Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta represión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta represión. Amosar todas as publicacións

mércores, 19 de febreiro de 2025

Polo futuro do galego, con Carlos Callón


Vídeo no que  Carlos Callón explica a represión lingüística na etapa democrática e como o PP aprobou en solitario un decreto para que o uso do galego, primeiro na escola e despois no conxunto da sociedade fose diminuíndo progresivamente.

 

venres, 17 de xuño de 2022

500 anos de represión do galego

Comezaron as presentacións do novo libro de Carlos Callón, O libro negro da lingua galega (Xerais 2022). Nesta reportaxe de Nós TV teremos ao propio autor, así como ao editor Fran Alonso e ao actual presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, ofrecendo o seu punto de vista sobre a publicación.

Ademais da anterior reportaxe recollemos algunhas intervencións da súa presentación na libraría Couceiro (Santiago de Compostela) roubadas do Twitter da Mesa: 

sábado, 6 de novembro de 2021

Cinismo e castigo

Por Francisco Rodríguez no Nós Diario: 

Calquera persoa galega con conciencia lingüística práctica, isto é, utente do idioma galego como norma na súa vida social, sabe da precariedade que o acompaña, en especial cando acode aos servizos públicos: falta de protección e amparo, exposición a tratos discriminatorios, vexacións e desprezos. A cuestión de fondo aboia sempre: o seu idioma, con excesiva frecuencia, non atopa correspondencia na resposta oral ou documental escrita que se demanda ou necesita, mesmo tendo que asinar a conformidade e pagar do seu peto. O resultado é que, malia o devandito, a persoa pode seguir mantendo o uso oral ou escrito do galego no que del depende. Porén, tenderá a resignarse, a non ser en ocasións propicias por ser posíbel o diálogo, a aceitar que o atendan en español.

martes, 27 de outubro de 2020

Do xenocidio ao lingüicidio

 

Pronto se vai celebrar a 3ª edición de Malas linguas, esa xanela aberta da Deputación da Coruña á reflexión sociolingüística cargada de ideas ben construídas arredor da situación das linguas, especialmente da nosa, nunha época na que o paradigma é o silencio arredor deste tema. En varias ocasións xa apareceron por aquí referencias a esta feliz iniciativa ( [1], [2], [3], [4] 

) e agora pareceume unha boa ocasión para compartir as reflexións de Encarna Otero sobre o tema que dá título a esta entrada: "Do xenocidio ao lingüicidio" 

xoves, 18 de maio de 2017

Memoria da represión lingüística: Luz Fandiño



Luz Fandiño fala de máis cousas, pero especialmente, e na primeira parte do vídeo preséntanos as súas lembranzas sobre a represión lingüística. 
Esta entrevista tráeme á memoria aquela outra das Candongas do Quirombo para o documental A memoria da lingua


venres, 30 de maio de 2014

Xabier P. Docampo: as aulas do franquismo e o anel de chumbo



Falabamos en castelán na aula e en galego no recreo.
Sempre nos enche de gozo escoitar a Xabier P. Docampo porque vendo como se desenvolve un gran mestre os que nos adicamos ao ensino podemos aprender un mundo. Nesta enuncia o brutal retroceso que supón a LOMCE e relata a súa experiencia nesa futura escola franquista.
Docampo cóntanos que o primeiro que se aprendía na escola era  a terlle xenreira á túa propia lingua. O relato do anel de chumbo é tremenda, pero non é a única. Falou tamén da segregación, das reválidas, as visitas do inspector, a promoción do clasismo, a xerarquización, as ratios, o profesorado, a regra de 3, a LOMCE,... Estes 20 minutos de clase son unha marabilla.
A lembranza da realidade escolar durante o franquismo e a súa comparación co modelo educativo que pretende implantar o PP coa LOMCE foron os protagonistas dun acto simbólico organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público no Museo Pedagóxico de Galiza este mércores 28 de maio.
Desde a Plataforma promóvese que o vindeiro día 4 se faga lectura do manifesto nos centros de ensino.

venres, 11 de xaneiro de 2013

A represión lingüística. Os casos de Consuelo e José Francisco



Consuelo foi envíada a un colexio de monxas en Ribadeo onde lle prohibían falar en galego. Conta o mal que o pasou e relata como lle berraban por dicir algunha palabra en galego.
Esta historia forma parte do proxecto Archivo de la experiencia que recolle máis de 6000 testemuños. Un importante documento da historia do século XX ao que pertence tamén o seguinte vídeo:




José Francisco cóntanos o sucedido nunha clase durante a Guerra Civil. É unha vívida experiencia da represión lingüística que por mor do funesto decreto de plurilingüismo podería repetirse hoxe en día. Isto é o que adiantamos desde o 1936.
Agradézolle a Francisco Xosé Rei García a referencia.

P.S.: Outro testemuño. Neste caso de Xabier P. Docampo no seu blogue.

luns, 12 de novembro de 2012

Fènix 11·23



Outono do ano 2004, Èric Bertran, un neno de 14 anos, crea un web inspirado en 'Harry Potter e a Orde do Fénix' para defender a lingua catalá. Unha note, trinta garda civís da brigada antiterrorista de Madrid irrompen na súa casa e acúsano de terrorista informático. O seu crime: enviar un e-mail a unha cadea de supermercados pedindo o etiquetado en catalán.
Ésta e a sinopse da película 'Fènix 11·23', dirixida por Joel Joan e Segi Lara, que se estreou o pasado 9 de novembro. Este proxecto, do que xa déramos conta no seu día, saíu adiante grazas ao micromecenazgo.
O lingüista Noam Chomsky, ao coñecer o caso dos problemas do rapaz catalán por defender a súa fala afirmou que "o mundo tería que coñecer a historia de Èric". E para contribuir a que así sexa, deixo por aquí as ligazóns a un documental no que se relatan os feitos e se entrevistan aos protagonistas da historia. Considero de imprescindible a visión deste documental  realizado por Xevi Mató no 2005: [1] , [2][3][4] [5].

xoves, 9 de decembro de 2010

Abdullah Demirbas, alcalde de Amed

No blogue de Séchu Sende cada post é un paradigma do que debería ser un post. Por iso cada vez que o visito teño ganas de lle contar a todo o mundo o que vin alí. Mais desta vez no canto de invitar a que visitedes un vídeo máis traballado que deixou polo seu blogue (cada casa, umha escola) , achego por aquí un outro seu vídeo realmente excepcional.
Abdullah Demirbas é o alcalde da capital do Kuristán norte, Amed. Como a lingua kurda está prohibida nas escolas, el elaborou un programa para que os veciños de Amed lean contos en kurdo nas súas casas para que así poidan aprender a ler na súa lingua. Por accións como ésta, Abdullah pode ser condenado a 175 anos de cárcere. A pesar diso o alcalde ten razóns incluso moi persoais polas que vai continuar na defensa do  kurdo e para sabelo cómpre ver o vídeo... ata o último segundo.