Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Craig Patterson. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Craig Patterson. Amosar todas as publicacións

martes, 23 de outubro de 2018

Forever in Galiza



Non creo que haxa que explicar o que significa o "Sempre en Galiza" de Castelao. Hoxe este libro, que debería formar parte do imaxinario de calquera galego digno de cualificarse con este adxectivo, pode consultarse en inglés grazas ao traballo de tradución feito por Craig Paterson.
Grazas ao blogue da biblioteca do IES  Ollos Grandes (Lugo), tiven coñecemento do vídeo que comparto ao inicio da entrada no que se informa da presentación da tradución na terra natal de Castelao. Unha segunda presentación tivo lugar no IES Félix Muriel, da mesma localidade.
Posiblemente a mellor introdución a este traballo será a que acharemos nesta entrevista de Marcos Pérez Pena para o dixital Praza Pública. Destaco dela algunhas palabras de Craig Paterson:


Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, por medio das súas políticas lingüísticas, educativas e culturais, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco. En particular, eu creo que sería unha falta de respecto ao legado de Castelao vincular o proxecto con semellante filisteísmo, sendo a obra unha defensa magna dos dereitos insubornábeis e humanos de Galicia e os galegos. Colaborar con semellantes forzas representaría, para min, unha incoherencia hipócrita, contraproducente e destrutiva, que de paso lexitimaría os feitos inefábeis do goberno de Feijoo en contra da cultura e lingua galega.

 Velaquí que me pareceu ésta unha excelente oportunidade de lembrar aquela iniciativa do Consello da Cultura Galega para conmemorar o 70 aniversario da obra, #sempreengz

sábado, 8 de setembro de 2018

Nos beizos dos nenos

por Craig Paterson, en Praza Pública:

Hai anos que non leo La Voz de Galicia. Non me entusiasman os cancros en xeral. Con todo, o outro día púxenme a ler un artigo, engaiolado polo simple dramatismo morboso do seu título.

domingo, 15 de novembro de 2015

Traballemos como galegos

por Craig Patterson, no Praza:

Aínda que conto con máis de vinte anos de coñecemento da realidade galaica, non agardaba a situación sociolingüística na que me ía encontrar ese ano. Tratábase dun caso curioso de dous británicos residentes na Galiza, pero falantes de idiomas diferentes. Un, o xefe; o outro, empregado. Un, castelán-falante; o outro, galego-falante.

luns, 18 de febreiro de 2013

Merecemos máis

por Craig Patterson en Praza:

Confeso ser un inxenuo. Confeso que en 2009, cando xa se olfateaba que modelo de política lingüística ía impoñer o novo réxime, dei por sentado que ía xurdir unha resistencia cultural dinámica, robusta e decisiva que non consentiría que aquelas políticas nefastas ficasen en vigor máis duns meses. É verdade que houbo críticas e censuras, cartas abertas, declaracións públicas e mediáticas en contra delas, pero aquel rumbo filisteo tirou para adiante sen vacilación ningunha. Houbo tamén reproches institucionais por parte da mesma xente acomodada e acomodaticia que ocupa os mesmos postos de sempre e que intercambian entre eles nun eterno xogo de cadeiras musicais, un sempiterno turno pacífico de coleccionar cargos que deixa a xuventude galega galeguista indiferente –cando non cínica– diante da súa fraca resistencia, do seu conformismo acomodado. Boa parte deses reproches chegaron dos mesmos sectores que pactaron colocar o sr. Anxo Lorenzo no lugar onde ficou, supoñamos que para facer menos dano antes ca para facer ningún dano, porque dano fixo e non somente ao seu propio creto persoal e profesional, senón tamén ao benestar da lingua que na súa encarnación anterior profesaba defender.

xoves, 16 de xuño de 2011

Linguavisión

por Craig Patterson, no Galicia Hoxe:

Xabier Queipo ten razón. É verdade que a xente que ataca a lingua galega é a que ten medo, e niso consiste ser de dereitas. En xeral, si. O conservadorismo como cosmovisión ten como raíz ontolóxica a resistencia ao cambio. Non obstante, non todos os que defenden a soberanía dunha lingua supostamente maioritaria e máis dominante son nacionalistas centralistas ou de dereitas. E non todos os que defenden a pluralidade identitaria reflectida na reivindicación das linguas como sistemas operadores de cosmovisións distintas son nacionalistas periféricos, ou de esquerdas. Pero na miña experiencia, non deixa de ser suxestivo o feito de que as persoas máis abertas de cosmovisión, máis defensores do pluralismo social e político, entenden instintivamente a importancia da saúde multilingüística do mundo como metáfora da democracia viva. Por algo sempre me resultaba bastante difícil ter longas conversas cos políticos do PP, con algunhas excepcións notábeis entre Ribadeo, Lalín e San Caetano, precisamente porque a maioría dos seus militantes non recoñecen a necesidade de que triunfe a variación sobre as máis intelixentes unificacións, como dixo Otero Pedrayo.
Neste artigo vou citando moito escritor galego, tanto vivo como defunto. Aquí vai outro: Miguelanxo Murado, felizmente vivo, no seu artigo publicado en inglés hai unha semana no xornal británicoThe Guardian: "Nunca sabemos que pasado nos agarda no futuro". Algún día imos ter compaixón por Feijoo e tódolos seus co-conspiradores que pretenden facerlle dano prexudicial á saúde lingüística de Galicia , sexa por cartos, por aquel choio en Madrid, polo poder ilusorio do poder. E por medo. Aquel medo a seren tachados polos mesmo alcumes que os galegofalantes aturaron durante séculos, e que aínda aturan cada vez máis diante deste rexurdir de tanta intolerancia lingüística que pretenden facer inzar primeiro en Galicia, e logo Valencia. Con todo, o minifundio da fala non se deixa esnaquizar. E, para citar a outro que vía de todo aínda que fose miope, algún día as realidades do noso tempo serán lembranzas leccionadoras. Si, terémoslle compaixón deses gobernantes actuais de non poder ver alén do bandullo, do ego e do medo. Pero sobre todo por non poderen vivir a vida da linguavisión..

xoves, 9 de xuño de 2011

O xogo das cadeiras

por Craig Patterson, no Galicia Hoxe:

Tiven o pracer hai uns meses de asinar o manifesto a prol da entrada de mulleres na Academia Galega. A proposta que propuña paréceme acugulada de sensatez e razón, especialmente cando reparamos no actual repartimento por xénero das cadeiras. Co pasamento da finada Olga Gallego, só quedan catro mulleres na RAG. Poucas veces resulta o número catro tan evidentemente inxusto. A pregunta logo non vai ser se, senón cando e como se pode emprender unha iniciativa que resolva ese asunto de maneira decisiva e incluínte.
Non creo que a RAG teña unha política definida para excluír as mulleres. Chegamos ata aquí, porén, por mor de difusas pautas conservadoras que non se moderaron nin mudaron da maneira axeitada conforme o devalar dos anos. Non creo que a RAG rexeite de maneira aberta o manifesto, senón que non xestiona coa rapidez que quixéramos a resolución deste asunto da forma máis breve posible. E cando falamos de tempo, as cousas de palacio ou máis ben da academia non adoitan ter présa, e os mecanismos básicos que determinan a data na que un membro entre no seu plenario son puramente biolóxicos. Por iso debería dar indicios en canto fose posible de que adoptará unha nova política para a escolla dos académicos e académicas do futuro. Debería facer pública unha nova política que practique a discriminación positiva cara ás candidatas femininas, de modo que escolla dúas mulleres académicas por cada home, e seguir así ata chegarmos a cifras que reflictan unha representación fiel, xusta e equilibrada do universo cultural galego.
A presidencia de Méndez Ferrín marcou un punto chave da resistencia e crítica á política lingüística do goberno de Feijóo, e que en certa medida estes seus feitos lle deron un novo pulo de dinamismo e relevancia social á RAG. Con todo, se cadra o herdo máis significativo desta presidencia podería consistir en colocar os alicerces dunha RAG modernizada canto á súa identidade plural e diversa, un perfil que lle permitiría ser unha ferramenta afiada na Galiza do século XXI. Agardamos este próximo paso, conscientes de que se non se transforma a pauta da RAG de seguir elixindo homes ante tan evidente invisibilidade feminina, o edificio da rúa Tabernas vai carecer da capacidade de falar por todos e todas..

domingo, 15 de maio de 2011

Carta aberta a Núñez Feijóo

Seguindo a estela de Xabier Docampo e Prolingua, Craig Patterson, presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, presenta esta carta aberta no Xornal:

Como presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos diríxome a vostede para comunicarlle a nosa fonda preocupación pola situación da cultura e da lingua galegas e, sobre todo, pola política da Xunta de Galicia nestes ámbitos.
Vimos observando que, desde a súa chegada á presidencia da Xunta de Galicia, as accións políticas do goberno galego no referente á lingua están dirixidas a desmontar as medidas normalizadoras que permitiran importantes avances, particularmente na función pública e no ensino non universitario. Con esas medidas esnaquiza o consenso social, democrático e colectivo que se materializara na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización, e promove a división e a confrontación social no tocante á lingua galega, no canto de promover o avance e o desenvolvemento da lingua nacional de Galicia.
Agora, nun novo paso, están a ameazar a Lei de Normalización Lingüística que se refire á toponimia. Por outra parte, non se realizaron accións visibles de apoio e promoción da lingua e da cultura galegas. E o que aínda nos parece máis grave é que estas medidas vaian acompañadas de mensaxes que transmiten a idea de que o galego non é nin necesario nin útil e que volven a actualizar os prexuízos contra a lingua de Galicia, que a estas alturas xa deberían estar desterrados. Para os membros desta Asociación, sobre todo para moitos de nós que levamos moitos anos traballando pola cultura e pola lingua galega en Universidades de alto prestixio de todo o mundo, resulta desolador ver como desde a Xunta de Galicia se está a desvalorizar e a menoscabar o prestixio da cultura e da lingua galegas, facendo seguimento de grupos minoritarios que, cunha visión acomplexada e provinciana, tratan de negar calquera valor á lingua e á cultura propias de Galicia.
Como Asociación que conta con profesores e profesionais de diferentes países de todo o mundo, sabemos ben que a cultura e a lingua galegas teñen un enorme potencial de futuro, que a medio prazo se pode converter nunha realidade traducible en presenza internacional, en turismo e en intercambios científicos e culturais de todo tipo. Unha aposta estratéxica por apoiar a cultura e a lingua galegas, sen prexuízos provincianos, podería converter en realidade esa posibilidade. Ese é xustamente o camiño contrario: apoio, promoción, dar a coñecer e transmitir orgullo e confianza en Galicia. O galego é a lingua da historia de Galicia, pero sobre todo debe e pode ser a lingua do futuro tanto en termos comerciais coma filosóficos.
Sería unha gravísima irresponsabilidade que este goberno, e vostede como o seu presidente, fanase estas posibilidades e lles negase o futuro ás xeracións de mozos e mozas galegos do século XXI e de dispor do seu máis íntimo e valorado patrimonio cultural e lingüístico. Por todo isto, propoñémoslle que inicie unha política cultural e lingüística ambiciosa, moderna e innovadora, que proxecte a cultura e a lingua galegas no mundo, que faga visible Galicia como comunidade e como cultura. Para iso asegurámoslle que poderá contar co apoio e coa colaboración desta Asociación, presente en centros de educación superior e de investigación de catro continentes.

xoves, 7 de abril de 2011

Os escándalos da tradución galega

por Craig Patterson, no Galicia Hoxe:


Reunímonos a semana pasada en Irlanda algúns estudosos da tradución. O Centro de Estudos Galegos, grazas á man intelixente e poética de Martín Veiga, acolleu uns días de coloquio informativo entre culturas minoritarias, ou máis ben minorizadas. Dedicámonos a identificar as fronteiras aparentamente invisíbeis que restrinxen as culturas periféricas, que prohiben a libre tranmisión e o intercambio xusto de cultura. Ás veces, eses mesmos estorbos chegan a ser escándalos, e Galiza atesoura unha boa presada deles.
Hai moitos escándalos no mundo da tradución galega. A exclusión de autoras internacionais de alto perfil a favor de autores menos coñecidos. A menor visibilidade de tradutoras e especialistas femininas na historia da tradución galega. A ausencia de certos xéneros entre as obras que se traducen ao galego por capricho dos editores galegos. A case total incomprensión das editoriais galegas cara á tarefa de tradución, especialmente nos contextos internacionais que gozan de condicións culturais e comerciais completamente distintas ás galaicas. A reticencia a subvencionar obras galegas de primordial importancia no tocante á proxección exterior da galeguidade. Pero o maior escándalo do mundo da tradución galega é a continua abdicación do goberno galego ou dun consorcio de institucións importantes da súa responsibilidade de promocionar a tradución como unha das vías principais de vender o país. Entrementres, as iniciativas e proxectos de tradución quedan en fenómenos esporádicos, ben intencionados e representantes dese baleiro de liderado tanto institucional coma económico que podería e debería dar un auténtico salto revolucionario á exportación das letras galegas. A importancia da cuestión esixe unha política propia, mesmo unha consellería que coordinase a xestión, produción e márketing das obras galegas mar por medio e mundo adiante. Fai falta unha xestión dinámica e unha xenerosidade sobranceira se Galiza pretende recuperar o tempo perdido. Agardemos pois por esa man coordinadora que lle daría unha viraxe heroica á situación actual. Entrementres, uns poucos guiris seguen practicando a alquimia de traducir o galego, incrédulos aínda diante dunha cultura que non se atreve a exhibir un dos seus mellores escaparates.

xoves, 23 de decembro de 2010

Confesións dunha neofalante loira

por Craig Patterson, quen tanxencialmente volve a tocar o debate do documento IGEA no Galicia Hoxe:


Olivia ten corenta e pico anos. É da Coruña. Seus pais non lle falaron en galego, pero asistiu ela a clases de galego dende sétimo de EXB. Chegou á universidade nun momento convulso, cando a aprobación da Lei de normalización, e parecíalle presenciar un debate entre a Fronte Popular de Xudea e a Fronte Popular Xudaica, analoxía que volve empregar ao falar da situación hoxe. Cando falaba en galego, sempre había alguén que fitaba de arriba abaixo os seus laciños e fasquía depija coruñesa. Por outra banda, sempre houbo xente magnífica que compartiu o seu coñecemento, e grazas a eles os neofalantes coma ela gañaron confianza. Cre que a lingua oficial debe ser o galego, e que se debe potenciar o seu uso en tódolos eidos sociais, e especialmente no ensino. Critica actitudes que poden resultar disuasorias, como a excesiva corrección por parte dos galegofalantes máis militantes no monolingüismo. Critica as políticas lingüísticas por seren tepedamente displicentes (as da dereita) ou por fomentaren a crispación, máis cás solucións (as do nacionalismo).
Hoxe fala galego moito máis amiúdo no lugar de traballo. Séntese cómoda nas dúas linguas da súa contorna, aínda que confesa que ás veces lle dan ganas de mandar todo a tomar vento. Refírese aos uns, que queren que a súa cidade se chame La Coruña, e aos outros que rexeitan o feito de que Galicia ten dúas linguas. O mellor que se pode facer, pensa ela, é asumir a normalidade da situación: canto máis fale coa xente en galego, moito máis se falará. Matiza: canta menor "militancia desaforada", mellor resposta. Nese sentido, pensa que o informe IGEA tranquiliza a xente coma ela, que a fin de contas é representativa dunha boa parte da sociedade galega, dos que fan tímidos esforzos por falar. Mentres os neofalantes se sintan ameazados, afirma, imos mal. Ela fala da necesidade de xente de consenso, sensata, que saiba achegar unha mensaxe de tranquilidade á poboación xeral, se queremos que o galego chegue a ser a lingua principal do país.
Eu non concordo con tódalas opinións de Olivia. Pero si creo que son representativas dun sector da poboación ao que o nacionalismo debería achegarse politicamente para dinamizar e protexer a saúde da lingua a moi longo prazo..

xoves, 9 de decembro de 2010

Vós, que sodes as luces...

por Craig Patterson, outra vez a voltas co informe de Monteagudo para o IGEA no Galicia Hoxe:


Arde arredor de nós o debate que acendeu o documento do Bilingüismo restitutivo asinado por Monteagudo e Reixa para o IGEA. Fálase, intrígase, menciónase nos foros electrónicos. A parte boa é que se debatan puntos de vista e posicións sobre o aspecto da vida galega que seica máis queremos: a lingua. A mala, o risco de que o debate abra unha fenda entre os defensores da lingua, para segura ledicia dos que a atacan. Córrese o perigo dunha guerra moi galaica, coma a das ortografías: contraproducente, mesmo desanimadora. Para evitar acusacións de ter axendas ocultas e de ser fratricidas, hai que actuar o antes posíbel. Temos que adonarnos do momento para formar o futuro.
Por razóns obvias, Galicia é un reino da sociolingüística. Abondan nela os sociolingüistas e xogan un papel positivo para a saúde da lingua galega (aínda que haxa algún exemplo prexudicial). Ben nos decatamos todos de que cómpre un novo consenso social sobre o estado da lingua galega e a súa relación co castelán. Tense que construír no terreo que queda entre idealismos demasiado fantásticos, galiciabilingüismos e demais prexuízos lingüísticos, entre os extremos, se quere ter éxito e representar o amplísimo sector da poboación que está como compango entre estes cachos de pan político. Da mesma maneira que a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega emitiron no seu día pauliñas de censura á política lingüística da actual Xunta, xa vai sendo hora de que os principais sociolingüistas do país publiquen un plan rigoroso que escenifique con claridade ese consenso. Non perdamos un intre máis. Confiemos no poder do debate e da razón para convencer a esa maioría da poboación. Só se asumimos como principio o bilingüismo restitutivo, e non nunha Galiza imaxinada só por un pequeno sector, podemos dar o seguinte paso: que os arquitectos desa visión propoñan un manual de prácticas. Así o goberno que suceda o de Feijoo, sexa cal sexa, non terá máis remedio ca facerlle caso a un documento fundamental que expoña os pasos a dar. Non se pode canear a tarefa ou abdicar da responsibilidade de achegar un plan que defina con firmeza a posición que ten que acadar o galego nunha sociedade plural. Vós, que sodes as luces, tedes que rematar o que empezastes

xoves, 2 de decembro de 2010

O bilingüismo restitutivo

Outro artigo do debate iniciado polo informe do IGEA de Henriqu Monteagudo, por Craig Patterson, no Galicia Hoxe:


Saíu a semana pasada un documento de grande importancia do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos. Titúlase Por un proxecto de futuro para o idioma galego: unha reflexión estratéxica, un informe elaborado por Henrique Monteagudo, coa colaboración de Antón Reixa. Avoga por unha nova política lingüística denominada o bilingüismo restitutivo. A min paréceme un documento admirábel, que marca a axenda e abre un paso máis a un novo consenso social sobre a lingua. Con todo, evoca unhas posturas que son máis ben xa caducas.
Parece que a algunha xente aínda lle custa entender que xa non estamos nos anos 70. Que xa non ten que ser pecado falar dun bilingüismo como posibilidade viábel da política lingüística galega. O monolingüismo social sempre representaba unha postura comprensíbel, pero lonxe do consenso colectivo, e desa verdade incómoda que se chama a realidade galega. Por medio dun foro en Facebook, xorden as posturas amargadas de sempre, tan comprensíbeis, pero tan derrotistas coa súa absoluta inhabilidade de manter diálogos alternativos. Sen semellante diálogo, a amargura durará moito máis tempo.
bilingüismo restitutivo é unha etiqueta, pero unha que cambia o enfoque consonte coa realidade da Galiza feijooiana e alén dela. Descodificándoo, quere dicir que os galegofalantes xa somos bilingües e que o que falta é que o sexan os castelanfalantes a maior grao, e por discriminación positiva. Para que funcione, o galego ten que avanzar socialmente, e para que aconteza iso, ten que haber políticas que leven o país a semellante realidade. E para iso, hai que convencer aos grupos alleos actualmente do berce galegofalante. Convencer, non conquerir. Para que voten. Para que participen. Non se vai conseguir citando a opinadores pobres coma Zizek, nin falando de batallas nin revolucións na rúa. Vaise dar falando, discutindo e gañando o debate coa forza do maxín. É dicir, negociando coa realidade innegábel, no canto de retroceder cada vez máis nun mundo imaxinado, por non dicir egoísta. Ese bilingüismo regaleguizador non é nada orixinal historicamente, pero contemporaneamente pode representar un novo consenso se o acollemos. E se os seus arquitectos e partidarios xa van identificando propostas concretas de acción..

xoves, 18 de novembro de 2010

Nun día coma este

por Craig Patterson, no Galicia Hoxe:


Estaba xa preparando un artigo sobre a manifestación de estudantes e profesores universitarios británicos en Londres da semana pasada, cando reparei na nova sobre Agustín Fernández Paz. Optou por non aceptar o Premio da Cultura Galega convocado pola Consellería de Cultura e Turismo. É dicir, pola Xunta de Galiza. Polo goberno de Feijóo. O escritor chairego deu a coñecer a súa decisión nun comunicado de prensa breve e cheo de simplicidade que me conmoveu polo súa ética innata. Pola súa dignidade, en intenso contraste coas vulgares xestións que están detrás do Premio.
A actitude do escritor explicouna noutro comunicado, nesta ocasión emitido pola plataforma ProLingua en outubro: os motivos que o levaron a rexeitar un premio que, en calquera país normalizado en que o goberno autónomo non atacase a súa lingua nacional, sería motivo de fachenda e marcaría unha vitoria na traxectoria persoal dun creador literario. Desta maneira, a exemplar xenerosidade de Fernández Paz foi a voz de todos os que rexeitan o lingüicidio continuo, a voz de todos os que non se converteron en cómplices do réxime que o tenta promover. Anda, atrevédevos a darlle este premio a Manuel Fraga, porque moito me temo que chegará a ser un cáliz envelenado que non van querer tocar os que aínda non están seguros de ser capaces de emular a Fernández Paz.
Como afirmaba ProLingua, Rosalía de Castro non aceptaría este galardón, que tentan empregar como reclamo para bulrarse das moitas persoas que na sociedade galega, e alén dela, son defensores da súa cultura lingüística auctóctona. Rexeitar un premio é premiar os que resisten a intolerancia e a agresión: velaí os feitos. Iso si que é marcar a axenda e dar exemplo ético. Nun día coma este demos un paso máis cara ao final deste túnel de tolemia en que nos meteu o goberno de Feijóo, esta esquizofrenia lingüística cuxa extirpación completa debería ser o obxectivo de calquera goberno civilizado que rexese este reino acugulado de autodio. Nun día coma este síntome aínda máis orgulloso de falar esa lingua e de ser galego da alma. E todo grazas ao xesto unánime, admirable e valente dun señor a quen nunca tiven o pracer de coñecer en persoa, falla que espero rectificar algún día. Quizais nun día coma este..

xoves, 21 de outubro de 2010

De premios e países

por Craig Patterson, en Galicia Hoxe:


Ramón Otero Pedrayo era gran literario, fermosa mente galega e historiador de ideas. Un pseudofidalgo do máis ético e cortés. Un liberal de estilo antigo, era un dos fundadores daquel partido que representou os intereses autonómicos, culturais e lingüísticos da Galiza antes do 36. Un sobrevivente da catástrofe bélica que polo puro feito de quedar vivo lles transmitiu os valores éticos do galeguismo ás seguintes xeracións, e a que nunca lle cumpriu o cofeo co franquismo. Un católico fiel que se mantivo afastado do ultramontañismo. Relixionario sen ser santo, os que peregrinan a Trasalba con frecuencia ben saben das anécdotas de Otero e das criadas da casa, entre outras.
Manuel Fraga é... Manuel Fraga. Quen foi ministro cómplice na mesma ditadura que acabou cos dereitos democráticos dos galegos. Quen empregou o ex líder dun escuadrón asasino arxentino como gardacostas á fin da ditadura. Quen admira e segue admirando o Xeneralísimo. Quen se enfada coa xente que non se dirixe a el como don Manuel. Quen tiña e ten a mesma arrogancia cando non mala hostia de galego coma Cela. Quen presumía de ser dono da calle. Quen aproveitou todos os seus pasos non para servir España, nin a Galiza, senón a si mesmo e o seu afán ao poder. Quen educou politicamente a Aznar (o amiguete de Bush, fillo) e o presidente actual da Galiza, o señor Feijóo. Quen tardou tanto en preocuparse cando o Prestige estragaba a vida laboral de tantos galegos e mais o medio natural. Quen era capaz de manter boa amizade con Fidel Castro, situado no outro extremo político, pero non de elevar o seu país por riba do seu secular atraso económico. Quen foi elixido democracticamente por unha maioría de galegos durante dezaseis anos.
Cara ao remate da súa vida, Otero Pedrayo pedía en público que a Galiza que lle sobreviviría se puxese á vangarda dos dereitos humanos. Ese home tan tradicional era capaz, xusto no seu solpor, de recoñecer que a súa Galiza imaxinada nunca ía chegar a ser realidade, e que outro país ía xurdir. E deulle a súa beizón. Fraga non é capaz de semellante acto de modesta humanidade. Outorgarlle o premio Otero Pedrayo a Fraga perpetúa a anormalidade da realidade galega, e representa un erro que marca todo o que ten o país de disfuncional

xoves, 9 de setembro de 2010

Monolingüismo defensivo e bilingüismo equitativo

por Craig Patterson, no Galicia Hoxe:

Sempre me parecía contraproducente botar fóra mensaxes sobre a saúde do galego que se caracterizasen por un ton inequivocamente apocalíptico. As persoas que optan egoistamente por empregar semellante discurso deberían investir as súas forzas en fomentar novas estratexias para renovar o conto. Con todo, concordo plenamente con Carlos Callón en que o discurso da renovación pode funcionar como unha fuxida cara a adiante, en lugar de actuar agora mesmo no día de hoxe. E sigo pensando que a estratexia chave e fundamental, especialmente mentres aturemos eses tempos tan incivís do réxime Feijóo, consiste no monolingüismo defensivo por parte dos galegofalantes.
Nunca deixo de contemplar atónito os galegos máis entregados á defensa do galego cambiar de lingua nunha situación na que a outra persoa non se molesta en absoluto por respectar o galego, ou en cambiar eles de idioma. Hai que superar ese chip psicolóxico, social e clasista (por non dicir colonial), e dominar a boca, se se vai resistir a forza negativa e subconsciente do bilingüismo nada harmónico. Concordo plenamente co académico, Henrique Monteagudo, en que a práctica do monolingüismo defensivo e total por parte dos galegofalantes representa o eixe da reivindicación lingüística de hoxe, sen que apoie o monolingüismo social como obxectivo utópico. Nas moitas Galizas que existen, polo menos unha delas fala galego, e outra non, e ou temos que convivir con esa entre outras realidades, ou nos entregamos a un mundo fatalista de fadas. E esa convivencia non implica a venda da alma ao demo, senón pactar coa realidade sen vivir aferrollado en maniqueísmos maniáticos.
Para os galegofalantes, non hai mellor maneira de dar exemplo didáctico, atractivo e robusto cá de sempre falar galego, e así desafiar as presións socio-coloniais que tanto prevalecen aínda na sociedade galega. Así encamiñamos cara a un bilingüismo equitativo, lonxe de exclusivismos de calquera postura política e consolidando unha despatrimonialización política total do galego que ten que ser a carta magna que a sociedade galega se escribe a si mesma unha vez na época pos-Feijóo. Cara a un horizonte normalizado de verdade, no que as dúas linguas se respectan e se fan respectar por ben de toda a cidadanía.

xoves, 5 de agosto de 2010

A rentes do chan

por Craig Patterson, en Galicia Hoxe:

Comenta un amigo pai de familia que o castelán será o idioma preferente nas clases da súa filla en 4º de Educación Infantil, así como o dos seus libros de texto. Os pais da maioría dos que serán os seus compañeiros afirmaron que esa é a súa lingua materna, e esa maioría foi "esmagadora". Diante desa imposición comprobábel e destrutiva, que poden facer os pais que queren que os seus fillos se eduquen en galego? Primeiro, suxírolle ao amigo o camiño idealista: dimisións en masa dos docentes, coordinadas e estratéxicas, que sen dúbida torpedearían o decreto en só 24 horas. Non tardamos en volver ao mundo real, de funcionarios, dos compromisos da vida familiar, onde o idealismo xa é unha lembranza dun mundo extinto. O profesorado ten que defender o galego desde o seu posto cando hai profesores que están agardando a que lles xustifiquen a súa insubmisión a daren as clases en galego. Coméntolle o recurso dun ensino privado en galego, un recurso clásico que se adoptou en situacións semellantes noutros países. Tamén representa unha opción que se pode clasificar de "ciencia ficción" no contexto galego. Só sabemos dun caso preto do seu lugar, un colexio onde intentaron educar o outro fillo, pero que se converteu nun centro concertado: nos criterios de admisión primaban por riba de todo a cuestión xeográfica, e o fillo non entrou. Con todo, o proxecto non deixa de ter o seu atractivo, nado dunha cooperativa cun proxecto pedagóxico dinámico e orixinal. Sería boa iniciativa promover este tipo de iniciativas, aínda que sexan complexas, que ofertase un ensino co nivel de galego que os meus amigos estiman necesario e xusto. A pesar das grandes resistencias a esas iniciativas na esquerda ibérica, non son poucos os que estarían dispostos a poñer cartos serios para que exista esa posibilidade.
Mentres agardamos que acabe esta loucura, que se pode facer? Recorrer á iniciativa privada. Falarlles galego aos fillos, mercarlles libros en galego, animalos a ver os debuxos do Xabarín e transmitirlles respecto e coñecemento da lingua. Como sempre se fixo. Volver a rentes do chan, ata que os pais dos nenos castelanfalantes se pregunten en masa por que os rapaces galegofalantes sacan mellores notas e teñen máis aptitudes escolares...

xoves, 29 de xullo de 2010

Eu falo

O vídeo ao que se fai referencia no artigo está máis abaixo.
por Craig Paterson, en Galicia Hoxe:

Acaba de saír na web un clip dunha estudante inglesa. Fala nun galego precioso. Ademais, demostra ser ben consciente da problemática actual do país en termos do benestar da lingua e da cultura galega. Ben me lembra as persoas coas que a Asociación Internacional de Estudos Galegos falou a mediados deste mes, os rapaces e non tan rapaces que están a facer os cursos de lingua galega nas tres universidades galegas.
Falamos na AIEG con arredor de 120 persoas de tódolos países do mundo, que veñen botar un mes en terras galaicas. Aprenden a lingua, estudan a cultura, aproveitan as charlas impartidas polas figuras principais da cultura galega e fan excursións por todo o país. Sen dúbida, algúns deles só pensan botar un mes interesante nun lugar fermoso de Europa, e sen máis. Outros viven de maneira permanente na Galiza e queren acadar a perfección na lingua autóctona. E todos eles comparten sempre o compromiso mínimo para descifrar o código do Galician Country, para dominar o conxuro deste lugar que sempre os engaiola. Botámoslle o noso discurso sobre as vantaxes prácticas e filosóficas de aprender o galego, falámoslles do peso que lle dá ao curriculum poder comunicarse con máis de 200 millóns de lusofalantes no mundo, e da riqueza desta lingua como unha especialísima forma de vivir, como metáfora da tolerancia co alleo.  Con todo, este ano notábase, aínda sen mencionarmos o tema, que sabían ben da sombra que ameaza este patrimonio galego. E decatámonos de que cando volvan aos seus países nativos, levarán esas novas, transmitirán a súa admiración por Galiza e ao tempo a súa incredulidade diante do comportamento do propio goberno do país.
A mocidade internacional que estivo en Galiza durante o mes de xullo alenta as esperanzas, e reloucarían de ledicia as anteriores xeracións de intelectuais galegos, militantes doutras loitas igualmente transcendentes, se visen a estes mozos pasear polas rúas falando entre si en galego. A esa mocidade estranxeira non se lles despista o que acontece no país. Moito me gustaría tamén velos entrevistarse co presidente da Xunta, para que lle expresasen o seu malestar coas medidas postas en práctica polo goberno. Escoitalos falar con el nese galego seu, e noso: o galego global do futuro.

venres, 23 de xullo de 2010

A forza dunha nación

por Craig Patterson, en Galicia Hoxe:
O outro día tocoume asistir á cerimonia de graduación na Universidade de Cardiff. Vestín de toga como me correspondía e entrei en fila na sala cerimonial cos demais profesores. Ao redor de min estaban sentados os licenciados que viñeran recoller a súa licenciatura e a pórlle fin ritualmente aos seus anos de estudos, ademais dos seus fachendosos pais. Mentres esperaba a que o reitor da universidade comezase a cerimonia, reparei nunha frase sobranceada no texto do programa de man. Estaba escrita en galés: nerth gwlad ei gwybodaeth. A forza dunha nación reside no seu ensino.
Despois foron desfilando os licenciados. Moitos deles viñeran de fóra de Gales para estudar as súas especialidades na capital galesa. Outros moitos levan apelidos e trazas inequivocamente galesas. Tanto entre uns coma entre os outros, haberá os que quedarán no país e os que marcharán cara ao mundo. Fagan o que fagan, serán anuncios de carne e óso do mellor que pode xerar este país e ofrecerlle ao planeta como o seu mellor recurso humano: a mocidade formada na universalidade da universidade. Mentres chegaba ao remate a ceremonia, cavilaba eu no devalar histórico da identidade galesa e mais na súa relación co ensino. Coa consolidación da colonización de Gales no século XIII pola mafia medieval inglés-normanda, o único camiño que lles quedaba aberto aos galeses cara ao poder era o do estudo. No XVI comezou a súa presenza no Jesus College de Oxford, o que asemade lles facía gañar influencia na corte dos Tudor en Londres. Na época moderna, as asociacións galesas de obreiros e mineiros, e as cotas que pagaban dos seus precarios soldos, permitiu a creación de escolas, sociedades, bolsas e bibliotecas. Si, as bibliotecas déronlles poder. Dos vales, das aldeas e das vilas puideron acceder á universidade galesa nas principais cidades, e despois xogar o seu papel na vida das Illas Británicas, e no mundo.
A cerimonia foi completamente bilingüe, variando harmoniosamente entre galés e inglés. Si, harmoniosamente. Con todo, e sen dúbida, o signo diferenciador de todo, o son que convertía nun conxuro aquel remate ritual dos estudos de tantos mozos, eran as palabras galesas que nos lembraban a todos que aquí reina outra identidade, que aquí reina outra tradición.

xoves, 24 de xuño de 2010

De queimas e queimadas

por Craig Patterson, en Galicia Hoxe:
Non me gustaban as clases de literatura no instituto porque o profesor non se afastaba dos pesados clásicos que o currículo lle esixía dar. Mais un día de finais dos 80 repartiunos a cada un de nós un exemplar de Fahrenheit 451, de Ray Bradbury. Sería imposible, para calquera lector que teña a máis mínima sensibilidade, esquecer a primeira vez que se leu daquela distopía na que os bombeiros non serven para apagar os incendios, senón para prenderlles lume aos libros prohibidos. Xa era imposible disociar aquela advertencia sobre o pesadelo, das tentativas de institucións de suprimir a liberdade.
Vinte e pico anos máis tarde, atópome nunha festa onde despedimos un amigo galego que vai marchar de Cardiff. Ponse a falar comigo un home que anda moi metido na vida cultural galesa. Ao saber que me interesa Galiza, empeza a loar un libro galego que o entusiasmara. Fala da tradución das Cousas de Castelao, publicada pola editorial galesa Planet. Confésolle que traballei nese proxecto, e fálolle da realidade literaria galega. El enumera os puntos en común que ve entre as culturas galesa e galega a partir do Cousas, e pregúntame se hai máis literatura galega publicada en inglés. Nese momento, o amigo galego apaga as luces e préndelle lume á queimada. Leo eu o conxuro. Os demais convidados, de nacionalidades distintas, quedan fascinados polo rito pagán. Preguntan pola historia do acto, e quedan encantados cos grolos da queimada que toman.
Non sei xa cantas veces vin episodios iguais ca estes arredor do mundo. Pero sempre acontece o mesmo. Á xente encántalle o produto galego, for a literatura, for a augardente. O triste é non poder evitar que esa xente saiba que o Goberno do país non quere que a lingua nativa sexa digna de semellante eloxio. Contemplar as súas caras de desgusto ao coñecer que están a queimar libros en galego para pór en marcha unha política que sería ridícula se non fose tan perigosa para a saúde da vida cultural e espiritual do país. A fermosura do lume da queimada levoume a voar polo reino das lembranzas. Aquela lectura tan transcendente da adolescencia inglesa. Aquelas palabras tan agarimosas dun descoñocido sobre a literatura galega. Aquela queimada da augardente. Aquela queima das palabras galegas.

xoves, 6 de maio de 2010

Europa e o galego universal

por Craig Paterson, en Galicia Hoxe

Onte falamos varios estudosos da cultura galega na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas. O motivo era un encontro sobre as literaturas española, catalá, vasca e, claro, galega e a súa relación coa cultura europea.

A min tocoume abordar o tema da literatura moderna galega. Os homes da Xeración Nós non adoptaron as tendencias culturais europeas por causa dunha epifanía súpeta que experimentasen camiño de París. Naceron chuchando nunha cultura aperturista e europea moi allea a calquera prexuízo de provincialismo pechado. Por Rosalía de Castro chegoulles o eco de Heine e do romanticismo da recollida folclorista de romances populares galegos nunha poética anticipadora de trazos existencialistas. Do seu home, o historiador Murguía, chegáronlles as lecturas de Thierry, Taine, Mazzini e Gioberti. E de Pondal, o ossianismo feito galeguidade, toda unha historia mítica, ficcional e alternativa ás narrativas historiográficas centralistas. As figuras da Xeración Nós tomaron boa nota. Con todo, o seu compromiso cunha maior defensa da cultura nativa será o catalizador que os leve a un contacto máis intenso coa cultura europea. Pensemos naquela viaxe que emprendera Castelao por Francia, Bélxica, os Países Baixos e Alemaña, que deu lugar ao seu Diario 1921. Ou no Mitteleuropa de Risco, texto que nos lembra que o contacto coa cultura europea dos escritores galegos era toda unha caixa de Pandora da que podían saír tanto ideas fermosas como prexuizosas. Deste modo a Xeración Nós atopou nestes diarios unha das vías para superar a condición colonial. Outra maneira era o emprego directo das ideas culturais europeas na construción dunha identidade galega, como propuña Otero Pedrayo. De Herder a Chateaubriand, de Spengler a Bergson, a receita integraba as máis clásicas e influíntes das ideas europeas. Esta herdanza proseguiu na tradución de Heidegger que fixo Piñeiro e nas achegas literarias da Nova Narrativa galega do posfranquismo.

No centro do actual poder europeo, caía na conta de que por ser europea, a cultura galega deixou xa de pertencer aos galegos e por suposto de pertencer a un goberno que lle pretende quitar o prestixio que merece por dereito natural. Se cadra eran os intérpretes que traballaban no evento os que mellor o sabían: pasaban as nosas ideas en galego a moitos idiomas do mundo. Falaban galego. Falaban universal.

xoves, 22 de abril de 2010

O valor da acción galega


por Craig Paterson, en Galicia Hoxe , quen escribe un artigo sobre o asunto de que a Xunta non lles paga aos lectores das escolas de idiomas.

Cando un país non é quen de pagarlles aos traballadores o seu soldo e só lles devolve escusas, podemos ter por certo que vai xerar unha publicidade negativa e danar o seu creto internacional.

Leo atónito que varios lectores estranxeiros que traballaban en Galiza marcharon polo atraso da Xunta en pagarlles. Os tres bolseiros que presentaron a súa renuncia na Escola Oficial de Idiomas de Vigo non puideron máis coa situación ao producírense demoras de máis dun mes en recibir o soldo merecido. Ao mesmo tempo, chégame a nova da renuncia -aínda non aceptada- dun funcionario moi aprezado que se encargaba dos lectorados de galego na Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ao parecer, non puido aturar máis unha situación en que a Xunta lles pide aos lectorados que leven a cabo as súas actividades a prol da lingua e cultura galega mar por medio, e na que cada vez contan con menos recursos económicos. Ademais, os centros agora deben facer fronte ao atraso dun ano no pagamento da súa subvención. Os bolseiros das Escolas de Idiomas, que impresión do país van levar ás súas terras? E os lectores arredor do mundo, como poden realizar as súas tarefas pedagóxicas e difusivas nas universidades internacionais se se lles demoran os pagamentos?

Non é que sexa un fenómeno puramente galaico: o trapalleirismo funciona por todo o estado español. E todos sabemos que nunha crise global se van operar mudanzas drámaticas na creación de novos orzamentos. Con todo, sería de arelar que Galiza fose distinta, e que a boa práctica económica defendese a boa imaxe da marca nacional. Xusto cando semella que Galiza está a acadar máis sona internacional nos eidos da gastronomía, da música e da cultura, e a pesar das políticas castelanófilas do propio goberno, a imaxe que non se pode exportar é a dun pequeno país terceiromundista. Xa é hora de liderar dando exemplo, e de deixar de gastar cartos públicos en montar enquisas sospeitosas e demagóxicas, decretazos destrutivos e inoperativos, e autobuses que predican tolemias por cada recanto do país. E de que se resolva a cuestión das caixas en interese galego e non alleo, e de que se proxecte unha imaxe sa da administración galega e non do trapalleirismo sucursalista. Niso consiste o valor da acción galega.