Tema composto e gravado por Samuel Soto en homenaxe ás Cantareiras
Páginas
domingo, 18 de maio de 2025
sábado, 17 de maio de 2025
Cantareiras no IES de Chapela
O 7 de maio de 2025 tivo lugar no IES de Chapela a inauguración dun mural dedicado ás cantareiras que nos transmitiron o tesouro da nosa poesía popular oral. O mural foi promovido, deseñado e executado por un grupo de traballo do EDLG baixo a dirección artística da pintora Sheela Tato, á que debemos tamén o deseño definitivo.
Durante o acto interviñeron Tea Escribano Valo, Vera Nogueiras Pérez, Noa Groba Moreira e Celia Santamariña Tenreiro, autoras do mural. Da parte musical ocupouse o recén creado grupo de Cantareiras do IES de Chapela, integrado por unha representación diversa da nosa comunidade educativa.
O dereito do galego, o galego no dereito
por Marga do Val no Nós Diario:
Difícil falar do mundo do dereito, dos dereitos no mundo, cando Palestina con todos os seus dereitos está sendo aniquilada. Gaza convértese nun cemiterio de vivas e mortas, nunha fosa común a ceo aberto, nunha paisaxe onde apodrece a dignidade humana, cunetas cheas de feridas, de fome, de sede. Como podemos falar de dereitos cando se bombardean todos os dereitos humanos? Hai quen me escribe e di: a humanidade colapsa e non estamos na rúa parando isto. Hai quen preocupada ante a pasividade se sente culpábel por atender asuntos que, sen seren banais, son menos importantes. Hai quen, consciente do que ocorre, pode sinalar que ocupa o seu tempo, que sempre foxe e non abonda, en sobrevivir, en inventarse ou en reinventarse en situacións precarias, falta de emprego, falta de vivenda, falta de... humanidade. Estas mesmas persoas que comparten esas respostas, poden engadir que senten non ter nin forza, nin dereito a ter tempo, para saír á rúa a berrar por Palestina, sumando ao seu estado de impotencia, máis culpabilidade. A humanidade ten que sentirse así, impotente, incapaz. Tamén a que agardaba pola fumata branca no Vaticano, polo nome do novo Papa, a mesma que espera que faga algo, coma quen cre nos milagres... A realidade é ben terríbel, ninguén detén Netanyahu na palabra conquista. Todo en vivo e en directo, xa se sabía, víase vir. É difícil de aceptar que nas mans de Europa trafican as armas de Israel, as mesmas armas que non deteñen Netanyahu, que son as súas.
Henrique Monteagudo: "Creo que se debería escoitar máis á Academia"
Entrevista de Manuel Xestoso a Henrique Monteagudo, presidente da RAG, no Nós Diario:
Henrique Monteagudo (Muros, 1959) non é novo na dirección da RAG. Leva integrado nela desde 2013, mais confesa que a presidencia provoca un nivel de exposición pública e de atención mediática ao que non está afeito. Porén, valórao positivamente como un sinal de que a sociedade demanda a voz da Academia, que se reclama o seu discurso no debate público, especialmente no tema da lingua.
venres, 16 de maio de 2025
Longalingua 5: entrevista a Mónica Valencia
Mónica Fernández Valencia, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua é entrevistada por Longalingua. Entre outras cousas fala da Rede de Dinamización Lingüística, unha rede que só se adica a ofrecer actividades de lecer análogas a outras que pode ofrecer a Consellaría de Cultura e Xuventude. A única rede que hai é Alingua.
O Plan Xeral de Normalización Lingüística é un fetiche
por Xosé Manuel Sarille no Praza Pública:
O sistema político español articulou un molde legal e institucional para a denominada normalización lingüística. Foi unha demanda dos cataláns e dos vascos durante a Reforma Política dos anos setenta. Recoñecéronse as linguas, conformouse a oficialidade nos estatutos de autonomía, creáronse gabinetes gobernamentais e ensaiáronse innumerábeis procesos. Por mor desa semellanza, a política lingüística galega estabeleceu unha mímese moi intensa coa catalá. Non o fixo coa vasca porque a opacidade entre o éuscaro e o castellano determina un xeito bastante diferente de tratar o asunto.
xoves, 15 de maio de 2025
Longalingua 4: Dereito á lingua con Marcos Maceira
Longalingua entrevista a Marcos Maceira, presidente da Mesa. Afirma que debemos actuar non só individualmente, senón socialmente e en todos os ámbitos.
En Galicia hai un gran apoio social á lingua galega pero non hai correspondencia por parte dos poderes públicos
mércores, 14 de maio de 2025
Manuel Núñez Singala:"a normalización lingüística é, ao fin e ao cabo, unha cuestión persoal"
Nós TV entrevista a Manuel Núñez Singala, director do SNL da USC. Entre outras cousas ofrece unha sentencia que, polo menos, é polémica: "a normalización lingüística é, ao fin e ao cabo, unha cuestión persoal"
venres, 9 de maio de 2025
Dous momentos decisivos na política lingüística de Galicia
por Xosé Manuel Sarille en Praza Pública:
Para situarse no presente é imprescindíbel comprender os asuntos que o estiveron conformando xa no pasado. Analizar o pasado permite coñecer os momentos de inflexión e axuda a iluminar o escenario actual. Na política lingüística galega hai, entre outros, dous momentos fundamentais que determinan o que está a acontecer.
O primeiro é a articulación do Goberno Bipartito de 2006. Como a lingua é un combustíbel social altamente inflamábel, o PSdG temía o comportamento do BNG na Xunta de Galicia, mentres que os negociadores do BNG temían que os seus propios compañeiros, especializados na lingua, alborotasen o sector e que se lles fose das mans. Dito todo con absoluto esquematismo e rapidez, porque o que cómpre dilucidar agora non é isto.
A consecuencia foi unha xestión errática, de moi baixa intensidade e sen liñas programáticas. Non se pensara previamente a política lingüística a aplicar na Xunta, nin os dous partidos tiñan acordado mutuamente nada substancial antes de asumir as funcións. Mesmo chegan a declarar, cando vai un tempo de exercicio gobernamental, que están planificando a actividade.
O segundo momento é a aprobación, a certa altura dese goberno, dun decreto para o ensino que amplía o número de materias a impartir en galego. Esa medida está incluída, naturalmente como posíbel, no Plan Xeral de Normalización Lingüística, o grande acordo nacional, asinado moito antes por todas as forzas políticas e sociais.
O primeiro é a articulación do Goberno Bipartito de 2006. Non se pensara previamente a política lingüística a aplicar na Xunta, nin os dous partidos tiñan acordado mutuamente nada substancial antes de asumir as funcións. A consecuencia foi unha xestión errática, de moi baixa intensidade e sen liñas programáticas
Cando se aproba o decreto, a representante do PP nas reunións do Plan, a exconselleira Manuela Besteiro, vira publicamente a posición do seu partido a respecto do Plan. Abandona o discurso da concordia, critica duramente o decreto e a organización instiga mobilizacións na rúa, iniciando un ataque frontal, mentres acusa de imposición. Esta nova estratexia será, segundo declaracións do actual Secretario de Cultura, Anxo M. Lorenzo, daquela colaborador do Bipartito, unha das causas principais do triunfo do PP. E é verdade. A lingua conforma un sector brando, pero determinante; estratéxico, segundo dicía Fraga Iribarne. Parece evidente que naquelas circunstancias o foi.
Outras causas posíbeis da derrota do goberno progresista foron o ataque á extensión da enerxía eólica, as falsas acusacións de corrupción no caso dos supostos automóbeis Audi do presidente Touriño e a calumnia de corrupción contra o vicepresidente, por visitar o iate dun empresario.
As forzas a prol do avance da lingua, esencialmente representadas polo complexo organizativo UPG-BNG e as expresións do galeguismo institucional sofren unha derrota moi severa e mergúllanse nunha silenciosa parálise que durou até novembro de 2024. Só permanece a reclamación da derrogación do novo decreto de ensino, aprobado no inicio do primeiro goberno de Feijó, as conmemoracións cíclicas e as denuncias de abusos.
Ese novo decreto do PP consolidou, na práctica, unha radical e firmísima posición lingüística, harmonizada co seu núcleo ideolóxico, cuxo principal obxectivo é a uniformización do Estado Español, diminuíndo en canto se poida as linguas “periféricas”, perturbadoras do proceso.
Pero a sólida ancoraxe conseguida, non impide que, no sucesivo, os xestores do PP nos cargos de carácter lingüístico xesticulasen positivamente en favor do galego. Ao contrario. A xesticulación convértese nunha necesidade despois dunha viraxe tan brusca. Multiplican a presenza en actos, buscan a proximidade cordial. Mesmo proceden, actualmente, á revisión do Plan Xeral, para congraciarse coa clientela galeguista e coa maioría social xenericamente favorábel á lingua galega. Unha cerimonia de moi escaso calado, pero celebrada publicamente con moita propaganda.
Outra consecuencia da derrota foi que se deixou de pensar a planificación da lingua. As publicacións teóricas reducíronse principalmente a enquisas, historias da lingua e análises das leis. O debate adormeceuse no Parlamento, nas institucións galeguistas e no complexo organizativo UPG-BNG, incluídos os concellos e as deputacións que gobernan, onde a parálise é practicamente total, con moi poucas excepcións. Os confusos intentos de dinamización desde as administracións que foron xestionando, xa se abandonaran antes.
Pode aventurarse ademais que se en 2024 tivese habido unha vitoria da esquerda nas eleccións autonómicas, a situación de partida sería practicamente a mesma que co Bipartito. O programa do PSdeG ten duascentas e pico medidas e non fai mención ningunha á lingua, ou eu non logrei atopar nada nas reiteradas consultas que fixen, por medo a equivocarme, porque custa crelo.
O programa do BNG carece de concreción. Trátase dunha copia cuatrienal sucesiva, con enunciados xenéricos, sen substanciación práctica. Apunta como central a derrogación do decreto do ensino do PP, aprobado en 2010. Debemos supoñer que para revivir o vello, ou outro semellante, sen prever que esa medida implicaría poñerse de novo a tiro do partido hexemónico. O candidato ás eleccións autonómicas de 2024, Afonso Rueda, deixou claro no debate televisivo da campaña que volverían á mobilización e ao ataque frontal, co mesmo método de 2009. Resulta moi didáctico volver velo.
Por que lles dá tan bos resultados esa táctica? Porque sopesan a realidade e detectan as eivas dos adversarios. A partir desas premisas están ao que están, que é permanecer no poder e alicerzar os principios dun estado centralizado e uniforme. A idea da lingua como ben fundamental colectivo resúltalle completamente estraña á principal corrente interna do PP, se é que hai máis.
A situación social do galego é sombría. Admíteo por fin todo o mundo, desde a publicación dun inquérito recente. Dentro desa atmosfera, dous destacados defensores do galego advertiron aos que obren en contra, ao PP. Que terán que dar explicacións públicas, dixo un. Que deberán facer exame de conciencia, dixo outro. Equivócanse. Non é un problema de falta de vontade, como se di por aí. Nin de necesidade dun diálogo interior sobre moralidade.
A posición do PP é unha resposta fría e contundente a un asunto potencialmente moi conflitivo para a dereita, que ten como obxectivo último minorizar as linguas periféricas do Estado. Debería comprenderse isto, non para turrar con máis aversión aínda contra a dereita, senón para tecer algo programaticamente viábel. Para eles é só unha cuestión ideolóxica. E de poder. Un factor político brando, pero que decide, como a sanidade, a industria ou calquera outro. E nel actúan como en calquera outro. Isto non é Cataluña nin Euskadi. Debería asumirse, pero diso falaremos outro día.
venres, 2 de maio de 2025
Cal é a política lingüística do PP de Galicia?
por Xosé Manuel Sarille en Praza Pública:
Agás durante dúas lexislaturas, o Partido Popular desenvolveu sempre a política lingüística da Xunta de Galicia. Ten por tanto unha prolongada experiencia. Tal actuación baséase, ao meu entender, en tres eixos que a continuación describo.