGENDL concedéralle o premio Leixaprén na súa edición do 2013 a Javier Gómez Noya, triatleta de prestixio mundial. Como a un iso do deporte lle queda moi lonxe, a cousa quedárame nos cavorcos da memoria. Mais pegándolle un repaso ao blogue do ENDL do CEIP Campolongo fun bater con esta entrevista que un traballador incansable do ensino pola lingua, Nito, lle fixo ao campión mundial. Para ser máis precisos, Nito é o portavoz do alumnado do CEIP, quen foi realmente quen redactou o cuestionario.
Un exemplo máis de que restrinxirlle funcións á lingua ten tanto sentido como andar batendo paus contra o vento.
Vía Ghafos

xoves, 23 de xaneiro de 2014

Microtoponimia vital



Un vídeo de Francisco Freire saído do laboratorio do Curso de vídeos da CTNL sobre os topónimos do concello de Pontevedra.
Tirando do fío  deste vídeo fun bater co blogue Chamámonos así, un proxecto do SNL do Concello de Pontevedra de recollida e recuperación da toponimia dos seus lugares. O traballo realizado é enorme, para comprobalo basta con ir a esta ligazón e despois premer en Buscar, alí nos aparecerán centos de topónimos xeolocalizados.

venres, 29 de marzo de 2013

Proba en galego

Proba en galego é unha campaña da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para promover o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena empresa.
Este luns 26/03/2013 celebrouse a sinatura pública de trinta comercios locais do seu compromiso coa lingua. Trátase dun compromiso en tres fases no que participarán locales tales como a Libraría Paz ou Ernesto Filgueira, onde comprei o meu paraugas ao que, non haberá que explicar por que, lle din moito uso.

martes, 13 de marzo de 2012

Ponte.tv


Aquí hai debate en Ponte.tv
Este vídeo é a mellor carta de presentación dun novo medio local que podemos consultar na arañeira da rede. Trátase de Ponte.tv, unha televisión que ofrece reportaxes sobre a cidade de Pontevedra.
Sábado 11 de febreiro. Café Moderno de Pontevedra. O IES de Ponte Caldelas é o gañador do III certame de Club de Debate sobre o tema: "A democracia actual permite a participación cidadá?"
Con esta actividade, a Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario, busca dinamizar do uso da lingua galega mediante o traballo da fluidez comunicativa e o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade.
Vía CTNL