Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta senado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta senado. Amosar todas as publicacións

xoves, 3 de febreiro de 2011

Agitprop e lingua común

por Xabier López López, no dixital  A Nosa Terra:

Recoñezámolo. Postos a facer as cousas, son auténticos especialistas. E no asunto das linguas –o do Senado é realmente circunstancial– non ían baixo ningún concepto a andar menos espelidos ca noutras lides. Se paramos mentes na súa estratexia, resulta que calquera das súas campañas de agitprop adoita ter dúas texturas: unha de sal groso, de corte anecdótico e mesmo chocalleiro  –os pinganillos, a lingua na que as súas señorías toman o café, o gasto económico seica inconcibible para os millóns e millóns de parados– e outra, máis perfilada, que conforma algo así coma un convite ao debate que algunhas almas refinadas e amantes do diálogo dan en aceptar sen demasiadas reservas. Neste último caso radica, e seguimos co asunto da Cámara Alta, o argumento da “lingua común”. Porque vexamos. É ou non é razoable que 200 e pico individuos, á hora de comunicarse, escollan a lingua común a todos eles? Queiramos que non, todas as nosas argumentacións non deixan de ser matices ou excepcións ao que parece –en forma e fondo– un parámetro obvio de conduta, unha regra xeral. Que se o Senado é precisamente a cámara de representación territorial, que se o fenómeno da representación política debe acadar tamén a opción lingüística do representado, que se o estado é legal e de facto plurilingüe... O dito: matices, correccións, derivacións dunha fórmula que, en abstracto, non dubidaríamos talvez en asumir mesmo coma un imperativo categórico. No entanto, o problema é que, como tantas outras veces, amosan a patiña por debaixo da porta e... Dálle! Caemos na trampa. Porque o miolo do asunto está en negar a maior. É o castelán a “lingua común”? Examinando a Constitución –porque o asunto radica en último termo no que se diga ou non se diga nesta sede– podemos saber que o castelán é a lingua española oficial do Estado e que todos os españois teñen o deber de coñecela (amais do dereito a usala). Isto é: lingua oficial e “debida” ou “obrigada”, se queremos chamala así. Pero “común”? De onde sacan tal cousa? De centrármonos na desapaixonada frialdade dos textos legais, resulta que o castelán está moito máis perto de ser unha “lingua imposta” ca unha “lingua común”. Claro que chamándoa polo nome, a súa posición xa non é tan presentable. Va que non?

luns, 31 de xaneiro de 2011

Pirómanos da lingua

por Joaquim Ventura, remexendo na polémica do uso do galego no senado,  no Galicia Hoxe:

Se é perigoso deixarlle unha lata de gasolina a un pirómano, non digamos se un político demagogo e monolingüe se mete a falar de linguas alleas. E moito disto houbo nas verbas que pronunciou Javier Arenas na convención do PP hai unha semana. Nótase que no horizonte xa aparecen eleccións e, por parte deste partido, cómpre coller de novo os tambores do anticatalanismo.
Entendería -sen compartilo- que tivese insistido na sentenza do Tribunal Constitucional a propósito do Estatut mais a estas alturas falar de nenos andaluces obrigados a aprender unha lingua allea é puro despropósito. Hoxe non hai nenos andaluces en Cataluña: en todo caso -falen catalán ou non- hai cataláns netos de andaluces. Como os hai netos de galegos, de aragoneses ou de casteláns.
Porque o que é evidente é que se un neno galego ou catalán vai vivir coa súa familia a Estremadura ou a Murcia, poño por caso, deberá esquecer na escola que, como aprendera en Naturais, as montañas rematan en cims ou en cumes e deberá dicir cumbres. E reservar a lingua de seu para o ámbito familiar. ¿Por que daquela os nenos andaluces, de existiren, terían privilexio? ¿Por falaren desde o berce en castelán, ou sexa en español?
E se a catalanidade ou a galeguidade nos se transmiten extraterritorialmente a efectos de dereitos individuais ou colectivos -a lingua non deixa de ser un sinal individual-, ¿acaso a suposta andalucidade pódese transmitir, como se se tratase dun xene, xeración tras xeración?
As verbas de Javier Arenas son combustible para engadir á ofensiva dos pinganillos no Senado, que esquece que o gasto en traducións é o chocolate do loro da democracia autonómica. Porque resulta que aqueles que agora predican austeridade son os mesmos que non dubidaron en gastar cartos sen límite en grandes premios de Fórmula I, en Cidades da Cultura ou en subvencionar aeroportos privados inviables (sen ter en conta os gastos investigados na trama Gürtel).
Resulta curiosa esta defensa da Constitución, ata o punto de querer volver ao espírito de 1978, nas bocas dalgúns que daquela estaban abertamente en contra do título VIII. Unha defensa amnésica verbo da condición de españolas que proclama o texto para as linguas que non son o castelán. Unha españolidade en chamas que pode actuar como todo incendio provocado: nunca sabemos como pode rematar. E non está o patio para andar con mistos..

As linguas do Senado

por Laura Sáez, lectora de galego en Óxford, no Xornal:

Moitas voltas lle levo dado ao asunto dos intérpretes no Senado. Aínda que absolutamente cada detalle da xornada do pasado martes xa daría para unha tese de doutoramento en sociolingüística, o que máis me interesa de toda a xornada foi comparar a intervención das senadoras replicantes, Saínz e Pan, coa declaración doutro senador do PP, o señor Barreiro, algo antes, cando dixo que “se cadra” falaba na súa lingua materna.
Estas dúas actuacións tan dispares e surrealistas, o feminino “amo al gallego pero no lo voy a hablar” (?) e o masculino “estar contra a lei non significa que non fale a miña lingua materna” (?) dentro do mesmo partido poden levar a pensar que o reparto de xénero neste asunto non é de todo unha casualidade.
Está claro que hai moitos galegos que non queren saber nada do galego. É máis, o galego é unha molestia, unha odiosa marca de clase, unha eiva de nacemento, unha espinilla purulenta.
E supoño que hai que comprendelo. Non aplaudilo, pero si entendelo. Supoño que haberá xente da xeración das senadoras replicantes á que aínda lle doan as orellas ou as fazulas da cara ao lembrar as labazadas ou os insultos ou as risas por conta de dicir algo en galego na clase, na rúa, ou por falar con acento galego polas rúas de Madrid.
Se cadra, logo de experiencias así haberá xente que teña ganas de mandar o galego a tomar polo saco, escondelo debaixo dunha alfombra, e perfeccionar o acento de Majadahonda ata pasar por nativo.
E que pinta o xénero en todo isto? Pois non teño nin idea, pero creo que é posible que xogue un papel importante nestas decisións linguísticas persoais.
A clave deuma un documental titulado A memoria da lingua, onde a xente fala da súa relación coa lingua en distintos momentos do tempo.
Unha muller declara que xa abondo teñen as mulleres con loitar pola igualdade, o seu traballo, a súa familia, como para aínda ir cargando coa lingua ás cóstas. E é que, di ela, en Galicia, falar galego marca, e se es muller e falas galego, pois ou es unha pailana ou unha nacionalista.
E voilá que se entende mellor a declaración amor-odio das senadoras replicantes. Son mulleres, non nacionalistas e non queren ser pailanas, ergo, falamos castelán.
Agora que entendo mellor a reacción das senadoras, tamén me fai sentirme moito máis orgullosa de todas as pailanas e nacionalistas galegas que falamos e tamén amamos coa práctica a lingua a pesar das marcas, e agora que está todo claro, se cadra as pailanas nacionalistas teremos que poñernos a traballar para que estas marcas desaparezan, e que futuras senadoras non teñan que renunciar á súa lingua para deixar de ser pailanas nin nacionalistas

venres, 28 de xaneiro de 2011

“Hablen español, already”

por Cris Moss, que alude este artigo do diario The Economist,  no Xornal:


Un dos argumentos máis recorrentes dos partidos e grupos contrarios ás medidas de normalización das linguas cooficiais coma o galego, o éuscaro e o catalán pasa por aludir á situación doutros países con varias linguas ou á imaxe que España proxecta no mundo a causa do “gasto” en varios idiomas.
Este foi, precisamente, o argumento empregado dende o PP, nomeadamente polo seu líder,Mariano Rajoy, para rexeitar a xeralización das linguas propias de Galicia, Euskadi e Cataluña no Senado. A xuízo do presidente dos conservadores, o plurilingüismo da Cámara alta non é propio “dun país normal”.
A afirmación de Rajoy deulle pé ao prestixioso diario británico The Economist para reflexionar sobre a introdución das linguas cooficiais no Senado, nomeadamente, a través dun blog no que os seus correspondentes no mundo escriben sobre “o uso da linguaxe na política, a sociedade e a cultura” no mundo.
Nun artigo datado en Nova York baixo o título “hablen español, already”, un xornalista do rotativo censura que se vexa “como apestados” a galegos, vascos e cataláns “por falar o seu idioma no seu país” e lembra que o plurilingüismo é propio de países tan “normais” como Canadá ou Nova Celandia

martes, 25 de xaneiro de 2011

O amor polo galego

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

A senadora galega do PP, María Jesús Sáinz, non dubidou en afirmar, referíndose ao idioma galego, que o amaba moito -"amo a Galicia y a mi lengua, de la que me siento muy orgullosa"-, mais non quixo facer uso da lingua galega no Senado en momento tan solemne como foi a aceptación oficial dos idiomas galego, euskera e catalán para seren utilizados na denominada Cámara de representación territorial. Para entender isto das declaracións de amor ao galego, tan enfáticas a maioría das veces, talvez teñamos que acudir ao Peter Sloterdijk da Crítica da razón cínica, pois velaquí que tantos enamorados confesos do idioma galego -diríao así Francesc Torralba- practican unha sorte de camaleonismo postmoderno: "Seres sen convicións que manusean as grandes palabras para manteren a súa cadeira". Xulguen vostedes. Porque habería que lle lembrar á senadora galega aquilo que dicía Giovanni Bosco, que chegou a santo, sobre o amor: "Non é suficiente amar, senón que debes mostrar o teu amor, facer que se perciba. (...) Un amor que se expresa en actos cotiás, mesmo na expresión dos ollos e da cara". Calquera sabe -e isto é aplicábel, como non, ao amor que se expresa por un idioma- que toda demostración de amor (así falou o apóstolo) debe ir acompañada de accións que demostren ese sentimento, pois dicir que se ama sen obras é palabra morta. Eu non dubido, falándomos do declarado amor ao galego, da existencia na senadora Sáinz dunha cultivada sorte de sentido cósmico-metafísico depositado no obxecto lingüístico, e por iso se sente "muy orgullosa" da fermosa lingua galega, tan agarimosa ela, seda no vento, que mesmo chega a saber a mel. Mais tivo que ser unha muller vasca, a senadora Miren Leanizbarrutia, falando, ela si, en idioma galego, quen quebrase o soño amatorio da senadora galega: "É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía escribiu tan fermosos versos". E os ósos de Rosalía de Castro estremecéronse no sartego. ¿E a senadora amante? "Amo a Galicia y a mi lengua". Estraña forma..

luns, 24 de xaneiro de 2011

Eskerrik asko, Miren

A foto é a da senadora Miren Leanizbarrutia.
por Iván Méndez López, acertado como sempre,  no Xornal:

“Esperpéntico”, “hilarante”, “obscenidade”, “patochada”, “circo rexionalista de covardes e mexericas”, “pallasos”, “ridículo”. Así abriu a prensa madrileña a súa edición do mércores. Artigos de opinión e portadas incluídas. Nalgunhas até se sinala os e as interpretes como os novos controladores aéreos por teren a ofensa de cobraren as súas tarifas.
Nalgunha prensa de provincias, os ecos dos ouveos escoitáronse mesmo amplificados. A “belxificación” orquestrada polos nacionalistas no Senado, supón un “drama para España”. Nesa prensa, galega disque, aínda non houbo unha palabra de benvida.
Os políticos, como non podía ser menos, tamén deixaron os seus titulares: para María Dolores de Cospedal o asunto é “un tremendo disparate”; Sáenz de Santamaría xulga a medida de “innecesaria e cara”, que atenta contra “o sentido común”; o senador Van Halen laiábase do “desprestixio cara os españois”. Supoñemos que nese desprestixio tamén entrarán os galegofalantes.
O “supremo representante dos galegos”, unha semana despois de se emocionar no Gaiás, considérao un “exceso económico e político”. Cando o dixo non se lle escoitou ningún riso. El continuou co seu ricto aínda que no fondo estaba a esmendrellarse.
Con todo, quen mellor definiu a “obscenidade” foi o líder da oposición, galego coma nós: “Isto, nun país normal, non pasa”. Por unha vez, comparto unha sentenza do pontevedrés, aínda que para nos referir cousas diferentes.
Nun país normal, as primeiras palabras na lingua propia nunha institución non as di unha foránea para recriminar unha nativa por o non facer. Nun país normal, o propio presidente non estaría contra unha medida que dignifica o propio país e a súa máxima expresión definitoria. Nun país normal, a prensa saudaría como mostra de dignidade ou feito histórico a medida.
Por desgraza isto só pasa nun país como este.Por certo, eskerrik asko, Miren

O senado e as linguas

por Manuel Bragado, do seu blogue Brétemas:


España é un estado plurilingüe onde, ademais do castelán, a cidadanía fala outras linguas recoñecidas pola Constitución e polos estatutos de autonomía como cooficiais nos seus respectivos territorios. Despois de tres décadas e de moi intensos debates, a pasada semana entrou por fin en vigor a modificación do regulamento do Senado que permite aos membros da cámara alta a utilización nas súas intervencións do galego, éuscaro e catalán, coa única excepción das interpelacións que realicen aos membros do Goberno. Unha medida política apoiada pola maioría dos grupos e xustificada polo recoñecemento da diversidade e riqueza lingüística nunha cámara á que se considera, ou se pretende considerar no futuro, como de representación territorial, porén rexeitada polos senadores e senadoras do Partido Popular por considerala no contexto da actual crise económica “un auténtico derroche dos recursos públicos”.
Particular atención mereceunos en Galicia que a primeira persoa que utilizou o galego na histórica sesión inaugural na que se estrearon todas as linguas oficiais fose a senadora guipuscoana Miren Leanizbarrutia que introduciu no seu discurso pronunciado en éuscaro unha frase lamentando que a senadora galega do PPdeG que ocupara antes a tribuna desaproveitase a oportunidade de utilizar “a lingua na que Rosalía de Castro escribiu fermosos versos”. Deste xeito, Leanizbarrutia entrará con letras de ouro a formar parte da historia da nosa lingua, mentres que a senadora galega, que confesa amar a lingua do seu país, prefire en xornada tan sinalada non utilizala, apoiando de forma inequívoca a estratexia que o seu partido está desenvolvendo.
A senadora do PPdeG desbotou unha oportunidade histórica de ofrecer un aloumiño a lingua galega, de facer un xesto de cordialidade, de pronunciar con amabilidade sequera unhas poucas palabras na lingua propia do seu país, lingua que sabemos é, ademais, a maioritaría nos seus electores e dos seus compañeiros e compañeiras do partido. Pola contra, a senadora María Jesús Sáinz preferiu adoptar as posicións anti-diversidade do partido uniformista, que non son alleas a doutros que xestionan a herdanza franquista nestes eidos da lingua, e xustificar a súa inhibición no suposto despilfarro de gastar máis de 300.000 euros na tradución simultánea dos dous plenarios mensuais do Senado. Unha cantidade destinada ao pagamento dos traballos profesionais de vinte e cinco tradutores e intérpretes, que constitúe apenas un dez por cento das subvencións públicas recibidas nun ano pola Fundación FAES, o 0,2% do orzamento do Ministerio de Cultura ou o 0,16% do das Cortes Xerais para o 2011. Sen menoscabo, dos criterios de austeridade e rigor que debe ser utilizados na xestión de todas as administracións públicas, o argumento do custe da tradución non abonda para rexeitar unha medida destinada a visualizar na cámara territorial a diversidade lingüística e cultural do estado, unha das claves da viabilidade do proxecto de convivencia recoñecido no marco constitucional.
No entanto, os termos deste debate, que sabemos esencialmente político, remiten ás intencións recentralizadoras do modelo autónomico que membros do Partido Popular xustifican, tamén, en base aos criterios do seu “elevado custe” no entorno da crise da nosa débeda soberana e da redución do déficit das CC.AA. Abandonadas polos conservadores as ideas de administración única, acuñadas por Manuel Fraga, e de reforma constitucional do Senado para transformalo en cámara de representación territorial, é innegable que vivimos unha durísima e moi ben planificada campaña de desprestixio, concibida e executada dende os poderosos foros madrileños, da descentralización política realizada dende a aprobación da Constitución, con especial animadversión cara aos procesos de autogoberno das comunidades históricas, Cataluña, País Vasco e Galicia, que contan con lingua de seu.
Desa estratexia de intención recentralizadora, semellante a unha nova LOAPA, deseñada dende hai tempo nos think thank conservadores, que pretende devolver competencias ao Goberno central, hoxe transferidas ás Comunidades Autónomas, forman parte tanto a nova política lingüística desenvolvida pola Xunta de Galicia nos dous últimos anos, concibida como un prototipo a exportar –a pesar de que supón un claro retroceso para os usos educativos do galego e para o seu futuro, na medida que recurta a súa vitalidade–, como a elaboración dun argumentario mediático que identifica de forma tan falsa como demagóxica a defensa das linguas e culturas propias coas posicións nacionalistas. O seguimento desa estratexia recentralizadora explica o comportamento das senadoras do PPdeG na epifanía da presenza do galego no Senado.

domingo, 23 de xaneiro de 2011

Lingua e autonomía

por  X. L. Rodríguez Pardo, avogado,  no Xornal:


Dende logo, á vista do xeito de gobernar que ten o goberno galego de agora, calquera pensaría que non nos atopamos nun intre de crise económica da envergadura do que temos neste tempo xa que, de primeiras, foi o follón da lingua e o seu ensino e uso na Galicia e agora, por se fora pouco, atopámonos con que o señor Aznar mandou traballar contra das autonomías e, polo tanto, a Xunta e os seus compoñentes adícanse a pregoar en contra da España autonómica e, polo tanto, en contra da autonomía galega.
Claro é que, no partido de onde proveñen, xa non é de agora a súa posta en entredito do Estado autonómico e non hai que esquecer que xa o señor Fraga ideou a Administración Única, á que tan só lle fallaba chamala polo seu nome, así considerada, de Administración do Estado madrileño xa que, deste xeito, podíase consolidar a idea do centralismo puro e duro, gobernando nese mundo creado arredor de Madrid que abrangue as chamadas autonomías e que, polo tanto, converte estas nunha especie de concellos.
Mais falando da lingua, co que escomezamos antes, temos para lle botar aos animais na corte todo canto se poida obter da valoración do escándalo que armaron dúas senadoras do PP e logo, tamén, o propio presidente do partido cando afirmou, coma se tal cousa, que non é normal o uso dos idiomas cooficiais, o galego tamén, polo tanto, nos debates da Cámara do Senado, xa que as linguas non deben servir para crear problemas e o mellor xeito de eliminalos, e isto xa é unha conclusión miña, sería o de eliminar, na España, todas as linguas nela existentes, deixando unha soa: o castelán, craro é.
Máis adiante, se iso funcionase, posibelmente pasara a se chamar madrileño por en vez de español, deixando o nome de español para os países da América, e outros así, que precisan, como pasa na Bolivia, con 36 linguas cooficiais, un único idioma e non poden facer cooficiais todas as linguas indíxenas.
Por certo que unha das senadoras que rexeitou o uso do galego no Senado o pasado día 18 leva tempo de abondo nesa Cámara para ter un amplo coñecemento do por que ese recoñecemento da nosa lingua nesa Cámara non supón, en ningún caso, refugar o español senón, pola contra, darlle un grao de recoñecemento baseado, precisamente, na cooficialidade que a Constitución establece para salvar as linguas minoritarias, o cal si é un traballo ben feito, como acostuma a facer a Cámara Alta.

sábado, 22 de xaneiro de 2011

O erro co galego no Senado foi meu

por Rafael Cuíña, nun artigo no que fala do caso do uso do galego no senado e fai referencia a outro seu artigo, como sempre desde as páxinas do Xornal:


Debo recoñecelo, estou profundamente arrepentido de ter baixado a garda, ante o que as circunstancias demostran que nunca o podes e debes facer.
Escribía nesta mesma columna sobre o meu posicionamento ao respecto da utilización do noso idioma no Senado do Estado. Os meus argumentos básicos falaban da non necesidade de esixilo na “Cámara alta”, por coherencia, cando algúns o esiximos como único na Cámara galega. Engadía o custe por sesión de 12.000 euros, e o ridículo da utilización de aparatos de tradución existindo un idioma común castelán –o que se fala entre todos nos corredores–, xunto coa miña opinión da necesidade de desaparición do Senado, e a súa suposta función de cámara de representación interterritorial, por inútil e custosa.
Equivoqueime profundamente, e pido desculpas. Dinme conta do meu monumental erro –un non se cre un oráculo– cando sentín unha profunda vergonza ao observar a actitude de dúas senadoras do meu partido, nominalmente galegas. O seu desprezo pola nosa lingua, adornado de excusatio non petita sobre o seu amor a nosa cultura e a nosa lingua, resultoume un bochorno inasumible, para calquera que na súa alma albergue o máis mínimo sentimento de galeguidade. É evidente que non podes dar argumentalmente o máis mínimo indicio, para que a inmundicia atope acomodo. A actitude cos que danan o noso patrimonio, debe ser a de “nin un paso atrás”.
Estou aínda por ver unha soa medida, nestes tempos de convulsión cultural no país, na que en caso de dúbida, o galego non sexa o grande prexudicado. Se as senadoras Sáinz e Pan, e quen lles manda ter esa actitude, consideran que deben facer un limiar da súa inmundicia, asegurando un respecto e amor por algo que seguidamente desprezan, é que ou ben “non lles dá para máis”, ou ben obedece a estratexias nas cales, o obxectivo final –gobernar a calquera prezo–, debe estar por riba do futuro da terra á que eles cren representar –outra cousa é que o fagan.
Lémbrolles a esas representantes “nominais” da nosa terra, que militan nun partido de 100.000 afiliados, que na súa inmensísima parte aman un idioma co que se criaron, e que non cren en complexos co que forma parte da súa esencia. O que foi, pode volver a ser, e das voltas que en política da a vida, dou fe…
Non volverei a cometer ese erro de condescendencia. A miña palabra queda empeñada. Hoxe, se mo permiten, non hai “ou non?” que valga…

venres, 21 de xaneiro de 2011

As senadoras, o galego e o Espírito Santo

por Manuel Rivas, no xornal El País:


Nós non temos un idioma. Temos un problema.
Eu pensar pensaba que tiñamos un idioma nacido en Galicia e que iso era un ben, unha sorte, unha propiedade en man común, unha marabillosa crianza. Unha benzón. Se tivese que lle pór un prezo, non sabería. Canto vale un idioma de seu? Mais agora xa sei que para algúns non vale un can. Nin o prezo duns pinganillos. É un gasto. Un traste. Un problema. Como dixo o señor Rajoy, "las lenguas son para entenderse y no para crear problemas". Que é o que iso significa na práctica, falando en prata? Pois, polo que imos vendo, que hai dúas clases de linguas. Unha lingua,stricto sensu. E logo, os problemas. Así que eu pensaba que falaba galego e o que falo é un problema.
E ten razón don Mariano. Iso funciona así, de xeito orgánico. Canto máis galego falas, máis problemático te encontras. Por iso el non fala unha verba en galego. Para non meterse en problemas.
Os políticos andan como tolos detrás do "momento histórico". Alí onde hai un "momento histórico" alí procuran aparecer todos. Resulta conmovedora esa querenza polo "momento histórico". Tamén no fútbol hai a teima do "partido histórico". De tal xeito que se facemos caso dos fanáticos todas as tardes de domingo serían "históricas". "Eses momentos tan momentáneos", que diría Cantinflas. Mais, no fondo, a xente sabe o que é "histórico" e o que non é.
O do outro día, no Senado, ben merece o adxectivo. Si que foi un día histórico na historia de España. Na mellor, e non na triste historia. Algunha que outra vez se oíra falar en éuscaro, catalán e galego, ademais do castelán. Pero fora dun xeito moi excepcional, efémero. Mais nese día, o martes 19 de xaneiro de 2011, o que sucedeu foi a estrea dunha nova xeira. O uso normal das linguas cooficiais no que debería ser a cámara de representación territorial. Un gran espazo democrático de convivencia e integración. Este, o de ser hábitat exemplar da pluralidade lingüística, é o paso máis importante e serio que se ten dado nese sentido.
A mellor proba de que foi unha xornada histórica para o Senado é que nunca se falou tanto do Senado. Pasou de ser un ente invisíbel a converterse no epicentro do ágora. Mais non foi por un disparate, como esbardalla a opinión máis túzara, senón polo intelixente acordo dunha gran maioría que achega o Senado ao papel constitucional. Todo o proceso de tradución que garante a pluralidade lingüística, ese motivo de tanto escándalo, suma arredor dos 300.000 euros en persoal e medios técnicos, durante un ano. Menos do custe dun festexo taurino. Nin unha campaña publicitaria de millóns de euros faría tanto polo Senado. Oxalá en todos os momentos "históricos" houbese ese balanzo positivo entre o que se acada e o seu custe.
E se ese martes plural fixo visíbel o Senado, tamén permitiu saber da existencia de dúas senadoras galegas.
Non porque falasen o galego, senón por negarse a falalo.
Non por exercer os seus dereitos, senón por rexeitalos.
Non por representar o seu país, a súa cultura, senón por representar soamente un oportunismo sectario.
Mais estes que refiro son trazos parciais do caso Sáinz & Pan. Poderíamos pensar que non estiveron á altura da historia. Mais depende de que altura. E depende de que historia. O seu comportamento pode ser criticado, mais non por non ser "histórico". Mesmo deberíamos recoñecer que Sáinz & Pan fixeron todo o posíbel para pasar á historia. Coido que o lóxico é que falasen galego, polo menos en situación tan extraordinaria. Despois da moción do catalán Ramón Aleu, a senadora galega Sáinz tiña a ocasión de inaugurar un tempo novo. E o que fixo foi desinauguralo. Pois ese é outro xeito de pasar a historia! Desinaugurala.
Xa o dixo Mallarmé: "A destrución foi o meu amor, a miña Beatriz!"
Sei de xente que viviu ese desaire con vergonza allea. Que o sufriu como unha mágoa e como un aldraxe, envolto nunha declaración amorosa. A min, en troques, pareceume unha situación conmovedora. Velaí unha senadora, unha dona competente, con formación académica, profesoral, e que declara que podería falar galego, mais que non o vai facer. Por que? Por amor.
Este detalle apaixonante de María Jesús Sáinz, na liña "quen te quere, fará que sufras", permitiu dous intres históricos. O dela. E o da senadora guipuscoana, do PNV, Miren Leanizbarrutia, que no seu parlamento en éuscaro meteu unha frase en galego: "É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía de Castro escribiu tan fermosos versos".
Se Sáinz falase en galego, só teriamos un "momento histórico". E así temos dous. O da senadora galega que ama o galego pero non o fala. E o da senadora vasca, unha muller de Aretxabaleta, que non sabemos que tipo de relación ten con el, pero que non o ignora.
Hoxe non hai ninguén en Galicia que non declare amar o galego. Mais o amor ou é carnal ou é platónico. O galego debe ser a lingua que máis amores ten, estando como está entre dúas estacións pouco recomendábeis. As que os estudosos das políticas lingüísticas denominan Morte (Language Death) e Perigo (Language Endangerment). O amor coas linguas, dispensando, ou é ou non é.
A relación cunha lingua, co que se di dunha lingua, tamén se pode ver á luz da dialéctica de Eros e Tánatos.
Se o que temos non é un idioma senón un problema, ou un Idioma ao que chamamos Problema, pois máis que política lingüística o que nos fai falta é ir ao santo Freud.
Ou ao Espírito Santo.
Sigmund Freud e o Espírito Santo son de diferentes escolas, pero, verbo das linguas, veñen dicir o mesmo. Aínda que eu vexo moito máis resolutivo ao Espírito Santo no "momento histórico", como ben se demostra no Pentecostés.
Ese "intre histórico" é relatado así no Novo Testamento (Feitos dos apóstolos): "Sucedeu de súpeto que se produciu un ruído como do ceo semellante a un vento. Apareceron entón linguas de lume que pousaron sobre a cabeza da cada un deles (dos apóstolos e discípulos) enchéndose todos do Espírito Santo e comezaron a falar en diferentes linguas".
E se non o remedian nin Freud nin o Espírito Santo, sempre haberá para o galego un convoi ou un coche de liña con parada en Aretxabaleta. Ou na Universidade de Bremen, onde Zuzana Pesselova vén de escribir unha tese que atribúe á "modestia galega" a marcha que leva a lingua cara ao "falecemento". A Bremen fuxiron os músicos do conto cando se decataron de que ían morrer en mans do amor.

Sobre o uso de todas as linguas oficiais no senado

Prolingua publicou o seguinte comunicado sobre a perversamente interesada polémica do uso do galego no senado.


O Senado español aprobou, a finais do pasado ano, o uso normal, nos seus plenos, de todas as linguas oficiais do Estado español. O día 16 de xaneiro de 2011 as senadoras ou senadores dirixíronse á Cámara Alta en castelán, en éuscaro, en catalán ou en galego.
A xuízo desta Plataforma, a aprobación nesta cámara de medidas legais que permiten o uso de idiomas diferentes do castelán supón un aceno de respecto cara aos seus falantes, tantas veces discriminados ao longo da historia por non se expresar nalgún dos “dialectos” da que chegou a ser considerada como lingua única e obrigatoria do territorio español. Sexa benvida, pois, esta medida, que debería abranguer outros ámbitos, como pode ser o seu uso normal no Congreso dos Deputados, ou que os cidadáns poidamos dirixirnos legalmente a calquera administración valéndonos da nosa lingua propia.
Desde ProLingua queremos agradecer publicamente e felicitar a senadora vasca Miren Lore Leanizbarrutia de Bizkarralegorra, que realizou parte da súa intervención no idioma propio de Galicia. Así recollen os xornais as súas palabras no Senado: “É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía escribiu tan fermosos versos”.
A senadora referíase á representante do Partido Popular María Jesús Sainz García, elixida pola provincia da Coruña, e que mesmo exerceu no pasado de Conselleira de Educación en Galicia. Maria Jesús Sainz rexeitou expresamente no pleno utilizar a nosa lingua, invocando o castelán como lingua para se entender. A seguir, María Dolores Pan Vázquez, tamén da Coruña e representante do mesmo partido, interveu, coma a súa compañeira, na lingua de Cervantes. A actitude de ambas as senadoras defendeuna o máximo líder do PP, Mariano Rajoy Brey, compostelán de nacemento.
En ProLingua estamos convencidos de que a actitude destas senadoras e do Sr. Rajoy segue ao pé da letra as consignas da FAES, do mesmo xeito que o conxunto do partido ao que pertencen, con honrosas excepcións como, por exemplo, a de militantes da súa organización política que son parte da nosa Plataforma. Desde a FAES promoven abertamente, e non só no terreo das linguas, unha volta ao pasado.
En Galicia estamos a padecer en carne propia estas políticas, o implante das medidas regresivas polas que turra o goberno do Sr. Núñez Feijoo, as cales, ademais da forte contestación social, que levou ás rúas de Galicia as maiores manifestacións da historia a prol da lingua de noso, xa acenderon o farol vermello na comunidade científica de occidente, como se pode ler na tese de licenciatura que dirixe, na Universidade de Bremen, o profesor Klaus Zimmermann, titulada Auswirkungen der neueren galicischen Sprachpolitik im Kontext des galicischen Weltbildes ("As consecuencias da política lingüística galega recente nun contexto do mundo galego"). A súa autora, Zuzana Pesselova, expón que o Decreto do ensino do Goberno Feijóo "corta" un campo do uso do galego (as matemáticas e as ciencias naturais, denominados Loss of existing Domain), de tal xeito que recorta a lingua na súa vitalidade, "porque de facto prohibe a creación da lingua nun campo determinado e prohibe o desenvolvemento libre dos seres humanos", en conexión tanto cos dereitos lingüísticos como cos dereitos humanos.
Eduardo Galeano, no seu libro Espejos, no apartado que lle dedica á fundación dos idiomas nos mitos da creación que naceron no antigo México, escribe estes parágrafos que copiamos textualmente:
Poquito a poco, los pueblos fueron brotando de las bocas de la montaña.
Cada pueblo habla, todavía, la lengua del dios que lo creó.
Por eso las lenguas son sagradas, y son diversas las músicas del decir.
En ProLingua seguiremos a defender arreo a música do noso dicir galego, que non desafina con ningunha das outras músicas do dicir que enriquecen a humanidade. Por iso insistimos en rexeitar con toda enerxía actitudes e políticas xenófobas, síntomas preocupantes dunha estrema posición reaccionaria.
Galicia, 21 de xaneiro de 2011

Non ao galego. Falemos inglés

por J. V. Domínguez, no Xornal:


Os portugueses falan o inglés mellor ca nós. A maioría da xente ilustrada do país veciño, understand and speak English. Os nosos, pouco máis ca un vergoñento a little bit. Os homes de negocios e os políticos portugueses tamén cultivan o inglés con calquera que veña de fóra e non sexa quen de falar en portugués. Os nosos políticos falan idioma política; un xeito de falar interesado mais sen sentimento.
Uns máis e outros menos pero todos cos mesmos tópicos. Quen di inglés di francés. A maioría dos nosos políticos de altura, tampouco falan gabacho. Como moito un escusativo e non menos vergoñento, un petit peu. Pero hai moitos políticos españois que falan moi ben o español, o euskera, outros o galego e outros moitos o catalán.
Polo que atinxe a Galicia, moi cedo coas eleccións municipais e despois cando cheguen as eleccións autonómicas, escoitaremos de novo os nosos políticos falar nesa lingua galego política que aprenderon por pura comenencia. As senadoras polo PP de Galicia que non o quixeron facer no Senado, malia súa pesareira manifestación de amor profundo á lingua de leite e cooficial do seu País, tamén o farán cando teñan que rabuñar votos entre os habitantes locais, aínda que estes sexan estranxeiros residentes.
Semella que as/os nosos políticos/as da dereita teñen tanto de autonomistas coma José Antonio Primo de Rivera; pero como todos non caben no quiñón de Castela para vivir da política, non lles queda outra que falar nesa pequena e folclórica lingua que para eles/as é o galego.
Pois así lles é. Agora que no Senado cada quen pode presentar as mocións na súa lingua, aos/ás nosos/as representantes políticos, elixidos polos galegos, dálles por mofarse e queixarse do pinganillo e mais do custe do sistema. Non se acordan das molestias do aparello ou dos cartos que custan os intérpretes polo feito de que case ningún deles é quen de falar unha lingua estranxeira, cando teñen a obriga de representar os que vivimos nun lugar chamado Galicia no que tamén se fala galego.
No entanto, o máis lamentable de todo isto, non é tan só que os nosos políticos saiban menos inglés ou francés ca os portugueses –aínda que tamén, pois representan máis cidadáns e por riba cobran máis– senón que argumenten cuestións crematísticas e ata de vergoña nacional para rirse do sistema plurilingüista do Senado. O peor de todo é que ningún deses políticos do PP de Galicia defenda e fale da importancia do feito diferencial de Galicia que, por mor da nosa lingua e costumes, aporta unha impagable riqueza cultural para España enteira. Pero claro, que lles imos pedir cando eles/as, cambiarían sen dubidalo o galego polo inglés.
É posible que, se os senadores/as que desprezaron a nosa lingua na chamada Cámara de Representación Territorial, foran galegofalantes de verdade e viviran os seus soños en galego, serían quen de coñecer o valor da lingua materna nun país plural, ¡plural, si! malia lle doia a quen renega da lingua máis aló do folclore e do interese electoral.
É cultura ¡estúpidos/as!, parodiando o que lle dixeron a aquel político americano, falando de economía. Non está de máis recordárvolo a vos, senadoras/es do PPdeG, que non falades inglés nin francés e, por enriba, renegades do galego.

Só o español é necesario e rendíbel

por Alfonso Eiré, na Nosa Terra:

“É innecesario pois todo o mundo entende castelán. Calquera persoa sensata o sabe”. Son palabras de Alfonso Guerra referíndose á tradución simultánea no Senado. As expresións doutros socialistas, como o presidente extremeño, Guillermo Fernández Vara, ou o presidente do Congreso, José Bono, son semellantes. As que utilizan os voceiros do PP non se diferencian moito para argumentar a negativa a que se empreguen todas as linguas cooficiais do Estado nas cámaras de representación.
Con estes argumentos o que están é a negar unha realidade: a pluralidade do Estado. Existen catro nacións con catro linguas diferentes. Os seus desexos dun Estado unitario e centralista é falsa. A mesma Constitución española recolle esas linguas como cooficiais. Pero a maior parte dos españois só acepta como lingua común o castelán, rexeitando como propias do Estado as outras tres.
A lingua, como ben saben e defenden os españolistas (por iso miran pola súa e atacan as outras), ademais de ser un vehículo de comunicación é un símbolo de identidade.
É innecesaria a identidade? Para a maioría do PP e do PSOE son todas innecesarias menos a súa, a española.
Para remendar o argumento de “innecesario”, apelan á demagóxica afirmación (máis en tempos de crises) de que é un gasto excesivo.
Afirman que 350.000 euros ao ano significan un escamoche no Senado para ter unha tradución simultánea.
Pouco importa que só represente o 1% do orzamento da Cámara Alta. Ou que saia dese mesmo orzamento que, neste ano minguou nun 5%. Ou que haxa outros gastos que non teñen xustificación. Poderiamos lembrar a famosa piscina que construíron na Cámara Alta hai algúns anos. E sen saír do tema lingüístico, cantos cartos gasta anualmente o Instituto Cervantes co único fin de "representar" o castelán en territorios tan dispares como o Brasil, a China ou os Estados Unidos?
Algúns mesmo afirman que están de acordo coa utilización das catro linguas, pero que este “non é o momento”.
Cando é o momento? Máis de 30 anos agardando para que se cumpra a legalidade ao xeito coa realidade.
Tamén afirman que “ese espectáculo da tradución simultánea nun Estado moderno non se dá”.
É Bélxica un Estado moderno? E Suíza un estado equiparábel aos máis evolutivos e democráticos? E Finlandia? Son exemplos de tres Estados que tamén teñen tradución simultánea nas súas cámaras de representantes.
Non, eses non son os verdadeiros problemas, como ben quedou demostrado coa senadora do PP, María Xesús Sainz, cando se negou a ser a primeira en falar galego no Senado. O gasto estaba feito, pero preferiu desprezar o galego coa súa actitude e, coa súa palabra, atacalo.
O problema é que hai toda unha franxa ideolóxica-política que nin sequera asume a Constitución, que sempre está a levar a súa peana de procesión identitaria. Española, por suposto, como diría o garda civil golpista Antonio Tejero.
O problema é que, coa tradución simultánea, dáse no Senado un tímido avance na asunción do Estado plurinacional cando esas forzas reaccionarias comezaron unha nova cruzada recentralizándoa para volver ao Estado unitario e centralista español imposto polo franquismo. Só hai que ler a Jorge de Esteban, catedrático de Dereito Constitucional e presidente do Consello Editorial de El Mundo: "É moi difícil volverlle pór as plumas ao perú cando xa se desplumou pero algo hai que facer se queremos que España siga a existir como Nación unitaria".
O problema é que a realidade non ten nada que ver coa súa vontade.

xoves, 20 de xaneiro de 2011

Senadoras galegófobas

As senadoras María Dolores Pan e María Jesús Sáinz non quixeron usar o galego no senado. A primeira delas  asegurou amar á súa terra, os seus costumes e a súa lingua pero preferiu falar en castelán, "la lengua en la que entienden todos los ciudadanos"; a segunda xustificouse dicindo  que“desde luego amo a Galicia y a mi lengua gallega, de la que me siento muy orgullosa; por ello fue para mí un honor dar las primeras clases de gallego sin remuneración, pero voy a utilizar el castellano porque hablaré de un tema que afecta a todos los españoles”. Así as retratou Luís Davila

mércores, 19 de xaneiro de 2011

Unha vasca tenta evitar unha aldraxe

por Noela Rey Méndez , no Xornal:

Grazas, señora Leanizbarrutia. Grazas por tentar evitar unha nova aldraxe ao galego e usar a nosa lingua. E digo “tentar” porque o dano xa estaba feito. Fíxoo, unha vez máis unha persoa que non é unha política, senón unha representante dos galegos e de Galicia. Fíxoo a senadora do PP pola Coruña María Jesús Sainz. No primeiro día en que se podía usar o galego na Cámara Alta decidiu non facelo aínda que puxo por diante o seu amor por Galicia. “Pero usarei o español, porque falamos de temas que lles interesan aos españois”. E logo? O resto usaron catalán, vasco e galego e non por iso foron menos interesantes. Que mágoa de estrea.


P.S: Senadoras do PPdeG rexeitan falar galego na estrea das linguas cooficiais

domingo, 9 de xaneiro de 2011

O ‘catrilingüismo’

por X.L. Rodriguez Pardo, no Xornal:


Nesta pequena distracción do comezo de ano teño de encetar remesando un saúdo e o agradecemento que, como galego, teño de marcar ben a fondo a propósito da noticia que se publicou recentemente encol da Sesión no Senado na que, conxuntamente co castelán, tamén se falou en galego.
Non hai dúbida de que, do mesmo xeito que co galego, ha pasar co catalán e co euskera, mantendo sempre o castelán cooficialmente con cada unha das linguas que se empreguen, co cal, e de acordo co papel que a Constitución lle da ao Senado cando nos di que “é a Cámara de representación territorial” e, polo tanto, alí teñen cabida, en igualdade de condicións, as catro linguas, cooficiais co castelán, en cadanseu territorio no que se falen.
E así, como o feito de se falaren, ao fin, na “Cámara de representación territorial” as catro linguas propias do Estado Español tamén teño que lembrar, con noxo e desprezo, a nova aventura que isa orgaización seudo-política chamada Galicia Bilingüe remata de levar adiante por medio da carta que a súa presidenta lle mandou ao presidente da Real Academia Española, berrándolle pola súa intervención en cato á valía dos topónimos na “lingua propia” de cada autonomía.
Pois que, cando chegamos eiquí, atopámonos de novo co repetido e rexeitado ataque contra da nosa lingua, escomenzando pola toponimia oficial da nosa terra e, ao tempo, queréndoa cambiar pola toponimia, nalgúns casos castelanizada e noutros casos nin iso, que se adoita oficializar á marxe do órgano político de representatividade do pobo que quen a pode facer oficial.
Porque algo do que tanto Galicia Bilingüe coma outros organismos non se lembran nunca, nin lle queren dar contido, é o claro texto do artigo 2 da Constitución cando fala do patrimonio cultural das linguas na España e que esa riqueza “será obxecto de especial respecto e protección”. Do mesmo xeito que, logo, no Estatuto de Autonomía, no seu artigo 5, se nos di que “os poderes públicos (...) potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa”. Non en vano, polo tanto, desprezar o valor da toponimia oficial, tamén para o seu uso oficial, pois, falando, cada un faino coma lle peta, e, deste xeito, o “Sobrado dos Monxes”, ou “A Coruña”, ou “Sanxenxo”… –e así poderiamos seguir– non poidan pasar a ser o “Desván de los Monjes”, “La Coruña”, ou Sangenjo”, segundo lle pete á organización seudo-política que sexa.

martes, 4 de xaneiro de 2011

Por fin, o galego estará presente no Senado

Despois de moitas voltas e continuas polémicas, o galego vai deixar de estar prohibido no Senado. A historia levou o seu tempo. No mes de abril Feijóo manifestárase en contra de que se permitira o uso da nosa lingua na cámara de representación territorial, e houbo unha chea de outras intervencións, como a de Rafael Cuíña amosando as súas contradiccións, a de Monxardín elaborando unha estraña teoría para xustificar que o galego debía ficar para usos residuais, do senador Van-Halen, calificando o uso do galego como unha ridiculez, ou do ex-presidente da Xunta, Manuel Fraga, nunha penosa intervención no Senado comentada no seu día nun artigo de Cris Moss. Pola conta Iria Taibo facía unha defensa directa da lingua galega.
Todos os avances na normalización custan un mundo, e este caso non é unha excepción. A pesar de que se recoñece un dereito que indica moi claramente cal é o estado de desprezo das linguas periféricas do estado, o permiso chega cheo de oposción tal e como se comenta no artigo do Galicia Hoxe do que deixo este extracto:
"O uso dos idiomas cooficiais custará 11.950 euros por sesión, cifra moi criticada, precisamente, polo nacionalismo español, que o considera un gasto superfluo. Mentres que as axencias españolas informaron onte polo miúdo do gasto que supón o novo servizo, non informaron pola contra dos postos de traballo que se crearán."