Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Administración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Administración. Amosar todas as publicacións

luns, 31 de marzo de 2025

Regular a planificación lingüística galega: unha tarefa necesaria e inaprazable


 por Carlos Amoedo no Praza Pública:

Con algunhas engádegas, o presente artigo recolle a intervención do autor na Mesa Administración, Xustiza e Servizos Públicos, do Foro Participativo Un País coa súa lingua, organizado o 20 de marzo polo Consello da Cultura Galega. Agradezo ás coordenadoras desta mesa, as doutoras Dolores Vilavedra e Alba Nogueira, o convite a falar sobre a situación do galego no ámbito da Administración Pública; e a todas as participantes, o seu estimulante debate. 

xoves, 27 de maio de 2021

O galego na Administración

 por María Canosa en La Voz de Galicia: 

Temos que adaptarnos aos tempos da era dixital. Enténdoo. Pero, para iso, deben ofrecernos as ferramentas axeitadas. Hai máis dun mes que tiven que presentar unha factura dixital. A administración permite facelo, de xeito gratuíto, mediante a ferramenta FACe. Alá fun. Xa lles comunico que os dous teléfonos que había para poñerse en contacto co soporte técnico deixaron de funcionar no 2019. Ben me terían axudado se alguén me puidese resolver as dúbidas... Pero é practicamente imposible.

 

luns, 17 de febreiro de 2020

Promovermos o galego no eido xurídico

por Xoán Antón Pérez Lema, en Nós Diario:


Neste país os administrados e os seus avogados temos pleno dereito ao uso da nosa lingua perante todas as Administracións, dacordo coas leis galega de normalización lingúistica, estatal de procedemento administrativo común e orgánica do poder xudicial e coa Carta Europea das Linguas Minorizadas. Este dereito adoita ser limitado na praxe ou mesmo descoñecido na Administración periférica do Estado (nomeadamente perante a Axencia Estatal Tributaria-AEAT e a Administración da Seguridade Social) e tamén na Administración de Xustiza.

sábado, 27 de abril de 2019

A descompensación lingüística

por Xurxo Martínez González en Luzes:


Joan Tardá: ¿Tengo derecho a responder en catalán?
Xuíz Manuel Marchena: No.

Esta secuencia viviuse na sala do Tribunal Supremo que xulga o Procés. Ten un aquel lingüístico que expresa, con rotunda negativa, unha situación de desigualdade idiomática. A pregunta é directa, a resposta é monosilábica.

martes, 3 de xaneiro de 2017

SIGUE, o primeiro agravio da Xunta ao galego do 2017


Se estes días un entra no portal do SERGAS poderá ver destacada unha aplicación móbil para a localización de centros de saúde e de consultas. O primeiro que me chamou a atención foi o seu nome, SIGUE, que é a forma do imperativo do verbo seguir, pero que en realidade é o acrónimo de 'Sistema Inteligente de Geolocalización de Usuarios en Edificios'. Un novo agravio á lingua galega que chega desde a administración pública, que nos ofrece unha conexión entre a modernidade (aplicación móbil) e a exclusión do galego.
Se accedemos ao Google Play para descargar a aplicación veremos que toda a información da mesma o galego fica desaparecido. Se imos á guia rápida que nos ofrece o SERGAS, tal e como vemos na imaxe, ofrécesenos únicamente o programa en castelán. Por outra banda, o da guía rápida merece comentario aparte. Consta a guía de media ducia de frases, na súa versión en castelán, sen problema ningún, mais na versión en galego toda clase de barbaridades na escrita.
Sobra dicir que na app o galego non ten ningunha presenza. Cada vez que vexo unha destas cousas, pregúntome que é o que está a facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

P.S.: Despos dun aviso que me fixo a conta de twitter @Xunta teño que rectificar. Nese aviso explicábanme que na aplicación había opción a cambiar de idioma a galego ou inglés. Despois de remexer na configuración da mesma vin que tiñan razón. Velaí que o galego ascendeu á categoría de lingua estranxeira.

martes, 31 de maio de 2016

Oposicións contra o galego

A Mesa denunciou que nas oposicións do Sergas celebradas esta pasada fin de semana, no caso de faceren a proba en galego debían ter en conta que prevalecería o enunciado do cuestionario en castelán. Incluso facían unha advertencia de que podería haber discrepancias no texto en galego, porque se entendía que o orixinal, o exame de verdade digamos, estaba escrito en castelán, e a versión en galego só era unha tradución. Ademais ao ser o galego unha lingua pouco apta para o emprego de terminoloxía científica, o Sergas insistía que o uso da versión en galego non ofrecía garantías legais nunha proba da importancia dunhas oposicións, na que os examinando se estaban xogando o posto de traballo. Concretamente, o punto 8 das instrucións para a correcta elaboración da proba dicía:
En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.
Aclaro unha cousa. Este texto non aparecía na convocatoria publicada no DOG.Entregábaselle aos opositores no momento de realizar a proba porque ben saben os responsables do Sergas que este atropelo é ademais ilegal. Pois ben, non é a primeira vez que o fan.



O pasado 23 de xaneiro celebráronse en Silleda as primeiras oposicións do ano. Había convocadas, entre outras, 205 prazas de enfermería. Outra vez, na convocatoria desta oferta pública de emprego, non aparecía este insulto aos galego.
Veremos como ante esta animalada calará o presidente da Xunta, calará o conselleiro de sanidade, calarán tamén os de educación e cultura e outro tanto fará o secretario xeral de política lingüística. Ningún deles vai dimitir por esta razón xa que están aí para iso, para facer o que fixeron.

mércores, 25 de novembro de 2015

MANIFESTO QUEREMOS GALEGO NA ADMINISTRACIÓN LOCAL DE CEE

A Mesa está promovendo a sinatura deste manifesto polo galego no Concello de Cee:

Gonzalo López Abente, sobranceiro escritor e académico muxián, traballador da banca «depurado» polos franquistas polo seu galeguismo, foi quen de reivindicar a defensa do uso da nosa lingua aínda en pleno vigor do réxime, cando o 27 de xullo do 1941 pronuncia en galego o seu discurso de entrada como membro numerario na Real Academia Galega (RAG) no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co título A Terra e a poesía de Eduardo Pondal. Nun dos seus parágrafos sobre o uso da nosa lingua afirma:

xoves, 4 de xuño de 2015

O galego está "colapsado"


Despois de varias denuncias na Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística (linhadogalego@amesa.gal ), decidiron comprobalo directamente. O resultado foi sempre o mesmo:
o servizo de atención está "colapsado". Iso debería significar que hai unha enorme cantidade de persoas que solicitan en todo momento unha atención en galego polo que a administración de facenda debería dotar de profesionais suficientes (e non deberían ser poucos, despois de visto isto)  para que non se siga dando esta falta de respecto aos galegos.

domingo, 21 de setembro de 2014

A política lingüística contra o Plan

O pleno do parlamento do 21 de setembro do 2004 aprobaba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL): o camiño polo que debía discorrer a política lingüística nos anos seguintes distribuído en 445 medidas. Porén cinco anos despois (2009) tanto a Academia Galega como o Consello da Cultura Galega víronse na obriga de facerlle un chamamento ao goberno de Feijóo polas decisións que se estaban enxergando naquel momento que se comenzarían a tomar en breve, todas en contra dese Plan.
Pasaron outros cinco anos e a cousa non foi a mellor,  todo o contrario. Prolingua avisaba da situación de emerxencia na que o goberno galego situou á lingua galega despois da política lingüística desenvolta nestas dúas últimas lexislaturas. A Mesa publicaba un informe denunciando o incumprimento do PXNL e instando ao goberno á volta ao consenso, abandonado sectaria e unilateralmente polo Partido Popular. A pesar de que se reduciron moito as referencias ao PXNL, no discurso oficial continuamos a velas aínda a día de hoxe:

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará á totalidade de concellos da RDL cun total de cinco actividades e 150 sesións de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do noso idioma na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade en galego
Claro que  isto significa que todas as propostas en materia de política lingüística da Xunta no ámbito da infancia, mocidade e familia se reducen a que, se cadra,  a un de cada dous concellos poida chegar unha actuación teatral ao ano. Pois non hai ningunha outra proposta por ningures. Pola contra por orde dese mesmo goberno retiráronse milleiros de libros de texo das escolas por estaren redactados en galego.
Para conter a indignación que xenera este ataque frontal contra a lingua galega emítense desde as oficinas de prensa da Xunta unha serie de mensaxes que xeneran ideas erróneas sobre a realidade lingüística da nosa sociedade. É moi habitual, por exemplo, escoitar argumentacións que dan a entender que a redución de galegofalantes ten as mesmas características que unha plaga bíblica e que, polo tanto, non pode facerse nada desde as posibilidades que permite o densolvemento dunha ou doutra política lingüística. Nada máis falso. Esta mesma semana a rede CRUSCAT-IEC presentou un estudo no que se evidencia o fortalecemento do catalán en Cataluña así como dunha "involución sen precedentes" en Aragón, Baleares e Valencia debido, no primeiro caso ás boas prácticas na política lingüística e ás malas nos outros tres. Destacábase no informe que a maior involución se daba no ámbito educativo, fundamental para apuntalar un bo plan normalizador. Aquí é habitual escoitarlle ao secretario xeral de política lingüística que para porlle freo á perda de transmisión interxeneracional hai que poñer o foco nas familias,  no hábitat [sic], na sociedade..., pero non na política educativa. Sabemos que establecer  liñas  exclusivamente na educación non son garante o éxito normalizador pero sen o apoio deste pé non se poden dar pasos cara adiante.
A Xunta viroulle as costas ao galego. A proba verémola hoxe mesmo, ante este aniversario do PXNL non hai programado ningún acto oficial para celebrar a data. Teremos que darlles a razón, non hai nada que celebrar. Non fagades festas! A lingua galega está de loito.

De seguido, un repaso dalgunhas liñas de actuación da Xunta contra o PXNL. Hai máis, non as engado por falta de tempo, non porque non haxa máis que, desafortunadamente, si que hai.


Na educación.
As maiores dificultades que encontra o goberno no seu empeño de promoción da nosa lingua veñen precisamente do propio goberno. Basta con poñer uns poucos exemplos.
O PXNLG di, concretamente nas medidas 2.126 e 2.1.27 que as matemáticas e a tecnoloxía impartiranse en galego no ensino non universitario. O decreto 79/2010 asinado e promovido por por Jesús Vázquez explicita exactamente o contrario nos artigos 6.3 e 7.3.
O punto 2.1.6 di que a Xunta establecerá "a obrigatoriedade de coñecer a lingua galega para acceder á docencia en Galicia" e a primeira medida do goberno Feijóo do 2009 foi precisamente o de retirar en todas as probas de acceso ao funcionariado esta garantía de servizo ao cidadán en lingua galega.
O PXNLG di que se debe garantir que o alumnado do ensino non universitario reciba un mínimo dun 50% de docencia en galego. O decreto 79/2010 establece o 50% como máximo cun engadido de que tendencialmente se reducirá ao 33%.
O PXNLG di  que será un obxectivo o de 'garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia' e para acadalo establecía as medidas 2.1.22, 2.1.23, 2.123, 2.1.24 , 2.1.25 e 2.3.4 que asegurase para todos os nenos galegofalantes un primeiro ensino en galego así como un mínimo dun terzo en contextos castelanófonos. A Mesa publicou un informe que establece nun 3% a porcentaxe de centros que traballan en galego nas etapas infantís.
A medida 2.3.9 do PXNLG propoñía que a ' TVG que sitúe en horarios de maior audiencia o programa “Preescolar na casa”'. En contra das protestas e das mensaxes de apoio á iniciativa "Preescolar na casa", a Xunta púxolle o peche definitivo a este programa educativo infantil.
E que dicir da redución constante aos Equipos de Normalización dos centros de ensino nestes últimos cinco anos?: 70% menos de orzamento, redución de dispoñibilidade horaria para a realización de tarefas normalizadoras, falta de apoio organizativo e institucional, atrasos nas convocatorias de axudas,...

Nas administracións.
A medida 1.2.3 do PXNLG establece que 'todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita'. Pola contra as medidas adoptadas van na dirección contraria pois desde o 2009 pódese acceder a unha praza de funcionario sen realizar ningunha proba nin de nin en galego.
A medida 1.3.5 do PXNLG di que se debe 'verter ao galego os programas informáticos de xestión e os formularios de uso cotián e garantir a súa presenza en todos os órganos xudiciais de Galicia'. Desde o 4 de maio do 2010 púxose en marcha un novo programa de xestión das tramitacións xudiciais exclusivamente en castelán. Van catro anos e medio de exclusión completa do galego da administración de xustiza.

Na vida pública e na empresa privada.
A medida 2.4.19 di que se debe 'fomentar a dobraxe ao galego do cine exhibido en Galicia e garantir a súa distribución e exhibición en condicións de igualdade respecto do cine en castelán'. Propoñía a dobraxe de polo 10 filmes anuais. Hai alguén que poidera ver unha película en galego no cine nos últimos 10 anos?, e nos últimos 30 anos?
A medida 2.1.38 do PXNLG determina que debe haber un 'compromiso do Goberno para que os conselleiros e altos cargos da administración autonómica se comprometan a desenvolver o seu labor e a súa relación con administradores e administrados en galego'. Por mostrar só unha evidencia, lembremos que pretentación de Feijóo dos contratos con Pemex, alén de atentar contra a lei electoral, foi un desprezo a todo o pobo galego por ser realizado íntegramente en castelán. Durante toda a lexislatura multiplicáronse os casos nos que os conselleiros realizaron intervencións en español no labor de desenvolvemento do seu cargo.
Medida 2.4.2 do PXNLG indica que se debe  'fomentar o uso do galego nos ámbitos sociais de máis impacto e utilización por dos máis novos (pubs, discos, bares musicais, etc.)...', e a 2.4.11 aposta polo 'fomento da utilización do galego nas actuacións e actividades musicais'. Pola contra a propia Consellería de Cultura e Educación mantén un programa e un portal, Galicia importa, exclusivamente en español. Así que xa non pararemos a buscar os inexistentes soportes en galego (medida 2.4.12) que difunden actividades de interese para a mocidade, nin andaremos á procura deses programas en galego destinados á mocidade (mediad 2.416), pois os poucos que había, como o da Radio Galega, Aberto por Reformas, foi un dos primeiros en ser pechado polo goberno Feijóo.
Medida 3.1.21: 'A Administración Galega realizará a súa publicidade en Galicia en galego' . No mes de maio do 2010 a Xunta presenta a súa primeira campaña en castelán: Ahora Galicia conecta contigo. Isto converteuse nunha obsesión. Lembremos a estrañísima campaña: Galega 100%, referida ao leite galego.
A Xunta debería promocionar, segundo a medidas 3.2.15, 3.2.16 e 3.2.17, a tradución ao galego. A resposta:  baixan un terzo no 2011, e volven a reducirse nun 20% no 2012, e novas reducións para o 2013 e 2014
E sobre as medidas 4.2.x, que son as que teñen que ver co comercio galego? Aprobouse unha lei do comercio sen ningunha referencia á normalización. Lembremos que o anteproxecto presentado no 2008 si garantía os dereitos lingüísticos dos usuarios.

Nos medios e na cultura
O punto 3.1.17 indicaba que se deberían asinar "Acordos cos diarios de maior tirada, para ir aumentando a presenza do galego, atachegar en 10 anos a un mínimo dun 30%" Outras medidas establecían que as axudas aos medios só se achegarían despois de obxectivos cumpridos ou a promoción de xornais de ámbito local redactados en galego. Non vou repetir aquí a lista de medios en galego que pecharon non últimos anos, só lembrarei un detalle que explica cal é a forma de actuación da Xunta: o ano pasado a campaña institucional do Día das Letras emitiuse en todos os medios agás naqueles que tiñan o galego como lingua.
Se houbo un colectivo destacado pola plena normalización éste foi o do teatro. Os paus que recibiu nas últimas lexislaturas son antolóxicos.

domingo, 13 de abril de 2014

Blanco Amor connosco

por Xosé González Martínez, sobre o encomiable traballo de relanzamento do premio literario Blanco Amor, no Faro de Vigo:


O día 1º de decembro de 1979, falecía en Vigo Eduardo Blanco Amor. Coa súa morte a literatura galega perdía un dos mellores cultivadores da novela. O Concello de Redondela por aquelas datas quixo amosar o seu pesar por tal perda convidando aos concellos galegos a participar na primeira iniciativa cultural municipalista coa creación dun premio que levase o seu nome. A resposta foi inmediata: trinta e cinco corporacións municipais aprobaban nos respectivos plenos o apoio con cadansúa aportación de vintecinco mil pesetas para poñer en marcha un proxecto que habería ir rotando polos concellos mediante sorteo.

xoves, 19 de decembro de 2013

A situación do galego na Administración de xustiza (I)

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de Prolingua:

Ninguén ignora que a Administración de xustiza foi sempre e segue a ser un dos ámbitos da nosa sociedade menos permeables e permisivos ao uso da lingua galega. Nos últimos anos a situación empeorou, sobre todo a causa da eliminación das escasas ferramentas coas que se contaba e que permitían, con moitas dificultades, facer parte do traballo en galego. Así ocorreu cos modelos neste idioma

xoves, 5 de decembro de 2013

Comunicado da RAG ante o rexeitamento de certificados en galego

A Real Academia Galega fai público o seguinte comunicado., oportuno e necesario.

¿O galego é unha lingua?

por Pilar García Negro, en La Voz de Galicia:

Apergunta non é retórica. ¿Que vén sendo a lingua galega para o Ministerio de «Economía y Competitividad» cando decide rexeitar solicitudes de universitarias-os galegos para dispoñeren dunha bolsa predoutoral, por esas solicitudes cometeren o grave pecado de incluíren certificados de estudos en galego? ¿Un refugallo? ¿Un resto antropolóxico en vías de extinción?

luns, 2 de decembro de 2013

O galego, dobremente negado

É fundamental que os organismos oficiais nos trasladen as súas mensaxes en galego. Como isto é o que se espera das administracións, cando a lingua na que se comunican cos cidadáns é o español, non tardamos en entender que todo o que ao seu arredor se nos traslada en galego non é máis que unha forma burda de hipocrisía. Así tomamos nota de que a verdadeira lingua dese organismo non é a nosa, e que se queremos ir polo rego do poder, temos que cambiar de lingua.
Nesta foto temos un exemplo do que é habitual no noso paso polas rúas e, máis en xeral, polo cotián deste país. O Ministerio por ser español renega e prohibe o galego. As súas mensaxes, os seus carteis nunca nos chegan na nosa lingua. O estado español nunca aceptou a galega como lingua baixo ningún parámetro de oficialidade. Basta poñer como exemplo o caso dos estudantes aos que lle foi denegada a beca por presentar algún papel en galego.
E a Deputación? Teríamos que pensar que estes organismos que actúan única e exclusivamente dentro do territorio galego, deberían respectar aos seus cidadáns e á súa historia. Volvemos a ver no sinal que a Deputación non fixo valer a súa territorialidade para que o anuncio se nos dirixira en galego. Porén somos nós, os cidadáns galegos os que cos nosos impostos sostemos ministerios e deputacións. Eses cartos que saíron dos nosos petos en galego, veñen de volta devaluados e baixo a alfándega do español.


sábado, 9 de novembro de 2013

Sonunemprendedor

por Xosé Henrique Costas, nas Voces de Prolingua:


Si, así di o locutor dunha cuña publicitaria en galego que se emite estes días nas emisoras radiofónicas do país. Escóitase unha voz dun home novo que di de entrada sonunemprendedor con dous enes alveolares rechamantísimos que estoupan coa violencia de dous petardazos fonéticos nos oídos de todos os galegos e galegas que o escoitamos. E máis adiante, na mesma cuña, volve repetir sonemprendedor para remachar o cravo e por se non queriamos caldo.

domingo, 21 de abril de 2013

Equilibrio contra imposición. Reeditada.

Outra vez teño que agradecerlle a Prolingua, non xa que publique unhas liñas miñas, senón que remexan no meu blogue interesándose por elas. Así, grazas a eles recupero esta anotación do 07/10/2010, na que facía referencia a unha nova aparecida no dixital da Nosa Terra, tristemente desaparecido.

Para entendermos como andamos no asunto da normalización lingüística, basta con pensar un par de minutos no que A Nosa Terra nos revela como "un dos aspectos menos comentados do proxecto de reforma do Rexistro Civil que se debate arestora no Congreso dos Deputados" e que consiste na "posibilidade de empregar o galego para todas as inscricións e anotacións dos expedientes abertos en Galiza" .
Velaí outra vez destapada a imposición.Polo momento, e van alá 30 anos de goberno autonómico, aínda ninguén pode inscribirse no Rexistro Civil facendo uso de documentos en galego. O máis estraño é que neste ámbito non se oen as voces que pregoan o equilibrio entre galego e castelán, e o máis triste é que mire un cara a onde mire, o panorama é igual. Se un quer sacar o carnet de conducir, onde ten textos ou tests en galego?, se un se achega a pagar o IVE da empresa á Axencia Tributaria, a ultimar os trámites ás oficinas da Seguridade Social, quen lle ofrece os modelos en galego? E cando un vai ao notario de seguro que non vai atopar ao defensor do equilibrio lingüístico, reclamando un estrito 50% de notarías en galego.Os equilibristas só aparecen cando se dá algún paso, aínda que sexa feble, na normalización lingüística. Así sucedeu no ensino, que cando se chegou a asentar un 35% de aulas en galego, e comezábamos a dar pasos cara a unha mínima presenza e visibilización da nosa lingua, inzaron polos medios como setas no outono os zunantes do equilibrio.A ver se vai ser que o equilibrio é o mesmo que a imposición.

venres, 30 de novembro de 2012

*Junta de Galicia


Venres 30 de novembro. O BOE publica o nomeamento de Feijóo como presidente da *Junta de Galicia.
Poderíamos pensar que se trata da manipulación dun documento oficial por parte de alguén con folgos para botar a andar un disparate como o que aparece aquí retratado. Pero non, é algo peor. É a realidade, é como  o centralismo que despreza todo o que non é o seu embigo trata aos que considera como súbditos de segunda (de provincias, din eles). Os BOEs están inzados de *Juntas de Galicia. O Consello Europeo emitía un informe hai poucas semanas no que se lle pegaba un tirón de orellas ao goberno español por non cumprir os seus compromisos en materia de normalización lingüística dos organismos estatais. Velaquí o caso que fan.
Non está de máis recordar que temos unha lei de restauración da forma galega dos nomes e apelidos. *Rajoy Brey e * Núñez Feijóo, os apelidos que aparecen neste texto, corresponden a dous políticos que por veces presumen de galegos. Vese que non exercen desde a mesma presentación da súa identidade.
 n Madrid non importa o nome oficial que teña a Xunta, nin se no territorio administrado pola mesma temos unha lingua e unha cultura de noso. O desprezo abrolla en forma de bautismos esperpénticos.
Desta vez non é o caso de estarmos ante un agravio comparativo. No BOE do mesmo día podemos ver referencias a unha tal *Generalidad de Cataluña.
Así nos vai.
Vía A Nosa Terra (facebook)

luns, 3 de setembro de 2012

ORAL ou como a Deputación de Pontevedra exclúe o galego

Non  vou  comentar aquí o evidente atraco aos veciños da Estrada que supón o incremento do 100% nos recibos do IBI (os do catastro) cando ademais xa temos asegurada unha subida posterior para o vindeiro ano doutro 20%.
Non vou comentar o caso de quen tivera que pagar un recibo de 200 € o ano pasado e pase a ter que aportar agora 400 € ou 480 para o vindeiro ano nunha situación social de características verdadeiramente alarmantes ao contabilizarmos un incremento dos parados do concello de case un 50% nos tres últimos anos.
Non o vou facer porque do que se trata nesta ocasión é de denunciar que unha vez máis as administracións públicas, neste caso a Deputación de Pontevedra, gasta os cartos dos contribuíntes en aplicacións informáticas nas que se exclúe por completo o galego. Trátase da oficina virtual para o cobro de tributos (ORAL). Claro que cando se anunciou a posta en funcionamento desta oficina virtual, explicárase que estaría dispoñible tamén en galego. E non o está.
Outra vez anunciase unha cousa e finalmente acabamos sufragando a imposición do castelán, incluso para pagar, en todos os eidos da administración pública. Con estes exemplos non é de estrañar que falar de trasladar a normalización lingüística á iniciativa privada é un insulto á intelixencia dos cidadáns.
O procedemento é sempre o mesmo. De cara á sociedade proclamamos palabras de amor e de defensa do galego. Pola contra a realidade demostra que despois se trata con desprezo e minusvaloración. En concreto neste caso simplemente bótase ao lixo e non se ten en conta máis que para destacar o caro que nos custa a normalización. Mentras, os cartos que se recaudan cada vez con máis iniquidade revirten sempre na ominipotente persistencia do español. Entón un pregúntase para que serve a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

venres, 27 de xullo de 2012

A resposta da SXPL á proposta da CTNL de mellora dos Celga

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fixo público un moi completo estudo da situación e planificación do sistema de acreditación da competencia en lingua galega para persoas adultas, coñecido como Celga. 
A crítica fundamental do funcionamento dos Celga desde a súa implantación hai cinco anos reside en que toda a estrutura deste sistema ten as costas viradas á normalización. Creouse un Celga que non ten en conta a situación sociolingüística de Galicia, cun deseño máis acaído para estudantes de segundas linguas e con moitos problemas adicionais no seu funcionamento. 
A implantación actual do sistema Celga parte de tomar como verdadeira un feito demostradamente falso: que aqueles que teñen un determinado título (ESO ou BUP) teñen adquiridas tamén todas as competencias que se establecen para os Celgas 3 e 4 respectivamente. Aceptar isto é tamén pecharlle as portas á normalización a todos os traballadores da Administración. Ademais desde o 2009, para acceder a este tipo de traballos non é necesario acretitar ningún tipo de coñecemento da lingua galega.
Entre as outras críticas que lle fai ao actual sistema Celga están a imposibilidade de obter mediante probas específicas o Celga 5, a falta de planificación á hora de ofertar cursos para a obtención dos distintos niveis do Celga, o farragoso sistema que impón unha preinscrición previa antes de saber se vai realizarse o curso, a necesidade de cambiar os obxectivos dos cursos, a necesidade dun sistema de probas de nivel para orientar ao alumnado, redución das ratios para garantir a calidade, dotación de recursos, e sobre todo adaptar o sistema ao contexto creando cursos para galego-falantes, para mellorar actitudes e usos, con máis tempo de formación, con módulos de alfabetización, fornecemento de materiais didácticos,.... E tendo en conta aos Servizos de Normalización Lingüística.
O documento pódese consultar aquí. Agora é a SXPL quen ten que responder a todos e cada un dos puntos que se propoñen. Creo que non me equivoco se adianto que non o vai facer. Daranse boas palabras (agora sí, o anterior secrtario xeral nin iso), remexerase un pouco a idea-comodín de que a situación económica é moi mala, incluso poden chegar a dicir que tomarán nota dunha achega tan interesante... e todo continuará igual. Outra vez desperdiciaremos un enorme capital humano que temos.
Efectivamente, hai ideas, hai propostas, hai moitas persoas dispostas a poñelas en práctica co fin de mellorar o sistema de formación e acreditación en lingua galega centrado na normalización e para dar un pequeno e esencial paso na mellora da saúde da nosa lingua en ámbitos tan necesitados como a Administración. Pero os que teñen o poder non están dispostos a ningún avance para os usos e actitudes do galego porque iso vai en contra dos seus intereses máis inmediatos.
Pois ben, se estou no certo, veremos unha vez máis unha actitude que é o contrario do goberno, o contrario de facer país, de construir lingua. Entón debemos preguntarnos por qué os que teñen a iniciativa fican fóra dos ámbitos de decisión e que cada un apande coa responsabilidade que ten nesta e despois nas múltiples desfeitas na defenestrada normalización lingüística.

mércores, 11 de maio de 2011

A Xunta homenaxea a 'Lois Pereira'

por Cris Moss, no Xornal:


O Día das Letras Galegas está cada vez máis preto e todas as organizacións ou administracións afánanse en pechar as súas axendas de actos para homenaxear ao poeta Lois Pereiro, ao que este ano se adica a data. A Escola Galega de Administración Pública, dependente da Consellería de Presidencia, tamén anda neses mesteres.
No entanto, no seu plano de actividades –nas que se inclúe un recital de poemas, unha mostra colectiva de artes e letras e, xa o día 17, unha ruta cultural– a administración autonómica decidiu cambiar sobre a marcha ao homenaxeado. Por iso, os actos dos días 12 e 17 estarán adicados ao “galego insigne” Lois Pereira.
Este erro no apelido do escritor foi criticado onte durante unha comisión parlamentaria onde se trataron asuntos lingüísticos. Segundo o deputado nacionalista Bieito Lobeira o cambio de protagonista por parte da Escola de Administración Pública amosa “o escaso interese” da Xunta polos temas relacionados co galego.