A edición 2025 do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 tróuxonos a novidade dos shorts de You Tube. Os traballos gañadores teñen este formato. Este concurso organízao a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e ten como principal obxectivo promover o uso do galego nas matemáticas. Debemos gabar especialmente esta proposta nesta era na que a política lingüicida do PP prohibe o ensino desta materia en galego. Velaquí os vídeos premiados.
Antía Fernández Paulos, do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa) foi a gañadora da edición 2025 de Explícoche Matemáticas 2.0. Fíxoo con este short no que nos explica como aproximar $\pi$ mediante un experimento no que intervén o azar.
O segundo premio recibírono Adrián Arnoso Bermúdez, Manuel Díaz Sánchez, Saúl López Souto, alumnos do IES Isaac Díaz Pardo (Sada) cun audiovisual animado no que tratan o problema do carteiro chino
Nós TV entrevista a Manuel Núñez Singala, director do SNL da USC. Entre outras cousas ofrece unha sentencia que, polo menos, é polémica: "a normalización lingüística é, ao fin e ao cabo, unha cuestión persoal"
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC resolveu o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 da edición deste ano. Outra vez este concurso tráeme novas que me alegran inmensamente porque o traballo presentado desde o meu centro recibiu o 2º premio. As alumnas de 4º da ESO Alba Albarellos Pose, Noa Otero Calviño e Carla Prieto Loureiro do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), axudadas polos profesores María Paz e Emilio Villanueva tiveron a feliz idea de crear un vídeo musical co título "A trigonometría non é un tostón". Desde que vin o vídeo hai un par de meses, estaba agardando a que saíra a resolución do premio, tiña a certeza de que estas rapazas recibirían un recoñecemento.
O primeiro premio foi para o traballo de Julia Rama González co traballo "Por que a raíz cadrada de 2 é irracional?" no que, mediante o uso de recursos de animación desenvolve unha fermosa demostración da irracionalidade de $\sqrt{2}$ que publicara o portal Gaussianos o ano pasado, recollida á súa vez da canle de Michael Penn, quen dicía tela recollido dun artigo de Theodor Stermann (1902-1991) publicado no 1961. Parece ser que esta demostración "fascinou a moitos matemáticos". Paga a pena coñecela.
O último traballo premiado é o deste vídeo de Teo Calo Suárez, "As matemáticas de Google Maps e máis alá". Magníficamente editado, Teo explícanos algunhas das características máis interesantes dos grafos.
Os premios "Explícoche Matemáticas 2.0" [ver en Retallos Webl] unha exitosa iniciativa da CNL da Facultade de Matemáticas da USC, tiveron a súa primeira edición no 2012. Desde aquela, e coa salvedade do ano 2020 (o da pandemia COVID) veñen outorgándose todos os anos polo que esta é a súa 12ª edición.
Entrevista de Yolanda Castaño a Ramón Lorenzo, dentro dunha serie de entrevistas a membros da RAG.
Ramón Lorenzo lembra o capítulo de cando se permitira examinar de catalán e o vasco na selectividade pero non de galego. Solicitoulle ao rector a introdución da lingua galega na selectividade pero este respondeulle que: "si aún fuese el inglés! Pero el gallego...". Daquela Ramón Lorenzo dirixiuse ao profesorado de secundaria, que tamén se posicionou en contra. Finalmente presionou ao conselleiro de educación do momento ameazando con armar un escándalo se continuaba prohibíndose o exame de lingua na selectividade.
"Se nós tivésemos un goberno que defendese que a lingua de Galicia é o galego, ... co que estudásemos castelán como lingua secundaria,, pero non como primaria... pero a política lingüística que levaron estes gobernos foi apoio ao castelán e en contra do galego" (min 22:07)
Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Lorenzo é un dos maiores especialistas no galego medieval e as súas transformacións ao longo da historia deica se converter nunha lingua de seu. As súas obras 'Traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla', 'Crónica Troiana' e 'Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices' contribuíron a iluminar e comprender a situación do galego na Idade Media e as súas diferentes etapas evolutivas. Participou, así mesmo, na creación e promoción de entidades clave na consolidación do galego moderno, nomeadamente o Instituto da Lingua Galega (ILG-USC).
Este vídeo de Diego Luís Ojea, alumno do IES Pintor Colmeiro (Silleda) foi o gañador do concurso Petiscos de ciencia convocado pola USC no que premian vídeos de ciencia en galego. Unha feliz coincidencia quixo que se o acto de entrega de premios fose precisamente no Día da Lingua Materna, tamén o día en que o PP veta o uso do galego no Senado. Non debe ser unha coincidencia pois tamén é o PP o que prohíbe o uso da lingua galega nas clases de ciencias, de aí que aínda sexa máis pertinente e necesaria a existencia deste concurso.
O segundo premio foi para Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín. Velaquí o tedes:
Carmen Castelo Monteagudo, Inés Prado Justo e Noa Salinas González do IES Isaac Díaz Pardo, titorizadas pola profesora Beatriz Máquez Villamarín, proclamáronse vencedoras do certame ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ cun vídeo de animación moi orixinal titulado ‘Cero e os infinitos’
O segundo galardón foi para Carla Dopazo Pavón, que amosou moita desenvoltura diante da cámara rexida por Santiago Vilas Subirán. Ambos son do IES Eusebio da Guarda e presentaron o vídeo ‘Teoría de grafos en 2 minutos’. A titora foi Beatriz Sixto Rodríguez
Dous terceiros premios
Un dos terceiros premios foi para Rocío Rodicio González polo vídeo que leva por título ‘Domingo Fontán’do Colexio Santa Teresa de Jesús (Ourense)
‘Teoría de grafos’, titorizado por Rosa Mª Álvarez Nogueiras, é o título do traballo de Lucía Yáñez Carrasco, Mónica Diz Rodríguez e Mª José Dosil Villavicencio, do IES Otero Pedrayo (Ourense)
Vémolo nós é un certame do SNL da USC que busca promover a través desta iniciativa a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica.
Na categoría de ‘Divulgación do Coñecemento’, impúxose o traballo de Alejandro Gómez Pazo titulado ‘Con: as dinámicas costeiras e cambio global’. ‘O cronómetro’ de Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín foi o traballo vencedor na categoría ‘Descubrindo a USC’. Finalmente, en ‘A utilidade do galego’, volveu gañar Alejandro Gómez Pazo co traballo ‘A costa galega en galego’.
Como observamos, unha vez máis, a sociedade galega vai nun sentido e a política lingüística da Xunta vén no contrario. Aquí temos o exemplo dun concurso que pula por abrir espazos en galego para a divulgación científica mentres nas consellarías manteñen a prohibición de impartir as clases de materias científicas en galego.
A cociñeira Lucía Freitas protagoniza a primeira entrega da serie de micropezas 'Superheroínas', producida pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela no marco do proxecto 'Novas voces para a lingua'.
A produción audiovisual realizouse no marco do proxecto Novas voces para a lingua, impulsado pola RAG e a USC stitucións para visibilizar e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles voz a novos creadores e creadoras. Nesta segunda tempada as protagonistas son a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a propia Lucía Freitas,
Acaban de darse a coñecer os proxectos premiados no II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística.
O primeiro premio foi para "Microextracción Dispersiva Líquido-Líquido", de Pamela Cabarcos Fernández e Iván Álvarez Freire.
"O futuro está no asombroso tesouro agochado nos refugallos!", de María Celeiro Montero, Aly Castillo Zamora e Laura Rubio Lareu, obtivo o segundo premio. Preséntase un traballo de aproveitamento do bagazo
"Química biolóxica ao rescate" foi o vídeo que levou o terceiro premio
"Petiscos de ciencia" é un concurso de vídeos de divulgación científica da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC que tivo a primeira convocatoria este ano.Trátase dun concurso semellante a "Explícoche matemáticas 2.0" da CNL da Facultade de Matemáticas.
O primeiro premio foi para este vídeo de Irene González Calvo e Raquel González Calvo, coordinadas por María José Mato Castro, do IES Adormideras (A Coruña)
O segundo premio foi para de Manuel Villaverde Framil, coordinado por Manuel Vázquez Mourazos, do IES Arcebispo Xelmirez I (Santiago de Compostela)
Continuación en 2022 da campaña da que xa déramos conta no seu día, "O galego ten razóns", organizada pola Comisión de Normalización Lingüística de Bioloxía.
O pasado luns a USC por medio da Facultade de Ciencias da Comunicación e a Xunta, por medio da SXPL, presentaron o portal Neofalantes
O portal conta con varias seccións sobre o mundo neofalante, sobre actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas predilectas da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Twitter.
Nun dos seus artigos dan 5 recomendacións para os primeiros momentos dun neofalante:
Escoller un plan
Expoñerse todo o posible ao galego
Bucar entornos amigos
Procurar alianzas nas redes sociais
Desfacerse dos prexuízos
Aquí vai esta entrada cos meus mellores desexos. Dun paleo-neofalante
O grupo CienciaNOSA da Universidade de Santiago de Compostela vén de presentar o primeiro MOOC (acrónimo en inglés de Massive Online Open Course) en lingua galega. Trátase dun curso aberto de química en liña a partir dun enfoque experimental, baseado principalmente en prácticas de laboratorio.
Todo o material do curso está en aberto a través do portal funil.gal. Hai un prazo ata o 20 de decembro para rexistrarse e cursar gratuitamente a primeira edición do curso, que se celebrará durante xaneiro e febreiro de 2022.
Lembramos que desde a propia páxina do proxecto funil, ou no propio You Tube, podemos ter acceso a unha ampla colección de vídeos sobre prácticas de química
"Explícoche matemáticas 2.0" chega á súa novena edición. Trátase dun concurso convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC no que se promove o galego como lingua de transmisión de coñecementos matemáticos fronte ao deostado decreto 79/2010 que prohíbe os materais didácticos na nosa lingua para materias de carácter científico no ensino non universitario.
Outra vez o concurso foi todo un éxito de participación pois recibiron un total de 60 propostas. O traballo que recibiu o primeiro premio consiste nun vídeo sobre Ada Lovelace, realizado por Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio (Cambre)
Dous foron os vídeos premiados cun accésit. Seguramente é casualidade, pero os dous tratan as progresións xeométricas. Son ‘Explícoche matemáticas cociñando e xogando’ de Aroa Blanco Guerreiro do IES Castro da Uz (As Pontes) e ‘Pódese chegar á lúa dobrando un papel?’ de Alba Casás Fuentes IES Manuel Murguía (Arteixo)
O xurado tamén outorgou mencións aos vídeos ‘As inecuacións’ de Andrea Freire Valiño do IES Pontepedriña (Santiago)e ‘Miúdo traxecto as matemáticas orientais: Bashkara II’ de Alexandre Lago Pereira e Pablo Savino Real do IES Mendiño (Redondela)
O traballo máis popular foi ‘Coñeces a banda de Möbius?’ de Hada Galán Lamas daEscola Waldorf Meniñeiros (Friol). A categoría B dedicada a alumnado universitario ficou deserta.
Pola miña banda eu tamén faría referencia a un vídeo do Colexio San José de Cluny (Santiago) por estar técnicamente moi ben realizado, "Os corpos de revolución"
Penso que tanto os organizadores como os premiados merecen os parabéns. O que boto en falta é un portal que recolla todas as edicións e premios outorgados, pero polo menos temos unha escolma dos vídeos de varias edicións na canle de Youtube da Facultade de Matemáticas. Á correspondente á edición 2021 pódese acceder desde aquí.
Coma sempre o aspecto negativo foi a presenza na persoa da subdirectora da Secretaría Xeral de Política Lingüística deste organismo na entrega de premios. Supoño que agardaba que a ela tamén lle darían un, o da hipocrisía. Teno ben gañado.
As actrices Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, integrantes da "Panadaría Teatro" xunto co actor Daniel Celester protagonizan o terceiro capítulo da serie 'Conseguiremos', a produción da Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela que abre o proxecto 'Novas voces para a lingua'.
O episodio, gravado no IES Eusebio da Guarda da Coruña, recorda a historia de amor de Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron nesta mesma cidade en 1901 pola igrexa. Unha reivindicación do desexo e da diversidade, tamén a lingüística.
Na única facultade de Medicina de Galicia, tan só o 1,2% da docencia é impartida en galego. Coa diglosia e a marxinación do galego dentro das aulas xorde o grupo de normalización lingüística “Medicina en galego”. Onde queda o noso dereito a estudar en galego nunha facultade pública galega? Por que non se ve como unha prioridade formar ás futuras médicas galegas na lingua que falarán a maior parte das súas pacientes?
A catástrofe da pandemia da COVID 19 obrigou a que a programación de conferencias presenciais, reservadas para o público da localidade, multiplicase un tipo de charlas paradoxalmente máis próximas, máis cara a cara e máis preparadas para poder ver en vídeo. Presento aquí a conferencia que M. Victoria Otero Espinar impartiu telemáticamente para o Ateneo de Santiago baixo o título "Matemáticas, linguas e outros asuntos"
Na conferencia explícanse varios modelos matemáticos que desenvolven a dinámica entre dúas linguas en conflito. Botei en falta unha perspectiva normalizadora. Fálase da morte de tal forma que parece natural e non se incide en que o declive dunha lingua vén dado pola implantación dunha política lingüística co obxectivo do asasinato lingüístico.
As matemáticas poden sintetizar a evolución lingüística nun territorio? O problema consiste en cuantificar a dinámica lingüística
Pártese das seguintes hipóteses: o uso da lingua aumenta cando aumenta o número de falantes e tamén cando aumenta o seu prestixio.
Establécese o cambio lingüístico dunha lingua X a outra lingua Y en función das hipóteses anteriores. A partir de aquí establécese unha ecuación diferencial
onde tanto s coma o resto dos parámetros, toma valores no intervalo [0,1] e mide o estatus da lingua X fronte a 1-s que nos daría o estatus da outra lingua. O parámetro a pondera a fracción de membros dun grupo para atraer novos falantes. Demostrouse que este parámetro a é prácticamente igual independentemente das linguas que estean en competición.O primeiro sumando representa os falantes de Y que cambian a X e o segundo o dos falantes de X que pasan a falar en Y.
Este modelo, publicado por Daniel M. Abrahams e Steven H. Strogatz en Nature no 2003 predice a morte dunha das linguas. O problema deste modelo é que considera linguas moi diferentes como o éuscaro e castelán e considera unha dinámica entre grupos estrictamente monolingües. Por iso introduciuse outro parámetro, k, que cuantifica a proximidade entre dúas linguas e tamén se introduce un grupo B de bilingües.
Este novo modelo, de Otero Espinar, Seoane, Nieto e Mira, axustouse para Galicia atendendo á evolución do galego e o castelán entre os anos 1875 a 1975. O seguinte paso consistiría en empregar este modelo para predecir a evolución da dinámica lingüística no futuro e establecer simulacións segundo cambien as condicións iniciais.
Partindo dunha alta similaridade entre galego e castelán: k=0.8 (o 1 sería a coincidencia), e dunha medida para o estatus do galego s=0.26 (versus un prestixio do castelán de 1-s=0.74) situariamonos onde está marcado o punto vermello. Como vemos está na zona verde, isto indica que as dúas linguas coexistirían pero cun claro declive do uso do galego. Como referencia, ao final do vídeo coméntase que os valores do éuscaro eran k=0,22 e s=0,4.
Este modelo de Otero Espinar et al é máis elaborado que o de Abrahams-Strogatz, pero desde o meu punto de vista ten aspectos cuestionables. Introdúcese mediante o parámetro k o concepto de "similaridade lingüística" pero isto pode ocultar un fenómeno cada vez máis presente en casos como o galego e o catalán. Resulta que a lingua minorizada, por ser semellante á dominante e tamén por esa minorización, vai recollendo como propias as estruturas da lingua A. Así temos un galego cada vez máis inzado de castelanismos, pero tamén, e isto é moito máis perigoso para a supervivencia da nosa lingua, a sintaxe galega está perdendo forza e converxendo cada vez máis cara a española. Neste sentido a similaridade entre linguas ten un efecto de dilución da lingua B que non vexo tratado neste modelo e que aceleraría a súa decadencia nun aspecto aínda máis preocupante que a da simple perda de falantes. Como se ve, hai campo para seguir elaborando modelos. O que teño claro é que en todos eles, unha perspectiva social normalizadora de defensa sen ataduras da lingua minorizada dará prediccións con perspectivas de crecemento e afianzamento da lingua ameazada nas condicións iniciais.
Pero, pódese medir a similitude entre linguas? Como se fai? Neste artigo do GCiencia divúlgase o traballo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e, entre outras cousas coméntase un estudo de Xulio Sousa no que se mide mediante un índice a proximidade da fala de cada lugar co estándar. Entre outras cousas desmóntase o mito da enorme diferenza entre o galego falado e o normativo. Este tipo de estudos dialectolóxicos inclúen mapas tan fermososos como o seguinte, elaborado con diagramas de Voronoi ,como o deste chío do ILG sobre a denominación do derradeiro día do ano
Día tras día, chegamos hoxe ao 31 de decembro, o último día do ano. Despedímonos do 2018 e desexámosvos o mellor para o 2019! pic.twitter.com/xUo4o0Zg1t
Na última parte da conferencia Victoria Otero toca fala do uso do big-data, supuxo un cambio moi importante na análise da evolución das linguas. Están a crearse mundos virtuais no que o sofware pode crear linguas novas. Conta o caso duns investigadores de facebook que deixaron a dúas máquinas manter unha conversa entre elas. O resultado foi que crearon unha nova lingua, máis eficiente que o inglés.
Finalmente tamén se fala do problema da escaseza de licenciados en matemáticas que teñan como perspectiva profesional o ensino.
Xa que a Xunta non fai o seu traballo no eido da normalización lingüística, teñen que ser outras institucións as que ocupen ese espazo.
A Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de conectar a mocidade co idioma puxeron en marcha unha campaña que contará con cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.
O SNL da USC proponnos unha nova campaña de sensibilización para o uso do galego. Trátase de visibilizar os prexuízos que impiden usar esta lingua. Neste primeiro vídeo o alumnado da Facultade de Bioloxía expoñen as razóns para utilizaren (ou seguiren utilizando) o galego habitualmente na súa actividade académica.
No segundo vídeo tócalle a quenda ao profesorado da mesma facultade
Xa hai máis de 6 anos que se puxo a andar o bUSCatermos, o portal da USC que nos facilita a procura terminolóxica. Mais, se agora volvemos a traelo aquí é porque hai algunhas novidades. A súa apariencia gráfica continúa a ser a mesma, porén despois de introucir algún termo, poden desenvolverse varias capas de información. Especialmente podemos acceder a información específica do termo en distintas linguas. Ademais mellorouse a posibilidade de enviar comentarios ou achegas sobre os termos consultados premendo en no vocablo opina, e agora ofértase a posibilidade de compartir a ficha correspondente á voz coa que esteamos traballando; velaquí o exemplo de desvío padrón.
Quizais o mellor sexa ver este vídeo no que se nos explica todo isto con completa claridade.