Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta ADEGA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ADEGA. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de setembro de 2016

A Xunta solicita que se lle envíe documentación en castelán



Ante a presentación por parte de Adega dunha solicitude feita en galego, a  Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa descupa de que un dos organismos implicados, o Ministerio de Facenda
"require a presentación da documentación en lingua castelá, polo que solicitamos nos remitan un exemplar da documentación presentada, en castelán, coa fin de evitar dilacións na tramitación do documento"
En resume, despois de terlle enviado a documentación en galego, a Xunta pide que se lle envíe en castelán. Veremos como ante este novo agravio a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) aínda ofrecerá xustificacións sobre o inxustificable proceder da Consellería da Presidencia pois este organismo (a SXPL) só está para xustificar todos e cada un dos pasos atrás dados tanto na política lingüística como nas accións discriminatorias dos organismos ideolóxicamente afíns ao PP.


Imaxe do documento do web de Adega

xoves, 6 de febreiro de 2014

"Fala". O noso medio natural



A asociación ecoloxista ADEGA, formando parte da campaña "Ponte no medio: Móvete polo territorio", organizara un concurso de fotos, relato e curtas. Nas bases do concurso de curtas pedíase:
"Dar mostra de exemplos da posta en valor da nosa cultura e/ou denunciar aquelas actuacións que agreden aos mesmos"
E velaí que temos un relato audiovisual co poema "A fala" de Manuel María como recitado de fondo no que se mostra o que cada vez é máis unha característica da actuación subterránea da política lingüística da Xunta que estamos a padecer: a negación da nosa identidade.
Marina Chiavegatto e Millán Castro, os autores da curta, tiveron o acerto de poñer o seu ollo nunha situación de agresión moi espallada pola nosa terra consistente na exclusión do galego da paisaxe lingüística do noso territorio.
Hai uns anos a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo en compañía da Coordinadora Galega de ENDL promovían unha campaña que camiñaba polos mesmos vieiros, na que se poñía en relación a ecoloxía coa normalización lingüística nunha simbiose que se coñece como a ecoloxía lingüística. O lema da campaña sería ben acaído para a mensaxe que revoa neste vídeo: "O galego é o noso medio natural". Convén que non o estraguemos, que non desprecemos a lingua de noso, que non a tiremos ao lixo.

Como apunte, case marxinal, comentar que esta curta foi a que acadou o segundo premio do concurso "Curtas polo territorio". Tampouco estaría nada mal repasar a gañadora, "As feridas do Xallas", que fai un percorrido polas luces e sombras do río e ten como valor engadido o  respecto pola toponimia dos lugares que nos presenta.