Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta turismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta turismo. Amosar todas as publicacións

domingo, 29 de maio de 2022

Vexo, veo, XaJAcobeo ou o paviBEllón para nenos

 


A manipulación dos nenos por parte da Xunta do PP no ámbito sociolingüístico acada niveis esperpénticos. A Axencia Galega de Turismo sacou un videoxogo cunha mestura perversa de galego e castelán, o videoxogo "Vexo, veo, Xacobeo" , así anunciado polo Consejo Jacobeo. Non lles chegou con expulsar o galego das aulas de infantil, agora promoven unha visión charramangueira da sociolingüística nun asqueroso acto de manipulación dos máis pequenos. Se por unha banda, un de cada catro nenos é incapaz de expresarse en galego, agora engadimos nas aulas nesgadas visións da lingua.

Para completar a desfeita da lingua, o pasado venres 27/05/2022 Nava Castro, a directora de Turismo entregoulles aos rapaciños de Caldas uns diplomas en castelán para reafirmar cal é a lingua da Xunta, a lingua do poder, e a lingua da exclusión.

Isto recórdanos a inauguración do Pavibellón de Baiona no 2011 co agravante de que agora os afectados son rapaciños. A intención da Axencia Galega de Turismo de do Consejo Jacobeo é estender esta adulteración aos 193.000 estudantes de infantil e primaria. 

sábado, 19 de abril de 2014

Carta aberta ao Hotel Rural Arredondo

Nas Voces de Prolingua:


Estimada Sra.,Estes días xerouse unha polémica, que puidemos seguir a través do xornal La Voz de Galicia, despois de que vostede respondese o envío dun Curriculum vitae cun correo electrónico no que mostraba o seu desprezo polo coñecemento do idioma galego. Dende logo, como propietaria do Hotel Rural Arredondo, ten plena liberdade de escoller o persoal segundo os criterios que considere; pero non ten ningún dereito a desprezar unha persoa por indicar que ten un bo dominio da lingua galega.

martes, 8 de abril de 2014

Mosteiros virtuais nun país virtual

Mediante unha entrada do blogue A Marela Tarabela, entérome dunha excepcional aplicación do Turgalicia mediante a que podemos facer visitas virtuais aos mosteiros galegos.
A aplicación, ademais de abrir unha xanela ao turismo pode ser unha ferramenta cargada de posibilidades para o ensino da arte e do patrimonio que temos en Galicia.
O que non ten xa tanta explicación é a razón de que as etiquetas das panorámicas veñan en castelán: Claustro Medallones, Palomar, Iglesia, Capilla,..,tan pouco é o respecto que hai desde Turgalicia polo maior de todos os nosos patrimonios? Polo que se pode comprobar a lingua galega non ocupa o lugar que debera nun web no que se pretende mostrar a nosa imaxe ao mundo.
Outro tanto sucede cunha aplicación semellante que percorre as catedrais galegas, ou mesmo cunha terceira chamada enganosamente "O libro de pedra" que nos leva por un percorrido virtual pola Catedral de Santiago e o seu Museo.

sábado, 23 de febreiro de 2013

Turexpo: contra a lingua e a toponimia

A esta fin de semana está acelebrarse en Silleda  Turexpo Galicia, o III  Salón do Turismo. A organización deste encontro está subvencionada por Turgalicia, organismo dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, unha das do organigrama da Consellería da Presidencia.
Tanto é o desleixo que as institucións e, por extensión de organimos como Turexpo, senten pola nosa lingua que non lles importa deixalo á vista de todos nun portal web como o do Salón do Turismo. Paseando por el atoparemos múltiples exemplos de exclusión do galego:
O folleto informativo: só en castelán, non hai versión en galego.
As tarifas: en castelán e en inglés, non hai versión en galego
O formulario de reserva de espazos: en castelán, non hai versión en galego.
A normativa: só en castelán. Curiosamente o título aparece tamén en inglés: Regulation. O galego completamente excluído
Os formularios de contratación: O título exclusivamente en castelán. O resto en castelán e inglés. O galego completamente excluído.
No ano 2011 editaran un xornal informativo do evento. En castelán pero con versións en inglés de saúdos do Conselleiros da Presidencia, do Consellerio de Cultura, da Secretaria Xeral para o Turismo (que tamén era a presidenta do Comité Organizador de Turexpo) e da directura da Fundación Semana Verde. O galego totalmente excluído e maltratado xa que se fala dunha presunta "isla de La Toja"
Na convocatoria deste ano volveron a editar o xornal informativo, só en castelán. Pero para colmo da zunia, inclúen un artigo sobre as excelencias turísticas de Ribeira no que usan unha forma non oficial do topónimo: *Riveira, na que o o goberno municipal do PP está empeñado en manter en contra do establecido na lexislación e na ciencia da onomástica. O apoio á publicación do Vicecpresidente da Xunta, da directora da Axencia de Turismo de Galicia e Secretaria Xeral de Turismo, e do Director da Fundación Semana Verde, están certificando o desprezo da Xunta pola onomástica galega e, en definitiva, pola lingua.

luns, 25 de abril de 2011

Roteiro Castelao pola Estrada

O pasado día 20 presentouse na Estrada o Roteiro Castelao, unha interesante publicación con vocación de itinerario turístico-cultural.
A protagonista da presentación foi a concelleira de Medio Rural e Turismo, Raquel López Doce quen indicou que a publicación, necesaria ao celebrarse o 125 aniversario do nacemento de Catelao,  pretendía sumar un novo aliciente para que os visitantes acudan á estrada. Na presentación do Roteiro tamén participaron o escritor David Otero e o cronista da vila estradense, Olimpio Arca Caldas, o pintor Paulo Porta así como a mestra Noni Araújo, amiga perosal da muller de Castelao.
O roteiro pasa polo Museo Reimóndez Portela, a casa da familia de Virxinia Pereira, a antiga igrexa de San Paio, onde casou con Castelao, o bar A Farola que en tempos fora o casino, e o cemiterio de Figueiroa, onde están os restos da muller e o fillo de Castelao. Outros puntos son a Igrexa de Ouzande, a Torre de Guimarei, o Pazo de Oca ou a ponte vella do río Liñares, debuxados polo rianxeiro.
Deixo por aquí o Roteiro que atopei pola arañeira da rede, porén vese mellor o orixinal que non debe ser difícil de conseguir no Concello. E así como Castelao, tal e como se comenta no Roteiro, fixo no seu día unha excursión ao Pico Sacro cos seus amigos da Estrada, invítase a todo o mundo a un paseo polo concello ao tempo que se recorda a figura imprescindible de Castelao. Hoxe e sempre.


sábado, 24 de xullo de 2010

O galego non existe na Catedral

Ano Xacobeo 2010, milleiros de visitantes na Catedral de Santiago. Os turistas que a visitan, igual que os turistas que visitan Galicia, pasarán por aquí sen saber que temos unha lingua de noso. 
Para denunciar este despropósito hoxe A Mesa pola Normalización mudou simbólicamente algún dos sinais turísticos da Catedral, incluída a cartelaría exterior, financiada pola Xunta, que se instalou nos accesos con motivo do Ano Santo Xacobeo.
No comunicado de prensa da Mesa destácase que:

o exemplar elaborado pola Mesa tiña os textos en tres linguas (galego, castelán e inglés), mentres que os paineis orixinais só contan con versión en castelán. Ademais, o cartaz elaborado pola Mesa respecta a toponimia oficial, algo que non acontece nos actuais. “Só lles faltaba pór Plaza del Taller en troca de Praza do Obradoiro”, ironizou o presidente da Mesa, que lamentou que “nesta sinalización paga co diñeiro de todas e todos aparezan de forma deturpada os nomes do resto das rúas e prazas de Compostela”.
O presidente da Mesa, que estivo no acto xunto co vicepresidente, Fran Rei, e a secretaria xeral da entidade, Iria Taibo, criticou con dureza “a galegofobia irracional da actual Xunta”. “Nós non estamos a defender co acto de hoxe que toda a sinalización turística estea en exclusiva en galego. Nós o que dicimos é que o galego suma, que é un valor a maiores e un tesouro para compartirmos. O que non fai ningún sentido é que a Xunta elabore ou financie sinalizacións turísticas que están exclusivamente en castelán. Repárese: a rotulación que nós hoxe colocamos de forma simbólica está en galego, castelán e inglés; a da Xunta, exclusivamente en español”. Callón subliñou ademais que esta exclusión do galego se produce “nun espazo público e referencial tan importante para Galiza como é a catedral de Santiago, un dos nosos principais emblemas históricos e culturais”.


A Xunta podía aproveitar, por exemplo, o aniversario da morte de Rosalía de Castro, tal e como fixeron no acto dos días pasados os escritores galegos da AELG, facendo roteiros polas diversas casas nas que viviu a escritora en Santiago, ofrecendo excursións á casa-museo de Rosalía, editando a obra de Rosalía en diversos idiomas, facendo congresos... Mais aquí non hai nada diso.
Hai algúns meses fun a Amsterdam. Alí venden como un dos grandes atractivos da cidade a obra de Anne Frank, as colas para visitar a súa casa son enormes, tanto que eu non puiden entrar e tiven que conformarme co seguinte vídeo. Igualiño que aquí, vamos.