Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Documento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Documento. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de febreiro de 2021

A integración lingüística: un exemplo de mala praxe da política lingüística

No pasado mes de novembro celebráronse as XXII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. Nesta ocasión estiveron adicados á "Integración lingüística como ferramenta de cohesión social". Despois dun par de xornadas virtuais cargadas de achegas e propostas, obtivéronse unhas conclusións finais que certifican que se está a desenvolver unha mala praxe na política lingüística tamén no tratamento do acollemento lingüístico. Calquera que teña un par de ollos ou un mínimo de contacto con estes aspectos sábeo. 
Como experiencia propia podo comentar varios casos de alumnos lusófonos ( un 21% do total) que como método de integración teñen a exención da materia de lingua galega, e só desa materia. No ensino regrado non hai ningún plan para a atención de alumnado estranxeiro. A solución é sempre a acción esmagadadora do poder do castelán e o seu corolario da aprendizaxe de prexuízos lingüísticos.
Do documento de conclusións vou extraer algúns parágrafos:
 
A realidade amosa que en Galicia non se están aplicando as políticas necesarias para que a poboación inmigrante poida adquirir competencias lingüísticas en galego.

 As carencias na planificación son evidentes no ámbito educativo, onde a Administración establece un marco lexislativo que só proporciona unhas directrices xenéricas [e sen planificación]

Ese traballo de planificación debe concretarse nunha oferta maior e máis diversificada de actuacións formativas, superando o escenario actual, basicamente limitado a uns cursos CELGA que, tal e como están formulados, non serven para garantir o acollemento, a integración e a cohesión social destas poboacións. 

Ademais desa planificación “vertical”, cómpre tamén fomentar outra “horizontal”, que promova a colaboración e a coordinación entre diferentes administracións, entre departamentos da mesma Administración, e entre administracións e entidades públicas e privadas (ONG, asociacións de inmigrantes, profesionais, deportivas, culturais...). Dentro do sistema educativo, ese labor debería vertebrarse arredor do CAFI
 
A formación non se debe limitar a transmitir habilidades comunicativas, senón que ten que traballar tamén sobre os prexuízos lingüísticos presentes tanto na poboación estranxeira coma na poboación galega.
 
O que coñecemos como CELGA é un sistema de avaliación, e non un sistema de formación en lingua galega para adultos. É o sistema de formación en lingua galega para adultos o que presenta numerosas eivas á hora de garantir o acollemento, a integración e a cohesión social.


Na Consellería de Educación e na Política Social  e na de Turismo (á que pertence a cousa da política lingüística), seguen mirando para outro lado. Esta é a sociedade que queremos?

domingo, 28 de xuño de 2020

Proposta de bases para a normalización do ensino

A Mesa pola Normalización Lingüísitica, en coordinación con movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais deseñan de xeito conxunto un modelo de sistema educativo co galego como lingua vehicular e de aprendizaxe.
A Xunta, polo momento (non importa cando o leas) non contesta

Entre as bases destacamos algunha como:
  • A administración educativa garantirá material en galego para todas as áreas, materias e módulos profesionais. [Actualmente prohíbese en varias materias, e en case todos os módulos profesionais non houbo nunca material na nosa lingua]
  • A Xunta de Galiza levará a cabo unha campaña de informa-ión e sensibilización no conxunto da sociedade sobre o alcance e importancia deste modelo para devolverlle ao noso idioma o status que lle corresponde. Así mesmo, programará unha ampla información e formación específica tanto para ANPAS e familias como para persoal non docente.[Alguén recorda algunha campaña neste sentido nos gobernos do PP?]
  • En todos os procesos selectivos e de acceso á función pública o profesorado estará obrigado a realizar unha das probas, como mínimo, en lingua galega, e nela terá que mostrar competencia oral e escrita para o uso do noso idioma.[Esta esixencia é de mínimos. Con todo non se dá hoxe en día. Non se garante en forma algunha a competencia en lingua galega no acceso á función docente. Non estaría de máis establecer tamén garantías para o sector privado]

Proposta de bases para a normalización do ensino by kiarqu2458 on Scribd

xoves, 21 de maio de 2020

Unha Consellaría de Educación que insulta a nosa lingua

No día de onte a Consellaría de Educación reuniuse cos sindicatos para tratar as condicións de volta aos centros de ensino. No encontro a administración presentou unha proposta. Un, que a pesar dos anos segue sendo un tanto iluso, quixen lela para ter coñecemento, sen intermediarios, do que se estaba cocendo. Digo que quixen porque non fun quen de o facer. Intenteino varias veces, pero despois de varios esforzos vans, o resultado foi un completo fracaso. Non puiden albiscar o que propoñían as cúpulas educativas. Rendinme fronte á imposibilidade de entender o texto
Ben se ve que nas oficinas da Consellaría redactaron o texto en castelán e que posteriormente lle pasaron, moi por enriba, un tradutor. Despois, se houbo revisión, foi daquela maneira. O resultado, que non recomendo ler a ninguén, foi o dunha zaragallada incomestible. O que envorcou a conselleira sobre a mesa ante os representantes sindicais non é galego, é un insulto ao galego. Unha máis das múltiples mostras dunha política lingüística de desprezo á lingua de noso.
Podemos permitirnos seguir mantendo eses zunantes levando o temón da educación galega?
Como mostra da prea que sae desas cabezas, deixo aquí algúns retallos. Conste que, nin con moito, quixen ser exhaustivo. O seguinte vén dunha lectura en diagonal, e da que non saquei nada en limpo.





venres, 14 de febreiro de 2020

Os apelidos en Forcarei, ao dereito

Roubada do Chaniño
No IES Chano Piñeiro  (Forcarei) están desenvolvendo unha campaña de estudo e información sobre a antroponimia dos membros da comunidade educativa. A cousa non queda aí, ponse o foco no dereito a vivir e a expresármonos na nosa lingua en todos os ámbitos da vida, así que, unha vez identificadas as incorreccións nos apelidos, tamén se ofrecen indicacións de como restarurar as súas formas correctas e libres de deturpacións. "Do mesmo xeito que moitos topónimos se foron castelanizando á forza, moitos apelidos galegos tamén foron acastrapados e deturpados"


Tanto no portal O Chaniño, como nos paneis dos corredores do centro encontramos preguntas pertinentes con respostas moi ben argumentadas. Velaquí as cuestións que invito a que vexades respondidas no Chaniño:
  • Cando comenzou a deturpación dos apelidos galegos?
  • Por que os nosos topónimos están regularizados e os apelidos non?
  • É posíbel volver os nosos apelidos castelanizados á súa forma orixinal?
  • Por que hai persoas que se resisten a corrixir o seu apelido castelanizado?
  • Como galeguizar o teu nome e apelidos

O traballo, no que participaron o ENDL e a Biblioteca do centro, non está feito no aire, senón que se recolleron os apelidos dos membros do centro, tanto na súa forma deturpada como na orixinal, explicando o seu significado e a súa orixe.



Instancia de galeguización do nome



Instancia de regularización dos apelidos








domingo, 19 de xaneiro de 2020

2020: o ano do Lérez

O ENDL do IES Chano Piñeiro (Forcarei), outro ano máis, volveu repartir entre todos os membros do centro un fermoso calendario. Se en pasadas ocasións o tema-guía do calendario foi a toponimia das parroquias de Forcarei (2018) ou de Cerdedo (2019), nesta ocasión o Lérez é quen nos guía no devalar do ano, desde as súas orixes ata a desembocadura en Pontevedra

venres, 17 de xaneiro de 2020

Mariló Candedo: o decreto 79/2010 fai que a escola sexa un axente desgaleguizador




Mariló Candedo, de Nova Escola Galega, achéganos desde Rede Galega de Vídeoblogues de Nós-TV sobre a preocupante escaseza de aulas en galego posta de manifesto polo Comité de Expertos do Consello de Europa no V Informe no que se determinou o incumprimento da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).
Candeo destacou o informe do Instituto Galego de Estatística no que se indicaba que a cuarta parte dos cativos non saben falar en galego, o cal nos remite a unha falta de competencias na nosa lingua coa agravante de que as estratexias lexisladoras non conseguiron a súa finalidade. Tamén acusou ao decreto do plurilingüismo como punto fundamental para as restriccións para o galego.
O pasado mes Nova Escola Galega difundiu un boletín  co título Igualdade, lingua e tempos escolares, no que profundiza sobre o actual estado do galego na escola.




domingo, 3 de novembro de 2019

venres, 18 de outubro de 2019

Manual da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias

O Consello de Europa, en colaboración coa Xunta, publicaron un manual escolar sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) que contén un pequeno feixe de ensinanzas da sociolingüística que compríría que se espallasen fóra das aulas de lingua galega (estou pensando nas das outras linguas: castelán, inglés, francés,...).

Recortes de sociolingüística
De seguido recollo algúns recortes de textos da publicación. O primeiro, sobre a causa da morte das linguas:
"as linguas non desaparecen por causas naturais, senón que, para sermos máis exactos, na realidade son substituídas, un feito típico dos procesos de primacía política e económica. O proceso de substitución dunha lingua por outra maior implica graves fisuras no que concirne á integración interxeracional e á cohesión social dunha comunidade. "
Sobre o proceso de substitución lingüística (o subliñado é meu)
"As linguas desaparecen porque outras linguas ocupan o seu espazo como resultado de diversos procesos complexos de expansión cultural, política ou económica, que non están exentos de conflito. "
Tamén se atende aos prexuízos:
" Debe traballarse para combater os prexuízos e as ideoloxías sobre as linguas minoritarias, de modo que a diversidade e o diferente se vexan de xeito positivo e as linguas se consideren bens prezados que se poden promover activamente. "
O papel da escola na normalización:
"As escolas representan un papel crucial na promoción das linguas minoritarias, non só nos territorios onde se falan"

"A miúdo dáse o caso de que algunhas linguas internacionais coma o inglés ou o castelán se consideran máis importantes e útiles, mentres que ás linguas minoritarias habitualmente se lles dá un valor máis identitario ou emocional sen pensar na súa utilidade. O sistema educativo debe combater estes prexuízos e participar nun enfoque máis inclusivo con todas as linguas que destaque o seu valor e a súa riqueza"

Suíza, España e Polonia.
No documento trátase o cumprimento da CELRM por parte de Suíza, Polonia e España, o que permite introducirnos no coñecemento de diversas realidades.
Do caso que máis nos interesa, o español, destácanse os incumprimentos máis graves, que desafortunadamente son todos atribuíbles ao goberno galego. Hai unha especial referencia ao Decreto 79/2010, o de prohibición de uso do galego no ensino non universitario (o destacado volve a ser cousa miña):

"Os principais retos danse fundamentalmente no emprego das linguas minoritarias na área da xustiza (artigo 9) e na da Administración (artigo 10). Un problema habitual é a falta de persoal capaz de usar as linguas pertinentes nalgunhas áreas da Administración, así como nos servizos públicos, especialmente na Sanidade, o cal dificulta o emprego das linguas minoritarias nestes ámbitos.Tamén preocupa o aumento do uso do castelán nos sistemas educativos (artigo 8) nas rexións con linguas minoritarias e a expansión dos modelos educativos trilingües (castelán, inglés e unha lingua minoritaria) nalgunhas comunidades autónomas, o cal entorpece a aprendizaxe da lingua minoritaria. Por tanto, deberían analizarse detalladamente estes modelos educativos antes da súa posta en marcha co fin de asegurar un ensino e un estudo axeitados das tres linguas."
Por se hai alguén con pouca memoria, recollo aquí un extracto do Comunicado da RAG en relación co informe do Consello de Europa sobre a CELRM

"Tras unha profunda análise da situación do galego en Galicia, o informe redactado polo Comité de Expertos faise eco da chamada de atención da RAG e subliña que o Decreto 79/2010 "ten un impacto moi negativo ao fixar un máximo do 50% do ensino en galego, co obxectivo final de reducilo a un terzo, mentres que ao mesmo tempo prohibe expresamente o ensino en galego de Matemáticas na Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química na Secundaria". "Con respecto ao ensino na etapa de Infantil, o galego só está presente en niveis do 6,57% en cidades de máis de 50.000 habitantes", engade."
Finalmente non deia de ser paradóxico que sexa a Xunta quen participe na publicación deste documento.

A publicación
Velaquí a publicación completa

mércores, 20 de marzo de 2019

A táboa periódica dos elementos en galego

En 1869 Mendeleev publicaba a súa célebre táboa periódica, na que establecía a súa ordenación dos elementos químicos até entón coñecidos. Isto marcaría un fito de gran relevancia na historia da ciencia xa que, aínda hoxe, se segue a utilizar para facer e construír a química. Por isto, as Nacións Unidas quixeron conmemoralo declarando o 2019 Ano Internacional da Táboa Periódica co obxectivo de que os membros da nosa sociedade, sobre todo os máis novos, coñezan e recoñezan a súa extraordinaria importancia para a ciencia.
Con este motivo o Consello da Cultura Galega organizou unha xornada, O ano internacional da táboa periódica: reflexións dende Galicia na que se presentou, unha táboa en galego. Isto lévanos outra vez a denunciar a política lingüística da Xunta que prohibe o uso desta táboa xusto onde máis se debe utilizar, nas aulas do ensino secundario. Este tipo de actitudes contra a lingua chocan con outras como a do grupo Ciencia NOSA que elabora excelentes materiais de divulgación da química na nosa lingua ou dos editores da Galipedia que elaboraron unha entrada para, precisamente, táboa periódica dos elementos de calidade excepcional e que é referencia para outras linguas da Wikipedia.
Coa recomendación de non seguir as directrices da política lingüística da Xunta, deixo por aquí a posibilidade de descargar a táboa periódica
Máis información en Ciencia NOSA , en GCiencia ou no CCG

xoves, 17 de xaneiro de 2019

Calendario da Univerisade de Vigo para 2019

Hai uns días xa falamos da campaña “Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua” promovida pola ANL da Universidade de Vigo. Para completar o paquete acompáñase con este calendario para o presente ano 2019.
Os principais obxectivos desta campaña son os de tratar algúns dos prexuízos lingüísticos máis “naturalizados” na sociedade e o de axudar a visualizar realidades sociolingüísticas que están chamadas a ter un papel clave no futuro da lingua como o caso dos neofalantes ou a opotunidade da lusofonía"
Seguiremos atentos aos audiovisuais que prometen publicar cada mes.

domingo, 14 de outubro de 2018

Recursos sobre Domingo Fontán



Coa designación de Domingo Fontán como Científico Galego 2018 por parte da Real Academia das Ciencias de Galicia (RAGC), incrementouse a divulgación e o interese por este matemático do XIX. Ademais da revista da RAGC especialmente centrada na figura de Fontán, (portal, PDF) e o vídeo que abre esta entrada, o Consello da Cultura Galega publicou unha unidade didáctica.
Todas estas achegas súmanse ao diverso material que podemos recoller pola arañeira da rede. Velaquí se recollen algúns deses recursos.


Xeral

Artigos


Blogues


Vídeos


Libros
  • Pensamento matemático en Galicia, Edicións do Castro (1992), autor: Ricardo Moreno Castillo. Ten un capítulo adicado a Domingo Fontán.
  • 13 matemáticos galegos, Grupo Anaya (2004), autor: Ricardo Moreno Castillo. Ten un capítulo adicado a Domingo Fontán.
  • Fontán, Editorial Galaxia 2015, autor: Marcos Calveiro. IX Premio Narrativa Breve Repsol 2015. Novela biográfica con moita información, case podería pasar por un ensaio sobre a vida de Domingo Fontán.
  • A parroquia galega a partir da “Carta Geométrica de Galicia”, Minerva (repositorio institucional da USC) (2015), tese de doutoramento de María del Carmen Álvarez Monterroso
  • Carta Geométrica de Galicia 1817-2017, Teófilo comunicación (2017)
Revistas

Carta Xeométrica

mércores, 11 de outubro de 2017

O debate educativo conxelado: agardando por Godot

Moi interesante o documento da Nova Escola Galega do seu boletín NEG Opina do mes de outubro 2017 que reproducirmos máis abaixo. Destaco unha idea: "Nun contexto social diglósico, esta falsa disxuntiva  [a de que temos que escoller entre aprender galego ou aprender inglés] contestada desde unha parte do coñecemento científico coa afirmación «as linguas suman», estase a instalar en cada vez máis amplos sectores sociais, levando por diante o relativo consenso ao redor da necesaria normalización lingüística do galego"

Texto ínegro do boletín de outubro do 2017 do NEG Opina:

A convulsión que supuxo o proceso de implantación da LOMCE no sistema educativo durante os últimos anos semella ter esmorecido como consecuencia da redución do impacto das reválidas, ao perderen estas o seu carácter vinculante para acadar unha determinada titulación. A suspensión desta medida, mentres non se acade un Pacto Educativo, serviu para que o PP e C´s vendesen ante a opinión pública unha suposta «conxelación do calendario de aplicación da LOMCE en todos aqueles aspectos que non tivesen entrado en vigor», o que na práctica non tivo máis efecto que sobre este aspecto das reválidas.

xoves, 5 de outubro de 2017

Día Europeo das Linguas: o desleixo da Xunta fronte o Tosta



Fronte á enfermiza inutilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que non foi quen de celebrar como se merecía o Día Europeo das Linguas (xa que se limitou a que o secretario xeral acudise a un acto organizado por outros, en concreto a EOI de Santiago), a Mesa si que estivo á altura da conmemoración presentando un fermoso documental que se acompaña dun libro non menos agradecido: Unha guía imperfecta. Despois do xa comentado, ben lle cómpre aos rexedores da política lingüística unha lectura demorada deste manual.
Sete linguas minorizadas; galego, vasco, frisio, galés, gaélico escocés, irlandés e córnico, reuníronse arredor da palabra común "Tosta" para compartir os nosos mundos e para atopar xeitos de dar alento ás linguas. Os sete encontros pola diversidade levados á práctica no Tosta son narrados neste documental no que veremos artistas doutras tantas nacións e culturas da costa atlántica europea.
Outra vez máis temos nos dous pratos da balanza dúas formas de facer política lingüística. Un, o da Xunta, minimizando unha oportunidade de darlle pulo e visibilidade á lingua galega. Este desleixo é un desprezo e un insulto. No outro prato aparece A Mesa xunto con outras asociacións europeas (Golden Tree Productions -Cornualles-, Afûk -Frisia-, Ealáin Na Gaeltachta -Irlanda-, Celtic Neighbours -Gales-, Sabhal Mòr Ostaig -Escocia-, Euskaltzaleen Topagunea -Euskal Herria-) ofrecendo dignidade e orgullo para o galego mediante un discurso sustentado no ecoloxismo lingüístico e os dereitos humanos. Con que nos quedamos?

xoves, 23 de marzo de 2017

O Berete: a revista

Máis dunha vez temos feito referencia ao blogue O Berete, do ENDL do IES Chapela (Redondela). Agora sabemos que O Berete é tamén unha revista. Neste número, hai unha entrevista, recensión de libros, creación literaria, novas e un pequeno artigo sobre un obxecto que fora todo un éxito no seu tempo e que volve a estar de moda: o cubo de Rubik. Para botarlle un ollo:

O Berete. Marzo 2017.

xoves, 2 de marzo de 2017

Informe da Mesa sobre a exclusión do galego na Educación Infantil

Velaquí o informe que elaborou A Mesa sobre (a falta de) o uso do galego en infantil durante o curso 2016-2017.
Este tipo de informes debería elaboralos a Consellería de Educación, incluso ten a obriga de o facer con periodicidade anual, segundo a disposición adicional quinta do funesto decreto de plurilingüismo. Van alá seis cursos e nunca se fixo. Xa que logo, non pretenderá a Consellería, que se ela non cumpre co seu decreto, impoñer o cumprimento do resto das disposicións desa aberración ao resto da comunidade educativa.
Destaco só un dato, consecuencia directa da barbaridade do decreto: hai máis material audio-visual en inglés que en galego.

mércores, 15 de febreiro de 2017

Os sumidoiros da Consellería de Educación envelenan o galego

O decreto 124/2007, o aprobado polo bipartito, determinaba un mínimo dun 50% de docencia en galego no ensino non universitario. A promulgación do funesto decreto 79/2010 implicaba que ese 50% sería unha barreira superior e, como toda disposición gubernamental, daba a entender que se abrían as portas a renegar da lingua galega. Os informes que subministrou A Mesa nos últimos anos sobre a práctica desaparición do emprego do galego nas aulas de infantil son indicativos disto. Algúns centros de ensino, especialmente privados, excluíron por completo o galego das súas aulas porque entenderon que teñen todo o apoio da Consellería. A posterior aprobación da LOMCE non fixo máis que empeorar a situación. As materias asignadas ao saco do castelán ampliaron o seu horario. Sobra dicir onde se reduciron. A farramallada de leis e decretos van todos na mesma dirección, na de prohibir e afogar o emprego do galego no ensino.
Este pasado 13 de febreiro o conselleiro reafirmouse nesta política de aniquilación do galego, así llo confirmou aos representantes da CIG e A Mesa que se reuniron con el.
Un detalle que demostra cal é a actitude da Consellería é a circular que o Coordinador do Grupo de Traballo das reválidas de acceso á universidade fixo pública este mes. Vai alá máis da metade do curso escolar para o alumnado de 2º de bacharelato e finalmente publicáronse as directrices para as reválidas de todoas as materias. Ben, non todas. Todas agás Lingua galega e literatura. A Consellería tiña que ter publicado unha resolución para que este grupo de traballo adiantara as características da proba. Por máis que se lle insistiu, a Consellería está a adiar a publicación da resolución. Despois aínda din que a situación é de equilibrio. Pódese ser máis hipócrita?
A seguir reproduzo as palabras de Francisco Cidrás, o Coordinador do Grupo de Traballo, indicativas do que sucede nos sumidoiros da Consellería:

a concreción dos contidos susceptibles de avaliarse nas PAAU vén determinada por unhas Matrices de especificacións que nas restantes materias foron publicadas xa no BOE en decembro pasado, pois dependen do Ministerio. A peculiaridade en que se atopa a nosa materia é que esa matriz de especificacións (neste caso dependente da Consellería) aínda non está publicada e só aparecerá como anexo a unha "Resolución na que se ditan as instrucións para a realización da avaliación de bacharelato para o acceso á Universidade para o curso 2016/2017" que, por máis que nos foi anunciada como inminente, non se dá publicado no DOG.
[...]Nas múltiples consultas que levamos feitas sempre se nos indica que a publicación deses documentos é inminente. Mais como a inminencia é un concepto insospeitadamente relativo e o tempo pasa, decidín enviarvos esta información.

xoves, 12 de maio de 2016

Moito máis Manuel María

Manuel María xornalista
Antonte o Colexo Profesional de Xornalistas de Galicia presentaba conxuntamente coa RAG e a SXPL unha alfaia sobre Manuel María: o web 'Manuel María xornalista'. O máis destacable deste portal é unha escolma de máis de 30 artigos xornalísticos do escritor publicados entre os anos 1978 e 1992.

365 días para Manuel María
Cabeceira do blogue 365 dñias para Manuel María
365 días para Manuel María é un blogue adicado en exclusiva ao protagonista do Día das Letras deste ano.
Nel podemos acceder a unha chea de poemas que, ademais de etiquetas habituais sobre os temas ou títulos en relación co poema (como lingua ou fala), tamén poden consultarse por ano de publicación.

Roteiros Manuel María
Así, en plural. O primeiro é un roteiro para facer en coche pola Terra Chá (son 170 km).
Neste mapa, tirado de Loli Romasanta, temos marcados os puntos de interese a percorrer.



E no seguinte vídeo temos un percorrido visual do roteiro



Unha segunda alternativa é un paseo por Monforte de Lemos, a vila na se se asenta Manuel María a partir do ano 1957 e na que reside a maior parte da súa vida. Alí abriría a súa librería


https://www.edu.xunta.es/centros/cafi/aulavirtual2/pluginfile.php/33027/mod_resource/content/0/MMM.pdf

Máis Manuel María
Web da CGEDNL adicado a Manuel María
As novas e programas que emitea TVG adicados a Manuel María poden seguirse aquí
Pero se alguén busca recursos sobre este autor, o mellor é que consulte no web da Coordinadora Galega de ENDL, que coma sempre, é o lugar de referencia nestes asuntos