Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Vigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vigo. Amosar todas as publicacións

sábado, 21 de febreiro de 2026

RC Celta: lingua e identidade

 


por Xosé Henrique Costas, no Nós Diario:

O estadio de Balaídos é municipal pero de uso case exclusivo do RC Celta de fútbol grazas aos convenios que se asinan periodicamente entre o Concello e o club. A finais da década de 1980, coincidindo cunha das renovacións do convenio de uso do estadio, o Goberno municipal de Manuel Soto, por suxestión do funcionario e membro da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (AFNL) Xesús Costas Abreu (Suso Costas), introduciu unha nova cláusula: que a megafonía do estadio debería ser sempre e só en lingua galega.

martes, 3 de outubro de 2023

Que pasa co galego en Vigo?


por Manuel Bragado no Faro de Vigo: 

Das sete cidades galegas, Vigo é onde menos galego se fala: apenas o 15,4 % da poboación viguesa afirma ser usuaria prioritaria do galego (o 49,3 % en Galicia), segundo datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2018, recollidos por Fernando Ramallo, catedrático de Lingüística da Universidade de Vigo no seu libro recente (recomendabilísimo e referencial), Que pasa co galego. 32 preguntas sobre a situación social da lingua (Xerais 2023). Porcentaxe da cidade olívica que hai dez anos era do 24,7 %, o que para o sociolingüista vigués constitúe «un exemplo paradigmático de castelanización» e supón unha «evolución demoledora que de continuar coas condicións que favoreceron esta castelanización recente, o uso do galego será case residual nas xeracións seguintes».

 

xoves, 19 de maio de 2022

Fálao, ti que podes!


 Vídeo promocional da campaña de valorización da lingua galega elaborado pola Asociación Faladoiros de Vigo entre febreiro e maio de 2022 coa axuda de galegofalantes de todas as partes do mundo. 

Alí onde están non poden desenvolver o seu día a día en galego, mais os que vivimos en Galicia non temos desculpa para non falalo.

 Esta campaña foi feita grazas á colaboración de galegofalantes que, a pesar de non vivir na nosa terra, se esforzan por manter a lingua galega alá onde están. Desde todas as partes do mundo anímannos a empregala: "Fálao, ti que podes!"

sábado, 3 de xullo de 2021

Foanpas e Jon Amil vs. Valentín García


No momento da publicación desta entrada a iniciativa de FOANPAS (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca) titulada "Mes da lingua" leva xa cargados 65 vídeos. Trátase de pezas audiovisuais curtiñas nas que alguén nos convida a falarmos en galego. Pode seguirse co cancelo #verandalingua.
Xa había tempo que tiña ganas de compartir esta iniciativa pero cando vin o vídeo de Jon Amil xa non tiña desculpa. Este vídeo recordoume a intervención de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística,  nunha comparececia na comisión parlamentar de finais do mes de abril pasado na que como resposta a unha interpelación da deputada do BNG Mercedes Queixas Zas, declara que a liña fundamental da súa actuación sería a do uso do galego nas novas tecnoloxías. Desde aquela ata o día de hoxe non volvemos a saber nada sobre o asunto. Mentres, un tal Jon Amil, con este vídeo xa fixo moito máis polo galego que Valentín García en todo o tempo que leva detentando o cargo.

luns, 3 de maio de 2021

A dúbida de Marta


Marta está facendo un máster de conservación de produtos pesqueiros. Ten unha dúbida e faille unha consulta á profesora. O que pasou despois non é sorpresa ningunha. Como fixo a pregunta en galego, comezaron os problemas. Subiu o caso ao Twitter e entón chegáronlle unha chea de insultos.
Por falar en galego, en Galicia

 

mércores, 3 de marzo de 2021

Inauguración das letras de Xela Arias


 Xela Arias estudou no CPI Sárdoma-Moledo (Vigo). Por esta razón este foi o colexio escollido pola RAG para a presentación da Primavera das Letras deste ano, protagonizado por Xela Arias.

Entre os participantes do vídeo está Darío, o fillo de Xela e o que lle dá nome á obra de Xela,  Darío a Diario.

Como nota aparte. Hai xa uns anos tocoume ser membro dun tribunal de oposicións de matemáticas nunhas circunstancias que para min eran moi malas. En boa medida fun quen de ir soportando aquel mal trago grazas aos compañeiros de tribunal, especialmente a un, extraordinario en varios sentidos, Xulio Gil. Entre outras cousas, o adxetivo pódeselle aplicar como artista fotográfico. De aí que os retratos de Xela, feitos por el, sexan algo máis que simples fotografías. 


martes, 26 de xaneiro de 2021

venres, 6 de marzo de 2020

Airiños da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo




Rosalía de Castro é un pozo sen fondo. Normalmente recollo traballos de centros de Secundaria porque é o que coñezo máis, aínda que non poucas veces teño traído cousas de Primaria. O realmente inédito neste blogue é algo como o de hoxe e que demostra que o fenómeno Rosalía de Castro é desbordante (e a Consellería de Educación segue sen incluír a data entre as celebracións escolares!). Na universidade tamén se apuntaron á celebración. Concretamente na de Vigo propuxeron lecturas e intervencións artísticas na Facultade de Ciencias da Educación.

Agora ben, o vídeo musical con música de Juan Ramos, neste tema cantado por Carol Sospedr, é simplemente espectacular. Parabéns a eles e ao alumnado colaborador.

xoves, 30 de xaneiro de 2020

Dereitos lingüísticos, dereitos sanitarios

por Iria Veiga en Nós Diario:


Vimos de saber do caso gravísimo dunha usuaria que se viu obrigada a cambiar de lingua, do galego para o castelán, ao ser atendida no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. Particularmente flagrante é esta vulneración de dereitos por haber un menor implicado, tamén galegofalante, que foi ignorado pola pediatra ao expresarse na súa lingua habitual. Este caso concreto chegou á prensa, pero non é de ningún xeito único. Os dereitos lingüísticos das usuarias son constantemente vulnerados na asistencia sanitaria, se ben non de xeito tan explícito. A relación médico-doente (ou persoal sanitario-usuario) é necesariamente unha relación xerárquica, na que a parte máis feble é sempre a do doente, que é quen demanda axuda e ademais, quen se atopa nunha situación de especial vulnerabilidade. A dor, o malestar físico ou o medo fan que os nosos recursos persoais estean minguados, por moito que sexamos coñecedores dos nosos dereitos. Vista a situación, o feito de que un profesional sanitario se dirixa en castelán a un usuario galegofalante xa limita de entrada o exercicio do seus dereitos lingüísticos, dado que este último sentirase naturalmente impelido a empregar coa persoa que ocupa a posición xerarquicamente superior a lingua que esta emprega, que ademais resulta ser a de maior prestixio social. Por suposto que a maior parte dos profesionais que empregan o español como lingua habitual non son conscientes desta situación nin pretenden exercer presión algunha sobre o usuario, pero isto pode darse igualmente. Tampouco é frecuente que un profesional requira de malos modos a un doente que cambie de lingua, pero dubido que se trate dun caso illado.

No Plan Xeral de Normalización Lingüística, sección 5 (Sanidade), de 2004, establécese claramente que é o usuario o que ten o dereito a ser atendido na súa lingua, e para protexer o exercicio de tal dereito, os empregados públicos sanitarios deben coñecer ese idioma. Porén, na práctica non se esixe coñecemento de galego para exercer na sanidade pública galega, e nin sequera os documentos oficiais, como consentimentos informados, están dispoñibles na nosa lingua. Polo tanto, dáse un desleixo por parte da Administración para cumprir e facer cumprir un plan que ela mesma promulgou, e que por outra banda ten o deber de promover, dentro da obriga das administracións de favorecer e protexer as linguas minorizadas e o seu uso.

mércores, 4 de decembro de 2019

Un nadal para o galego

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo:

Entre a apoteose da inauguración da iluminación de Nadal do sábado, non me pasou desapercibida a utilización das linguas que fixo nas súas intervencións Abel Caballero. Non me sorprendeu nin o emprego in extenso dun inglés fluído, lingua oral adquirida nos seus anos de mestrado e doutoramento nas universidades de Essex e Cambridge, nin tampouco a ausencia do galego, lingua que tampouco estaba presente no texto “VIGO, onde vive o Nadal” do espazo para as fotos e autorretratos da praza da farola, anunciado polo alcalde o día anterior. Ausencia da nosa lingua propia en intervencións institucionais, seguidas por milleiros de persoas nas rúas viguesas e nas redes sociais, que sabemos é intencionada para o rexedor vigués, hoxe xa unha figura de éxito en España, recoñecida na comunicación viral e no humor televisivo.

luns, 4 de novembro de 2019

Novembro. Na biblioteca...



Coma quen non quer a cousa, a campaña da ANL da Universidade de Vigo achegounos xa o vídeo do mes de novembro. O que non sabemos é se está adicado ao prexuízo de que un en galego ten inferior condición que o mesmo libro en castelán, ou se trata da nefasta política lingüística da Xunta que se fundamentou na exclusión do galego das capas inmersas no castelán, que son incapaces de abordar a lectura dun libro en galego.

domingo, 6 de outubro de 2019

No corredor...




Estes de Lalín...
"Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua” é a mensaxe que sintetiza a campaña de promoción do galego da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo para o ano 2019

domingo, 19 de maio de 2019

Manifestación de Queremos Galego 17M_19



Este foi o resume que fixo Galiza-Contrainfo do desenvolvemento da xornada do 17 de maio en Vigo e na Coruña. Tanto nestas cidades como en todos os lugares nos que se se fixo efectivo o chamamento de Queremos Galego!, leuse este manifesto.

sábado, 9 de marzo de 2019

Os segredos para aprender unha lingua


Velaquí un novo vídeo TED subtitulado en galego polos mantedores do blogue Televisión IES de Beade, do IES de Beade (Vigo). Se sempre é unha boa recomendación non perdelo de vista por traducións de vídeos como o presente, desta vez hai que sumarlle unha moi boa apreciación na presentación deste vídeo facendo un chamamento a seguir as recomendacións de Lýdia Machová para ver se así
moitos galegos aprenden por fin a falar o que para moitos deles é a lingua máis difícil do mundo: a galega.

venres, 1 de febreiro de 2019

Febreiro, no FAITIC



O FAITIC é un servizo de complemento á docencia da Universidade de Vigo, baseado en Internet como contorno e que se dirixe, por unha banda, ao profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos e, por outra, ao alumnado preuniversitario que teña en mente cursar os seus estudos superiores nesta universidade.
O vídeo presenta a un alumno que está abandoando o galego porque o profesorado lle colga os apuntes en castelán no FAITIC. 

xoves, 17 de xaneiro de 2019

Calendario da Univerisade de Vigo para 2019

Hai uns días xa falamos da campaña “Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua” promovida pola ANL da Universidade de Vigo. Para completar o paquete acompáñase con este calendario para o presente ano 2019.
Os principais obxectivos desta campaña son os de tratar algúns dos prexuízos lingüísticos máis “naturalizados” na sociedade e o de axudar a visualizar realidades sociolingüísticas que están chamadas a ter un papel clave no futuro da lingua como o caso dos neofalantes ou a opotunidade da lusofonía"
Seguiremos atentos aos audiovisuais que prometen publicar cada mes.

domingo, 13 de xaneiro de 2019