Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Ramón Lorenzo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ramón Lorenzo. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de xuño de 2024

A Selectividade como arma contra o galego. O caso dos exames de Matemáticas

Hai uns días aparecía  por aquí unha entrevista a Ramón Lorenzo feita por Yolanda Castaño na que relataba como cando foi coordinador de COU (Curso de Orientación Universitaria) durante os cursos 1983-84 e 1984-85 tivo que enfrontarse ao rector e ao profesorado de secundaria que se opoñían á introdución do galego nos exames da selectividade. Por certo, a Consellaría parecía que nesa altura non tiña nada que ver co asunto pois só accedeu a permitir o uso do galego baixo presión. Sabémolo porque o relatou así Ramón Lorenzo. Este capítulo merecía estar incluído no Libro negro da lingua galega, de Carlos Callón

Xa que logo, o proceso de normalización das Probas de Acceso á Universidade estivo cargado de dificultades. Nos últimos tempos, baixo a héxira do decreto de prohibición e exclusión da lingua galega do ensino (decreto 79/2010), as circunstancias son propicias a cometer todo tipo de abusos coa lingua de noso. Chegou o momento de dar pasos cara atrás, a ver se ao ir a recú caemos no abismo da aniquilación da lingua. Tal parece ser o obxectivo.

Os exames da selectividade son obxecto de comentario público, os xornais están cheos de ttitulares comentando os feitos máis destacables. Que eu saiba, ningún dixo nada sobre a restra de barbaridades lingüísticas que aparecen, un ano tras outro, nos exames de Matemáticas. Céntrome nesta materia porque é a que coñezo ben, non revisei os exames doutras materias. Velaquí unha escolma do desleixo e desprezo ao galego cometido desde as Comisións de Matemáticas. Comezamos mesmo polo exame de Matemáticas aplicadas ás CCSS da convocatoria extraordinaria do ano pasado.exame de Matemáticas aplicadas ás CCSS da convocatoria extraordinaria do ano pasado. Xa aviso, custa traballo ler estes enunciados (os asteriscos son meus)

(Extraordinaria 2023) Nunha *furna A hai 8 *bolas verdes e 6 vermellas e noutra *furna B hai 4 verdes e 5 vermellas. Lánzase un dado e se sae un número menor que 3 sácase unha *bola da *furna A e se sae un número maior ou igual a 3 sácase a *bola da *furna B. Extraese unha *bola *o chou,

a) Calcule a probabilidade de que a *bola extraída sexa vermella. b) Sabendo que se extraeu unha *bola verde, cal é a probabilidade de que saíra da *furna A? c) Son independentes os sucesos “extraer *bola vermella” e “a *bola procede da *furna A “?

Poño foto do horror porque é difícil de crer

 Se aínda non che sangran os ollos, non te preocupes, hai máis casos irritantes:  

(Extraordinaria 2021) O 40% das persoas que visitan o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago son españolas. Sábese ademais que 4 de cada 5 españoles están satisfeitos coa visita, mentres que, entre os non españois, non están satisfeitos coa visita o 10%.

a) Calcule a porcentaxe de persoas satisfeitas coa visita.b) Cal é a probabilidade de que unha persoa *este satisfeita coa visita e non sexa española? c) ¿Son independentes os sucesos “non ser español” *y “estar satisfeito *ca visita”? Razoe a resposta.

(Xuño 2019) . Logo de anos de utilizalo sábese que a puntuación dun test de uso habitual en certa rama industrial segue unha distribución normal de media 74 e *desviación típica 16. Nunha empresa decídese realizalo a 100 dos seus empregados. 

a) Cal é a probabilidade de que se obteña unha media *muestral superior a 78 puntos, de seguirse a pauta xeral? b) E a probabilidade de que a media *muestral sexa inferior a 74 puntos?

Podemos continuar coa materia de Matemáticas:

(Extraordinaria 2021) Despois de t horas de funcionamento o rendemento *de unha máquina (*en unha escala de 0 a 100) *ven dado *por a función $r\left ( t \right )=\frac{kt}{t^{2}+4}$
a) Calcule K sabendo que o rendemento *as 4 horas *e de 76.
b) Calcule os intervalos de crecemento e decrecemento do rendemento durante *las 7 primeiras horas de funcionamento.
c) ¿En que momento se *consigue o rendemento máximo?, ¿Cal e o seu valor?

(Extraordinaria 2021)Unha empresa pode vender x unidades ao mes *de un determinado produto ao prezo de $518-x^{2}$ euros por unidade. Por outra parte, o fabricante ten gastos mensuais: *unhos fixos de 225 euros e outros de $275x$ euros que dependen del número x de unidades.
a) Determine as funcións I(x) e B(x) que expresan os ingresos e beneficios obtidos pola produción e venda de x unidades, respectivamente. Que beneficio se obtén se se producen e se venden 10 unidades? 
b) Calcule o número de unidades que hai que producir para obter o máximo beneficio. ¿A canto ascenderían os *ditos beneficios? ¿Cal sería o prezo de venda *de unha unidade nese caso?

Anotación final

Se alguén tivo o valor de ler estes enunciados comprobaría que marquei como erro a expresión "desviación típica". Nalgunha ocasión xa me dixeron que era eu que era o único que usaba a forma recollida pola RAG, a saber, "desvío padrón".  Pois non estaría mal, que como desagravio, as Comisións de Matemáticas fixeran caso e comezasen a estender a expresión "desvío padrón"

venres, 31 de maio de 2024

Ramón Lorenzo: esa lei en contra do galego é espantosa


Entrevista de Yolanda Castaño a Ramón Lorenzo, dentro dunha serie de entrevistas a membros da RAG.
Ramón Lorenzo lembra o capítulo de cando se permitira examinar de catalán e o vasco na selectividade pero non de galego. Solicitoulle ao rector a introdución da lingua galega na selectividade pero este respondeulle que: "si aún fuese el inglés! Pero el gallego...". Daquela Ramón Lorenzo dirixiuse ao profesorado de secundaria, que tamén se posicionou en contra. Finalmente presionou ao conselleiro de educación do momento ameazando con armar un escándalo se continuaba prohibíndose o exame de lingua na selectividade.
"Se nós tivésemos un goberno que defendese que a lingua de Galicia é o galego,  ... co que estudásemos castelán como lingua secundaria,, pero non como primaria... pero a política lingüística que levaron estes gobernos foi apoio ao castelán e en contra do galego" (min 22:07)

Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Lorenzo é un dos maiores especialistas no galego medieval e as súas transformacións ao longo da historia deica se converter nunha lingua de seu. As súas obras 'Traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla', 'Crónica Troiana' e 'Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices' contribuíron a iluminar e comprender a situación do galego na Idade Media e as súas diferentes etapas evolutivas. Participou, así mesmo, na creación e promoción de entidades clave na consolidación do galego moderno, nomeadamente o Instituto da Lingua Galega (ILG-USC).

martes, 5 de xullo de 2011

Ramón Lorenzo: 'A batalla do galego gáñase no ensino'

Ramón Lorenzo, filólogo, investigador da USC, académico da RAG é entrevistado por Xosé González Martínez ao pé do Castelo de Soutomaior para a canle de televisión de Galeguizar Galicia pouco despois de que Lorenzo recibira o premio Trasalba deste ano. Na entrevista trátase sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.

xoves, 26 de maio de 2011

“O PP non fai galeguismo cordial, o que fai é atacar a lingua”

Alberto Ramos entrevista a Ramón Lorenzo para o Xornal:


Ramón Lorenzo (Eirapedriña, Ames, 1935) recibirá este ano o Premio Trasalba 2011, que cada ano entrega a Fundación Otero Pedrayo. Con este galardón, celébrase a súa longa traxectoria como escritor e investigador. Lorenzo é catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos cofundadores do Instituto da Lingua Galega (ILG), que a semana pasada celebrou o seu corenta aniversario. Ademais, Lorenzo é especialista en literatura medieval e creador da revista Dorna. É membro de número da Real Academia Galega e foi un dos compoñentes do grupo Brais Pinto, xunto a Fernández Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Herminio Barreiro. No último domingo de xuño, Ramón Lorenzo recollerá o premio Trasalba nunha festa ao redor da lingua galega.

Dá vertixe recibir un premio a toda u­nha traxectoria como é o Trasalba?
(Ri) Este tipo de premios recíbense sempre con alegría e con gran pracer. Estou encantado de que decidisen darmo.

Outra alegría para vostede estes días foi a celebración do corenta aniversario do ILG, do que forma parte vostede dende os comezos. Nese afastado 1971 pensaban que o Instituto se ía converter nunha peza clave para a normalización e estandarización do galego?
Adiviñar o futuro sempre é difícil e xa van corenta anos alá... O que tiñamos claro é que precisabamos facer algo a prol da lingua e que os métodos de galego eran algo fundamental que había que facer. Daquela non existía ningún e só había algunhas gramáticas, pero estaban en castelán e non respondían ás necesidades de aprendizaxe da lingua. Tiñamos esa conciencia de que había que facer ese traballo e de feito fomos facendo cada día máis. A propia creación do ILG respondía a unha conciencia que nos dicía que había que loitar neses momentos difíciles.

Hoxe a lingua vive tamén momentos difíciles?
Son momentos bastante difíciles, a situación non é nada boa. As autoridades políticas que nos mandan actualmente non están polo labor de potenciar o galego. Sabemos que o PP non ten interese ningún pola fala. O equipo actual segue totalmente as consignas que veñen de Madrid. Non o faría mellor o PSdeG, porque os dous son partidos nacionalistas españois que non teñen interese polas outras linguas do estado. Nos momentos actuais non se fai un labor positivo, mais ben todo o contrario.

A semana pasada escoitamos da boca do presidente da Xunta varios conceptos referentes á lingua e ao galeguismo. O Día das Letras Galegas, Feijóo dixo que Lois Pereiro era símbolo do “galeguismo cordial”. O día antes, rexeitaba o “galego de resistencia”. Que pensa destas palabras do presidente?
É un absurdo que xa non ten nada que ver coa realidade. Está claro que el sabe falar moi ben e que todo o PP ten unha dialéctica tremenda para terxiversar a realidade. Eles, os do PP, non fan ningún galeguismo cordial nin da cordialidade, o que fan é atacar o galego. Fan todo o contrario. Nós non facemos galeguismo de resistencia, o que facemos é defender a lingua. O PP terxiversa a realidade e logo convence a moita xente de que nós somos os malos e eles, os bos. Nestes momentos, nos que fan todo en contra do galego, oxalá houbese un galego e un galeguismo de resistencia forte. E que o pobo reaccionase máis.

Este Ano das Letras foi un ano moi activo ao redor de Lois Pereiro. Hai medo na Academia de que o próximo ano toda esa actividade desapareza? Imaxino que dependerá de a quen se escolla, non?
Sempre depende da elección. Uns nomeados sempre teñen máis capacidade ca outros para reunir a xente e que se fagan actos. Este ano estaba condicionado tamén pola vida deste home, non só pola súa obra, que estaba formada por pouca literatura... Iso si, pouca, pero boa literatura. Tamén podemos supoñer que todos estes actos teñen que ver coa situación lingüística. Eu espero que vaia a máis non só o Día das Letras, senón todo o Ano das Letras.

Nos últimos meses houbo un debate ao redor da presenza feminina na RAG. Que opina deste debate como académico?
E por que non falan da presenza feminina noutros eidos? A Academia non é unha institución para meter homes ou meter mulleres. Na Academia entran personalidades pola súa traxectoria e non temos que estar pensando en que ingrese un home ou ingrese unha muller. Por que non se fala diso en todos os sitios? É unha cousa absurda. Ademais, se miramos a cantidade de escritoras que houbo, non agora, senón antes... Pois vemos que non hai tantas para poder escoller. Antes había máis escritores e menos escritoras, lamentablemente. En fin, a min non me gustan estas polémicas. A RAG non é un partido para falar de cotas nin de porcentaxes.