Un blogue destacado da arañeira galega é o
Capítulo Cero de Manuel Gago. Así que, para comenzar unha serie de referencias sobre a blogosfera gastronómica galega, teriamos que comenzar polo apartado de
Capítulo Cero adicado á
gastronomía, unha referencia por calidade, rigurosidade e incluso por antigüidade.
Dos blogues adicados exclusivamente ao aspecto culinario, o primeiro que atopei foi
Bolboretas no bandullo, que leva publicando un par de receitas por semana desde hai máis de dous anos. Son comidas de elaboración sinxela e que ademais ten a axuda de fotografías de todo o proceso.
Kukiñas é un blogue bilingüe, pero non bilingüe ao estilo excluínte, senón bilingüe galego-inglés. Publica un par delas por semana e veñen acompañadas de fotos orixinais e orixinalmente asinadas. Ademais de varias categorías (cociña tradicional, oriental, lambonadas,...) tamén ten as receitas ordenadas por orde alfabética, o cal é toda unha ventaxa para buscar algún prato en especial.
Eu o que quero é xamón destaca por unha presentación clara, acompañada de fotografías que abren o apetito. Non se limita a expoñer a receita pois podemos encontrar comentarios e información sobre produtos ou tradicións culinarias doutros lugares. Unha outra virtude deste blogue é que nos dá acceso a outros da mesma temática na blogosfera galega, algo que sempre é de agradecer. Así que as seguintes son mérito exclusivo dos autores de
Eu o que quero é xamón.
Receitas para todos os días é o blogue de Raquel Vergara, outro con fotos espectaculares. As receitas veñen numeradas paso a paso. De especial interese para os celíacos.
As pequenas viaxes (e algo de gastronomía) está mantido por José Luís Oliveira Varela, emprega unha visualización do blogger pouco habitual e ofrece unha versión en castelán das súas entradas. Tanto este blogue como os outros aquí presentados poden seguirse a través dos seus perfís nas redes sociais. Todos eles ofrecen algo máis que posibilidades gastronómicas, son tamén un exemplo da vitalidade social da normalización.
Teño a certeza de que hai 20 ou 30 anos isto sería imposible, non porque non houbese internet, senón porque daquela a educación represiva e o discurso oficial paternalista dunha lingua coutada e infantilizada, impedía que abrollase espontánemente a lingua galega en público. Lembremos que antes de que A Mesa realizase as súas campañas para a rotulación dos comercios na época de rebaixas, ningún comerciante as anunciaba espontáneamente en galego. Agora, acabamos de velo, isto non é así. Sen ningún tipo de premeditación, creáronse varias publicacións gastronómicas que abren para a nosa lingua un novo espazo ao tempo que demostran que o galego pode estar presente en calquera tipo de ámbito público. Hai vitalidade e cómpre que todos, individual e colectivamente, premiemos este tipo de iniciativas. Así, que parabéns e grazas a todos eles.