Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Cristina Díaz Pardo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cristina Díaz Pardo. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de agosto de 2011

Iria Aboi: 'Non vexo por ningures que a lingua galega se afiance entre a mocidade'

Cristina Díaz Pardo entrevista a Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, para o Xornal:


Iria Aboi, a secretaria xeral de Galiza Nova, a formación xuvenil do BNG, non está para nada de acordo cun recente estudo da Xunta no que asegura que a lingua galega “afianza” o seu uso entre os máis mozos. Aboi cre que fai falla destinar cartos públicos para á normalización e, sobre todo, tratar de corrixir os prexuízos contra a lingua propia. “Prexuízos que volven agromar e que son os mesmos de hai quince anos”, engade. Aboi informa ademais de que o próximo 6 de setembro Galiza Nova terá un novo acto de conciliación nos xulgados logo dunha segunda denuncia por parte de Galicia Bilingüe por ,supostamente, atentar contra a honra de Gloria Lago nuns panfletos da organización xuvenil nacionalista.

O recente informe Xuventude Galega 2010 afirma que un 38% da mocidade galega usa a lingua propia mentres que un 60% emprega o castelán. Que conclusión tira destes datos?
Creo que os datos amosan ás claras que non se está a frear para nada o proceso de desgaleguización que se está a dar entre a xente nova. Non só é que non se free, senón que non se poñen medidas correctoras para evitar que esta sexa a realidade. Temos que ter en conta que dende que o PP chegou á Xunta caracterizouse por poñer en marcha unha serie de retrocesos en todos os avances que se tiñan dado, así como coutar o achegamento do galego ás franxas máis mozas de idade.

Non obstante, a Xunta interpreta que a lingua galega afianza o seu uso, xa que se incrementou a porcentaxe en seis puntos dende o estudo do 2007.
A interpretación que fai a Xunta de Galiza deste informe é moi sorprendente. Non vexo por ningures que a lingua galega se afiance entre a mocidade. O que estamos a notar, por contra, é que non se está incrementado o número de galegofalantes. A xente que fala castelán de forma habitual non pasa agora a falar galego nin moito menos. Non vexo que exista o afianzamento do que fala o PP. Creo que hai moitas causas para que iso se produza e creo tamén que o PP é o responsable directo de que a día de hoxe non teñamos unha mellor saúde na nosa lingua polos ataques que lanza a propia Administración.

Tradicionalmente a universidade galega era un marco no que moita xente comezaba a usar habitualmente o galego. Cre que segue a ser así?
Historicamente a universidade sempre foi un bo espazo para que persoas que non se desenvolvían de xeito habitual en galego comezasen a facelo. Na universidade moita xente empezou a usar o galego, a empregalo a diario e, sobre todo, a perder moitos dos prexuízos que aínda hoxe en día teñen os mozos e mozas con respecto á nosa lingua. A situación que vemos agora é que están a agromar e a manterse moitos prexuízos lingüísticos que xa había hai dez ou quince anos. Seguen estando aí perfectamente instalados e pasando de xeración en xeración. Neste contexto, e en relación coa universidade, hai algo que clama poderosamente ás alertas: ningunha das universidades galegas acada o 20% de clases no noso idioma. Que o galego desapareza das aulas o único que deriva é en que os estudantes non teñan dominio nin uso habitual del e que, por tanto, tampouco o empreguen na súa vida futura e no seu traballo. Se ti non adquires competencias lingüísticas naquilo no que te estás a formar, máis difícil será que o galego chegue aos ámbitos profesionais. A liberdade de cátedra non pode ser un impedimento para que o galego deixe de ser unha lingua minoritaria nas tres universidades galegas, tendo especial relevancia a de Santiago, a que ten mellor porcentaxe de galego pero que non chega nin ao 20%.

Falou de prexuízos. É certo que entre a mocidade galega aínda seguen a existir tópicos con respecto ao uso do galego que non se esvaecen. Que debe facer a Administración galega con este tema?
O informe deita luz sobre o feito de que en Galiza seguen operando os mesmos prexuízos lingüísticos de sempre. Segue a pensarse que o galego non é moderno, que é propio do mundo rural e de xente con pouca preparación, que non serve para a vida laboral... Con todo, cremos que houbo un período de tempo, estando o bipartito no poder e a través da especial implicación do BNG, en que se puido dar a volta a esa situación. Tratouse de que a sociedade galega, e especialmente os máis novos e as máis novas, fora a auténtica protagonista da nosa lingua e iso se conseguiu con moitas das iniciativas que se puxeron en marcha. Non obstante, este Goberno non fai que manifestar as súas obsesións contra a lingua galega, por exemplo eliminando o decreto do galego do bipartito. Recordo agora o que pasou con Xuventudegalicia.net. Galiza Nova tivo que saír a denunciar situacións esperpénticas en relación coa non utilización da lingua galega por parte das pantallas, dos contidos e dos monitores que había neste encontro. Isto non é máis que un paso atrás nun encontro que nos anos anteriores se asociaba perfectamente o galego coas novas tecnoloxías. Non é asumible que a día de hoxe tamén esteamos retrocedendo na galeguización dos campamentos de verán na Xunta, como tampouco é asumible que dende Política Lingüística se coutaran todas as axudas para asociacións e organizacións xuvenís. Non vemos todo o que está pasando cos medios escritos e dixitais? Cada vez hai máis limitación para poder acceder a unha información en galego. Estamos nunha situación na que o propio Goberno do Xunta é o principal inimigo da lingua galega.

Galiza Nova sempre denuncia que faltan cartos para a normalización. Non obstante, nestes tempos, os gobernos recorren sempre á crise e ao desemprego para xustificar os recortes ou a falla de inversión.
Dende Galiza Nova entendemos que ese é un discurso moi perverso. En tempos de crise, por suposto que a principal preocupación dos mozos é ter traballo, aínda máis vendo as taxas de desemprego en xente moza, que chegan ao 40% en Galiza entre menores de 30 anos. A pesares disto, o que non se pode facer dende a Xunta de Galiza é ser tan cínico como para dicir que esa é a súa prioridade cando non están a facer nada. As administracións públicas deben de racionalizarse e coordinarse nestes tempos pero o que non se pode permitir é que o galego sexa o irmán pobre nas políticas públicas. A normalización da nosa cultura e dos noso elementos singulares como pobo deben ser unha prioridade para o noso pobo. Ninguén vai vir de fóra para promover o noso. Cremos que fan falla máis inversión en normalización e menos noutras cousas moi prescindíbeis. Falo por exemplo das subvencións a medios de comunicación que non utilizan a lingua galega pero que reciben millóns de euros por, supostamente, promocionar o idioma. Eses cartos poderíanse utilizar para promocionar a lingua entre a mocidade.

Que é o que ten previsto facer Galiza Nova ante esta situación?
Imos comezar o noso curso político/escolar cunha concentración polo dereito a vivir e a aprender en galego. Isto coincidindo en que temos unha segunda denuncia de Galicia Bilingüe. O día 6 de setembro estamos novamente citados a un acto de conciliación coa súa presidenta na que nos volven a pedir 30.000 euros por querer galego. Xa temos un proceso en curso e agora teremos outro. Isto non é máis que o mundo ao revés, ver como os que defendemos o galego somos levados ante a Xustiza. Pero ben, xa poden contratar avogados se pensan que con iso nos van calar. Nin a Galiza Nova nin a todos os que queremos galego nos van frear. Pero ben, o próximo día 6 acudiremos ao acto de conciliación e logo, en función de como se desenvolva ese encontro, estamos pensando en organizar outras accións mobilizadoras dos estudantes. Todo este proceso ten a súa orixe precisamente do centro de ensino no que imparte clases Gloria Lago, polo tanto querémoslle amosar que os estudantes queremos galego

luns, 22 de novembro de 2010

Mans con acento galego

artigo de Cristina Díaz Pardo, no Xornal:


Unha lingua é unha lingua, saia dende a boca, dende as mans ou dende os pes. O idioma que falan as persoas xordas mediante signos é precisamente iso: unha lingua. É por iso que á hora de facer esta reportaxe a principal recomendación que fan os entendidos é a seguinte: “Non vaias poñer linguaxe de signos, que se anoxan!”.
Actualmente no Estado español, só están recoñecidas como oficias a LSE (Lingua de Signos Española) e a LSC (Lingua de Signos Catalá). En Galicia, os expertos no tema andan divididos. Se ben dende a máxima autoridade na materia, a Faxpg (Federación de Asociacións de Xordos do País Galego) entenden que as peculiaridades no léxico de signos propias de Galicia non son máis que unha “variedade dialectal”, outros investigadores apuntan a que, de desenvolverse os estudos adecuados, si que se podería falar dunha LSG (Lingua de Signos Galega)– algo que durante o bipartito xa intentou oficializar o BNG–. Polémicas á marxe, no que todos parecen de acordo, e que as mans tamén teñen acento, e as mans galegas, cando falan, recenden xustamente a Galicia.
O profesor Andrés Caamaño –que padece xordeira– ten por seguro que si que existe unha lingua propia de signos en Galicia. “A miña opinión é que si que a hai e é a que usan moitas persoas en pobos dende hai moitísimos anos. Hoxe en día séguese a utilizar e é distinta da lingua de signos castelá”, explica este experto, autor de numerosos estudos sobre a lingua de signos. “Cientificamente pode demostrarse que existe unha lingua de signos específica de Galicia”, asevera, á vez que alerta de que, ante o escaso interese existente polas peculiaridades da lingua de signos galega “esta estase a perder pouco a pouco”. “A estrutura é moi parecida que a da lingua de signos española pero os signos son distintos”, comenta Caamaño.
Esa é a súa opinión, mais hai quen non a comparte. De feito, dende a dirección da Faxpg sosteñen que a hipotética LSG non é máis que unha variante dialectal do LSE. Feliciano Sola, o presidente desta entidade, ten unha opinión firme sobre o tema: “Realmente o que hai é un pequeno dialecto galego cunha serie de signos propios pero non os necesarios para constituír unha lingua. A estrutura, a gramática da lingua de signos española, é a mesma que a galega. Isto é o mesmo que dicir que en Andalucía non se fala español. Fálase pero cun acento distinto. Aquí, no tema dos signos é o mesmo”.
Segundo Ledo, moitas das palabras propiamente galegas que xurdiron en lingua de signos apareceron nos antigos “colexios de xordos”. “Neses lugares, moitas veces chegábase a un acordo común para definir algún concepto determinado, eran consignas propias que foron quedando”, explica, pero engade: “Iso de que existe unha lingua de signos galega non é certo por moito que algúns así o queiran. É certo que igual que na lingua oral hai distintas entoacións, tamén hai uns parámetros diferenciadores segundo as zonas. Vinte non se di igual aquí que no resto de España, trinta tampouco, avó... así con varias palabras”.
Para a dirección da Faxpg a situación galega dista da catalá. “A lingua de signos catalá está argumentada e comprobada e ten máis de 20 anos de estudo ás costas. Aquí para querer instaurar unha lingua de signos propia habería que abrir unha investigación a nivel lingüístico”, comenta Ledo. Caamaño é doutra opinión: “A lingua de signos de Cataluña está moi protexida, protexeuse da mesma forma que a española, iso é o que ocorre. Aquí en Galicia moitas persoas xordas foron a estudar a Madrid, sobre todo cando dende a Deputación se subvencionaron os estudos alí, polo que isto foi prexudicando o idioma de signos de aquí, que ía perdendo os seus signos característicos”.
Camilo Gutiérrez, profesor de lingua se signos da Asociación de Persoas Xordas de Vigo explica que “hai tempo, e aínda hoxe entre algunhas persoas maiores de Galicia, utilizábase certo tipo de lingua de signos que podería equipararse ao que sería o galego, pero resultou inviable”. Iso si, explica, “isto non significa que non sexa imposible, pero si bastante difícil e inviable na práctica”

mércores, 3 de marzo de 2010

A lingua de Rosa non é a nosa

Rosa Díez di que a reacción do Parlamento galego demostra que hai "demasiado candidato a censor solto"
E no Xornal destacan a seguinte frase: " a inmensa maioría dos españois no seu conxunto e tamén dos galegos, están preocupados por cousas que non teñen nada que ver cos censores afeccionados que existen en calquera lugar"

Cristina Díaz Pardo, xornalista, no Xornal de Galicia, deixanos este artigo:

Autoestima galega
Nestes días todo o mundo fala das palabras da líder de UpyD, Rosa Díez, sobre o termo galego. Todas as forzas políticas condenaron as declaracións da ex socialista pero pouca xente foi ata o trasfondo das súas palabras. Durante o Café de Redacción de Xornal de Galicia que contou con Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, como invitado houbo quen reflexionou moi atinadamente. O catedrático da UDC Xavier Vence manifestou que as declaracións de Díez entran dentro dunha sorte de “deriva da linguaxe política que tende a exacerbación das opinións”. Segundo a súa opinión, compartida por moitos, sobre todo no ámbito da dereita estatal estanse albiscando uns movementos recentralizadores moi fortes que veñen acompañados dunha durezas nas formas e no descurso (o dedo corazón de Aznar ben alto). Mágoa que no conxunto de España hai máis persoas que pensan como Díez e que cren que ser galego é un insulto, na vez dun orgullo. Quizais para combater eses sentimentos, que se acaban metendo tamén nos miolos dos galegos de xeito pasesiño, haxa que apostar, tamén dende os partidos, por un proceso culturizador. "Somos galegos e debemos externalizalo", dixo Pilar García Negro. "Un cambio cultural tamén nos partidos e esencial para a autoestima galega", dixo