Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Ángel Manuel Amaro Quintas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ángel Manuel Amaro Quintas. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de maio de 2010

Non foi un soño

por Ángel Manuel Amaro Quintas, no Galicia Hoxe

Escribo as letras galegas dende a diáspora festexando o vindeiro 17 de maio con ledicia. Lembro cando na ensinanza primaria saíamos ó patio do colexio para ler contos en galego, faguer murais e escoitar vidas e obras de escritores e poetas. Falábannos de xentes que escribían en galego, dicíannos que houbo homes e mulleres que fixeron moito para que nós puideramos ter dereitos como falantes do galego. Con nove anos non chegaba a comprender a dimensión desas verbas e feitos, información moi profunda para un cativo. O caso é que co tempo vivín a galeguidade con máis perspectiva. Coa saudade viñeron as lembranzas e a curiosidade. Agora os festexos do 17 de maio son reinventados na miña cabeza con vinte anos de distancia.
O paso do tempo levoume a comprender o significado dos séculos escuros (XVI, XVII e XVIII), tempos nos que o galego estaba no ostracismo, relegado á vida familiar e cotiá, arredado de calquera tipo de status social. Tamén reinterpretei o significado dos murais que pintaba naquel patio.
Entendín o que era a diglosia, garante do prestixio do castelán sobre o galego; e como non, entendín perfectamente o significado do Rexurdimento, arrancando no século XIX coa laboura de Frei Martiño Sarmiento, o padre Feijóo e Sobreira entre outros. Época na que se inicia a loita por consolidar o galego como lingua literaria e canle de expresión social e cultural do pobo. O despertar da lingua terá como día sinalado o 17 de maio -de aí a data- de 1863, referente coa publicación na Habana de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, dando comezo o Rexurdimento e o florecemento dun movemento lingüístico, político e cultural sen precedentes na historia galega.
Consolídase o proxecto da galeguidade culminando no século XX coa aparición do galeguismo e unha maduración política que culmina co Estatuto de xuño de 1936 aprobado con ampla maioría. Pero chega o franquismo e con el o intento de tornar ó ostracismo co lema: "Es de cumplido caballero que usted hable nuestro idioma oficial que es el castellano. Viva España, la disciplina y nuestro idioma cervantino".
É agora cando comprendo o valor do 17 de maio na memoria histórica galega. Máis que nada porque un pobo que esquece a súa historia está condenado a repetila, e eu non quero que se repitan máis séculos escuros.