Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Ramón López Boullón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Ramón López Boullón. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de febreiro de 2012

Política lingüística (2)

por Xosé Ramón López Boullón, en Galicia Hoxe:

A política lingúística é un compromiso colectivo, non só do Goberno que teña a responsabilidade de gobernar. Éo de toda a sociedade. O goberno debe cumplir e aplicar a Lei de ormalización lingüística e o Plan de normalización lingüística, avaliar as estratexias, velar para que se cumpran os seus obxectivos e aplicar as medidas concretas necesarias para acadar eses obxectivos. Estas son as claves para desenvolver unha boa, eficaz e eficiente política lingüística.

luns, 16 de xaneiro de 2012

Política lingüística (1)

por Xosé Ramón López Boullón, no Galicia Hoxe:

O nomeamento do novo secretario de política lingüística non deixa indiferente a ninguén xa que é unha decisión política máis, un acto de poder da administración como instrumento de decisión e de poder que é, para lle dar continuidade, como se expresa na toma de posesión, aos proxectos, obxectivos e tarefas que a consellería de educación e o Goberno galego teñen a respecto da política lingüística.

mércores, 18 de maio de 2011

Letras Galegas

por Xosé Ramón López Boullón, en Galicia Hoxe:

Roteiros literarios, romarías, concertos, recitais, pezas teatrais, concentracións, actos cívicos, exposicións, charlas-coloquio, relatorios, documentais, presentación de libros, festivais musicais e poéticos, maratóns de lectura, programas especiais, performance, espectáculos multiartísticos, carteis, manifestos, homenaxes... mañás, tardes e noites con Lois Pereiro.
Milleiros de actos. Unha gran movida en toda Galicia: Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Ferrol, Vilagarcía, Cerceda, o Barbanza e... en Monforte, e... en todo o mundo: Madrid, Barcelona, nos centros Cervantes de Toquio e Istambul... Na torre máis alta de Oxford, organizado polo Centro de Estudos Galegos, leuse un manifesto. ¡Que movida!
Lois Pereiro, da xeración dos anos 80, move, provoca como protagonista das Letras Galegas de 2011 unha nova movida de creatividade. Lois impulsa unha nova vaga de enerxía creadora, de vitalidade, para revivirmos a súa poesía e a súa vida. Todo o mundo lánzase a coñecelo, a seguir os seus pasos, as súas palabras, os seus versos, a lelo. En certa maneira, a dedicación das Letras Galegas a Lois Pereiro é xa unha iniciativa rompedora na engranaxe cultural galega.
Existe un anceio colectivo de oír e de transmitir a súa voz cosmopolita e descarnada "porque era un rapaz avanzado para o seu tempo". Talvez, por iso, pola súa voz irrepetible; porque nos move e nos conmove a súa cultura, a súa poesía de amor e de enfermidade ou porque compartimos a mesma utopía de compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.
Lois produce ese efecto na sociedade actual e conecta coas novas xeracións coa mesma forza que nos enganchou aquel fenómeno xeracional e urbano que se expresou nos anos 80, concibido como unha realidade cultural e sociolóxica distinta, vital e existencial e da que gozamos, naquela época de transformación social, económica, política e administrativa, na que Galicia se recoñecía como nacionalidade histórica nunha das etapas máis significativas e máis intensas da nosa sociedade e da nosa vida.
Lois produce o mesmo efecto que nos producía Lou Reed ao escoitarmos as súas cancións a tope no tocata e as súas letras. O mesmo efecto que a el e a nós nos producían bandas como Sex Pistols ou Killing Joke. Hai mesmo un certo paralelismo entre Lou e Lois que nos fai flipar. A obra e a vida de Lois zumega toda esta movida que o movía a escribir como escribía, con todas esas influencias que marcan o seu destino de ser poeta, de gozar do privilexio de poder ser el mesmo e outro, como dicía Baudelaire. De dicir que o suicidio non é máis ca un mónologo interior ou de inventar a pel a partir dun aceno ou de crear un poema como Atrocity exhibition.
Por iso, como expresei o día 16 nun acto na Quintana, na celebración das Letras Galegas, organizado polos centros concertados de Santiago, Lois chega a todos e todos, con estes actos e con todas as palabras húmidas que saen das nosas bocas, queremos enviarlle desde calquera lugar no que nos atopemos unha mensaxe de vida e de furia necesaria á súa tumba..

mércores, 13 de abril de 2011

Onomástica (III)

por Xosé Ramón López Boullón, no Galicia Hoxe:

Estes días o Concello de Santiago de Compostela está a presentar o xogo didáctico Atopando Compostela, un xogo de mesa sobre a toponimia do concello, para entreterse e aprender coa toponimia, promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago e creado por Etnoga, Patrimonio Cultural, empresa de servizos de xestión integral, co asesoramento e a elaboración dos contidos deste enredo de preguntas e probas por parte da Asociación Galega de Onomástica.
Un dos aspectos importantes ao que hai que referirse constantemente e en cada oportunidadde que se teña é que a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste patrimonio inmaterial.
A perda de toponimia tanto no medio rural coma no urbano é preocupante. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre ou que abandona a súa actividade desaparecen moitos nomes de lugar.
No ano 2001 a Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que sinalaba que o abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. Nese informe pedíase unha acción institucional intensa que salvase este tesouro. Falábase dunha emerxencia. Precisábase dun proxecto máis ambicioso que permitise salvar canto antes a microtoponimia antes de a perder para sempre.
Un dos obxectivos deste xogo, amais de ampliar e precisar o coñecemento sobre a toponimia en xeral e os topónimos de Santiago de Compostela en particular, é valorar os nomes de lugar como elementos de singular importancia no patrimonio cultural que hai que protexer e conservar como calquera outra creación humana que sobrevive no tempo atravesando as xeracións e os séculos, segundo palabras de Gonzalo Navaza, presidente da Asociación Galega de Onomástica; porque os topónimos humanizan o medio físico dotándoo de memoria compartida, de tradición, de cultura. Necesítase unha maior sensibilización cara a este patrimonio e precisamos dunha lei como a canadense. Unha lei que recolla, cando menos, as recomendacións que Nacións Unidas elaborou en 2004 e que tipifique polo miúdo calquera aspecto que permita a conservación da nosa toponimia e da nosa antroponimia.
Galicia posúe un valioso patrimonio toponímico tanto en número como en variedade e antigüidade. Hai que frear o abuso de nomes honoríficos e conmemorativos nas vías urbanas, de nomes que non significan nada na zona na que se impoñen, nas novas áreas urbanas, nas novas urbanizacións, nos polígonos industriais e que deixan soterrados, esquecidos, moitos nomes que poderían conservarse e seguir identificando os novos espazos no canto de levar nomes monotemáticos, tales como o de capitais europeas, en Fontiñas, de sabios científicos, no Polígono do Tambre ou de árbores sen máis como é o caso da urbanización dos Tilos ou do Polígono do Milladoiro, próximos a Santiago..

mércores, 23 de febreiro de 2011

Lingua materna

por Xosé ramón López Boullón, no Galicia Hoxe:


O día 21 celebrouse o Día da Lingua Materna, instituído pola Unesco co fin de impulsar a práctica das linguas maternas en todo o mundo, especialmente as das minorías ou as minorizadas por estaren nunha peor situación. Tal é o caso do galego, lingua materna de Galicia cuxa situación na sociedade, no ámbito da cidadanía, como lingua inicial e habitual, en canto aos usos lingüísticos na familia e noutros ámbitos, como o dos medios de comunicación; ou en canto as opinións que se verten, etc. amosa unha realidade pouco prometedora.
O galego xa non é a lingua materna, a primeira lingua, a L1, a lingua coa que o individuo aprende a falar na casa na súa infancia, coa que comeza o seu percorrido vital nunha gran parte da cidadanía. Moitos galegos non se alimentan coa súa lingua no ventre da súa nai. Non o maman directamente do leite dos seus peitos. Non se fala nas familias. Os proxenitores non llela falan aos seus fillos. Non se transmite xeracionalmente. E este dato da lingua inicial é moi importante para coñecer a vitalidade da nosa lingua. A pesar desa situación xebrada, sexa cal for a lingua inicial no ámbito familiar, o galego segue a ser, é, a lingua materna, a lingua propia de Galicia, a L1contextual, a lingua natural deste lugar chamado Galicia con lingua de seu, independentemente de que se mame na casa ou non. Úsena ou non. Quéirana ou non.
A clave está no que se fai habitual na lingua habitual dos individuos, na lingua que se usa habitualmente, na que se comunican habitualmente os falantes, o cal reverte na fala, nos usos lingüísticos e na identidade lingüística.
O ámbito familiar é decisivo na configuración sociolingüística nunha sociedade na que conviven dúas linguas, como a galega, principalmente, porque determina a lingua inicial dos individuos e porque ten unha influencia central no seu desenvolvemento como persoas e polo tanto tamén no seu desenvolvemento lingüístico. A lingua empregada polos proxenitores cos seus descendentes ten unha importancia transcendental para a transmisión lingüística e, polo tanto, para o mantemento do idioma. Se unha lingua se transmite ou non á xeración seguinte é algo decisivo para a súa conservación. E esta situación é fundamental para coñecer cal pode ser o seu futuro.
Se a lingua non se transmite xeracionalmente. Se a menor idade, a presenza do galego é menor como lingua habitual. Se non se fala nas familias. Se ademais, en canto á variable do hábitat, o dato principal é que, canto maior é o concello, menor número de galegofalantes iniciais existe, e que nestes, a porcentaxe da poboación que ten o castelán como lingua inicial supera a dos que teñen o galego. Como se lles pode dar opción aos pais de elixir a lingua dos seus fillos no ensino e permitir que na Educación Infantil se impartan as clases na lingua maioritaria do contorno? Daquela, que se pretende? E que non se quere que os nenos e as nenas se familiaricen nunca co galego? Preténdese privar os cidadáns do futuro próximo de Galicia de aprenderen a súa lingua materna?.

domingo, 6 de febreiro de 2011

Riveira contra Ribeira


Xa me tardaba. Cando a feliz idea dunha amiga me levou a deixar aquí pola dereita unha sección titulada foto-denuncia, eu ben sabía que non había de morrer o conto sen que a propia Secretaría Xeral de Política Lingüística me proporcionara material para a mesma. O que non pensaba é que fose tan pronto.
O Concello de Ribeira, pasando por completo da Lei de Normalización Lingüística, non só está empeñado desde hai ben de anos en deturparse no topónimo *Riveira, senón que incluso lle buscan xustificacións peregrinas como a de que un pleno do ano catapún acordara o disparate lingüístico. 
Bastaríalle ao señor Torres Colomer, alcalde de Ribeira (o da esquerda da foto) buscar no Proxecto Toponimia da Xunta o nome do seu concello para que o conto morrera. 
Pois foi o caso que Anxo Lorenzo ( o da dereita da foto), o Secretario Xeral de Política Lingüística, pasou por este concello-amigo e quixo que se soubese polo que afirmou pomposamente “Os concellos teñen un papel decisivo no proceso de extensión social da lingua galega desde o ámbito local" , Que significa isto? Que lle pegou o aviso a Torres Colomer de que xa vai sendo hora de respectar a lingua tamén na toponimia? Pois ben o sabemos, e  xa veredes todos como Anxo Lorenzo antes de dar nin a máis mínima queixa a ningún alcalde por actuar á mantenta contra a toponimia e a lingua galegas,  apoiará a derrogación da Lei de Normalización Lingüística para acabar co continuo problema que lles supón aos enemigos do galego ese apartado que di que a única forma válida da toponimia galega é, curiosamente, a galega.
Ribeira versus Riveira, eis o conflito lingüístico.

Máis: Grupo de facebook polo B de Ribeira, artigo de Xosé Ramón López Boullón "Ribeira versus Riveira"

mércores, 15 de decembro de 2010

(Im)postura

por Xosé Ramón López Boullón, no Galicia Hoxe:


Hai posturas, poses, posicións que son imposturas, farsas, enganos, fraudes, actitudes finxidas, tácticas, trampas a un tempo elegantes e cribles que son as verdadeiras imposicións. E esas imposturas conducen sempre cara a algunha catástrofe.
O académico da letra ñ minúscula da superpotencia lingüística do español, Luis María Anson, a pesar de ser académico da lingua e segundo a súa valoración e a súa obxectividade, simplista, pero que non é ningunha simpleza, fala sempre da grandeza do español como superlingua hexemónica no mundo mundial e sempre atendendo a ese criterio de dominancia, tamaño e magnitude respecto doutras linguas, tamén linguas que non son máis grandes nin máis pequenas segundo o seu número de falantes nin pola súa maior ou menor expansión no orbe internacional. Segundo Anson, así o expón en El Cultural de El Mundo do 5 ao 11 de novembro, "paga a pena insistir na escalada do español no mundo cando nalgunha rexión española é combatido de forma inmisericorde". E, nese artigo segue dicindo que "a Generalidad está facendo co español o mesmo que fixo Franco co catalán". Expresándose con tales termos, recoñece a ofuscación franquista; pero insiste e "entristéceo contemplar como se trata de erradicar o español de Cataluña cos mesmos métodos que utilizou o ditador para fraxilizar o catalán."
E esta (im)postura lévame outravolta, despois do annus horribilis que vivimos en Galicia, á impostura da imposición co argumento de que o español estaba ameazado e corría o risco de desaparecer das nosa vidas, en Galicia. Impostura que nola lembra Xabier Macías no Foro Mundial da Educación 2010 cando, acertadamente, afirma que "hai varios axentes detrás do interese por derrubar o galego, contrarios aos dereitos sociais que tiveron unha estratexia clara para logralo, inventar a imposición".
Acertadamente, tamén Antón Lopo, gañador do premio García Barros de narrativa deste ano coa súa obra Obediencia, de forma creativa nos traslada a unha Galicia do futuro arrasada polas catástrofes naturais e pola perda da identidade. O venres pasado na entrega do premio no Teatro Principal da Estrada deu no cravo coas súas categóricas palabras: "A realidade está tan próxima que ás veces non podemos vela. As grandes catástrofes e atrocidades da historia sempre foron por obediencia, nunca por rebelión".
O domingo, Manuel Vicente escribiu outro atinado artigo en El País titulado Prometeo no que nos di que " cada día son máis os que obedecen cegamente a uns poucos" e que "é máis profundo o baleiro entre eses seres innomeables que ostentan o poder sen límite sobre as nosas vidas e a sociedade invertebrada que se move abaixo como un gando lanar". E continúa dicindo: "Existen unhas regras precisas para que a xente obedeza sen rebelarse, créndose libre. Ante todo hai que ter o público contento e culpabilizado".
A impostura, a obediencia, o poder sen límite, o acomodo, a pasividade e a conivencia estannos a levar a esa (in)crible Galicia, ao cataclismo da desaparición da nosa lingua e da nosa identidade.

mércores, 25 de agosto de 2010

Pensando xa na volta ao cole

por Xosé Ramón López Boullón, no Galicia Hoxe:

Este agosto crisián, de crise, para todo cristián, agnóstico ou crente, resulta desconcertante. Santiago está ateigado de xente. Non parece agosto. Non, desde logo, aqueles agostos do ensanche deserto que enchían de novo os estudantes cando volvían para examinarse en setembro. Tampouco parece que haxa crise. Na capital véndense cinco mil tartas de Santiago diarias.
A hostalaría, en xeral, non se pode queixar. A oferta hoteleira aumentou e bares e outros lugares enchen os seus locais, as súas terrazas. Tamén aumentaron os itinerarios e os espazos de consumo.
Antes podías ir de viños, de cortos ou de cañas, a tomar o vermú, as copas na noite nova da zona vella ou nos pubs da zona nova. Agora tamén podes ir de xardíns. Outra marabillosa oportunidade que ofrece Compostela. Unha nova alternativa.
Pódese escoller entre o xardín de pedra das súas rúas ou entrar nun local con patio ou xardín interior que nos permite gozar das hortas dunhas casas privilexiadas, duns currunchos de fontes e verdor, pracenteiros lugares, locus amoenus, da cidade.
Tras a calor canicular, orballea e os plásticos de cores cobren os corpos dos turistas. Con eses chuvasqueiros anuncian a proximidade de setembro, da volta ao cole. E esta frase ponme o medo no corpo.
Moitos pais xa andan a voltas co material escolar e non paran de gastar con todo o que supón, como cada ano, a famosa volta ao cole.
E este ano amais supón volver ás aulas das escolas-balneario do plurilingüismo, nas que o galego, cotiza á baixa nese pluri dun plurilingüismo que lles dificulta ás familias galegofalantes que os seus fillos/as poidan ter ensino en galego e que lles impide aos nenos e as nenas de familias castelánfalantes adquiriren competencias en galego. E ademais cos libros de mates en castelán, como terapia rexenerativa e antiestrés, para que non se afagan a tanto galego, máis nunha materia como esta na que aprenden tantas cousas e que os/as axuda a descubriren o mundo.
Non vaia ser que con tanto galego os rapaces e as rapazas se fagan galeguistas de máis, ou sexa, nacionalistas, que por aí é por onde veñen todos os males deste país. O corpo e a mente dos/das aprendentes agradeceranlle este interesado esforzo político ao Goberno galego.
E con esta discriminación no repertorio lingüístico curricular, como se poden adestrar as capacidades lingüísticas dos individuos e como se favorece a interacción das competencias das súas diferentes linguas?
E, como se poden mellorar as competencias noutras linguas da contorna ou de fóra da contorna ou sensibilizar os/as aprendentes na diversidade cultural e lingüística?
Agosto está en crise, para todo cristián e eu sigo crendo no que creo e sigo crendo que así non imos a ningures. Tampouco, coa cacarexada suba de impostos aos ricos que non chegará en setembro, coa volta ao cole.
Ao cole deberían volver algúns políticos para adquirir competencias básicas no máis básico e non tomarnos o pelo coa crise, coa lingua e coas cousas de comer.

mércores, 19 de maio de 2010

O buscador de topónimos

por Xosé Ramón Pérez Boullón, en Galicia Hoxe
A semana pasada presentouse a páxina web do Proxecto Toponimia de Galicia. Unha páxina moi útil, moi necesaria e moi ben feita na que hai un buscador de topónimos que permite, como o nome indica, buscar nomes de lugares e localizalos sobre unha fotografía aérea. A páxina ademais ofrece información sobre a toponimia en xeral, sobre o proxecto e o seu desenvolvemento e achega novas sobre a recompilación de datos e sobre o estado da recolleita nos diferentes concellos. Contén unha sección que fai referencia ás publicacións editadas no ámbito do Proxecto Toponimia de Galicia e a aquelas nas que colaborou ou participou. Pódense facer descargas en formato xls (excel) da toponimia recollida en cada concello. Na pestana PTG pódese consultar o estado do proxecto por concellos. Ten ligazóns interesantes e unha chamada á colaboración a entidades, asociacións, agrupacións culturais ou a todas as persoas que queiran contribuír neste labor de conservación da nosa microtoponimia.
Por fin, podemos contar cunha ferramenta así, á par que se vai desen- volvendo o labor do Proxecto Toponimia de Galicia que botou a andar hai dez anos de xeito intermitente e que xa debería terse convertido nun Servizo de Toponimia pola información que nel se rexistra e polo aproveitamento e utilidade desta, non só, como dixo o conselleiro de presidencia na súa presentación, polo interese que ten no eido da investigación lingüística, senón en aplicacións para a xestión das emerxencias por todo o territorio galego, para o planeamento urbanístico e para moito máis. E dentro dese moito máis cabe unha boa coordinación, como a que se está a facer no propio traballo de recollida e almacenamento de datos. Cabe unha boa xestión e dinamización porque estes datos son útiles para toda a sociedade. Por poñer un exemplo concreto, para a corrección da cartografía, de planos que se editan e publican. Con respecto a isto, O Plan xeral de normalización lingüística, aprobado, o 22 de setembro de 2004, por unanimidade do Parlamento de Galicia, recolle a proposta de que "todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións (maioritariamente, deputacións e concellos, os servizos de concentración parcelaria e o catastro) teñen que levar incorporada a recollida da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia, e que o material cartográfico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na Rede".
E con carácter xeral o seu aproveitamento é infinito. Útil para os propios concellos, para a información turística, para a rede viaria, para calquera actuación que se faga no territorio, para o estudo da nosa xeografía, da nosa historia ou da nosa etnografía. Para calquera ámbito ou para calquera persoa que queira coñecer mellor a nosa realidade. A administración debe facer unha aposta importante e decidida para recoller a toponimia nos concellos que aínda quedan por recoller, para a súa revisión, para conservar este patrimonio e para lle dar á sociedade un servizo estable e permanente da súa toponimía.