por Marga do Val no Nós Diario:
Difícil falar do mundo do dereito, dos dereitos no mundo, cando Palestina con todos os seus dereitos está sendo aniquilada. Gaza convértese nun cemiterio de vivas e mortas, nunha fosa común a ceo aberto, nunha paisaxe onde apodrece a dignidade humana, cunetas cheas de feridas, de fome, de sede. Como podemos falar de dereitos cando se bombardean todos os dereitos humanos? Hai quen me escribe e di: a humanidade colapsa e non estamos na rúa parando isto. Hai quen preocupada ante a pasividade se sente culpábel por atender asuntos que, sen seren banais, son menos importantes. Hai quen, consciente do que ocorre, pode sinalar que ocupa o seu tempo, que sempre foxe e non abonda, en sobrevivir, en inventarse ou en reinventarse en situacións precarias, falta de emprego, falta de vivenda, falta de... humanidade. Estas mesmas persoas que comparten esas respostas, poden engadir que senten non ter nin forza, nin dereito a ter tempo, para saír á rúa a berrar por Palestina, sumando ao seu estado de impotencia, máis culpabilidade. A humanidade ten que sentirse así, impotente, incapaz. Tamén a que agardaba pola fumata branca no Vaticano, polo nome do novo Papa, a mesma que espera que faga algo, coma quen cre nos milagres... A realidade é ben terríbel, ninguén detén Netanyahu na palabra conquista. Todo en vivo e en directo, xa se sabía, víase vir. É difícil de aceptar que nas mans de Europa trafican as armas de Israel, as mesmas armas que non deteñen Netanyahu, que son as súas.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do traballo da Universidade de Vigo, convoca desde hai catro anos un premio xurídico de investigación en lingua galega que leva o nome de Xosé Luís Franco Grande, coordinado desde Normalización Lingüística, baixo a responsabilidade do profesor de Filosofía do Dereito, X. M. Pacho Blanco; cada ano celebran unha triple homenaxe: lembran a quen a RAG dedica o Día das Letras, a unha personalidade que contribuíse o mundo xurídico e da lingua e literatura e a Franco Grande co fallo do premio. Creo que é unha iniciativa que deberían imitar outras facultades e universidades, onde o galego ve minguado o seu uso. Este ano sentínme, honrada por falar de Lois Tobío, de lembrar o membro do SEG, que defendía en 1933 (Suplento de Nós, Día da Patria), que debiamos falar galego, por ser a lingua a expresión da alma colectiva, o idioma das clases populares, irmán do portugués e que convidaba a empregar acotío, en público e en privado. Traballou Tobío no mundo do dereito pola oficialidade da lingua, pioneiro introdutor do galego no dereito, profesor na universidade de Compostela, diplomático, membro do Partido Galeguista, republicano, exiliado, tradutor e escritor; autor dunhas memorias imprescindíbeis, As décadas de T. L. , merecedor desta lembranza. En tempos de Tobío a lingua maioritaria era invisíbel para o poder e todo estaba por facer para arranxar a casa común; hoxe, lingua ritual para o poder, con perda de falantes, o que tamén se vía vir, volve a mocidade a ter todo por facer. A situación non se arranxa con caldo e foliadas. Isto hai tempo que o sabemos.
Tobío dicía que as linguas son coma flores e que non se debía permitir que desaparecesen. Tamén me dixo, hai máis de vinte anos, que a situación de Palestina demostraba o fracaso máis grande da diplomacia na historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario