Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Filipe Díez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Filipe Díez. Amosar todas as publicacións

luns, 8 de xullo de 2013

Explicando-lhe a Víctor Freixanes por que eu som reintegracionista (I)

por Filipe Díez en Praza Pública:

Quero começar este artigo reiterando os parabéns que publicamente dei a Víctor Freixanes quando hai quatro semanas publicou, na sua coluna em LVG, o artigo Carta a Alonso Montero (para provocar um debate). Parabéns merecidos pola atitude humilde e autocrítica que mostra, ao se atrever a formular a pergunta essencial e ao fazê-lo sem qualquera retórica autojustificativa: “¿Cantas cousas fixemos mal (ou non fixemos ben) nestes trinta anos de democracia, autonomía e capacidade de decisión?”

sábado, 16 de febreiro de 2013

Carta aberta a Alberto Núñez Feijoo

por Filipe Díez en Praza Pública:

Prezado sr. Núñez Feijoo,
Escríbolle desde o máis profundo respecto polo Presidente do meu país, democraticamente electo pola cidadanía galega, mais tamén desde unha non menos fonda discrepancia a respecto da política lingüística que o Goberno galego veu practicando nos últimos anos. A rutura do consenso, a fractura institucional, o enfrontamento aberto con todos e cada un dos sectores da cultura galega e a instauración dun clima de conflito social no tocante á normalización da lingua propia do país conforman un panorama desolador e que urxe ser mudado.

martes, 15 de xaneiro de 2013

Anatomía dunha mentira (II) – Réplica a Ceferino de Blas

por Filipe Díez en Praza Pública:

Este artigo é unha resposta ao discurso plasmado por Ceferino de Blas (directivo e alma mater do Faro de Vigo) no seu artigo Mejor zarrapastroso que con traductores. En primeiro lugar, e antes de entrar na análise do texto de Ceferino de Blas e na réplica, desexo facer chegar a Xesús Vázquez e a Anxo Lorenzo unha proposta a respecto da Cidade da Cultura: non é outra que a creación, no monte Gaiás, dun Museo do Disparate. Poderíase considerar un xesto de autohomenaxe por parte de ambos, é ben certo, mais iso combina perfectamente coa propia xénese da Cidade da Cultura; e ademais, non deixa de responder a unha das características nacionais máis marcantes do noso país. Desde logo, no caso de tal petición ser atendida, propoño que o texto de Ceferino de Blas que me dispoño a comentar e rebater figure no frontispicio do novo museo, pois difícil será atopar outro capaz de contraer maior cantidade de méritos en menor espazo.
* * * * *

venres, 6 de xullo de 2012

Os inimigos do bilingüismo

por Filipe Díez en Praza Pública:

Nos comentarios ao meu anterior artigo en Praza Pública, Mauro Fernández aludía aos datos do IGE como xustificación do discurso da “imposición del gallego”, e iso levoume a revisitalos, con resultados que eu mesmo non previra. Ocorre que os datos poden ser vistos como fetiche (auto)xustificativo, como álibi inexpugnable ou como simple motivo para nos interrogarmos, con espírito de obxectividade mais sen pretensión de imparcialidade. Será neste último sentido que abordarei, nas liñas a seguir, os datos do IGE no tocante á evolución da presenza do galego e do español no ámbito escolar entre 2003 e 2008. Porén, antes debo deixar patentes dúas advertencias: a primeira, un oportuno recordatorio que ao fío deste asunto me facía hai uns días Xosé Luís Regueira canto ao carácter de datos manifestados, mais non comprobados, das estatísticas elaboradas no noso país a respecto das actitudes e dos usos lingüísticos; a segunda, da miña propia colleita, a total ausencia de mecanismos de seguimento e avaliación das medidas adoptadas, e isto vale tanto para o ensino como para o conxunto da política lingüística desenvolvida polas institucións autonómicas galegas.
Observación: para consultar as táboas cos datos do IGE, vai aquí.

luns, 25 de xuño de 2012

Pola lingua, cunha soa voz

por Filipe Díez, en Praza Pública:


Os antecedentes
6 de xuño: grazas ao bo oficio de David Lombao, redactor deste xornal, chega ao coñecemento da opinión pública a existencia dun escrito en que a Xunta admite que mentiu á mantenta cando falaba da «imposición del gallego» como coartada para as súas contrarreformas lexislativas en materia lingüística.
7 de xuño: Praza Pública divulga o documento no que a Consellaría de Educación admite literalmente que na altura de 2009 a "realidade da situación" era "moi desfavorable para a lingua propia".
14 de xuño: en comparecencia no Parlamento Galego, o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirma o contido do escrito divulgado unha semana antes e vai máis alá ao asegurar que a situación de desvantaxe da lingua galega no ensino "élle así dende que temos razón dos primeiros estudos estatísticos".

venres, 28 de outubro de 2011

Por un Depor en galego

Os que me coñezan saberán que a min o único que me pode interesar do fútbol é a esfericidade do balón... e as baixas cotas de normalización que farían que sobre todo os equipos galegos máis importantes merecesen, neste ámbito,  o descenso ás categorías máis baixas das que en tempos lle chamaban rexionais.  Por iso é aínda mellor recibida esta iniciativa, xestada en GalegoLab, e da que deixo aquí a pegatina que me chegou vía Filipe Díez.
"Por un Depor en 1ª e en galego"

sábado, 9 de xullo de 2011

Un blogue de compromiso co galego

Vivir o galego, vivir en galego é un blogue creado por Filipe Díez  que nos ofrece a posibilidade de asinar un compromiso pola lingua en 10 puntos. Segundo o seu creador preténdese visibilizar a existencia dun grupo que se compromete coa lingua o suficientemente importante que 'queremos ter voz pública, no ámbito da comunicación pero tamén no da economía, o comercio, a publicidade... E estamos dispostos a tomar unha actitude individual e colectiva para conseguilo.'
Na ligazón pódese consultar o blogue, mais vou destacar un dos puntos que, aínda que redactado en negativo, ben podería ser unha do o que Descartes chamaba regras para dirección do espíritu.
Non consumir medios de comunicación que teñen unha liña editorial agresiva cara ao galego.

luns, 10 de xaneiro de 2011

O programa lingüístico de Feijóo

Unha nova achega de Filipe Díez, que nestes días anda inspirado. Desta vez, desde o blogue Cadernos de Comunicación e Análise:


Durante os dezaseis anos de gobernos Fraga, o PPdeG implantou unha política lingüística de baixa intensidade contra o galego: o eixo central desa política consistía en manter a posición secundaria do galego, mais sen promover agresións directas contra a lingua propia do país e mantendo unha aparencia de protección xurídica, aínda que carente de efectividade social e exenta de mecanismos de control canto ao seu cumprimento. Así, conxugáronse algúns avanzos simbólicos –como a restauración da toponimia e o monolingüismo da clase política– coa pasividade das autoridades perante o retroceso social da lingua galega e mesmo as discriminacións máis aberrantes contra os seus usuarios. Esa liña de acción, encamiñada a un declinio lento e doce do galego, compatible cunha exaltación folclórica e culturalista, permitiulle a Fraga tecer alianzas cunha parte do galeguismo cultural e dotar o PPdeG dun instrumento esencial para a súa identificación coa maioría social galega.
Feijoo, herdeiro e superador da política lingüística de Fraga
Hoxe, voltamos estar baixo un goberno do PPdeG, pero a situación é ben diferente, fundamentalmente por dous motivos: o avanzo do español como lingua hexemónica nas cidades galegas, coa creación dun corpo social monolingüe nese idioma; e o proxecto centralizador dun PP cada vez máis escorado cara a posicións autoritarias. Feijoo chegou co programa da FAES debaixo do brazo e disposto a dar unha nova volta de parafuso na cuestión da lingua, labor que comezou aínda na oposición ao goberno de coalición PSdeG/BNG, durante o cal o PPdeG deu marcha atrás despois de ter apoiado tanto o Decreto 124/2007 –que aumentaba a porcentaxe mínima de presenza do galego no ensino– como o pacto por un novo Estatuto. Seguindo as ordes do PP central e centralista, Feijoo recuou en ambos asuntos, iniciando unha sorte de cruzada que gañou unha intensidade insólita tras a súa vitoria electoral. Dous foron e son os eixos centrais da acción de goberno de Feijoo en materia lingüística: a primeira, derrogar as prescricións que esixían o coñecemento do galego para o acceso á función pública, deixando os cidadáns usuarios do galego sen garantías de seren atendidos e entendidos na súa lingua e deixando os opositores bilingües sen unha das vazas ao seu favor; a segunda, reducir a presenza do galego no ensino, aspecto no que profundizaremos máis adiante. Nun ambiente social en que todos os ámbitos de prestixio (comunicación, lecer, o comercio, xustiza, relixión...) mostran un abafante predominio do español, tirarlle ao galego a protección na administración pública e no sistema educativo equivale a abandonalo á súa propia sorte. Feijoo sabe diso e está determinado a seguir ese camiño até as últimas consecuencias, co obxectivo de poñer Galiza como exemplo do programa político recentralizador e negador da diversidade que o PP preconiza para o conxunto do Estado español e como antítese da maldade encarnada polos nacionalismos basco e catalán.
Porén, ao goberno de Feijoo saíronlle mal algúns cálculos: así, ao longo do seu primeiro ano de mandato, tivo que facer fronte a tres mobilizacións masivas contra a súa política lingüística e a unha contestación rotunda por parte de institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Consello Consultivo de Galicia, que lle reprocharon acedamente o contido e a forma de aprobación do Decreto 79/2010. No ano que agora comeza, os plans de Feijoo son nítidos, como se mostrou recentemente coa publicación do borrador dunha nova Lei de Convivencia e Participación no ensino: por un lado, manter e consolidar as agresións á lingua galega; por outro, darlle cobertura xurídica á ofensiva contra o galego no ensino, aprobando unha lei que encha o vacío legal no cal se desenvolveu a anterior etapa; e por último, utilizar a Secretaría Xeral de Política Lingüística como oficina de promoción do galego en ámbitos inocuos (folclorismo e culturalismo) e como gabinete de captación de vontades entre os sectores máis mornos do galeguismo.
O papel da FAES e de Galicia Bilingüe
O proxecto de Feijoo non ten nada de orixinal; polo contrario, está directamente inspirado nas directrices da ultraconservadora FAES presidida por José María Aznar, think tank que pola súa vez adopta os modos de actuar da extrema dereita norteamericana. O ariete social da penetración do discurso da FAES é o minúsculo pero influinte grupo Galicia Bilingüe, que a despeito do seu nome promove a segregación lingüística como modelo educativo e social.
Os pasos definidos pola FAES e publicitados por Galicia Bilingüe consisten en promover a castelanización do ensino coa coartada da liberdade de elección, como antesala do recoñecemento social da existencia de dúas comunidades lingüísticas diferenciadas dentro da sociedade galega. A idea consiste en obrigar a cidadanía galega a optar entre o monolingüismo en español e o monolingüismo en galego, nun xogo vantaxista habida conta do enorme desequilibrio de partida entre ambos idiomas.
Unión de forzas e papel da diáspora galega
Fronte a ese proxecto negador da convivencia, todos os galegos que amamos o noso país, a nosa lingua propia e os valores da liberdade, a xustiza, a igualdade, a tolerancia e a convivencia, debemos facer un frente común. É indispensable unha ampla unidade de acción, entre persoas e colectivos de ideoloxías e intereses diferentes, que permita poñer a defensa do galego e a súa recuperación à altura que merece: ou sexa, como unha necesidade social urxente. Se non actuarmos agora de maneira intelixente e decidida, dentro dunha xeración poderá ser demasiado tarde. A perda do galego suporía unha catástrofe non só lingüística, senón tamén cultural e económica, que debemos evitar en nome dun futuro mellor.
Nesa tarefa de recuperación da lingua galega, o papel da diáspora galega é esencial e hai moitos modos de implicarse nel: preservando a lingua no ámbito familiar, promovendo o coñecemento da realidade cultural da nosa terra, mantendo centros que exaltan a nosa historia e patrimonio, creando asociacións cívicas de defensa da lingua e da identidade galegas, colaborando cos colectivos que existen dentro de Galiza... En fin, mantendo e espallando a conciencia de sermos galegos e a riqueza do que nos foi legado, pois só quen é fiel ás súas raíces pode se proxectar no mundo. E diso sabe moito a nosa diáspora, que nos catro cantos do mundo dá a coñecer o nome de Galiza.

xoves, 6 de xaneiro de 2011

Anatomía de dúas mentiras

Primeira. O profesor Filipe Díez fa unha excelente análise no seu blogue Extramuros das mentiras da zunia. Deixo por aquí as mentiras, por se alguén quixera reflexionar sobre elas, e recomendo irdes ao post de Filipe para que vexades como desmonta todas as mentiras que gardan estas frases.



1.Os territorios non teñen lingua.
2. Os dereitos témolos as persoas, non os idiomas.
3.Os nenos van ao colexio para formarse, non para salvar linguas. A educación bilingüe debe ser voluntaria
4.Como mellor aprende un neno é na lingua materna.
5.Os topónimos cambian por unha cuestión de utilidade, necesidade ou vontade colectiva. Eses topónimos son un tesouro máis das nosas linguas, que non debería sernos furtado.
6.Debemos atribuírlles esa capacidade de amar a súa lingua ás persoas que teñen o español como a súa lingua propia en Galicia.
7.Os pais esperamos que aos nosos fillos lles ensinen no colexio aquelas palabras que non usamos na nosa vida diaria.
8.Os pais temos dereitos á elección da lingua na que son educados os nosos fillos.
9.O ensino produce un adoutrinamento nacionalista na escola: críticas á ditadura franquista e á “invasión” dos Reis Católicos, proposta de “galeguizar” o nome ou os apelidos que recibiron dos seus avós e de converterse en “neofalantes”.
10.A conservación das linguas diferentes do español está sendo monopolizada por sectores con grandes intereses económicos, por grupos de poder e mesmo por algúns fanáticos.
11.Que os cidadáns, sobre todo os nenos, poidan desfrutar dos dereitos que teñen as persoas que viven noutras democracias con máis dunha lingua oficial. Defensa dos dereitos civís fronte á defensa das linguas.


Segunda. A RAG vai debater sobre outra restra de mentiras que nos vindeiros meses aparecerán como a "Lei de Convivencia e Participación". Tal e comoentou o seu secretario, Luís Axeitos, "este tema que aparece na Lei de Convivencia das consultas, non é outra cousas que unha disposición máis que emana do decreto". De seguro que as conclusións serán tan ilustrativas como as que no seu día xa achegaran sobre as Bases do funesto decreto de plurilingüismo.