Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta diversidade lingüística. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diversidade lingüística. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de outubro de 2016

As linguas do mundo


Cunha ferramenta que crea vídeos moi vistosos, Xano Cebreiro argallou este audiovisual ecolingüista.

martes, 11 de outubro de 2016

O xardín das linguas bifurcadas

Foto do Queens Museum
Queens é o máis grande dos cinco distritos que compoñen a cidade de Nova York. Ten unha poboación de 2.300.000 habitantes e estímase que falan case 500 linguas das que moitas están en vías de extinción. Este é o tema que a artista Mariam Ghani desenvolveu nun proxecto que é a un tempo un mural que se pode ver no Queens Museum e un mapa interactivo accesible nesta ligazón.
A elaboración deste proxecto bebe en distintas fontes. Unha delas á a locución inglesa “s/he speaks with a forked tongue”que fai referencia a quen fala cun dobre sentido. Cando nos referimos á expresión "lingua bífida" pensamos na lingua das serpes. Ademais de estar partida en dous, unha outra característica do órgano destes animais é a de estar en continuo movemento. Mariam Ghani transpón a idea de movemento ao do cambio continuo de lingua propio dos inmigrantes, así a ofrece a locución con outro significado. Os inmigrantes viven nun mundo que se move continuamente entre dúas linguas, a súa propia e a do lugar no que residen. Especial atención merecen as linguas que corren perigo de morte. Mariam Ghani identificou 59 delas en Queens e a elas fai referencia este proxecto, nunha  homenaxe aos procesos de revitalización e do despertar da conciencia política que precisan.
No mundo fálanse unhas 6000 linguas. Segundo a UNESCO hai máis de 2500 en perigo de extinción., 574 deles en estado crítico. En contraposición a un triste panorama de uniformización a artista reclama que o futuro non está escrito. Así sucedía no conto de Borges "El jardín de los senderos que se bifurcan", de onde recolle o título e o concepto fundamental do proxecto "O xardín das linguas bifurcadas".
Retallo do mapa
Se alguén con certos coñecementos matemáticos ve a obra, seguro que pensa nos diagramas de Voronoi. Para quen non os coñeza, o artigo Voronoi no Courel, é unha excelente introdución ao tema. Pois efectivamente, estes diagramas foron unha fonte e inspiración da artista á hora de confeccionar a obra. E está ben dicir inspiración porque de ningunha maneira o resultado pode tomarse como unha teselación de Voronoi. Basta ver que algunha fronteira entre dúas rexións non é un segmento recto, senón unha liña quebrada, imposible nun diagrama de Voronoi stricto sensu.
As matemáticas foron empregadas na confección do mapa noutro sentido. Para determinar a área correspondente a cada unha das rexións do mapa utilizouse unha fórmula:
$$e\cdot ln\left( p \right) $$
onde e representa o número que o Ethnologue lle outorga á vitalidade da lingua. É unha cantidade entre 0 e 10. O 0 asignaríaselle a unha lingua de uso internacional e o 10 significa que a lingua está morta. p indícanos o número total de falantes que se estima ten a lingua. Na fórmula emprégase o seu logaritmo neperiano, quizais para ter un número máis manexable. As 59 linguas representadas no xardín de Mariam van do livoniano (con 5 falantes) ao guaraní (case 5 millóns de falantes). Ao calcularlle o logaritmo neperiano o rango oscila  entre o 1.61 e o 15.42. A fórmula usada non parece ter ningún significado claro. Trátase do produto de dous números, onde o primeiro crece a medida que empeora a vitalidade da lingua e o segundo crece co número de falantes da mesma. Teñamos presente que para obter o número e da escala do Ethnologue tivo que terse en conta o segundo parámetro.
As cores de cada polígono foron escollidas segundo un criterio de xenética das linguas. Aquelas linguas próximas estarán próximas na paleta de cores. Por exemplo, o ladino e o romanche aparecen en tonalidades de laranxa. Unha lingua como purépecha, sen parentesco coñecido con ningunha outra, como o euskera, aparece en cor grisácea.
Cando accedemos ao mapa interactivo podemos ver información sobre cada unha das 59 linguas recollidas neste proxecto: a familia lingüística á que pertence, os lugares nos que se fala, o número de falantes, o seu número de vitalidade do Ethnologue, un barrio de Queens no que se fala esa lingua e un recurso audiovisual da mesma, normalmente un vídeo.  Por exemplo, no caso da lingua istrio-romanesa e nalgún outro, tivo que conformarse cunha ligazón a un portal con audios . Un bonito xardín para visitar.

venres, 20 de xuño de 2014

Diversidade trabalingüística



O experto ludodingüista Carlos Medrano puxo a andar aos seus alumnos de 1º de bacharelato e como resultado obtivo este canto ao ecolingüismo mediante o paradigma da lingua como xogo: os trabalinguas.
A idea partiu de Lips of Babel, un anuncio publicitario con beizos en primeiro plano pronunciando trabalinguas en distintas linguas. Aproveitando que no Fogar de Santa Margarida (A Coruña) hai rapaces de todos os recunchos do mundo, déronlle visbilidade neste vídeo poñéndoos a recitar ao máis puro estilo Lips of Babel, toda unha diversidade de trabalinguas.
A mensaxe final está clara. A mellor forma de garantir a diversidade lingüística é promovendo e usando a nosa lingua e acollendo con agarimo aos estranxeiros que nos aportan novas visións do mundo.
Vía Xogos de Lingua