Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Silleda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Silleda. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de febreiro de 2024

Ciencia en galego no Día da Lingua Materna

 

Este vídeo de Diego Luís Ojea, alumno do IES Pintor Colmeiro (Silleda) foi o gañador do concurso Petiscos de ciencia convocado pola USC no que premian vídeos de ciencia en galego. Unha feliz coincidencia quixo que se o acto de entrega de premios fose precisamente no Día da Lingua Materna, tamén o día en que o PP veta o uso do galego no Senado. Non debe ser unha coincidencia pois tamén é o PP o que prohíbe o uso da lingua galega nas clases de ciencias, de aí que aínda sexa máis pertinente e necesaria a existencia deste concurso.
O segundo premio foi para Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín. Velaquí o tedes:

luns, 13 de decembro de 2021

Mapa da mitoloxía de Trasdeza

Xa había moito tempo que non engadía ningunha entrada que puidese estar etiquetada ente os mapas. Aquí un enorme traballo do ENDL do IES Pintor Colmeiro (Silleda) no que se recollen unha farta de relatos mitolóxicos: lendas de mouros e de mouras, lendas relixiosas, contos relacionados co alén ou historias máxias protagonizadas por animais, todas na comarca de Trasdeza. 

domingo, 8 de outubro de 2017

A Estrada e Silleda: dobre exclusión do galego


Velaquí o cartel que anuncia o Flash Market, un evento que se organiza no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA e no que destacamos que o galego ficou completamente excluído.
O padroado da Fundación asociada a esta Feira cae baixo as directrices da Vicepresidencia da Xunta, Alfonso Rueda é o presidente do mesmo. Que todos os galegos aportemos os nosos impostos para o mantemento destas instalacións parece que non serve de nada pola indolencia dos representantes políticos que, no canto de ser garantes da dignificación da nosa lingua, adícanse precisamente ao contrario.
Non é este o primeiro caso de desprezo ao galego saído da Feira de Silleda. O pasado mes de xuño, por exemplo, celebrouse a Equina, onde a única palabra que podiamos ler en galego, tanto no cartel como no programa, era "Feira"
No seu día ProLingua xa denunciara que sucedía o mesmo con outro evento que se programa nas instalacións da Feira Internacional, o Xuventude Galicia Net. Parece como se toda a programación que vai caer nestas instalacións estivese abocada a botar fóra a lingua galega. Este feito multiplica a súa gravidade por estaren institucións públicas directamente relacionadas coa promoción dos eventos que acabamos de referir. Xa dixemos que por medio de Vicepresidencia a Xunta é un organismo sempre presente, pero tamén aparecen implicados como entidades que apoian algunhas destas celebracións tanto o concello de Silleda como a Deputación de Pontevedra.




A Estrada baixa no seu compromiso co galego

Esta fin de semana celébrase a XII Subida Á Estrada, unha competición automobilística que conta coa subvención do Concello da Estrada e a  Secretaría Xeral para o Deporte. Nin unha nin a outra mostraron a sensibilidade necesaria para esixir que a divulgación da carreira se fixera en galego. Desleixo? desprezo? inidiferenza? desidia? irreverencia? Quizais todo xunto. En resumo, falta de amor pola lingua de noso.
E así anda todo

domingo, 8 de xaneiro de 2017

Noticias sobre a normalización nos concellos de Silleda e Lalín e Vila de Cruces

Durante as últimas semanas a canle Nós Televisión fixo varios reportaxes arredor da normalización lingüística en varios concellos.
O primeiro deles vai sobre actividades realizadas en Lalín arredor da escrita creativa, narracións e contos. Recoñécese que hai unha situación problemática xa que é moi raro que a lingua habitural dos nenos sexa o galego. Invito a ver o vídeo xa pois entre outros entrevistan a Celso Fernández Sanmartín, que sempre é un gusto escoitalo.



O segundo vídeo que recollo trata sobre actividades nun concello ao que lle collín moito cariño por ter traballado alí durante 13 anos, Silleda. Neste caso trátase de sesións en familia de contacontos e manualidades e de orientación para os pais de lecturas co fin de manter a tranmisión xeneracional. O concello de Silleda tamén lle regalará unha "caixa finlandesa" aos nacidos no municipio, aínda que neste caso non será como a da Xunta, que cacarexada como un alicerce máis do seu aparente galeguismo, traía un CD de cancións en castelán. Polo menos as de Silleda veñen en galego.



A última das reportaxes está centrada en Vila de Cruces. Neste caso temos unha reportaxe sobre a sinalización da toponimia das parroquias e os lugares. Con esta campaña queren comenzar a corrixir algunhas deturpacións. O maior interese deste vídeo é o de poder ver como o concelleiro de obras e servizos, que non dubida en aceptar a única prescripcións existente no relativo ao emprego do galego tal como é o do relativo aos topónimos, revela os seus prexuízos con frases como "á xente cóstalle adaptarse ao galego normativo que teñen agora os lugares como por exemplo Xordedo, Mosteiro ou Igrexa". Aínda bo é que informa que contan con técnicos no concello que lles indican cal é a forma non escangallada do topónimo.

martes, 20 de setembro de 2016

Adeus, Silleda

X. C. Gª. Porral no encontro sobre
toponimia. Da RAG
Xa hai tempo que tiña que ter publicada esta entrada, pero é que  non sei por onde debía comenzar.
O pasado sábado celebrouse en Pontevedra unha xornada sobre a recollida de toponimia organizada pola RAG e a Deputación de Pontevedra. Entre outros participaba Xoán Carlos García Porral cun relatorio no que explicou o traballo realizado no meu ex-centro, o IES Pintor Colmeiro (Silleda) que recibira o premio Antonio Fraguas. O froito máis destacado dese traballo son dous mapas (un de xacementos arqueolóxicos e outro de microtoponimia de Silleda) xunto coa edición dun libro no que se recolle todo o proxecto. Como dato curioso, a tirada foi de 500 exemplares; o concello de Silleda fixo outra de 1000. O curioso do caso é que hai un ano pedíuselle ao concello colaboración para realizar unha exposición na Casa da Cultura co fin de realizar un acto de presentación do libro para divulgalo entre os veciños. Aínda non houbo resposta e eses 1000 tomos fican gardados (secuestrados) nalgún lugar descoñecido.
Seguramente este traballo foi unha das principais aportacións ao conxunto das actividades realizadas no ENDL do IES Pintor Colmeiro. Non foi o único mérito de Xoán Carlos xa que baixo a súa dirección o ENDL pasou da insignificancia a ser parte relevante da vida do centro. Agora que marchei quixera repasar algunhas outras como a da Radio Colmeiro, argallada por Xosé Rodríguez, e que (unha mágoa) só estivo activa durante o curso 13-14.
Outra das iniciativas que mobilizou a boa parte do centro e que tivounha maior repercusión foi a que chamabamos "Nomeamos as aulas" na que lle dabamos o nome dun escritor a unha das aulas do centro. Aproveitábase a visita do escritor ao máximo propoñendo libros de lectura, realizando presentacións que percorrían a súa obra, facéndolle entrevistas,.... E foron moitos os que pasaron por Silleda, sobre todo grazas ao labor de Gracia Sanctórum. Por citar uns poucos: Rosa Aneiros, Ledicia Costas, Suso de Toro, Antonio Reigosa, Xabier P. Docampo, Fina Casalderey, Agustín Fernández Paz,...
Quixera destacar tamén o traballo realizado por Fe, quen con enorme paciencia e criterio titorizaba eses fermosísimos álbums ilustrados que realizaban os alumnos dos primeiros cursos da ESO. Cada un deles era unha alfaia.
Nos últimos cursos chegounos Maxo, cargada de ilusión en todo o que facía. Ela foi quen puxo ao alumnado a elaborar unha cantidade incrible de esopías, ou quen fixo a proposta de poñer en marcha un Taller de Normalización que publicou esta revista dixital, pero que, sobre todo, mantivo a un bo grupo de rapaces animados arredor dun proxecto normalizador.
Sería imposible relatar todo o traballo levado a cabo polo alumnado: xestión das contas das redes sociais, elaboración de artigos, carteis, colaboración nas máis diversas actividades,... Por poñer un exemplo que tivo certa repercusión nos medios, vou citar o artigo de Claudia no que denunciaba que despois dunha estadía nos Estados Unidos o funesto decreto do plurilingüismo permitíalle a exención da materia de... lingua galega, e non da que sería máis lóxico: da de inglés.

Na columna da dereita do blogue As Ferreiras mantense un apartado sobre prexuízos que contou para a seu tratamento nas aulas coa colaboración de Rosa, a orientadora. Sempre disposta para todo e con todos.

Un dos traballos que máis recordos me trae foi o da Paisaxe lingüística da vila de Silleda. Tiramos case 900 fotografías que houbo que clasificar. Elaborouse un documento que ben podería sentar as bases para iniciativas normalizadoras en colaboración co concello. Pero nunca vin nin interese real nin vontade de levar adiante ningún tipo de medidas. Por exemplo, detectáramos que os sinais dos vaos estaban todos en castelán. A pesar se saber quen era a empresa que vendía prácticamente todos, desde o concello non se puxeron en contacto con ela. Sempre se nos falou da imposibilidade de cambiar a situación. Pouco tempo despois en Moaña galeguizaban con vinilos sobre os sinais de tráfico nunha acertada campaña normalizadora. Pola contra o grupo de alumnos que colaborou nesta proposta era realmente excepcional.
Outro documento-base para sustentar o traballo do ENDL foi a análise sociolingüística  que buscaba ofrecernos unha radiografía da realidade próxima en relación coa lingua. Seguro que cada un que mire o informe (se ten vagar) pode obter algunha conclusión interesante. A min quedoume na memoria unha cifra, a dun 71% do emprego da lingua galega tanto dos avós como dos pais dos alumnos do centro. Nese  elo aínda non se producía unha ruptura da transmisión interxeneracional. A imposición dun límite superior dun 50%, tendencialmente 33%, ao uso do galego na escola establecido polo decreto 79/2010 significaba o establecemento dun forte factor castelanizador no sistema educativo público. Se a isto lle engadimos a existencia dun colexio concertado cunha evidente vocación supremacista, podemos enxergar un futuro de declive do galego nos vindeiros anos no concello de Silleda.
De entre todas as actividades podemos gabarnos de organizar todos os anos unhas xornadas adicadas á ciencia en galego nas que a denuncia da prohibición do emprego da nosa lingua estaba sempre no primeiro plano. Xornadas que sempre se viron enriquecidas polas propostas que nos achegaba a Coordinadora Galega de ENDL. En contraposición nunca houbo nada que aproveitar dos anuncios máis ben intoxicadores e propagandísticos da SXPL. Tamén, nos últimos anos participamos activamente no Correlingua, facendo que esta proposta estivera presente durante semanas no centro mediante diversas actividades que xiraban ao seu arredor.

Para rematar
Quedan moitas cousas atrás, pero nalgún punto hai que cortar.
Para rematar, de entre os centos de achegas que se fixeron nestes anos ao ENDL vou deixar dous vídeos. Un dos primeiros tempos da miña participación do ENDL e outro dos últimos.
O primeiro fóra toda unha sorpresa. Un día unha alumna, sen aviso previo, chéganos ao Equipo cun vídeo completamente rematado no que invitaba a todo o mundo a participar na normalización:



O outro é a última actividade realizada o curso pasado. Grazas á intermediación de Ana Pillado, Mini e Mero achegáronse a Silleda a dar unha das súas clases maxistrais



Saúde e normalización

P.S.: Acabo de ver que esta entrada tivo repercusión nalgún medio e que acabou sendo motivo de que o concello de Silleda se pronunciase sobre a falta de divulgación do libro Paisaxe lendaria e toponímica do concello de Silleda. Se isto serviu para rescatar a publicación e a prometida exposición sobre o mesmo, dou por bo o resultado.
Con todo, revisando o que dixen do concello, pode dar a impresión de que estamos diante dun inimigo da lingua, o cal non é o caso. Poño un par de exemplos. Primeiro: unha iniciativa de promoción do uso do galego no comercio, silledAgasalla, na que se pide a aportación do traballo do alumnado, foi proposta polo concello. Segundo: sempre colaboraron cos centros para facilitar que o alumnado acudira ás convocatorias do Correlingua.

luns, 11 de xullo de 2016

O carro, versión sinfónica



Esta magnífica interpretación que demostra que para ler a Manuel María, nin tan siquera cómpre saber ler. Así de universal é a súa obra. Velaquí están  Luísa Blanco Pena (fagot), Alba Pardo Aboy (clarinete), Juan Manuel Ocampo Dobalo (trompa) e Sergio Rodríguez Pena (oboe). Os 3 primeiros son membros da Banda Xuvenil de Silleda e o último é da Banda da Bandeira. Todos alumnos do meu centro, o IES Pintor Colmeiro (Silleda)

domingo, 15 de maio de 2016

#fotolingua



O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela organiza o concurso #fotolingua, que ten como obxectivo darlle visibilidade aos establecementos comerciais que fan uso do galego nese concello.
Para participar hai que facerse seguidor da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que se evidencie o uso do galego nos establecementos comerciais, hostaleiros ou empresas de Santiago (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). endadindo unha explicación do lugar no se se fixo a foto e a etiqueta #fotolingua e/ou #ogalegovende.
Pódense consultar aquí as bases completas do concurso. Non hai dúbida de que é unha moi boa iniciativa.
Hai tres anos, desde o ENDL do IES Pintor Colmeiro fixéramos un estudo sobre a paisaxe lingüística da vila  (Silleda) que lle presentáramos á asociación de comerciantes e ao concello. Unha mágoa que finalmente non saíra nada de proveito de todo aquel esforzo, algo como esta iniciativa do concello compostelán.

sábado, 23 de abril de 2016

Álbums ilustrados de 1º da ESO

Onte publicábamos os álbums ilustrados que fixeran os alumnos de 2º da ESO sobre a lectura de "Memorias dun neno labrego". Hoxe tócalle a quenda aos de 1º. Neste caso cada grupo traballou un libro distinto.
O alumnado de 1º A leu Dúas bágoas por máquina de Fina Casalderrey



O alumnado de 1º B fixo o seu traballo sobre O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo



Finalmente, o alumnado de 1º C traballou o Resalgario de Antonio Reigosa

venres, 22 de abril de 2016

Álbums ilustrados de "Memorias dun neno labrego"

O alumnado de 2º da ESO do meu centro estivo traballando as Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas. O certo é que a principios de curso, cando se trazaron as liñas principais do ENDL, estaba previsto que o autor visitara o noso centro. Desafortunadamente iso xa non foi posible, pero a pegada de Neira Vilas deixouse sentir en moitas das actividades que se realizaron este ano.
Como parte do traballo realizado co libro, cada un dos grupos de 2º elaborou un álbum ilustrado sobre o libro, velaquí o resultado:












venres, 18 de marzo de 2016

Ruta dos tesouros do Deza

No IES Colmeiro (Silleda) impártese un  Ciclo Medio de Actividades Físicas no Medio Natural. Este curso estiveron preparando varias rutas polo concello que están a publicar  nunha aplicación deste tipo de actividades. Vai aquí unha como exemplo, para seguir buscando percorridos, premer nas ligazóns deste mesmo parágrafo.





Powered by Wikiloc


A ruta dos Tesouros do Deza desenvólvese polo concello de Lalín.Iniciarase dende o teleclub de Donsión a través do camiño da prata onde a poucos metros atoparemos a súa Igrexia Barroca.Deseguido pasarase pola parroquia de Bendoiro mediante a Devesa,deixando atrás algúns regatos.Continuará ata Prado por sendeiros onde atoparemos Pazos e Igrexias.Proseguira atravesando a Devesa de Liñares ata chegar a Ponte Taboada Vella e seguirá cara a Borralla pasando o resto de pontes.Continuará ata Santa Lucía onde veremos o Muiño de Cuiña.Finalmente,seguirá hacia o Monte Anselo para chegar a Igrexia de Noceda onde rematará a ruta.

sábado, 19 de setembro de 2015

Xuventude Galicia Net ou Juventud Net?

Xuventude Galicia Net anúnciase como a maior party informática de Galicia. Estase a celebrar estes días na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda. Pódese comprobar que o seu portal exclúe por completo o galego. As normas do encontro non existen en galego, tampouco no formulario de inscrición, nin en apartado nin noticia algunha.
O evento recibiu o apoio da Xunta coa visita o pasado xoves 17 do vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Ademáis da Xunta, Xuventude Galicia Net está patrocinado pola Deputación de Pontevedra, o Concello de Silleda, ABANCA, e Coca-Cola.
Nas redes sociais facebook e twitter dáse o caso de que a lingua galega desapareceu por completo, pero se buscamos polo time-line comprobaremos que en edicións anteriores si que era a lingua de referencia. Malas novas.

venres, 12 de xuño de 2015

Esopías 2015

Se o ano pasado facíamos unha publicación dixital de 22 esopías, este ano achegamos unha escolma doutras 37. E iso que só estan recollidas as que máis lle gustaron ao xurado entre as participantes no II Concurso de Esopías que o ENDL do IES Pintor Colmeiro (Silleda) convocou este curso.
Como novidade, nesta ocasión contamos coa colaboración do Departamento de Plástica coas ilustracións que fixeron alumnos de 3º da ESO
Entre as creacións aquí recollidas está a que obtivo o premio do 2º ciclo da ESO e Bacharelato do III Concurso de Esopías celebrado na IX Feira Matemática
Por se alguén non o recorda, unha esopía é un relato, comentario ou poema, cun máximo de 140 carácteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π.


mércores, 27 de maio de 2015

Entrevista e encontro con Gonzalo Navaza

O pasado 7 de maio Gonzalo Navaza fíxonos unha visita ao IES Pintor Colmeiro. A razón? No centro estase a realizar un traballo enorme arredor da recuperación e posta en valor da toponimia e as lendas do concello de Silleda. Trátase do proxecto didáctico Antonio Fraguas, premiado con este galardón na súa 9ª edición.
Aproveitando a ocasión Gonzalo Navaza descubriu unha placa coa que nomeamos unha das aulas do centro. No primeiro dos vídeos dúas alumnas de 2º de bacharelato, Denise e Sonia, fan unha presentación deste experto en toponimia que despois imparte unha charla ao alumnado. No segundo Sonia e Martina, de 1º de bacharelato, fanlle unha entrevista moi interesante.
Non é a primeira ocasión que traio a este blogue intervencións de Gonzalo Navaza, sempre interesantes e nunca aburridas. Queredes saber cantos topónimos hai en Galicia?, pois escoitade...





domingo, 24 de maio de 2015

Presumindo de galego

Cantas veces lle teremos que agradecer á Coordinadora galega de ENDL (CGENDL) as boas propostas que ceiban para que as aproveiten os Equipos dos centros escolares! A última proposta da CGENDL consistía en que graváramos a fala dos mozos dos nosos centros para que puideran Presumir de galego. Por que? Pois porque existimos os e as galegofalantes de menos de 60 anos, incluso de menos de 40, e de 30... ningún chegamos aos 18! Invitámosche a que entres na páxina da CGENDL e que busques os  podcasts que gravamos en Silleda:

 Gravacións> Provincia: Pontevedra> Concello: Silleda.

Tamén os podes escoitar aquí, nesta entrada.

Conversa informal
Co obxectivo de escoitarmos a un grupo de rapaces de 13-14 anos coa fala das terras de Silleda, grabamos esta conversa informal nun grupo formado por tres deles : Carlos Taín, Laura Diéguez e Marcos Caetano



A lenda do Pelapatacas
Laura Diéguez Troitiño cóntanos a lenda do Pelapatacas



A pesca
Juan José fálanos da súa afición: a pesca. Cóntanos con quen a practica e as técnicas que usa



A lenda do San Xoán

David Mato fálanos dunha lenda da noite de San Xoán



A lenda do casamento
Carlos Taín Gil fálalos dunha lenda sobre o que debían facer os homes cando casaban



A lenda do Carro de Ouro
Lucía Dapena Carracedo,  cóntanos a lenda do Carro de Ouro



Os Xenerais da Ulla
A dos Xenerais da Ulla é celebración tradicional do antroido típica das terras da beira do río Ulla. Marcos Caetano Vázquez, infórmanos das súa orixes


xoves, 7 de maio de 2015

Retos matemáticos de Lewis Carroll

O mérito do que podedes ver aquí é do traballo realizado polos alumnos de 1º da ESO dirixidos pola súa profesora Norma. Traballaron arreo para decorar o centro.
Houbo unha chea de actividades para  celebrarmos o 150 aniversario da edición de Alicia no país das marabillas. Aquí só vou destacar os retos matemáticos elaborados a partir de propostas de Lewis Carroll. Cada un dos retos estaba presentado por algún dos personaxes do marabilloso mundo de Alicia. Todos, agás o reto 8 que é obra de Sam Loyd, están recollidos de textos de Carroll, especialmente do libro Matemática demente.




Reto 1. A excursión
Dous excursionistas tardan, desde a 3 ata as 9 da tarde, en percorrer un camiño chairo, despois suben ata un outeiro e volven ata o punto de partida. A súavelocidade no camiño chairo era de 4 millas por hora, na subida de 3 e no descenso de 6. Acha a distancia percorrida.





Reto 2.A comida do gobernador de Kgovjni

O gobernador de Kgovjni ofrece unha comida na que invita ao cuñado do pai, aosogro do seuirmán, ao irmán do seu sogro e ao pai do seu cuñado. Acha o número de invitados.











Reto 3.O carteiro da praza 

Unha praza cadrada ten 21 portas en cada un dos seus lados. Están todas numeradas comenzando por unha das esquinas . Un carteiro debe facer entregas nos números 9, 26, 54 e 76. Por cal das catro portas debe comenzar a facer o reparto para percorrer a menor distancia posible?










Reto 4.Viaxeiros a ninguna parte

Dous viaxeiros, partindo a un tempo, percorren en dirección opostas unha vía de tren circular. Os trens saen en ambas dirección (Leste e Oeste) cada cuarto de hora. O tren do Leste dá a volta completa en 3 horas; o do Oeste tarda 2. Cantos trens encontrará cada un dos viaxeiros no seu camiño?







Reto 5.Sacos pesados

Hai cinco sacos: A, B, C, D, E. Os dousprimeiros pesan 12 libras, o B e o C pesan 13 libras e media, o C e o D 11 libras e media, o D e o E, 8 libras. Se os sacos A, C e E pesan 16 libras, canto pesa cada un dos cinco sacos?











Reto 6. Bonecas rotas de Chelsea

O 70% das bonecas de Chelsea perderon un ollo, ao 75% fáltalles una orella, o 80% está sen un brazo e 0 85% sen unha perna. Que porcentaxe, como mínimo está sen os catro elementos?












Reto 7.O xardín de grava

Un xardín rectangular, media iarda máis largo que ancho, consiste únicamente nun sendeiro de grava disposto en espiral. O sendeiro ten unha iarda de ancho e unha lonxitude de 3630 iardas. Acha as dimensións do xardín.








Reto 8. Was it a cat I saw?
A pregunta é: cantos camiños podemos percorrer seguindo a frase: Was it a cat I saw?
Para unha primeira aproximación ao problema podes probar a pintar algúns camiños sobre o seguinte esquema:



Reto 8. Debuxa dun único trazo.
Debuxa a seguinte figura cun único trazo, sen levantar o lápis do papel:



Aínda tiñamos algún reto máis na faltriqueira ao que lle podedes botar o dente:

A merenda
Un vaso de limonada, 3 sándwiches e 7 bizcoitos custan 14 peniques. Un vaso de limonada, 4 sándwiches e 10 bizcoitos custan 17 peniques. Acha o prezo dun vaso de limonada, un sándwich e un bizcoito.


As idades dos tres fillos
A primeira vez que os vin, dúas das idades daban unha suma igual á terceira. Uns anos máis tarde dúas delas dan o dobre da outra. Cando o número de anos transcorridos desde o primeiro encontró é dous terzos da suma das idades de todos eles nesa ocasión, unha das idades era 21. Cales eran as outras dúas?

mércores, 22 de abril de 2015

Panel informativo sobre a paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda

Un vistoso e enorme cartel permítenos a presentación mediante exemplos do que podemos atopar no mapa toponímico elaborado durante este curso no IES Pintor colmeiro (Silleda). Así, ofrécese un exemplo dun topónimo dun lugar, un hidrotopónimo, outro referido a un penedo, o nome dunha veiga o dun camiño, e finalmente o dos castros, mámoas e petróglifos. Tamén se fai referencia á existencia de vídeos elaborados expresamente para a explicación dalgúns destes topónimos.


xoves, 26 de marzo de 2015

Boletín para as familias nº2 desde o IES Pintor Colmeiro

Esta semana repartimos no IES Pintor Colmeiro o segundo boletín para as familias no que se explican algunhas características do uso da lingua no entorno máis próximo. En concreto fálase dalgúns datos sobre o uso do galego por parte dos establecementos comericais e das administracións en Silleda.

Tamén se informa sobre algunhas ideas sociolingüísticas como son a necesidade de incrementar o grupo dos galegofalantes desbotando referencias terminolóxicas prexuizosas como a de asumir que a nosa fala é un castrapo. Unha outra referencia consiste nun apunte sobre a diglosia, que se contrapón á normalización.



sábado, 28 de febreiro de 2015

Nós cantar cantamos


O curso pasado no IES Pintor Colmeiro fixemos unha colaboración co IES Ramón Mª Aller Ulloa chamada "Nós cantar cantamos" que consistía na recollida e divulgación de 36 poesías doutras tantas autoras para construir un taboleiro colgando unha cada día e así unir o Día de Rosalía co Día da Poesía.
O equipo de poetas é de luxo. E as ilustracións, outra marabilla; foron realizadas nas aulas do Bacharelato de Artes de 2º BAC do IES “Ramón Mª Aller Ulloa”. O libro que recompila todo este traballo é unha alfaia máis nese Día de Rosalía que xa brila máis que ningún outro na constelación das celebracións do ano.
O título do poemario fai referencia ao poema de Cantares: "Eu cantar cantei"

Outras publicacións arredor do Día de Rosalía:

martes, 24 de febreiro de 2015

"Eu son Rosalía" da Bandeira a Silleda



Estes de arriba son os meus futuros alumnos. Eles son Rosalía.
Estes outros, os de abaixo, son os meus alumnos de agora, e que pronto o deixarán de ser. Eles tamén son Rosalía.

venres, 13 de febreiro de 2015

O mapa dos xacementos arqueolóxicos de Silleda



Un dos piares do proxecto premiado co Antonio Fraguas no IES Pintor Colmeiro (Silleda) é a xeolocalización da toponimia do Concello de Silleda. Ao introducir no mapa da microtoponimia de Silleda os xacementos arqueolóxicos do concello polo que superáronse os 1000 topónimos identificados.
Neste mapa que presentamos nesta entrada están identificados  petróglifos, mámoas e castros. De consultardes o mapa da microtoponimia tamén os acharedes. Hai que agradecerlle ao arqueólogo Israel Picón a súa colaboración para a localización destes importantes xacementos.
Para facer un breve percorrido por algún destes lugares pódese consultar esta entrada do blogue do instituto público de Silleda. É enorme o traballo que está a realizar Xoán Carlos García Porral xunto co Departamento de Lingua (Fe Fernández, Xesús Cociña, Mª Xosé Ledo e Mª Luz Núñez ). Agora ademáis contamos coa colaboración dun bo grupo de alumnos de 2º de bacharelato que están engadindo novas entradas no mapa; eles son  David Varela Salgado, Samuel Rodríguez López, Carlos Mato Rodríguez e Jorge Méndez Bértolo.