Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Jorge Mira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jorge Mira. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de agosto de 2018

Ben falado!: Ciencia en galego


Aproveitando que a canle de You Tube da TVG se encheu estes días cunha chea de capítulos do ben querido programa Ben falado!, quixen recoller un deles, o 326, adicado á miña teima, o uso do galego na ciencia.
O capítulo en cuestión é do ano 2010, un ano funesto para a lingua galega pola publicación do ignominioso decreto do plurilingüismo. Nótese como neste capítulo aínda se respiran ansias de normalización, que proveñen da etapa gubernamental do bipartito. Pouco despois, todo este discurso eliminaríase desde as institucións, sendo substituído por outro consistente en "canto menos galego, mellor para o galego" para xustificar as prohibicións que aínda a día de hoxe penan sobre o uso da lingua de noso.

xoves, 3 de maio de 2018

Lecturas astronómicas en galego

No Departamento de Matemáticas do IES Antón Losada proxectaramos o curso pasado impartir durante este a materia de Astronomía como optativa do centro para 1º de bacharelato (1 hora lectiva semanal). Incomprensiblemente non nos deron o permiso desde a inspección.
Con todo, nesa materia estaba previsto recomendar a lectura dalgúns libros para achegarse a distintos aspectos da astronomía. Propúxoselle a parte do alumnado que lesen e traballasen con estes libros como actividade extraescolar, do estilo dos clubs de lectura. Alén da extensa anotación de Damián Campos, quizais os traballos que ofrecen os resumos máis sintéticos e visuais son os realizados por outra alumna de 2º de bacharelato, Laura Rey Vigo. Aquí os comparto, ao tempo que presento os libros en cuestión.
Esta entrada ten un punto triste: preséntanse tres libros de divulgación científica en galego, será prácticamente imposible dar con outro que non se mencione aquí. Estamos ante o panorama dunha cultura arrasada.

O primeiro, o que é para min o mellor libro de divulgación científica escrito en galego, e un dos mellores que lin nunca. Trátase de E fixemos a luz! (USC 2015), de Salvador Bará. Forma parte da colección Biblioteca de divulgación. Serie científica, con poucos, pero gorentosos exemplares.




O segundo libro ten unha excelente edición, ¿A que altura está o ceo? (Alvarellos, 2016). Debido á proxección mediática do seu autor, Jorge Mira, é quizais o máis popular dos tres. Relata os fitos máis importantes na medición do universo. Laura escolle nesta presentación algúns dos que máis lle chamaron a atención.



Por último, un clásico, o Sidereus Nuncius, de Galileo Galilei. Premendo na ligazón pódese acceder á publicación en galego realizada polo MUNCYT no ano 2011. Esta obra foi a que impulsou o debate sobre o heliocentrismo. Cando se publica, no 1610, xa pasaran máis de 60 anos da edición do De Revolutionibus de Copérnico, pero non foi ata a aparición do texto galileano que comenzou o verdadeiro tirapuxa entre o xeocentrismo e o heliocentrismo. Dunha banda: o poder da Igrexa, da outra, o talento e os argumentos de Galileo.
O Sidereus Nuncius é un texto curto, de doada comprensión, o cal é moi de agradecer nun escrito de índole científica. Lévanos á cerna do debate científico que acabaría na cualificación de herética á proposta copernicana e á conseguinte prohibición dos libros que a defendesen. É fundamental para comprender a dicotomía ciencia-relixión e para adentrarse no estudo da historia da ciencia.

luns, 30 de abril de 2018

Enrique Labarta Pose: alén de Troia

por Jorge Mira, na Tribuna da RAG;


O Congreso dos Deputados de España, na súa comisión de cultura, aprobou por unanimidade o 24 de outubro de 2017 unha proposición non de lei cuxo texto di (diario de sesións núm. 349, páxina 34): "El Congreso de los Diputados manifiesta la voluntad firme de dar a conocer y promover la difusión de la figura y de la obra del intelectual, escritor y poeta baiés Enrique Labarta Pose, e instar a promover la firma de convenios de colaboración con el Ayuntamiento de Zas, en el que se ubica la localidad de Baio, donde nació, y con las entidades culturales Adro y Badius, que vienen emprendiendo actualmente actividades de homenaje y conmemoración de la vida y obra del escritor."
É este un xusto recoñecemento a unha figura capital das letras galegas, e da cultura do noso país en xeral, no período de cambio do século XIX ao XX.

venres, 13 de abril de 2018

Ciencia en galego no punto de mira do Taboada Chivite



Velaquí un dos 8 vídeos da lista que elaborou o alumnado de 2º de bacharelato C do IES Xesús Taboada Chivite (Verín). Tal e como nos contan desde o ENDL dese centro, este gorentoso traballo  tivo o seu inicio na lectura do libro A ciencia no punto de mira (Auga editora 2011), da autoría de Jorge Mira. 
A lista de reprodución titulárona Facendo ciencia en galego!, así, con admiración. E hai que facelo así porque desde o decretazo contra o galego a Xunta prohibiu traballar nas aulas de materias científicas en galego. Temos aquí, xa que logo, unha labazada en todos os fuciños da zunia gobernante. Isto encende aínda máis a nosa admiración polo traballo feito por estes mozos verineses (e o seu profesorado). Parabéns.
De entre os 8 vídeos escollín este de arriba porque trata dun tema que, a priori, parece pouco científico: a comunicación cos extraterrestres. Porén esta alumna de Verín explícanos marabillosamente como enfocar esta cuestión alonxándose de interpretacións pseudocientíficas. No segundo vídeo que recollo aquí relátasenos a peripecia científica do estudo da cancelación dos efectos do café e o alcol. O discurso é excelente e entretido, ademais, como no primeiro dos vídeos,  regálannos as tomas falsas. Que máis se pode pedir?


martes, 25 de abril de 2017

Díxenche que lle dixo que non llelo dixera

por Jorge Mira Pérez, na sección de Autores da RAG:


Un dos últimos informes do Estudio General de Medios (EGM) indicou que a penetración da televisión na poboación española é do 88.5% (descoñezo se hai datos segregados por autonomías), seguida por Internet, co 62.4%, e a radio, co 60.4%. Por se fose pouco, ao analizar a tendencia deste indicador dende o ano 2000 ata 2015, vese que a hexemonía da televisión se mantén nuns valores de sorprendente estabilidade, pasando do 89.2% en 2000 ao 88.5% en 2015.

xoves, 7 de xullo de 2016

Rabela: Entrevistas arredor da lingua

Nesta entrada recompilo as entrevistas que Nós TV realizou a persoas de distintos ámbitos no programa Rabela do pasado 28 de xuño











venres, 19 de xuño de 2015

O futuro do galego está nas matemáticas


Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo, e Mª Victoria Otero, decana da Facultade de Matemáticas, explican un traballo que realizaron usando unha ecuación diferencial para estudar o conflito lingüístico galego. Entre outras cousas explícase que o futuro do galego ten como un dos piares fundamentais unha política lingüística que incremente o seu prestixio frente comparativamente co castelán. Actualmente, segundo unha ferramenta matemática elaborada por este grupo de profesores da USC, o castelán triplica o prestixio da lingua galega.
A conclusión é que o futuro do galego depende de todos nós. Se o prestixio do galego é o suficiente, o galego terá unha longa vida. Claro que unha política que prohíba impartir as clases de matemáticas en galego non será a que nos leve por ese necesario incremento do prestixio.

sábado, 14 de decembro de 2013

Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol



Con motivo da cuarta edición do Día da Ciencia en Galego, a Coordinadora Galega de ENDL organizou esta videoconferencia con Jorge Mira Perez. Doutor en Física e Catedrático da Área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. A videoconferencia tivo lugar o 12 de novembro de 2013 e nela participaron máis de 5500 alumnos e alumnas de 89 centros educativos de toda Galicia. A Unidade Multimedia e TIC da USC fixo posíbel este multitudinario encontro a través da rede.
Máis información:

sábado, 14 de xaneiro de 2012

A ciencia no punto de Mira

É un dos Premios da Crítica 2011. No seu caso,  por liderar un traballo  A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado xunto con Luis Seoane e Juan Nieto, que concilia a investigación en ciencias experimentais coas humanidades e as ciencias sociais  e que tivo e está a ter unha grande recepción e impacto en Galicia e nos circuítos científicos internacionais.
Ademais Jorge Mira é o autor deste libro de divulgación  científica,'A ciencia no punto de mira'Un oasis no deserto da divulgación científica en galego.
O libro achéganos 63 temas científicos explicados de forma moi sinxela, incluso coloquial. A vontade de chegar a todo tipo de público podémola ver, por exemplo, no capítulo adicado ao paradoxo do aniversario. Trátase de determinar cantas persoas precisamos xuntar para que a probabilidade de que dúas delas teñan o mesmo aniversario sexa de polo menos un 50%. Curiosamente a resposta é que basta con que haxa 23 persoas. E ao xuntarmos 60 a probabilidade chega ao 99%.
De forma moi intelixente, Jorge Mira, no canto de darnos unha lección de combinatoria, desmonta o prexuízo do que normalmente partimos cando nos expoñen ese problema: o consistente en pensar só nos que naceron o mesmo día que un. O cerne está en decatarse de que temos que estudar as parellas de persoas e non é difícil ver que con 23 persoas podemos formar 253 parellas distintas. Deste xeito Jorge  Mira demostra que, aínda sendo certo que os prexuízos fan inzar actitudes reprobables,  para desmontalos non se precisa profundizar senón que chega con saber escoller o punto de mira.

venres, 29 de abril de 2011

Contar co galego

por Robert Neal Baxter, en Terra e Tempo, quen lle botou o ollo a un artigo no que se funden as matemáticas e a sociolingüística. Lembrarei que xa tratamos o tema noutra ocasión, coincidindo no fundamental co que comenta aquí Neal Baxter.

Non é todos os días que aparece un artigo sobre ciencias exactas no Terra e Tempo. Mais tamén non é todos os días que aparece un artigo sobre o galego nunha revista internacional de física (abstéñanse aritmofóbic@s e discálcul@s!). Ante todo, pois, vaian por diante os meus parabéns aos autores do artigoThe importance of interlinguistic similarity and stable bilingualism when two languages compete, tres profesores da Universidade de Santiago de Compostela, por conseguiren que a nosa lingua apareza no máis alto da palestra internacional, fazaña que non resulta precisamente doada nos tempos que corren.

Ao facer confluír os campos da sociolingüística e da matemática, o mencionado artigo constitúe un excelente exemplo da transversalidade interdiscplinar que vén sendo de rigueurno mundo académico desde hai varios anos. De facto, resulta indispensábel que as diferentes disciplinas dialoguen entre elas, sen compartimentalizacións estanques entre 'ciencias' e 'letras', para daren conta da verdadeira complexidade solapante do mundo no que vivimos. Por tanto, calquera achega que validar de xeito obxectivo e contrastábel a verdadeira situación da lingua galega sempre representará un paso adiante e debería -xa desde o plano subxectivo de defensor dos dereitos lingüísticos colectivos d@s galegofalantes- servir de ferramenta para identificar con cada vez máis claridade os problemas e as súas posíbeis solución a prol da plena normalización social do noso idioma nacional. 

Porén, sigo a ter as miñas dúbidas acerca de se os comportamentos humanos complexos se prestan tan facilmente a seren reducidos a simples formulas matemáticas ou, dito doutro xeito, a cálculos matemáticos simplistas. E digo 'simplista' porque creo que unha das principais eivas do artigo radica na exclusión (ou 'non inclusión') dunha serie de variábeis que, ao meu entender, resultan importantes -cando non imprescindíbeis- para descifrar (nunca mellor dito) a verdadeira situación actual do galego e a súa relación co español. E así o recoñecen (aínda que tacitamente) os propios autores cando escriben: "The model used in this paper has two evident limitations. Firstly, the model does not consider possible alterations of the relative proportions of the linguistic groups due to immigration, emigration or differential birth and/or death rates. Secondly, partially related to this is the consideration that the relative status of the two languages may well vary in time". Non creo que se poida prescindir dunha variábel demolingüística tan marcada na Galiza como son as respectivas taxas de mortalidade, avellentamento e natalidade de cada grupo lingüístico. Tamén opino que, para enriquecer o estudo e consolidar as conclusións ao reflectir máis fielmente a realidade tal e como a vivimos unha grande parte d@s galegofalantes habituais, se debería pensar na posibilidade de integrar nos cálculos outros factores externos que poden exercer unha influencia sobre a motivación ou non de practicar unha determinada lingua nun determinado contexto, entre os que destacaría (sen ánimo de ser exhaustivo) o ratio galego:español nos medios de comunicación, na prensa, nos centros escolares, no contacto inicial nos centros administrativos públicos, nos comercios, nos bancos, na igrexa...

O artigo adoece, pois, ao meu ver, do que dalgún xeito se podería denominar 'a síndrome de Ussher', do nome do matemático que, no século XVII, tivo a ben calcular a idade da Terra, chegando a situala nuns 6.000 anos, fronte aos seus 4,5 billóns de anos reais. Os seus cálculos eran impecábeis, mais non así o seu input, nomeadamente as xeracións citadas na Biblia desde o Xardín do Edén. En inglés, este tipo de sistema denomínase 'garbage in, garbage out'...

Unha segunda eiva importante que se detecta no traballo radica na súa falta de precisión ao definir un dos principais termos teóricos sobre os que se sustenta todo o traballo, iso é, o que significa ser 'bilingüe'. Por omisión, dáse entender por 'bilingüe' calquera persoa que teña a capacidade potencial de se expresar nas dúas linguas en cuestión, independentemente de se usa as dúas ou só unha delas habitualmente, ás veces ou nunca... De feito, a situación debuxada no Mapa Sociolingüístico de Galicia reflicte unha realidade moito máis complexa en canto ás competencias fronte aos usos reais. De se apoiar o artigo nunha definición implícita de 'bilingüe' entendido como capacidade potencial pasiva no canto dos respectivos usos activos reais das dúas linguas, até Gloria Lago pasaría a engrosar as filas das persoas bilingües, razón polo cal o grupo que lidera reclama este epíteto no seu nome. 

É máis, ficando na contorna inmediata de alto prestixio na que desempeñan o seu labor docente e investigador os autores do citado artigo, a Universidade de Santiago de Compostela, onde abofé que unha grande porcentaxe d@s docentes e estudantes son (potencialmente) bilingües, a que conclusión chegamos ao darmos unha ollada rápida aos datos recollidos pola propia Universidade para o curso 2010-11?. Dentro do que cabe, malia non se impartir nin a metade das materias en galego nos departamentos de Física Aplicada (31,2%) e Análise Matemática (40,64%) non son estes dous, desde logo, os peores de todos os de ciencias e medicina. En termos globais, mentres máis da metade (53,57%) dos departamentos reseñados (30 de 56) imparten docencia en galego por debaixo de 10% (dos cales hai 7 departamentos onde a presenza do galego é absolutamente nula), hai tan só 18 departamentos (incluído Filoloxía galega) que imparten máis de 50% das súas aulas en galego (o que representa 32,14% do total). Que cada un/ha tire as súas conclusións... 

En canto ás conclusións ás que chega o artigo, cumpre distinguir claramente entre as fontes secundarias (recensións, artigos de prensa, etc.) e as dos propios autores. Como exemplo do primeiro, está El Correo Gallego, que, aínda matizando ao longo do artigo (para non terxiversar completamente os contidos reais do estudo), non dubida en anunciar como título que: "Un modelo matemático de la USC, destacado por el Instituto de Massachusetts, le da esperanzas al bilingüismo" (será o mesmo tipo de bilingüismo que practica a maioría dos xornais editados na Galiza...). Bastante menos cauto é o autor do artigo titulado How languages can live together without killing each other. Why Castilian didn't smother Galician, publicitado (entre outras cousas) polo secretario do Consello da Cultura Galega e membro numerario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo nun artigo publicado en El País, que comeza declarando alegremente: "Those of you who are concerned that linguistic globalisation will eventually steamroller local tongues into extinction should take heart from a study by a team from the Universidade de Santiago de Compostela, which has mathematically proved that two languages can live together in peace and harmony."

Polo outro lado, no entanto, os propios autores son máis ambivalentes e as súas conclusións entenderanse en clave positiva ou negativa dependendo do gusto do cliente. Comparemos:  "The present results nevertheless suggest that the competition between two languages does not inevitably lead to the extinction of one of them", o que parece contradicir máis do que matizar a seguinte afirmación: "These values [...] predict the eventual extinction of Galician. However [...] that extinction is not imminent." En fin, o galego probabelmente vai morrer, mais non hai que preocuparse de máis, porque vai ser unha morte lenta (e dolorosa tamén se seguimos nas mesmas...) e a idea de que vai ser o 'bilingüismo' o que o pode salvar non se sustenta nunha lectura pormenorizada dos datos e análises achegadas.Lembremos a famosa citación que se adoita atribuír ao Primeiro Ministro británico do século XIX, Benjamin Disraeli: "Hai tres tipos de mentiras: mentiras, malditas  mentiras e estatísticas". Neste caso o problema non radica nas análises e nos cálculos, senón nas eivas detectadas nos input e nas definicións de base, a partir das cales non se pode (ou non se debería) pretender sacar conclusións nin nun sentido, nin no outro

venres, 15 de abril de 2011

Maxicamente novo

por Henrique Monteagudo en El País: 


Anda por Galicia adiante o músico galego Roi Casal e o seu grupo presentando un novo disco, intitulado Maxicamente vello. Tiven a fortuna de asistir en Compostela á súa estrea no pasado mes de febreiro. Coñecín persoalmente a Roi cando, en pleno fragor da ofensiva contra o galego, o colectivo Galego Patrimonio da Humanidade organizou en Compostela un comicio cívico que Roi e o seu grupo amenizaron coa súa música, para deleite da asistencia. Ocorréusenos convidalos (iso de convidalo é un falar, pois actuaron de balde) despois de ver en YouTube a súa feliz versión do ourilucente poema de Manuel María dedicado ao idioma galego, texto que dá título ao devandito álbum, e que Roi difundira na rede naqueles atreboados momentos. Foi escoitar aquela marabillosa canción e mercar fungando Lendas douradas, un disco onde se ofrecen, entre outros tesouros, dúas auténticas xoias, senllas versións de poemas de Rosalía: Ninfa das frescas augas, chea de feitizo, e Tecín soia a miña tea, un illó de emoción.


- A mocidade creativa. Pero non é do caso tecer un panexírico do novel músico de Catoira, non por defecto do seu mérito, senón porque non procede neste lugar. Cando saiamos, oufegando de enerxía, do seu concerto, demos en matinar no seu talento artístico e mais no exemplo que acababa de ofrecer dunha mocidade preparada, afouta e emprendedora, e na inmensa (e non sempre valorada) achega da música -isto é, dos músicos e as músicas-, na revitalización, espallamento e impulso á cultura galega, moi especialmente entre a xente nova. Sobre este segundo tema habemos de voltar noutra endeita. Reparemos arestora na mocidade creactiva (activa + creadora).
A nosa, demasiado ben o sabemos, é unha colectividade mergullada no pesimismo, cun serio déficit de autoconfianza e bombardeada afeito por mensaxes denigratorias: trasantonte Rosa Díez, estoutro día Montilla, onte a Marta de Gran Hermano, hoxe o túzaro castejano... Todo un orballo de menosprezo que nos enchoupa arreo. Incluso as forzas que pretenden activar a cidadanía galega recaen de cando en vez nas mensaxes catastrofistas: o galego baixa en picado, está no peor momento da súa historia, non pára de recuar. Seicasí, perante un panorama tan desalentador, remanece o milagre da xente nova, tan competente canto comprometida, que non se conforma co derrotismo, que evita o fácil recurso á pipela, que se nega a deixarse levar pola corrente, que quere abrir o seu propio camiño.
- Que xurdan cen escolas. Velaí o estudantado universitario, que é quen de rachar coas cadeas da inercia e do dirixismo sectario, e constrúe navíos en que singrar polos seus propios roteiros: Movemento Estudantil Universitario, Liga Estudantil Galega, Mocidades Federalistas Europeas... Que se abran cen flores e que abrollen cen escolas! Escolas diversas, capaces de achegaren matices necesarios e plurais puntos de vista a un diálogo aberto e ilustrado, escolas prestas a colaborar para avanzarmos en común. Todo o contrario do pensamento uniformizado, fósil e unanimista ao que se aferran os que non saben como afrontar os novos esixentes desafíos, que só acertan a repetir consignas gastas e esconxuros rituais. A incapacidade para debullar serenamente os erros do pasado é a mesma que impide mellorar as propostas para afrontar os retos do presente.
Lamentablemente, padecemos unhas elites dirixentes, uns líderes políticos e uns gobernantes enchoídos nos seus intereses de casta e carentes de amplitude de miras, e por tanto incapaces de inspirar un país no que non acreditan. Xentes que no canto de aguilloar, articular e orientar iniciativas cidadás, se entregan a desanimar, confundir e pechar os camiños. Pois o que haberá que facer é demostrar a Galicia, con argumentos, con feitos e con propostas, que somos país, e que somos quen de superar as dificultades que temos por diante. E para isto, nada máis convincente que a forza do exemplo. Acabamos de citar a Roi Casal. Reparemos agora, por sinal, en Jorge Coira e o seu brillante filme 18 comidas. Unha película de baixo presuposto e case sen promoción publicitaria, pero que apampa o público, ao mostrarnos unha Compostela distinta, atópica e heteroxénea, e por iso máis verdadeira. É que, por certo, dá toda unha lección de sociolingüística: puro tecnicolor idiomático, altamente recomendable para os nostálxicos do branco e negro. Non a perdan, se é que aínda non a viron!
- Os científicos novos e o galego. E falando de lingua e de achegas renovadoras, batemos en Jorge Mira, o flamante catedrático de electromagnética e coordinador do programa de divulgación científica ConCiencia. El e o seu equipo acaban de publicar un artigo no New Journal of Physics, titulado A importancia da semellanza interlingüística cara ao bilingüismo estable en situacións de competencia entre dúas linguas, onde presentan un modelo matemático capaz de predicir a evolución das situacións de contacto lingüístico. Un modelo que xa adiantaran o mesmo Mira e Ángel Paredes nun contributo publicado en 2005 na revista Europhysics Letters, xa daquela moi celebrado. O cal, por certo, nos lembra que na primeira liña de defensa do galego cando o blietzkriegidiomático comandado polos señores que agora gobernan Galicia e disque mañá rexerán España, estiveron os xoves investigadores galegos en física de partículas residentes no CERN de Xenevra.
O traballo máis recente de Mira e o seu equipo -destacado entre outras institucións polo mítico MIT, a Sociedade Americana de Física e o Institute of Physics Publishing-, está a ter un impacto extraordinario na comunidade científica internacional. Resumindo ao máximo (o texto completo en inglés pódese baixar de balde da rede), os investigadores sosteñen que a supervivencia futura do galego é posible a condición de que se estabilice un numeroso grupo bilingüe, o que vén facilitado porque as linguas en competencia son bastante similares. Boas novas para o galego, non si? Unha das mellores recensións que lin en Internet titúlase precisamente How languages can live together without killing each other [Como poden vivir xuntos dous idiomas sen matar un ao outro]. Pois seica a súa conclusión de que o bilingüismo constitúe a solución máis viable de futuro para o galego lles valeu acedas críticas aquí en Galicia. En troques, o seu traballo espertou grande interese en países como Cataluña, Flandres ou Québec. O traballo, por certo, está a outorgar unha insólita visibilidade internacional á nosa lingua.
Volvendo ao rego, apunto: nunha situación de contacto de linguas, a innovación pode fornecer unha vantaxe decisiva. Para gañar o futuro, un idioma precisa vivir asociado ás novidades. Por iso, o porvir do galego, coma o do país, vaino deseñar esa xente creactiva que non recúa ante os atrancos, non renuncia a pelexar e ten competencia e afouteza para afrontar os desafíos contemporáneos con intelixencia, con imaxinación e con esforzo. Xente como Roi, como Coira e como Jorge Mira. Para tanto, cómpre que o país, apostando por eles e por elas (noutra entrega falaremos das mulleres), saiba, queira e poida apostar por si mesmo. Falta fai.

martes, 8 de febreiro de 2011

A ecuación diferencial do bilingüismo

A ecuación diferencial do bilingüismo estaba chamada a que me pasara desapercibida. Foi o interese que mostrou A. C., un alumno meu, quen me falou das reportaxes que saían nos medios informando do caso , e foi polas cuestións que A. C. me avanzou polo que se me despertou o interese no traballo “Importancia da semellanza lingüística e do bilingüismo estable cando dúas linguas compiten”.
Efectivamente, o estido asinado polos profesores da USC Mira, Seoane e Nieto fíxose coñecido ao ser destacado nunha revista do prestixioso MIT (Instituto Tecnolóxico de Massaschussets). Ten unha gran significación simbólica o feito de que se recoñeza internacionalmente un traballo realizado en Galicia e no que se presenta un modelo de dúas linguas en conflito, sobre todo agora, nos tempos en que desde as altas instancias da política autonómica se pretenda disociar a lingua galega do mundo científico.
A orixinalidade do traballo reside na introdución de dúas medidas que poden axudarnos a comprender mellor a sangría de falantes que está sufrindo o galego. Unha delas é o estatus, que mide a percepción social das ventaxas que lle ofrece a un falante o uso dunha determinada lingua. Os autores acaban determinando un valor do 24% para o galego e, polo tanto, dun 76% restanto para o castelán. O outro parámetro co que xogan é o da semellanza lingüística e ao meu ver parte dunha percepción errónea do que pretenden modelizar. A semellanza lingüística pretende medir de que forma pasan os individuos de falaren nunha lingua a facelo na outra ou ben a converterse en bilingües. Do que se pode ler no adianto do modelo que construíron estes profesores da USC, o caso parece máis acaído para aplicarllo a unha sopa de dous tipos de moléculas que poden ter unha determinada afinidade para combinarse ou disociarse.Un non enxerga un substato sociolingüístico firme detrás do parámetro da semellanza lingüística. Así, fálase, por exemplo, dun panorama no que a lingua galega desaparece mentras que tanto o grupo bilingüe como da lingua española se equilibran baixo a consideración dun estatus constante da lingua galega sempre inferior ao da lingua de Castela. De chegarmos a este caso, entre outras cousas, o galego sofriría tal deturpación interna que se esvaería como dialecto do castelán. Trazos de ese proceso xa os podemos ver hoxe en día.
Por outra banda hai fenómenos que non aparecen reflectidos na ecuación diferencial.. No propio estudo, apuntando novas liñas de investigación, noméanse algún. Outros poderían achegarse da consideración de que por moi mala que fose a evolución do número de falantes dunha lingua, ésta podería resistir se hai un grupo de falantes irreductibles dispostos a lle manter fidelidade.
Non debemos perder de vista que o que aparece no artigo non nada máis (e nada menos) que un modelo da evolución do número de falantes de dúas linguas en competición. Así que aínda que a previsión do futuro da lingua galega segundo o modelo, que aparece na imaxe de arriba, é bastante desalentadora, este resultado non é nada definitivo, a sorte do galego non está decidida. Aínda así o traballo destes tres investigadores pode achegarnos nova luz sobre as análises sociolingüísticas realizadas ata o momento.
É de agradecer que estes profesores da USC focalizaran o seu interese nun fenómeno social próximo. Isto sérvenos para confiar máis na nosa universidade, para comprobarmos, que por moi esotéricos que nos parezan os estudos que se realizan nas unversidades, éstes acaban sendo útiles á sociedade que as mantén e apoia.
Finalmente creo que está claro, e considero que éste é o aspecto máis positivo deste traballo, que se abre toda unha nova forma de abordar o estudo do conflito lingüístico e isto é o mellor que lle pode pasar a unha teoría científica: que sexa fructífera, e que xenere todo un novo proxecto de investigación. Sería realmente marabilloso que a partir deste artigo se xurdira unha innovadora vía de colaboración entre matemáticos e sociolingüistas que nos axudaran nun futuro a comprender moito mellor  do que poidamos facelo hoxe, os procesos relaccionados co cambio de lingua despois de estableceren un modelo asentado no que puidera ser a ecuación diferencial da diglosia.