por Inma López Silva en La Voz de Galicia:
Cando hai 25 anos nos licenciamos en Filoloxía Galega, non pensabamos ser expertas nunha lingua morta. Daquela, Fraga falaba do bilingüismo harmónico para xustificar a súa despreocupación polo galego, unha pequena barbaridade que xa se desarmaba nos nosos flamantes apuntamentos. Daquela criamos que a destrución da lingua podía reverterse gañando a batalla do prestixio, e tiñamos as ferramentas: as oficinas de dinamización lingüística, unha lei de normalización, unha televisión pública e un sector cultural que cría que a nosa razón de ser como pobo radicaba na lingua galega. Pero só dúas décadas despois os datos apuntan que, nunha xeración, o galego desaparecerá.