Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Luís Villares. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luís Villares. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de maio de 2017

O discurso dos marcadores: pola nosa lingua, contra os prexuízos


Dous marcadores: un rosa e un azul, e as palabras. Non precisa máis Luís Villares para desmontar a política galegófoba do goberno de Feijóo.

venres, 12 de maio de 2017

A política lingüística protagonizou o debate na sesión parlamentaria



O pasado mércores 10/05/17, a lingua galega volveu a ser protagonista do debate político no parlamento. Na quenda de interpelacións Olalla Rodil volveu a recordar que o PP rachou o consenso sobre a lingua e acusounos de facer un uso da lingua como arma electoralista.
Pero o punto culminante chegou coas intervencións de Villares e as respostas de Feijóo no pleno parlamentario. Velaquí deixo unha das intervencións do representante de En Marea que, de certo, entendo que subscribirían todos os grupos da oposición. Recomendo escoitala.
A contestación de Feijóo foi fachendosa e penosa. Entre outras cousas, acusou a Villares a de falta de coñecemento sobre a situación da lingua, reprochoulle que sacara o tema xusto agora, "que vén o 15 de maio "[sic] (isto require explicación: o do 15 de maio era polo Día das Letras), e afirmou que a Xunta non traducira o Minerva nol [sic] (referíndose ao Minerva noj, a aplicación informática da xestión procesal que, por esta razón impide, de facto, a tramitación xudicial en galego) porque, aínda que llo pediran ao goberno central, recibiron unha resposta negativa. Non vou divagar sobre o tamaño da mentira. Apunte á marxe: en Cataluña teñen a súa propia aplicación para o sistema xudicial.
Só agradecer, tanto a Olalla como a Villares que fixeran referencia, nas súas intervencións, ao enorme agravio que supón a prohibición de impartición de aulas en galego especialmente nas materias de carácter científico.

Na prensa
Feijóo elude pronunciarse sobre Villar Mir e o futuro de Ferratlántica, Sermos Galiza
Feijóo bota en cara a En Marea que politice o galego, ao PSOE o paro e ao BNG a corrupción, Praza Pública

venres, 3 de febreiro de 2017

A cuestión da lingua, segundo Luís Villares



O Instituto de Estudos Miñoráns está levando a cabo unha gorentosa serie de encontros  cos voceiros parlamentarios dos catro grupos con representación no Parlamento baixo o título Faladoiros Galicia 2017-2020: presente e futuros. 
Os contidos destes encontros están sendo gravados e podemos consultar os vídeos de cada un deles: Ana Pontón (BNG), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG-PSOE), Luís Villares (En Marea) e Pedro Puy (PP). O que traio aquí é un recorte da intervención de Luís Villares no que aborda a cuestión da lingua. Cómpre escoitalo pois o xuiz Villares ten traballado con proveito nos aspectos xurídicos da lingua. Concretamente, é un dos colaboradores no libro Sobre o racismo lingüístico (Laiovento, 2008) e foi o coordinador doutro, Estudos xurídicos para o decreto para o plurilingüismo (Laiovento 2010)

domingo, 22 de marzo de 2015

O decreto do plurilingüismo a debate en Telelugo




O pasado 19/03 a normalización lingüística foi o tema do programa Lugo a debate de Telelugo. Nel participaban  Manuel Regueiro Tenreiro, quen fora director xeral de política lingüística na era Fraga, Luís Villares titular do xugado contencioso nº 2 de Lugo e Mónica Pazos, vicepresidenta da Mesa.
O centro do debate foi o funesto decreto do plurilingüismo e resulta moi ilustrativo que incluso unha persoa cunha visión obsoleta como Regueiro Tenreiro exprese o seu disgusto co mesmo, lembrando o pacto do PXNL, e como co actual goberno quedou en papel mollado. Tamén pediu que se escoitaran aos Equipos de Normalización.
O xuíz Luís Villares desenvolveu os seus coñecidos argumentos xa explicitados no libro Estudos xurídicos sobre o decreto do plurilingüismo explicando que para o desenvolvemento da liberdade é necesario antes o coñecemento e a existencia de espazos de uso.
Mónica Pazos reiterou a necesidade dunha volta ao consenso e ao diálogo para o establecemento de políticas lingüísticas non excluíntes co galego.

venres, 11 de xuño de 2010

Unha sanción por desobeder o decreto do ensino poderíase impugnar por ilegal

Luís Villares, o maxistrado da Fonsagrada participará no V Congreso de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática que se celebrará os días 25 e 26 de xuño no IES Sofía Casanova de Ferrol. E que fai un xuiz nun congreso de profesores de matemáticas? Pois todo o mundo debería sabelo xa, explicarlle a eses profesores que poden e deben impartir as súas aulas en galego.
De radiofusion.eu sacamos o seguinte artigo:

“Dou e darei as miñas clases en galego” dicía o texto do alegato asinado por máis de 4.500 profesores de toda Galicia que foi entregado no Rexistro Xeral da Xunta manifestando o seu compromiso de empregar a lingua galega no exercicio da súa docencia malia o que establecese o decreto do plurilingüismo que preparaba a Xunta. Ese decreto é hoxe unha realidade e nel figura, entre outras cuestións, que a materia de Matemáticas impartirase, por decisión do Goberno, en lingua castelá. A Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática, AGAPEMA, organiza en Ferrol os días 25 e 26 deste mes o seu V Congreso. Entre as comunicacións previstas para esa cita, figura unha moi acaída para saber o que pode acontecer no vindeiro curso escolar. É a que presentará o xuíz, Luís Villares, baixo o título “Podemos dar as clases en galego?”. En Radiofusiòn explicou que si: “Non habería dificultade ningunha en que ante unha hipotética sanción derivada desa aplicación do regulamento se puidese impugnar a actuación por ilegal e declarala nula completamente”.

Sociedade • 06/06/2010 • Autor: M. A.
Teimar en impartir as materias en idioma galego non é “rebeldía”, en todo caso unha “desobediencia”, precisa o xuíz titular d’A Fonsagrada. Requirido polo abeiro que a lei lles confire aos mestres que continúen a desenvolverse en clase como o facían baixo o decreto do ensino derrogado, Luís Villares explica: “A suxeción de todos ao ordenamento xurídico é ao seu conxunto, non unicamente ao decreto, que non convivé só, senón que está subordinado a leis que están por enriba como a de Normalización Lingüística e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias”. O contido desas normas entra en contradición co decreto promovido pola Xunta dunha maneira que Villares cualifica como “aberta e groseira”. Xa que logo, lembra que “posto a escoller a que norma se somete un, as de rango superior teñen que ser observadas sobre as de rango inferiro cando estas contradicen ás outras, porque son nulas”.

“Teño reservas” avanza o xuíz sobre a posibilidade de que se lle abran expedientes sancionadores aos mestres que desobedezan o decreto. Non dubida en sinalar o decreto do plurilingüismo como “ilegal” e, así as cousas, “todos os actos que deriven de regulamentos ilegais son nulos de pleno dereito”. O maxistrado prognostica que se cadra non se chega esa situación se prosperan antes do inicio do curso os recursos presentados por diversos sindicatos e plataformas contra a norma da Consellaría de Educación. Nese caso, adianta Villares, “supenderíase provisionalmente a súa aplicación e continuaría en vigor o anterior decreto. Os tribunais poderían deixar o novo sen efecto transitoriamente e, se o declaran ilegal, o Goberno tería que facer outro”.
Verbo do plan da Xunta para promover unha reforma legal que permita realizar consultas aos pais e nais en Primaria e Secundaria sobre o idioma das materias e outros aspectos do ensino, Luís Villares é tallante: “Calquera que lea a sentenza do Tribunal Constitucional 337/94 entende que non pode ser así. Esa sentenza acabou cun debate semellante en Cataluña nos anos 90”. “Non hai lei que poida facer abdicar ao Executivo autonómico do seu deber de decidir a configuración curricular a favor dunha suposta elección paterna ou materna”. “A regulación dese contido entraría no corazón mesmo do dereito a educación e debera ser regulado por lei orgánica. A Xunta non ten competencia para iso”, resolve.
Vía Ciberirmandade da fala
Por se alguén non pode ir a Ferrol a escoitar ao xuiz Luis Villares, deixamos aquí este vídeo, no que o xuiz debulla o que seguramente serán os argumentos da Mesa Redonda na que participará no Congreso de AGAPEMA.

Luís Villares from Queremos Galego on Vimeo.

domingo, 18 de abril de 2010

Dous libros de Pilar García Negro

Hai dous días publicabamos un artigo do escritor Xabier Queipo que nos trouxo á memoria un par de libros de Pilar García Negro publicados o ano pasado pola editorial Laiovento: "De fala a lingua: un proceso inacabado" e "Racismo lingüístico". Do primeiro xa fai unha invitación o suficientemente suxerente Xabier Queipo. O segundo é un libro cun formato que está moi de moda, Pilar García Negro é a autora dun dos artigos e a coordinadora do volume. As achegas a este libro son do máis interesante, destacamos o artigo do xuiz da Fonsagrada Luís Villares.
Deixamos aquí os vídeos de presentación destes dous libros. Pero Pilar García Negro fai moito máis que presentar os libros, imparte toda unha lección sobre o significado da Normalización. Recomendámolos.
Vídeo 1. Pilar García Negro.

Vídeo 2. Pilar García Negro.

Vídeo 3. Pilar García Negro.

Vídeo 4. Pilar García Negro.