Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Ben Cho Shey. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ben Cho Shey. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de abril de 2015

O recoñecemento en vida, antídoto da desmemoria

Por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:


Non tiven a ocasión de visitar, no cemiterio de Ourense, a tumba de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, mais coñezo que deixou ordenado que a súa morte non fose aproveitada para autohomenaxe de quen se servise dela en acto póstumo. As homenaxes verdadeiras ou son en vida ou, indefectibelmente, van ter un aquel de autopromoción por parte de quen as organizar. Tamén souben (ouvinllo moitas veces) da orde de Manuel María de impedir que certo personaxe interviñese nas súas honras fúnebres, coñecedor, como era, do exacerbado protagonismo de que o tal facía gala, en todas cantas exequias de ilustres contaban coa súa presenza. Viñéronme estas lembranzas á mente ao ler, no Sermos… dixital, a recordación de Xoán Costa verbo das noticias, artigos ou comentarios publicados na prensa periódica galega por diferentes persoeiros verbo do falecemento de Ricardo Carvalho Calero, hai agora 25 anos, o 25 de Marzo de 1990. Da data de publicación das esquelas funerarias, eu lembro vivamente como moitas delas, pequenas por mor do custo, foran inseridas por asociacións culturais de calquer lugar do país, tan servidas de entusiasmo patriótico como escasas de recursos. Era emocionante lelas, como un testemuño do cariño e aprezo suscitado por quen coñeceran como conferencista na derradeira década da súa vida. Como tamén lembro a demisión da Real Academia Galega de D. Jenaro Marinhas del Valle, en protesta pola actitude e conduta desta institución verbo do finado.

mércores, 22 de outubro de 2014

Correspondencia Ben-Cho-Shey e Kenkeirades


O vindeiro venres 24 de outubro a Asociación Cultural “Vagalumes” presenta publicamente a apertura dunha sección do proxecto de cultura aberta “Tabeirós Montes” dedicada ao escritor Manuel García Barros, na que se irá poñendo a disposición de todos achegas sobre este autor comenzando coa correspondencia que mantivera co escritor ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea, maís coñecido polo seu alcume de Ben Cho Shey.
Nun momento histórico de persecución da nosa lingua e cultura, cando era imposíbel publicar libremente, as cartas dan conta da creatividade e resistencia dos intelectuais do momento. Fronte a posicións acomodaticias e mesmo colaboracionistas como a doutras que si trunfaron durante o franquismo, e mesmo se apoioron neste para o seu trunfo, renegando da súa lealdade coas letras galegas, o caso exemplar de Manuel García Barros queremos poñelo en valor así como o dos seus correlixionarios na causa da nosa cultura, nomeadamente Ben Cho Shey.
O acto celebrarase ás 20:00 h. Na sala de exposicións de Abanca (na rúa principal da Estrada), e nel podemos ter ocasión de escoitar unha gravación inédita do propio Ben Cho Shey recitando poemas de autores do seu tempo.