Son moitas as ocasións en que a dereita e os sectores máis reaccionarios se apropiaron de palabras connotadas positivamente para exercer o control ou para falsear a realidade. Ao famoso caso da proclamación dunha inxusta “liberdade” que pouco ten a ver co verdadeiro significado de “libre”, podiamos acrecentar o do “plurilingüismo” que o PP utilizou para reducir a presenza do galego, especialmente no ensino. Porque a diversidade lingüística só pode ser unha realidade facendo que as linguas minorizadas, as realmente discriminadas, teñan un apoio importante por parte das administracións. Non é que o digamos nós, nin o nacionalismo galego, nin a Sociolingüística xeral, nin a Academia e universidades. É que é unha evidencia constatada por autoridades europeas que denunciaron as restricións do uso do galego na docencia.
Galicia sitúase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF)
Estes datos referendan as distintas accións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a aprendizaxe de inglés enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras como é a rede de centros plurilingües,
En primeiro lugar, Education First é unha empresa de educación de linguas enfocada na realización de viaxes. A enquisa que realiza é un mecanismo de mercadotecnia evidente. A propia empresa avisa que
A poboación examina neste índice elixiu examinarse por sí mesma, polo que non se garantiza que sexa representativa. As probas só as realizaron persoas que queren profundizar no coñecemento do inglés.
Isto que significa? Que deste estudo non podemos tirar ningún tipo de conclusión. Non hai ningunha garantía estatística de que os datos obtidos por este estudo indiquen, por exemplo, que mellorara a comptencia en inglés na poboación galega. Ademais, nas notas emitidas por Education First, non se dá ningún tipo de información sobre o tamaño da mostra galega nin da española. En defintiva, non hai ningún dato que nos garanta que o estudo é aplicable á realidade galega.
Alén do ránking por comunidades do que recolle medallas a nota de prensa da Xunta, o único que se relaciona no infome emitido por Education First é a evolución da puntuación que utilizan entre os anos 2015-2024 en España (ver gráfico máis abaixo). Chama a atención que precisamente do que se gaba a Consellaría de Educación é onde os datos son peores. A evolución do índice no período indicado daqueles que teñen entre 18 e 20 anos foi caendo substancialmente. A media sobe, sobre todo grazas aos maiores de 31 anos, isto é, a aqueles que eventualmente melloran o seu inglés grazas a cursos non regrados como os que ofrece Education First. Todo moi sospeitoso.En todo caso, a única conclusión que poderiamos sacar destes datos, se é que se poidera sacar algún, é que o ensino regrado do inglés está sendo un fracaso.
A gran pregunta que debe contestar a Consellaría é: e o galego que? O recente estudo do IGE demostra un fracaso completo e absoluto especialmente no ensino da nosa lingua. Neste caso a Consellaría de Educación non se apurou a facer un acto de contrición. Non comentou absolutamente nada. A conclusión é que o ensino do galego non ten nada que ver con eles. Eu non lles vou quitar a razón. É ben certo que as competencias lingüísticas na nosa lingua hai que adquirilas a pesar das trabas que pon a Xunta de Galicia. Velaí que o lema máis acaído para explicar a política lingüística é o que encabeza o título desta entrada: "o inglés primeiro, o galego postremeiro"
Non era preciso que nolo viñeran dicer os de fóra, xa nós o levábamos pregoando por activa e por pasiva. Porén, para contentamento, ou, nos máis dos casos, desgusto de quen non confía en si proprio, mais outro ano o Consello de Europa emitiu un relatorio que dá conta do retroceso do galego, que ten ocorrido no ensino desde a promulgación do mal chamado Decreto do plurilingüismo. Unha normativa que visaba o progresivo desaparecimento do idioma proprio do país no ámbito educativo, como as estatísticas confirman ano após ano, a pesar do tal decreto definir como meta a plena competencia bilingüe galego/español do alumnado. Fracaso das súas proprias mentiras. Non. Plurilingüismo non é iso, maltrato da lingua nacional con base na imposición das vellas tácticas do imperialismo lingüístico. Apor unha lingua para extinguir outra, máxime cando esoutra é a xenuína dun territorio.
A maioría do Congreso dos Deputados opúxose o pasado 09/03/2021 a unha proposición non de lei presentada polas forzas nacionalistas, Más País e Unidas Podemos, onde se defendía o recoñecemento dos mesmos dereitos e deberes para o conxunto das linguas do Estado español, pondo remate á situación de discriminación das linguas cooficiais.
A proposta foi defendida por Mertxe Aizpurua, de Euskal Herria Bildu
O goberno socialista non só evita dar resposta ás reclamacións de Europa, indicando que accións realizará para dar cumprimento aos compromisos adquiridos ao asinar a Carta Europea da Linguas, senón que vai un paso máis alá e avala a política lingüísitica no ensino da Xunta, contraria ao galego e á propia Carta, como indicaron o comité de expertos que a avalía e o propio Comité de Ministros nas tres últimas avaliacións
Na segunda das Xornadas de Educación Plurilingüe organizadas polo Consello da Cultura Galega propoñíase un debate moderado por Manuel Bragado, mestre, editor e activista cultural no que tamén participaban Valentina Formoso, profesora no IES do Milladoiro
María López Sández, profesora de Ensino Secundario e profesora asociada da área de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC e Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega
Grazas ao traballo de Xusto Rodríguez temos a posibilidade de seguir esta charla da profesora Carme Junyent en galego.
Unha das principais ideas sobre as que xira esta conferencia é a que se adianta no título. Para que unha lingua morra cómpre que antes pase por un procreso de bilingüismo social. A oportunidade para salvar as linguas en proceso de morte (ou substitución, como queiramos dicilo) consiste na convivencia nun espazo plirilingüe.
Entre algunhas das alfaias que podemos seguir neste vídeo está a convicción de que a consideración que actualmente lle estamos dando ao inglés é un engano en múltiples sentidos. Tamén consideraría un avance que o castelán non fose obrigatorio no ensino pois sería unha porta aberta a ese plurilingüismo que propugna.
Pódese acceder a unha recompilación de todas as traducións do TED ao galego nesta ligazón.
De seguido, xunto cunha invitación a seguir a charla completa, copio-pego a introdución do TED a esta conferencia.
A nosa tradición sociolingüística parte do suposto de que as sociedades máis homoxéneas garanten a supervivencia das linguas. Se nos fixamos nas comunidades que, a pesar de que tiveron as mesmas presións ca outras, conservaron a lingua, a maioría teñen en común o feito de seren sociedades onde conviven moitas linguas e/ou cuxos membros son moi plurilingües. Se queremos preservar a diversidade lingüística debemos promover o plurilingüismo e non o bilingüismo social.
Carme Junyent naceu en Masquefa (Anoia) en 1955. É profesora titular de lingüística xeral na Universidade de Barcelona. Directora do Grupo de Estudo de Linguas Ameazadas. É membro de Honra da Cátedra UNESCO do Patrimonio Lingüístico Mundial. Autora de máis de 20 libros, entre eles «Les llengües d’Àfrica» (1986), «Vida i mort de les llengües» (1992), «El libro de las lenguas» (2010), «El rol de les llengües dels alumnes a l’escola» (2012) e «Escoles a la frontera» (2016). Dirixiu o inventario das linguas que se falan en Cataluña e comisariou diversas exposicións sobre as linguas dos cataláns.
Esta charla procede dun evento TEDx, que usa o formato das Conferencias TED, pero que foi organizado independentemente por unha comunidade local. Máis información en https://www.ted.com/tedx
Irene ten cinco anos, naceu e vive en Barcelona. A nai fálalle catalán e o pai galego. Está escolarizada en Barcelona en catalán, tamén ten aulas de castelán e de inglés. Nai e pai coñecéronse en Inglaterra onde viviron e traballaron máis de dez anos. Dominan o inglés perfectamente pero nin se lles pasou pola cabeza falarlle nesa lingua tan internacional (pero que non é materna, nin paterna) á rapaza na casa, nin sequera castelán. Ela fala a lingua de Cervantes sen problema cando o precisa. E xa non mestura nunca os códigos, pero facíao cando era máis pequena, igual ca o fai aínda o seu irmán, Darío. Ninguén se preocupa, o plurilingüismo inclusivo está servido.
O Galicia Confidencial publicaba esta seman unha noticia na que se comentaba a explicación ofrecida pola CIG-Ensino en relación coa recente orde pola que se autorizan os novos centros plurilingües deste ano. O sindicato denuncia moi acertadamente que se están a utilizar estes nomeamentos como " subterfuxio para reducir a xa cativa presenza do noso idioma nas aulas". Cal é o procedemento?
Todo isto é obra do funesto decreto 79/2010, o mal chamado decreto do plurilingüismo. Con el douse un enorme paso atrás na normalización da lingua no ensino, fundamental para atrancar un feble proceso normalizador que se comenzara a botar adiante durante o goberno bipartito, o único ata o momento que quixo cumprir co Plan Xeral de Normalización do 2004. O nomeado decreto establece que as materias que se deben dar en galego son as dos ámbitos das Ciencias Sociais e das Ciencias Naturais. A seguir publícase unha orde de creación de centros plurilingües que asignan o inglés como lingua vehicular destas materias. Na realidade o que se fai é impartilas en castelán e repartir durante o curso media ducia de vocabularios en inglés da área semántica desas materias. Segundo a denuncia da CIG-ensino isto foi o que sucedeu nun 18% dos centros. Un lector pouco avisado pode pensar que no restante 72% o inglés ocupa o lugar dunha materia antes impartida en castelán. Pero non é así.
Para comprender ata onde chega o nível de cosmopaletismo co que os centros de ensino e o sistema político antigalego está a actuar, basta con repasar calquera das ordes de nomeamento dos novos centros plurilingües que se publican ano a ano desde o fatídico ano 2010. Ese 72% dos centros só queren colocar o cartel de "centro plurilingüe" na porta da entrada e por iso fan a solicitude do nomeamento ao comprometérense impartir en inglés unha materia como a Educación Física ou a Plástica que poden representar un 3% do horario escolar e nas que, como moito, escoitaremos un shut up! en toda a hora.
Agora pensemos se a argallada toda do que pomposamente se chaman "centros plurilingües" merece nin tan siquera o gasto do papel dos DOG nas que se publican as ordes que os desenvolven.
Hai algún tempo circulaba polas redes un vídeo dunha muller nunha película tipo anos 40 que se achegaba irritada a un tocadiscos do cal non deixaba de saír o último (e insoportable) tema de Enrique Iglesias, levantaba a agulla con aceno brutal e dicía: «Hasta el coño ya!». Esta imaxe véuseme moito á cabeza nos últimos días que tanto se falou de tan importante artista por estes medios nosos e hoxe enfíame ben con outras cuestións que andan vira que vira en canto se abre o «debate sobre a lingua» en certos medios (que adoitan ademais ter pouca tradición en usala, será por iso).
Volto a un tema sobre o cal xa escribín hai case dous anos mais que, infelizmente, segue a ser de actualidade: a imposición do inglés como suposto mérito universal e necesidade vital maquillada de ‘internacionalismo’ e ‘plurilingüismo’.
Fernando Castro é un galego que fala un mundo de linguas: galego, portugués,catalán, español, italiano, inglés, francés, alemán, polaco, húngaro, ruso, esloveno, checho, serbocroata, grego, indonesio,... e posiblemente algunha máis. Neste vídeo usa 16 desas linguas para explicar a situación que vive Cataluña. O vídeo forma parte dunha campaña iniciada o pasado 12 de novembro: The Catalan Porject.
Saúda o outono coas primeiras pingas que arrefriarán a pel e o corazón da terra queimada e cinsenta, testemuño inerte da connivencia entre as conciencias suicidas e a planificación política confiada ou desleixada.
Nesta aplicación aparece unha nova palabra ou construción en inglés cada día xunto coa súa pronuncia e un exemplo de uso xunto coa súa tradución ao portugués.
Unha forma de que os galegos poidamos achegarnos ao inglés. Non se se a isto na Consellería de Educación lle chamarían plurilingüismo.
De entre todas as puntuais citas que cada ano convocan ao sector sociocultural vertebrado ao redor da industria que xera e promove o libro e a lectura hai unha que ten unha identidade ben definida: a entrega do Premio Biblos-Pazos de Galicia.
Rosalía de Castro en inglés, español, catalán, euskera, grego, árabe, alemán, serbio, francés, latín, coreano, portugués e por suposto, en galego. O poema Quíxente tanto meniña recitado en todas esas linguas pola rapazada do IES Cañada Blanch de Londres.
Así como hai uns días o blogue Xogos de linguarecollía unha entrada desta Carta Xeométrica sobre a deturpación toponímica nos sinais dunha aldea de Baños de Molgas, hoxe son eu quen recolle de alí unha entrada sobre a tradución que realizaron no clube de lectura do IES Ferro Couselo (Ourense) dunha curta de Tim Burton, Vincent. Trátase dun excelente traballo que ademais é un exemplo de como colocar unha bandeira da normalización nun souto prácticamente ermo xa que realizan unha tradución dunha obra atractiva ao galego. Mentres a Xunta usa a súa reducionista versión do plurilingüismo como arma para reducir a presenza e uso do galego no ensino aquí temos un exemplo do camiño que se debería seguir na aprendizaxe de linguas.
Lembro ben que vira esta curta cando acudira a ver ao cine unha película do mesmo director: The Nightmare Before Christmas. Antes do filme proxectaran esta deliciosa curta. Tamén lembro que gozara ganto coa proxección que daba por ben pagada a entrada con só ter visto a curta Vincent. Como unha das cousas que máis me impactara fora escoitar a voz de Vincent Price relatando a historia, non podo deixar de recomendar escoitala aquí mesmo. Basta con volver a premer o play.
Nos 30 anos que leva de camiño a Lei de Normalización Lingüística (LNL), o decreto 79/2010, tamén chamado do plurilingüismo, representa o maior retroceso nas políticas de normalización da lingua galega. Non está de moda poñer a ese decreto en cuestión pero iso non implica que se anulara a súa carga de nocividade. Todo o contrario. Esta aparente normalidade vai aparellada á institucionalización do proceso contrario á normalización: a promoción da substitución lingüística.