Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta serie. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta serie. Amosar todas as publicacións

domingo, 9 de maio de 2010

Os agróns, os berros, os gritos, los gritos.

Foi na manifestación do 21 de xaneiro cando volvín a ver a Ana e alí contoume este conto.
Ana é unha persoa moi comprometida coa lingua. Non é un compromiso só teórico, fala sempre en galego, colabora en varias asociacións de defensa do galego e nesa lingua educa aos seus fillos. Ana ten unha rapaciña que debe andar agora polos sete anos. Ata aquí todo ben.
O problema é que viven nunha cidade e que o ambiente no que se move a nena fóra do ámbito familiar ten que ser opresivamente castelán-falante. Por iso naquela ocasión, na do conto, sucedeu o que relato agora.
Ese día Ana púxolle unha ensalada de agróns na comida.
- Agróns? Que é iso? -pregunteille eu.
- Seguro que ti os coñeces polo nome en castelán: os berros.
- Pois si - tiven que lle contestar. Mal anda a nosa lingua, pensei, cada vez substituímos máis palabras do noso idioma por outras en castelán e finalmente acabamos falando un galego deturpado, e o peor xa non é que esta substitución non se dá só no vocabulario, senón que cada vez usamos unha sintaxe que lle dá forma castelán ao que pretendemos dicir en galego. Teño que coidar a miña lingua. Témola que coidar e procurar falar con xeito. Agróns, apuntei no meu vocabulario. Ana continuou o conto.
- Pois para que vexas o odio que a nena lle colleu á nosa lingua, cando lle puxen a ensalada de agróns na mesa, a nena, que non lle gustan nada, berrou: "no quiero gritos"
O vindeiro luns 17 hei de ir á manifestación convocada por Queremos Galego e entre berro e berro de reivindicación do ensino en galego, se atopo a Ana, preguntareille se agora xa come os agróns, que o comer non é cuestión de gustos, senón de necesidade.
Un vídeo de regalo sobre o mesmo tema:

martes, 23 de marzo de 2010

Antonte, hoxe, mañán.

Hoxe A Xunta comeza a publicitarse en Galiza en español
Antonte, na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que forma parte do goberno galego, reproducían as palabras de Anxo Lorenzo :“Eu creo que estamos todos nesta liña –reafirmou o responsable de Política Lingüística–; na liña de que é necesario instar á utilización da lingua oral, con calidade, para que poida servir de modelo de referencia"
Hoxe o Goberno defende o seu 'dereito' a non usar o galego nos anuncios que paga na autonomía, unha aposta polo español inédita mesmo na era Fraga. "A Xunta ten que velar polo uso das dúas linguas", e ás veces incluso das tres. O importante é reducir, acoutar, minimizar o galego.
Hoxe íomos pola radio:"La Xunta informa ...". Así comezan moitas das cuñas sobre o apagamento analóxico que está a emitir a Xunta de Galiza a través de, polo menos, unha das cadeas privadas de radio máis importantes de Galiza. Deben ter razón, como non podemos oir ningunha cadea de radio en español, convén que, cos nosos cartos, cos destinados ao goberno galego, paguemos todos para que a lingua omnipresente o sexa un pouco máis, e a reducida, a minorizada, tamén o sexa un pouquiño máis.
O Goberno ten a obriga legal de usar o galego como lingua de traballo e de promocionar o seu uso a novos eidos. De feito, até hoxe e mesmo na era Fraga, a Xunta sempre se publicitou exclusivamente no idioma propio dentro de Galiza.
E mañán? Isto?:

mércores, 3 de marzo de 2010

O galego, o gallego, el gallego

Sen comentarios

O leite, a leite, a leche, la leche.

Este é o conto da leiteira.
Algúns din que a leiteira era de Rellas, outros que de Cortegada, e se lle preguntades a calquera da Bandeira, dirá, por suposto que a leiteira era veciña deles de toda a vida.
A cousa foi que a leiteira comenzou tendo catro vacas, alá en en tempos, cando o leite valía algo. Era moi espilida, sabía tratar cos bancos, e non tardou en montar un establo bastante grande. A cousa marchaba ben. Ata pensou e comercializar ela mesma o seu leite.
A leiteira era unha muller asisada, non como a do conto, tiña os pés na terra. Estaba orgullosa de ser quen era, de ser galega. Por iso sabía que o seu leite estaría etiquetado en galego, só en galego, para que se soubese de onde viña, e que era un produto de calidade, sen químicas. Ata lle tiña pensado o nome , sería O Leite, así, simplemente.
Volveu aos bancos, aos créditos, á compra de naves, de maquinaria, pero tivo que parar en seco. Un funcionario, un da consellería díxolle que non era posible, que a súa leite tiña que comercializarse en castelán, pois REAL DECRETO 1334/1999, de 31 de xullo, no seu artigo 18 decía:

Artículo 18. Lengua en el etiquetado.
Las indicaciones obligatorias del etiquetado de los productos alimenticios que se comercialicen en España se expresarán, al menos, en la lengua española oficial del Estado.


A leiteira loitou. Durante anos. Viñeron tempos peores, pagábanlle menos polo produto, aumentábanlle as facturas, a compra das cotas... En definitiva, como decía o seu fillo: isto é a leche!
Non lle quedou outra alternativa que deixar o seu soño aparcado. Agora véndelle todo o que lle dan as vacas a unha multinacional, moi coñecida, que comercializa, queixos, iogures, postres e toda clase de produtos lácteos coa marca: Que te pego, leche! . O slogan: La leche mejor preparada.
Quen sabe a química que lle botan! Di a nosa leiteira, e con razón.

P:D: A nosa lingua corre o perigo de dialectalización. A situación non é para botar foguetes. Cada vez máis xente deixa de dicir o leite, para cambiarlle o xénero ao coincidente co castelán: a leite.
O seguinte paso, eu xa o teño oído, comenza por frases como Nesa cafetería utilizan unha leche moi mala. E nese devalo andamos. Podémolo parar se estamos orgullosos, como a leiteira. Que sigue loitando.