Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta ecolingüismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ecolingüismo. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de decembro de 2020

Como salvar unha lingua da extinción

 

Do grupo de Facebook de Tradutores TED ao galego, recollo este vídeo coa seguinte presentación:

Nos próximos 80 anos poderían desaparecer ata 3.000 linguas, o que practicamente silenciaría culturas enteiras. Nesta breve charla, o activista lingüístico Daniel Bögre Udell mostra cómo pobos de todo o mundo están encontrando novas maneiras de rescatar as súas linguas ancestrais e reconstruír as súas tradicións. Anímanos a todos a investigar as linguas dos nosos ancestros e afirma que "reclamar a túa lingua e aceptar a túa cultura é un xeito poderoso de ser ti mesmo".

luns, 2 de xullo de 2018

Oir unha lingua que leva morta un século



Neste impresionante documental escoitaremos falar unha lingua morta hai 100 anos. Blas Jaime conserva as falas herdadas da súa bisavoa por unha cadea que pasou pola avoa e a nai. Nunha reportaxe xornalística Blas Jaime explica que "los nombres aborígenes fueron prohibidos (...) Y a las niñas que hablaban chaná les cortaban la punta de la lengua"
Cando quixo ensinarlle esta lingua á súa filla Evangelina, ésta respondeulle que "no quería ser india, que la iban a maltratar e insultar". Evangelina cambiou de opinión cando ela mesma tivo unha filla. Agora quer transmitirlle os seus coñecementos.
A min encantoume a explicación da numeración chaná:
1 = gui,
2 = ama,
3 = jeit,
4= colí,
5 = nam,
6 = nam ati gui,
10 = nam ati nam = ama nam,
25 = nam nam

venres, 25 de maio de 2018

Como a lingua modela o noso pensamento


Chegoume este vídeo de Trafegando Ronseis. Ao premer o play, Lera Boroditsky, profesora de ciencias cognitivas da Universidade de California ofrece neste relatorio TED varios exemplos de como a lingua modela a forma do noso pensamento.
Hai linguas que teñen unha gran cantidade de palabras para identificar as cores do espectro, outras apenas diferencian "claro" de "escuro". Os Kuuk Thaayorre, de Pormpuraaw na costa oeste do Cabo York, no continente australiano, foron obxecto de estudo de Lera Boroditsky. Eles non usan conceptos como "esquerda" ou "dereita" pois todo o refiren aos puntos cardinais. Esta forma de comunicación está moi ligada ao territorio, xa que Pormpuraaw é un lugar desértico, sen referencias xeográficas que indiquen as direccións. Pola contra, os galegos temos todo o territorio nomeado. A nosa lingua é xeografía, de aí que só nós teñamos un Otero Pedrayo. Tal é o noso apego á xeografía que cando nos pregunta por unha dirección, contestamos: "vai por ese camiño e á man dereita verás un desvío e unha casa de pedra. Por aí non é. Segue dereito...."
En español "ponte" é masculino, en alemán (e en galego) é feminino. Lera comenta que os españois atribúenlle ás pontes cualificativos que os prexuízos e as convencións sociais asocian ao "masculino", porén os alemáns danlle atributos "femininos". Pregúntome cal é a conformación galega do concepto "ponte".

"Hai 7000 línguas faladas en todo o mundo e podemos crear moitas mais.  O tráxico é que estamos a perder moita desa diversidade linguística a cada momento Perdemos cerca de unha língua por semana e segundo as estimacións, a metade das línguas do mundo desaparecerán nos próximos 100 anos. Unha notícia ainda peor é que agora, case todo que sabemos sobre o espírito e o cerebro humanos baséase en estudos de estudantes universitarios normalmente americanos e anglófonos. Isto exclúe a case todos os seres humanos."

mércores, 31 de maio de 2017

O día que os indios de Mashpee quixeron ter unha lingua de seu

por Mauro Fernández, en La Opinión de A Coruña:
Alá por 1970, Estados Unidos comezou a devolver aos primeiros poboadores parte das terras das que foran desposuídos por unha serie de escrituras de compravenda e tratados feitos entre partes moi desiguais en poder e dominio das artimañas xurídicas. Aproveitando ese cambio de tendencia, un chamado Consello Tribal de Mashpee foi a xuízo para recuperar parte das terras ancestrais.

mércores, 7 de decembro de 2016

As sete estacións

Larrakia calendar
O Gulumirrgin é unha lingua prácticamente extinta. Segundo o ethnologue só tiña 26 falantes no 2006. O seu territorio, no norte de Australia, na veciñanza de Darwin. No ano 1972 un numeroso grupo de indíxenas presentou ante a raíña de Inglaterra un documento baixo o título Gwalwa Daraniki! (A Nosa Terra!) e forma parte dunha dura loita dos aborixes para recuperar os seus territorios.
O calendario Larrakia é unha bonita aplicación na que podemos navegar polas sete estacións desta cultura que se transmitían xeneración a xeneración. O calendario é moito máis que unha sucesión temporal, contén lendas e ensinanzas. Ten un total de sete estacións e cada unha delas está asociada ás plantas e animais que se podían recolectar e cazar en cada momento. Por exemplo os larrakia tiñan completamente prohibida a caza das tartarugas verdes de mar na época reprodutiva.
A aplicación dá acceso a outros calendarios, xa non dixitais. En todos eles móstrase a íntima relación entre a lingua e a terra. Cando se perde unha, tamén se perde a outra.

luns, 17 de outubro de 2016

As linguas do mundo


Cunha ferramenta que crea vídeos moi vistosos, Xano Cebreiro argallou este audiovisual ecolingüista.

venres, 20 de xuño de 2014

Diversidade trabalingüística



O experto ludodingüista Carlos Medrano puxo a andar aos seus alumnos de 1º de bacharelato e como resultado obtivo este canto ao ecolingüismo mediante o paradigma da lingua como xogo: os trabalinguas.
A idea partiu de Lips of Babel, un anuncio publicitario con beizos en primeiro plano pronunciando trabalinguas en distintas linguas. Aproveitando que no Fogar de Santa Margarida (A Coruña) hai rapaces de todos os recunchos do mundo, déronlle visbilidade neste vídeo poñéndoos a recitar ao máis puro estilo Lips of Babel, toda unha diversidade de trabalinguas.
A mensaxe final está clara. A mellor forma de garantir a diversidade lingüística é promovendo e usando a nosa lingua e acollendo con agarimo aos estranxeiros que nos aportan novas visións do mundo.
Vía Xogos de Lingua

xoves, 6 de febreiro de 2014

"Fala". O noso medio natural



A asociación ecoloxista ADEGA, formando parte da campaña "Ponte no medio: Móvete polo territorio", organizara un concurso de fotos, relato e curtas. Nas bases do concurso de curtas pedíase:
"Dar mostra de exemplos da posta en valor da nosa cultura e/ou denunciar aquelas actuacións que agreden aos mesmos"
E velaí que temos un relato audiovisual co poema "A fala" de Manuel María como recitado de fondo no que se mostra o que cada vez é máis unha característica da actuación subterránea da política lingüística da Xunta que estamos a padecer: a negación da nosa identidade.
Marina Chiavegatto e Millán Castro, os autores da curta, tiveron o acerto de poñer o seu ollo nunha situación de agresión moi espallada pola nosa terra consistente na exclusión do galego da paisaxe lingüística do noso territorio.
Hai uns anos a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo en compañía da Coordinadora Galega de ENDL promovían unha campaña que camiñaba polos mesmos vieiros, na que se poñía en relación a ecoloxía coa normalización lingüística nunha simbiose que se coñece como a ecoloxía lingüística. O lema da campaña sería ben acaído para a mensaxe que revoa neste vídeo: "O galego é o noso medio natural". Convén que non o estraguemos, que non desprecemos a lingua de noso, que non a tiremos ao lixo.

Como apunte, case marxinal, comentar que esta curta foi a que acadou o segundo premio do concurso "Curtas polo territorio". Tampouco estaría nada mal repasar a gañadora, "As feridas do Xallas", que fai un percorrido polas luces e sombras do río e ten como valor engadido o  respecto pola toponimia dos lugares que nos presenta.

venres, 8 de novembro de 2013

Kumbarikira



Kumbarikira urupukira
tsa kumbari utsu ukaima
kurachi wiri tima tsa katupi
tsa kumbarikira urupukira

Este exitoso rap dos nenos do pobo kukama kukamiria fai referencia a un relato do urupukira, unha especie de voitre natural do continente Americano: "compañeiro voitre /o meu compañeiro perdeuse/ de día non aparece/ o meu compañeiro o voitre".
Leonardo Tello, director de Radio Ucamara, un medio implicado na dignificación da comarca e na recuperación da lingua kukama-kukuramiria, comenta que "o voitre, é un animal que todos rexeitan. Sucédelle como á lingua indíxena que é considerada pola escola e o goberno como un idioma de salvaxes que se opoñen ao progreso. Os nenos aparecen coa boca vendada pola prohibición de falar a súa lingua e que avergoñados da súa identidade obrigan os seus avós a que tamén a abandonen. Isto sucede desde que a escola e mal chamado progreso chegaron á Amazonía. Deste xeito a xente é máis vulnerable e manipulable ante os poderes económicos que saquean as terras".

Vía IES Pintor Colmeiro

mércores, 29 de maio de 2013

Últimas cancións

A diversidade lingüística é unha característica fundamental da humanidade. A principal evidencia da deshumanización da civilización nas últimas décadas evidénciase na continua desaparición de linguas a unha taxa de dúas por mes. Os seguintes vídeos van cargados de tristura. Neles podemos escoitar algunhas cancións dos últimos falantes dalgunhas linguas, hoxe xa desaparecidas.
No primeiro Helen e Bobby Hogg cantan en cromarty, unha lingua escocesa. O seu último falante foi Bobby,  morreu en outubro do 2012.





Boa Sr era a última superviviente dos Bo.


No seguinte vídeo Lydia Bolxoeva, é unha dos menos de 40 falantes da lingua Tofa, tamén nos canta unha triste canción:



martes, 28 de maio de 2013

Anquanto la lhéngua fur cantada.



Cando se fai un repaso dos estados e as linguas de Europa compróbase como é prácticamente imposible atopar ningún monolingüe. Velaí que a un caso como o do galego é do máis frecuente no continente.
Se quixéramos buscar o raro, o estraño, andaríamos á procura dun estado no que só se falara unha lingua. Moitas veces ponse como exemplo o caso do veciño Portugal. Estaríamos errrados pois esqueceríamonos do mirandés, unha lingua con pouco máis de 1000 entradas na Wikipedia e á que se adica este fermoso filme de João Botelho integrado na triologia dedicada a Trás-os-Montes. Com Gabriel Gomes (Ex-Madredeus e Sétima Legião) e Catarina Wallenstein. Inclue tamém unhaa breve aparición do grupo mirandés Galandum Galundaina.
Así comenza a película:
Andei anos ao fio com a língua entalada para a obrigar a sair do seu caminho e ter de pensar antes de dizer as palabras certas: uma língua nasceu-me e comi-a em merendas e bebi-a em fontes e riachos;...
Agora cómpre premer no play.

Vía EDILINGAIRMAU

sábado, 25 de maio de 2013

Labios de Babel



«Inspireime na incrible diversidade de idiomas que a industria da moda, especialmente as modelos, traen á cidade de Nova York. Filmei 50 modelos de todo o mundo dicindo 50 trabalinguas diferentes orixinarios das súas culturas», di Ella Muliarchyk, a autora de Lips of Babel (Labios de Babel), un curioso anuncio publicitario para o portal de moda Motilo
É unha orixinal forma de poñer en evidencia a diversidade lingüística. Os trabalinguas sonj unha boas escolla pois presentan as linguas desde un punto de vista lúdico e simpático, e aínda que o panorama sociolingüístico do arredor é estarrecedor, nunca está de sobra recordar que se temos lingua, non é para maltratala, senón para desfrutar dela.

Vía o lúdico blogue Xogos de lingua

luns, 27 de febreiro de 2012

Non insistan na lingua inglesa



Voulle adicar varios post á cuestión do plurilingüismo. Velaí vai o primeiro, que trata sobre a cuestión da identificación do plurilingüismo co inglés e con que este abuso é o primeiro paso para a exclusión, incluso a morte, das linguas.
Conviña conectarmos estas ideas coa vixente lexislación, a que regula os chamados centros plurilingües xusto no sentido que Patricia Ryan denuncia nesta conferencia.
Vía Trafegando Ronseis

martes, 21 de febreiro de 2012

Wampanoag, unha lingua resucitada

Hoxe, no día internacional da lingua materna, unha historia que é triste porque trata dunha lingua perdida hai tempo, pero chea de esperanza, porque está comenzando a recurperarse.
Mae Alice Baird ten sete anos, e a súa lingua materna é o wampanoag, unha fala desaparecida hai máis de 150 anos. Nin os seus pais falaban wampanoag, nin o fixeron os seus avós, nin os seus bisavós, nin os tataravós,....

Por medio da educación, as leis de restricción do uso da lingua, e a política lingüística en termos xerais, levada a cabo en norteamérica, a lingua wampanoag do norleste estadounidense, foi aniquilada a mediados do século XIX. Durante 150 anos non se volveu a oir ningunha palabra wampanoag. Porén no ano 1993 púxose en funcionamento o Wôpanâak Language Reclamation Project que ata o momento conseguiron establecer un dicionario de 11.000 palabras, o desenvolvemento dun curriculum para a aprendizaxe do wampanoag, e o asesoramento de especialistas nesa lingua. Todo isto foi posible grazas a centos de actas, documentos, e mesmo dúas edicións enteiras dunha biblia escrita fonéticamente en wampanoag e que forman o maior conxunto de documentos escritos nativos do continente.
Os Wanpanogag desenvolveron un sistema de escritura alfabética tan estendido que no século XVIII, as taxas de alfabetización wampanoag eran no seu pobo maiores que as do inglés entre os colonos.
Máis información sobre ésta e ata un total de doce linguas nativas norteamericans en: Our Mother Tongues

luns, 9 de xaneiro de 2012

Decálogo para ser lingüísticamente sostibles

Decálogo para ser lingüísticamente sostibles

mércores, 28 de decembro de 2011

Asina falamos



Para saber onde e como se fala o leonés, a produtora Armonia Films seguiu o rastro do que poden ser os seus últimos falantes.
E, como non!, no Ben falado!, o programa da TVG, adicaranlle un dos seus mini-espazos á comparación entre galego e  leonés.

venres, 9 de decembro de 2011

Robinson Crustó



Calquera dos que tivera noticia da obra de Defoe terá reparado no curioso capítulo de cando Robinson Crusoe atopa outro ser humano na illa na que levaba tempo como náufrago. Robinson despreza a cultura e a lingua do outro habitante da illa e declárase en dono e señor do aborixe ao que primeiro lle dá un nome e despois ensínao a falar pois, como todo o mundo sabe, os aborixes nin teñen lingua nin como chamárense.
Botando man desta historia, os Servizos Lingüísticos Universitarios de Cataluña  elaboraron este simpático e fabuloso vídeo, que un, humildemente, recomenda ver e espallar.

sábado, 19 de novembro de 2011

Kalallisut, lingua da ciencia. E o galego?



Groenlandia ten 57000 habitantes. Non lles gusta o termo 'esquimal', prefiren que se lles chame inuit (= persoas). Falan unha lingua, o kalallisut ou groenlandés. Estes son algúns dos primeiros datos que nos ofrece este resume da conferencia da lingüista Leonore Grenoble para introducirnos na situación do groenlandés.
Máis adiante Leonore comenta que teñen unha pequena universidade formada por 12 profesores. Para estudar carreiras científicas deben desprazarse a Copenhague polo que a lingua da ciencia é esencialmente o danés. Pero os inuit pensan que para que a súa lingua sobreviva debe utilizarse en todos os ámbitos polo que están especialmente interesados en que se ensine a ciencia en kalaallisut. Teñen un modelo de política lingüística na que está implicada toda a poboación. En consecuencia, a súa lingua é a única de todas as da rexión ártica que non está en perigo de extención.
Pola contra, a Consellería de Educación aposta por destrozar os avances que centos de profesores, e algunhas editoriais, conseguiran con moito esforzo e prácticamente sen apoio institucional algún. Así desde esta Consellería apostan por excluir o galego do ensino das ciencias.

Máis información sobre o vídeo en Sorosoro

martes, 15 de novembro de 2011

Máis aranés contra menos galego

O aranés é lingua oficial en Arán, o que significa, entre outras cousas, que as administracións deben empregar esta lingua na súa relación coas institucións do territorio recoñecido de Arán. Os cidadáns teñen dereito a usar esta lingua na súa relación coa Generalitat, sen que haxa obriga de tradución de por medio. Este dereito, recoñecido pola Generalitat ao aranés, non se lle recoñece aos galegos que, nas súas relacións co estado vense na obriga de someterse á imposición do español.
Resulta curioso que o recoñecemento do aranés e o incremento do seu prestixio e promoción de uso  por parte da Generalitat  se produza ao mesmo tempo que o galego sofre prohibicións e desprestixio por parte da Xunta.
Este vídeo forma parte dunha campaña moi vistosa á que se pode acceder desde aquí


domingo, 6 de novembro de 2011

Takeshi Kakihara: o galego e eu

  Takeshi traballa sobre a normalización lingüística da nosa lingua. A súa impresión é que nos últimos anos houbo unha mellora do coñecemento do galego por mor do seu ensino na escola. Porén
A súa impresión é que en Galicia hai dous mundos ben diferenciados: o do galego e o do castelán
 
Grazas a Ana Pestonit por divulgar o vídeo.