Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta campañas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta campañas. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de outubro de 2024

Saca a lingua que levas dentro ... pero sen restricións


 A Consellaría de Lingua da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron unha campaña baixo o lema "Saca a lingua que levas dentro". Para poñer en evidencia a hipocrisía da medida, así como para continuar denunciando a prohibición do uso do galego, déixolles por aquí unha nova versión dos carteis da campaña.

mércores, 1 de maio de 2024

El gallego es la leche

 A Consellaría de Cultura, Lingua e Xunventude en colaboración con Feiraco anunciaron unha nova edición, a 12ª, do Certame de Microrelatos. Se un se pregunta se isto é verdadeiramente un paso adiante na normalización lingüística pouco terá que rascar para decatarse de que o principal obxectivo da Consellaría e un lavado de cara, ofrecerse diante da cidadanía como o brazo armado dunha Xunta de fasquía galeguista. A pátina do galego, poderiamos dicir. 

Certamente nada lle podemos reprochar a Feiraco, todo o contrario, é unha empresa á que debemos aplaudir por apostar polo uso da lingua galega na súa comunicación coa sociedade.   O que ten máis volta é o da Xunta. Cal é a credibilidade que ten un organismo que insulta a nosa lingua coa campaña Gal(l)ega 100%, de presunta promoción do leite galego?

A ver se achas a *diferencia


sábado, 22 de abril de 2023

É túa, pásaa

 

Vídeo musical da campaña de Alingua "É túa. Pásaa!, o lema da campaña da asociaciación no ano 2023,  Esa expresión xa comezou a colocarse nas fachadas dalgúns edificios municipais e continuará facéndose popular como retrouso do tema musical da campaña. Trátase dunha creación orixinal de Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore.

xoves, 23 de febreiro de 2023

Contra o Día de Rosalía

Esta era a imaxe que un vería ao pasar onte por diante do concello da Estrada. Unha boa forma de estragar o Día de Rosalía de Castro, co apoio da Xunta e do concello.

 

venres, 11 de novembro de 2022

Alba Cid, Superheroína


 A poeta Alba Cid é unha das sete protagonistas da serie 'Superheroínas', producida pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela no marco da segunda edición do proxecto 'Novas voces para a lingua'.

xoves, 3 de novembro de 2022

Superheroínas: Lucía Feitas


A cociñeira Lucía Freitas protagoniza a primeira entrega da serie de micropezas 'Superheroínas', producida pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela no marco do proxecto 'Novas voces para a lingua'.
A produción audiovisual realizouse no marco do proxecto Novas voces para a lingua, impulsado pola RAG e a USC stitucións para visibilizar e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles voz a novos creadores e creadoras. Nesta segunda tempada as protagonistas son a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a propia Lucía Freitas,


mércores, 2 de novembro de 2022

A escola non é cousa de xuíces

Campaña de Omnium para defender unha escola fronte aos ataques da xudicatura. A escola debeser creada polos seus membros e non se deben tolerar intrusións dunha caste negacionista como a da xustiza.

En Galicia o asunto, coma sempre, é moito máis grave. Fronte a un caso ben claro de conculcación da lei, o funesto decreto do plurilingüismo atenta contra unha implantación progresiva do galego no ensino. O TSXG desprezando por completo o mandato popular, nin tivo en conta esta esixencia cando foi recorrido o citado decreto. Aínda estamos agardando a que se pronuncien as instancias europeas, en contestación á reclamación da RAG. Mentres levamos 12 anos de regresión na implantación da lingua no ámbito educativo. 

xoves, 22 de setembro de 2022

O galego vai contigo


Campaña de Galiza Nova para que a mocidade tome consciencia da lingua na que se relaciona e que aposte por usar o galego.
Esta iniciativa ben podía estar asinada pola Xunta, pero o goberno galego hai ben de tempo que abandonou toda promoción da lingua, mais ben a súa política lingüística vai na dirección contraria, na de manter as estruturas que levan ao abandono e mesmo ao descoñecemento do galego entre a mocidade.

 

domingo, 29 de maio de 2022

Vexo, veo, XaJAcobeo ou o paviBEllón para nenos

 


A manipulación dos nenos por parte da Xunta do PP no ámbito sociolingüístico acada niveis esperpénticos. A Axencia Galega de Turismo sacou un videoxogo cunha mestura perversa de galego e castelán, o videoxogo "Vexo, veo, Xacobeo" , así anunciado polo Consejo Jacobeo. Non lles chegou con expulsar o galego das aulas de infantil, agora promoven unha visión charramangueira da sociolingüística nun asqueroso acto de manipulación dos máis pequenos. Se por unha banda, un de cada catro nenos é incapaz de expresarse en galego, agora engadimos nas aulas nesgadas visións da lingua.

Para completar a desfeita da lingua, o pasado venres 27/05/2022 Nava Castro, a directora de Turismo entregoulles aos rapaciños de Caldas uns diplomas en castelán para reafirmar cal é a lingua da Xunta, a lingua do poder, e a lingua da exclusión.

Isto recórdanos a inauguración do Pavibellón de Baiona no 2011 co agravante de que agora os afectados son rapaciños. A intención da Axencia Galega de Turismo de do Consejo Jacobeo é estender esta adulteración aos 193.000 estudantes de infantil e primaria. 

xoves, 19 de maio de 2022

Fálao, ti que podes!


 Vídeo promocional da campaña de valorización da lingua galega elaborado pola Asociación Faladoiros de Vigo entre febreiro e maio de 2022 coa axuda de galegofalantes de todas as partes do mundo. 

Alí onde están non poden desenvolver o seu día a día en galego, mais os que vivimos en Galicia non temos desculpa para non falalo.

 Esta campaña foi feita grazas á colaboración de galegofalantes que, a pesar de non vivir na nosa terra, se esforzan por manter a lingua galega alá onde están. Desde todas as partes do mundo anímannos a empregala: "Fálao, ti que podes!"

martes, 26 de abril de 2022

O galego segue tendo razóns

 

Continuación en 2022 da campaña da que xa déramos conta no seu día, "O galego ten razóns",  organizada pola Comisión de Normalización Lingüística de Bioloxía.

martes, 22 de febreiro de 2022

Fálalle(s) galego

 Esta é a campaña que lanxodu A Mesa polo Día Internacional da Lingua Propia


Lémbranos a primeira campaña de promoción do galego da Xunta de Galcia, do ano 1984.


Por certo, hai canto tempo a Xunta deixou de facer campañas de transmisión xeneracional? Baixo a ideoloxía actual do goberno do PP a campaña tería que ser: "Fálalle galego, háblale español"

sábado, 2 de outubro de 2021

El catalá és teu


 Campaña #ElCatalàEsTeu de Omnium Cultural, entidade con 60 anos de historia que afirma adicar a metade do seu presuposto á defensa do catalán.

E o galego, será noso? 

luns, 26 de xullo de 2021

Iniciativa Xabarín. Segunda parte


 por Marcos Maceira en Nós Diario:


Dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés. Pola contra, só 25 están en versión orixinal galega e cero contan con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. Pode resistir un idioma nestas condicións?

sábado, 3 de xullo de 2021

Foanpas e Jon Amil vs. Valentín García


No momento da publicación desta entrada a iniciativa de FOANPAS (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca) titulada "Mes da lingua" leva xa cargados 65 vídeos. Trátase de pezas audiovisuais curtiñas nas que alguén nos convida a falarmos en galego. Pode seguirse co cancelo #verandalingua.
Xa había tempo que tiña ganas de compartir esta iniciativa pero cando vin o vídeo de Jon Amil xa non tiña desculpa. Este vídeo recordoume a intervención de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística,  nunha comparececia na comisión parlamentar de finais do mes de abril pasado na que como resposta a unha interpelación da deputada do BNG Mercedes Queixas Zas, declara que a liña fundamental da súa actuación sería a do uso do galego nas novas tecnoloxías. Desde aquela ata o día de hoxe non volvemos a saber nada sobre o asunto. Mentres, un tal Jon Amil, con este vídeo xa fixo moito máis polo galego que Valentín García en todo o tempo que leva detentando o cargo.

xoves, 17 de xuño de 2021

Português, amor à primeira vista

 

A Associação de professoras e professores de Língua Portuguesa (DPGaliza) lanzou esta campaña de inscrición na materia de portugués destacando as vantaxes que temos os galegos na aprendizaxe desta lingua irmá. Pódese seguir a campaña na conta de facebook desta asociación.

A campaña, segundo informa a DPGaliza, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Porén no portal desta secretaría non hai ningunha mención á mesma. 

luns, 10 de maio de 2021

Guía para facer crecer o catalán (e o galego) en internet


A Dirección Xeral de Política Lingüística da Generalitat acaba de poñer en marcha unha campaña para incrementar a presenza do catalán na rede. 
Recollen 10 recomendacións que, en certa medida podemos trasladalas ao galego:
1. Ao abrir unha páxina, busca se ofrece a versión en galego
2.Cando vendas un produto, escribe a descrición en galego 
3. Cando difundas a túa conta profesional, utiliza tamén o galego
4. Cando busques información na Wikipedia, faino en galego (a Galipedia)
5. Cando teñas ganas de entreterte, procura influencers en galego.
6. Cando fagas unha búsqueda en Google, faino en galego
7. Cando contrates un servizo ou compres un produto, faino en galego
8. Cando configures unha web, non relaciones un estado cunha única lingua.
9. Se non encontras o contido que queiras ver na túa lingua, créao.
10. Se eres unha empresa, aposta pola mercadotecnia dixital en galego.

Antes indiquei que estas recomendacións podemos adaptalas só en certa medida. A razón é que a Xunta non nos acompaña nesta viaxe. Por exemplo, a Generalitat puxo en funcionamento unha campaña xunto con diversas accións de axuda para que os negocios se inscriban nun dominio .cat. Aquí, o .gal fai o seu camiño en solitario. 
Outro exemplo. En Cataluña xa fixeron un estudo sobre youtubers e instagrmers en catalán para ter unha base para o incremento da súa presenza nas redes. A partir disto activaron a campaña #JoHoPetoEnCat. Aquí os youtubeiros están dunha beira e a Xunta camiña xusto pola contraria. 
Alá teñen un buscador de aps en catalán fornecido pola administración. Aquí, a administración fica ausente de calquera iniciativa normalizadora. 
Alá teñen unha liña de axudas para a incorporación do catalán nos produtos tecnolóxicos. Aquí, coa desculpa de os medios de comunicación teñen un 10% de información galego (desculpa completamente falsa, por certo) subvencionamos con millóns de mantemento da exclusión do galego. 
En conclusión, fai máis polo galego a Generalitat, que nos mostra iniciativas para a normalización, que o goberno galego, que fai todo canto pode para aniquilalo 

mércores, 16 de decembro de 2020

Novas voces para a lingua. Veroníca Boquete


Xa que a Xunta non fai o seu traballo no eido da normalización lingüística, teñen que ser outras institucións as que ocupen ese espazo.
A Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de conectar a mocidade co idioma puxeron en marcha unha campaña que contará con cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.

domingo, 13 de decembro de 2020

A fala do Morrazo


O Comercio do Morrazo puxo en marcha unha campaña con vídeos nos que a protagonista é a fala propia desa área xeográfica denominada Eu tamén #SonDoMorrazo que poder ver aquí [Eu tamén #SonDoMorrazo 1, Eu tamén #SonDoMorrazo 2, Eu tamén #SonDoMorrazo 3
O aire humorístico dos vídeos fundaméntase na esaxeración das características propias da fala do Morrazo, que presuntamente a fai incomprensible a calquera que non sexa autóctono, ou incluso aos que sendo dalí, renunciaron dalgunha maneira a selo. Toda unha crítica ao auto-odio. Tamén unha aposta pola revindicación das falas nunha época de uniformización. Non pode haber unha lingua viva se non acolle a unha boa manchea de falas.

 

luns, 18 de maio de 2020

A normalización lingüística. Unha introdución para a ESO


Unha explicación sobre o que é a normalización lingüística, o estatus legal do galego, as entidades para o fomento da lingua e exemplos de accións e campañas de normalización lingüística. É unha explicación gravada para a ESO. Feita por Nel Vidal