Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta TSXG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TSXG. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de agosto de 2016

¿Normalización lingüística?

por Andrés Vázquez, no Sermos Galiza:

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula tres artigos e apartados da ordenanza do Concello de Lugo é a última das medidas de desprestixio contra a lingua galega. Deixa sen efecto o apartado referente á lingua oficial do consistorio, e o que establece que as actuacións administrativas na nosa lingua serían totalmente válidas. No ámbito educativo son coñecidas as enquisas sobre a competencia lingüística declarada que amosan que as destrezas en lingua castelá superan ás que o alumnado presenta en lingua galega. O decreto do plurilingüismo, que reduce a un 33% a ensinanza en galego, tamén exerce un efecto prexudicial contra o idioma e contra a competencia lingüística que adquiren os alumnos na lingua propia de Galicia.

xoves, 10 de marzo de 2016

A lingua e o Tribunal Superior de Galicia

por Xoán Antón Pérez Lema, no Praza Pública:
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a medio dunha sentenza profusa, confusa e difusa, ven de estimar parcialmente o recurso contencioso interposto por unha coñecida organización contraria á nosa lingua a respecto da Ordenanza Municipal sobre uso do galego no concello de Lugo, aprobada no 2012 por unanimidade (PP. PSOE e BNG). A sentenza non foi quen a interpretar a xeito os preceptos do noso Estatuto e das nosas Leis de normalización lingüística e de Administración Local de Galicia, creando un perigoso precedente para inviabilizar determinadas medidas de discriminación positiva a prol da nosa lingua, que é a propia do noso País e a que soporta unha moi minorizada posición, alicerzada tamén por unha insuficiente protección legal.

sábado, 18 de xaneiro de 2014

Non, non foi un bo ano para a lingua galega

Manuel González González avalía o 2013 desde a perspectiva da normalización da lingua galega, nas Voces de Prolingua:



Váisenos un ano e temos que preguntarnos: avanzamos?, cara a onde imos? A resposta non invita a sentírmonos satisfeitos. Os problemas estruturais da lingua galega non só non se resolveron, senón que, en xeral, se agravaron. A transmisión do galego no seo da familia vai a menos e non se fai nada por remedialo, os xornais escritos en soporte papel están totalmente varridos (benvida Luzes, un facho de luz no medio da escuridade), aínda que é verdade que hai varios xornais dixitais que están a ocupar un espazo cada día máis importante dentro do sistema informativo galego, e están chamados a crecer aínda máis. O galego segue presentando unha asociación moi forte coa ideoloxía política, e isto non é achacable ao nacionalismo nin á esquerda: a realidade móstranos cada día nas tertulias dos medios de comunicación que as persoas que utilizan de maneira sistemática o castelán pertencen case sempre a un determinado sector ideolóxico. E isto é algo sobre o que deberían reflexionar algunhas forzas políticas: o problema non é, como tantas veces se ten manifestado, que o nacionalismo pretenda apoderarse en exclusiva do galego, o problema real é que sectores importantes de determinada ideoloxía o están abandonando, e ás veces mesmo facendo manifestación ostentosa dese feito, baseándose en que “tan gallego es el gallego como el castellano”. Slogan tan burdo que fala por si só.

venres, 15 de novembro de 2013

Se Justiça non me val?

por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:


Núñez Feixóo fixo, durante as eleccións, o imposíbel por succionar o voto dos contrarios á defensa e ilustración da nosa lingua maltratada. Unha vez dono da maioría absoluta, intentou contentar tamén os votantes conservadores algo galeguistas. Contratou, ao efecto, un experto sociolingüistica da Universidade de Vigo e aló cociñaron o Decreto chamado do Plurilingüismo. Nel aparéntase respectar o galego, pero retrocédese na súa protección a respecto da Lei de Normalización consensuada na Cámara.

mércores, 23 de outubro de 2013

Pronunciamento de Prolingua sobre o recurso de casación da RAG perante o Tribunal Supremo

Pronunciamento de Prolingua sobre o recurso de casación da RAG perante o Tribunal Supremo:


A principios deste ano a Xunta recibiu seis sentenzas do TSXG polas que se anulaban dous artigos centrais do chamado Decreto de Plurilingüismo, norma fortemente contestada por amplos sectores da sociedade galega e que supuña unha rebaixa substancial e perigosísima da presenza do idioma galego nas aulas, e todo co falso pretexto da "desaparición do castelán nas escolas de Galicia".

xoves, 4 de xullo de 2013

O galego, a impunidade e a mentira

por Anxo Louzao, no Sermos Galiza:

Debo recoñecer que a estas alturas non é doado que haxa actuacións da Consellería de Educación que me resulten sorprendentes. Son tantas, permanentes e disparatadas as que levamos soportado que xa a un lle parece que está inmunizado ante tanta impostura, engano e demagoxia que emanan dunha Consellería que, baixo a batuta de Jesús Vázquez, usa constantemente, de maneira perversa, os medios institucionais e de comunicación e os recursos públicos para atacar o idioma e calumniar impunemente a organización maioritaria do profesorado galego, a CIG-Ensino. Mais a última deixoume abraiado.

sábado, 30 de marzo de 2013

Sen imposicións!

por Valentina Formoso, nas Voces do Prolingua:

Viven nunha urbanización preto dunha cidade. Teñen unha pequena que está a piques de cumprir 3 anos. Está rematando marzo e nuns días cómpre botar os papeis para escolarizar a Xiana, que non se chama Julia, nin Jen(n)ifer, nin Martina. Xiana. O colexio de educación infantil e primaria (CEIP) ao que lle “toca” ir participou hai uns anos nun proxecto de innovación educativa da Consellería de Educación que escolarizaba en lingua galega, en zonas urbanas, nenos e nenas cuxos pais desexaban que os seus fillos e fillas recibisen o primeiro ensino en lingua galega, para que puidesen aprendela ao lado dun castelán que dominan perfectamente só por contacto ambiental. Eran as chamadas “liñas de galego” nacidas ao abeiro dunha proposta do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (aprobado por unanimidade no Parlamento, cómpre volver recordar).

martes, 19 de marzo de 2013

Os Equipos de Normalización pídenlle á Xunta que faga outra política lingüística

A Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL)explícanos moi claramente neste comunicado que se reproduce máis abaixo que a Xunta pretende esquivar as sentenzas do TSXG sobre o decreto do plurilingüismo co obxectivo de seguir a aplicalo en contra dos mandatos emanados da LNL e do consenso social.
A Xunta escolleu o camiño da xudicialización do uso da lingua no ensino para acurralar no menor espazo posible uso dunha lingua que decote é tratada como un problema desde os órganos de goberno. Espállanse prexuízos no canto de avanzar chanzos nun proceso de normalización que ficou completamente abandonado pola Consellería de Educación; iso cando non é directamente atacado. Por iso, desde a CGENDL faise un chamamento á responsabilidade para que o goberno deixe de traballar á contra e comence a aplicar unha nova política lingüística, unha que parta do apoio á lingua máis desfavorecida, á nosa lingua.
A nova en Praza Pública

luns, 18 de marzo de 2013

Consolidar o retroceso: a oferta de consenso lingüístico da Xunta

por Xosé Henrique Costas nas Voces de Prolingua:

Despois das seis sentenzas do TSXG contra o Decreto de Plurilingüismo ou da Discordia, polas que se anulaban os dous artigos nucleares deste texto (o das consultas vinculantes aos pais e o da liberdade do alumnado para usar unha lingua diferente da lingua da materia), a Xunta de Galicia preparou un recurso de casación para presentar no Tribunal Supremo.Con este recurso a execución da sentenza do TSXG, a anulación da columna vertebral do Decreto, quedaba en suspenso e a Xunta podería seguir celebrando consultas e o alumnado podería usar a lingua que lle pete, co que dificilmente se poderá acadar o obxectivo da competencia semellante nos dous idiomas ao remate da escolarización obrigatoria.

martes, 12 de marzo de 2013

Nota de prensa da RAG sobre o recurso de casación contra a sentenza do TSXG

Deixo aquí a nota de prensa difundida pola RAG na que informa do recurso de casación presentado contra a sentenza do TSXG esixindo a anulación total do decreto do Plurilingüismo.
Nela acúsase á Xunta de aprobar un decreto sobre o sistema educativo en Galicia que se afasta do mandato
normalizador e de non exercer a súa función de dirixir e impulsar a recuperación efectiva do  principal  elemento do patrimonio cultural colectivo dos galegos e das galegas.
Finalmente faise un chamamento ao diálogo e á recuperación do consenso en materia lingüística  que foi destrozado polo goberno de Feijóo.
Vía Prolingua
Máis información en Praza Pública


luns, 11 de marzo de 2013

E son así e non cambian

por David Otero no Sermos Galiza:

E SON ASÍ E NON CAMBIAN O destes nosos “gobernantes” en Galicia non ten estremas no tocante ás súas formas de entendernos. Neste momento, referido á nosa Lingua, a galega, fan que fan, van non indo ou indo, entran a medias e saen un algo a que se lles vexa, pero o claro é que defenden os horizontes faesmente e niso non dan o brazo a torcer aínda que digan que nos botan unha man ( a onde e para que…?) e anuncian consensos ( de que e para que…?).Penso que algún aviso teñen de que deben conterse e de que alguén, listo e intuitivo, xa lle viu as orellas ao lobo e avisa de que se ande con coidado. Seica o Partido Popular de Galicia pide intensificar as relacións coas asociacións e demáis colectivos, para dinamizaren ( normalizar?) a cultura ( galega?).

domingo, 10 de marzo de 2013

Novo rumo na Academia Galega

por Xoán Antón Pérez Lema no Sermos Galiza:

Méndez Ferrín é o noso primeiro valor literario e un exemplo de patriota. Soubo tecer complicidades institucionais fóra do ámbito do galeguismo sen abdicar da súa firme defensa da nosa lingua, como amosou co recurso xudicial contra do Decreto do plurilingüismo que acadou a sentenza favorábel do TSXG.

mércores, 27 de febreiro de 2013

15 de marzo, encrucillada da política lingüística popular

por Carlos Amoedo na Praza Pública:

O vindeiro 15 de marzo remata o prazo para que a Xunta de Galicia formule no Tribunal Supremo o xa anunciado recurso de casación contra as oito sentenzas recentemente ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en relación co Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario.

domingo, 3 de febreiro de 2013

Valoración de Queremos Galego perante o recurso da Xunta



Valoración de Queremos Galego ante a pretensión da Xunta de recorrer as sentenzas do TSXG que declaran ilegais os puntos centrais do seu decretazo contra o galego perante o Supremo.

Destaco un par de aportacións de Carlos Callón que subscribo plenamente:
Unha vergoña que se malgaste diñeiro público para malgastar o noso idioma, cando o que precisa Galiza é unha política de promoción da nosa lingua e anosa cultura, elmentos para a cohesión social.

E facendo referencia ao anuncio feito pola Xunta de que o TSXG avalaba coas súas sentenzas o decretazo contra o galego.:
Ha de ser a primeira vez na historia da humanidade de que a alguén a quen lle dan a razón nos tribunais, deciden recorrer a sentenza. 
Máis información:
O manifesto pola derrogación do 'decretazo' contra o galego supera xa as 4.500 adhesións, 01/02/2013, Sermos Galiza
Ligazón ao manifesto pola derrogación do decretazo

venres, 1 de febreiro de 2013

Manipulación, ortografía e orzamento na política lingüística











O 29/01/2013 a Xunta emite unha nota de prensa co titular: "A Xunta persónase no Supremo para ter opcion a recurrir as sentenzas do TSXG sobre o plurilingüismo" [sic]
Tal e como se pode comprobar na foto de aquí ariba, a nota contiña unha chea de faltas. O caso non é de estrañar, trátase da Xunta e dunha nota de prensa en galego. Non é maís que a evidencia de que o ensino da nosa lingua dista moito do que se declara desde a propia Consellería de Educación. O ensino do e en galego está, sempre estivo, baixo mínimos.
Ninguén pode imaxinar ao goberno do estado ou ao estremeño, por exemplo dando un tan pésimo exemplo de desleixo e descoñecemento.
O caso pronto tivo a súa repercusión mediática. Finalmente a Xunta, sen pedir desculpas pola zocada pega marcha atrás e manipula o seu web e fai desaparecer a nota de prensa que estaba a xenerar polémica na arañeira. Agora ao premer nesa dirección achamos unha anotación sobre Jesús Vázquez celebrando a paz. Mais non a paz lingüística xa que emiten un novo comunicado intentando xustificar a interposición dun recurso ante unha sentenza que o goberno valorou positivamente por, según dicían hai un par de meses, avalar a súa legalidade.
Para os curiosos deixo aquí o retrato da nota orixinal.
A presentación deste recurso contra as sentenzas do TSXG desvélanos o radicalismo instalado nos corredores do noso goberno. Pero tamén nos revela máis cousas.
É moi significativo que a nova do recurso non se poida achar no listado dos comunicados emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Será que este organismo non comparte a decisión do goberno? Será que a Secretaría Xeral de Política Lingüística non conta para nada na toma de decisións sobre a política lingüística?
Un artigo do Praza de hai uns días dábanos unha das claves para entender por onde anda a resposta. Os presupostos da SXPL reducíronse tanto nos anos do goberno de Feijóo que impiden na práctica a posta en marcha de ningunha política de promoción da lingua. Se lle engadimos isto a que todos os outros departamentos e Consellerías do goberno presuntamente galego manteñen unha actitude de desprezo pola normalización, xa temos os dous membros da ecuación preparados para ser resolta.

xoves, 31 de xaneiro de 2013

Nunca choveu que non escampase

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:


A normalidade da convocatoria e do desenvolvemento da manifestación de Queremos galego! en Compostela este domingo 27 de xaneiro foi completa. Inversamente proporcional á anormalidade que concerne ao uso e promoción do noso idioma por parte do poder político do Goberno da Xunta de Galiza.

xoves, 24 de xaneiro de 2013

Unha lingua para todos




Velaquí unha invitación a participar na manifestación convocada por Queremos Galego para o vindeiro domingo 27 de xaneiro ao mediodía na Alameda de Santiago e que moi xenerosamente quixeron publicar na Praza Pública:

Nos pasados meses tivemos varias noticias sobre o decreto para o plurilingüismo no ensino. A primeira foi o informe do Consello de Europa no que nos achegan a súa preocupación pola redución do uso progresivo do galego en todos os niveis educativos desde a aprobación dese decreto e comprobaron que na práctica nin tan sequera se cumpren os niveis de galego dese decreto. En consecuencia  o Consello de Europa estableceu a necesidade de establecer a prioridade e un apoio diferenciado para o uso do galego nas aulas. Isto significa que a Xunta incumpre a lexislación europea. Sorprendentemente tres meses despois da publicación do informe non houbo contestación por parte do goberno.
Case inmediatamente despois comezaron a coñecerse varias sentenzas do TSXG nas que ditaminaban que o decreto para o plurilingüismo era ilegal. E non foron dúas nin tres sentenzas, nin media ducia. Foron sete, unha tras outra.  Á Xunta non lle queda máis remedio que cambiar a lexislación e podería facer uso desta necesidade para comezar a realizar unha política favorecedora do galego. Porén os indicios móstranos que na axenda do noso goberno non teñen outros apuntamentos que os de intentar forzar incluso fóra dos límites legais as restricións ao uso do galego en todos os ámbitos sociais. O mellor exemplo é o proxecto que se presentou para ser a futura lei de educación, a LOMCE e ao que o goberno de Feijóo xa anunciou apoio incondicional.
No proxecto da LOMCE establécese unha xerarquía de materias clasificadas en tres grupos. No privilexiado estarían as denominadas materias troncais e entre elas, xunto coas matemáticas atopamos á lingua española ou o inglés. Está previsto que a cerna das futuras reválidas se configure sobre as materias troncais. A lingua galega queda relegada ao terceiro e último grupo xunto cunha materia optativa e ábrese a a posibilidade de que non se inclúa nas reválidas.
A LOMCE, tomando como lei o que o TSXG xa declarou ilegal por atentar contra o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística, pretende blindar a negativa a recibir clases en galego obrigando á Administración a garantir e pagar a escolarización dos insubmisos ao galego nun centro privado, no que xa se dá por suposto que non existirá ensino en galego. O proxecto consiste en amurallar o ensino privado para que dentro del non teña cabida a nosa lingua, e reducir as súas posibilidades ata máis alá dos límites legais no ensino público.
Contra esta política de racismo lingüístico proponse unha alternativa de consenso ratificada pola totalidade do parlamento no 2004: o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Trátase dun programa que entre outras cousas establece a integración do alumnado de infantil no coñecemento do galego e unha garantía dun mínimo dun 50% de aulas na nosa lingua. Non queremos un ensino discriminatorio, que privilexie a lingua privilexiada e que exclúa a lingua marxinada. Queremos galego para todos, para que non haxa exclusións, para construírmos unha sociedade máis solidaria, conformada arredor dunha lingua compartida por toda a sociedade galega durante máis de oito séculos.
Tanto a LOMCE como o decreto para o plurilingüismo obedecen a prácticas radicais e sustentadas no odio á lingua é á cultura galegas polo que se fai un chamamento a todos os cidadáns dignos que garden nos seus corazóns un mínimo de orgullo polo noso, polo galego, que é a lingua que nos une.

Pola lingua que nos une. Manifestación o domingo 27 de xaneiro. Ás 12:00 na Alameda de Santiago de Compostela.
Queremos Galego na escola. Manifesto para asinar.


sábado, 19 de xaneiro de 2013

Dúas desautorizacións á política lingüística da Xunta

Unha ben interesasnte reflexión de Xesús Porta Ferro sobre os últimos tiróns de orellas á Xunta pola súa política lingüística. Aparece no número 18 de Encrucillada:

luns, 24 de decembro de 2012

De Leis e Línguas: a irracionalidade do jogo

por Celso Álvarez Cáccamo no Portal Galego da Língua:


A decisão do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre os vários recursos (da Mesa pola Normalización Lingüística, da CIG e doutras entidades) contra o Decreto de Pluringüismo do governo de Feijoo, e as interpretações públicas sobre esta sentença, são muito reveladoras do papel do discurso científico sobre a língua na Galiza, e das constrições que operam sobre a sua aplicabilidade à política. Tanto o Decreto quanto a sentença situam o trabalho sociolinguístico como uma excrescência subordinada à política do partido no governo, e fazem duvidar, verdadeiramente, de que no quadro jurídico desta Galiza se possa articular jamais a racionalidade científica com a ação política.

luns, 17 de decembro de 2012

A Xunta contra o galego

por Xoán Antón Pérez-Lema, en Praza Pública:

O Presidente Feijóo e o conselleiro Vázquez veñen de desaproveitar unha excelente oportunidade para restaurar o consenso lingüístico optando polo continuísmo na súa política de exclusión do galego no ensino infantil e de minorización nas demais fases do ensino obrigatorio.